Rexionalismo galego

O rexionalismo supón unha fase intermedia no proceso evolutivo do galeguismo, xa que se sitúa a medio camiño entre o movemento galeguista anterior (o provincialismo) e o posterior (o nacionalismo).

Manuel Murguía, Almanaque Gallego para 1900, p. 17
Manuel Murguía escribiu El regionalismo gallego (1889).

Definición e denominación

En 1886, Manuel Murguía publicou a súa obra Los Precursores. Segundo Luís Obelleiro, este mesmo autor publicou un artigo en La Región Gallega no que definía a Galiza como unha nación, a cal constituía unha das rexións que integraban o territorio do Estado español. De aí o nome de rexionalismo.

Esta corrente defendía unha visión idealizada e utópica, bucólica e idílica, coa finalidade de contestar os tópicos irreais que sobre o país inventaran os casteláns en séculos anteriores.

O movemento rexionalista

Segundo explica Xosé Ramón Barreiro Fernández, o rexionalismo galego parte da base da crise agropecuaria finisecular e dos problemas económicos que esta trouxo consigo. Isto, unido ás críticas ao centralismo e ao sistema caciquil, comportou a aparición de tres correntes diferentes dentro do movemento rexionalista.

Alfredo Branas Menendez (1859-1900). Writer and ideologue of Galician regionalism. Engraving by Thomas Pijoliu in The Catalan Illustration, 1882
Alfredo Brañas, autor de El regionalismo. Estudio sociológico, histórico y literario (1889).

Correntes do movemento rexionalista

Apuntan historiadores como Xusto Beramendi ou Luís Obelleiro tres correntes diferentes e contraditorias dentro do movemento rexionalista. Estas son:

  • A corrente liberal: é a que pasou con mellor consideración á posterioridade. Liderada por Manuel Murguía, esta tendencia era de carácter progresista. Eran contrarios á centralización político-económica e cultural, e defendían a existencia dun poder lexislativo propio para Galiza. Desta corrente naceu igualmente a visión do país como "nación viva", achegándose ao modelo de nación defendido pola intelectualidade alemá e separándose da visión da nación francesa, baseada no pacto entre individuos.
  • A corrente tradicionalista: era a segunda con maior número de simpatizantes, e estaba enfrontada á corrente liberal. Estaba liderada por Alfredo Brañas. Tratábase dunha corrente de carácter puramente conservador. Aínda que era contraria ao centralismo e ao capitalismo, tamén estaba en contra do liberalismo, de xeito que o seu obxectivo era o reestabelecemento da antiga orde política e social.
  • A corrente federalista: estaba liderada por Aureliano Pereira, e a maioría dos seus simpatizantes pertencían ao Partido Republicano Federal. Afirma Luís Obelleiro que esta corrente defendeu o marco definido no "Proyecto de Constitución para el futuro Estado Gallego".

Calquera das tres correntes eran partidarias da autonomía política de Galiza, a cal debía recuperar e preservar as súas particularidades identitarias culturais e lingüísticas.

A Asociación Regionalista Gallega

Unha vez definido e consolidado, o rexionalismo galego precisaba dun marco común que permitise e organizase as tres correntes antes citadas. E esta foi a Asociación Regionalista Gallega, constituída en 1891 e cuxo primeiro presidente foi Manuel Murguía. A esta asociación debémoslle iniciativas de tipo político-cultural, como a organización dos Xogos Florais de Tui (1891) ou a campaña de axitación e propaganda do traslado dos restos de Rosalía de Castro a San Domingos de Bonaval. Mais tamén é a Asociación Regionalista Gallega a nai de iniciativas de tipo unicamente político, como a presentación dunha candidatura para o concello de Santiago de Compostela ou as protestas realizadas contra o falido traslado da Capitanía Xeneral desde A Coruña ata León.

Prensa

Contaron con órganos de prensa como o periódico Unión Gallega da Coruña.

Balance do labor dos rexionalistas

O rexionalismo realizou un gran labor político de transición entre o provincialismo e o nacionalismo. Aínda así, fracasou relativamente no sentido de que non deu implicado un número considerábel de cidadáns galegos, nin tampouco logrou atraer as elites económicas (burguesía, fidalguía e clero). Alén disto, sufriu unha gran crise cando faleceu Alfredo Brañas e cando Aureliano Pereira pasou a formar parte do partido liberal-fusionista. De todos os modos, o camiño para o posterior nacionalismo galego xa estaba preparado.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

11 de xaneiro

O 11 de xaneiro é o 11º día do ano do calendario gregoriano. Quedan 354 días para finalizar o ano, 355 nos anos bisestos.

