Resurrección de Xesús

A Resurrección de Xesús é o nome dado á fe cristiá de que Xesús de Nazaret retornou á vida o domingo seguinte ao venres na cal el foi crucificado. É unha doutrina central da fe e da teoloxía cristiá e parte do Credo Niceno: "Resucitou dos mortos ao terceiro día, conforme as Escrituras."[1]

Segundo o Novo Testamento, ocorreu ao terceiro día de que Xesús fose crucificado, morto e sepulto nunha tumba. O momento preciso da resurrección non se describe, nin aparece como presenciado por ninguén (nin sequera polos soldados que custodiaban o lugar); si a súa consecuencia: as miróforas[2] (tres Marías o santas mulleres) encontran a tumba baleira[3] (nun dos evanxeos, o de Mateo, no medio dun estrondo causado pola chegada dun anxo -nos demais evanxeos tamén aparecen anxos, aínda que noutra actitude-). A partir dese momento menciónanse varias aparicións de Xesús resucitado[4] en diversas ocasións, tanto a María Madalena (Noli me tangere) como aos apóstolos (Tomé, que mostrara a súa incredulidade,[5] é invitado polo propio Xesucristo a meter a man na chaga do costado)[6] e a outros discípulos (aos discípulos de Emaús e a un grupo de máis de cincocentos "irmáns").[7]

A resurrección de Xesucristo celébrase no calendario cristián coa festividade do Domingo de Pascua ou de resurrección. O domingo de resurrección denomínase tamén nos Συναξάριον synaxarion e calendarios litúrxicos da igrexa ortodoxa "domingo das miróforas co nobre Xosé.[8]

Os textos evanxélicos datan o descubrimento da tumba baleira en o primeiro día da semana seguinte á celebración da pascua xudía (que é a festividade que se celebrou na Última Cea). A expresión ao terceiro día, que suscita unha curiosa controversia cronolóxica (menos de corenta e oito horas cóntanse como tres días),[9] é a máis utilizada por recollerse no Credo: resucitou ao terceiro día, segundo as Escrituras; e provén dun fragmento do Evanxeo de Lucas: xa van tres días que sucederon estas cousas (a morte de Xesús)[10]

Pietro Perugino cat53
"Resurrección".1499-1500. Por Perugino.

Notas

  1. Versión actualizada do Credo Niceno-Constantinopolitano presentada no Primeiro Concilio de Constantinopla (381), en Norman Tanner, New Short History of the Catholic Church, page 33 (Burns & Oates, 2011). ISBN 978-0-86012-455-9
  2. Aplícase moi pouco en masculino (miróforos), e designa os personaxes que interveñen en descubrimento da tumba baleira. A palabra grega Μυροφόροι transcrita ao latín como Myrophorae, literalmente significa "portadores da mirra". Ademais das Tres Marías, hai dous varóns que non interveñen neste episodio pero que se identifican coa mirra neste contexto: Nicodemo e Xosé de Arimatea, que interviñeron no descendemento da Cruz e embalsamaron o corpo de Cristo con mirra e aloes. Richard Bauckham, Jesus and the Eyewitnesses (Eerdmans Publishing Company: Cambridge, 2006. No contexto da natividade de Xesús, os Reis Magos levaron ouro, incenso e mirra como agasallo ao Neno.
  3. Stagg, Evelyn and Frank. Woman in the World of Jesus. Philadelphia: Westminster Press, 1978 ISBN 0-664-24195-6.
  4. Tilborg, Sj. van and P. Chatelion Counet. Jesus' Appearances and Disappearances in Luke 24, Leiden etc.: Brill, 2000.
  5. Glenn W. Most, Doubting Thomas.
  6. Evanxeo de Xoán, 20: 24-29. Tradución na páxina web do Vaticano.
  7. 1 Corintios 15:6. Tradución na páxina web do Vaticano.
  8. Sunday of the Holy Myrrhbearing Women with the Noble Joseph
  9. "La Resurección de Jesús". Arquivado dende o orixinal o 02 de xullo de 2013. Consultado o 17 de abril de 2014.
  10. Lucas 24
Cristianismo

O cristianismo (da verba en grego antigo Χριστός, Khristós (Cristo)) é unha relixión monoteísta baseada na vida e ensinanzas de Xesús Cristo como aparecen nos evanxeos canónicos e noutros escritos do Novo Testamento. Actualmente é a relixión, se contamos tódalas súas ramas, que conta con maior número de practicantes, coñecidos como cristiáns.

