Revolución

Unha Revolución (do latín revolutio 'dar volta') é un cambio ou transformación radical e profundo respecto ao pasado inmediato. Pódese producir en varios ámbitos ao mesmo tempo, tales como económicos, culturais, relixiosos, políticos, sociais, militares etc. Os cambios revolucionarios, ademais de radicais e profundos, e sobre todo traeren consecuencias transcendentais, han de percibirse como súbitos e violentos, como unha ruptura da orde estabelecida ou unha descontinuidade evidente co estado anterior das cousas. Se non é así, debería falarse mellor dunha evolución, dunha transición ou dunha crise. Se o que falta é o seu carácter transcendental, debería falarse mellor dunha revolta. As revolucións son consecuencia de procesos históricos e de construcións colectivas, para que unha revolución exista é necesario que haxa unha nova unión de intereses fronte a unha vella unión de intereses. Entón, podemos dicir que revolución é un cambio brusco ou radical nas estruturas, isto pode afectar no social, económico, cultural etc.

Prise de la Bastille
A tomada da Bastilla, o 14 de xullo de 1789 durante a Revolución francesa.

Tipoloxía das revolucións

Na historiografía fálase xeralmente de tres tipos de revolucións

Poden valer para exemplificalas as tres grandes revolucións que xorden e se desenvolven entre os séculos XVIII e XIX, marcando a fin da Idade Moderna e o comezo da Idade Contemporánea.

  • A Revolución Francesa foi un movemento fundamentalmente político, porque se trataba de substituír a monarquía absoluta existente ata 1789, para substituíla por un sistema político con características radicalmente opostas, o que permitiu falar dun Antigo Réxime e un Novo Réxime. Desde un punto de vista xeral, pode incluírse a francesa entre as Revolucións Liberais, entendidas como as que aplican a ideoloxía política liberal, e que comezarían coa independencia americana e continuarían en Europa occidental polo menos até 1848.
  • A revolución burguesa entendida como a substitución como clase dominante do estamento privilexiado (formado por nobreza e clero) pola burguesía, co cambio de relacións, comportamentos, actitudes e valores sociais que se identifican cunha ou outra; permite falar dunha nova sociedade de clases. Porén, a historiografía adoita utilizar máis comunmente o termo Revolucións burguesas para referirse, até no seu aspecto estritamente político (a pesar da impropiedade), ás que chamamos revolucións liberais, é dicir, a todos os procesos revolucionarios (como a mesma Revolución Francesa) nos que esta clase social é impulsora.
  • A Revolución Industrial ten un carácter esencialmente económico, a transformación respecto da época precedente (a preindustrial) co uso de novas técnicas, fontes de enerxía, invención de maquinarias, innovadores medios de transporte, aumento da capacidade produtiva coa substitución dos talleres artesanais polas fábricas etc

É necesario indicar que estes dous últimos procesos, a pesar de seren de duración secular, foron claramente percibidos polos seus contemporáneos como súbitos e violentos, como o proban, entre outros extremos, a resistencia e os conflitos que xerou a aparición do maquinismo (a destrución de máquinas ou luddismo). É de imposíbel solución o debate (no que pode destacarse o achegue de E. P. Thompson) sobre se a revolución industrial inglesa custou máis mortes e sufrimentos que a revolución liberal francesa.

Xustificado este uso, enténdese que por extensión se aplique o termo revolución á Revolución Neolítica e a Revolución Urbana (definidos por Vere Gordon Childe), procesos xa non seculares mais milenarios, pero que presentan claras analoxías cos do XVIII e XIX en canto á transformación radical (e sen dúbida violenta) das formas de vida da humanidade.

Non se esgota a tipoloxía das revolucións con estes tres tipos. Fálase de revolucións en calquera ámbito, até nos máis afastados dos usos anteriores, como sería o ámbito da ideoloxía (revolución ideolóxica) ou o da arte (revolución artística). Ás veces esa extensión faise con evidente abuso do termo (cando se aplica á moda, ao deporte, á última novidade da música popular...), e ás veces está plenamente xustificada (Revolución Cultural na China maoísta) ou o concepto de revolución científica (Thomas Kuhn).

Revolución Irmandiña

Aínda que a aplicación do termo revolución a estes sucesos é moi discutida, na historiografía galega o feito máis importante deste tipo é o conxunto de revoltas irmandiñas, que se ben vistos desde hoxe non teñen algunhas das características dunha revolución e o seu obxectivo era máis unha restauración de dereitos que un cambio radical, si foron vistas polos seus protagonistas e por moitos galegos desde entón como unha revolución.

