República de Xénova

A Serenísima República de Xénova (en italiano Serenissima Repubblica di Genova) foi un estado independente creado pola cidade costeira de Xénova en 1096, situado en Liguria, na costa noroccidental da península Itálica. Mantívose independente entre os séculos XI e finais do XVIII, até que en 1797 as tropas de Napoleón Bonaparte conquistaron o territorio, establecendo despois a República Ligur. Finalmente acabou sendo anexionada polo Reino de Sardeña, que acabou creando o Reino de Italia. Xunto a Amalfi, Venecia e Pisa era unha das catro repúblicas marítimas.

Goberno

Desde a idade media estivo gobernada sucesivamente por cónsules, podestás ou capitáns do pobo. A república consular foi, substancialmente, democrática, mentres que a dos podestás e a dos capitáns do pobo retomou con violencia a relación, con frecuencia conflitiva, entre autoridade e liberdade.

No século XVI cambiou o seu goberno por un sistema de tipo oligárquico, con dogos perpetuos. Esta foi a época de maior esplendor.

Andrea Doria conseguiu pór de acordo as 250 familias máis poderosas da República, que tiveron como misión elixir o Consello Maior (Maggior Consiglio), que cada dous anos nomeaba aos dogos que representaban a República. Esta época foi rexida pola aristocracia.

Xénova foi un estado con clara vocación marítima e comercial, sendo un estado débil e dependente de inxerencias estranxeiras no plano político e militar. A vida política de Xénova estivo dominada por varias familias sen que o estado tivese un papel principal. Pese a que os principais logros foron económicos, tamén conseguiu unha expansión territorial polo Mediterráneo e o mar Negro, aínda que a maioría das veces se trataba tan só de establecementos puramente comerciais.

Historia

A República ten o seu precedente nos privilexios dados á cidade polos reis de Italia Berengario II e Adalberto no ano 958, os primeiros que recibía un municipio italiano. Entre eles estaban a inmunidade do territorio da cidade, así como as posesións dos seus habitantes, co que a partir de entón os representantes da monarquía tiñan prohibida a entrada nas casas dos habitantes da cidade ou esixirlles aloxamento ou manutención durante as súas visitas oficiais.

Finalmente constituíuse en comuna independente a finais do século XI ou principios do XII.

As invasións árabes provocaron un declive do comercio en todas as cidades do arco costeiro entre Barcelona e Roma. Trala expansión árabe, Xénova tivo que limitar os seus intercambios comerciais aos logrados coa navegación costeira.

Mediterráneo Oriental 1450 d.C
Territorio da república de Xénova no Mediterráneo oriental (1450).

Pisa e Xénova daquela non comerciaban con lugares afastados, e ansiaban o control da illas de Córsega e Sardeña, en poder dos musulmáns. Aínda que rivais, as dúas cidades aliáronse en 1016 para atacar as illas, o que propiciou unha expansión rápida do comercio de ambas as dúas cidades. A alianza con Pisa repetiuse en 1087, cando tomaron e saquearon Mahdya, apoderándose dun abundante botín.

A comezos do século XII Pisa era a primeira potencia económica e comercial do Mediterráneo Occidental, pero Xénova culminou con éxito unha serie de empresas coas que pasou a desbancar ao seu rival. Así, durante a primeira década do século logrou mediante triunfantes expedicións barrios nas cidades de Tortosa, Acre, Gibelot, Trípoli, Sidón, Beirut e Mamistra. Posteriormente fixo incursións a Bugía (1136), Almería (1146) e Tortosa en 1148. En 1155 consegue un barrio en Constantinopla, onde xa se estableceran os mercadores de Venecia e Pisa.

Durante a idade moderna a institución dos dogos mantívose con algunhas reformas. En 1797 Napoleón Bonaparte conquistou case todo o territorio ligur, implantando a República Ligur e facendo que pasase a depender do Imperio Francés desde 1805.

Trala caída de Napoleón I en 1815, o Congreso de Viena estableceu a anexión da República Ligur, e polo tanto da Liguria, ao Reino de Sardeña, gobernada pola casa real dos Savoia.

