Relixión

A palabra relixión, ás veces empregada como sinónimo de fe ou sistema de crenzas, defínese comunmente como crenza concernente ao sobrenatural, sagrado, ou divino e aos códigos morais, prácticas, rituais, valores e institucións relacionadas coa devandita crenza. En ocasións, a palabra relixión úsase para designar o que debería ser chamado "relixión organizada" ou "organización relixiosa", é dicir, organizacións que soportan o exercicio de certas relixións, frecuentemente baixo a forma de entidades legais.

ReligijneSymbole

Etimoloxía

A palabra "relixión" provén do latín religio, que á súa vez se definiu como "reverencia por Deus ou os deuses, unha meditación coidadosa das cousas e da piedade".[1]

Historicamente foron propostas varias etimoloxías para a orixe do termo latino de religio. Cicerón, na súa obra De natura deorum (45 a.C.), afirma que o termo refírese a relegere, "reler", posto que era característico que as persoas relixiosas prestasen moita atención a todo o que se relacionaba cos deuses, relendo as escrituras.[2] Esta postura etimolóxica subliña o carácter repetitivo do fenómeno relixioso, sobre todo como aspecto intelectual. Máis tarde, Lactanci (século III dC) rexeita a interpretación de Cicerón e afirma que o termo provén de religare, "religar", argumentando que a relixión é un vencello de piedade que serve por religar os homes con Deus.

No seu libro A Cidade de Deus, Santo Agostiño (século IV), afirma que religio derívase de religere, "reelixir"; por medio da relixión, a humanidade reelixía outra vez a Deus, posto que se separou. Máis tarde, na súa obra A relixión verdadeira, Agostiño retoma a interpretación de Lactanci e o seu concepto de "religar". Finalmente, Macrobi (século IV) considera que relixión derívase de relinquere, algo que nos foi deixado polos antergos.

A palabra "relixión" foi empregada durante moitos séculos no contexto cultural de Europa, marcado pola presenza do cristianismo que se apropiou do termo latino de religio. Noutras culturas non existe ningunha palabra equivalente. O hinduísmo antigo facía uso da palabra rita que facía referencia a unha orde cósmica do mundo, dentro do cal todos os seres humanos tiñan que estar harmonizados e á correcta execución dos ritos dos brahmáns. Máis tarde, o termo foi substituído polo de dharma, que actualmente tamén é empregado polo budismo e que expresa a idea dunha lei divina e eterna.

Definición de "relixión"

A relixión pode definirse de moitos xeitos:

Betanzos igrexa GDFL12
Igrexa de Betanzos
  1. Acto ou representación explícita pola cal o individuo cre demostrar o seu recoñecemento da existencia dun ou varios deuses que teñen poder sobre o seu destino, a quen obedece, serve e honra.
  2. O sentimento ou expresión da persoa de amor, medo ou pavor cara a un poder sobrehumano e todopoderoso, xa sexa pola manifestación de crenza, pola realización de ritos e cerimonias, ou pola conduta da propia vida.
  3. Un sistema de fe e culto.
  4. Atendendo á súa etimoloxía dende 'religare', para algúns sería un intento dos seres humanos de ligar o mundo con eles mesmos, isto é, a explicación que un se dá do que o rodea a partir de deus (sexa cal for a imaxe que deste se teña). Para outros, o termo relixión explicaría a ligazón (re-ligar) que une á persoa relixiosa co seu deus.

O dicionario da Real Academia Galega define relixión coma "o conxunto de crenzas e prácticas que atinxe ás relacións coa divindade, propio dun grupo social".[3] A maioría das relixións intentan responder a preguntas relacionadas coa creación do universo, o propósito da vida, a natureza humana, a diferenciación entre o ben e o mal, a moral, a existencia logo da morte (Ceo, nirvana, purgatorio, inferno, reencarnación) etc. As relixións difiren nas respostas que dan ás preguntas anteriores, o sistema de preceptos, as prácticas ou rituais, o número de deuses ou deidades e a estrutura organizacional.

Definición académica ou científica

Os sociólogos e antropólogos ven a relixión como un conxunto abstracto de ideas, valores ou experiencias desenvolvidas a partir dunha matriz cultural. Por exemplo, na Natureza da Doutrina, de Lindbeck, a relixión non se refire á crenza en "Deus" ou nun Absoluto transcendental: Lindbeck defínea como "unha estrutura ou medio cultural e/ou lingüístico que estrutura completamente a vida e o pensamento e que, coma se fose un idioma, permite a descrición das realidades, a formulación das crenzas e a experimentación de sensacións e sentimentos íntimos."[4] Segundo esta definición, a relixión é unha visión esencial que se ten do mundo que rexe os pensamentos e mailas accións persoais.

Outros estudosos propoñen unha definición que evita o reducionismo das diversas disciplinas sociolóxicas e psicolóxicas, que reducen a relixión aos seus factores integrantes. A relixión pode ser definida como a crenza naquilo que se recoñece como sacro ou santo. Por exemplo, no libro The Idea of the Holy ("A idea da Santidade") de Rudolf Otto, escrito en 1917, defínese a esencia da conciencia relixiosa como unha combinación específica entre medo e fascinación ante o divino. Friedrich Shleiermacher, a finais do século XIX, definiu a relixión como un "sentimento de dependencia absoluta".

Dende o punto de vista científico, definir a relixión é aínda máis complicado, posto que os procesos psicolóxicos non sempre corresponden á realidade observable; é dicir, o científico ten que entender o comportamento relixioso non como mito máis ben ten que estudar por que os seres humanos fan e pensan dunha maneira determinada.[5] Dende o punto de vista económico, a relixión é un comportamento racional -malia relacionarse o home con actores e/ou procesos non observables- posto que se experimenta recompensas sociais e materiais na súa participación das actividades relixiosas.[6] Dende o punto de vista psicolóxico, a relixión explícase como unha maneira de resolver a necesidade de prover consolo, unha figura paternal e de explicar as cousas difíciles de entender, entre elas a morte.[5]

Definición en clave antropolóxica

Segundo Anthony F. C. Wallace[7] e Olivier Herrenschmidt, [8] a relixión é unha actividade social que pon de manifesto a existencia de crenzas en seres ou realidades sobrenaturais, esta actividade declárase mediante prácticas rituais que teñen como obxectivo establecer relacións entre os participantes e aquelas forzas sacras. As crenzas teñen como obxecto da súa fe potencias ou seres divinos e transcendentes, e as prácticas rituais que substantiven esta relación son radicalmente diferentes outros comportamentos sociais: son estritamente formais (estilizadas, repetitivas e estereotipadas), e a diferenza dunha representación, os participantes tómano coa plena seriedade de ter a crenza de estar a facer algo representativo.[7]

