Retrete

Denomínase retrete, inodoro ou váter o elemento sanitario empregado para recoller e evacuar os excrementos humanos a fin de dirixilos cara a unha instalación de saneamento (mediante un peche de sifón de auga limpa); así mesmo impide a saída dos cheiros da cloaca cara aos espazos habilitados para a micción e defecación. Xeralmente os inodoros fabrícanse de porcelana, aínda que tamén poden atoparse de louza ou de aceiro inoxidábel. Por outra banda, o termo retrete, por extensión, tamén pode facer referencia xa non só ao elemento sanitario en si mesmo, senón ao cuarto enteiro onde están dispostas as instalacións sanitarias e que polo tanto é o recuncho destinado á evacuación das necesidades.

Decorative toilet seat
Imaxe dun retrete clásico coa tapa aberta.
Bathroom dfg
Cuarto de baño con ducha e retrete.
Ancient-roman-squat-toilets
Retretes dos antigos romanos.
Lothal bath toilet
Vestixios dun sistema de saneamento na cidade de Lothal.
Orfice
O tubo dunha cloaca.

Historia

Antigüidade

A historia dos baños, e xa que logo do retrete (que os romanos nomearon orixinariamente matulla), transcorre paralela á orixe da civilización. Tan pronto como aparece un grupo de persoas reunidos e cohabitando nun mesmo lugar, aparece tamén a necesidade dun sistema para evacuar os lixos e os excrementos. Cidades como Harappa e Lothal foron as primeiras en contar cun sistema de baños independente en cada casa e unidos por drenaxes cubertos de ladrillos de arxila cocida previamente. Atopáronse así mesmo sumidoiros en ladrillos similares en Mesopotamia, así como tubos en terra cocida nos pazos minioanos, que transportaban a auga baixo presión. As augas utilizadas tranportábanse en gabias. Sistemas similares existiron en Exipto e mais en China. Nos primeiros baños públicos as persoas poñíanse en crequenas enriba do burato, no cal caían os excrementos rapidamente evacuados pola auga dos sumidoiros. Os ouriños fluían nun regueiro disposto no chan.

De calquera maneira, foi na Antiga Roma onde foron descubertas as disposicións sanitarias máis coñecidas. Estes, os romanos, tiñan deuses para o que hoxe chamamos saneamento. Así, o deus Stercutius estaba consagrado ao esterco, Crepitus ás flatulencias, e unha deusa, Cloacina, encargábase de velar polo sumidoiro principal. Porén este sistema de cloacas, coñecido co nome de Cloaca Máxima, recolectaba só mediante o emprego da auga caída coa choiva. O funcionamento era abondo sinxelo: os excrementos eran verquidos nas rúas, onde se acumulaban nunha canle central até que a choiva os arrastraba. Non obstante, o destino das augas fecais eran os barrios periféricos, polo que non acababa de ser un sistema de saneamento de todo eficaz.

En Roma, polo xeral, os patricios facían uso dos penicos, que eran baleirados polos seus escravos. O emperador Heliogábalo era coñecido por posuír penicos feitos cos mellores materiais. Por outra banda, a plebe tiña acceso aos baños públicos, concibidos para evacuar os excrementos (a auga circulaba transportándoos por baixo do burato) e os ouriños (polo regueiro no chan). Nalgúns casos, os ouriños eran recuperados por tintureiros e lavandeiros co gallo do desengraxe da roupa.

Tamén noutros lugares comunitarios como os mosteiros se atopan exemplos de saneamento. Os budistas da actual Sri Lanka empregaban daquela botes porosos para filtrar os ouriños, mentres que os excrementos eran reutilizados como fertilizante. Esta reutilización dos excrementos repítese en numerosas civilizacións onde a agricultura era preponderante: arredor do 90% dos excrementos son reutilizados aínda na China actual, e o mesmo sucedía en Londres até a revolución sanitaria do século XIX, onde as foxas das instalacións eran baleiradas manualmente pola noite, e os excrementos eran secados e, unha vez enxoitos, transportados sobre carretas e pontóns cara aos campos de Hertfordshire e de Hampshire.

Idade Media

Paris-Egouts-p1010721
Cloacas en París
Réplica dun retrete medieval
Réplica dun retrete medieval en Estonia

A Idade Media marca unha separación entre Europa e Asia. En Asia, os excrementos son reutilizados a miúdo como fertilizante, a través dun sistema organizado. Tal foi o caso do Iemen onde nalgunhas cidades os baños eran pequenos cuartos enriba dos edificios, de onde os excrementos caían cara ás foxas de abaixo, ao nivel da rúa. Os excrementos eran baleirados a continuación regularmente por unha trampa, despois secados á raxeira e destinados a convertérense en carburantes [1]. Este sistema de recuperación existía tamén noutras cidades asiáticas como Kabul, en Afganistán, onde as foxas eran baleiradas, e os excrementos traídos cara aos campos nunha carroza da época. Estes sistemas permitían deixar os excrementos secar e volvérense máis manipulábeis. Na India, en troques, a defecación era practicada na natureza, ao bordo dun río ou do mar, mentres que os baños dos castelos desembocaban nos ríos ou un lugar sen vida social.

