Reino suevo

O reino suevo configúrase como a estrutura política máis antiga das actuais rexións da Galiza e o norte e centro de Portugal. despois da caída do Imperio Romano. É o primeiro estado medieval[1], e o primeiro en separarse do Imperio Romano e cuñar moeda.

Os suevos eran un pobo xermánico que entraron no noroeste da Península Ibérica en 409 ou 410 nunha vaga migratoria ou guerreira, mais con pouca poboación (entre vinte mil e trinta e cinco mil persoas). Tomaron o control do territorio rapidamente mais, debido ao seu número reducido, non modificaron grandemente a estrutura nin a cultura dos territorios onde se asentaron.

O Cronicón de Hidacio é unha das fontes que máis datos nos fornecen sobre a estadía deste pobo no noroeste peninsular e posúe gran valor por tratarse dunha fonte contemporánea dos feitos sinalados.

O sistema monetario Galaico-Suevo foi o primeiro en emanciparse do Imperio Romano.

A Igrexa galega transformouse nunha institución política do Reino e formalizouse a distribución interior demográfica de Galiza en parroquias[2], erixidas en boa parte sobre asentamentos prerromanos.[3]

Reino suevo

409–585
Localización de Reino suevo
Extensión máxima do Reino Suevo c. 455 dC
Capital Braga
Lingua Latín (oficial), Linguas xermánicas e Latín vulgar (maioritario)
Relixión Paganismo xermánico (inicialmente entre a elite logo rural)
arrianismo (na elite)
Cristianismo calcedoniano (entre os plebeos)
Goberno Monarquía
Rei
 • 411-438 Hermerico
 • 438-448 Requila
 • 448-458 Requiario
 • 570-583

...

Miro
Historia
 • Invasións bárbaras da Península Ibérica 409
 • Conquista e anexión polo Reino Visigodo 585

Historia

Galician-suevic-kingdom

Os suevos, procedentes do interior de Europa, concentráronse á súa chegada á Península Ibérica entre o Douro e o Miño, na zona de influencia de Braga. Os demais pobos invasores canda os suevos repartíronse o territorio: os vándalos silingos ocuparon a Bética, os suevos a zona occidental da Gallaecia e os vándalos asdingos ocuparon a parte leste. Os suevos nomearon rei a Hermerico (409-438) e estableceron o seu reino no citado territorio. É posible que Hermerico asinara un foedus con Roma no 410 ou 411, mais a distribución dos pobos bárbaros verase alterada por mor da intervención dos visigodos, entre os anos 418 e 421, que axudaron ó emperador Honorio a botar fóra ós vándalos silingos e mailos alanos. No ano 420 os vándalos asdingos, con Gunderico á cabeza, atacan ós suevos, o que provoca unha nova intervención romana en axuda ós suevos[4]. Os vándalos bátense en retirada cara ao sur, deixando o sitio para os suevos, que terán, agora si, un reino que abranga toda a antiga provincia romana da Gallaecia.

Durante todo o século V os enfrontamentos entre os suevos e a aristocracia galaico-romana foron habituais. Debido á súa enfermidade, Hermerico abdicou no ano 438 en favor do seu fillo Requila (438-448), quen emprendeu unha política expansiva que fixo que os suevos se consolidasen no norte da Lusitania. Oficializou a capital do reino en Braga, e espallou o reino cara ao sur, conquistando Mérida, a capital da Lusitania, no ano 439 e chegando a tomar Sevilla no ano 441. A Requila sucedeuno Requiario (448-456), primeiro rei suevo nado en territorio galaico, que adoptou o catolicismo no 449, o que produciu unha pronta fusión entre a poboación xermánica e a galaicorromana.[5] No ano 456 tivo lugar a batalla do río Órbigo, que enfrontou a suevos e visigodos, os cales loitaban contra o expansionismo suevo. Os visigodos derrotaron aos suevos, o que tivo como consecuencia o asasinato de Requiario e o saqueo de Braga polos visigodos.

WikiMaioriano
Sunierico iniciou a conquista de Hispania cun exército romano-visigodo por orde do emperador Maioriano.

Trala derrota fronte aos visigodos, o reino suevo dividiuse en dous e gobernárono simultaneamente Frantán e Aguiulfo. Ámbolos dous fixérono dende 456 ata 457, ano no que Maldras (457-459) reunificou o reino, para acabar sendo asasinado tras unha conspiración romano-visigoda que finalmente fracasou. A pesar de que a conspiración non conseguiu os seus auténticos propósitos, o reino suevo viuse novamente dividido entre dous reis, Frumario (459-463) e Remismundo (fillo de Maldras) (459-469) que reunificou novamente o reino do seu pai no 463 e que se viu obrigado a adoptar o arrianismo no 465 debido á influencia visigoda.