Bronislaw Malinowski[9] advirte que fai falla non confundir a relixión coa maxia. Dende a cultura do home primitivo, relixión e maxia xa tiñan funcións diferentes: a maxia é práctica, técnica, de crenza sinxela, primordial, medio por un fin, en mans de especialistas con escuras iniciacións e con resultados inmediatos, mentres que a relixión non amosa unha utilidade directa nin se aprehende con esconxuros, o mundo sobrenatural a que fai referencia é complexo e integra a vida futura nunha cosmogonía teleolóxica, é un fin moral en si, é un asunto de todos e se concelebra en comunidade e a súa función última apunta a establecer, fixar e intensificar actitudes que cohesionen á sociedade.[9] Igualmente propoñen de fuxir de certas trampas que unha visión euro ou cristián-céntrica pode parar, rexeitando asignar á relixión ideas por exemplo: só os homes, e non os animais, teñen alma; existe unha separación absoluta entre aquilo profano e aquilo sacro; o monoteísmo é o modelo ou meta, sendo o politeísmo residual; e afastarse, finalmente, dunha certa fenomenoloxía da relixión, que pretende que as relixións non son senón o fenómeno dunha esencia incognoscible.[8]

Dada a universalidade da súa expresión, non se pode falar de relixión, senón de relixións, cunha concreción histórica definida. Esta existencia historicamente definida permite falar de diferentes roles da relixión: dende aquel que permitiu ao home primitivo adaptarse á aterradora realidade reflexiva que lle enfrontou á súa propia morte até o de ser ferramenta de control social ou de creación de comunidade social, ou o de actuar como unha ferramenta de ecoloxía, despois de que adaptación cultural a unha contorna ruda ou cambiante, ou un instrumento de cambio social, tanto si é de progreso como si é de regresión.[7]

Cada unha destas funcións vén enmarcada nun discurso relixioso; un discurso que establece unha relación entre o coñecemento incorporado ao discurso e o poder da súa posesión. Este discurso ten unha dependencia coa organización social onde se desenvolve,[8] de tal maneira que determinados tipo de sociedade tenderán a xerar un tipo de relixión, o discurso da cal, no seu sentido axiolóxico e pedagóxico, quererá instaurar intencionadamente un determinado sentido da existencia e da realidade.[8]

Finalmente tense que ter en conta a existencia de dúas formas de entender a relación relixiosa co obxecto de culto: a mediata e a inmediata. A relación inmediata, menos atractiva polo antropólogo, está baseada na unión mística do crente coa divindade. A relación mediata, que é a base da práctica colectiva e ordinaria, está baseada na existencia dun intermediario.

Definicións das relixións mesmas

As definicións sobre relixión que proveñen das relixións mesmas tamén son variadas. O cristianismo, no Novo Testamento define a relixión como actividade: "ter cura dos orfos e das viuvas nas súas necesidades, e gardarse da contaminación mundana."[10] Segundo o Corán, a relixión é o islam mesmo,[11] é dicir, a submisión do individuo a Deus (Alá).[12]

Clasificación

Véxase tamén: Historia das relixións

As relixións adóitanse clasificar nestes catro grupos principais,

Conceptual e historicamente, a primeira relixión é o animismo, que é a noción consubstancial á alma humana segundo a cal todo o resto dos obxectos da natureza teñen igualmente unha alma homologable a esta. A crenza nas "forzas da natureza", propia do animismo, cristaliza na divinización destas, é dicir no teísmo, que emprega o concepto de Deus, ben sexa en plural politeísmo ou ben sexa en singular monoteísmo. Doutra banda o conxunto de teoría e práctica do animismo evolucionou até dar lugar a crenzas moito máis estruturadas, como é o caso do xintoísmo xaponés, ou ás relixións-filosofías, das cales destacan o hinduísmo e mailo budismo. Finalmente, outro pensamento relixioso, presente dende a antigüidade grega, é xustamente a negación da posibilidade de amosar tanto a existencia dunha realidade sobrenatural como a súa inexistencia: o agnosticismo; ou ben a súa negación absoluta: o ateísmo.

Demografía

Dende finais do século XIX e en especial dende a segunda metade do século XX, o papel da relixión, así como o seu número relativo de adherentes, alterouse profundamente. Algúns países, a tradición relixiosa dos cales estaba vencellada co cristianismo, en especial os países de Europa, experimentaron un declive significativo no sentimento e a práctica relixiosa así como no número de persoas que escollen levar unha vida monástica ou sacerdotal.

Pola contra, nos Estados Unidos, a América Latina e na África subsahariana, a relixión aínda ten un papel importante na vida social, malia medrar o número de persoas sen ningunha relixión. Na América Latina observouse que se ben o catolicismo aínda é a relixión maioritaria, o protestantismo ten un crecemento acelerado, mentres que os católicos crecen a taxas inferiores ás do crecemento poboacional.

Relixións por número de adherentes

Religions del món
Porcentaxe da poboación mundial segundo a súa relixión[13]

As tradicións relixiosas pódense clasificar segundo a relixión comparativa de acordo coa súa orixe histórica e a súa influencia mutua:

  • As relixións abrahámicas son o grupo máis numeroso, integrado polo cristianismo, o islam e o xudaísmo (as veces inclúese o bahaísmo). O nome do grupo provén do patriarca Abraham, personaxe fundamental das tres relixións, teñen en común o seu monoteísmo estrito. Na actualidade no mundo hai 3.400 millóns de persoas que se adscriben a algunha relixión abrahámica.
  • As relixións indias, que comparten varios conceptos por exemplo o dharma e o karma. Os seus seguidores son localizados principalmente no subcontinente indio, ao leste e ao sur de Asia e nalgunhas rexións illadas de Rusia. As relixións principais deste grupo son o hinduísmo, o budismo, o sikhismo e o xainismo. As relixións indias influenciáronse bastante entre elas.
  • As outras relixións asiáticas que fan uso do concepto do dao (do chinés) ou don (en xaponés ou coreano). Este grupo inclúe o daoísmo, o confucianismo, xintoísmo, chondogyo, caodaísmo, yiguandao e outras versións do budismo.
  • As relixións iránicas, que inclúen o zoroastrismo, yazdanismo, e as tradicións históricas do gnosticismo.
  • As relixións da diáspora africana, practicadas en América, importadas como resultado do comercio de escravos dos séculos XVI ao XVIII, combinando as diversas tradicións do sur, centro e oeste de África.
  • As relixións indíxenas ou tribais de todos os continentes, por exemplo as relixións tradicionais africanas, o xamanismo africano e as relixións indoamericanas e australianas.
  • Os novos movementos relixiosos, un grupo heteroxéneo que emerxeu dende o século XIX, a miúdo a partir do sincretismo e a reinterpretación das tradicións antigas (por exemplo o Baha'í, ayyavazhi, ciencioloxía, e outros).

