Revolución de 1846

Revolución de 1846,[1] levantamento de 1846,[2][3] pronunciamento de 1846[4][5] ou sublevación liberal de 1846,[6] son os nomes que recibe o alzamento do coronel Miguel Solís o 2 de abril de 1846 en Lugo (ó que se uniron posteriormente A Coruña o día 5, Pontevedra o 9, e o día 10 Tui e Vigo) contra o goberno de Ramón María de Narváez[7]. A conspiración foi dirixida desde A Coruña, impulsada por Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina e viúva do ministro Francisco Espoz y Mina; en Vigo foron Benigno Cid, Ramón Buch e Juan Nogueira, en contacto co exiliado Mártir Molíns; e en Ourense, algúns militares. Gerónimo Piñeiro de las Casas facía de correo entre eles, e fixaron a data do alzamento para o mes de abril.

Ramon Maria Narvaez
O xeneral Ramón María Narváez por Vicente López. Museo do Prado.

O levantamento

Miguel Solís Cuetos
Miguel Solis.[1]

O 2 de abril de 1846 pronunciouse na praza maior de Lugo o II Rexemento de Zamora. O comandante Miguel Solís Cuetos púxose á cabeza do exército, e Manuel Becerra Bermúdez constituíu unha Xunta en Lugo. O 4 de abril tamén se alza A Coruña cos provincialistas. Pío Rodríguez Terrazo fixo unha Xunta e enfrontouse ao gobernador militar Villalonga. O día 5 Solís marcha co exército a Santiago de Compostela, onde os xefes Antolín Faraldo, Antonio Romero Ortiz, Ramón Garea, Bermúdez Cedrón e os irmáns Pasarín conseguiran recrutar 300 universitarios. O día 8 uniranse a Solís, quen se atopa con Francisco Puig Samper e MacMahon en Ponte Sigüeiro.[8] O día 9 prodúcese o pronunciamento de Buceta en Pontevedra, onde se constituíu unha Xunta presidida por José María Santos. O día 10 pronunciaríanse Tui e Vigo, onde se fixo cargo o brigadier Leoncio Rubín de Celis.[9] O día 11 Puig Samper entra en Santiago e obriga a Solís a marchar a Vigo, mentres que Iriarte[quen?], que penetrou desde Portugal, é vencido en Astorga.

Constitución da Xunta

Artigo principal: Xunta Superior do Reino de Galicia.
Pío Rodríguez Terrazo
Pío Rodríguez Terrazo.[1]

Puig Samper e Solís enfrontaríanse novamente en Sigüeiro, sen resultados. Pero o día 14 o xeneral José Gutiérrez de la Concha, enviado desde Madrid, penetra en Galicia.[10] Os insurxentes dominaban Santiago, Lugo, Pontevedra, Vigo e Tui, e reuniran unha Asemblea, presidida por Solís, con Rubín de Celis, Pío Rodríguez Terrazo (da Xunta de Santiago), José María Santos (da Xunta de Pontevedra) e Ramón Buch (da Xunta de Vigo). Constituiranse o día 15 de abril en Xunta Superior de Galiza, e acordaron:

  • Constituír dous corpos de exército, se un corpo consegue os seus obxectivos, uniríanse para atacar a Concha, pero sen xefe supremo.
    • O Exército de Libertazón de Galicia, dirixido por Solís e Manuel Buceta del Villar, que atacaría A Coruña e Ferrol.
    • O Segundo Exército, de Rubín de Celis e Sebastián Arias, que atacaría Ourense.
  • Constituír unha Xunta Suprema (tamén Xunta Superior do goberno de Galicia) para administrar e socorrer ao exército, con Pío Rodríguez Terrazo (presidente), Antolín Faraldo (secretario), José María Santos e Ramón Buch (vogais).

Faraldo fai unha proclama de compromiso dos sublevados con Galicia, para que deixe de ser unha colonia da corte. As primeiras medidas que tomarán serán suprimir o sistema tributario de 1845, substituír os concellos e someter todas as Xuntas Locais á Suprema.

Derrota e represión

Artigos principais: Batalla de Cacheiras e Mártires de Carral.

Mentres, os dous exércitos fracasaron nas insurreccións porque non querían derramar sangue. O 21 de abril Solís será nomeado polos sublevados Capitán Xeneral de Galicia, pero o día 23 será vencido por Concha na batalla de Cacheiras e feito prisioneiro, e Rubín de Celis, que non o apoiou, foxe a Portugal. Villalonga ordenou o día 26 de abril o fusilamento en Carral de Solís e 11 compañeiros seus máis, todos militares, que serán coñecidos como os Mártires de Carral. Rúa Figueroa foi encarcerado, e Antolín Faraldo, Francisco Añón e Antonio Romero Ortiz exiliaranse.