Trala morte de Remismundo entrouse nunha época escura, que durou ata 550, ano no que desaparecen practicamente todos os textos escritos. O único que se sabe desta época é que moi probabelmente Teodemundo gobernou Suevia.

A época escura rematou co reinado de Carriarico (550-559), que se converteu novamente ao catolicismo no 550. Sucedeuno Teodomiro (559-570) (non se confunda con Teodomiro, duque (dux) do século VIII, gobernador de provincia visigoda de Aurariola).[6] durante o reinado do cal tivo lugar o Primeiro Concilio de Braga (561), no que se tratou a cuestión priscilianista e os problemas internos de la Iglesia Durante esta época, entre os nativos galaicos e os suevos desaparecerían as diferenzas, este feito tería por resultado que os autores coetáneos se refiran ao reino nese momento como Galliciense Regnum[7], e aos reis indistintamente como Regem Galliciae[8], Rege Suevorum ou Galleciae totius provinciae rex[9].

Brillou nesta época o labor de Martiño de Dumio, recoñecido coma episcopi Gallaecia[12], impulsor dos devanditos concilios, da ordenación do territorio (Parrochiale suevum) e da difusión do cristianismo fronte as crenzas pagás de raíz prerromana (De correctione rusticorum). Desempeñou funcións de auténtico chanceler do rei Teodomiro.

Miro (570-583) foi o seu sucesor. Durante o seu reinado celebrouse o Segundo Concilio de Braga (572), no que se chega a completar a creación dunha Igrexa "nacional" sueva dotándoa do seu propio deretio canónico que é recreado a partir dos principais concilios da Igrexa grega.[13]

Aproximadamente no 577 iniciouse a guerra civil visigoda, na que interveu Miro en axuda de Hermenexildo, o fillo rebelde do rei Leovixildo, e ademais pretendeu fortalecer relacións con francos e bizantinos. Isto supuxo serias liortas cos visigodos. No 583 Miro organizou unha expedición fracasada de conquista a Sevilla. Durante a volta desta expedición o rei atopou a morte. No reino suevo comezaron a producirse moitas liortas internas. Eborico (tamén chamado Eurico) (583-584) foi destronado por Andeca (584-585), que fallou no seu intento por evitar a invasión visigoda dirixida por Leovixildo, que se fará efectiva finalmente no 585. Aínda así xurdiu un pretendente suevo ó trono, descendente do rei Miro, chamado Malarico. Este rematou derrotado no 586 por Leovixildo, rematando así toda resistencia sueva.

Organización política e administrativa

Reino de Galicia Suevos

Os invasores suevos suplantan as estruturas de poder romanas, e cabe deducir que non farían modificacións importantes, aproveitándose delas. A principal característica da organización sueva é a súa formación como reino, en cuxo fronte está un rei que se sucede de xeito hereditario, contrariamente á tradición xermánica.

As relacións entre o poder suevo e a poboación galaicorromana varía segundo a época e segundo o lugar. Hidacio di que a invasión xermánica foi respondida fortemente, tanto nas cidades como nos aínda habitados castros. Pese ó que nos di Hidacio semella que a reacción maioritaria foi a de aceptación dos invasores. Pode que a aristocracia tivera unha primeira reacción de rexeitamento, aínda que coa caída do Imperio romano, ou mesmo antes, manteñen colaboración (agás casos illados, despois da morte de Requiario, como o asasinato do reitor de Lugo no 460). É no século VI cando esta colaboración é evidente, coa participación de aristócratas en campañas militares suevas.

A relación coa plebe suponse que foi máis irta que coa aristocracia, á que máis que nada lle interesaba manter a súa posición. Pola súa banda a Igrexa mantivo unha posición receptora, ocupándose máis dos seus asuntos internos, como a enorme influencia do priscilianismo en terras galaicas. Os suevos, pola súa parte, non interviron nos asuntos relixiosos. Cabe destacar que os bispos recibirán poder civil, preservando así a influencia do mundo romano ante a presenza sueva. Moita importancia ten a redacción do Parrochiale suevum, datado na segunda metade do século VI e onde se reflicte a organización administrativa e eclesiástica do Reino suevo da Gallaecia, contendo unha relación de 134 parroquias agrupadas en trece dioceses (ademais menciónase a diocese Britoniarum, que tamén aparece mencionada canda ó seu bispo Mailoc no Segundo Concilio de Braga[14]). O manuscrito indica ademais a existencia de pagus (distritos) especificamente suevos.

