Reino visigodo

O reino visigodo (en gótico: Gutþiuda Þiudinassus) foi unha entidade política que xurdiu no ano 419 tras asinar a paz os visigodos cos romanos que foi concluída cun foedus co rei Walia e o seu establecemento dese pobo bárbaro no territorio da Aquitania secunda con capital en Tolosa.

O rei Eurico (466-484) rompeu o foedus tras a desaparición da familia imperial e agrandou o territorio lanzando unha ofensiva sobre Hispania e sobre a Galia con notable éxito. No ano 475 selou a paz co emperador de Oriente Xulio Nepote e Eurico foi recoñecido como rei dun amplo reino entre o Loira e Xibraltar.

No ano 507 perdeu boa parte do seu territorio ultrapirenaico conquistado por Clodoveo, tras anos de presións sobre o episcopado católico para que traizoase ao seu rei que era ariano, os visigodos só conservaron Septimania e unha parte da Provenza fóra da Península Ibérica e a capital acabou trasladándose oficialmente a Toledo no 554, entrementres o reino visigodo atravesou un período caótico ata a chegada de Leovixildo ao poder. No ano 585 os visigodos conquistan o Reino de Gallaecia e pouco despois con Recaredo convértense ao catolicismo arrenegando do arianismo, no 624 os visigodos toman as posesións bizantinas da Bética, finalmente no ano 711 desapareceu como entidade independente coa entrada dos musulmáns na península.

Reino dos visigodos-mapa-gl
Reino visigodo cara o 500

Véxase tamén

Outros artigos

Alarico I

Alarico I (gótico Alhareiks), nado na illa de Peuce, no delta do Danubio no ano 370 e falecido en Cosenza no ano 410, foi rei dos visigodos (395-410) da dinastía baltinga, fillo do caudillo visigodo Rocesthes.

Batalla de Guadalete

A batalla de Guadalete (en árabe clásico: معركة وادي لكة) foi un conflito bélico que tivo lugar no ano 711 preto do río Guadalete, na provincia de Cádiz. Supuxo a fin do reino visigodo e deu comezo á invasión musulmá da península Ibérica.

A partir de crónicas árabes dos séculos X e XI, afirmouse o enfrontamente entre o exército visigodo, comandado polo derradeiro rei, Don Rodrigo, e un exército musulmán procedente do norte de África e que entrou na Península grazas ós partidarios de Witiza, o anterior rei, que preferían que accedese o trono o fillo deste, Akhila, e que estivo comandado por Táriq ibn Ziyad, ás ordes co califato omeia de Damasco.

Como consecuencia da batalla, o rei Don Rodrigo foi morto, rematou o reino visigodo, e comezou a invasión musulmá da Península Ibérica. Anos despois, no 722, a Batalla de Covadonga daría comezo á Reconquista.

Don Rodrigo

Don Rodrigo foi o derradeiro rei visigodo de Toledo, que perdeu e morreu contra os musulmáns na batalla de Guadalete no 711. Don Rodrigo foi antes de rei duque da Bética, pero foi elixido rei trala morte de Witiza, o seu antecesor.

Os fillos de Witiza non estiveron de acordo coa decisión, apoiando ó seu irmán Akhila, e pactaron cos musulmáns a entrada na península dun continxente destinado a usurpa-lo título de Don Rodrigo, pero que finalmente se convertería nun exército de invasión.

Cando os musulmáns desembarcaron na Península, Don Rodrigo foi á súa loita, atopándose daquela no norte, segundo as crónicas ou ben loitando contra unha revolta vascoa ou contra os witizianos.

Eurico

Eurico (cara a 420-484) foi rei dos visigodos (logo de asasinar ao seu irmán Teodorico II) desde 466 ao 484. Era fillo de Teodorico I e sucedeuno o seu fillo Alarico II. Casou con Ragnaxilda, unha suposta filla de Meroveo, rei dos francos.