Revolucións

Nome Período Descrición
Revolucións liberais
Burguesa Revolucións inspiradas na Ilustración. Ascensión das burguesías en Europa e América.
Inglesa 1642-63 Guerra entre o Parlamento e o Rei. Execución de Carlos I e formación dun protectorado republicano.
Gloriosa 1688-89 Jacobo II de Inglaterra é derrocado. Establécese unha monarquía constitucional controlada polo Whig.
Estadounidense 1776 Institúe a independencia de Inglaterra coa creación dunha república.
Francesa 1789-99 Unha das revolucións máis influentes, asociada coa ascensión da burguesía.
De maio 1810-20 Arxentina independizouse (de feito en 1810 e de dereito en 1816) dos reis Borbóns de España.
De xullo 1830 Carlos X de Francia abandona o poder, sendo substituído por Luís Felipe.
Belga 1830 Fallada revolución. Consolídase o reino belga.
De 1848 1848 Vaga de revolucións liberais e republicanas erradas en toda Europa.
Rusa 1905 Fallada revolución burguesa-liberal con socialistas contra o Tsar Nicolás II.
Mexicana 1910 Derrocamento do ditador Porfirio Díaz, chegada ao poder de Francisco I. Madero.
Xinhai 1911 Desbaratamento do goberno da dinastía Qing e creación da República de China.
Alemá 1918 Instauración da República de Weimar por unha revolución obreira contra o káiser.
Alxeriana 1954-62 Guerra revolucionaria de independencia colonial contra Francia.
Maio francés 1968 Revoltas estudantís e de traballadores contra o goberno de Charles de Gaulle.
Dos Caraveis 1974 Derrocamento da ditadura conservadora pola esquerda portuguesa.
Indonesa 1998 Caída do ditador Suharto.
Serbia 2000 Derrota de Slobodan Milosevic, novo presidente e gobernos democráticos.
Revolucións socialistas
Española 1936 Resposta ao golpe de estado do 18 de xullo de 1936 contra a legalidade republicana. O seu carácter foi en gran parte libertario.
Alemá 1919 Fracasada revolución en Alemaña de Rosa Luxemburg e Karl Liebknecht.
Sandinista 1979 Popular derrocamento en Nicaragua da ditadura de Somoza por un movemento campesiño.
Bolivariana 1999 Cambio político económico e social impulsado por Hugo Chávez en Venezuela, comezado desde o seu acceso ao goberno. A revolución está baseada, no ideario do libertador Simón Bolívar.
Revolucións anti-soviéticas
Húngara 1956 Revolución de labregos e obreiros contra o goberno comunista, suprimida polas tropas soviéticas.
De veludo 1989 Desbaratamento pacífico do goberno comunista na desaparecida Checoslovaquia.
Cantada 1988 Derrocamento pacífico do goberno comunista en Estonia.
Revolucións marxista-leninistas
Rusa 1917 A máis influente revolución moderna, os bolxeviques conseguen o poder e forman a URSS.
Húngara 1919 Tras o final da Primeira Guerra Mundial, estabelécese a República Soviética Húngara.
Mongola 1920
Norcoreana 1948 Estabelécese un réxime comunista.
China 1949 Vitoria da rebelión campesiña comunista de Mao Zedong, nace a República Popular China.
Cultural 1966-76 Movemento maoísta na República Popular China.
Norvietnamita 1954 Ho Chi Minh estabelece un Estado socialista.
Iraquí 1958 Karim Qasim tomou o poder tras un golpe de estado.
Cubana 1959 Revolución contra o ditador Fulgencio Batista. Vitoria do goberno revolucionario de Fidel Castro.
Congolesa 1964
Suriemení 1967 Establécese unha República Popular de orientación marxista.
Libia 1969 Gaddafi estabelece un estado Popular e Socialista.
Somalí 1969
Beninesa 1972
Etíope 1974
Guineana 1974
Cambodiana 1975 Estabelécese a Kampuchea Democrática.
Survietnamita 1975
Laosiana 1975
Malgache 1975 Un golpe de estado puxo o goberno en poder de Didier Ratsiraka.
Caboverdiana 1975
Mozambicana 1975 O FRELIMO consegue a independencia do país.
Angoleña 1975 Conséguese a independencia. O MPLA toma o poder.
Afgá 1978
Granadina 1979 Maurice Bishop estabelece un goberno Marxista-Leninista.
Burkinesa 1983
Revolucións islámicas
Iraniana 1979 Derrota popular do Sah de Irán, conformándose unha república islámica.
Talibán 1996 Movemento extremista islámico en Afganistán.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Hobsbawm, Eric J. Las revoluciones burguesas (The Age of Revolution) 1987 Barcelona: Labor ISBN 84335298781
  • Arendt, Hannah Sobre la revolución (On Revolution) 1967, 1998 Revista de Occidente, Alianza Editorial ISBN 84-206-5806-5
Bolxevique

Os bolxeviques (do ruso большевик, 'membro da maioría') eran unha fracción dentro do Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia, dirixida por Vladímir Ilich Uliánov (Lenin), contraposta ós menxeviques, dirixidos por Julius Martov.

Comunismo

O comunismo é un sistema social, así como tamén un modo de organización socioeconómica, caracterizado pola propiedade en común dos medios de produción, a ausencia de propiedade privada nos medios de produción e a inexistencia de clases sociais e dun Estado.O comunismo como proxecto de socialización dos medios de produción xurdiu no século XVI baixo a forma de diversas utopías baseadas no colectivismo agrario. As máis coñecidas foron a obra Utopía de Tomás Moro e a ideoloxía revolucionaria babuvina que derivou do movemento xacobino da Revolución francesa. O ideario comunista converteuse a comezos do século XIX nun complexo proxecto económico industrial grazas ás diferentes correntes do chamado socialismo utópico, do anarcocomunismo e as ramas obreiras do comunismo cristián. O actualmente máis coñecido destes movementos foi o que adoptou a escola do denominado socialismo científico dos pensadores alemáns Karl Marx e Friedrich Engels, baixo a cal sería rebautizado como Liga dos Comunistas. Pola influencia da súa obra, o movemento comunista adoptou unha interpretación revolucionaria da historia e a forma de partido político, converténdose logo nunha organización internacional unificada baixo a doutrina marxista.

