Renacemento

O concepto Renacemento[1] aplícase á época artística que dá comezo á Idade Moderna en Europa (finais do século XV e todo o século XVI).

Chamouse "Renacemento" en virtude da redescuberta e revalorización das referencias culturais da antigüidade clásica, que orientaron as mudanzas deste período en dirección a un ideal humanista e naturalista. O termo foi rexistrado por primeira vez por Giorgio Vasari xa no século XVI, mais a noción de Renacemento tal e como hoxe o entendemos xurdiu a partir da publicación do libro de Jacob Burckhardt A cultura do Renacemento en Italia (1867), onde el definía o período como unha época de "descubrimento do mundo e do home".[2].

De feito o Renacemento racha, conscientemente, coa tradición artística da Idade Media, á que cualifica, con desprezo, como un estilo de bárbaros ou de godos. E coa mesma consciencia oponse á arte contemporánea da Europa do norte.

O Renacemento cultural manifestouse primeiro na rexión italiana da Toscana, tendo como principais centros as cidades de Florencia e Siena, de onde se espallou cara ó resto de Italia e despois cara a practicamente todos os países da Europa occidental. Italia permaneceu sempre como o lugar onde o movemento presentou un maior apoxeo, porén manifestacións renacentistas de grande importancia tamén terían lugar en Inglaterra, Alemaña, Países Baixos e, menos intensamente, en Portugal e España, e nas súas colonias americanas.

Dende unha perspectiva da evolución artística xeral de Europa, o Renacemento significa unha separación da unidade estilística que ata ese momento fora supranacional.

(Á dereita, O home de Vitruvio de Leonardo da Vinci. Aprox. 1492.)

Contexto histórico

Dende o século XIII prodúcese en Europa unha serie de transformacións que anuncian o remate da Idade Media e a aparición dunha nova era. Estas transformación traen un ritmo acelerado ao longo do século XV. O paso da Idade Media á modernidade anúnciase por:

  1. O crecemento demográfico debido á mellora na alimentación e na medicina. Pese a isto, houbo infeccións devastadoras nesta época como a sífilis.
  2. Unha importante alza nos prezos debido á introdución en Europa de grandes cantidades de ouro e prata traídos de América tralo seu recente descubrimento en 1492. A conquista do Novo Mundo estabelecerá ademais novas e importantes rutas de comercio, o que derivará nunha mellora na economía.
  3. A aparición da Reforma protestante, que dará lugar a unha divisón na Igrexa Católica e provocará enfrontamentos entre as nacións europeas.
  4. O rexurdimento do comercio e da vida urbana, especialmente en Flandres e en Italia. A cidade convértese en centro económico e político, así como cultural e artístico.
  5. A aparición da burguesía como a clase social ascendente.
  6. A aparición de poderes monárquicos fortes.
  7. A difusión da filosofía clásica rescatada a través dos filósofos andaluces. Téndese a unha separación clara entre relixión e filosofía, entre razón e fe. Humanismo contra teocentrismo. Desenvólvese o humanismo coma a corrente vital que ve o home coma o centro e medida fundamental de todas as cousas.
  8. Nunha liberdade de pensamento maior, afastada do dogmatismo medieval, corresponde un impulso considerábel dos coñecementos científicos. O desenvolvemento das universidades e, sobre todo, a aparición da imprenta favorecen a difusión das novas ideas. A cultura pasa dos mosteiros ás rúas das cidades.

Tópicos literarios

Os tópicos do Renacemento son un conxunto de temas e figuras que aparecen a miúdo nas artes do Renacemento, especialmente na literatura. Constitúen unha das características que unifica as obras do período. Os tópicos literarios máis coñecidos durante o Renacemento son o carpe diem e o beatus ille, que proveñen da tradición clásica.

Un tópico é un motivo literario que o tempo e a tradición fosilizaron. Cada época xera os seus motivos e os autores empréganos adoito como elementos temáticos estábeis e recorrentes, reinterpretándoos nas súas obras e entendidos coma signos de cultura, como recoñecemento dunha tradición concreta. Realizan un papel semellante ao das alusións mitolóxicas nun texto.

Etapas

Diferentes etapas históricas marcan o desenvolvemento do Renacemento:

Quattrocento

A primeira ten como espazo cronolóxico todo o século XV, é o denominado Quattrocento, e comprende o Renacemento que se desenvolve en Italia.