O reinado de Eurico coincidiu coa disolución do Imperio Romano de Occidente, ao ser destronado o último emperador Rómulo Augústulo en 476. Os visigodos asinaran un foedus con Roma no 418, en virtude do cal convertéronse en federados do Imperio e permitir asentarse no sur das Galias. Este rei independizou o reino visigodo e aboliu a dependencia anterior.

Apoderouse de diversos territorios das Galias e Hispania. Guerreou nas Galias contra os francos e saxóns. Foi o seu reino nese momento o máis poderoso e influente de Europa. A súa corte residía en Tolosa, aínda que nominalmente en Arlés. Pero foi sobre todo Tolosa a cidade que tivo a categoría do que agora consideramos como capital do reino. A historiografía española menciónao como Reino de Tolosa e abarcaba unha gran extensión da Península Ibérica (salvo a rexión de Galiza, controlada polos Suevos), e gran parte da Galia ao oeste do Rhin e ao sur do Loira.

Foi un rei que demostrou un gran talento político. Publicou unha corpo legal de dereito visigodo, o Codex Euricianus ou Código de Eurico. Tamén foi un fanático ariano.

Galia romana

A Galia romana consistiu nunha área do goberno provincial no Imperio romano, no que hoxe son Francia, Bélxica, Luxemburgo, Suíza e o oeste de Alemaña. O control romano da área durou máis de cincocentos anos.

Invasión musulmá da Península Ibérica

Coñécese como etapa musulmá da Península Ibérica ou conquista árabe/musulmá de Hispania ao complexo proceso político e militar que ao longo do século VIII explica a formación e consolidación de Al-Ándalus musulmá, así como a xénese dos principais reinos cristiáns medievais peninsulares.A conquista do reino visigodo por dirixentes árabes da Dinastía Omeia foi un proceso que durou quince anos, do 711 ao 726, no que se chegou a tomar todo o actual territorio de España e Portugal e parte do sur de Francia, se ben o que era o territorio peninsular do reino estaba completamente conquistado no 720, tras dez anos do inicio da conquista.

Aínda que o proceso en total ocupou todo ese tempo, a cronoloxía non é exacta en canto aos anos e as datas, senón só aproximada, pois as fontes difiren entre si. Ademais destes anos de conquista, hai que sumar os anos anteriores que os árabes e bérberes musulmáns levaban deseñándoa, recoñecendo o terreo e preparando, ao parecer, futuras alianzas. Debe sinalarse que unha boa parte do groso de musulmáns chegados á península non eran etnicamente árabes, senón bérberes.

Lista dos reis visigodos

Lista dos reis visigodos.

Moeda visigoda

A moeda visigoda abrangue as cuñaxes levadas a cabo polos visigodos na Galia e en Hispania durante os inicios da Idade Media, entre o século V e o ano 710 aproximadamente.As moedas principais destas series eran o sólido e o tremissis (ou triente), dúas moedas de ouro emitidas xa na época imperial tardía e, posteriormente, cuñadas tamén polos emperadores bizantinos en moi diversas cecas.A cuñaxe de moeda visigoda comezou na Galia, onde este pobo se instalou a comezos do século V, e logo pasou a Hispania a partir do inicio do século VI, onde o centro de gravidade do reino visigodo mudou, logo da toma da maior parte de dominios góticos na Galia por parte dos francos.

As primeiras desas moedas, comunmente chamadas pseudoimperiais, eran imitacións das emitidas polos romanos occidentais e posteriormente polos bizantinos, que repetían mesmo as lendas orixinais. Foi a partir de 580 cando se iniciaron as auténticas moedas autónomas, que xa incorporaban os nomes dos reis visigodos. Estas emisións concluíron na segunda década do século VIII, coa conquista musulmá da Península Ibérica que acabou co reinado visigodo.

Mérida, España

Mérida (en estremeño: Méria) é unha cidade e concello do suroeste de España, situada na provincia de Badaxoz. É a capital da comunidade autónoma de Estremadura e sede das súas institucións de goberno. Cunha poboación de 57.797 habitantes (2011) é a terceira cidade máis poboada da rexión por detrás das capitais provinciais, Badaxoz e Cáceres.