Os cristiáns cren que Xesús é o Fillo de Deus, Deus feito home, e o salvador da humanidade. Por mor disto, refírense a Xesús como Cristo, o Mesías profetizado nos textos xudeus que compoñen o Antigo Testamento. A doutrina teolóxica básica aparece nos primeiros textos cristiáns, cuxo contido é aceptado pola maioría das confesións cristiás. Estas profesións de fe din que Xesús sufriu, morreu e resucitou de entre os mortos para garantir a vida eterna a aqueles que cren nel e que confían nel para o perdón dos seus pecados. A maioría sosteñen tamén que Xesús subiu ao Ceo e que alí goberna xunto con Deus Pai. Aínda que o cristianismo é unha relixión monoteísta a maioría dos cristiáns cren que Deus existe en tres persoas, Deus Pai, Deus Fillo e Deus Espírito Santo que constitúen unha mesma substancia de Deus, o que constitúe o misterio da Santa Trindade.

Domingo

O domingo é o sétimo día da semana. O nome "domingo" vén do latín Dominicus (dies) ou día do Señor, por causa da celebración cristiá da Resurrección de Xesús.

Cando o Instituto da Lingua Galega elaborou o Atlas Lingüístico Galego, tamén foi rexistrada localmente a forma arcaica primeira feira, soamente observada polo estudo nos lugares de Sistallo (en Cospeito) e Vilachán (en Tomiño) . O termo "primeira feira" procede do latín prima feria (ou feria prima).

Domingo de Ramos

Para os cristiáns, o Domingo de Ramos é o primeiro día da Semana Santa, período en que conmemoran a Paixón, Morte e Resurrección de Xesús de Nazaret. Iníciase rememorando a Entrada de Xesús en Xerusalén. A data de celebración varía cada ano, sempre na contorna dos meses de marzo e abril.

A liturxia do Domingo de Ramos comeza coa bendición das palmas e ramas de oliveira.

Evanxeo

Evanxeo, do grego εὐαγγέλιον (evangélion), de εὐ (eu, que significa 'ben'), e ἀγγέλιον (angélion, que significa 'mensaxe') e en hebreo בשורה, que significa 'noticia' e טובה, que significa 'boa', é a boa noticia do cumprimento da promesa feita por Deus a Abraham, Isaac e Xacob de que redimiría á súa descendencia do pecado (Feitos: 13, 32) por medio da morte do seu Fillo unixénito Xesús (Xénese: 22, 2 ; Salmos: 130, 8 ; Salmos: 2, 7 ) quen morrería en expiación polo pecado de toda a humanidade (Isaías: 53, 10) e resucitaría ao terceiro día (Salmos: 16, 10) para dar arrepentimento e perdón dos pecados a todo aquel que crea nel (Lucas: 24, 47).David profetizou que Xesús resucitaría ao terceiro día sen ver corrupción (Salmos: 16, 10), todos sabemos que David morreu e que o seu corpo viu corrupción (Romanos: 2, 10) e a tumba de David está no Monte Sión, pero Xesús resucitou ao terceiro día (Marcos: 16, 1-6) cumprindo a profecía da súa resurrección e a súa tumba está baleira e é coñecida como o Santo Sepulcro.

Este é o evanxeo que predicaban os primeiros discípulos de Xesús (1 Corintios: 15, 1-12).O cumprimento da promesa de Deus, ou evanxeo, foi escrito polos primeiros discípulos xudeus nos evanxeos, que son os escritos que recollen as primeiras predicacións dos discípulos de Xesús de Nazaret, e cuxo núcleo central da mensaxe é a morte e resurrección de Xesús.

Nun sentido máis xeral o termo evanxeo pode referirse aos evanxeos. Neste sentido existen catro evanxeos contidos no Novo Testamento da Biblia cristiá, chamados Evanxeos canónicos, recoñecidos como parte da Revelación polas diferentes confesións cristiás. Coñécense co nome dos seus supostos autores: Mateo, Marcos, Lucas e Xoán. A maioría dos expertos considera que estes catro evanxeos foron escritos entre os anos 65 e 100 d.C., aínda que outros académicos propoñen datas máis temperás.