Distribución xeográfica das relixións

Religionsmajoritaries
Relixións maioritarias por Estado

As relixións, entendidas como parte intrínseca das culturas e civilizacións, en particular como concepción social e grupal, presentan unha xeografía e fronteiras claras. Aínda así, debido aos procesos históricos dos últimos dous séculos, da globalización e o fenómeno migratorio mundial -primeiramente de Europa cara ao Novo Mundo e na actualidade dos países en vías de desenvolvemento aos países desenvolvidos-, a maioría dos Estados contemporáneos, coa excepción da maioría dos Estados islámicos, presentan unha variedade multicultural e á vez multirelixiosa na súa composición demográfica coa presenza de numerosas relixións minoritarias. Aínda así, a miúdo a relixión histórica do país siga sendo maioritaria.

De maneira xeral, o cristianismo é a relixión maioritaria dos Estados europeos e americanos -o protestantismo nas rexións setentrionais de ambos os continentes, e o catolicismo nas rexións meridionais, salvo a Europa oriental onde o cristianismo ortodoxo é maioritario, e de Suriname onde as relixións indias son maioritarias. Na África norteña, o Oriente Próximo e Indonesia, a islam é a relixión maioritaria e a miúdo a relixión de Estado, agás no caso de Israel, onde o xudaísmo é a relixión de Estado e maioritaria. Na África subsahariana o cristianismo é maioritario, malia a presenza de relixións tribais é considerable. O budismo, o xintoismo, o confucianismo, así como outras relixións chinesas, son maioritarias nos diversos estados do leste de Asia, mentres que na India, hai numerosas relixións autóctonas.

Posturas relixiosas

Santiago Catedral Quintana GFDL9
Relevo na Praza da Quintana (Catedral de Santiago de Compostela)

En ocasións é importante distinguir entre "relixión" e "postura relixiosa". Sendo a relixión un sistema de crenzas, preceptos, prácticas e rituais, unha postura relixiosa refírese á forma en que un individuo se identifica fronte a unha ou varias relixións. As principais posturas relixiosas inclúen os crentes, os panteístas, os universalistas, os ateos, os agnósticos e os indiferentes.

  • Crentes: os crentes cren nalgunha relixión ou nalgún credo, isto é nas deidades, estrutura organizacional, preceptos e prácticas dunha determinada relixión. Moitas veces úsase o termo "teísta" para un crente, aínda que existen relixións non teístas, tales como o budismo ou o taoísmo e pódese ser crente ou seguidor delas.
  • Panteístas: os panteístas afirman que a divindade se atopa en todas partes, polo que rexeitan a idea dun Deus persoal e a miúdo (por exemplo, Spinoza) identifican a Deus coa propia Natureza. Os que afirman que Deus inclúe á realidade física pero tamén a excede reciben o nome de panenteístas.
  • Universalistas: a miúdo denomínase como universalistas a quen dá un mesmo valor positivo a tódalas relixións, considerando que as relixións constituídas son manifestacións dunha mesma realidade. En tal sentido calquera práctica ou rito é unha forma válida de cumprir a súa relixiosidade.
  • Ateos: literalmente, ateo é quen non cre en ningún deus ou en ningunha relixión. En ocasións considéranse ateos aos seguidores de relixións non teístas como o budismo ou o taoísmo no que podería considerarse ateísmos relixiosos. Outros limitan o termo aos ateísmos arrelixiosos (os máis frecuentes en Occidente) quen negan calquera veracidade nas relixións. Tamén existen os antirrelixiosos (cando se opoñen activamente á práctica da relixión). Aínda que o ateísmo é unha postura sobre a relixión, é incorrecto chamala unha relixión.
  • Agnósticos: os agnósticos son escépticos en materia relixiosa. Non consideran ter evidencias dalgunha relixión en particular nin teñen a certeza para asegurar que as relixións son falsas. Iso non implica que carezan necesariamente de interese polo espiritual, senón simplemente que non realizan afirmacións nin sosteñen crenzas específicas sobre a natureza última da realidade. Algúns agnósticos poden seguir ritos relixiosos, ben dende unha perspectiva universalista ou ben como un acto social.
  • Indiferentes: os indiferentes son aquelas persoas que non teñen interese en ningunha crenza nin práctica relixiosa. En xeral, non se suscita neles a cuestión relixiosa nin participan nun sistema de culto, ou só o fan en circunstancias extremas ou por esixencias de participación en actividades sociais. Un tipo especial de indiferentes son os apateístas, quen toman a indiferenza relixiosa dunha forma consciente ou filosófica.

Relixións

Greco Bautismo de Cristo 1597
O bautismo de Cristo, polo Greco
Pontevea GDFL 050917 015
Cruceiro en Pontevea

Tendo en conta o número de deuses, as relixións e crenzas divídense primariamente en monoteístas e politeístas. A clasificación falla ao considerar moitos casos, xa que existen relixións non teístas e a diferenza entre deidades menores de certos politeísmos e os intersecedentes dalgúns monoteísmos (p.ex. os santos do catolicismo) é en ocasións difusa.

  • O monoteísmo soporta a existencia dun único Deus, xeralmente omnipotente e omnipresente. As principais relixións monoteístas son: o xudaísmo, o cristianismo, o islam e a fe bahá'í. Algunhas ramas do hinduísmo son tamén monoteístas.
  • As relixións politeístas cren na existencia de moitos deuses, onde xeralmente se evidencia unha xerarquía acorde á importancia de cada un dos seres celestiais, como no caso do paganismo grecorromano e algúns aspectos do mormonismo.
  • As relixións panteístas como o xintoísmo, algunhas seitas do hinduísmo e as tradicións animistas sosteñen que o creador e os obxectos creados constitúen unha mesma entidade.
  • As relixións non teístas, como o budismo, non defenden a existencia ou non existencia de seres sobrenaturais. En ocasións, as deidades son vistas como recursos metafóricos utilizados para referirse a fenómenos naturais ou estados da mente.

