Revista científica

Unha revista científica e un medio de comunicación escrito no que os investigadores e científicos poden publicar periodicamente os seus traballos e investigacións, xunto co desenvolvemento das mesmas, para dalas a coñecer ó resto da xente e a outros científicos. Estes artigos publicados teñen unha gran diversidade de temas, pero sempre referentes a aspectos científicos.

Antes de ser publicados, tódolos artigos pasan un control e revisión dun panel de expertos que determinan se reúne uns mínimos de calidade e validez científica, e deciden se o artigo se publica ou non.

Poden ser de tipo divulgativo, dirixidas ó público en xeral, como Muy interesante, Quo, Conocer etc., ou netamente científica como Mundo científico, Nature, Science, Revista de Occidente etc., e mesmo hainas moi especializadas. Nature e Science foron premiadas en 2007 co premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades por impulsar e difundi-las grandes conquistas científicas da Humanidade, achegando deste xeito a ciencia á vida.

Normalmente este tipo de revistas publícanse cunha periodicidade semanal ou mensual e as máis importantes teñen a súa propia páxina en internet.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Aduto do ADN

En xenética molecular, un aduto do ADN é un fragmento de ADN que está enlazado covalentemente a un composto químico (xeralmente causante de cancro). A formación destes adutos pode ser o inicio da conversión da célula en célula cancerosa (carcinoxénese). Os adutos do ADN utilízanse en experimentos científicos como biomarcadores de exposición e realízanse medicións da súa abundancia para reflectir cuantitativamente, por comparación, a cantidade de exposición carcinóxena do organismo examinado, por exemplo ratas. En condicións experimentais, a formación destes adutos do ADN é inducida por carcinóxenos coñecidos, dos cales o que se usa máis comunmente é o DMBA (7,12-dimetilbenz(a)antraceno). Por exemplo, cando se usa o termo "aduto DMBA-ADN" (ou "DMBA-DNA adduct") nunha revista científica refírese a un fragmento de ADN que leva unido DMBA.

Anuario de Estudos Literarios Galegos

O Anuario de Estudos Literarios Galegos foi unha revista científica de carácter crítico literario publicada anualmente en galego co respaldo da Editorial Galaxia. Comezou a súa actividade en 1992 baixo a dirección de Xoán González Millán manténdose activa até o ano 2007. En 2003, co pasamento de Xoán González Millán a finais do ano anterior, a revista iniciou unha nova liña editorial baixo a dirección de Dolores Vilavedra. A revista naceu como xustificación aos estudos sobre sistemas e protosistemas literarios iniciados por Xoán González Millán e Arturo Casas en base a Teoría dos polisistemas de Itamar Even-Zohar. A partir de 2003, debido ás NOMIG, o Anuario deixou de chamarse Anuario de Estudios Literarios Galegos para chamarse Anuario de Estudos Literarios Galegos.

Boletín Avriense

Boletín Auriense (abreviado Bol. Auriense) é unha revista científica española editada polo Grupo Marcelo Macías e o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Braña (revista)

Braña é unha revista científica galega, boletín da Sociedade Galega de Historia Natural, creada en 1977.

Carlos Vales

Carlos Vales Vázquez, nado en Caracas o 11 de novembro de 1955, é un biólogo galego especializado no medio ambiente.

Estudos Migratorios

Estudos Migratorios. Revista galega de análise das migracións, anteriormente Estudios Migratorios, é unha revista científica de publicación semestral do Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago de Compostela.

Francis Galton

Francis Galton, nado o 16 de febreiro de 1822 e finado o 17 de xaneiro de 1911, foi un intelectual británico que destacou en campos moi diversos, tales que a antropoloxía, a xeografía, a exploración, a meteoroloxía, a estatística ou a psicoloxía. Non tivo cátedras universitarias e realizou a maioría das súas investigacións de maneir independente. As súas múltiples contribucións recibiron recoñecemento formal cando, á idade de 87 anos, foi distinguido co título de sir. En 1901, foi, xunto con Karl Pearson e Walter Weldon, cofundador da revista científica Biometrika.

