Reserva da biosfera

As reservas da biosfera son ecosistemas terrestres ou costeiros ou mariños, ou unha combinación dos mesmos, que se recoñecen no plano internacional do Programa sobre o Home e a Biosfera (MAB, Man and the Biosphere Programme), que é iniciativa da UNESCO.

Dentro da Rede Mundial de Reservas da Biosfera do programa MAB creáronse ata o 2017 669 reservas da biosfera. Están en 120 estados da UNESCO e 20 deles son reservas transfronteirizas.[1][2]

Con esta designación, o programa MAB, iniciativa da UNESCO, pretende que se leve a cabo unha demarcación, xestión e conservación destes ecosistemas e da súa biodiversidade e culturas. Nunha reserva da biosfera débese incluír unha zona núcleo, área centrais protexida e con especial interese de conservación da súa biodiversidade, unha zona tampón, área de transición arredor das área núcleo na que se limitan as actividades non relacionadas coa súa conservación, e unha zona de transición, na que se promoven as actividades de conservación de biodiversidade e unha economía sustentable.[2] Isto faise co obxectivo de manter un desenvolvemento sustentábel dos recursos naturais e as comunidades humanas que habitan nelas. Este esforzo require investigación, seguimento, educación e preparación.

Obxectivos

As reservas da biosfera decláranse dentro dunha Rede Mundial de Reservas da Biosfera' no Programa sobre o Home e a Biosfera (en inglés Man and Biosphere programme). A rede de biosferas decláranse nos plenos do programa e, por incumprimento dos obxectivos, pódense anular. Buscan acadar un aproveitamento racional e sustentable dos recursos e dos ecosistemas do territorio. Foméntase o diálogo entre as comunidades locais e a súa a participación en decisións do uso dos recursos da reserva, foméntase a involucración de científicos coa política de conservación da biodiversidade e foméntase as políticas de redución da pobreza e da mellora da calidade de vida das persoas.

O programa MAB promociona as colaboracións entre os países dos hemisferios norte cos do sur, e os do sur entre eles. Fomenta o intercambio de experiencias na implantación dos programas das reservas da biosfera e as prácticas aplicadas.

A rede de reservas da biosfera

En 2017 había un total de 669 reservas declaradas, das cales 20 son transfronteirizas. Algúns países como Myanmar aínda tiveron a súa primeira reserva en 2015. En xuño de 2017 no consello internacional da reserva da biosfera e no programa biosfera de París decidiuse a retirada de 17 lugares dos Estados Unidos e 3 de Bulgaria. Porén, engadíronse outros 23 de todo o mundo.[3]

Rexións da UNESCO Número def
Reservas da biosfera
Número de
Estados
África 70 28
Estados Árabes 301 11
Asia e o Pacífico 142 24
Europa e América do Norte 302 36
América do Sur, América Central e o Caribe 125 21

Espazos nas reservas da biosfera

Nunha reserva da biosfera débese incluír:[2]

  • unha zona núcleo, área centrais protexida e con especial interese de conservación da súa biodiversidade,
  • unha zona tampón, área de transición arredor das área núcleo na que se limitan as actividades non relacionadas coa súa conservación,
  • e unha zona de transición, na que se promoven as actividades de conservación de biodiversidade e unha economía sustentable.

Isto faise co obxectivo de manter un desenvolvemento sustentábel dos recursos naturais e as comunidades humanas que habitan nelas. Este esforzo require investigación, seguimento, educación e preparación.

Reservas da biosfera en Galiza

Galiza conta con seis reservas da biosfera declaradas. Dúas delas transcenden os límites galegos e teñen parte súa en Asturias (Río Eo, Oscos e Terras de Burón) e Portugal (o Gerês-Xurés).[4]

Nome Interterritorial Declaración Área Habitantes
Área de Allariz[5] Non 29/06/2005 21.482 ha. 9.867
As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo[6] Non 28/05/2013 116.724,3 ha. 189.902
Gerês-Xurés[7] Si (Galego-Portuguesa) 27/05/2009 330.874 ha. 76.301
Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá[8] Non 27/10/2006 53.664 ha. 3.252
Río Eo, Oscos e Terras de Burón[9] Si (galego-asturiana) 19/06/2007 159.379 ha. 30.413
Terras do Miño[10] Non 8/11/2002 363.668,9 ha. 172.966