Existen outros escritos, coñecidos como Evanxeos apócrifos, non recoñecidos como canónicos polas igrexas cristiás actuais.

Filipe Apóstolo

Filipe Apóstolo, nado a finais do século I antes de Cristo ou a principios do século I era oriúndo de Betsaida. É o apóstolo, elixido como tal por Xesús de Nazaret, que aparece sempre en tódolos listados en quinto lugar.

Graza

No cristianismo, o Amor de Deus por todos e cada un dos homes na súa dimensión de don gratuíto outorgado sen merecemento nin boas obras. É ese amor manifestado na vida, morte e resurrección de Xesús de Nazaret o que, segundo a opinión da maior parte das confesións cristiás, trae á humanidade á salvación, reconciliándoa con Deus Pai.

Igrexa de Norrlanda

A igrexa de Norrlanda (sueco: Norrlanda kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Norrlanda, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.

Luns Santo

O Luns Santo é o segundo dos días da Semana Santa, cuxo comezo ten lugar o Domingo de Ramos, e durante a cal os cristiáns conmemoran a Paixón, Morte e Resurrección de Xesús de Nazaret. Así se pon de manifesto na liturxia das distintas cerimonias que teñen lugar en Semana Santa nas distintas confesións cristiás.

Ademais dos actos celebrados nos templos, diversas manifestacións populares teñen lugar durante a Semana Santa en todo o mundo, destacando as procesións que se organizan en moitos pobos e cidades, como Cartagena, Cuenca, León, Málaga, Salamanca, Sevilla, Valladolid, Ferrol e Viveiro.

Martes Santo

O Martes Santo continúan as celebracións da Semana Santa cristiá comezada o Domingo de Ramos e que conforme vai achegándose os días dos principais cultos (Xoves e Venres Santo) seguen a súa reflexión acerca de diversas pasaxes da Paixón, Morte e Resurrección de Xesús de Nazaret.

María Madalena

María Madalena (ás veces escrito María Magdalena e mesmo María Madanela) foi segundo os evanxeos sinópticos, o Evanxeo de Xoán e varios evanxeos apócrifos, entre eles un que leva o seu nome, unha seguidora de Xesús.

Paixón de Cristo

Paixón de Cristo ou de Xesús é a denominación convencional utilizada para englobar os episodios evanxélicos que narran os sucesos protagonizados por Xesucristo entre a Última Cea e a súa crucifixión e morte (o ciclo narrativo pode deterse aí -comprendendo aproximadamente unha noite e o día seguinte- ou continuarse con o seu enterro e resurrección, ao terceiro día -o cómputo cronolóxico foi historicamente obxecto de debate-). Tamén é o tema máis utilizado na arte cristiá.

A palabra galega "paixón" provén da latina passĭo, -ōnis, sendo esta un calco da grega πάθος (pathos). Fai referencia aos sufrimentos de Cristo, entre os que se inclúen: a traizón dun dos seus discípulos (Xudas Iscariote) e a negación doutro (san Pedro), a oración do horto (aceptación tráxica do seu destino mentres os apóstolos, durmidos, deixábanlle só no Horto das Oliveiras -Xetsemaní-), o seu prendemento (tras ser sinalado co "bico de Xudas" e renunciar a que os seus discípulos defendésenlle), o seu periplo xudicial entre Anás, Caifás, Pilatos e Herodes (o xuízo de Cristo, cos seus interrogatorios e enigmáticas respostas), no transcurso do cal prodúcense diversos episodios de burlas e torturas a cargo dos saións (Cristo na columna, coroación de espiñas, os chamados "improperios"), a presentación á multitude (Ecce Homo), a alternativa presentada a elección popular (salvar a Cristo ou a Barrabás), a súa condena a matar co "lavado de mans" de Pilatos, o Via Crucis (o camiño, cargado coa cruz, atravesando Xerusalén -pola actualmente chamada Vía Dolorosa- ata o monte Calvario -Gólgota-, con varias caídas -debe ser axudado por Simón de Cirene- e encontros -con Verónica, que lle seca o rostro, con a súa nai, coas mulleres de Xerusalén-), o expolio (ser desposuído das súas roupas), e a crucifixión entre dous ladróns (Dimas e Xestas).