En Europa é máis raro que os excrementos estean disecados. Aínda que os castelos funcionaban como os mosteiros de Bután e mais os fortes indios, onde os excrementos caían ao baleiro, no caso das cidades existían máis problemas, posto que era pouco habitual que existise un sistema organizado de colleita e evacuación dos excrementos. Os habitantes utilizaban a miúdo botes de cuartos que eran baleirados nas rúas xunto co lixo. Así, en 1671 en Berlín, os excrementos acumuláronse até tal punto diante dunha igrexa que unha lei foi aprobada para obrigar os campesiños de visita na cidade a embarcar unha parte con eles ao seu regreso[2]. O caso de París pouco mellor era, pois os habitantes defecaban directamente nas rúas, namentres que en Versalles os cortesáns facían as súas necesidades detrás das portas, sobre os balcóns ou nos xardíns, sen agochárense. As prácticas variaban entre os países: Inglaterra tampouco non era mellor que Francia: as cabanas enriba dos ríos existiron, pero de maneira escasa. Os contidos fecais eran revendidos aos granxeiros veciños da cidade e, durante as guerras anglo-españolas, eran empregados para fabricar o salitre para o po do canon [3]. As foxas instaladas nas adegas, corrían o risco continuo de desbordamento.

Os problemas co saneamento eran máis marcados nas cidades europeas emerxentes; no medio rural, as latrinas eran utilizadas comunmente, consistindo a miúdo nun banco perforado de buratos, enriba dunha foxa larga, todo isto nunha cabana separada da casa. Nas cidades, as clases acomodadas utilizaban penicos, ás veces pechados e rematados cun asento perforado máis cómodo, baleirados polo servizo doméstico. As clases máis pobres destinaban como retrete un recanto da súa adega ou baleiraban o penico directamente na rúa. Esta última práctica sería prohibida nas grandes cidades: tanto en Londres como en París estivo prohibido descargar auga nas canles das rúas até mediados do século XIX.

Adopción progresiva da cisterna en Europa

Cisterna de thomas crapper
Os sanitarios comercializados polo empresario Thomas Crapper

En 1592, John Harington, poeta e afillado da raíña Isabel I de Inglaterra, crea a primeira cisterna na súa casa en Kelston, preto de Bath. Despois de que a raíña visite a súa casa, fixo instalar unha segunda cisterna nun hotel de luxo, o Richmond Hotel. Respecto aos sistemas da antigüidade, que evacuaban xa os excrementos con auga, a cisterna de Harington podíase soster sen problemas nun pequeno cuarto e desembocar nunha pequena foxa instalada no xardín, namentres que cos sistemas antigos, sendo a maioría deles comunitarios, deixaban as feces ao aire libre. O logro de Harington non coñeceu gran notoriedade até despois de morto este. Algúns viaxeiros vidos a Inglaterra mencionan as «máquinas do pequeno recanto» no século XVII.

A primeira patente depositouna o reloxeiro Alexander Cummings en 1775. A súa innovación maior é o engadido dun tubo dobrado en forma de U, que actúa como sifón e que impide a subida dos cheiros. A auga contida no sifón era substituída completamente en cada cisterna, permitindo unha limpeza automática. Estes baños eran moito máis complexos ca os de hoxe, con numerosas comportas de entrada e saída, así como tamén con numerosos canos. A cisterna «moderna» coa cubeta asociada estaba destinada ao principio aos máis pobres, e non se expandiu o seu uso até chegado 1840.

A finais do século XVIII e sobre todo a comezos do século XIX, sobe o nivel de vida e numerosos habitantes das clases medias europeas acceden á propiedade, e por conseguinte tamén ao mercado dos accesorios domésticos, e sobre todo o dos baños. Empresarios como Thomas Crapper gañan sona grazas ao retrete. Porén, os sistemas de saneamento non seguen evolucionando: os baños vérquense en foxas, que son purgadas á noite, e o seu contido serve para fertilizar os campos. O crecemento das grandes vilas fai que aparezan as redes urbanas de cloacas, no entanto o seu custo e as trabas administrativas dificultan a súa construción.

A revolución sanitaria do século XIX

Retrete e Hixiene
Retrete en condicións manifestamente mellorábeis.