Cinquecento

A segunda, afecta ó século XVI, Cinquecento, cando se torna nun movemento universal europeo; o seu dominio artístico queda referido ó Alto Renacemento, que se centra no primeiro cuarto de século. Esta etapa desemboca cara a 1520-1530 nunha reacción anticlásica que conforma o Manierismo. Ocorren entón ademais a Contrarreforma, que instaura o Barroco como estilo oficial da Igrexa católica. Na literatura destacan Ludovico Ariosto, Torcato Taso e Maquiavelo; na pintura destacaron Rafael e Michelangelo.

Mentres que en Italia estaba a se desenvolver o Renacemento, no resto de Europa mantense o gótico nas súas formas tardías, situación que se ha manter, exceptuando casos concretos, ata comezos do século XVI.

En Italia o enfrontamento e a convivencia coa antigüidade clásica, considerada como un legado nacional, proporcionou unha ampla base para unha evolución estilística homoxénea e de validez xeral. Por iso, alí, é posible o seu xurdimento e precede a tódalas demais nacións.

Fóra de Italia a Antigüidade Clásica suporá un caudal académico asimilable, e o desenvolvemento do Renacemento dependerá constantemente dos pulos marcados por Italia. Artistas importados desde Italia ou formados alí, fan o papel de verdadeiros transmisores.

Características

De forma xenérica pódense estabelecer as características do Renacemento en:

  1. A volta á Antigüidade. Rexurdirán tanto as antigas formas arquitectónicas, como a orde clásica, a utilización de motivos formais e plásticos antigos, a incorporación de antigas crenzas, os temas de mitoloxía, de historia, así como a adopción de antigos elementos simbólicos. Con iso o obxectivo non vai ser unha copia servil, senón a penetración e o coñecemento das leis que sustentan a arte clásica.
  2. Xurdimento dunha nova relación coa Natureza, que vai unida a unha concepción ideal e realista da ciencia. A matemática vaise converter na principal axuda dunha arte que se preocupa incesantemente en fundamentar racionalmente ao seu ideal de beleza. A aspiración de acceder á verdade da Natureza, como na Antigüidade, non se orienta cara ó coñecemento de fenómeno casual, senón cara á penetración da idea.
  3. O Renacemento fai ao ser humano medida de tódalas cousas. Como arte esencialmente cultural, presupón no artista unha formación científica, que o fai liberarse de actitudes medievais e erguerse ó máis alto rango social.

Os supostos históricos que permitiron desenvolver o novo estilo remóntanse ó século XIV cando, co Humanismo, progresa un ideal individualista da cultura e un profundo interese pola literatura clásica, que acabaría dirixindo, forzosamente, a atención sobre os restos monumentais clásicos.

Italia nese momento está integrada por unha serie de estados entre os que destacan Venecia, Florencia, Milán, o Estado Pontificio e Nápoles.

A presión que se exerce desde o exterior impediu que, como noutras nacións, se desenvolvese a unión dos reinos ou estados; porén, produciuse o fortalecemento da conciencia cultural dos italianos.

Dende estes supostos foron as cidades as que se converteron en centros de renovación artística.

En Florencia o desenvolvemento dunha rica burguesía axudará ó despregue das forzas do Renacemento, a cidade convértese no punto de partida do novo estilo, e xorden, baixo a protección dos Medici, as primeiras obras que desde aquí han estenderse ó resto de Italia.

Artistas importantes

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Renacemento.
  2. Renacemento. Enciclopédia Itaú Cultural