Outra división que se utiliza consiste en falar de relixións "reveladas", "místicas" e "naturistas":

  • As relixións reveladas baséanse nunha revelación feita por un ente sobrenatural que indica, a miúdo en forma de libro ditado, cales son os dogmas nos que se debe crer e cales son os ritos que se deben seguir.
  • As relixións místicas poden considerarse máis como filosofías de vida. Nelas non se define un sistema de crenzas senón, máis ben, un conxunto de preceptos que se deben seguir.
  • As relixións naturistas non definen tampouco un sistema elaborado de organización de deidades, pero recoñecen a existencia de deidades e espíritos nas manifestacións da natureza.

Pseudorrelixións

Unha pseudorrelixión é un conxunto de ritos e preceptos similares a unha relixión pero no cal os seus mesmos seguidores non cren realmente.

En ocasións, o termino pseudorrelixión tamén se utiliza pexorativamente para referirse a sistemas de crenzas ou filosofías menores, pero con funcionalidade similar ás da práctica relixiosa das relixións principais, por exemplo, o discordianismo e o pastafarismo.

As relixións en Europa

As relixións en Europa

A visión oriental

Itsukushima torii angle
Torii - Shinto
Yin yang
Yin e Yang

No Oriente, a partir dos séculos VII e VI a. de C., empézanse a rexistrar sistemas filosóficos (budismo, taoísmo, confucianismo) que substituían a Deus (ou aos deuses) por conceptos non teísticos, os cales chegaron aos nosos días, con centenas de millóns de adeptos espallados por varios países dos mundo.

No extremo oriente (China, Xapón e India) foron desenvolvidos complexos conceptos filosóficos non teísticos, os cales, co tempo, mesturáronse coas tradicións das relixións politeístas que estaban profundamente enraizadas no espírito do pobo.

  • Xintoísmo: é unha relixión nativa do Xapón. Envolve a adoración dos Kami, que representan deuses, ou os espíritos da natureza, ou aínda, simplemente unha presenza espiritual. O tema principal e máis importante na relixión Xintoísta é un grande amor e reverencia pola natureza. Así, a Lúa, unha Cachoeira ou unha Rocha poden observarse como un Kami. Os Kamis non son divindades transcendentes senón seres divinos que están próximos a nós, que habitan o mesmo mundo que nós, cometen os mesmos erros que nós e teñen sentimentos e pensamentos semellantes aos nosos. Unha persoa que morre pode automaticamente transformarse en Kami, sen importar o tipo de vida que levara. Os Kamis poden ser bos ou malos. O Xintoísmo é unha colección de rituais e métodos que regulan as relacións entre os seres humanos e as divindades (Kami). A vida despois da morte non é unha preocupación primaria para os xintoístas, pois unha énfase maior colócase en atopar a felicidade na vida nese mundo.
  • Taoísmo: é unha filosofía non teística criada por Lao-Tse, que expuxo os seus pensamentos no libro: Tao Te Ching. O concepto Deus, conforme se coñece na tradición occidental, non existe nesta filosofía. Todo o que existe é o Tao, que significa “O camiño”. Tao é un concepto que transcende as dimensións espazo-tempo e, polo tanto, non pode ser comprendido pola limitada mente humana. Constitúe a esencia do universo, a realidade última e indefiníbel, e é a través do Tao –termo e medio eterno da evolución– que pasan todas as cousas. Todo é cíclico, pois Tao é a enerxía que flúe a través de toda a vida. De Tao derívase Yin e Yang, o número dous, que representa a natureza dual de todas as cousas (bo-malo, vida-morte, día-noite, claro-escuro, felicidade-tristeza, saúde-doenza). De Yin e Yang nace implicitamente o tres (Ceo, Terra e Humanidade) e, finalmente, por extensión, prodúcese a totalidade do mundo na forma como o vemos e coñecemos.
  • Budismo: creado por Siddhartha Gautama, o Buda ou o Iluminado, é xeralmente visto como unha relixión non teística, aínda que nalgunhas ramas del se afirme a existencia dos devas, que son criaturas que gozan de gran felicidade nos seus mundos celestiais. Con todo, eses seres non son eternos e están suxeitos á morte e a eventuais renacementos como os seres inferiores, amarrados a un determinado aspecto da natureza, no cal terán que traballar. A existencia do home é pasaxeira e cíclica – o Samsara (conxunto dos ciclos de nacemento e morte). O home soamente estará libre dese “Ciclo de renacementos” cando elimine definitivamente o seu auto aprecio atinxindo a liberación ou Nirvana. Para os budistas soamente os seres humanos poden atinxir o nirvana ou a iluminación, os deuses por descoñeceren o sufrimento son incapaces de xerar renuncia ou compaixón. O ser Iluminado confúndese entón coa Mente Universal.
  • Confucianismo: sistema filosófico, relixioso e ético desenvolvido a partir dos ensinos de Confucio. O obxectivo principal desa filosofía consiste, non en subxugar as persoas a un Ser Superior (Deus), senón a través de ritos, traballar no interior delas, a fin de moldear o seu comportamento e dar autocontrol sobre os seus desexos. Nese sentido, todos recoñecerán a súa posición relativa diante dos seus semellantes, identificando a cada instante quen é o máis novo e quen é o máis sabio, quen é o visitante e quen é o dono da casa, e así por diante; e atinxirán o coñecemento sobre a súa obrigación entre os outros e sobre o que esperar deles. Hai obrigacións específicas prescritas para todos os participantes en todas as ramificacións do relacionamento humano. "Non fagas aos outros aquilo que ti non quer que eles che fagan", é a máxima chinesa coñecida como Regra de Ouro do Confucianismo. A solidariedade e a educación son os grandes ideais buscados por esa filosofía, e en Confucio está o maior exemplo desas virtudes.