Segundo o marxismo, a historia é entendida como un permanente conflito polo excedente material, cuxo inicio se debe á aparición da propiedade. As diferentes formas de propiedade poñen fin ao comunismo primitivo e estratifican á sociedade en clases de acordo ás súas relacións de produción. As diferentes relacións de produción que vinculan aos homes e mulleres requiren da explotación, e estas relacións xeran co tempo as condicións para ser substituídas por outras formas de explotación superiores, nunha secuencia revolucionaria de modos de produción. En cada un destes modos desenvólvese unha loita de clases interna entre os diferentes tipos de traballadores e explotadores que os integran, e que se resolve co xurdimento de novas clases dominantes. Con todo, a sociedade capitalista xera unha serie crecente de crises internas e cíclicas que só poden ser resoltas polos seus traballadores asalariados nunha revolución proletaria, que require á súa vez da construción do comunismo. Para chegar a este fin debe organizarse un partido comunista que conquiste o poder político liderando unha fase de transición na que o Estado funcione como unha ditadura do proletariado. Este período termina cando desaparecen as clases sociais, o cal leva a que o Estado, de acordo á súa concepción como ferramenta de dominación dunha clase sobre a outra, deba extinguirse. A esta transición séguenlle inmediatamente dous períodos no desenvolvemento do comunismo: unha primeira fase e unha fase superior. Existen discrepancias cruciais entre as diferentes correntes do marxismo sobre cal debería ser a natureza de cada unha destas tres fases.

Conservadorismo

O conservadorismo é unha filosofía política e social que defende o mantemento das institucións sociais tradicionais no contexto da cultura e da civilización. Segundo algunhas definicións, os conservadores procuraron varias veces preservar as institucións, incluíndo a relixión, a monarquía, o goberno parlamentar, os dereitos de propiedade e a xerarquía social, enfatizando a estabilidade e a continuidade, mentres que os elementos máis extremos chamados reaccionarios opóñense ó modernismo e buscan unha volta á "maneira como eran as cousas".O primeiro uso estabelecido do termo nun contexto político orixinouse con François-René de Chateaubriand en 1818, durante o período de restauración borbónica que procurou reverter as políticas da Revolución Francesa. O termo, historicamente asociado coa política de dereita, dende entón foi usado para describir unha ampla gama de puntos de vista.Non hai un único conxunto de políticas que sexan universalmente consideradas como conservadoras, porque o significado de conservadorismo depende do que é considerado tradicional nun determinado lugar e tempo. Deste xeito, conservadores de diferentes partes do mundo, cada un mantendo as súas respectivas tradicións, poden discordar nunha ampla gama de cuestións. Edmund Burke, un político do século XVIII que se opuxo á Revolución Francesa, mais apoiou a Revolución Americana, é acreditado como un dos principais teóricos do conservadorismo na Gran Bretaña da década de 1790. De acordo con Quintin Hogg, Presidente do Partido Conservador británico (Partido Conservador) en 1959, "o conservadorismo non é tanto unha filosofía senón unha actitude, unha forza constante, desempeñando unha función intemporal no desenvolvemento dunha sociedade libre e correspondente a unha esixencia profunda e permanente da propia natureza humana". En contraste coa definición de conservadorismo baseada na tradición, teóricos políticos como Corey Robin definen o conservadorismo principalmente en termos dunha defensa xeral da desigualdade social e económica. Nesa perspectiva, o conservadorismo é menos unha tentativa de defender as institucións tradicionais e máis "unha meditación sobre, e unha interpretación teórica, da experiencia sentida de ter poder, velo ameazado e tentar recuperalo".

Francia

Francia ( pronunciación ) (en francés: France, [ˈfræns] (AFI), escoitar), oficialmente República Francesa ( pronunciación ) (en francés: République française, [ʁepyblik fʁɑ̃sɛz] (AFI)) é un estado membro da Unión Europea, con capital en París, que se estende sobre unha superficie total de 675 417 km², incluíndo Francia metropolitana e os territorios de ultramar espallados nos cinco continentes. Conta cunha poboación de 64,9 millóns de habitantes.Constituído en estado democrático de dereito, a súa forma de goberno esta organizada como república semipresidencialista, co nome oficial de República Francesa (République française) e o lema Liberté, Égalité, Fraternité (Liberdade, Igualdade, Fraternidade).

O territorio de Francia esténdese por diversas rexións do mundo situándose a súa parte metropolitana (refírese ao territorio continental de Francia máis a illa de Córsega, a parte continental chámase popularmente l'Hexagone (o Hexágono) pola súa similitude con esta forma xeométrica), en Europa Occidental, onde limita ao sur co mar Mediterráneo, Mónaco (4,4 km), España (623 km) e Andorra (56,6 km); ao oeste co golfo de Biscaia e o océano Atlántico; ao norte coa canle da Mancha (que separa o continente das Illas Británicas), o mar do Norte e Bélxica (620 km) e ao leste, con Luxemburgo (73 km), Alemaña (451 km), Suíza (573 km) e Italia (488 km). O seu territorio insular europeo, comprende a Illa de Córsega, no Mediterráneo occidental, e diversos arquipélagos costeiros no Atlántico. En América, son territorio de Francia a Güiana francesa, que limita con Brasil (673 km), a maior fronteira do país cos seus países veciños, Suriname (510 km), e as illas e arquipélagos de Martinica, Guadalupe, Saint-Barthélemy, San Martiño (que limita coas Antillas Neerlandesas) e de Saint-Pierre-et-Miquelon. No océano Índico, son francesas as illas de Mayotte e de Reunión, así como os arquipélagos de Polinesia francesa e de Nova Caledonia, estes no océano Pacífico. Son territorios de Francia deshabitados o atol de Illa Clipperton, no Pacífico Oriental, e as denominadas Terras Austrais e Antárticas Francesas.