Véxase tamén

Bibliografía

  • Bartlett, Kenneth, The Civilization of the Italian Renaissance: A Sourcebook (segunda edición. 2011)
  • Cronin, Vincent (1969), The Flowering of the Renaissance, ISBN 0-7126-9884-1
  • Cronin, Vincent (1992), The Renaissance, ISBN 0-00-215411-0
  • Campbell, Gordon. The Oxford Dictionary of the Renaissance. (2003). 862 pp. en liña en OUP
  • Ergang, Robert (1967), The Renaissance, ISBN 0-442-02319-7
  • Ferguson, Wallace K. (1962), Europe in Transition, 1300–1500, ISBN 0-04-940008-8
  • Fletcher, Stella. The Longman Companion to Renaissance Europe, 1390–1530. (2000). 347 pp.
  • Grendler, Paul F., ed. The Renaissance: An Encyclopedia for Students. (2003). 970 pp.
  • Grendler, Paul F. "The Future of Sixteenth Century Studies: Renaissance and Reformation Scholarship in the Next Forty Years," Sixteenth Century Journal Spring 2009, Vol. 40 Issue 1, pp 182
  • Hale, John. The Civilization of Europe in the Renaissance. (1994). 648 pp.
  • Hattaway, Michael, ed. A Companion to English Renaissance Literature and Culture. (2000). 747 pp.
  • Jensen, De Lamar (1992), Renaissance Europe, ISBN 0-395-88947-2
  • Nauert, Charles G. Historical Dictionary of the Renaissance. (2004). 541 pp.
  • Paoletti, John T. and Gary M. Radke. Art in Renaissance Italy (4th ed. 2011)
  • Robin, Diana; Larsen, Anne R.; and Levin, Carole, eds. Encyclopedia of Women in the Renaissance: Italy, France, and England (2007) 459p.
  • Ruggiero, Guido, ed. A Companion to the Worlds of the Renaissance. (2002). 561 pp.

Outros artigos

Ligazóns externas

Antigüidade clásica

A Antigüidade clásica é un termo amplo que abrangue un longo período de tempo nas áreas dominadas por Grecia e Roma; é dicir, identifícase co período grecorromano da Idade Antiga no mundo grecorromano: a Conca do Mediterráneo e o Oriente Próximo.

A Antigüidade clásica localízase no momento de plenitude das civilizacións grega e romana (século V a. C. ao século II) ou no sentido amplo, en toda a súa duración (século VIII a. C. ao século V a. C.). O termo oponse á Antigüidade tardía e remite á herdanza da civilización grecorromana. É, sobre todo, empregado pola historiografía anglosaxoa para describir a Antigüidade. Neste senso, considérase que este período comézase co poema grego de Homero (século VIII-VII a.C), o máis antigo atopado intacto até os nosos días. Este período abrangue o auxe do cristianismo e o declive do imperio romano e remata coa disolución da cultura clásica e o principio do período denominado Antigüidade tardía (300-600 d. C.) e da Alta Idade Media (500-1000 d.C).

A dimensión espacial coincide coa conca do Mediterráneo, espallada cara ao Oriente Próximo co Imperio de Alexandre Magno e o Helenismo, e cara a Europa Occidental co Imperio Romano. O emprego deste termo é unha referencia para a Europa dos séculos XVIII e XIX, fortemente influenciada polo clasicismo, ademais do neoclasicismo na súa cultura, reiventándose unha continuación dese pasado por medio dunha prolongación indirecta. A laxitude ao redor das ideas transmitidas polo Occidente cristián é, pois, evidente.

O termo clásico significa 'digno de imitación', e derívase da admiración pola arte, a literatura e a cultura en xeral de Grecia e Roma que se redescubre no Renacemento tras unha Idade Media cuxos valores se desprestixiaron. O mesmo aconteceu co Neoclasicismo, movemento intelectual e artístico que segue ao descubrimento das ruínas de Pompeia a mediados do século XVIII.

Tal mostra ampla de historia e territorio cobre moitos períodos e culturas dispares. Por iso, a "Antigüidade clásica" refírese máis que nada a unha visión idealizada posterior sobre o que era esa época. A civilización dos antigos gregos foi inmensamente influente na lingua, política, sistema educativo, filosofía, ciencia, arte e arquitectura no mundo moderno, volvendo durante o Renacemento na Europa occidental e rexurdindo novamente durante varios movementos neoclásicos no século XVIII e XIX.

Arpa

A arpa é un instrumento de corda pulsada formado por un marco resoante e unha serie variable de cordas tensadas entre a sección inferior e a superior. O son obtense ó tocar as cordas cos dedos. O músico que a toca chámase arpista.