Notas

  1. Lewis Charlton T.; Short, Charles. A Latin Dictionary The Perseus Dixital Library. [Data de consulta: 18 de decembro, 2009]
  2. qui omnia, quae ad cultum deorum pertinerent, diligenter retractarent et tamquam relegerent, sunt dicti religiosi ex relegendo, ut elegantes ex elegendo, tamquam a diligendo diligentes, ex intellegendo intellegentes: his enim in verbis omnibus inest vis legendi eadem, quae in religioso, Cic. N. D. 2, 28, 72
  3. "Definición de relixión no Dicionario da RAG". Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2010. Consultado o 18 de decembro de 2009.
  4. Lindbeck, George A. (1984). Nature of Doctrine Louisville, Estados Unidos: Westminster/John Knox Press.
  5. 5,0 5,1 Dow, James (2007). "A Scientific Definition of Religion". E-Journal for the Study of Anthropology of Religion, ANPERE. ISSN 1653-6355
  6. Start e Fink (2000) en Dow Jones (2007), "A Scientific Definition of Religion". E-Journal for the Study of Anthropology of Religion, ANPERE. ISSN 1653-6355
  7. 7,0 7,1 7,2 KOTTAK, Conrad Philippe, Antropoloxía Cultural, McGraw Hill, Madrid, 2006.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 BONTE, Pierre e IZARD, Michel, Diccionario AKAL de Etnología y Antropología, Akal, Madrid, 2008.
  9. 9,0 9,1 MALINOWSKI, Bronislaw, Maxia Ciencia e Relixión, Planeta Agostini, Barcelona, 1985.
  10. "Carta de Jaume 1:27 Arquivado 23 de maio de 2009 en Wayback Machine.". Bible del 2000. Institución Bíblica Evangélica de Cataluña.
  11. Imram 3:29. Corán, en castelán
  12. Imram 3:19. Corán, en castelán.
  13. Datos da'Enciclopaedia Britannica, edición do 2005

Véxase tamén

Outros artigos

Ateísmo

O ateísmo é o rexeitamento á crenza na existencia dunha ou máis deidades. En sentido estrito, é a postura expresa na que non existe ningún deus. Nun sentido máis amplo, é a ausencia de crenza en que exista algunha deidade. Oponse o teísmo, que na súa forma máis xeral é a crenza na existencia de polo menos unha deidade.O termo ateo provén etimoloxicamente do latín athĕus e este de o grego ἄθεος, que significa 'sen deus(es)' e foi empregado de forma pexorativa para referirse a quen rexeitaba aos deuses adorados pola súa sociedade. Co xurdimento e a difusión do librepensamento, o escepticismo científico e o subsecuente incremento da crítica da relixión, diminuíu o alcance do termo. As primeiras persoas en identificarse a si mesmas coa palabra «ateo» viviron na Ilustración durante o século xviii. A revolución francesa, notable polo seu "ateísmo sen precedentes", presenciou o primeiro gran movemento político da historia en avogar pola supremacía da razón humana.Os argumentos a favor do ateísmo abarcan desde aspectos filosóficos a perspectivas sociais e históricas. As razóns para non crer en deidades inclúen argumentos de ausencia de evidencia empírica, o problema do mal, o argumento das revelacións inconsistentes, o rexeitamento a conceptos infalsables e o argumento da non crenza, entre outros. Aínda que algúns ateos adoptaron filosofías seculares (como o humanismo e o escepticismo), non existe unha ideoloxía ou conxunto de conduta único ao que todos os ateos se adhiran. Moitos deles sosteñen que o ateísmo é unha cosmovisión máis parsimoniosa que o teísmo e que por tanto a carga da proba non recae en quen non cre na existencia de deuses, senón que é o crente quen debe xustificar o seu teísmo.Dado que as nocións de ateísmo varían, as estimacións precisas de cantos ateos existen no globo son unha tarefa complexa. Segundo unha estimación feita en 2007, os ateos representaban o 2,3 % da poboación mundial, ademais dun 11,9 % de non relixiosos (ateos non incluídos). Nunha enquisa de WIN/GIA de 2012 preguntouse «Independentemente de se asiste a un lugar de culto ou non, diría vostede que é unha persoa relixiosa, non relixiosa ou un ateo convencido?». O 59 % da poboación mundial identificouse como relixiosa, un 23 % non relixiosa e un 13 % declarouse atea convencida. Os ateos están concentrados principalmente en Asia Oriental, especialmente China (47 %) e Xapón (31 %), e en Europa Occidental (en media 14 %), onde sobresae Francia (29 %). En comparación co mesmo estudo realizado en 2005, en sete anos a relixiosidade diminuíu nove puntos porcentuais mentres que os ateos aumentaron tres nos países en común.

Cardeal

Os cardeais da Igrexa Católica, segundo o Código de Dereito Canónico, "constitúen un Colexio peculiar, ao que compete prover a elección do Romano Pontífice, segundo a norma do dereito peculiar; así mesmo, os Cardeais asisten ao Romano Pontífice tanto colexialmente, cando son convocados para tratar xuntos cuestións de máis importancia, como persoalmente, mediante os distintos oficios que desempeñan, axudando ao Papa sobre todo no seu goberno cotiá da Igrexa universal."

Cristianismo

O cristianismo (da verba en grego antigo Χριστός, Khristós (Cristo)) é unha relixión monoteísta baseada na vida e ensinanzas de Xesús Cristo como aparecen nos evanxeos canónicos e noutros escritos do Novo Testamento. Actualmente é a relixión, se contamos tódalas súas ramas, que conta con maior número de practicantes, coñecidos como cristiáns.

Os cristiáns cren que Xesús é o Fillo de Deus, Deus feito home, e o salvador da humanidade. Por mor disto, refírense a Xesús como Cristo, o Mesías profetizado nos textos xudeus que compoñen o Antigo Testamento. A doutrina teolóxica básica aparece nos primeiros textos cristiáns, cuxo contido é aceptado pola maioría das confesións cristiás. Estas profesións de fe din que Xesús sufriu, morreu e resucitou de entre os mortos para garantir a vida eterna a aqueles que cren nel e que confían nel para o perdón dos seus pecados. A maioría sosteñen tamén que Xesús subiu ao Ceo e que alí goberna xunto con Deus Pai. Aínda que o cristianismo é unha relixión monoteísta a maioría dos cristiáns cren que Deus existe en tres persoas, Deus Pai, Deus Fillo e Deus Espírito Santo que constitúen unha mesma substancia de Deus, o que constitúe o misterio da Santa Trindade.