Pascua cristiá

A Pascua (grego: Πάσχα) é a festividade relixiosa máis importante do ano litúrxico cristián en conmemoración da resurrección de Xesús de entre os mortos, segundo conta o Novo Testamento, o terceiro día desde a súa crucifixión. Os cristiáns celebran esta resurrección o Domingo de Pascua ou Resurrección, dous días despois do Venres Santo e tres despois do Xoves Santo.

A Pascua tamén se refire ó Tempo Pascual, período do ano litúrxico cristián, que tradicionalmente duraba corenta días entre o Domingo de Pascua e a Ascensión pero agora dura cincuenta días ata Pentecoste, a primeira semana coñécese como Semana Santa. A Pascua marca tamén a fin da Coresma, época de xaxún, oración e penitencia.

A Pascua é unha festa que non ten data fixa en relación co calendario civil. O Primeiro Concilio de Nicea (325) estableceu o día de Pascua como o primeiro domingo despois de lúa chea tralo equinoccio de primavera, eclesiasticamente establecido o 21 de marzo, na práctica a data varía entre o 22 de marzo e o 25 de abril para a Igrexa católica latina e as protestantes que basean os seus cálculos no calendario xuliano, as igrexas orientais, que se basean no calendario gregoriano celébrana entre o 4 de abril e o 8 de maio.

A Pascua cristiá está relacionada coa Pascua xudía, a Pessach, non só no simbolismo senón tamén pola súa disposición no calendario

Nas celebracións modernas da Pascua introducénse novos elementos, como en Galicia o ovo de Pascua ou a rosca de Pascua que os padriños regalan ós afillados, que celebran tanto cristiáns como non cristiáns. Tamén hai unhas poucas confesións cristiás, como os cuáqueros, que non celebran a Pascua.

Paulo de Tarso

Paulo de Tarso, nado en Tarso cara o ano 10 e finado en Roma arredor do ano 67, foi un predicador, o primeiro gran difusor do cristianismo entre os non xudeus ou xentís. O seu nome xudeu era Saulo. Adoita aparecer representado calvo e coa espada coa que foi decapitado.

Puritanismo

O puritanismo, unha parte radical do protestantismo, tivo a súa orixe na Inglaterra posterior á Reforma en Inglaterra, durante o reinado de Isabel I de Inglaterra.

Resurrección

A resurrección é un dogma común a todas as confesións e igrexas cristiás. Foi recollido no credo de Nicea, e figura no denominado credo dos apóstolos. As máis antigas tradicións cristiás dan testemuño desta crenza.

Ten dúas vertentes:

A resurrección de Xesús de Nazaret ao terceiro día da súa morte e sepultura.

A resurrección da carne da que se beneficiarán todos e cada un dos homes.

Semana Santa de Lugo

A Semana Santa de Lugo é unha celebración católica que ten lugar na cidade española de Lugo (provincia de Lugo). É unha das celebracións relixiosas máis antigas de Galicia, que se realiza anualmente e de modo case ininterrompido desde a Idade Media. Nesta conmemórase a paixón, morte e resurrección de Xesús de Nazaret a través dos diferentes actos, celebracións e procesións que realizan as confrarías. Ademais do seu carácter relixioso, a Semana Santa lucense é tamén considerada como un acontecemento cultural, popular e de atracción turística.A Semana Santa de Lugo é un dos reclamos turísticos da localidade conseguindo ano a ano atraer a miles de visitantes que chegan chamados polo carácter único destas celebracións. Esta Semana Santa destaca polo gran valor artístico da imaxinaría e ourivaría, ademais de ter un carácter xeralmente sobrio e austero, que fai que se asemelle máis á Semana Santa castelá, en comparación con exemplos quizais máis famosos, como a Semana Santa andaluza.Os actos centrais da Semana Santa lucense dan comezo o Venres de Dores e a súa celebración prolóngase durante máis dunha semana, finalizando o Domingo de Resurrección. Nela participan un total de sete Confrarías que compoñen a Xunta de Confrarías, encargada de coordinar os diferentes actos e desfiles procesionais que representan a Paixón de Cristo.