En 1848 ditouse unha amnistía e a maioría volveron. Faraldo abandonou o galeguismo e morreu en 1853, e os seus compañeiros non volverían ter ningún papel destacado na política galega.

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 Tettamancy, Francisco (1908). La revolución gallega de 1846 (en castelán). A Coruña.
  2. Barreiro, X. R. (1977). El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo (en castelán). Santiago de Compostela.
  3. Beramendi, Xusto G. "El levantamiento de 1846". Historia de Galicia (en castelán) 4. Faro de Vigo. p. 825.
  4. Obelleiro Piñon, Luís (1997). "Idade contemporánea (século XIX)". Historia xeral de Galicia. A Nosa Terra. p. 327. ISBN 84-89138-99-0.
  5. Villares, Ramón (1991). Historia de Galicia. Biblioteca 114 (en castelán) II. El Correo Gallego. pp. 54–55. ISBN 84-85553-15.
  6. Otero Pedrayo, Ramón (1954) [1926]. Guía de Galicia (en castelán) (3ª ed.). Editorial Galaxia. p. 114.
  7. Narváez foi Presidente (do Consello de Ministros) de 16 de marzo de 1846 ó 5 de abril de 1846 e Francisco Javier de Istúriz dende o 5 de abril ata o 28 de xaneiro de 1847. Non era a primeira vez que Narváez exercía (e deixaba) a presidencia, e non sería a última: en total houbo 7 gobernos Narváez entre 1844 e 1868.
  8. Porto 1846.
  9. "Rubín de Celis y Oroña, Leoncio (Redondela, 1810)"
  10. Luis Moure Mariño (1979) Temas gallegos. Espasa-Calpe.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

Academia Literaria de Santiago

A Academia Literaria de Santiago foi unha institución cultural decimonómica da cidade de Santiago de Compostela, plataforma de debates dos mozos provincialistas da xeración universitaria de 1846.

Antolín Faraldo

Antolín Faraldo Asorey, nado en Betanzos o 2 de setembro de 1822 e finado en Granada o 20 de xuño de 1853, foi un escritor e xornalista galego e un dos pais do movemento provincialista galego da primeira metade do século XIX e precursor do movemento literario.

Batalla de Cacheiras

A batalla de Cacheiras, ou escaramuza de Cacheiras, foi un conflito armado que aconteceu o 23 de abril de 1846 na parroquia de Cacheiras, Teo, entre as tropas liberais galegas e provincialistas ao mando do comandante Miguel Solís e as tropas militares españolas ao mando do mariscal de campo José Gutiérrez de la Concha, que chega dende Castela, designado polo gobernodesignado polo goberno para apagar o levantamento galego.O conflito situouse concretamente o espazo situado entre as casas da Ribeira e a cima de Montouto entre as tropas de Madrid e as de Solís, que foron derrotadas.As tropas mandadas por Solís foron derrotadas e fuxiron cara a Santiago de Compostela, refuxiándose no interior do Mosteiro de San Martiño Pinario. Posteriormente entregáronse e foron fusilados en Carral. Foi un dos feitos máis importantes e que máis marcaron a historia contemporánea de Galicia.

Batallón Literario

O Batallón Literario foi unha compañía militar formada por estudantes da Universidade de Santiago de Compostela en diversos momentos, sendo o máis famoso o formado en 1808, durante a Guerra da Independencia Española, disposta a loitar contra a invasión francesa dirixida por Napoleón.

José Gutiérrez de la Concha

José Gutiérrez de la Concha Marqués de la Habana, nado en Córdoba (Arxentina) o 4 de xuño de 1809 e finado en Madrid o 5 de novembro de 1895, foi un político e militar español.

La Revolución (1846)

La Revolución, Periódico oficial de la Junta Superior de Galicia, foi un xornal galego en lingua castelán, que apareceu en 1846, órgano da Xunta Superior Provisional de Goberno de Galicia, do que só saíron tres números, redactado por Antolín Faraldo.

Miguel Solís

Miguel Solís Cuetos, nado en San Fernando (provincia de Cádiz) o 27 de marzo de 1816 e falecido en Carral o 26 de abril de 1846 foi un militar español.

Mártires de Carral

Coñécense como Mártires de Carral os militares sublevados en varios lugares de Galicia en 1846 contra o presidente Narváez que foron executados o 26 de abril na vila coruñesa de Carral.

