Reintegracionismo

O reintegracionismo é unha postura lingüística que defende que o galego é unha variedade da lingua portuguesa[1] ou no ámbito científico, galego-portuguesa. Polo tanto, as diferentes falas galegas serían, como as portuguesas, parte do mesmo diasistema lingüístico e, como consecuencia da procura da converxencia entre o galego e o portugués, propón a adopción dunha grafía baseada na norma portuguesa.

Norma divulgada a través do libro Estudo crítico das normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego de 1983 coñecida como Norma AGAL e que ten a súa continuación no Compêndio Atualizado das Normas Ortográficas e Morfológicas do Galego-Português da Galiza [2] da Associaçom de Estudos Galegos, mentres a AGAL logo de aprobar a confluencia das dúas tradicións normativas do reintegracionismo [3] deu ao prelo en 2017 a Ortografia galega moderna: confluente com o português no mundo mais sen carácter prescritivo[4].

O sector lusista defende a adopción directa do padrón portugués.

Historia

Agal
Logotipo da AGAL

Como postura moi minoritaria tivo algúns partidarios a comezos do século XX como Xoán Vicente Viqueira[5] ou Evaristo Correa Calderón e a mediados do século na figura de Ernesto Guerra da Cal[6]. Con todo a primeira formulación ortográfica debeuse a José Martinho Montero Santalha que en 1976 publicou na revista Grial a súa Unificación ortográfica galego-portuguesa, recollendo a proposta que Manuel Rodrigues Lapa fixera en 1973 de adoptar o portugués como a forma literaria do galego, pero matizándoa para defender só un achegamento ortográfico[7], afondando nesa liña en Directrices para a reintegración lingüística galego-portuguesa de 1979. Eses postulados recolleunos Ricardo Carvalho Calero a partir de 1980 nunha serie de obras. E ao ano seguinte naceu a principal organización reintegracionista; a Associaçom Galega da Língua.

O Concello de Corcubión foi a primeira institución pública que utilizou esta normativa na súa web.

O reintegracionismo é un movemento cultural, alén de lingüístico, que sostén o feito de que o galego pertence á lingua histórica coñecida mundialmente polo nome de portugués ou lingua portuguesa. Ou sexa, as falas galegas forman parte do mesmo diasistema lingüístico,que antes da aplicación do Novo acordo ortográfico era realizado por dúas normas: as estandarizadas en Portugal e nos PALOPs. E no Brasil: ás cales cabería engadir outra galega, aínda en proceso de elaboración. A aplicación do acordo ortográfico de 1990 en Brasil e Portugal provocou a actualización e flexibilización das normas promovidas pola AGAL e a edición dun novo libro en 2017 chamado "Ortografía Galega Moderna".

Por consecuencia, os reintegracionistas ou lusistas cren que a normativa oficial do galego, arbitrada pola Real Academia Galega e reflectida nas NOMIG (normas ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego) é inadecuada, xa que dan por irreversíbel a castelanización do galego. A última reforma destas normas, en 2003, acepta esa visión e conserva os trazos coincidentes co español, como a letra ñ, o dígrafo ll, os sufixos -ería, -ble, -ción, as regras de acentuación e as opcións léxicas tamén dan máis preferencia a vocábulos de orixe castelá.[Cómpre referencia]

A norma da AGAL (Asociación Galega da Lingua) e outros grupos usan unha norma ortográfica próxima da portuguesa común: NH, LH, ~ ("til") unicamente nos plurais (s); -aria, -vel , pero -con, en vez de -ción.

Outras agrupacións, como o MDL (Movemento Defensa da Lingua), usan a Norma AGAL e a portuguesa indiferentemente, mentres que a AAG-P (Asociación de Amizade Galiza-Portugal) e as IFG-P (Irmandades da Fala da Galiza e Portugal) optaron pola norma acordada en Lisboa en 1990 e usada en todo o mundo no Portugués actual. En Portugal, e en todo o mundo lusófono estes movementos son secundados polo MIL: Movemento Internacional lusófono e polos Coloquios da Lusofonía.