Batalla de Lepanto

A batalla de Lepanto tivo lugar no golfo de Lepanto (Corinto) o 7 de outubro de 1571, e enfrontou unha frota cristiá cunha turca otomá.

Benedetto I Zaccaria

Benedetto I Zaccaria, nado aprox. en 1235 e finado en 1307, foi un almirante italiano da República de Xénova. Foi o Señor de Focea (desde 1288) e o primeiro Señor de Quíos (desde 1304), e o fundador da fortuna Zaccaria en Bizancio e a Grecia latina. Foi, en diferentes etapas da súa vida, un diplomático, aventureiro, mercenario, e home de Estado.

Caída de Constantinopla

A caída de Constantinopla (en grego: Ἅλωσις τῆς Κωνσταντινουπόλεως, Halōsis tēs Kōnstantinoupoleōs; en turco: İstanbul'un Fethi) ou a conquista de Bizancio, polos turcos otománs o 29 de maio de 1453 foi un acontecemento histórico que, segundo a periodización clásica, marca a fin da Idade Media en Europa e a fin do derradeiro vestixio do Imperio Bizantino e da cultura clásica.

Xusto antes da conquista turca, Constantinopla era unha capital sen país: o Imperio Bizantino (Imperio Romano de Oriente), que outrora se estendía dende Persia até os Alpes, e tamén polos desertos de Asia, quedara reducido ó interior das murallas da cidade, arrodeada pola forza da nova nación turca. Constantino XI, derradeiro emperador de Bizancio, intuíu o perigo de que Constantinopla, cidade de cultura europea milenaria, caese por mor da supremacía militar dos otománs. Mehmed II, sultán dos turcos, conquistou a cidade, o cal supuxo a fin do antigo imperio bizantino e o comezo da preseza turca en Europa oriental.

Cidade

A cidade é actualmente considerada como unha entidade urbana con alta densidade de poboación na que predominan fundamentalmente a industria e os servizos. Diferénciase doutras entidades urbanas por diversos criterios, entre os que se inclúen poboación, densidade de poboación ou estatuto legal, aínda que a súa distinción varía entre países.

Historicamente os habitantes das cidades foron unha proporción pequena da humanidade en xeral, mais hoxe, despois de varios séculos de urbanización sen precedentes e acelerada, a metade da poboación mundial vive nas cidades. As cidades actuais normalmente forman o núcleo de grandes áreas metropolitanas e áreas urbanas, creando numerosos desprazamentos diarios cara ó centro das cidades para traballar, divertirse, ou estudar.

A cidade máis poboada é Shanghai mentres que as áreas metropolitanas máis grandes tamén inclúen a Área do Gran Tokio e Iabotabek (Jakarta). As cidades de Faiyum, Damasco, e Varanasi son das cidades habitadas máis continuamente no mundo.

Cristovo Colón

Cristovo Colón, naceu na República de Xénova en 1451 e finado en Valladolid o 20 de maio de 1506, foi un navegante, cartógrafo, almirante, vicerrei, explorador e gobernador xeral das Indias durante os século XV e XVI ao servizo dos Reis Católicos, famoso polo denominado descubrimento de América para a civilización occidental en 1492, tras emprender unha viaxe a través do Océano Atlántico co obxectivo de chegar á India, malia que en troques chegou ás illas do Caribe na América Central conseguindo establecer as rutas marítimas e abrindo o camiño á colonización americana.

As terras exploradas por Colón foron inicialmente chamadas Indias Occidentais ou Novo Mundo, até a aparición, en 1507, do mapa de Martin Waldseemüller e Matthias Ringmann do obradoiro cartográfico de Saint-Dié-des-Vosges, cando se pasaron a chamar América, co gallo de que Waldseemüller leu unhas relacións sobre exploracións feitas naquel continente polo navegante italiano Amerigo Vespucci.

Malia que posibelmente non foi o primeiro explorador europeo de América, Colón foi quen descubriu un novo continente para Europa e a historia, ao ser o primeiro navegante capaz de trazar unha ruta de ida e retorno aproveitando as correntes mariñas do Atlántico que hoxe aínda se utilizan, abrindo deste modo un Novo Mundo para explorar, e explotar, nos vellos reinos europeos.