Os camiños da vida

Os camiños da vida é unha novela de Ramón Otero Pedrayo publicada en 1928 pola Editorial Nós en tres volumes independentes. A editorial Galaxia editouna xa nun único tomo no ano 1978 como terceiro volume da súa Obra Selecta e en 1990 na colección Narrativa, cun estudo introdutorio de Ramón Mariño Paz, que vai pola 15ª edición.

Provincialismo galego

O provincialismo foi un movemento político galeguista que naceu ao redor de 1840 e tivo en 1846 un levantamento a causa dunha insurrección militar. Tiña como obxectivo a recuperación de Galicia como única provincia que mantivese a unidade administrativa, social, cultural e económica. Esta unidade rachárase coa división provincial de 1833, que rematara co reino de Galicia.

Pío Rodríguez Terrazo

Pío Rodríguez-Terrazo Blanco, nado en 1800 en Berán (Leiro) e finado en Santiago de Compostela o 26 de xaneiro de 1872, foi un xurista e político galego.

Ramón María Narváez

Ramón María Narváez y Campos, nado en Loja (Granada) o 5 de agosto de 1800 e falecido en Madrid o 23 de abril de 1868, foi un político e militar español. Coñecéuselle co nome de El Espadón de Loja.

Ramón de la Sagra

Ramón Dionisio José de la Sagra y Peris, nado na Coruña o 8 de abril de 1798 e finado en Neuchâtel (Suíza) o 23 de maio de 1871, foi un botánico, político, escritor e anarquista galego, fundador da primeira publicación anarquista do mundo, El Porvenir.

Reino de Galicia

O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.

Consolidada Compostela como capital do reino desde o século XI, a separación de Portugal (1128) e a individualización dos reinos de Castela e León tras o ano 1065, delimitaron o seu territorio practicamente ó actual. Mantivo unha soberanía política plena —compartindo rei co reino de León— ata o ano 1230 cando o rei castelán Fernando III usurpou o trono poñendo temporalmente o reino baixo control da coroa de Castela.

Os conflitos sucesorios e as tentativas de independencia mediante entronizacións de reis non casteláns como Xoán de Borgoña (1296), Fernando I de Portugal (1369) ou Xoán de Gante (1386) permitíronlle gozar de soberanía fáctica ata que en 1486 os Reis Católicos someteron o reino polas armas. Desde entón o reino estivo subxugado á coroa de Castela (1486-1715) e posteriormente á coroa de España (1715-1833), adquirindo a súa Xunta Suprema (1808-1812) amplas liberdades ó ser o único reino peninsular libre de ocupación napoleónica, pouco antes de ser disolto por María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias en 1833.

Segunda guerra carlista

A segunda guerra carlista ou guerra dos Matiners tivo lugar fundamentalmente en Cataluña entre 1846 e 1849 ao fracasar os intentos de casar a Isabel II co pretendente carlista, Carlos Luís de Borbón e en Cataluña persistiran bandas carlistas que non se renderan tras a fin da primeira guerra carlista, aínda que actuaban máis como bandoleiros (trabucaires) que como guerrilleiros, ao que se ten que xuntar a crise agraria e industrial de 1846, especialmente importante en Cataluña e algunhas reformas impopulares do réxime liberal como as quintas, o imposto de consumos e a introdución dun sistema de propiedade liberal que entraba en contradición cos usos comunais.

A rebelión desenvolveuse dende fins de 1846, cando se formaron diversas partidas guerrilleiras que non superaban os 500 homes a comezos de 1847 e que atacaban fundamentalmente a funcionarios públicos e a unidades militares. O líder máis importante deste primeiro momento foi o sacerdote Benet Tristany, que en febreiro de 1847 protagonizou a entrada en Cervera para facerse con fondos e munición. A Tristany capturárono e fusilárono en Solsona en maio de 1847, pero o número de partidas carlistas aumentou en toda Cataluña chegando a uns 4.000 homes armados a fins dese ano fronte a un exército regular formado por 40.000 soldados que dirixía Manuel Pavía e que tentou mediante medidas indulxentes tranquilizar aos sublevados, o que non conseguiu, aumentando as súas forzas polos apoio de partidas progresistas e republicanas e nas mediadas de 1848 xurdiron partidas en Estremadura e en Castela, que non conseguiron éxitos significativos. O 23 de xuño de 1848 atravesou a fronteira francesa Ramón Cabrera e tentou organizar o que denominou Exército Real de Cataluña sen moito éxito, e tampouco puido entrar no Maestrazgo.