Francia é un país altamente desenvolvido económica e socialmente, influente no plano xeopolítico. A súa economía é de tipo capitalista cunha intervención estatal non desprezable dende o fin da Segunda Guerra Mundial. Non obstante, dende mediados dos anos 1980, reformas sucesivas arrastraron unha liberación progresiva do Estado de varias empresas públicas. É a sexta economía mundial en termos de PIB, membro do G8, da Zona Euro e do Espazo Schengen, e sede de numerosas multinacionais de primeira orde, líderes en diversos segmentos da industria e do sector primario, e é o primeiro destino turístico mundial, con máis de 75 millóns de visitantes estranxeiros anuais.Francia, fogar da primeira Declaración dos dereitos do home e do cidadán, é membro fundador das Nacións Unidas, do Consello de Europa, un dos cinco membros permanentes do Consello de Seguridade das Nacións Unidas e sede da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico e da UNESCO. É tamén unha das oito potencias nucleares recoñecidas e membro da OTAN.

Francia é un país cunha elevada difusión internacional da súa cultura. Dende o século XV, participando nas exploracións marítimas, e a continuación como potencia colonial, a súa cultura e civilización atópase difundida por países de todo o mundo agrupados na organización da Francofonía. O idioma francés é unha das linguas con maior influencia, tradicionalmente empregada como lingua da diplomacia e relacións internacionais, que xunto con outras 77 linguas rexionais, conforma o patrimonio lingüístico de Francia. Francia é membro da Unión Latina.

Francia foi formada polas artes e a filosofía. Berce da Ilustración, influíu nas revolucións americanas, despois a Revolución francesa deu o arranque e o exemplo democrático no mundo enteiro, desenvolvendo valores de liberdade, de igualdade, de fraternidade e, dende 1905, de laicismo.

Imperio Alemán

O Imperio Alemán (en alemán: Deutsches Reich, chamado por algúns historiadores alemáns Kaiserlich Deutsches Reich ou simplemente Kaiserreich), foi a forma de Estado que existiu en Alemaña desde a súa unificación e a proclamación de Guillerme I como emperador, o 18 de xaneiro de 1871, ata 1918, cando se converteu nunha república logo da derrota na Primeira Guerra Mundial e a abdicación de Guillerme II (9 de novembro de 1918). O término de Deutsches Reich mantívose como nome oficial de Alemaña durante a República de Weimar e a maior parte do período nazi ata 1943, cando foi cambiado a Großdeutsches Reich («Grande Imperio Alemán»).

Durante os seus 47 anos de existencia, o Imperio alemán xurdiu como unha das economías industriais máis poderosas da Terra e unha gran potencia, ata que se derrubou logo da súa derrota militar na Primeira Guerra Mundial e a Revolución de Novembro. Os Estados fronteirizos máis importantes foron o Imperio ruso no leste, Francia no oeste e o Imperio austrohúngaro situado no sur.

Industria

A industria é un proceso de transformación de materias primas en produtos elaborados. Por extensión, conxunto de instalacións nas que se realizan ditas transformacións.

Se ben a actividade industrial así definida pode facerse extensiva ó que comunmente se denomina artesanía, a diferenza fundamental entre ambas estriba principalmente en que mentres o artesán realiza por si mesmo todas as operacións necesarias para obter o produto final, a industria caracterízase pola súa especialización, de modo que as diferentes etapas do proceso son realizadas por diferentes traballadores, ou incluso empresas.

Para que o sistema así concibido funcione correctamente é necesaria a intercambiabilidade, é dicir, os produtos obtidos en cada etapa deben cumprir unha serie de requisitos que permitan o seu uso como materia prima na etapa seguinte.

En efecto, mentres o artesán realiza creacións únicas na súa especie, a industria dedícase a clonar indefinidamente un determinado produto. A recente introdución da robótica e a fabricación flexible na industria, pretende rematar con esta disxuntiva, tendéndose actualmente cara á fabricación de produtos á carta, de modo que o consumidor se figure que adquiriu un produto exclusivo.

Tamén se coñece como industria ó conxunto de actividades económicas clasificadas no sector secundario.

Inglaterra

Inglaterra (en inglés: England) é unha das nacións constituíntes do Reino Unido. Historicamente dominante, ocupa a metade sur da illa da Gran Bretaña, agás unha parte no oeste, correspondente ao País de Gales. Limita ao norte con Escocia, ao leste co Mar do Norte, ao sur co Canal da Mancha e ao oeste co Océano Atlántico, Gales e o Mar de Irlanda. A súa capital é Londres, a maior área urbana do Reino Unido e unha das maiores da Unión Europea.