As arpas coñécense dende a Antigüidade en Asia, África e Europa; remóntanse polo menos ó ano 3500 a. C. Este instrumento alcanzou gran popularidade en Europa durante a Idade Media e o Renacemento, onde se evolucionou dando lugar a unha ampla gama de variantes. Estendeuse chegando ás colonias de Europa, logrando unha especial popularidade en América Latina. Mentres que algúns membros antigos da familia da arpa extinguíronse en Oriente Próximo e Asia meridional, hai descendentes das arpas temperás que aínda se tocan en Birmania e en África subsahariana, mentres que outras variantes difundidas en Europa e Asia foron recuperadas por músicos na era moderna.

Algúns dos tipos de arpas son a arpa clásica, usada actualmente nas orquestras, a arpa celta, a arpa andina, a arpa llanera ou a arpa paraguaia. A arpa é un instrumento característico nas músicas tradicionais de países como Irlanda, Paraguai, Perú, Venezuela, México, Chile e Colombia entre outros.

Baixa Idade Media

A Baixa Idade Media é o período histórico que abrangue a historia europea dende o século XII ata o século XV. Comeza coa batalla de Hastings en 1066, fundación do reino de Inglaterra, e remata co xurdimento do Renacemento en Italia e España. Como data de remate empréganse dúas datas, ben a conquista de Bizancio polos otománs en 1453 ou o descubrimento de América por Cristovo Colón o 12 de outubro de 1492.

Bakú

Bakú ou Bacú (Bakı en azarí) é a capital e a maior cidade do Acerbaixán. Localízase nas marxes do mar Caspio. Ten preto de 2 374 000 habitantes (2015).

Coñeceu un gran desenvolvemento no treito final do século XIX grazas á industria petrolífera. A súa conquista foi o grande obxectivo da campaña alemá no Cáucaso durante a Segunda Guerra Mundial. Ata ao desenvolvemento da exploración de hidrocarburos na Siberia foi o principal centro petrolífero da URSS. Despois da independencia do Azerbaixán a cidade sufriu o impacto indirecto máis negativo da guerra do Alto Karabakh, voltando a se recuperar lentamente. A abertura próxima do oleoduto Bakú-Ceyhan ten criado moitas esperanzas dun renacemento quer de Bakú quer do Acerbaixán na súa totalidade.

Beltane

Beltane ou Bealtaine (en irlandés bo lume) é un antigo día festivo irlandés celebrado o 1 de maio. Historicamente esta festividade celebrábase en Irlanda, Escocia e na Illa de Man. Nos outros países celtas coma Gales, Galicia, Bretaña e Cornualles había festividades parecidas o mesmo día. A festividade sobrevive con prácticas folclóricas nas nacións celtas e a diáspora e experimenta un grao de renacemento nas décadas recentes.

Florencia

Florencia (en italiano: Firenze) é unha cidade italiana, capital da provincia homónima e da rexión da Toscana. Ten 356.118 habitantes, e abrangue 102 km², cunha densidade de 3.453 hab./km². Fai fronteira con Bagno a Ripoli, Campi Bisenzio, Fiesole, Impruneta, Scandicci e Sesto Fiorentino. Por ela pasa o río Arno.

Foi capital de Italia no período de unificación de Italia entre (1865-1871). Durante o dominio da familia Medici (1434-1494, 1512-1527 e 1530-1737), Florencia era un importante centro comercial e financeiro na Europa medieval.

Considérase o lugar de nacemento do Renacemento. O centro histórico da cidade foi declarado patrimonio da humanidade pola UNESCO.

Célebre por ser a cidade natal de Dante Alighieri, autor da Divina Comedia, que é un referente da literatura universal. Neste Poema el describe a cidade de Florencia en moitas pasaxes, así como algúns dos seus contemporáneos florentinos célebres, que tamén son personaxes da obra.

Gales

O País de Gales (Galés: Cymru; IPA pronunciado: /ˈkəmrɨ/, “Camri aproximadamente”) é unha das catro nacións constitutivas do Reino Unido, situada nunha península ao suroeste da illa de Gran Bretaña e limitada polos condados ingleses de Cheshire, Shropshire, Herefordshire e de Gloucestershire ao leste, a canle de Bristol (Môr Hafren) ao sur, o canal de San Xurxo (Sianel San Siôr) ao suroeste, e o mar irlandés (Môr Iwerddon) ao oeste e ao norte, e tamén polo esteiro do río Dee (Afon Dyfrdwy) no nordeste. En total cobre unha área de 20 720 km de norte a sur e duns 96 km de leste a oeste. Na actualidade (2005) conta cunha poboación de case tres millóns de habitantes e as cidades máis poboadas son Cardiff, capital de Gales con 300 000 habitantes, e Swansea con 190 000.