Deus

O concepto teolóxico, filosófico e antropolóxico de Deus (do latín: Deus) fai referencia a unha deidade suprema. Deus é o nome que se lle dá en galego a un ser supremo omnipotente, omnipresente, omnisciente e persoal en relixións teístas e deístas (e outros sistemas de crenzas) quen é: ou ben a única deidade, no monoteísmo, ou a deidade principal, nalgunhas formas de politeísmo, coma no henoteísmo.Deus tamén pode referirse a un ser supremo non persoal coma no panteísmo, e nalgunhas concepcións é unha mera idea ou razoamento sen ningunha realidade subsistente fóra da mente, coma nos sistemas materialistas.

A miúdo, Deus é concibido como o creador sobrenatural e supervisor do universo. Os teólogos adscribiron unha variedade de atributos ás numerosas concepcións diferentes de Deus. Entre estas, as máis comúns son omnisciencia, omnipotencia, omnipresencia, omnibenevolencia (perfecta bondade), simplicidade divina, e existencia eterna e necesaria. Deus tamén foi concibido como de natureza incorpórea, un ser persoal, a fonte de toda obrigación moral, e o «maior ser concibible con existencia».

Estes atributos foron descritos en diferentes graos polos primeiros filósofos-teólogos xudeus, cristiáns e musulmáns, incluídos Maimónides, Agostiño de Hipona e Al-Ghazali, respectivamente. Moitos destacados filósofos medievais e filósofos modernos desenvolveron argumentos a prol da existencia de Deus. De xeito análogo, numerosos filósofos e intelectuais de renome desenvolveron argumentos en contra.

Eleusis

Eleusis (grego: Ελευσίνα - Elefsina, grego antigo: Ἐλευσίς - Eleusis) é unha vila e concello de Ática Occidental, Grecia. Está localizada a 18 km ó noroeste de Atenas, no Golfo Sarónico.

Eleusis é o centro administrativo da unidade periférica de Ática Occidental. É coñecida por ser o lugar dos misterios eleusinos, un dos eventos relixiosos máis famosos da relixión da Grecia antiga, e o lugar de nacemento de Esquilo, un dos tres grandes dramaturgos da antigüidade. Hoxe, Eleusis é un gran centro industrial coa maior refinería de petróleo de Grecia.

Europa

Europa ( pronunciación ) é unha das grandes penínsulas de Eurasia (segundo como se considere, a maior delas), á que de forma convencional e por motivos históricos considérase un continente propio, e pertence a súa a Eurafrasia. Europa esténdese pola metade oriental do Hemisferio Norte, dende o océano Glacial Ártico polo norte ata o mar Mediterráneo polo sur. Polo leste, chega ata o océano Atlántico, admitíndose que polo leste limita con Asia nos Montes Urais e o Cáucaso, compartindo entre ámbolos continentes o mar Caspio.

En Europa naceu a cultura occidental, os países europeos xogaron un papel predominante desde o século XVI, especialmente despois do comezo da colonización doutros continentes polos europeos. Entre os séculos XVII e XIX os europeos controlaban a maior parte de África, América, Oceanía e unha parte substancial de Asia. A Primeira Guerra Mundial e a Segunda Guerra Mundial levaron a un devalo do dominio europeo nos asuntos mundiais e os Estados Unidos e a Unión Soviética ocuparon esa preminencia. A Guerra Fría entre esas dúas superpotencias dividiu Europa ata o colapso da URSS.

Gran Bretaña

Gran Bretaña é a maior illa de Europa, situada no noroeste deste continente, entre o mar do Norte, o Golfo de Irlanda e o Canal da Mancha.

Hinduísmo

O hinduísmo é unha relixión henoteísta tradicional da India. Considerada a máis antiga das grandes relixións do mundo aínda en práctica, o Hinduísmo caracterízase por unha diversidade de sistemas de crenzas, prácticas e escrituras. Ten orixe na antiga cultura védica cerca de 3000 a. C. É a terceira maior relixión do mundo con aproximadamente 1.050 millóns de seguidores, 96 % dos cales están no subcontinente indio. Mais tamén é influente en Bangladesh, Nepal, Indonesia, Sri Lanka, Paquistán etc.

Aínda que sexa xeralmente mencionado como unha relixión específica, o hinduísmo é máis correctamente descrito como un conxunto de relixións cunha linguaxe en común, pois ten pouca ou ningunha organización central ou base teolóxica compartida.

Igrexa católica

A Igrexa católica, tamén coñecida como Igrexa católica romana, é a maior denominación relixiosa cristiá con máis de 1.200 millóns de fieis. Reclámase organizativa e doutrinalmente a Igrexa cristiá orixinal fundada por Xesús e os Doce Apóstolos. A Igrexa católica está gobernada polo papa e polo Colexio Episcopal, integrado polos bispos en comuñón con el, e do cal é cabeza. Hoxe en día os ritos que se empregan na Igrexa son o rito latino (con diversas variacións nalgunhas igrexas locais e nalgunhas ordes relixiosas), o rito bizantino, o rito copto, o siríaco, o armenio, o maronita e o rito caldeo.As notas esenciais que definen á Igrexa son a súa Unidade, Santidade, Catolicidade e Apostolicidade; estas notas atópanse en tódalas Igrexas particulares que constitúen a Igrexa católica, que son a Igrexa latina e as igrexas católicas orientais; todas elas teñen en común as devanditas notas ou características esenciais e a autoridade suprema do Romano Pontífice.

En ocasións a Igrexa católica é aludida como Igrexa católica apostólica romana ou como Igrexa católica romana; quen fai isto sostén que as Igrexas anglicana e ortodoxa tamén son católicas (no sentido etimolóxico e en todo o contido do termo) e que a única diferenza é non estar sometidos á autoridade do papa, ou ben se trata de persoas procedentes de países nos que o idioma adoptou esta expresión debido ao uso intenso por parte de comunidades relevantes de anglicanos e outros protestantes e de ortodoxos.

Indonesia

Indonesia, oficialmente República de Indonesia (en indonesio: Republik Indonesia), é un extenso país insular do sueste asiático, ocupando boa parte do territorio do máis grande arquipélago do mundo, de 17.508 illas, as illas da Sonda, e máis a metade occidental da illa da Nova Guinea, posuíndo un total dun 237 millóns de habitantes, convertendo a Indonesia no cuarto país máis poboado do mundo. Indonesia é unha república, cun poder lexislativo e un presidente escolleitos por sufraxio e o goberno ten a súa sede central na cidade de Iacarta, a capital.