Inglaterra converteuse nun estado unificado no ano 927 e toma o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas asentadas no sur da illa durante os séculos quinto e sexto. Inglaterra tivo, e segue a ter, un impacto cultural e legal ao redor de todo o mundo, sendo o lugar de orixe da lingua inglesa, da Igrexa Anglicana e do Dereito Inglés, o cal puxo as bases do Dereito nos sistemas legais da maioría dos países do mundo. Ademais, en Inglaterra naceu a Revolución Industrial sendo o primeiro país do mundo en acadar a industrialización.

Nela atópase a Royal Society, a cal mantén fundacións da ciencia moderna experimental. Inglaterra ten a democracia parlamentaria máis antiga do mundo, polo tanto, moitas innovacións constitucionais, gobernamentais e legais, que teñen a súa orixe en Inglaterra, foron posteriormente adoitadas por outras nacións.

O Reino de Inglaterra (incluíndo Gales) continuou como un estado independente ate o 1 de maio de 1707, cando mediante a Lei de Unión, levando a cabo os termos acordados no Tratado de Unión o ano anterior, rematou en unión política co Reino de Escocia para crearen o Reino Unido de Gran Bretaña.

Lenin

Vladimir Ilich Lenin (en ruso: Владимир Ильич Ленин; ( [vlɐˈdʲimʲɪr ɪlʲˈjitɕ ˈlʲenʲɪn] ) nado Vladimir Ilich Ulianov, en ruso: Владимир Ильич Ульянов), nado o 22 de abril (xul. 10 de abril) de 1870 en Simbirsk e falecido o 21 de xaneiro de 1924 en Moscova, foi un revolucionario comunista, político e teórico político ruso que serviu como líder da R. S. S. F. de Rusia dende 1917 e de presidente do Consello de Ministros da Unión Soviética dende 1922 até 1924.

Nado no seo dunha adiñeirada familia de clase media en Simbirsk, Lenin adquiriu interese pola política revolucionaria de esquerda logo da execución do seu irmán en 1887. Pouco despois ingresa na Universidade de Kazán, onde é expulsado pola súa participación en protestas antitsaristas, adicando os seguintes anos á obtención do título en dereito e á política radical, adoptando as teses do marxismo. En 1893 mudouse á daquela capital de Rusia San Petersburgo, onde continuou coa súa actividade política, converténdose nunha figura importante dentro da Unión de Loita pola Emancipación da Clase Obreira. Arrestado e exiliado a Siberia durante tres anos, consegue fuxir posteriormente cara a Europa occidental, vivindo en Alemaña, Inglaterra e Suíza. Despois da Revolución de Febreiro de 1917 na que foi derrocado o Tsar, e na que un goberno provisional asume o poder, decide regresar ao seu lar.

Como líder da facción bolxevique do Partido Obreiro Socialdemócrata Ruso, tivo un papel principal na orquestración da Revolución de Outubro en 1917, que o levou ao derrocamento do goberno provisional ruso e o establecemento da República Socialista Soviética Federativa de Rusia, o primeiro Estado constitucionalmente socialista do mundo. Inmediatamente despois, Lenin procede a aplicar as reformas socialistas, incluíndo a transferencia de propiedades e terras da coroa aos soviets de traballadores. Fronte á ameaza da invasión alemá, argumentou que Rusia debía asinar de inmediato un tratado de paz, o cal conduciu á saída dos rusos da primeira guerra mundial. En 1921 Lenin propuxo a Nova Política Económica, un sistema de capitalismo de Estado co que comezou o proceso de industrialización e recuperación da guerra civil rusa. En 1922, a R. S. S. F. de Rusia uniuse aos antigos territorios do Imperio Ruso formando a Unión Soviética. A facción bolxevique converteuse máis tarde no Partido Comunista da Unión Soviética.

Como político, Lenin era un orador carismático e convincente. Como intelectual os seus amplos desenvolvementos teóricos e filosóficos do marxismo produciron o marxismo-leninismo, unha aplicación pragmática rusa do marxismo que fai fincapé no papel fundamental desempeñado por unha vangarda política comprometida e disciplinada no proceso revolucionario, defendendo a posibilidade dunha revolución socialista nos países capitalistas menos desenvolvidos a través dunha alianza do proletariado co campesiñado rural. Lenin segue a ser hoxe en día unha figura controvertible en todo o mundo. Os seus críticos táchano de ditador, tese contrarrestada polos seus partidarios aducindo as limitacións do seu poder e considerándoo un heroe da clase obreira. Tivo ademais unha grande influencia no movemento marxista-leninista, que dende a súa morte evolucionou nunha gran variedade de escolas de pensamento como o estalinismo, o maoísmo ou o trotskismo.

Muller

Unha muller (do latín mulĭer, -ēris) ( pronunciación ), é un ser humano de xénero feminino. O término muller adoita estar reservado para unha persoa adulta, sendo o termo meniña o termo habitual para unha nena ou adolescente. Muller tamén remite a distincións de xénero de carácter cultural e social que se lle atribúen así como ás diferenzas sexuais e biolóxicas da femia na especie humana fronte ao macho. Conta con aspectos físicos que a diferencian do varón da especie como voz máis aguda, cintura máis estreita, cadeira máis ancha e pelve máis ampla, menos pelame corporal, menos masa muscular e máis tecido adiposo, mamas máis grandes e é de menor estatura comparada co varón.

O Día Internacional da Muller Traballadora celébrase o día 8 de marzo.