Foi unha importante colonia romana, fundada no ano 25 aC polo emperador Augusto baixo o nome de Augusta Emerita, que exerceu de capital da provincia de Lusitania. Foi tamén capital do Reino Visigodo de España no século VI. En recoñecemento ao seu esplendor pasado, é a capital de Estremadura dende 1983. O seu importante conxunto arqueolóxico e monumental foi declarado pola UNESCO, en 1993, Patrimonio da Humanidade.

Siagrio

Siagrio (430-486) foi un xeneral romano que reinou na Galia do norte como Rei de romanos.

Era fillo de Exidio, o magister militum da Galia, que se volvera independente do poder imperial na Galia do norte e que morreu no 464.

Tras a morte de Paulo, Siagrio herdou do seu pai unha parte da Galia (entre o Río Somme e o Loira: o dominio galo-romano), fóra do control do reino visigodo e dos reinos francos en clara expansión sobre as súas terras. O seu título de Rei de romanos foi recoñecido polos seus iguais, os reis dos francos, reis dos burgundios, e reis dos visigodos. Segundo a análise de Léon Fleuriot, o seu reino existía en partenariado con Ambrosio Aureliano, líder autónomo dos bretóns establecidos daquela un pouco por todas partes na Galia do norte. A capital do seu estado foi Soissons.

A redución do territorio que controla non leva máis que ao reducido do dominio real de Soissons.

O final do seu reinado estivo marcado polo conflito cos francos. O rei franco, Clodoveo I, venceu a Siagrio na batalla de Soissons en 486. Buscou refuxio onda Alarico II, quen o prendeu e o enviou ao rei franco o ano seguinte. Este fíxoo asasinar: segundo Gregorio de Tours, Siagrio foi degolado en segredo.

Siagrio é o último representante do poder galo-romano na Galia do norte, daquela asolada polos pobos xermánicos no marco das Grandes invasións despois de 406.

Suevos

Os suevos foron un grupo de pobos xermánicos mencionados por vez primeira por Xulio César en relación coa campaña de Ariovisto na Galia, c. 58 a. C. Mentres que César os considerou como unha única tribo xermánica, numerosa e belicosa, autores posteriores como Tácito, Plinio e Estrabón especifican que os suevos "non constitúen, como os Chatti ou Tencteri, unha soa nación. Actualmente ocupan máis da metade de Xermania, e están divididos en varias tribos con distintos nomes, malia que todos son chamados de xeito xeral como suevos".Outrora, a etnografía clásica aplicou o termo "suevo" a tantas tribos xermánicas que se cre que nos primeiros séculos despois de Cristo ben puidera ser un substituto de "xermanos". Os autores clásicos consideraron que os suevos, en comparanza con outras tribos xermánicas, eran moi móbiles e non moi dependentes da agricultura.Varios grupos de suevos trasladáronse dende o Mar Báltico e o río Elba, converténdose nunha ameaza ó Imperio Romano nas fronteiras dos ríos Rin e Danubio. Cara a fin do imperio, os alamáns, un grupo de tribos suevas, asentáronse nos Campos Decumanos e posteriormente cruzaron o Rin e ocuparon a rexión de Alsacia. Un reduto deles ficou na rexión hoxe chamada Schwaben, unha área do suroeste de Alemaña cuxo nome moderno procede dos suevos. Outros movéronse cara a Gallaecia e estableceron o Reino Suevo de Galicia, que durou 170 anos antes de ser integrado no Reino Visigodo.

Teodomiro dos Suevos

Teodomiro foi un monarca do Reino Suevo de Galicia (559-570). Gobernou o reino dotándoo de institucións, administración e cohesión social buscando a lexitimidade do seu poder na Igrexa católica. Durante o seu reinado realízase o I Concilio de Braga (561), onde o reino suevo volta adoptar o catolicismo.