Os concilios nacionais suevos tiveron unha importancia capital no labor lexislativo e administrativo, ao organizar os bispados galaicos antigos, crear outros novos e determinar as parroquias de cada un destes bispados. Así, a estrutura parroquial de Galiza provén da organización que lle deron, por orde dos reis Teodomiro (aconsellado por san Martiño) e Miro, estes concilios. Polo tanto, dividiuse o reino suevo en dúas áreas metropolitanas: unha, a antiga, a de Braga; e outra, a moderna, en Lugo.[15]

Após destas reformas había trece bispados no reino suevo: Astorga, Braga, Britonia, Coímbra, Dumio, Idanha, Iria Flavia, Lamego, Lugo, Porto, Ourense, Tui e Viseu.[5]

Rechila
Territorios conquistados durante o reinado de Requila entre 438 e 448, incluíndo as cidades romanas mais importantes como Mérida, Mértola e Sevilla

Fontes

Sueben
Moeda sueva de ouro (411-450).
Requiario rey suevo
Estatua de Requiario na fachada leste do piso principal do Palacio Real de Madrid.

Documentais

Carecemos de documentos do reino propiamente ditos, diplomas, como na maior parte dos estados xermánicos desta época, pero temos varias fontes cronísticas coetáneas. A fundamental é O Cronicón de Hidacio onde os suevos ocupan un papel central e malia á visión moi negativa do autor informa de varias circunstancias históricas deles de primeira man.

Na Historia de Orosio, tamén do século V, conta un pouco menos xa que pretende ser unha historia do mundo pero relata cousas da contorna galega do autor. Xa do século VI contamos con varias obras de tipo cronístico (Xoán de Biclaro e Isidoro de Sevilla), literario (san Martiño, Gregorio de Tours, Venancio Fortunato) e mesmo as actas (ou semellante) dos tres concilios suevos. Son especialmente valiosas as actas do Primeiro Concilio de Braga e do Segundo Concilio de Braga (ambos presididos por san Martiño).

Tamén é unha fonte excepcionalmente valiosa sobre a época o Parrochiale suevum que é unha organización territorial do reino que deberá formar parte das actas dun suposto concilio en Lugo.

Numismáticas e arqueolóxicas

Artigo principal: Historia da moeda en Galicia.
Artigo principal: Moeda cuñada en Galicia.

Outras fontes valiosas son as numismáticas. Nas moedas de Requiario aparece por primeira vez a cara dun rei xermánico no lugar onde ata o momento aparecía o emperador romano. E noutras a lenda gallica mvnita sinala que o reino era do territorio de Gallaecia superando os estreitos marcos étnicos propios das primeiras monarquías xermánicas.

Tamén nos falan do reino os achados arqueolóxicos. Apareceron necrópoles e outros asentamentos que enlazan co baixo imperio romano e mostran a relevancia cultural e poboacional da época, tanto como a súa conexión ininterrompida coas fases inmediatamente posteriores e anteriores.

Atribución posterior de emblema (século XVII)

A mediados do século XVI, popularízase na península ibérica o que se coñece como "estatutos de limpeza de sangue", probas e demostracións xenealóxicas que toda aquela persoa que aspirase a un recoñecemento social debía pasar. Nelas, aqueles demandantes de título nobiliario ou que desexasen ingresar en institucións prestixiosas, debían proporcionar unha xenealoxía, a miúdo inventada ou manipulada, que probase estaren exentos de antepasados xudeus, mouriscos ou de desertores da fe cristiá. Tamén as familias fidalgas recorreron á xenealoxía para presentarse na corte como vellas liñaxes de honorable pasado. Todo isto levará a un aumento dos estudos xenealóxicos e vexiolóxicos no Antigo Réxime, formándose estes como unha disciplina necesaria que permitía o ascenso social a moitos burgueses e fidalgos. No caso das liñaxes galegas, —consideradas tradicionalmente como "limpos", como "cristiáns vellos"— estas pretenderon principalmente entroncar a súa orixe con supostos grandes fundadores gregos, romanos, suevos ou visigodos. Así a casa de Saavedra reclamaba como fundador ao emperador romano Calígula, os Sarmiento reclamaban a súa orixe nun suposto príncipe suevo chamado "Sardamiro", os Deza dicían descender dun nobre visigodo chamado "Severiano", os Soneira dun cabaleiro romano chamado Marco Marlines Capitolio e os Caamaño afirmaban descender dos propios troianos, entre outros.