Neolítico

O Neolítico, Nova Idade de Pedra, (do grego néos "novo" e lithos "pedra"), por contraposición a Paleolítico ou Vella Idade de Pedra, é un dos períodos en que se considera dividida a Prehistoria. Inicialmente déuselle este nome en razón dos achados de ferramentas de pedra puída que parecían acompañar ó desenvolvemento e expansión da agricultura. Hoxe en día defínese o neolítico precisamente en razón do coñecemento e uso da agricultura ou da gandaría. Normalmente, pero non necesariamente, vai acompañado polo traballo da olería.

Revolución Francesa

A Revolución Francesa de 1789 xurdiu a consecuencia das ideas da Ilustración e en contra do Antigo Réxime e o poder do clero e da nobreza no Reino de Francia. A Revolución Americana serviría de exemplo aos ideais de liberdade e igualdade.

A revolución dá inicio á era moderna na Francia. Acabou co feudalismo en Francia e proclama os principios de "Liberdade, Igualdade e Fraternidade" (Liberté, Egalité, Fraternité). Acabou tamén cos privilexios da nobreza e de castas e comezaron a imperar os ideais igualitarios.

Revolución Industrial

Revolución Industrial é o proceso de evolución que conduce a unha sociedade dende unha economía agrícola tradicional ata outra caracterizada por procesos de produción mecanizados para fabricar bens a grande escala.

A primeira Revolución Industrial, tamén coñecida como Revolución Científico Tecnolóxica (RCT), xestouse durante cerca de 300 anos, pero a súa expresión tecnolóxica deuse na revolución industrial e os seus efectos prolonganse ata 1780.

Varias foron as circunstancias económico-sociais asociadas a esta primeira RCT: A descomposición da sociedade feudal, o desenvolvemento do capital comercial, o desenvolvemento das relacións comerciais marítimas, o impulso da industria pesada (mineira e metalúrxica), revolución agrícola (grazas á industria química: fertilizantes...) e desenvolvemento da industria química. O cambio iniciouse en Inglaterra por dúas razóns fundamentais, primeiro polo amoreamento de capital como consecuencia do gran desenvolvemento do comercio favorecido polo seu imperio colonial e segundo por ser en Inglaterra onde se inventaron unha serie de máquinas capaces de producir máis rapidamente cós artesáns, o cal permitía a redución de custos e fornecer a demanda máis rapidamente. Ademais existía unha man de obra barata e abundante xa que as terras comunais, fundamentais para a supervivencia dos campesiños pobres, estaban pasando a mans privadas. A industrialización supuxo o nacemento dunha nova clase social, o proletariado que xorde en condicións de pobreza e explotación absoluta.

Esta primeira RCT caracterizouse por un cambio nos instrumentos de traballo de tipo artesanal pola máquina de vapor, movida pola enerxía do carbón. A máquina esixe individuos máis cualificados, produce unha redución no número de persoas empregadas, guindando de maneira incesante masas de obreiros dun ramo da produción a outra, especialmente do campo á cidade.

A Revolución Industrial xerou tamén un alargamento dos mercados estranxeiros e unha nova División Internacional do Traballo (DIT). Os novos mercados conquistáronse mediante o abaratamento dos produtos feitos coa máquina, polos novos sistemas de transporte e a apertura de vías de comunicación, así como tamén, mediante unha política expansionista. Entre 1830 e 1880, as principais guerras foron de tipo colonialista, na India, China, Turquía, Sudán, Persia, Afganistán, Rusia Oriental e México.

Un dos principios fundamentais da industria moderna é que nunca considera os procesos de produción como definitivos ou acabados. A súa base técnico-científica é revolucionaria, xerando así, o problema da obsolescencia tecnolóxica en períodos cada vez máis breves. Dende esta perspectiva pode afirmarse que tódalas formas de produción anteriores á industria moderna (artesanía e manufactura) foron esencialmente conservadoras. Así a todo, esta característica de obsolescencia e innovación non se circunscribe á ciencia e a tecnoloxía, senón que debe ampliarse a toda a estrutura económica das sociedades modernas. Neste contexto a innovación é, por definición, negación, destrución, cambio, a transformación é a esencia permanente da modernidade.

Revolución Rusa de 1917

O termo Revolución Rusa (ruso: Русская революция, Russkaya revolyutsiya) agrupa todos os sucesos que conduciron ao derrocamento do réxime tsarista e á instauración preparada doutro, leninista, a continuación, entre febreiro e outubro de 1917, que levou á creación da República Socialista Federativa Soviética de Rusia. O tsar viuse obrigado a abdicar e o antigo réxime foi substituído por un Goberno provisional durante a primeira revolución de febreiro 1917 (marzo no calendario gregoriano, pois o calendario xuliano estaba en uso en Rusia nese momento). Na segunda revolución, en outubro, o Goberno provisional foi eliminado e substituído cun goberno bolxevique (comunista).

A Revolución de Febreiro focalizouse, orixinalmente, en torno a Petrogrado (hoxe San Petersburgo). No caos, os membros do parlamento imperial ou Duma asumiron o control do país, formando o Goberno provisional ruso. A dirección do exército sentía que non tiñan os medios para reprimir a revolución e Nicolao II, o último emperador de Rusia, abdicou. Os soviets (consellos de traballadores), que foron dirixidos por faccións socialistas máis radicais, nun principio permitiron ao Goberno provisional gobernar, pero insistiu nunha prerrogativa para influír no goberno e controlar diversas milicias. A Revolución de Febreiro levouse a cabo no contexto dos duros reveses militares sufridos durante a primeira guerra mundial (1914-1918), que deixou a gran parte do exército ruso nun estado de motín.