Pese a ser un arquipélago, ten fronteiras terrestres con Malaisia na illa de Borneo, con Timor Leste na illa de Timor, e con Papúa Nova Guinea, na illa de Nova Guinea. O país está bañado polos océanos Pacífico e Índico.

Algunhas das illas do arquipélago son Xava (a máis densamente poboada), Borneo, Sumatra, Célebes, Timor ou Nova Guinea.

O arquipélago indonesio ten sido unha rexión importante para o comercio dende o século VII, dende que o reino de Srivijaya comezou a comerciar coa China e coa India. Gradualmente, os gobernantes locais adoptaron a cultura, relixión e o modelo político dos indios, e no século I d. C. apareceron varios reinos hindús e budistas na rexión. A historia indonesia foi influenciada polas potencias foráneas que buscaron explotar os seus recursos naturais. Despois de que os comerciantes musulmáns introduciran o Islam, e durante a era dos descubrimentos, as potencias europeas comezaron a disputarse o monopolio do comercio de especias nas Molucas. Tras tres séculos e medio de colonialismo neerlandés, Indonesia obtivo a súa independencia pouco despois da Segunda Guerra Mundial.

Dende aquela a historia de Indonesia foi turbulenta, enfrontándose a desastres naturais, corrupcións, o separatismo, o proceso de democratización e períodos de cambios económicos.

A través das súas numerosas illas, o pobo indonesio está conformado por distintos grupos étnicos, lingüísticos e relixiosos. Os xavaneses son o grupo étnico máis grande e politicamente o dominante. Indonesia desenvolveu unha identidade compartida definida por un idioma nacional, pola diversidade étnica, o pluralismo relixioso dentro dunha poboación de maioría musulmá e unha historia de colonialismo constante e a súa loita contra el. O lema nacional de Indonesia, "Bhinneka Tunggal Ika" ("Unidade na diversidade"), articula a diversidade que conforma á nación. Non obstante, as tensións sectarias e o separatismo conduciron a violentos enfrontamentos que minaron a estabilidade política e económica do país. A pesar da súa gran poboación e as rexións densamente poboadas, en Indonesia atópanse vastas terras inhabitadas que o fan un dos países do mundo con maior biodiversidade, integrándose á lista dos países megadiversos.Pese a ter moitos recursos naturais, a pobreza é unha característica que define á Indonesia contemporánea.

Islam

O islam (en árabe: الإسلام, al-Islām ) ou islamismo é unha relixión monoteísta abrahámica cuxo dogma baséase no libro do Corán, o cal establece como premisa fundamental para os seus crentes que «Non hai máis deus que Alá e que Mahoma é o último mensaxeiro de Alá». A palabra árabe Allah, galeguizada como Alá, significa Deus e a súa etimoloxía é a mesma da palabra semítica El (אל), coa que se nomea a Deus na Biblia. Os eruditos islámicos definen ao islam como: «A submisión a Deus o Altísimo a través do monoteísmo, a obediencia e o abandono da idolatría». O libro sagrado do islam é o Corán, ditado por Alá a Mahoma a través de Yibril (o Arcanxo Gabriel). Os seguidores do islam denomínanse musulmáns (do árabe muslim مسلم, 'que se somete'). Testemuñan que Mahoma é o último dos profetas enviados por Deus e selo da Profecía.O islam, á semellanza do xudaísmo e do cristianismo, descende da tradición relixiosa do patriarca bíblico Abraham, e é clasificado como unha relixión abrahámica. O islam non nega o xudaísmo nin o cristianismo senón que considera esas relixións monoteístas como parte da súa herdanza e consideran que Adán foi o primeiro musulmán. Ademais do Corán, os musulmáns de tradición sunnita seguen así mesmo os hadices e a sunna do profeta Mahoma, que conforman o Rexistro histórico das accións e os ensinos do Profeta. Aceptan como libros sagrados a Torá (o Antigo Testamento dos cristiáns), os Libros de Salomón e os Evanxeos (o Novo Testamento). Teñen como profetas, entre outros, a Adán, Noé, Abraham, Moisés, Salomón e Xesús.

En 2010 calculábanse en case 1600 millóns de seguidores do Islam que son maioría en 49 países, arredor dun 87/90% dos musulmáns son sunnitas e o 10/13% xiítas. Segundo o Vaticano, o islam (conxuntamente con todas as súas ramificacións) é a relixión máis estendida do mundo, xa que recentemente superou o número de católicos, e a segunda relixión do mundo se se súmase o número de fieis das distintas confesións do cristianismo.

O islam xurdiu coa predicación de Mahoma no ano 622 na Meca (na actual Arabia Saudita). Baixo o liderado de Mahoma e os seus sucesores, o islam estendeuse rapidamente. Existe discrepancia entre os musulmáns e non musulmáns de se se estendeu por imposición relixiosa ou militar, ou por conversión dos pobos ao islam. As ensinanzas de Mahoma están contidos no Corán, ou Alcorán (Qur'an, "recitación" en árabe). Os musulmáns acreditan que Mahoma recibiu estas ensinanzas de Alá (a palabra árabe para Deus), por intermedio do anxo Xibreel (Arcanxo Gabriel) que Mahoma despois recitou para que outros pasasen a escrito, xa que era analfabeto segundo considera a tradición islámica, converténdose no mensaxeiro do islam. Alén do Corán, inclúense entre os conceptos e prácticas relixiosas os piares do islam, cinco para os sunnitas: profesión de fe (non hai máis deus que Alá e Mahoma é o seu profeta), orar cinco veces ao día, a esmola, o xaxún no Ramadán e a peregrinación á Meca que os xíis imamís inclúen entre as derivacións da fe xunto con outras prácticas; os ditos e accións de Mahoma tal como se recolle no corpus dos hadith, distintos segundo a tradición sunnita e a xiíta e que para os sunnitas conforman a sunna, que clarifican e explican as ensinanzas de Mahoma e que forman o Rexistro histórico das accións e as ensinanzas do Profeta.

Ao contrario do xudaísmo e do cristianismo, o islam non atravesou un período de gran reforma ou reformulación fundamental.