Foi un defensor, talvez o primeiro, da euxenesia.

Gran Barreira de Coral

A Gran Barreira de Coral (en inglés Great Barrier Reef) é o máis grande arrecife coralino do mundo composto por máis de 2.900 arrecifes individuais (sen incluír os arrecifes do estreito de Torres, que se calculan en 750 nunha área de 37.000 km2), e 900 illas nunha franxa de máis de 3.000 quilómetros sobre unha área de aproximadamente 348.000 km2. O arrecife está situado no mar do Coral, ao longo da costa do estado de Queensland no nordés de Australia.

A Gran Barreira de Coral pódese ver desde o espazo exterior e é a estrutura máis grande do mundo feita por organismos vivos. A estrutura do arrecife está composta por miles de millóns de pequenos organismos coñecidos como pólipos de coral. Pódense atopar máis de 400 especies de coral, algunhas microscópicas e outros que chegan aos 2 metros de anchura. Nas marxes externas do arrecife formanse especies viscosas con capacidade de resistir os embates das ondas, en cambio as delicadas variedades lanceoladas deben gorecerse nas augas máis tranquilas. As formas son variadas: abanico, cúpula, cornos, flor, etc. As cores oscilan entre tons rosados, fucsia, amarelos, azuis e verdes.

As augas da Gran Barreira de Coral son temperadas e soportan unha gran variedade de vida e foron seleccionadas como Patrimonio da Humanidade en 1981. Entre os arrecifes atópanse máis de 1.500 especies de peixes e crustáceos.

A CNN clasificouna como unha de as sete marabillas naturales do mundo, A Queensland National Trust considerouna unha icona estatal de Queensland.Boa parte do arrecife está protexido polo Parque mariño da Gran Barreira de Coral (Great Barrier Reef Marina Park), que axuda a limitar o impacto do uso humano, como a sobrepesca e o turismo. Outras ameaza ambientais sobre o arrecife e o seu ecosistema inclúen a calidade das augas dos ríos que desembocan nel; o cambio climático, acompañado por unha masivo branqueamento do coral, e brotes cíclicos da estrela de mar Acanthaster planci que se come o coral e estao destruíndo en enormes cantidades. Segundo un estudo publicado en outubro de 2012 pola revista científica Proceedings of the National Academy of Sciences, o arrecife perdeu máis da metade da súa cuberta de coral desde 1985.A Gran Barreira de Coral foi coñecida e utilizada polos aborixes australianos e polos insulares do estreito de Torres, e é unha parte importante da cultura e espiritualidade dos grupos locais. O arrecife é un destino moi popular para os turistas, especialmente nas illas Whitsunday e nas zonas da Rexión de Cairns. O turismo é unha actividade económica importante para a rexión, xerando máis de 3 mil millóns de AU$ ao ano.Un informe de marzo de 2016 afirma que o branqueo de coral estaba máis amplamente estendido do que se pensaba, afectando seriamente ás partes septentrionais da Barreira como resultado do aumento das temperaturas oceánicas. En outubro de 2016, a revista Outside publicou un obituario da Barreira; o artigo foi criticado por ser prematuro e ocultar os esforzos para reforzar a resiliencia do arrecife. En marzo de 2017, a revista científica Nature publicou un artigo mostrando que grandes seccións nun tramo de 800 quilómetros de extensión na parte norte do arrecife, morreran ao longo do ano 2016 debido ás altas temperaturas da auga oceánica, un evento que os autores atribúen aos efectos do cambio climático global.

Instituto Español de Oceanografía

O Instituto Español de Oceanografía (IEO) é un organismo autónomo dependente do Ministerio de Educación de España dedicado á investigación científica oceanográfica e ó asesoramento do goberno nas materias da súa competencia, como a xestión racional e a protección do medio mariño.

A súa publicación principal é o Boletín. Instituto Español de Oceanografía, unha revista científica de resultados que se publica, aínda que con distintas cabeceiras, desde 1916.