Contra mediados do século XIX, o nivel de contaminación de certos ríos chegou a un nivel crítico. Co verán quente e seco de 1858, pódese falar dunha ondada de excrementos no Támese que rebela e irrita a poboación londiniense. O descoñecemento dos mecanismos de transmisión das enfermidades como a cólera aumenta o pánico; a proximidade do Támese ao Parlamento incita os deputados a actuar con celeridade. Dúas semanas despois do pico da crise, unha lei é votada, facilitando a construción de sumidoiros e desbloqueando créditos consecuentes. Este acontecemento, coñecido baixo o nome «Gran Cheirume», marca o comezo da denominada «revolución sanitaria» que coñecen as metrópoles europeas durante a segunda metade do S.XIX[4]. Acontecementos coma o de Londres non son illados; así, por exemplo, París terá o seu «Gran Cheirume» do Sena en agosto e setembro de 1880[5].

Retretes e latrinas

Pisuar
Inodoro pendurado dun baño público

O termo latrina designa principalmente un retrete precario, pouco avanzado, como poden ser as gabias ou os buratos no chan recubertos dunha simple táboa. O termo segue sendo empregado no exército. Segue estando correntemente utilizado nos países en desenvolvemento e ás veces nas zonas rurais dos países desenvolvidos. Decote é empregada a forma en plural latrinas.

A distinción entre retretes e latrinas non sempre queda clara. O termo latrina foi utilizado correntemente polas ONG nos programas de saneamento para designar os sistemas de saneamento subdesenvolvidos. Porén, como este termo é considerado a miúdo pexorativo, a palabra retrete ten gañado terreo e actualmente designa ambos os sistemas, os que se están avanzados e os que non o están.

Unha cunca clásica de retrete (aquí si existen diferenzas con respecto á latrina) está composta polo entrador, o redondo e mais unha tapadeira. Nalgúns países fríos, o redondo está calefactado.

Cisterna

A cisterna é o depósito de auga que contén un retrete. Accionase de diversos xeitos, que en Galiza son principalmente tres:

  • Premer un botón na parte ulterior de dito depósito, a un lado ou no medio da porcelana.
  • Tirar dunha panca pendurada do teito, onde fica o depósito; este método é o máis común nos inodoros máis vellos.
  • Accionar cara a abaixo unha panca que adoita estar a un lado do depósito cando o retrete é dunha soa peza.

Nos modelos máis comúns, a cantidade de auga dunha cisterna varia entre os 6 e os 8 litros, que son renovados con cada descarga, mediante a cal a auga depositada e mais os excrementos son levados polo cano, até que finalmente esa mesma auga volve ficar estancada no centro de saneamento pertinente.

Ao respecto da súa orixe, débese sinalar que foi un invento de Thomas Crapper, británico, quen en 1886 instalou sobre o inodoro un depósito de agua de arredor de dez litros de capacidade, así como unha panca coa cal liberar a agua ao tirar da cadea. Mellorou máis tarde o seu invento engadíndolle un sifón que permitía que sempre houbese auga no fondo.

En relación ao consumo de auga, existen tamén retretes de descarca dupla, cun consumo de 3 litros para os líquidos e 6 litros para sólidos, e por outra banda están os que funcionan en base a descargas de aire comprimido, que se valen de entre litro e litro e medio por descarga de auga. Estes retretes con sistema de baleiro son utilizados principalmente en avións onde o custo da auga transportada é particularmente elevado, e tamén en instalacións experimentais para o uso eficiente da auga[6].

Tipos, características e aplicacións

L-Klosett2
Debuxo explicativo dun retrete co seu cano

Clasificación técnica dos retretes

Tecnicamente, polo xeral, os retretes ou inodoros son clasificados da seguinte maneira:

  • Inodoro de pedestal: a maioría dos inodoros son deste tipo. Consta dun asento fixado ao chan mediante bulóns ou outra peza removíbel.
  • Inodoro pendurado: a cunca está fixa á parede mediante unha armadura angular metálica encaixada na tanto na parede coma no chan. Ten a vantaxe de deixar o chan completamente libre, o cal facilita a limpeza.
  • Inodoro á turca, inodoro turco ou placa turca: trátase dun inodoro sen cunca. Consiste nun buraco feito no chan, con dúas apoiaturas adxacentes para pousar os pés. Ao carecer de asento, ás veces recibe o nome de latrina, mais, a diferenza desta, o inodoro á turca si posúe peche hidráulico. Aínda que este tipo de retrete non goza de boa reputación, sería o inodoro máis axeitado posto que facilita tomar a postura máis natural para defecar.

Clasificación das latrinas segundo aplicación

Multi-family latrine in Cap-Haitien
Habitáculos para latrinas en Haití
Squat outhouse cm01
Latrina moi simple en Polonia
Latrina en Porto Rico
Cabina dunha latrina en Porto Rico
  • Latrina de burato seco

Esta latrina é a máis común. Trátase simplemente dun burato no terreo cuberto cunha prancha de cemento ou madeira, que de igual xeito dispón doutro burato, por norma xeral de trazado circular, sobre o que eventualmente pode colocarse unha cunca. Este tipo de latrina recoméndase en lugares con pouca densidade de poboación, e é fundamental que estea localizada a polo menos 30 m da vivenda e da fonte de auga potábel. Desaconséllase a súa utilización en áreas inundábeis, en áreas onde a capa freática é pouco profunda, en zonas veciñas aos mananciais, terreos moi impermeábeis, pois axiña quedaran asolagados.