Gregorio de Tours fálanos do fillo do rei Carriarico que salvou a súa vida por mor da virtude milagreira das reliquias de San Martiño de Tours. Se cadra esteamos ante a primeira referencia a Teodomiro que sucedeu a Carriarico no trono do Reino Suevo da Gallaecia.

Baixo a influencia de Martiño de Dumio, o seu labor de goberno baseouse nos seguintes eixos:

Consolidación da expansión sueva coa incorporación das áreas de influencia de Astorga e Coimbra

A convocatoria dos Concilios de Braga a modo de asembleas de goberno non só en asuntos relixiosos senón especificamente temporais.

A organización territorial a través da estruturación da dependencia das entidades de poboación (parroquias) aos diferentes bispados (concretado na Divisio Theodemiri, a "división de Teodomiro", ou Parochiale suevorum).

A cristianización das masas de labregos aínda ancoradas nun paganismo ancestral de claro sabor céltico.

A busca da cohesión social mediante o combate da herexía ariana que profesaba o reino visigodo de Hispania e o priscilianismo seguido por importantes capas da poboación que non recoñecían a autoridade dos bispos de obediencia romana.

A lexitimación da monarquía perante as elites de orixe galaico-romana mediante o seu papel de protector da Igrexa desempeñando un rol con ecos propios de Bizancio, con quen probablemente mantivo contactos amigables.

A difusión da cultura a través do impulso de escolas dependentes dos mosteiros e focos de formación como o cenobio de Dumio fundado por Martiño de Dumio.

Unha política exterior pacífica sen enfrontamento co reino visigodo veciño e dentro da órbita da nova orde emanada do Imperio bizantino de Xustiniano.O seu reinado marcou un fito de estabilidade e esplendor do Galliciense regnum, do que nos quedaron testemuños nas propias fontes históricas galaicas e hispánicas e nas crónicas francas.

Teodorico o Grande

Teodorico o Grande (Dacia, 454 - Rávena, 526). Rei dos ostrogodos (474-526).

Visigodos

O pobo dos godos foi nomeado xa por Tácito, que os chamou Gotones. Entón habitaban o Norte de Xermania, en terras que antes poboaron Boii, Getae e Scythae. Ampliaron os seus territorios e incorporaron a outros grupos veciños (de orixe xermana e sármata) e dominaron do Theiß (en alemán) ou (Tisza) ao Don e do Ponto ao Báltico.

Witiza

Witiza ou Vitiza foi rei de Galiza entre o ano 694 e o 710, e ademais de Hispania e Septimania dende o ano 702. Foi un dos últimos reis visigodos, sucedido por Don Rodrigo e precedido polo seu pai Éxica.

Foi nomeado rei de Galicia polo seu pai e tivo a súa corte en Tui. Vitiza foi un gobernante máis suave có seu pai e incluso convidou ós nobres desterrados a volver ao reino, devolvéndolles as súas posesións.

Antes da súa morte asociou o seu trono ó seu fillo, Akhila, mentres que outros nobres tomaron partido por Roderik, Don Rodrigo, que finalmente accedería ó trono non sen oposición dos chamados vitizianos, que un ano despois, no 711, abrirían as portas da Península ós musulmáns, pondo punto e remate ó reino visigodo de Hispania.

Xustiniano I

Flavius Petrus Sabbatius Iustinianus ou Xustiniano I, nado o 11 de maio de 483 e finado o 13/14 de novembro de 565, foi emperador de Oriente desde o 1 de agosto de 527 ata a súa morte. Un dos principais gobernantes do Imperio Bizantino, destaca especialmente pola súa reforma e compilación de leis e pola expansión militar do territorio imperial que tivo lugar baixo o seu reinado, sobre todo grazas ás campañas de Belisario. Tamén é coñecido como "O último emperador romano". A Igrexa Ortodoxa venérao como santo o día 14 de novembro.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.