Moeda

Unha moeda é un ben económico que ten tres funcións: é un instrumento de unidade de conta, é un instrumento de troco e é un instrumento de reserva de valor. A moeda particular dun país denomínase divisa.

Nanotubo de membrana

Os nanotubos de membrana, nanotúbulos de membrana ou citonemas son uns tubos longos e finos formados na membrana plasmática e proxectados cara ao exterior da célula, que conectan distintas células animais desde grandes distancias. Observáronse dous tipos de nanotubos. O primeiro tipo ten menos de 0,7 micrómetros de diámetro, contén actina e transporta compoñentes da membrana plasmática (proteínas, lípidos) entre dúas células nas dúas direccións. O segundo tipo é meirande en grosor (>0,7 μm), contén tanto actina coma microtúbulos e pode transportar compoñentes do citoplasma entre as dúas células, como poden ser vesículas e orgánulos.Estas estruturas poden estar implicadas na comunicación entre células, na transferencia de ácidos nucleicos entre as células dun tecido, e na transmisión de toxinas ou patóxenos como o VIH e prións.Os nanotubos de membrana foron descritos primeiramente nun artigo da revista científica Cell en 1999, que trataba sobre o desenvolvemento dos discos imaxinais da á da mosca Drosophila melanogaster. Máis recentemente, un artigo da revista científica Science publicado en 2004 describía unhas estruturas que conectaban varios tipos de células inmunes, que tamén estaban presentes en células en cultivo.Estruturas funcionalmente similares son os plasmodesmos, que interconectan as células vexetais, e os estrómulos, que interconectan plastos.

Numismática

A Numismática (do grego antigo: νομισματική, e do hebreo: Numii: moeda e Amastik: Reunión, "reunión de moedas") é unha ciencia auxiliar da historia que estuda as moedas e as medallas. Tamén se lle chama así ao coleccionismo destas pezas.

Orgánulo

En bioloxía celular, denomínanse orgánulos ou organelos as diferentes estruturas suspendidas no citoplasma da célula eucariota, que teñen unha forma e unhas funcións especializadas ben definidas e diferenciadas. A célula procariótica carece da maior parte dos orgánulos (xeralmente só posúe ribosomas).

Non todas as células eucariotas conteñen todos os orgánulos ó mesmo tempo, senón que algúns aparecen en determinadas células de acordo coas súas funcións.

Pescozo

En anatomía, o pescozo ou colo é a parte máis estreita do corpo que une a testa co tronco na maioría dos animais vertebrados.

Revue Numismatique

Revue Numismatique, cabeceira herdeira da anterior Revue de la Numismatique Française, é unha revista científica francesa centrada no ámbito da numismática, fundada en 1835 por Louis de La Saussaye e Étienne Cartier, e actualmente vinculada organicamente á Sociedade Francesa de Numismática.

Science

Science (en galego, ciencia) é a revista científica e órgano de expresión da Asociación Americana para o Avance da Ciencia (American Association for the Advancement of Science, AAAS).

Sociedad Española de Ornitología

A Sociedad Española de Ornitología (SEO, na actualidade SEO/BirdLife) é unha organización non gobernamental de utilidade pública que ten como principais obxectivos a conservación e o estudo das aves e os seus hábitats. Está inscrita como ONGD na AECID. Actualmente conta con máis de 11.000 socios e uns 5.000 voluntarios. Os seus socios máis activos agrúpanse nos denominados Grupos Locais dos que na actualidade existen 32 repartidos por toda España. A sede central está situada en Madrid e ademais existen delegacións en Aragón, Andalucía, Canarias, Cantabria, Cataluña, Estremadura e na Comunidade Valenciana, ademais de oficinas en Doñana e no Delta do Ebro.

SEO/BirdLife, é a ONG conservacionista máis antiga de España con máis de 50 anos de experiencia na defensa e estudo das aves e dos seus hábitats. Foi fundada o 15 de maio de 1954 no Museo de Ciencias Naturais de Madrid cun núcleo fundador formado por 85 persoas. Desde o seu comezo SEO/BirdLife publicou unha revista científica semestral, Ardeola, e en 1957 creou un Centro de Migración de Aves. Tamén conta cunha revista trimestral, La Garcilla que reciben todos os seus socios. Forma parte de cinco grandes ONG ambentalistas de España xunto con Greenpeace, WWF, Amigos de la Tierra e Ecologistas en Acción.