O termo "reintegracionismo" representa, fronte ao término "lusismo" unha posición de achegamento máis lenta, e acepta posicións intermedias sobre a adopción progresiva da ortografía portuguesa. Con todo, lusismo e reintegracionismo buscan os mesmos obxectivos. Se fose posible a distinción, habería de atribuír ao lusismo a adopción da ortografía e morfoloxía portuguesas, co uso de léxico común e tamén do propio galego, mentres que o reintegracionismo usa peculiaridades galegas na ortografía e na morfoloxía, por riba sinaladas, ademais de coincidir co lusismo nos usos lexicais.

Promotores do reintegracionismo son a Asociación Galega da Lingua (AGAL), o Movemento Defensa da Lingua (MDL), a Asociación de Amizade Galiza-Portugal (AAG-P), as Irmandades da Fala da Galiza e Portugal (IFG-P), a Asociación Socio-Pedagóxica Galaico-Portuguesa (AS-PGP), a Academia Galega da Língua Portuguesa creada en 2008 e distintas asociacións cívicas locais, especialmente os chamados 'centros sociais' que na última década xurdiron en diferentes vilas e cidades da Galiza para realizar traballo cultural e lingüístico con unha orientación reintegracionista.[Cómpre referencia]

Xa no ámbito político, as forzas de referencia española adoitan ser máis refractarias fronte ao reintegracionismo, apoiando a normativa oficial. Os partidos e forzas nacionalistas e independentistas galegas teñen unha orientación máis reintegracionista, pero a corrente maioritaria, o BNG e o En Marea, asume estes principios só nun plano teórico, mentres que a minoritaria esquerda independentista Causa Galiza usa a proposta ortográfica reintegracionista xa desde 1985, cando foi aprobada pola extinguida organización Galiza Ceive (OLN).

Actualmente o Diario Oficial de Galicia (DOGA) permite a súa visualización en portugués, galego e castelán.

O lusismo tivo varios éxitos de renome entre os que se contan a aceptación polo parlamento español e parlamento galego da recepción das televisións portuguesas ou a aprobación da ILP Paz-Andrade, convertida en Lei de aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía[8] que inclúe o ensino do portugués como lingua estranxeira.

A Academia Galega da Língua Portuguesa fai parte dos observadores consultivos da CPLP.[Cómpre referencia]

En 2018 en debate parlamentario foi aprobada unha resolución no Parlamento de Galicia solicitando ao goberno galego iniciar trámites para a incorporación galega na CPLP.[Cómpre referencia]

Notas

  1. Francisco Fernández Rei A situación do galego en Galicia e no occidente de Asturias, de León e de Zamora en Estudios de sociolingüística románica: linguas e variedades minorizadas. Universidade de Santiago de Compostela, 1999, páxina 43
  2. "Sai o 'Compêndio atualizado das normas ortográficas e morfológicas do galego-português da Galiza" AEG
  3. "AGAL aproba a confluencia das dúas tradicións normativas do reintegracionismo" Galicia Confidencial, 5 de decembro de 2016
  4. "Ortografia Galega Moderna confluente com o Português no mundo I. Esclarecimentos prévios". AGAL
  5. Domingos Prieto Alonso Planificaçom lingüística do galego:Vicente Viqueira, mestre de dom Ricardo en José Luís Rodríguez (ed.) Estudos dedicados a Ricardo Carvalho Calero. Universidade de Santiago de Compostela, 2000, pp. 267-281
  6. Maria do Carmo Henríquez Salido Caracterizaçom da língua en Ernesto Guerra da Cal en Homenagem a Ernesto Guerra da Cal. Universidade de Coimbra, 1997, páxina 277
  7. Serafín Alonso Pintos O ideal de lingua na Gramática de Carballo Calero, Grial 147, 2000, páxina 473
  8. "LEI 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía"DOG, 8 de abril de 2014

Véxase tamén

Ligazóns externas

AGIR

Agir é unha organización de estudantes de esquerda independentista. Unha organización que conta con presenza en distintas comarcas de Galiza.