O seu antropónimo (coñecido pola latinización Columbus ou adaptado ás diferentes linguas) é unha icona mundial que inspirou innumerables denominacións, como a dun país: Colombia, e dúas rexións de Norteamérica: a Columbia Británica, no Canadá, e o Distrito de Columbia, nos Estados Unidos.

Cruz de San Xurxo

A cruz de San Xurxo é unha cruz grega de goles (vermella) sobre fondo prata (branco).

É a bandeira nacional de Inglaterra, e está na bandeira nacional de Xeorxia e aparece nos escudos das cidades de Londres, Milán, Xénova, Friburgo, Coblenza, Montreal e Barcelona, e das armas das rexións de Renania-Palatinado, Aragón e Sardeña.

Foi enarborada nun principio pola república de Xénova, que mantiña a hexemonía do comercio marítimo mediterráneo arredor do século XI. Inglaterra solicitou permiso para enarborala nos seus barcos e quedar así protexidos para navegar polo Mediterráneo e o mar Negro. Máis tarde foi feita insignia da Royal Navy, potencia marítima que chegaría a ser a máis potente do mundo. Quedou así incorporada á bandeira británica que máis tarde colonizaría territorios dos cinco continentes.

Tamén formou parte do emblema do Imperio Bizantino e do rei Ramiro I de Asturias.

Cruzada contra a coroa de Aragón

A cruzada contra a coroa de Aragón foi un conflito bélico que durou dende 1283 até 1285. A cruzada foi declarada polo papa Martiño IV contra Pedro o Grande, pola súa intervención nos asuntos sicilianos en contra da vontade papal. A maior parte do conflito desenvolveuse en terras catalás, malia que os primeiros episodios producíronse na fronteira navarro-aragonesa. En vinganza, a coroa de Aragón atacou Mallorca e Occitania.

Pedro o Grande tivo que loitar contra o exército cruzado que apoiaba a Filipe III de Francia, composto por tropas do Reino de Francia, o Reino de Mallorca e a República de Xénova, contando só coas tropas catalás e valencianas, e sen poder contar coa nobreza do Reino de Aragón que se abstivo de participar no conflito.

Década de 1760

A década de 1760 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 1760 e remata o 31 de decembro de 1769.

Filipe I de Castela

Filipe de Habsburgo, alcumado o Fermoso, nado en Bruxas (Flandres) o 22 de xullo de 1478 e finado en Burgos o 25 de setembro de 1506, foi un nobre da casa de Habsburgo, arquiduque de Austria, duque de Borgoña, Brabante, Limburgo e Luxemburgo, conde de Flandres, Habsburgo, Hainaut, Holanda, Zelandia, Tirol e Artois, señor de Antuerpen e Malinas, entre outras cidades (1482 - 1506), e rei de Castela e de León (1504 - 1506) polo seu matrimonio con Xoana, filla e herdeira dos Reis Católicos.

Foi quen trouxo a liñaxe dos Habsburgo nos territorios da actual España. O apelativo o Fermoso, deullo o rei Luís XII de Francia. En 1501, Filipe e Xoana viaxaban cara a Castela para seren coroados e detivéronse en Blois. Alí o rei francés recibiunos, a velo exclamou: Velaí un fermoso príncipe.

Era fillo de Maximiliano I, emperador de Alemaña e de María de Borgoña. O seu pai pactou o seu matrimonio con Xoana, filla dos Reis Católicos, no marco da Liga Santa que uniu a monarquía castelá-aragonesa co Sacro Imperio, Inglaterra, Nápoles, a república de Xénova e o ducado de Milán contra as pretensións hexemónicas de Francia na península italiana (1495).

Deste matrimonio naceran 6 fillos:

Leonor (Lovaina,1498 - Talavera,1558). Arquiduquesa de Austria. Casada co rei Manuel I de Portugal.

Carlos (Gante, 1500 - Mosteiro de Yuste, 1558). Rei de Castela, Aragón e emperador do Sacro Imperio.

Isabel (Bruxelas, 1501 - Zwijnaerde, Gante, 1526). Arquiduquesa de Austria. Casada co rei Cristián II de Dinamarca.

Fernando (Alcalá de Henares, - Viena,1564), emperador do Sacro Imperio.