Sueben coin II
Moeda de ouro sueva datada entre os anos 410 e 500.

Pero tamén cronistas, historiadores e vexioloxistas comezarán neste tempo a ser demandados para redactaren documentos históricos e xenealóxios —ás veces reais, e as máis das veces fantásticos— polas administracións dos diferentes reinos para probar a súa antigüidade e prestixio, e aínda tamén pola mesmísima corte, co fin de redactar historias que ensalzaran a súa ascendencia e o seu suposto glorioso e cristián pasado. Un destes destacados xenealoxistas foi Rodrigo Méndez Silva, controvertido cronista da corte madrileña e redactor de entre outras obras da Catálogo real genealógico de España: ascendencias y descendencias de nuestros Catolicos Principes y Monarcas Supremos, na cal este autor, chegaba a afirmar que o primeiro rei de España fora Túbal, un dos fillos do bíblico Noé, o cal en palabras deste cronista tería reinado durante 155 anos, miles de anos antes de Cristo. Méndez Silva foi ademais o primeiro que puxo en circulación a fábula que atribuía aos reis suevos un estandarte formado por un dragón verde en campo de oro (ano 1645)[16]. Desde entón, serán varias e dispares as formas e armas que os diferentes xenealoxistas lles adxudicarán aos reis suevos; así, na Historia de Don Servando, déixase claro que as armas dos reis suevos foran treis jaqueraidas douro et rouxo no Campo de prata; e no meo outra faxinha Douro, mentres que para a Xunta Xeral do Reino de Galicia (1669) o estandarte dos reis suevos fora un Dragón verde y León rojo.

Malia a intención dos autores de establecer unhas vellas armas para Galicia, baseadas na monarquía sueva, tales armas heráldicas non aparecen en ningún dos documentos que se coñecen do período suevo nin tampouco en ningunha das centenares de moedas suevas conservadas ata o de agora, lugar —o adverso das moedas— que pola circulación representaba o primeiro e máis importante lugar onde a realeza plasmaba os seus símbolos. No lugar destas representacións descritas mil cen anos despois da fin da monarquía sueva, as moedas suevas amosan unha cuñaxe diferente (similar ao resto de moedas europeas do seu tempo); unha cruz —latina ou grega— central, arrodeada dunha coroa de loureiro. Na actualidade, historiadores e vexioloxistas adicados á ciencia heráldica parecen estar de acordo en que as armas do reino de Galicia non naceron antes do século XIII, ao tempo que o resto da grande heráldica europea, na baixa Idade Media, sendo fidedigna testemuña o coñecido armorial "Segar´s Roll", o primeiro documento que amosa as armas de Galicia que aínda persisten ata a actualidade, cunha historia de máis de setecentos anos.

Notas

  1. Anselmo López Carreira, Martiño de Dumio. A creación dun reino, 1996, páx. 10.
  2. Anselmo López Carreira, O reino medieval de Galicia. A Nosa Terra, 2005, páxina 187
  3. Villares (2004), p. 81
  4. Destaca a intervención do Comes Hispaniorum Asterius. The carrer of Comes Hispaniarum Asterius, Michael Kulikowski (en inglés).
  5. 5,0 5,1 González López, Emilio (1978). Grandeza e decadencia do reino de Galicia. Editorial Galaxia. ISBN 8471543036.
  6. Posteriormente, coa dominación islámica, e mercé a un famoso e documentado Tratado asinado con Abd al-Aziz ibn Musa en abril de 713, gobernou a título de rei un territorio cristián visigodo autónomo dentro de Al-Ándalus, denominado ``kora de Tudmir``, territorio que abarcaba aproximadamente as actuais provincia de Alacant e a Rexión de Murcia, composto polas chamadas sete cidades que se citan no tratado, con capital en Orihuela.
  7. Historia Francorum. Gregorio de Tours.
  8. De scriptoribus ecclesiasticis. Sigebertus Gembalensis.
  9. RISCO, M., España Sagrada 40- 41.
  10. Historia dos Francos, Libro 6, capítulo 43. De Galliciensibus regibus
  11. Historia dos Francos, Libro 5, capítulo 41. De legatis Calliciensibus ac prodigiis. [1]
  12. Martini Episcopi Bracarensis Opera Omnia pp. 288-304.
  13. García Moreno (1982), pp. 304-305
  14. Texto do II concilio bracarense.
  15. David, Pierre (1947). Études historiques sur la Galice et le Portugal du VIe au XIIe siècle. Les Belles Lettres.
  16. Poblacion general de España: sus trofeos, blasones, y conquistas heroycas. Rodrigo Méndez Silva