Agir defende un ensino público, en galego, non patriarcal, democrático e de calidade. Loita contra a privatización e por un ensino pensado para Galiza e en galego, en contra do machismo nas aulas. Esta ligado a Nós-UP. Contan cun representante na USC.

O órgano central e básico de Agir son os distintos Comités de centro de cada facultade ou centro de secundaria no que teñen presenza.

Agália

Agália é unha revista galega creada en 1985, órgano de expresión da Associaçom Galega da Língua.

Assembleia da Mocidade Independentista

A Assembleia da Mocidade Independentista (AMI) foi unha organización política independentista galega formada por xente nova constituída formalmente en Bueu no ano 1996, aínda que traballou coordinadamente desde o 1993.

Anunciou a súa disolución en setembro de 2014.

Assembleia de Estudantes Galeg@s Antifascistas

Assembleia de Estudantes Galeg@s Antifascistas (AEGA) foi unha organización estudantil de ideoloxía independentista e socialista que existiu na Universidade de Vigo de 1998 a 2001.

Assembleia do Povo Unido

A Assembleia do Povo Unido foi un partido galego independentista que se proclamaba socialista e reintegracionista formado en 1989 despois de escindirse da Frente Popular Galega un grupo nucleado en torno a Galiza Ceive-OLN. Deulle un papel fundamental á loita armada como medio de liberación nacional e foi o apoio político do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive. Disolveuse o 26 de febreiro de 1995 despois de varios anos sen apenas actividade logo que o EGPGC realizase a súa última acción armada en 1991 e de obter 1.492 votos (0,1%) nas eleccións ó Parlamento de Galicia de 1993. Porén a Assembleia da Mocidade Independentista, a organización xuvenil da APU seguiu a súa actividade política.

Associaçom Galega da Língua

A Associaçom Galega da Língua é un colectivo reintegracionista creado en 1981 que pretende a plena normalización do galego, que entende ser unha póla da lingua galego-portuguesa. Contraria á normativa da RAG, a súa Comissom Lingüística editou as súas propias normas en 1983 co título de Estudo crítico das normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego.

A AGAL busca e incorporación do galego ao ámbito lingüístico galego-luso-brasileiro. Considera que o galego é a denominación que o portugués ten en Galiza e asume que o nome internacional é portugués.

Através Editora

Através Editora é un selo editorial pertencente á Associaçom Galega da Língua (AGAL), que desde o ano 2010 substitúe a AGAL-Editora.

Celso Álvarez Cáccamo

Celso Álvarez Cáccamo, nado en Vigo o 15 de decembro de 1958, é un escritor e sociolingüista galego.

Ernesto Guerra da Cal

Ernesto Román Laureano Pérez Guerra, máis coñecido como Ernesto Guerra da Cal, nado en Ferrol o 19 de decembro de 1911 e finado en Lisboa o 28 de xullo de 1994, foi un filólogo e escritor galego.

Federaçom Estudantil Revolucionária

Assembleia de Estudantes Galeg@s Antifascistas (AEGA) foi unha organización estudantil de ideoloxía independentista e socialista que existiu en Galiza, especialmente na Universidade de Santiago de Compostela de 1999 a 2001.

Isaac Alonso Estraviz

Isaac Alonso Estraviz, nado en Vilaseca (Trasmiras) o 26 de xaneiro de 1935, é un lexicógrafo galego.

Jenaro Marinhas del Valle

Jenaro Marinhas del Valle, nado na Coruña o 25 de novembro de 1908 e finado na Coruña o 23 de decembro de 1999, foi un novelista, poeta, ensaísta e dramaturgo galego.

José Martinho Montero Santalha

José Martinho Montero Santalha, nado en Cerdido o 5 de abril de 1947, é un teólogo e lingüista galego.

Lingua portuguesa

O portugués é unha lingua romance nada na alta Idade Media na Gallaecia, que agora é Galiza e o norte de Portugal. Estendeuse polo mundo nos séculos XV e XVI, na época en que Portugal fundou un imperio colonial, incluíndo o Brasil en Sudamérica, Goa na India e Macao na China. Daquela xurdiron tamén varias linguas crioulas baseadas no portugués, sobre todo en África, Asia e o Caribe.