A partir de entón produciuse un período de poder dual, durante o cal o Goberno provisional tiña o poder do Estado, mentres que a rede nacional de soviets, liderados polos socialistas, tiña a lealdade das clases baixas e a esquerda política. Durante este período caótico houbo motíns frecuentes, protestas e moitas folgas. Cando o Goberno provisional decidiu continuar a guerra con Alemaña, os bolxeviques e outras faccións socialistas fixeron campaña para deter o conflito. Os bolxeviques puxeron a milicias obreiras baixo o seu control e convertéronos na Garda Vermella (máis tarde, o Exército Vermello) sobre as que exercían un control substancial.

Na Revolución de Outubro (novembro no calendario gregoriano), o partido bolxevique, dirixido por Vladimir Lenin, e dos traballadores soviéticos, derrocou ao Goberno provisional en Petrogrado. Os bolxeviques nomeáronse a si mesmos líderes de varios ministerios do goberno e tomaron o control do campo, creando a Cheka, organización de intelixencia política e militar para esmagar calquera tipo de disidencia. Para poñer fin á participación de Rusia na primeira guerra mundial, os líderes bolxeviques asinaron o Tratado de Brest-Litovsk con Alemaña en marzo de 1918.

Posteriormente estalou unha guerra civil en Rusia entre a facción «vermella» (bolxevique) e «branca» (antibolxeviques) –esta última contou co apoio das grandes potencias–, que ía continuar durante varios anos, na que os bolxeviques, en última instancia, saíron vitoriosos. Deste xeito, a revolución abriu o camiño para a creación da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS) en 1922. Pese a que moitos acontecementos históricos notables tiveron lugar en Moscova e Petrogrado, tamén houbo un movemento visible nas cidades de todo o estado, entre as minorías nacionais de todo o imperio e nas zonas rurais, onde os campesiños apoderáronse da terra e a redistribuíron.

A Revolución Rusa foi un acontecemento decisivo e fundador do "curto século XX" aberto polo estoupido do macroconflito europeo en 1914 e pechado en 1991 coa disolución da Unión Soviética. Obxecto de simpatías e de inmensas esperanzas por uns (Jules Romains describiuna como "a gran luz no Leste" e François Furet como "o encanto universal de outubro"), tamén foi obxecto de severas críticas, de medos e de odios viscerais. Segue sendo un dos acontecementos máis estudados e máis apaixonadamente discutidos da historia contemporánea.

Revolución de Outubro

A non ser que se indique o contrario todas as datas que figuran neste artigo correspóndense co calendario gregoriano.

A Revolución de Outubro (en ruso: Октябрьская революция, Oktiabrskaia revoliutsiia), tamén coñecida como Revolución Bolxevique, foi a segunda fase da Revolución Rusa de 1917, trala Revolución de Febreiro. A data 25 de outubro de 1917 corresponde ao calendario xuliano vixente no Imperio Ruso, despois abolido polo novo Goberno bolxevique. No resto do mundo, baixo o calendario gregoriano, os sucesos iniciáronse o día 7 de novembro de 1917.As sucesivas derrotas rusas na primeira guerra mundial foron unha das causas da Revolución de Febreiro. No momento de entrada na guerra, todos os partidos políticos mostráronse favorables á participación na contenda, coa excepción do Partido Obreiro Socialdemócrata, o único partido europeo xunto ao Partido Socialista do Reino de Serbia que se negou a votar os créditos de guerra, pero advertiu que non trataría de sabotar os esforzos provocados pola guerra. Tralo comezo do conflito e logo dalgúns éxitos iniciais, o Exército ruso tivo que soportar severas derrotas (en Prusia Oriental, en particular). As fábricas non se mostraron o suficientemente produtivas, a rede ferroviaria era ineficiente e o fornecemento de armas e alimentos ao Exército fallaba. No Exército, os partes batían todos os récords: 1.700.000 mortos e 5.950.000 feridos, estalando disturbios e decaendo a moral dos soldados. Estes soportaban mes a mes a incapacidade dos seus oficiais, ata o punto de fornecer a unidades de combate munición non correspondente co calibre da súa arma e a intimidación e os castigos corporais utilizados na mesma.