  • Latrina xeradora de fertilizante

A latrina xeradora de fertilizante transforma os excrementos sólidos en fertilizante ou terra mellorada que pode ser utilizada na quinta familiar sen perigo ningún para a saúde. Consta de dúas cámaras independentes situadas por enriba do nivel do terreo. As cámaras constrúense sobre unha base de cemento de 5 cm de espesura, cunha malla de ferro, quedando illada totalmente do terreo. Internamente as cámaras están impermeabilizadas con morteiro de cemento e seladas na parte superior cunha lousa de cemento reforzada con ferro. Esta lousa superior ten un orificio que comunica con cada unha das cámaras, onde se colocan as cuncas especiais. Utilízase alternativamente cada unha das cámaras por un tempo aproximado de medio ano, que é o tempo que cómpre para que a cámara chea, que foi selada cun plástico, procese naturalmente o material defecado mesturado con papel e cinza ou cal. Unha vez transcorrido este tempo pódese retirar o contido da cámara, quitando algúns ladrillos que foron dispostos para este fin. O material -que presenta unha aparencia terrosa, enxoita e sen cheiros- pode ser empregado a modo de fertilizante.

A concepción da cunca da latrina xeradora de fertilizante é tal que permite a separación de compostos sólidos e líquidos. Os sólidos caen na cámara impermeabilizada en uso. Ao final da deposición engádese aproximadamente medio quilo de cinza, ou ben de cal. Os líquidos, por medio dun tubo, xeralmente unha mangueiriña de ½ polgada, condúcense ao exterior da latrina por medio dunha pequena poza filtrante. Este tipo de latrina pode ser utilizada en calquera sitio; non obstante, é especialmente acaída cando o nivel freático é elevado, cando se trata de zonas rochosas e cando os terreos son moi impermeábeis.

  • Latrina xeradora de fertilizante de secado solar

Trátase dunha modificación da latrina xeradora de fertilizante descrita no punto anterior. Consta dunha única cámara que foi prolongada uns 60 cm por fóra da caseta. A tapa desta prolongacón cóbrese cunha lámina metálica pintada de negro que quenta o material na cámara e acelera o seu secado. Cada quince días levántase a tapa metálica, e cun legón arrástrase o excremento sólido mesturado con papel e cinza ou cal, para situalo debaixo da prancha metálica. É aconsellábel colocar unha cheminea de aireación que remate por enriba do teito da caseta. O tubo de aireación non debe permitir a entrada de auga de chuvia e debe estar provisto dunha reixa para non permitir a saída das moscas, que naturalmente andan na busca de luz.

  • Latrina de peche hidráulico

Isto vén sendo o inodoro (sanitario), é o seu uso só se recomenda en lugares onde a dispoñibilidade de auga non é un problema, o nivel freático é profundo e a filtración do terreo é media. O ideal é que estas latrinas dispoñan dunha foxa séptica dividida en dúas partes, unha impermeábel onde permanezan os sólidos -que periodicamente deben ser retirados por medio de bombas especiais denominadas barométricas- e mais unha cámara filtrante onde os líquidos fiquen no terreo sen causar contaminación.

Usos erróneos

Latrina e mexada
Unha latrina
  • Gasas, compresas e outros plásticos: o feito de tirar na auga do inodoro as gasas, compresas ou mesmo outros plásticos como é o caso dos profilácticos, pode chegar a obstruír os canos, afectando negativamente ao sistema de cloacas xa que poden orixinar a obstrución do enreixado de entrada, ocasionando de tal xeito diversos problemas tanto hixiénicos como mecánicos. Os residuos deben de ir sempre ao cubo do lixo.
  • Cigarros: tamén as pavas dos cigarros deben de ser tiradas no cubo do lixo e non polo retrete, pois a nicotina e mais o alcatrán disólvense rapidamente na agua e mesmo nunha concentración baixa resultan altamente contaminantes.
  • Medicamentos: as menciñas conteñen compostos que de se liberar na auga de forma descontrolada poden comportarse de xeito imprevisto e acabar por danar a saúde. O método axeitado para se desprender delas pasa por acudir á farmacia máis próxima, onde se encargarán da súa eliminación.
  • Papel hixiénico: cómpre evitar o papel coloreado ou con debuxos pois está tinguido con produtos tóxicos. A substitución por papeis non hixiénicos, é dicir, non aptos para a limpeza do usuario, pode tamén chegar a obstruír o cano do retrete.
  • Aceites: aceites e hidrocarburos son indisolúbeis en auga polo que endexemais deben verquerse no retrete. Ademais, son difíciles de eliminar e poden chegar a propagar infeccións. O método de eliminación pasa por achegarse aos talleres especializados, onde se encargarán de levalos a plantas de tratamento especiais. Os mesmos problemas presentan as pinturas sobrantes, que tamén son altamente contaminantes.
  • Produtos de limpeza: cómpre evitar o emprego de produtos de limpeza agresivos, xa que danan as canalizacións e provocan danos en redes de sumidoiros e plantas de tratamento. As cantidades deben ser as mínimas posíbeis.