A nivel internacional forma parte de BirdLife International, unha federación mundial que agrupa a máis de tres millóns de socios en 111 países, dedicada á conservación da biodiversidade en todo o mundo.

Taxonomía

A taxonomía ou taxinomía (do grego ταξις, taxis, "ordenamento", e νομος, nomos, "norma" ou "regra") é a ciencia da clasificación. Xeralmente se emprega o termo para designar a taxonomía biolóxica, ciencia que ordena os organismos vivos nun sistema de clasificación composto por taxons agrupados en categorías taxonómicas.

Taxonomía (bioloxía)

A taxonomía (do grego ταξις, taxis, 'ordenamento', e νομος, nomos, 'regra') é, no seu sentido máis xeral, a ciencia de clasificación. Normalmente utilízase o termo para referirse a taxonomía biolóxica, a ciencia da ordenación dos organismos nun sistema de clasificación composto de taxons.

A taxonomía biolóxica é unha subdisciplina da sistemática, que estuda as relacións de parentesco entre os organismos e o seu historial de evolución. No presente, a taxonomía actúa unha vez que foi determinada a árbore filoxenética dos organismos estudados, é dicir, unha vez que teña determinado os clados, ou pólas evolutivas, de acordo coas súas relacións de parentesco.

No presente, existe o consenso dentro da comunidade científica que a clasificación debe ser totalmente consistente co que se sabe da filoxenia dos taxons, xa que só así dará o servizo que se espera dela ó restao de pólas da bioloxía (véxase por exemplo Soltis i Soltis 2003), pero hai escolas dentro da sistemática que definen con matices a maneira na que a clasificación debe corresponderse coa filoxenia coñecida.

Máis aló da escola que a define, a finalidade última da taxonomía é organizar a árbore filoxenética nun sistema de clasificación. Para facelo, a escola cladística (a que predomina hoxe en día) transforma os clados en taxons. Un taxon é un clado ó cal se asignou unha categoría taxonómica, ó cal se outorgou un nome en latín, que foi descrito, ó cal se asociou un exemplar tipo, e que foi publicado nunha revista científica. Cando se fixo todo iso, o taxon ten un nome correcto. A nomenclatura é a disciplina que se ocupa de regulamentar estes pasos, e encárgase de que se sigan os principios de nomenclatura. Os sistemas de clasificación funcionan como contedores de información e como predictores.

Unha vez se determinou a clasificación dun taxon, extráense os trazos diagnósticos de cada un dos seus membros, e a partir deles créanse claves dicotómicas de identificación, que son utilizadas para determinar ou identificar organismos, co fin de localizar un organismo descoñecido nun taxon coñecido do sistema de clasificación. A determinación ou identificación tamén é a especialidade taxonómica que se encarga dos principios de elaboración das claves dicotómicas e doutros instrumentos coa mesma finalidade.

As normas que regulan a creación dos sistemas de clasificación son en parte convencións máis ou menos arbitrarias. Para comprender estas arbitrariedades (por exemplo, a nomenclatura binomial das especies e a uninomial dos rangos superiores, ou a cantidade de rangos taxonómicos e dos seus nomes) é preciso estudar a historia da taxonomía, que deixou como herdanza os Códigos Internacionais de Nomenclatura, as regras técnicas que deben ser cumpridas polos sistemas de clasificación.

A nova crise de biodiversidade, os avances nas anélises do ADN e a posibilidade de intercambiar información a través da internet deron un enorme pulo a esta ciencia na década de 2000 e xeraron un debate sobre a necesidade de facer reformas substanciais nos Códigos, que aínda se están a discutir. Algúns exemplos de novas propostas son a taxonomía libre de rangos, os marcadores xenéticos e a publicación por Internet.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.