O ascetismo monástico galés, un sistema lexislativo secular altamente desenvolvido (Cyfraith Hywel) e unha tradición literaria distintiva ilustran un sentido forte da identidade cultural, que emerxeu nos galeses despois da retirada romana de Gran Bretaña no século V. Dos principais principados e reinos que existían en Gales, Gwynedd conservou a independencia ata o século XIII, cando foi conquistado tamén por Inglaterra. Porén, a anexión e a abolición formais da lei galesa non ocorreron ata o século XVI. O País de Gales (con todas as rexións unidas baixo un goberno) nunca foi un estado soberano, aínda que un número de principados rivais seguían sendo independentes ata a conquista inglesa. A partir do século XIX o País de Gales converteuse nunha das rexións máis industralizadas da época, provendo ao imperio británico e ás súas colonias extensas cantidades de carbón e de aceiro. O sector do servizo alcanzou só recentemente á industria como principal sector na economía de Gales. A pesar dun PIB máis baixo que o doutras rexións da Gran Bretaña, o diferencial entre o nivel de vida no País de Gales con outras partes de Gran Bretaña, non é excesivamente pronunciado. A partir do século XX ten lugar un renacemento da conciencia nacional galesa (xunto cun cambio de tendencia no descenso da lingua galesa).

Humanismo renacentista

O Humanismo é unha manifestación ideolóxica e artística do Renacemento.

Os homes do Renacemento traballaron arreo no estudo das obras da antigüidade, explorando ruínas, salvando da destrución importantes manuscritos e relendo os exemplares que chegaron a Italia dende Constantinopla trala súa caída. Estes estudosos recibiron a protección de príncipes e Pontífices que estimularon as súas investigacións.

O estudo dunha cultura xurdida con antelación e á marxe da Igrexa fixo que no pensamento renacentista deixara de xirar en torno a Deus, como pasaba na Idade Media, para centrarse no Home e estima-los valores humanos: literatura, arte, ciencia, política. De aí o seu nome: Humanismo.

A exaltación destes valores e os descubrimentos xeográficos (España e Portugal) e técnicos crearon o orgullo e individualismo do home renacentista.

O Humanismo tivo, sobre todo, un carácter literario.

Igrexa católica latina

A Igrexa católica latina, ou Igrexa católica de rito latino, é a maior igrexa particular autónoma da Igrexa católica. Trátase dunha igrexa particular das 23 que existen, englobándose as 22 restantes baixo a denominación de Igrexas católicas orientais.

A Igrexa Latina xurdiu inicialmente na provincia romana de África, para despois estenderse a Roma e ás partes de lingua latina do Imperio Romano (Europa occidental e o norte de África). Nestas areas, dende a antigüidade clásica até o Renacemento, a lingua latina foi o principal idioma da educación e da cultura. Os diferentes ritos litúrxicos latinos que desenvolvéronse nesta área tamén empregan ou empregaron esta lingua.

Imperio Bizantino

O Imperio Bizantino (chamado tamén, Imperio Romano de Oriente) foi un imperio cristián medieval de cultura grega cuxa capital estaba en Constantinopla ou Bizancio (actual Istambul). Abarcaba todo o Mediterráneo oriental, pero co tempo foi sufrindo importantes reducións territoriais.

Non hai un consenso xeral en canto á data de inicio do Imperio Bizantino. Para algúns autores a data clave é a fundación de Constantinopla no ano 330, en tanto que outros estudosos consideran como acta de nacemento do Imperio Bizantino a morte de Teodosio I, en 395, cando o Imperio Romano foi definitivamente dividido en dúas metades, oriental e occidental. Outros pensan que pode falarse con propiedade de Imperio Bizantino a partir do momento en que foi deposto o último emperador romano de Occidente, Rómulo Augústulo (476).

A desaparición do Imperio Romano de Oriente produciuse coa caída de Constantinopla en poder dos turcos otománs en 1453. Con todo, a desaparición do estado bizantino non acabou cos sentimentos nacionalistas do pobo, xa que os actuais habitantes de Grecia considéranse herdeiros da tradición bizantina.