María (Bruxelas, 1505 - Cigales, 1558). Archiduquesa de Austria. Casada con Luís II Xagellón, rei de Hungría, Bohemia e Croacia.

Catarina (Torquemada, 1507 - Lisboa, 1578). Arquiduquesa de Austria. Casada co rei Xoán III de Portugal.Nos Países Baixos borgoñóns (Bélxica, Holanda e Luxemburgo) actuou como un administrador competente e un soberano popular e amado, que soubo unir os intereses dos seus diversos territorios, demostrando especial talento para planear reformas e para dar tranquilidade e paz logo de anos de turbulencias políticas.

Mortos os infantes Juan (1497) e Isabel (1498), así como o fillo desta última, o infante Miguel (1500), a súa esposa convértese na herdeira de Castela e Aragón. Morta a raíña Isabel a Católica (1504), ábrese o problema da sucesión nos reinos casteláns. Pola Concordia de Salamanca (1505), acórdase o goberno conxunto de Filipe, Fernando de Aragón e a propia Xoana. Porén, as malas relacións entre el (apoiado pola nobreza castelá) e o seu sogro, o rei Fernando o Católico, obrigaron a este a renunciar ao poder en Castela para evitar un enfrontamento armado. Pola Concordia de Villafáfila (1506), Fernando retírase aos seus estados de Aragón, como rei, e Filipe é proclamado rei de Castela. Hai pois catro monarquías na península neste momento: Portugal, Navarra, Castela-León, Aragón.

Entre tanto, Xoana mostra visos de loucura, segundo algúns polos celos que lle producían as infidelidades do marido, polo que sentía un amor tan apaixonado como pouco correspondido. Aínda que as Cortes de Castela reunidas en Valladolid se negaron a declarar a incapacidade da raíña Xoana, Filipe I exerce o poder efectivo sen contar con ela. Tradicionalmente ténselle censurado polo favoritismo que demostrou polos seus conterráneos flamengos, así como por repartiren dádivas e prebendas entre os nobres casteláns para buscar o seu apoio; mais é posíbel que iso respondese a unha estratexia dirixida a afianzar o poder real e a pór couto as inxerencias de seu sogro nos asuntos casteláns. A figura que atinxira maior preeminencia no seu breve goberno (mais non ata consideralo un valido) foi un escuro nobre, o señor de Belmonte, de nome Juan Manuel.

En xuño de 1506 desembarcou coa súa muller na Coruña para dirixirse á Pobra de Sanabria a reunirse co seu sogro, pasando a noite do día 15 na vila da Gudiña. A súa morte, que ocorreu na burgalesa Casa del Cordón, foi tan súbita que correu o rumor de que seu sogro o envelenara. Segundo parece mentres se encontraba Filipe en Burgos, xogando aos birlos, tras a partida, suando aínda, bebeu abundante auga fría, a consecuencia do cal caeu enfermo con alta febre e morreu uns días despois. Porén, os investigadores máis recentes e autorizados atribúen a súa morte á peste. O falecemento do monarca acrecentou a suposta loucura da raíña Xoana.

Fernando o Católico aproveitou o débil estado mental da súa filla para encerrala no pazo de Tordesillas (Valladolid), do que xa no sairá ata a súa morte, para converterse en rexente dos reinos castelán-leoneses.

Filipe V de España

Filipe V de España, nado no Palacio de Versalles o 19 de decembro de 1683 e finado en Madrid o 9 de xullo de 1746, alcumado o Animoso, era duque de Anjou e neto do rei de Francia Luís XIV e da raíña consorte a infanta de España María Tareixa. Foi rei de España dende o 15 de novembro de 1700 ata a súa morte; sucedeu o seu tío-avó (último monarca da Casa de Habsburgo) Carlos II. Desta maneira vai ser o primeiro monarca da Casa de Borbón.

Hadrián V, papa

Hadrián V, nado en Xénova sobre o 1205 e finado en Viterbo o 18 de agosto de 1276 foi o Papa nº 186 da Igrexa católica en 1276.

Inocencio IV, papa

Inocencio IV (nado en Xénova cara o 1185 e falecido en Nápoles o 7 de decembro de 1254) foi o Papa nº 180 da Igrexa católica.