Datos relacionados e curiosidades

JapaneseToiletBidet
Retrete con bidé incorporado.
Bernard Picart - The Perfumer
Acto da defecación.
Pink Toilet Paper
Rolo de papel hixiénico rosa.
Limbourg Ves1JPG
Retrete público nunha praciña belga.
  • O retrete actual non se diferencia demasiado do concibido inicialmente durante a época victoriana, no século XVIII.
  • O nome retrete procede do catalán ou do provenzal retret, que literalmente significa "retirado"[7].
  • Máis de 2.600 millóns de persoas en todo o mundo non dispoñen de acceso a ningún tipo de retrete e por extensión a ningún sistema de saneamento dos excrementos e ouriños[8].
  • Diariamente, 7.000 persoas morren a consecuencia de enfermidades derivadas da falla de saneamentos adecuados.
  • Xapón está á vangarda no mundo do retrete, pois alí se patentou o retrete con bidé incorporado, evitando deste xeito o gasto en papel hixiénico e proporcionando un maior grao de aseo ao usuario.
  • En 2008 foi comercializado por vez primeira un retrete portátil que se pode transportar até os 8.000 metros de altura e que está pensado para cubrir as necesidades dos alpinistas[9].
  • Tamén no 2008 unha moza australiana discorreu un retrete que funciona por medio da reciclaxe das augas grises da ducha. Coñécese como retrete ecolóxico ou eco-friendly[10].
  • Existe a Organización Mundial do Retrete, unha organización non gubernamentel con sé en Singapur.
  • A Conferencia Mundial do Retrete celebrou a sétima edición cunha xuntanza en Delhi na que estiveron representados máis de 40 países.
  • En Nova Delhi existe un Museo do Retrete, fundado polo Bindeshwar Pathak e mais a súa organización Sulabh International Social Service Organisation, que traballa dende 1970 no mundo do saneamento.
  • En 2004, en Pequín, a Conferencia Mundial do Retrete reclamou a creación dun Día Mundial do Inodoro[11].
  • En xuño de 2008, un dos propósitos dunha das misións do transbordador espacial Discovery da NASA foi fornecer unha peza de reposto para bombear a auga do inodoro instalado na Estación Espacial Internacionl, que levaba estragado máis dunha semana, durante a cal os tres ocupantes da estación tiveron que verter auga manualmente varias veces ao día[12].
  • No estado norteamericano de Kansas, unha muller pasou dous anos encaixada no retrete do mozo namentres que este se ocupaba de lle fornecer comida e bebida. Finalmente foi sacada de aló co uso dunha panca grazas aos servizos de urxencias[13].
  • En 2007, a empresa norteamericana Roto-Rooter deseñou un retrete ao que puxo por nome Pimped Out John, e que foi concibido coma un retrete de entretemento. Dispón dos seguinte accesorios: pantalla plana, deuvedé, gravadora dixital, videoconsola, ordenador con acceso á internet, frigorífico, cafeteira, quentador-refrixerador eléctrico para cuncas e vasos, revisteiro, pedais para facer ximnasia e un botón de alarma.
  • Na cultura occidental os retretes públicos representan, no que se refire a espazos pechados, un dos lugares preferidos para os graffiteiros.
  • Estímase que ao longo da súa vida un usuario medio dun servizo sanitario pasa case 12.000 horas facendo uso da retrete. Pasamos unha media dun ano, catro meses e cinco días da nosa vida no váter, segundo Paul Abrams, portavoz da compañía Roto-Rooter[14].
  • En 2004 foi achado o retrete sobre o cal Lutero escribiu as súas 95 teses, unha armazón de pedra de 30 cm adherida a unha das paredes da súa casa. Ao parecer, o monxe sufría de estrinximento crónico e víase na obriga de pasar moitas horas no baño, feito que non o detía á hora da elucubración e da escrita[15].
  • No mes de novembro de 2007 foi aberto en Taibei o duodécimo restaurante temático dunha cadea que basea a súa ornamentación nos accesorios do baño[16].
  • Tamén en Taibei, outro restaurante de xerencia xaponesa senta os comensais enriba dunhas cuncas de retrete[17]. Trátase dunha franquía que naceu en 2004 baixo o nome de «Modern Toilet».
  • O 21 de marzo de 2009 rexistrouse a maior cola de espera para a entrada nun retrete. Sucedeu en Bruxelas, Bélxica, e constitúe, con 756 persoas, unha nova marca de récord guinness, anteriormente fixado en medio millar de persoas, nos Estados Unidos[18].
  • En 2009, en Alacant, un veciño atopou unha pitón instalada dentro do seu retrete, tendo esta probablemente chegado até aló a través do desaugadoiro[19].