2 de marzo

O 2 de marzo é o 59º día do ano do calendario gregoriano e o 60º nos anos bisestos. Quedan 304 días para finalizar o ano.

Alfredo Brañas

Alfredo José Francisco Higinio Brañas Menéndez, nado en Carballo o 11 de xaneiro de 1859 e finado en Santiago de Compostela o 21 de febreiro de 1900, foi un escritor e ideólogo do rexionalismo galego decimonónico.

Antón Losada Diéguez

Antón Losada Diéguez, nado en Moldes (Boborás) o 22 de decembro de 1884 e finado en Pontevedra o 15 de outubro de 1929, foi un filósofo, escritor e político galego. A súa familia procedía da fidalguía e da nobreza galega do Antigo Réxime, o carlismo e o tradicionalismo, tendencias que influíron na súa traxectoria no nacionalismo galego. Integrante da Irmandade da Fala de Ourense, impulsor da revista Nós e ideólogo do artellamento do grupo Nós e correspondente da Real Academia Galega, atraeu a numerosos intelectuais á causa galeguista, exercendo sobre eles un labor socrático, cunha extraordinaria capacidade de espertar conciencias e estimular talentos. De obra relativamente escasa e en gran parte inédita ata 1985, foi autor, entre outras, de media ducia de poesías, sete contos, dous escritos políticos, a obra teatral incompleta A domeadora e os discursos "Os problemas do idioma e a cultura no rexionalismo galego" (1918) e "Encol da prosa galega" (1924), co que ingresou no Seminario de Estudos Galegos. Morreu prematuramente aos 44 anos de idade. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas de 1985.

Asociación Regionalista Gallega

A Asociación Regionalista Gallega, foi unha organización política rexionalista galega activa entre 1890 e 1892.

Cova Céltica

A Cova Céltica é o nome que recibía o faladoiro que mantiñan desde 1893 un grupo de intelectuais galegos de ideoloxía rexionalista, quen se reunían na librería de Uxío Carré Aldao na Coruña a fin de debateren sobre temas relacionados con Galiza.

Emilia Pardo Bazán

Emilia Pardo-Bazán y de la Rúa-Figueroa, nada na Coruña o 16 de setembro de 1851 e finada en Madrid o 12 de maio de 1921, foi unha escritora en lingua castelá, intelectual, xornalista, crítica literaria, narradora e rexionalista galega que triunfou na literatura española como escritora e como figura pública. Influída polo naturalismo, movemento literario que introduciría en España, escribiu máis de 500 obras en forma de novelas, contos, artigos e folletos. En recoñecemento polos seus méritos artísticos, concederíalle o rei Afonso XIII en 1908 o título de condesa de Pardo Bazán.O seu estilo foi enérxico e nel afondou en problemas e situacións difíciles. Escribiu centos de contos que publicou en escolmas, como Cuentos de Marineda. Destacou sobre todo na súa produción literaria salientando novelas como Un viaje de novios ou La tribuna, a máis naturalista das súas novelas, onde describe a dura vida proletaria nunha fábrica de tabaco. Tamén son de suma importancia Os pazos de Ulloa e La madre Naturaleza, onde retratou a vida nas vilas e aldeas galegas, o folclore popular e tamén a decadencia da nobreza pacega do rural cun argumento apaixonado e, en ocasións, violento.

Destaca tamén o seu labor na creación da Real Academia Galega, creando xunto a Ramón Pérez Costales unha Comisión Xestora sobre a base da sociedade Folklore Gallego para a creación da academia. Posteriormente a súa filla doou a residencia familiar da Coruña, a Casa Museo de Emilia Pardo Bazán, para establecer alí a sede da institución.Hoxe en día, Pardo Bazán, ao igual ca outras contemporáneas como a ilustrada galega Concepción Arenal, está considerada como unha das precursoras do movemento feminista en España. Ao longo da súa obra criticou a degradación e marxinalidade da muller e expresou o seu desexo de crear para as mulleres unha educación e unha formación intelectual igual cá dos homes.Nun tempo no que máis do 90% das mulleres eran analfabetas, Pardo Bazán chegou a ser a primeira muller en presidir a Sección de Literatura no Ateneo de Madrid, a primeira nomeada Conselleira de Instrución Pública e a primeira muller catedrática de Literatura Contemporánea de Linguas Neolatinas da Universidade Central de Madrid.