De nome Sinibaldo Fieschi, foi o último representante da teocracia pontificia. Formouse en Parma e Boloña, sendo profesor de dereito canónico nesta última cidade. O 23 de setembro de 1227 foi nomeado cardeal-párroco de San Lourenzo en Lucina; o 28 de xullo de 1228, vice-chanceler de Roma; en 1235 bispo de Albenga e legado no norte da península itálica. Foi elixido Papa o 25 de xuño de 1243, tras máis de ano e medio coa sede vacante trala morte de Celestino IV.

Con ocasión da celebración do conclave para elixilo Papa, Federico II controlaba os arredores de Roma, sendo de facto quen dominaba os Estados Pontificios. Con esta situación pretendeu controlar a elección papal, ó que a maioría dos cardeais se opuxo. Elixido Inocencio IV, Federico II enviou emisarios para acodar a paz. Federico II fora proscrito por Gregorio IX e buscaba a toda costa un acordo coa Igrexa, pero sen renunciar ó seu poder e influencia nas decisións eclesiásticas. Pola súa parte, Inocencio era un home convencido de que o poder da Igrexa, e en concreto da figura papal, debía estar por riba dos gobernantes e os reis.

Nesta situación, Inocencio esixiu de Federico o recoñecemento do dano que causara á Igrexa. Finalmente chegaron a un acordo o 31 de marzo de 1244. Nel restituíanse á Igrexa as súas posesións, especialmente os Estados pontificios, e liberábase ós prelados favorables ó Papa que mantiña presos o emperador. Aínda que firmara a paz con el mercede á mediación do rei de Francia, sentiuse incómodo en Italia pola presenza da milicia imperial, e decidiu refuxiarse en Lión co apoio dos xenoveses. Convocou o 3 de xaneiro de 1245, nada máis chegar á cidade, o Concilio de Lión I pese á oposición do emperador. Sentíndose forte, Inocencio procedeu a realizar novas acusacións durante a celebración do concilio contra o emperador e terminou por excomungalo o 17 de xullo por non organizar unha nova cruzada, e ditou a bula Agni sponsa nobilis para declarar o poder supremo da Igrexa fronte ós gobernantes. Federico organizou tropas para enfrontarse ó papado; Inocencio, pola súa parte, pretendeu organizar unha cruzada contra o propio emperador mobilizando ós príncipes alemáns. Nese camiño pretendeu a elección de Henrique Raspe e, aínda que foi proclamado emperador o 22 de maio de 1246, nunca foi recoñecido como tal. Ó mesmo tempo provocou o alzamento contra o emperador de moitas cidades do norte de Italia, obtendo a vitoria as tropas papais o 26 de maio de 1249.

Morto Federico II en 1250, continuou a súa loita contra Conrado IV, fillo e sucesor daquel, propoñendo para os alemáns a Guillerme de Holanda. Recuperou o Reino de Sicilia para o papado, ofrecéndoo sucesivamente a Ricardo de Cornwall, irmán de Henrique III de Inglaterra, ó seu fillo Edmundo o Chepudo e a Carlos de Anjou. Todos o rexeitaron, mentres Conrado IV e Manfredo (bastardo de Federico II) controlaban pola forza das armas Nápoles e Sicilia. Á morte de Conrado, a posición do seu fillo Conradino era tan precaria que negociou co Papa. Por un tratado firmado en setembro de 1254, Apulia pasou a ser propiedade papal. O gobernante de Apulia, Manfredo, sospeitou da conduta do pontífice ó visitar a súa nova terra, polo que fuxiu cos sarracenos, que o axudaron a derrotar ás tropas papais en Foggia o 2 de decembro de 1254. Inocencio, enfermo, faleceu en Nápoles o 7 de decembro, como consecuencia do efecto que a noticia da derrota tivo na súa desastrada saúde.

Ademais dos seus enfrontamentos coa dinastía Hohenstaufen, interveu na política de Inglaterra (protexendo a Henrique III), na de Austria, Hungría e Portugal.

As profecías de San Malaquías refírense a el como Comes laurentius (O conde de Lourenzo), facendo referencia ó título nobiliario que ostentaba ó ser elixido pontífice, Conde de Lavagne de San Lourenzo.