Fabricantes de retretes

  • American Standard Companies
  • Arabia
  • Armitage Shanks
  • Caroma
  • Claytan
  • Clivus Multrum
  • Crane
  • Duravit
  • Eljer
  • Evac
  • Gerber Plumbing Fixtures
  • Geberit
  • IDO
  • Karat
  • Kohler Company
  • Roca
  • TOTO
  • Victory
  • Villeroy & Boch

Galería de imaxes

Retrete

Retrete de deseño coa tapa pechada

Toilet 370x580

Retrete coa cadea tirada

Auschwitz wc

Retretes no campo de concentración de Auschwitz

Amnesty-gitmo-cell-toilet

Retrete e lavabo de aceiro nunha soa peza

Bothie - Jerome, Arizona

Retrete nunha vila pantasma en Arizona

Baño e ducha improvisados

Retrete e ducha improvisados

JapaneseSquatToilet

Retrete tradicional xaponés

Retrete xaponés ultramoderno

Retrete ultramoderno xaponés

B747 toilet

Retrete dun avión Boeing747

Retrete con grafitti

Retrete con graffiti

Retrete tapa negra

Retrete branco con tapa negra

Retrete en uso

Retrete en uso dun garito

Notas

  1. Winblad & Simpson-Hébert, capítulo 3 « Eco-San examples », páx. 21-52
  2. Harold Farnsworth Gray, « Sewerage in ancient and medieval times », no Sewage Works Journal, vol. 12, n°5, p. 939-946, 1940.
  3. Stephen Halliday, The Great Stink of London, Sutton Publishing, Stroud, 1999
  4. Black & Fawcett, capítulo 1, « A short story of the unmentionable », páx. 1-32
  5. David Barnes, The great stink of Paris and the nineteenth-century struggle against filth and germs, The Johns Hopkins University Press, Baltimore, USA, 2006 (ISBN 0-8018-8349-0)
  6. "Uso eficiente da auga: o caso do aeroporto internacional de São Paulo" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20 de xaneiro de 2012. Consultado o 05 de xullo de 2009.
  7. Segundo o dicionario IrIndo Arquivado 08 de febreiro de 2010 en Wayback Machine.. Consultado o 27 de febreiro de 2010.
  8. The Big Necessity: Adventures in the World of Human Waste, de Rose George Libro publicado no ano 2008
  9. Retretes portátiles para o Everest
  10. Retretes que reciclan a auga da ducha
  11. Información sobre o reclamo do Día Mundial do Inodoro
  12. Misión: arranxar un inodoro
  13. Muller encaixada nun retrete durante dous anos (en castelán)
  14. Información e datos sobre o retrete
  15. Corriere della Sera, 23 de outubro de 2004 (italiano)
  16. "Tampereen yliopiston sähköiset julkaisut". Arquivado dende o orixinal o 28 de xullo de 2007. Consultado o 28 de xullo de 2007.
  17. Cear enriba dun retrete. Nova aparecida en La Voz de Galicia.
  18. A cola máis longa para facer pis. Fonte: Público (castelán)
  19. Unha pitón no baño

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Alexander Cumming

Alexander Cumming foi un reloxeiro escocés ao que se atribúe a invención da cadea do retrete. Esta primeira patente para a cisterna do váter foi acadada por Cumming en 1775. Trátase en certa maneira do precedente do retrete moderno, permanecendo unha pequena cantidade de auga no tubo logo de cada tiro da cisterna, evitando deste xeito a ascensión dos cheiros ao cuarto e por extensión á vivenda. Cómpre salientar que John Harington xa inventara unha cisterna como tal en 1596, mais sen a trampiæa para manter a auga.

Augas grises

As augas grises ou augas usadas son as augas xeradas polos procesos dun fogar, tales como o lavado de trebellos de limpeza e de roupa así como o aseo das persoas.

Baño

O topónimo Baño pode referirse a:

Baño, lugar da parroquia de Xanza, no concello de Valga;

O Baño, lugar da parroquia de Mugardos no concello de Mugardos;

Cal do Baño, lugar da parroquia do Burgo no concello de Muras;

Couce do Baño, lugar da parroquia de Recemel no concello das Somozas.