Semana Santa en Andalucía

A Semana Santa en Andalucía é a conmemoración anual cristiá da Paixón, Morte e Resurrección de Xesús de Nazaret e unha das expresións máis xenuínas do sentir cristián andaluz. Supón un fenómeno de carácter sociocultural, turístico e económico de grande importancia na comunidade, de grande arraigamento entre os seus habitantes, quen participan masivamente nela, dando lugar aos máis diversos enfoques, desde a máis estrita ortodoxia, até unha visión soamente cultural.

A través dos desfiles procesionais que se realizan en centenares de pobos e cidades, organizados polas confrarías, sácanse á rúa pasos con imaxes ou grupos escultóricos, en ocasións de gran valor histórico-artístico, representando escenas da Paixón, Morte e Resurrección. Estes van acompañados dun importante cortexo de penitentes ou nazarenos, vestindo o hábito da confraría, portando cirios ou cruces, ademais de farois, estandartes, así como mulleres de "mantilla" e acompañamento musical.

Están catalogadas a Semana Santa de Málaga (1980), Granada (2009) e Sevilla (1980), de interese turístico internacional, e de interese turístico nacional e rexional a celebración da Semana Santa en decenas de municipios andaluces como a de Xerez da Fronteira desde 1993, esta tamén de interese turístico internacional, así como 13 festas relacionadas coa Semana Santa de municipios repartidos por toda a xeografía andaluza. Ademais, o 17 de xullo de 2006 o goberno andaluz declarou de forma xeral á Semana Santa de Andalucía como festa de interese turístico de Andalucía debido ao fenómeno cultural que desempeña con características comúns e unitarias que a singularizan respecto doutras e por ser un importante elemento dinamizador da actividade turística de Andalucía.

Vixilia Pascual

A Vixilia Pascual é unha celebración litúrxica que conmemora a Resurrección de Xesús e ten lugar na madrugada do Sábado Santo ao Domingo de Pascua. É a celebración máis importante do ano na maioría das confesións cristiás, e en todas elas ten un ritual moi semellante que inclúe os símbolos da luz e a auga, dado que na antigüidade os neófitos recibían o bautismo neste acto.

Xesús de Nazaret

Este artigo é sobre a figura histórica de Xesús e os seus aspectos biográficos. Para informacións acerca das múltiples versións de Cristo, vexa ese artigo.

Xesús de Nazaret, tamén coñecido como Xesús, Cristo, Xesucristo ou Xesús Cristo, é a figura central do cristianismo e unha das figuras máis influentes da cultura occidental. Para a maioría das denominacións cristiás, é o Fillo de Deus, a segunda Persoa da Santa Trindade, sendo ao mesmo tempo plenamente humano (Deus encarnado). A súa importancia estriba así mesmo na crenza de que -coa súa morte e posterior resurrección- redimiu o xénero humano. O xudaísmo nega a súa divindade, que é incompatible coa súa concepción de Deus. No islam, onde é coñecido como Isa, é considerado un dos profetas máis importantes.

Segundo a opinión maioritariamente aceptada en medios académicos, baseada nunha lectura crítica dos textos sobre a súa figura, Xesús de Nazaret foi un predicador xudeu que viviu a comezos do século I nas rexións de Galilea e Xudea, e foi crucificado en Xerusalén en torno ao ano 30, baixo o goberno de Poncio Pilato.

O que se coñece de Xesús depende case exclusivamente da tradición cristiá (aínda que aparece mencionado en fontes non cristiás), especialmente da utilizada para a composición dos Evanxeos sinópticos, redactados, segundo opinión maioritaria, uns 30 ou 40 anos, como mínimo, logo da súa morte. A maioría dos estudosos considera que mediante o estudo dos evanxeos é posible reconstruír tradicións que se remontan a contemporáneos de Xesús, aínda que existen grandes discrepancias entre os investigadores en canto aos métodos de análises dos textos e as conclusións que deles poden extraerse. Existe unha minoría que nega a existencia histórica de Xesús de Nazaret.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.