Lingua yiddish

O yiddish é unha das linguas empregadas polo pobo xudeu. A súa orixe non está clara pero crese que saíu da fusión entre dialectos hebreos e linguas xermánicas. O yiddish, ao revés que o hebreo, foi amplamente usado pola poboación xudía asquenací para a vida diaria (o hebreo era reservado para a liturxia). Co renacemento da lingua hebrea a principios do século XX dentro dos movementos sionistas, o yiddish comezou a ser deixado de lado. Aínda que no estado de Israel as linguas oficiais son o hebreo e o árabe, o yiddish segue a ter o seu grupo de falantes hoxe en día.

Manierismo

O manierismo é un estilo artístico que predominou en Italia dende o final do Alto Renacemento (cara a 1520) ata os comezos do período Barroco, cara ó ano 1590.

Mecenado

O mecenado é o patrocinio financeiro a artistas ou científicos, a fin de permitirlles desenvolver a súa obra sen esixir en contrapartida créditos monetarios inmediatos, aínda que esixindo esa remuneración nunha forma máis pracenteira para o mecenado.

Outra acepción podería ser que se trata dun apoio, ben sexa monetario ou en especie, que unha organización presta para o desenvolvemento social, cultural e científico da sociedade, así como para a preservación ambiental da contorna no que se sitúa.

As accións de mecenado axudan a mellorar a reputación das organizacións que as realizan, chegando a converterse nunha acción de relacións públicas.

O mecenado apareceu no renacemento e aínda que os artistas non recibían un pago polo traballo inmediatamente, pero si que podían recibir comida e un lugar para vivir co mecenas, ou ás veces algo de diñeiro.

Neoclasicismo

O neoclasicismo ou estilo neoclásico foi un movemento cultural, artístico e literario orixinado en Italia que se desenvolveu na Europa e nas súas colonias desde mediados do século XVIII como reacción ao estilo barroco e durou até ás primeiras décadas do século XIX, en que foi substituído polo Romanticismo. Asóciase coa recuperación da cultura clásica da Europa e as súas manifestacións máis notorias danse na arquitectura.

Racionalismo

O racionalismo (do latín ratio, razón) é unha corrente filosófica que concede primacía absoluta á razón humana na adquisición de coñecemento, en contraste co empirismo, que resalta o papel da experiencia, en especial o sentido da percepción.

A distinción entre racionalismo e empirismo é unha subdivisión posterior dos historiadores, pero nun principio ambos conceptos estaban incluídos no termo 'racionalismo'. Comprende todo o século XVII e é un largo e intenso epígono metafísico aos grandes progresos da ciencia do Renacemento. Nel, a filosofía adopta o paradigma matemático da xeometría e o paradigma experimental da física, opoñéndose tanto ao escepticismo pirrónico coma ao formalismo escolástico.

O racionalismo epistemolóxico aplicouse a outros campos da investigación filosófica.

Na ética, o racionalismo é a afirmación de que certas ideas morais primarias son innatas na especie humana, e que tales principios morais son evidentes en si á facultade racional.

Dentro da filosofía da relixión, o racionalismo afirma que os principios fundamentais da relixión son innatos ou evidentes en si e que a revelación non é precisa, coma no deísmo. Dende finais do século XVIII, o racionalismo xogou na teoloxía un papel fundamentalmente antirrelixioso.

República

Unha república (do latín: res publica = cousa pública) é unha forma de goberno no que o poder reside no pobo, e o goberno está gobernado por líderes electos en sufraxio universal por un tempo determinado conforme á lei, en lugar de ser herdado ou nomeado (por exemplo, mediante a herdanza ou mandato divino). Nos tempos modernos a definición de república tamén se limita normalmente a un goberno que non ten un monarca ou calquera outra forma hereditaria de xefatura. A miúdo, as monarquías e as repúblicas descríbense como conceptos mutuamente exclusivos. Neste sentido as monarquías constitucionais, aínda que con sistemas electorais democráticos non son repúblicas, dado que o máximo soberano executivo, aínda que con poderes limitados ou soamente cerimoniais, non é elixido democraticamente polo pobo. Ás veces as ditaduras fanse chamar "repúblicas" só para designar que o poder non recae sobre un monarca. Na actualidade, 135 estados dos 206 estados soberanos do mundo utilizan a palabra "república" como parte dos seus nomes oficiais.