Notas

  1. UNESCO (eds.). "Man and the Biosphere Programme - Biosphere reserves" (en inglés). Consultado o 15 de outubro de 2017.
  2. 2,0 2,1 2,2 UNESCO (eds.). "World Network of Biosphere Reserves (WNBR)" (en inglés). Consultado o 15 de outubro de 2017.
  3. Chow, Lorraine (16/06/2017). "US Quietly Removes 17 Sites From UN Biosphere Reserve Network". Truthout. Arquivado dende o orixinal o 23/10/2017. Consultado o 16 June 2017.
  4. Red Española de Reservas de la BIOSFERA (eds.). "Mapa - Las reservas de la biosfera española".
  5. Reserva da biosfera Área de Allariz na web oficial da Unesco (en inglés)
  6. Novas reservas da biosfera designadas pola Unesco o 28 de maio de 2013 na web oficial da Unesco (en inglés)
  7. O Xurés-Gerês xa fai parte da Reserva da Biosfera Consultada o 06/03/10
  8. Declaración da reserva Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá no web da Unesco (en inglés)
  9. R. Romar (19/9/2007). "La Unesco declara reserva de la biosfera la ría de Ribadeo". La Voz de Galicia. Consultado o 15/12/2007.
  10. Reserva da biosfera Terras do Miño na web oficial da Unesco (en inglés)

Véxase tamén

Ligazóns externas

Baix Ebre

O Baix Ebre (en galego: Baixo Ebro) é unha comarca da provincia de Tarragona, en Cataluña. Está situada na desembocadura do río Ebro e a súa capital é Tortosa. En 2009 tiña 81.724 habitantes.

A comarca limita co Baix Camp, a Ribera d'Ebre e a Terra Alta polo norte, co mar Mediterráneo polo leste, coa comarca do Montsià polo sur e coa Terra Alta e o Matarranya polo oeste.

Baixa Limia - Serra do Xurés

O Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés é un parque natural e zona especial de conservación (ZEC) que abrangue tres concellos galegos denominado como tal en 1993, con 20 920 hectáreas e que en maio de 2009 foi declarado conxuntamente co parque limítrofe portugués Reserva da Biosfera pola UNESCO . Está situado no Sur da provincia de Ourense, e estende a súa zona de actuación ás montañas dos concellos de Entrimo, Lobios e Muíños, ata a fronteira con Portugal, limitando co Parque Nacional de Peneda-Gerês. Trátase dunha zona de montaña, na que o material xeolóxico predominante é o granito. Dentro dos seus límites están os circos glaciares situados a menor altitude da Península.

Carballa da Rocha

A Carballa da Rocha é un carballo situado na Saínza de Abaixo, en Rairiz de Veiga, no concello de Rairiz de Veiga, Ourense, declarado Monumento natural pola Xunta de Galicia o 1 de marzo do ano 2007, englobando seis leiras lindeiras que suman 0,6429 ha. Tamén foi declarada árbore senlleira o 17 de abril do 2007 .

A Carballa da Rocha atópase dentro da reserva da biosfera Área de Allariz.

Lusacia

Lusacia é unha rexión europea situada no leste de Saxonia e o sur de Brandeburgo, na actual Alemaña, ocupando tamén partes de Silesia en Polonia e na República Checa.

O seu nome é Lausitz en alemán, Łužica en alto sorabo, Łužyca en baixo sorabo, Łużyce en polaco, Lužice en checo, Uůžyce en silesio e Lusatia en latín.

Montsià

O Montsià é unha comarca da provincia de Tarragona, en Cataluña. É a máis meridional das comarcas catalás e a súa capital é Amposta. En 2009 tiña 72.189 habitantes.

A comarca limita co Baix Ebre polo norte, co mar Mediterráneo polo leste, co Baix Maestrat (Castelló) polo sur e coa comarca do Matarraña (Aragón) polo oeste.

Pantanal

O Pantanal é un ecosistema con 250 mil km² de extensión e altitude media de 100 metros, situado no sur de Mato Groso e no noroeste de Mato Groso do Sur, ambos Estados do Brasil, alén de implicaren o norte do Paraguai e leste da Bolivia (que é chamado chaco boliviano), considerado por UNESCO patrimonio natural Mundial e Reserva da Biosfera.

Parque Nacional das Tablas de Daimiel

O Parque Nacional das Tablas de Daimiel é un parque nacional español que protexe a zona húmida homónima, as Tablas de Daimiel. O parque nacional atópase situado nos termos de Daimiel e Villarrubia de los Ojos, na provincia de Ciudad Real, na comunidade autónoma de Castela-A Mancha. É ademais zona de especial protección para as aves (ZEPA) e parte da Reserva da Biosfera A Mancha Húmida.

As Tablas son un dos últimos representantes dun ecosistema denominado táboas fluviais que se forman ao desbordarse os ríos nos seus tramos medios, favorecidos por fenómenos de semiendorreísmo e a escaseza de pendentes. A zona húmida fórmase na confluencia do río Guadiana e o seu afluente Gigüela e é un dos ecosistemas acuáticos máis importantes da Península Ibérica pola variedade e calidade da fauna e flora que habitan nela, así como por aquelas aves que a empregan nos pasos migratorios.