Bidé

Un bidé é un elemento sanitario destinado ao lavado íntimo dos xenitais e do ano. Pode así mesmo servir para lavar outras partes do corpo humano, tales como pés ou cabelos.

A pesar da súa semellanza co retrete, está máis próxima á función dunha cunca ou dunha bañeira: é práctico para lavar un bebé ou para axudar ás persoas de mobilidade reducida a manter unha hixiene corpórea adecuada. Os usuarios que non están afeitos aos bidés confúndenos a miúdo cun urinario ou mesmo cunha fonte de auga. O bidé debe de ser utilizado sentando enriba, de costas á billa ou ben de fronte.

Os máis antigos modelos de bidés eran mobles inamovíbeis, conformados polo xerla por unha cubeta de porcelana dentro dun moble de madeira provisto de catro pés, e cuberto dunha tapadeira tamén de madeira. Hoxe en día, fabrícanse de porcelana ou de esmalte e están equipados cunha billa mesturadora para enchelos de auga, e dun sistema de drenaxe para baleiralos. A billa debe estar orientada de xeito que proxecte un chorro de auga dirixido directamente cara aos xenitais.

Cambio léxico-semántico

Chámase cambio léxico-semántico ó cambio lingüístico experimentado na evolución histórica do compoñente léxico-semántico dun idioma.

Dos compoñentes da linguaxe, o léxico-semántico é o máis propenso ó cambio porque reflicte de forma moi clara as modificacións e transformacións (técnicas, psicolóxicas, sociolóxicas, epistemológicas...) propias da evolución das culturas humanas, con independencia de que o léxico básico permaneza inalterado.

Hai varios factores que cooperan para que se produza este fenómeno:

o proceso de transmisión da linguaxe.

a falta de fixeza e vaguidade do significado.

a facilidade das palabras para se desviar ou se desvencellar do seu significado orixinario.

o fenómeno da polisemia.

a ambigüidade semántica de moitas palabras, non resolta nin sequera polo contexto.

Casas baratas

Casas baratas é un libro escrito por Antón Riveiro Coello, publicado en 2005.

Cuarto de baño

Un cuarto de baño (chamado tamén sanitario ou simplemente baño) é unha habitación xeralmente utilizada para o aseo persoal, o baño e a evacuación de refugallos humanos.

Desaparafusador

Un desaparafusador é unha ferramenta que se utiliza para apertar e afrouxar parafusos e outros elementos de máquinas que requiren pouca forza de apertado e que xeralmente son de diámetro pequeno.

Galería (arquitectura)

Unha galería é un elemento construtivo e de composición arquitectónica, empregado en boa parte do norte peninsular, en especial na arquitectura galega dos séculos XIX e XX. Na arquitectura burguesa residencial galega acadou o seu maior grao de desenvolvemento ao se converter nunha peza fundamental dos edificios de vivendas.

Game of Thrones (tempada 4)

A cuarta tempada da serie de televisión Game of Thrones estreouse o 6 de abril de 2014 na canle HBO.Como as outras tres tempadas, a cuarta consta de dez episodios. Está baseada na segunda metade de A Storm of Swords, o terceiro libro da saga de novelas A Song of Ice and Fire creada por George R. R. Martin, da cal a serie é unha adaptación.

José Ríos Gómez

José Ríos Gómez, nado en Poulo (Ordes) cara 1912 e finado en Ordes o 9 de agosto de 1947, foi un guerrilleiro antifranquista galego.

Marcial Lafuente Estefanía

Marcial Antonio Lafuente Estefanía, nado en Toledo en 1903 e falecido en Madrid o 7 de agosto de 1984, foi un escritor español, autor de populares novelas do oeste.

Organización Mundial do Retrete

A Organización Mundial do Retrete (World Toilet Organization), con sede en Singapur é unha organización sen ánimo de lucro estabelecida co fin de mellorar as condicións a nivel mundial tanto do retrete coma do resto de elementos sanitarios. OMT (WTO) é así mesmo unha das poucas organización centradas no retrete e non nas augas residuais, as cales reciben maiores atencións e prestacións baixo o termo global de saneamento. Fundada en 2001 por 15 membros, en 2009 conta con máis de 150 distribuídos en máis de 50 países, que traballan co obxectivo común de erradicar os tabús e facilitar a sostibilidade do mundo do retrete e por extensión do saneamento.

Pimped Out John

O retrete Pimped Out John foi deseñado en 2007 por unha empresa norteamericana Roto-Rooter. Foi concibido coma un retrete de entretemento. Dispón dos seguinte accesorios: pantalla plana, deuvedé, gravadora dixital, videoconsola, ordenador con acceso á internet, frigorífico, cafeteira, quentador-refrixerador eléctrico para cuncas e vasos, revisteiro, pedais para facer ximnasia e un botón de alarma.