Hoxe en día é unha das linguas do mundo máis faladas, na sexta posición en canto a falantes como primeira lingua (uns 250 millóns). É a lingua con maior número [Cómpre referencia] de falantes en Sudamérica (más de 200 millóns), así como unha importante lingua franca en África.

O portugués é lingua oficial de nove países - Portugal, Brasil, Angola, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Guinea Ecuatorial, Mozambique, San Tomé e Príncipe e Timor Leste, sendo cooficial co español e francés en Guinea Ecuatorial, co chinés na rexión Especial Administrativa Chinesa de Macao, e co tetum en Timor Leste.

O galego e o portugués eran a mesma lingua, o galego-portugués, até como mínimo os séculos XII-XIII, cando se iniciou un proceso de afastamento debido, entre outras razóns, a que en Portugal adquiriu o carácter de lingua estatal e que Galiza se incorporou á Coroa de Castela, que posteriormente chegaría a formar España, sen se establecer por tanto como lingua oficial en Galiza, e desaparecendo como lingua literaria durante tres séculos (XVI, XVII e XVIII). O esplendor literario medieval do galaico-portugués foi descoñecido, nos dous lados da fronteira, ata a década de 1920. Hoxe en día o galego e o portugués considéranse oficialmente como dúas linguas distintas, aínda que existen posicións diferentes, incluíndo un movemento social chamado reintegracionismo, que afirma que o galego e o portugués son simplemente dúas variantes da mesma lingua.

Lusismo

O lusismo é unha corrente reintegracionista que defende que en Galiza se fala portugués, o chamado portugués de Galiza.

Movimento Defesa da Língua

O Movimento Defesa da Língua é unha organización reintegracionista e asemblearia, de acción social de base, que ten como obxectivo a normalización e naturalización da lingua portuguesa en Galiza.

Normativa oficial do galego

Este artigo trata sobre as normas para a escrita do galego legalmente válidas. O concepto e a aplicación da "normativa oficial" ten xerado moita confusión e conflito en Galiza nas últimas décadas.

O Estatuto de autonomía de Galicia dotou os poderes públicos galegos da competencia con respecto á lingua galega. O 17 de novembro de 1982 a Xunta de Galicia estableceu que existiría unha norma de uso oficial[Cómpre referencia] para o ensino e que excluiría das axudas económicas os textos non publicados na "normativa oficial", en clara referencia ao reintegracionismo.

Coa publicación da Lei de normalización lingüística o 15 de xuño de 1983, estableceuse que o criterio de autoridade para a normativización do galego sería o da Real Academia Galega (RAG), relegando o Instituto da Lingua Galega (ILG), como referencia legal.A variedade estándar ou padrón, fixada a medias entre o ILG e a RAG, inicialmente constaba só de indicacións morfolóxicas e ortográficas, as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (NOMIG), publicadas en 1983 e aplicadas no dicionario da RAG de 1997 (unhas trinta mil palabras) e reformadas en 2003, pero coa publicación do Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLG) en 2004 definíronse de facto tamén coma normas léxicas. Isto non implica que o que non apareza no VOLG non sexa normativo, posto que non é amplo dabondo para recoller todo o léxico galego.

Nós-Unidade Popular

NÓS-Unidade Popular foi unha organización política galega, de filiación individual, que admitía a dupla militancia e se posicionaba nos parámetros da esquerda independentista, revolucionaria, antipatriarcal e defensora do galego como lingua nacional de Galiza, defendendo a unidade lingüística galego-portuguesa (reintegracionismo).

Portal Galego da Língua

O Portal Galego da Língua (PGL) é un portal de internet promovido pola Associaçom Galega da Língua (AGAL) en 2002, que defende unha vía reintegracionista para o galego.

Desviacións respecto á norma
Partidos políticos
Sindicatos
Organizacións armadas
Asociacións xuvenís e de estudantes
Movementos sociais

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.