Con todo, a supervivencia do parque periga debido á sobreexplotación dos acuíferos que provoca que sen achegue artificial de auga, a reserva sufra duras secas. Debido a esta degradación, o 22 de outubro de 2009 a Comisión Europea abre un expediente a España, mentres que a UNESCO xa expresara con anterioridade a posibilidade de retirar a figura de reserva da biosfera.

Parque nacional

Un parque nacional é, no marco lexislativo español, un espazo natural declarado como parque por estar pouco transformado pola explotación ou pola ocupación humana e que, en razón á beleza das súas paisaxes, a representatividade dos seus ecosistemas ou a singularidade da súa flora, da súa fauna ou das súas formacións xeomorfolóxicas, posúe uns valores ecolóxicos, estéticos, educativos e científicos, co cal a súa conservación merece unha atención preferente. Poden ser marítimos ou terrestres, e encontrarse na montaña, no mar, no deserto ou en calquera outro espazo definido xeograficamente.

O único parque nacional galego é o Parque Nacional das Illas Atlánticas.

O termo de parque nacional pode ser unha figura legal similar noutros estados para a conservación de espazos naturais.

Quintana Roo

Quintana Roo (oficialmente en castelán: Estado Libre y Soberano de Quintana Roo) é un dos 31 estados do México. Divídese en 11 concellos e a súa capital é a cidade de Chetumal. Quintana Roo atópase na parte leste da península do Iucatán e limita cos estados de Campeche polo oeste e do Iucatán polo noroeste, así como cos distritos de Orange Walk e Corozal de Belize polo sur. Como o estado máis oriental de México, Quintana Roo ten costa polo leste no Mar Caribe e polo norte co Golfo de México. No pasado, o estado abranguía 44.705 km2 e compartía unha pequena fronteira con Guatemala no suroeste do estado. Porén, en 2013, a Suprema Corte de Xustiza da Nación de México resolveu o conflito limítrofe entre Quintana Roo, Campeche e o Iucatán derivada da creación do concello de Calakmul por Campeche en 1997, poñéndose do lado de Campeche e beneficiando así ó Iucatán.Quintana Roo é o estado da cidade de Cancún, as illas de Cozumel e Illa Mujeres, e as vilas de Bacalar, Playa del Carmen e Akumal, así como as ruínas maias de Chacchoben, Cobá, Kohunlich, Muyil, Tulum, Xel-Há e Xcaret. A reserva da biosfera de Sian Ka'an tamén se atopa neste estado.

Reserva da biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo é unha reserva da biosfera declarada o 28 de maio de 2013, que abrangue 17 concellos das comarcas da Coruña, Betanzos e Terra de Melide. A reserva ten unha superficie de 113.970 hectáreas e nela vive unha poboación dunhas 190.000 persoas.

Dentro da reserva inclúense varias zonas de especial conservación da Rede Natura 2000 e un monumento natural.

Reserva da biosfera Gerês-Xurés

A reserva da biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés é a reserva da biosfera galego-portuguesa de 260 hectáreas de afluentes do río Limia, como o Vez, Homen e o Cávado, ao seu paso polas serras do Xerés, do Quinxo e da Santa Eufemia. Parte súa está en concellos galegos da Limia e Baixa Limia e en autarquías de Viana do Castelo, Braga e Vila Real das provincias portuguesas do Minho e Trás-os-Montes. É un espazo de montaña granítica, con picos como a Nevosa e a Fontefría, e de abundantes ríos que discorren case dun xeito rectilíneo. Esta reserva da biosfera ten un 24% da súa área na zona galega e dun total 260 mil ha. que están catalogadas como zonas núcleo, de máxima importancia de conservación.

Reserva da biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón

A Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón abrangue os concellos de Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz en Galicia, e de Castropol, A Veiga, Taramundi, San Tirso de Abres, Vilanova de Oscos, Santalla de Oscos e Samartín de Oscos en Asturias. Ten unha extensión de 1595,889 km² e inclúe a máis da totalidade da cunca do río Eo dende o seu nacemento en Fonteo ata a súa desembocadura na ría de Ribadeo, a propia ría e boa parte das cuncas que nela desembocan, así como anacos das cuncas dos ríos Miño, Navia e Porcía, encadrando unha unidade de biodiversidade, cultural e patrimonial. Cando foi designada, a zona tiña unha poboación de 32 974 habitantes, se ben case tódolos municipios observan decrecemento de poboación.

Reserva da biosfera Área de Allariz

A Área de Allariz e unha reserva da biosfera declarada o 25 de xuño do ano 2005 e que abrangue os concellos de Allariz (bisbarra de Allariz-Maceda), A Bola (Terra de Celanova), Vilar de Santos e Rairiz de Veiga (A Limia), todos eles pertencentes na provincia de Ourense. A reserva ten unha superficie de 21.482 hectáreas e nela vive unha poboación de menos de 10.000 persoas.