La Patria Gallega (Santiago de Compostela)

La Patria Gallega, subtitulado Órgano oficial de la Asociación Regionalista, foi un periódico quincenal editado en Santiago de Compostela entre 1891 e 1892

La Voz de Galicia

La Voz de Galicia é un xornal galego con sede no polígono de Sabón (Arteixo), redactado maioritariamente en castelán, fundado no ano 1882 por Juan Fernández Latorre. La Voz de Galicia fíxose un oco a nivel estatal converténdose nun dos dez medios impresos con maior tiraxe de todo o estado. A empresa editora, La Voz de Galicia Sociedad Anónima, sempre estivo nas mans da mesma familia e na actualidade o accionista maioritario e único é Santiago Rey Fernández-Latorre.

Liga Gallega (A Coruña)

A Liga Gallega foi un grupo político rexionalista liberal fundado en 1897 na Coruña por iniciativa dos participantes na tertulia rexionalista A Cova Céltica, e como esta tiña a súa sede na librería de Carré Aldao; presidido por Manuel Murguía e dirixido por un comité integrado por Manuel Lugrís Freire, Uxío Carré Aldao e Salvador Golpe que en 1898 redactaron o seu regulamento, integramente en galego. Waldo Álvarez Insua foi o presidente en 1899.

Foi unha das correntes nas que se bifurcou a Asociación Regionalista Gallega, presidida por Murguía. A Liga Gallega da Coruña tivo unha inspiración liberal, fronte á Liga Gallega de Santiago de Compostela, máis conservadora.

Despois de 1900 tivo escasa actividade, aínda que sobreviviu ata 1907. O seu órgano de expresión foi ata mediados de 1898 Revista Gallega que dirixía Galo Salinas. Foi pola súa iniciativa que se ergueu en 1904 o monumento en memoria dos Mártires de Carral.

A Liga Gallega naceu en defensa dos intereses materiais, morais, políticos, económicos e sociais de Galicia. Pedía a constitución dunha autonomía para Galicia de igual xeito que se concedera a Cuba e Porto Rico e a fins de 1897 iniciou unha campaña de recollía de sinaturas.

Liga Gallega (Santiago de Compostela)

A Liga Gallega foi unha organización rexionalista católico tradicionalista fundada en Santiago de Compostela. Activa entre 1898 e 1900. Presidida por Alfredo Brañas e con Salvador Cabeza de León na secretaría. Tivo escasa actividade.

Foi unha das correntes nas que se bifurcou a Asociación Regionalista Gallega, presidida por Manuel Murguía. A Liga Gallega de Santiago tivo unha inspiración conservadora, fronte á Liga Gallega da Coruña, máis liberal.

Ramón Máiz

Ramón Máiz Suárez, nado en Santa Cruz de Tenerife o 5 de xullo de 1953, é un politicólogo galego.

Revista Gallega

A Revista Gallega, subtitulado Semanario de literatura é intereses regionales, foi un semanario galego, dominical e bilingüe, publicado na Coruña. Foi fundado en 1895 por Galo Salinas Rodríguez e rematou de publicarse en 1907, cun total de 640 números. Autoproclamado Órgano oficial de la Liga Gallega en la Coruña, durante os seus doce anos de historia constituíuse na publicación emblemática do rexionalismo liberal desa cidade.

Rexionalismo

O rexionalismo é un movemento cultural e político de recuperación da identidade propia (lingua, historia, dereito, tradicións e outras peculiaridades). As reclamacións políticas do movemento limítanse a acadar certo grao de autonomía xurídica, aínda que mantendo sempre a dependencia política, motivo polo que é considerado unha forma de unionismo.No caso concreto de Galiza, xurdiu durante os primeiros anos da Restauración borbónica (último terzo do século XIX). Politicamente, os rexionalistas eran partidarios da descentralización administrativa e, nalgúns casos, da autonomía.

Salvador Golpe

Salvador Golpe Varela, nado en Oza (Oza-Cesuras) o 27 de xullo de 1850 e finado na Coruña o 23 de xuño de 1909, foi un intelectual, xornalista, ensaísta, poeta e político galego. A corrente ideolóxica do rexionalismo galego, movemento galeguista acontecido durante as primeiras décadas do século XX que derivará no nacionalismo, está presente tanto na súa actividade política e cultural como na súa produción literaria.

Solidaridad Gallega

Solidaridad Gallega foi unha organización política rexionalista galega activa entre 1907 e 1912.

Solidaridad Gallega (periódico)

Solidaridad Gallega foi un semanario editado na Coruña entre o 4 de maio de 1908 e 1911.

Solidarismo Gallego

Solidarismo Gallego foi un periódico editado na Coruña entre 1907 e 1908.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.