Para a maioría dos musulmáns o islam non é só unha relixión senón un xeito de vida, un sistema que dá instrucións que se relacionan con todos os aspectos da actividade humana, sexan políticos, sociais, financeiros, legais, militares ou interpersoais pero entre os crentes hai diversos graos de observancia, para uns é un asunto privado mentres para outros é a base de todo o seu sistema de relacións .

Lingua latina

O latín é unha lingua indoeuropea morta que foi utilizada polos antigos romanos. Mantívose como lingua litúrxica da relixión católica, e aínda é oficial no Vaticano, factores polos que era aprendida polos cregos e falada nos seminarios. Por extensión, o adxectivo latino, latina emprégase para designar ás persoas que proceden de países con linguas neolatinas (que proceden do latín) ou que falan estas linguas. En termos xerais, úsase en Europa para designar ós habitantes meridionais e nos EUA e España para designar ós habitantes de procedencia iberoamericana.

Mitoloxía grega

A mitoloxía grega comprende a colección de lendas sobre deuses gregos e heroes antigos, orixinariamente creada e difundida dentro da tradición oral e poética desta antiga civilización do Mediterráneo oriental. As fontes supervivintes da mitoloxía grega son transcricións destas narracións faladas, ou ben revisións literarias posteriores. Aínda que os gregos non practicaban a relixión, coñecían estas historias que formaban parte do seu acervo cultural.

Notable Names Database

Notable Names Database ou NNDB, é un banco de datos en liña con detalles biográficos de persoas famosas destacadas dentro da sociedade mundial. Producido pola Soylent Communications, o NNDB contén tamén ligazóns entre as persoas, como ten tamén estatísticas vitais, emprego de determinada persoa, relixión, orientación sexual e unha biografía (consta tamén se determinada persoa ten ou non antecedentes criminais).

Roma antiga

Roma, en orixe unha cidade-estado, deu nome ao estado máis extenso da antigüidade europea.

Sacerdote

O sacerdote é unha persoa que se dedica profesionalmente, en exclusiva ou a tempo compartido, a realizar actos de intermediación entre os seus conveciños e supostos seres superiores. O termo pode variar pero, en xeral e desde un punto de vista cultural, o sacerdote é aquel que exerce como intermediario entre o ser humano e a divindade.

Chámaselle sumo sacerdote a quen exerce a máxima autoridade relixiosa nalgunhas confesións, normalmente como herdeiro dalgunha tradición histórica non comprobada (así os católicos chaman sumo pontífice á súa máxima autoridade, como herdeiro dos secretos construtivos).

En case todas as culturas, a casta sacerdotal constituíu unha clase social dominante.

O corpo de sacerdotes adoita recibir diferentes nomes segundo a cultura. En Galicia recibe popularmente os nomes de crego, cura, párroco ou, debido á influencia dos frades bieitos, abade.

Século XXI

Tempo entre 2001 e 2100 da era cristiá. É o século actual.

Xudaísmo

O termo xudaísmo (do hebreo יהדות Yahadut, do termo יהודה Yehudá) refírese á relixión, á tradición, á cultura ou á forma de vida do pobo xudeu. É a máis antiga das tres relixións monoteístas, as chamadas «relixións do Libro» ou «abrahámicas» xunto co cristianismo e o islam, e a menor delas en número de fieis. As doutrinas e historia do Xudaísmo constitúen unha parte importante dos fundamentos históricos das outras dúas relixións.

Aínda que non existe un corpo único que sistematice e fixe o contido dogmático do xudaísmo, a súa práctica baséase nas ensinanzas da Torá, tamén chamada Pentateuco, composto por cinco libros. Á súa vez, a Torá ou o Pentateuco é un dos tres libros que conforman o Tanakh (ou Antigo Testamento, segundo o cristianismo), aos que se atribúe inspiración divina.

Na práctica relixiosa ortodoxa, a tradición oral tamén desempeña un papel importante. Segundo as crenzas, foi entregada a Moisés xunto coa Torá e conservada desde a súa época e a dos profetas. A tradición oral rexe a interpretación do texto bíblico, a codificación e o comentario. Esta tradición oral foi transcrita, dando nacemento á Mishná, que posteriormente sería a base do Talmud e dun enorme corpo esexético, desenvolvido ata o día de hoxe polos estudosos. O compendio das leis extraídas destes textos forma a lei xudía ou Halajá.

O trazo principal da fe xudía é a crenza nun Deus omnisciente, omnipotente e próvido, que tería creado o universo e elixido ao pobo xudeu para revelarlle a lei contida nos Dez Mandamentos e as prescricións rituais dos libros terceiro e cuarto da Torá. Consecuentemente, as normas derivadas de tales textos e da tradición oral constitúen a guía de vida dos xudeus, aínda que a observancia das mesmas varía moito duns grupos a outros.

Outra das características do xudaísmo, que o diferencia das outras relixións monoteístas, radica en que se considera non só como unha relixión, senón tamén como unha tradición, unha cultura e unha nación. As outras relixións transcenden varias nacións e culturas, mentres que o xudaísmo considera a relixión e a cultura concibida para un pobo específico. O xudaísmo non esixe dos non xudeus unirse ao pobo xudeu nin adoptar a súa relixión, aínda que os conversos son recoñecidos como xudeus en todo o sentido da palabra. Así mesmo, xudeu foi comisionado polas súas escrituras a ser «luz ás nacións» e propagar o monoteísmo ético por todo o mundo. A relixión, a cultura e o pobo xudeu poden considerarse conceptos separados, pero están estreitamente interrelacionados. A tradición e a cultura xudía son moi diversas e heteroxéneas, xa que se desenvolveron de modos distintos en diferentes comunidades e cada comunidade local incorporou elementos culturais dos distintos países aos que chegaron os xudeus a partir da dispersión.

Zeus

Na mitoloxía grega Zeus (en lingua grega Ζεύς), Zeús Kroniōn («descendente de Crono») ou Dias (Δίας, «rei divino») foi o líder dos deuses e o deus do ceo e mais do trono.

Deus supremo da relixión grega, Zeus, Xúpiter para os romanos, foi fillo de Cronos e de Rea, pai dos deuses e dos homes. Cronos devoraba a tódolos fillos que lle daba a súa muller, quen ao estar embarazada de Zeus fuxiu, para salvalo, á illa de Creta, onde tivo o seu fillo e retornou ao Olimpo, simulando alí un segundo parto. A Cronos entregoulle unha pedra envolta en teas, simulando ser un meniño, e aquel tragouno sen decatarse do engano.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.