Ría de Ribadeo

A ría de Ribadeo, ou ría do Eo, é formada a partir do río Eo xunto con outros ríos menores, como o río Grande, como un entrante do Cantábrico. Está situada no nordeste de Galiza e oeste de Asturias, actuando como fronteira natural. Ten 10 km de lonxitude e unha largura abondo constante duns 800 m, estreitándose ata os 600 m preto da boca, circunstancia aproveitada para construír sobre ela a Ponte dos Santos, e abríndose abondo máis á altura da enseada de Arnao, xusto á beira da súa boca, ou na enseada da Liñeira, fronte a Ribadeo, ambas na parte oriental.

A ría e o seu espazo natural da parte galega están amparados polas figuras de protección de zona especial de conservación, zona de especial protección para as aves e zona húmida protexida, e a parte asturiana como reserva natural parcial. O conxunto da ría de Ribadeo está dentro da Reserva da biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón e dentro do programa internacional de zonas húmidas Ramsar.

Serra Nevada

Serra Nevada é un macizo montañoso pertencente ao conxunto da Cordilleiras Béticas, concretamente aos sistemas Penibéticos. Está situada en Andalucía, España, e esténdese desde o centro-sueste da provincia de Granada e parte do suroeste da provincia de Almería. No ano 1986 foi declarada Reserva da Biosfera pola UNESCO e no 1999 foi declarada Parque Nacional polos seus valores botánicos, paisaxísticos e naturais. É o macizo montañoso máis alto de toda Europa occidental despois dos Alpes. A súa altitude máxima atópase no pico Mulhacén, de 3.482 metros.

Somiedu

Somiedu (en castelán: Somiedo) é un concello do Principado de Asturias. En 2006 tiña unha poboación de 1.544 habitantes.

Limita ao norte con Belmonte de Miranda, ao leste con Teberga, ao oeste con Tinéu e Cangas del Narcea e ao sur coa provincia de León. Atópase en plena Cordilleira Cantábrica e forma parte do Parque Natural de Somiedo, declarado Reserva da Biosfera.

Está formado polas parroquias de Aguinu, Castru, Caunéu, Clavichas, Corés, Éndriga, Gúa, La Ḷḷera'l Coutu, Las Morteras, Pigüeces, Pigüeña, La Pola, El Puertu, La Riera, Santuchanu, El Vaḷḷe, Veigas e Viḷḷar de Vildas. A capital é La Pola.

Tortosa

Tortosa é un concello de Cataluña, pertencente á provincia de Tarragona. Está localizado na comarca de Baix Ebre, da que é capital.

Zona especial de conservación As Catedrais

As Catedrais é un espazo natural declarado zona especial de conservación (ZEC), coa praia das Catedrais declarado como monumento natural e que forma parte da reserva da biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón. Atópase na costa setentrional de Galicia, entre a praia de San Miguel de Reinante (ao oeste) e a praia de Olga (ao leste) entre Barreiros e Ribadeo.

Zona húmida protexida

As zonas húmidas protexidas son ecosistemas que teñen auga constantemente ou dun xeito estacional e que polo seu interese de protección e conservación son espazos naturais protexidos. Segundo a Convenio de Ramsar, unha zona húmida é unha «área de marismas, esteiros, foces ou turbeiras, tanto naturais como artificiais, nas que a auga é estática ou flúe, é tanto doce, salobre coma salgada, e áreas nas que a auga mariña en marea baixa non ten unha profundidade maior de seis metros». Agás na Antártida, estas zonas están por todo o planeta e son ecosistemas como os de lagoas e ríos, acuíferos subterráneos, marismas, esteiros, turbeiras, deltas, mangleirais, corais ou encoros construídos, entre outros.As zonas húmidas máis destacables do planeta, segundo a UNESCO, son Tonlé Sap (Cambodia), Pantanal (Brasil), Lac Saint-Pierre (Canada), a Ciénaga Grande de Santa Marta (Colombia), Camarga (Francia), a reserva da biosfera de Hara (Irán), o delta do Volga (Rusia), Langebaan (Suráfrica), The Everglades (EEUU) e o delta du Saloum (Senegal).As zonas húmidas Ramsar supera en 2017 as 2200 e cobren o 2,1% da superficie do planeta. En Galicia hai declarados cinco zonas húmidas de importancia internacional.

Espazos protexidos de Galicia
Parque Nacional:
Parque Natural:
Monumento Natural:
Rede Natura 2000:
Zona húmida protexida:
Reserva da Biosfera:
Outros:

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.