Dúas son as diferenzas entre república e monarquía:

Mudanza periódica da xefatura do estado, a través da escolla popular na república, que se contrapón á Monarquía na que o exercicio da xefatura é por tempo indeterminado (ata o falecemento do xefe de Estado ou ata que renuncie).

Escolla directa do xefe de Estado, xa que na monarquía o rei herda a xefatura por liña sucesoria ou por elección pontificia (no caso do Vaticano).O sistema de goberno nunha república pode ser:

Parlamentarismo, cando a xefatura do goberno é exercida por un primeiro ministro. Así, o xefe de Estado ten, moitas das veces, só unha función cerimonial, a de disolver o Parlamento e convocar novas eleccións lexislativas cando hai crises.

Presidencialismo, cando o presidente da república acumula tamén as funcións de xefe de goberno, é dicir, sanciona leis e nomea os demais ministros.A orixe da República está na Roma clásica, cando xurdiron institucións como o Senado. Pasou a ser máis difundida a partir do século XVIII, despois da independencia dos Estados Unidos, que adoptaron a forma republicana de goberno, modelo seguido despois polas novas nacións xurdidas, no século XIX, da independencia da América española (México, Arxentina, Perú etc). En Europa, a difusión do modelo republicano iniciouse coa Revolución Francesa en 1789, en oposición ao absolutismo monárquico da maioría dos países da época. Como exemplo de países europeos que substituíran a monarquía pola república, temos Francia, Portugal, Italia, Austria, Polonia... No século XX, a maioría das antigas colonias europeas que se tornaron países independentes en Asia, África e América adoptaron a república, converténdoa a forma de goberno máis común actualmente.

España tamén tentou adoptar a república, a primeira vez foi en 1873, a segunda e última, na década de 1930. Pero os moitos conflitos ideolóxicos entre os propios partidarios da mesma, tamén cos anarquistas, e entre republicanos, anarquistas e monarquistas, deron como resultado a guerra civil española. (ver texto específico). O saldo do conflito foi o mantemento da monarquía como forma de goberno en España.

Século XV

século XIV < século XV > século XVI

Tempo que transcorre entre o 1 de xaneiro de 1401 e o 31 de decembro de 1500. É o derradeiro século da Idade Media e o primeiro da Idade Moderna.

Acontecementos importantes

Revoltas irmandiñas en Galicia.

Caída de Constantinopla, os turcos conquistan Constantinopla. Fin do Imperio Romano de Oriente.

Fin da reconquista en España

Fin da guerra dos cen anos entre Inglaterra e Francia.

Renacemento e Quattrocento italiano.

Johannes Gutenberg inventa a imprenta.Personaxes destacadas

Os Reis Católicos de España.

Leonardo da Vinci en Italia.

Tenor

Chámase tenor o cantante que ten o rexistro agudo da voz masculina.

Diferénciase do barítono (de voz lixeiramente mais grave) polo seu timbre claro e brillante.

A verba tenor vén do latín tenere: ‘sustentar’, debido a que na música eclesiástica do renacemento, o tenor sostiña notas largas mentres que outras voces cantaban melismas vocais.

Toscana

Toscana é unha rexión do centro da Italia con 3,6 millóns de habitantes, con capital en Florencia. Ten límites ao norte coa Emilia-Romaña, ao noroeste coa Liguria, ao leste con Marche e Umbria, ao oeste co Mar da Liguria e o Mar Tirreno.

A rexión, bañada polo mar Lígur na parte centro-setentrional e polo mar Tirreno na parte meridional, caracterízase por un litoral continental duns 230 km. O arquipélago toscano está constituído por 7 illas principais e algunhas illas minoritarias, moitas das cales son simples escollos aflorados, facendo un total de 167.

Toscana ademais é coñecida polas súas paisaxes e o seu legado artístico. Seis localidades da Toscana están declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO: O centro histórico de Florencia en 1982, o centro histórico de Siena en 1995, a Praza da Catedral de Pisa en 1987, o centro histórico de San Gimignano en 1990, o centro histórico de Pienza en 1996 e o Val d'Orcia en 2004.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.