A insistencia do Goberno provisional en continuar a primeira guerra mundial —moi impopular—, na que levaba anos combatendo Rusia, impedía a aplicación das profundas reformas que esixía a poboación. A ausencia destas fixo que o programa bolxevique, reflectido nas súas consignas de «Paz, pan e terra» e «Todo o poder para os soviets», gañase partidarios rapidamente no outono de 1917. Os soviets eran unhas asembleas populares de obreiros xurdidas na revolución de 1905 e que tiveron un papel clave para a vitoria bolxevique na revolución de outubro. A crise económica, que se agravou desde o verán, a ameaza da fronte para os soldados da capital, a desilusión coa falta de reformas gobernamentais e o respaldo ao Goberno provisional da maioría dos partidos favoreceu aos bolxeviques, que desencadearon unha intensa campaña de propaganda na capital, por entón Petrogrado (actual San Petersburgo). Entre as clases máis desfavorecidas de Petrogrado, o rexeitamento aos sacrificios para continuar a guerra e a seguir en Gobernos de coalición cos kadetes despois do golpe de Kornílov era xeral.Malia a debilidade do Goberno provisional, poucos días antes da revolución quedou claro que unha insurrección armada contra o Goberno provisional por parte exclusivamente dos bolxeviques, como defendía Vladimir Lenin, sería rexeitada polas masas; aprobouse entón a toma do poder, pero seguindo unha estratexia defensiva, dirixida principalmente por Trotski, que consistía en asegurarse o traspaso do poder durante o II Congreso dos Soviets a piques de celebrarse. Sería o Soviet de Petrogrado, e non o partido, o que tomase o poder e calquera intento de resistencia do Goberno presentaríase como un ataque contrarrevolucionario. A orde gobernamental de enviar parte da guarnición á próxima fronte desatou a revolución.Defendendo as súas accións como defensa ante a contrarrevolución, o novo Comité Militar Revolucionario de Petrogrado (CMR) —controlado na práctica polos bolxeviques— foi tomando rapidamente o control das unidades da guarnición. Sucedéronse unha serie de choques incruentos entre o Goberno e o CMR polo control dos puntos estratéxicos da capital que terminaron coa vitoria do segundo e o illamento do primeiro, que apenas logrou solicitar axuda militar. Produciuse entón finalmente o asalto contra o Goberno que Lenin estivera esixindo desde facía semanas, e que terminou coa captura de case todo o Goberno provisional a noite do 25 de outubroxul./ 7 de novembro de 1917greg., co II Congreso dos Soviets xa en sesión.

O abandono de devandito congreso polos socialistas moderados, en protesta polas accións bolxeviques, facilitou a formación dun Goberno (o Sovnarkom) exclusivamente deste partido. As posteriores negociacións para formar un Goberno de coalición entre os distintos partidos socialistas fracasaron pola intransixencia das partes. Os intentos da oposición de efectuar un contragolpe mediante unha insurrección na capital e a marcha de tropas da fronte sobre a cidade fracasaron.

O poder do novo Goberno estendeuse polo país en diversas fases, con graves enfrontamentos nalgunhas zonas, como Moscova. A debilidade militar da oposición e a popularidade das primeiras medidas, con todo, favoreceron a Lenin e os seus seguidores. O rexeitamento á toma do poder, levada a cabo polos bolxeviques, da oposición máis radical e a imposibilidade da moderada de arrebatarllo a través das institucións, debido á disolución da Asemblea Constituínte en xaneiro de 1918 e á expulsión dos partidos socialistas dos soviets na primavera, conduciu á guerra civil.

Século XVIII

século XVII < século XVIII > século XIX

Tempo que transcorre entre o 1 de xaneiro de 1701 e o 31 de decembro de 1800. Coñecido como o século da Ilustración.

Ucraína

Ucraína (en ucraíno: Україна, tr. "Ukraina", [ukrɑˈjinɑ] (AFI)) é unha nación eslava situada, en liñas xerais, entre os mares Negro e Azov e o río Prípiat, entre as planicies húngaras, a foz do Danubio e o río Don. Os ríos Dniéper e Dniéster son, e sempre foron, os límites xeográficos centrais de Ucraína. A cidade de Kiev é a vella capital e o centro da vida cultural ucraína.

Ucraína confina ao sur cos mares Negro e Azov; ao suroeste con Moldavia, Romanía, Hungría e Eslovaquia; ao oeste con Polonia e Belarús; ao norte con Rusia; ao leste o límite de Ucraína atinxe case as estepas do río Volga e a rexión caucásica.

Esténdese por un territorio xeográfico de 603 700 km² e comprende un territorio etnográfico mixto de 945 000 km². Ucraína é o segundo maior país de Europa (detrás de Rusia).

A poboación actual de Ucraína sitúase en case 48 millóns de habitantes.

Unión Soviética

A Unión Soviética, de nome completo Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (abreviado: URSS, en ruso: Союз Советских Социалистических Республик ou СССР, tr.: Soyuz Sovétskij Sotsialistícheskij Respublik) foi unha federación de repúblicas soviéticas de proporcións continentais, cubrindo practicamente un sexto das terras emerxidas do planeta, converténdose así no meirande estado do planeta, o que tiña máis liña de costa e máis quilómetros de fronteiras ademais de ser un dos máis diversos etnicamente.Foi fundada o 30 de decembro de 1922 pola xuntanza dos países que formaban o antigo Imperio Ruso, tanto de Europa como de Asia, cun número que variou ao longo do tempo, aínda que foi de quince durante a maior parte da existencia do estado. Foi unha das dúas superpotencias durante a guerra fría xunto aos Estados Unidos de América. Foi disolta o 26 de decembro de 1991.

Área

Área é a extensión ou superficie comprendida dentro dunha figura (de dúas dimensións), expresada en unidades de medida denominadas superficiais. Para superficies planas o concepto é intuitivo. Calquera superficie plana de lados rectos pode triangularse e pódese calcular a súa área como suma de triángulos.

Con todo, para calcular a área de superficies curvas requírese introducir métodos de xeometría diferencial.

Para poder definir a área dunha superficie en xeral, que é un concepto métrico, tense que definir un tensor métrico sobre a superficie en cuestión: cando a superficie está dentro dun espazo euclídeo, a superficie herda unha estrutura métrica natural inducida pola métrica euclídea.

Poderes
Formas de goberno
Réximes e sistemas
Tipos de poder
Clases de estado
Conceptos
Procesos
Divisións administrativas
Cargos
Disciplinas
Ideoloxías
Actitudes

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.