A fins de 1848 o novo capitán xeneral de Cataluña, Fernando Fernández de Córdova conseguiu debilitar a resistencia das partidas carlistas. En abril de 1849 detívose ao pretendente Carlos Luís cando pretendía entrar pola fronteira francesa en España e o 26 de abril Cabrera tivo que cruzar a fronteira francesa diante a persecución do exército gobernamental, o resto das partidas fixeron o mesmo e o 14 de maio cruza a última partida, que dirixían os irmáns Tristany, poñendo fin á guerra.

En xuño de 1849 o goberno publicaba un decreto amnistiando aos carlistas, máis de 1.400 regresaron a España, mentres outros decidiron quedar en Francia.

Xoán Cuveiro Piñol

Xoán Cuveiro Piñol, nado na Coruña o 28 de maio de 1821 e finado en Valladolid o 13 de maio de 1906, foi un lingüista e escritor galego.

Xunta Superior Provisional de Goberno de Galicia

A Junta Superior Provisional de Gobierno de Galicia ou Xunta Superior do Reino de Galiza foi un órgano extraordinario de goberno proclamado o 15 de abril de 1846 que pretendía iniciar unha sublevación xeral contra o goberno de Ramón Narváez y Campos. Encabezados polo comandante Miguel Solís e provincialistas como Antolín Faraldo, os acontecementos desembocaron no fusilamento dos sublevados coñecidos como Mártires de Carral.

O seu presidente foi Pío Rodríguez Terrazo. Antolín Faraldo foi o secretario e o director do voceiro: La Revolución. Periódico oficial de la Junta Superior de Galicia.O programa da Xunta era exclusivamente progresista-español, non mencionaba ningunha medida descentralizadora e non cuestionaba a división provincial de 1833.

Xunta de Galicia (homónimos)

Xunta de Galicia é o nome de varias estruturas nas que se organizou o poder político en Galicia ao longo da súa historia:

Xunta do Reino de Galicia, institución creada en 1528, que foi a representación do Reino de Galicia cando este formaba parte da Coroa de Castela, e que perdurou, con algunhas interrupcións, até a reforma liberal do Estado, en 1833. Era un organismo colectivo formado polos deputados das 7 cidades ou provincias (Santiago, Betanzos, A Coruña, Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui) que se reunían para trataren asuntos relacionados co conxunto do Reino. A súa orixe non está clara, e hoxe en día acéptase que hai unha relación directa entre a Xunta e as reunións da Santa Irmandade, das que partiría o costume de manter reunións periódicas entre os representantes das principais cidades para resolver as cuestións relativas ao repartimento de tributos e ás levas militares.

Xunta Suprema do Reino de Galicia ou Xunta Suprema de Galicia, goberno realmente soberano de Galicia durante o ano 1808, ao comezo da Guerra da Independencia, cando Galicia era o único territorio do Reino de España libre (aínda) da presenza do exército francés, e que foi creada para dirixir a loita contra os franceses e manter a orde pública. A Xunta Suprema asumiu funcións militares, lexislativas e de relacións internacionais até a creación da Xunta Central Española.

Xunta Superior de Galicia, creada en decembro de 1809 en canto saíron de Galicia os franceses e se lle encargou, pola Xunta Central ao Capitán Xeneral de Galicia que recuperara o poder que tradicionalmente exercera. Nalgunhas atribucións foi a sucesora da Xunta Suprema (que desapareceu en decembro de 1808), pero sen nigún poder político, sendo máis ben unha delegación da Xunta Central no país.

Xunta Superior de Galicia, xunta que, en 1836, constituíron os carlistas galegos na Coruña, ao comezo da primeira guerra carlista.

Xunta Central de Galicia, constituída en 1843 (pouco despois da supresión da Xunta do Reino de Galicia) e presidida por Xosé Maria Suances, oposta á rexencia de Baldomero Espartero.

Xunta Superior de Galicia, organizada no curso da Revolución de 1846 impulsada por Miguel Solís e fundada en Santiago baixo a presidencia de Pío Rodríguez Terrazo e da que era secretario Antolín Faraldo; remataría co fusilamento dos Mártires de Carral (Solís incluído).

Xunta de Galicia, órgano do poder executivo de Galicia desde 1978, ao abeiro da Constitución española de 1978 e do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981, actualmente vixentes.

Xusto Beramendi

Justo Beramendi González, nado en Madrid o 16 de xullo de 1941, é un historiador galego, presidente do padroado do Museo do Pobo Galego.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.