Niccolò Paganini

Niccolò Paganini foi un violinista e compositor que naceu en Xénova o 27 de outubro de 1782 e finou en Niza o 27 de maio de 1840, foi un dos máis famosos virtuosos da súa época e é considerado coma un dos mellores violinistas de tódolos tempos.

A súa perfección técnica era moi elevada: técnicas de arco expresivas e innovacións no uso do staccato e do pizzicato, xunto cun oído absoluto e unha entoación perfecta.

As súas obras máis coñecidas son os Caprichos (numerados dende o 1 ate o 24). Ademais, escribiu seis concertos e varias sonatas para piano.

Principado de Antioquía

O Principado de Antioquía foi un dos Estados cruzados creados durante a Primeira cruzada, que ocupou partes das modernas Turquía e Siria. O principado foi máis pequeno que o Condado de Edesa ou o Reino de Xerusalén. Estendíase ao longo do extremo nordés do mar Mediterráneo, bordeando co Condado de Trípoli ao sur, Edesa ao leste, e alternando entre Imperio Bizantino e o Reino de Armenia ao noroeste, segundo o ano.

Reino de Xerusalén

O Reino de Xerusalén foi un reino cristián que se estableceu no Oriente Medio en 1099 logo da conquista de Xerusalén na Primeira Cruzada. Foi destruído en 1291 coa conquista de Acre. A súa capital era Xerusalén e o seu territorio atópase actualmente incluído no estado de Israel.

República

Unha república (do latín: res publica = cousa pública) é unha forma de goberno no que o poder reside no pobo, e o goberno está gobernado por líderes electos en sufraxio universal por un tempo determinado conforme á lei, en lugar de ser herdado ou nomeado (por exemplo, mediante a herdanza ou mandato divino). Nos tempos modernos a definición de república tamén se limita normalmente a un goberno que non ten un monarca ou calquera outra forma hereditaria de xefatura. A miúdo, as monarquías e as repúblicas descríbense como conceptos mutuamente exclusivos. Neste sentido as monarquías constitucionais, aínda que con sistemas electorais democráticos non son repúblicas, dado que o máximo soberano executivo, aínda que con poderes limitados ou soamente cerimoniais, non é elixido democraticamente polo pobo. Ás veces as ditaduras fanse chamar "repúblicas" só para designar que o poder non recae sobre un monarca. Na actualidade, 135 estados dos 206 estados soberanos do mundo utilizan a palabra "república" como parte dos seus nomes oficiais.

Dúas son as diferenzas entre república e monarquía:

Mudanza periódica da xefatura do estado, a través da escolla popular na república, que se contrapón á Monarquía na que o exercicio da xefatura é por tempo indeterminado (ata o falecemento do xefe de Estado ou ata que renuncie).

Escolla directa do xefe de Estado, xa que na monarquía o rei herda a xefatura por liña sucesoria ou por elección pontificia (no caso do Vaticano).O sistema de goberno nunha república pode ser:

Parlamentarismo, cando a xefatura do goberno é exercida por un primeiro ministro. Así, o xefe de Estado ten, moitas das veces, só unha función cerimonial, a de disolver o Parlamento e convocar novas eleccións lexislativas cando hai crises.

Presidencialismo, cando o presidente da república acumula tamén as funcións de xefe de goberno, é dicir, sanciona leis e nomea os demais ministros.A orixe da República está na Roma clásica, cando xurdiron institucións como o Senado. Pasou a ser máis difundida a partir do século XVIII, despois da independencia dos Estados Unidos, que adoptaron a forma republicana de goberno, modelo seguido despois polas novas nacións xurdidas, no século XIX, da independencia da América española (México, Arxentina, Perú etc). En Europa, a difusión do modelo republicano iniciouse coa Revolución Francesa en 1789, en oposición ao absolutismo monárquico da maioría dos países da época. Como exemplo de países europeos que substituíran a monarquía pola república, temos Francia, Portugal, Italia, Austria, Polonia... No século XX, a maioría das antigas colonias europeas que se tornaron países independentes en Asia, África e América adoptaron a república, converténdoa a forma de goberno máis común actualmente.