RMS Titanic

O RMS Titanic (en inglés: Royal Mail Steamship Titanic) foi un transatlántico construído en Irlanda, que afundiu na súa viaxe inaugural a través do océano Atlántico Norte ao colisionar cun iceberg a noite do 14 ao 15 de abril de 1912 na viaxe a Nova York. Finaron máis de 1500 persoas e recolléronse soamente uns 300 corpos do mar. Considérase popularmente a maior traxedia naval dun só buque da historia, aínda que outros afundimentos producisen máis vítimas, coma os do Steuben (4500) ou o MV Wilhelm Gustloff (7000).

O Titanic era o segundo dun trío de transatlánticos, a clase Olympic, que pretendía dominar o negocio das viaxes transoceánicas a principios do século XX.

O RMS Olympic foi botado ao mar no 1910 e entrou en servizo no 1911, o Titanic foi botado no 1911 e entrou en servizo no 1912, e o HMHS Britannic (orixinalmente RMS Gigantic) foi botado no 1914 e entrou en servizo no 1915, aínda que o comezo da Gran Guerra fixo que nunca prestase servizo comercial, sendo destinado a buque hospital.

Foron deseñados por Thomas Andrews e eran propiedade da White Star Line, construíronse nos estaleiros de Harland and Wolff en Belfast (Irlanda do Norte, Reino Unido), a clase Olympic destacaba polo seu tamaño, luxo e avances técnicos fronte aos Transatlánticos da competencia, o RMS Mauretania e o RMS Lusitania, da Cunard Line. O Titanic foi o barco de pasaxeiros máis grande e luxoso da época xunto co Olympic.

O afundimento do Titanic e o gran número de vítimas supuxo unha modificación da normativa de seguridade naval. En 1914 foi aprobado o convenio SOLAS de seguridade no mar.

Rijksmuseum

O Rijksmuseum ou Museo Nacional de Amsterdam, é un museo situado na famosa praza de Museumplein de Ámsterdam (Países Baixos). Está dedicado á arte, a artesanía e a historia. Posúe unha extensa colección de pinturas do Século de Ouro holandés e unha substancial colección de arte asiática.

O Rijksmuseum alberga obras de Frans Hals, Rubens, Johannes Vermeer, Jan Vermeer, Jan Steen, Fra Angelico, Geertgen tot Sint Jans, Ferdinand Bol, Nicolaes Maes, Guerrit Dou, Jacob van Ruisdael, Lucas van Leyden, Jan Brueghel o Vello e do mestre Rembrandt van Rijn.

Destacan sobre todo as obras deste último: A rolda de noite, A noiva xudía, A árbore de Xesé, A morte dos inocentes e varias paisaxes dos Países Baixos.

Rodrigo de Bastidas

Rodrigo de Bastidas, nado en Sevilla en 1445 e finado en Santiago de Cuba en 1527, foi un adiantado e conquistador español. Localizou o litoral atlántico colombiano, dende a península da Guajira até o golfo de Urabá, o istmo de Panamá e o río Magdalena. Foi tamén o fundador da cidade de Santa Marta.

Thomas Crapper

Thomas Crapper, nado en Waterside, Thorne, Yorkshire, Inglaterra, en setembro de 1838 e finado en xaneiro de 1910, foi fontaneiro e fundador de Thomas Crapper & Co. Ltd., en Londres. A pesar da lenda urbana, non foi Crapper o inventor do retrete (o mito é amais fomentado polo xogo de palabras do seu apelido). Crapper, non obstante, fixo moito por estender a popularidade de dito elemento sanitario e mesmo argallou algúns inventos relacionados. Obtivo público recoñecemento por mor da calidade dos seus produtos así como tamén recibiu parabéns institucionais.

Xurxo II de Gran Bretaña

Xurxo II de Gran Bretaña e Hannover (en alemán Georg Augustus von Hannover), nado no Schloss Herrenhausen, en Hannover, o 10 de novembro de 1683 e falecido no castelo de Kensington o 25 de outubro de 1760, foi rei de Gran Bretaña e de Irlanda, duque de Brünswick-Luneburgo (en Hannover) e Príncipe elector do Sacro Imperio Romano Xermánico desde o 11 de xuño de 1727 ata a súa morte. Foi o segundo soberano da Casa de Hannover e o último monarca británico que dirixiu persoalmente as súas tropas nunha batalla (en Dettingen en 1743). Así mesmo, foi o último soberano inglés en nacer fóra de Gran Bretaña.

Xurxo II foi famoso polos seus múltiples conflitos co seu pai e posteriormente co seu fillo (algo moi común entre os soberanos da casa de Hannover). As súas relacións coa súa muller foron moito mellores, a pesar das numerosas amantes que tivo. Xurxo II exerceu pouco control sobre a política durante o principio do seu reinado, o goberno estaba dirixido polo primeiro (non-oficial) "Primeiro Ministro" Sir Robert Walpole.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.