España tamén tentou adoptar a república, a primeira vez foi en 1873, a segunda e última, na década de 1930. Pero os moitos conflitos ideolóxicos entre os propios partidarios da mesma, tamén cos anarquistas, e entre republicanos, anarquistas e monarquistas, deron como resultado a guerra civil española. (ver texto específico). O saldo do conflito foi o mantemento da monarquía como forma de goberno en España.

Susanna Fontanarossa

Susanna Fontanarossa, nada en 1435 e finada en 1489, foi a nai do descubridor das Américas Cristovo Colón. Non hai certeza do día e lugar exactos onde Susanna naceu, mesmo se estaba casada con Domingo Colón, pai de Cristovo. Lugares como Quezzi, Trebbia e Gorreto foron suxeridos como lugar de nacemento. Unha teoría indica que Susanna era orixinaria da vila de Fontanarossa, por este acto pódese sacar a conclusión de que falamos de Susanna de Fontanarossa e non de Susanna Fontanarossa, vila que se atoparía nas localidades italianas de Val Bisagno ou Val Trebbia.Probablemente contraeu matrimonio con Domingo Colón entre 1445 e 1463, e efectivamente, viviron durante anos na república de Xénova criando ós seus fillos alí. Tiveron catro fillos homes e a unha filla, quen casaria con Santiago Bavarello. Moitos suxiren que Susanna morreu en 1489; de ser así, non viviu para ver a Cristovo Colón pisar as Indias Occidentais en 1492.

Xosé I de España

Xosé Bonaparte, coñecido tamén como Xosé I Bonaparte ou Xosé Napoleón I, nado o 7 de xaneiro de 1768 en Corte, Córsega, daquela na República de Xénova, e finado o 28 de xullo de 1844 en Florencia, Gran Ducado de Toscana, foi un político, diplomático e avogado francés, irmán maior de Napoleón Bonaparte, diputado por Córsega no Consello dos Cincocentos (1797-1799) e secretario do mesmo, e novamente no Corpo Lexislativo (1799-1800), ministro plenipotenciario e membro do Consello de Estado (1800-1804), Príncipe e Gran Elector do Primeiro Imperio Francés (1804-1806), rei de Nápoles e Siclia entre o 30 de marzo de 1806 e o 5 de xullo de 1808 co nome de Xosé I e rei de España e das Indias entre o 6 de xuño de 1808 e o 11 de decembro de 1813 co nome de Xosé I, e tenente xeneral do Imperio francés (1814).

En España, a súa proclamación como monarca foi precipitada polo incremento da violencia que seguiu ao episodio do Levantamento do 2 de maio e culminou nun período de convulsións e intrigas políticas instigadas pola estratexia do emperador Napoleón I para obter a abdicación do trono da dinastía reinante de Carlos IV de España asegurando a influencia e a primacía do Primeiro Imperio Francés e incrementando a dependencia española para cos intereses políticos, económicos e militares bonapartistas, en detrimento das súas nacións inimigas, principalmente Portugal e Gran Bretaña. Porén, lonxe de obter unha lexitimación ante a maioría da opinión pública e de frear a dinámica do enfrontamento armado, esta proclamación foi rexeitada polos órganos de poder autóctonos como o Consello de Castela e a Xunta Suprema Central e, máis adiante, polas Cortes reunidas en Cádiz, decidindo a xeneralización do conflito da guerra da Independencia española. Neste contexto, o goberno de Xosé I Bonaparte, que debía distinguirse polo seu carácter reformista xurdido da Carta de Baiona, só puido exercerse nas zonas baixo o control militar do Exército imperial e, aínda que a maior parte das súas accións non puideron concretarse ante a continua hostilidade, ou foron derrogadas durante o reinado de Fernando VII de España, outras perduraron, como as melloras do urbanismo en varias cidades.

Xosé Bonaparte fundou a Gran Loxia Nacional de España e foi Gran Mestre do Grande Oriente de Francia, e do Grande Oriente de Italia.[Cómpre referencia].

Foi distinguido coa Grande Aguia da Lexión de Honor.En España foi alcumado despectivamente como Pepe Botella e Pepe Plazuelas.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.