Véxase tamén

Bibliografía

  • Bernárdez Vilar, Xoán (2003). O comezo da nosa Idade Media. A Gallaecia que se emancipou de Roma. Noia: Editorial Toxosoutos. ISBN 84-95622-80-7.
  • García Moreno, Luis A. (1982). "Las invasiones y la época visigoda. Reinos y condados cristianos". En Juan José Sayas; Luis A. García Moreno. Romanismo y Germanismo. El despertar de los pueblos hispánicos (siglos IV-X). Vol. II da Historia de España, dirixida por Manuel Tuñón de Lara. Barcelona: Labor. ISBN 84-335-9422-2.
  • González López, Emilio (1978). Grandeza e decadencia do reino de Galicia. Vigo: Galaxia. ISBN 8471543036.
  • Thompson, E. A. (2011). Los godos en España. (1ª edición, 1969). Madrid: Alianza Editorial. ISBN 978-84-206-6169-8.
  • Torres Rodríguez, Casimiro (1977). El Reino de los Suevos. Colección Galicia histórica. Santiago: Instituto Pai Sarmiento de Estudios Galegos. ISBN 84-85319-11-7.
  • Villares, Ramón (2004). Historia de Galicia. Vigo: Galaxia. ISBN 9788482886558.

Outros artigos

Ligazóns externas

572

Modelo:SecVI

Batalla do río Órbigo

A batalla de Órbigo foi un conflito bélico que tivo lugar na Gallaecia no ano 456 entre os exércitos do rei suevo Requiario e unha coalición de tropas imperiais romanas e visigodas, que tiña como obxectivo acabar co reino que os suevos mantiñan na Gallaecia. Con todo, e a pesar da vitoria da coalición, estes non lograron destruír o reino, e a independencia dos reis suevos manteríase durante máis de 120 anos. Debe o seu nome ao río Órbigo, que foi onde tivo o enfrontamento, preto de Astorga.

No mesmo lugar houbo posteriormente outras batallas. No ano 900 combateron as tropas do rei Afonso III o Magno (866-910), e as do emir Abd Allah I de Córdoba (888-912). No século XIII construíuse a ponte do río Órbigo, e preto dela está o Hospital de Órbigo.

Comarca

Unha comarca (do latín commarca ou comarcha, á súa vez derivado do termo de orixe xermánica Mark, "confín", "límite", "marca") ou bisbarra é unha subdivisión do territorio que configuran varias poboacións que adoitan ter uns nexos comúns condicionando unha unidade, política, natural ou cultural.

Nos diferentes países do mundo, as comarcas representan unha subdivisión non corresponde coa galega, tendo distintos fins e significado. Na Península Ibérica as comarcas foron un xeito de ordenación do territorio moi estendido, existindo matices entre as distintas rexións e países, así en Portugal unha comarca actualmente designa unha división xudicial correspondente á xurisdición dun Tribunal de Primeira Instancia. No Principado de Asturias, as comarcas englobarían a varios concellos, mais as oito comarcas de Asturias non teñen existencia oficial, empregan un sistema de comarcas funcionais ou áreas de planificación territorial.

En italiano: contea

En francés: contrée

En inglés: countyAs bisbarras galegas remóntanse tempos atrás, mesmo á época castrexa. De moita importancia é tamén o Parrochiale suevum, datado na segunda metade do século VI e onde se reflicte a organización administrativa e eclesiástica do Reino suevo da Gallaecia, contendo unha relación de 134 parroquias agrupadas en trece dioceses (ademais menciónase a diocese Britoniarum). O manuscrito indica ademais a existencia de pagus (distritos) especificamente suevos. Este documento, realizado en base á conformación do territorio xa existente anteriormente, mantívose en gran parte ata a actualidade.

Diocese católica latina de Astorga

A diocese de Astorga ou diocese asturicense é unha diocese da Igrexa Católica Latina sufragánea da de Oviedo, cuxa sé catedralicia está radicada na cidade de Astorga.

Frumario

Frumario foi un xefe militar suevo que destronou a Remismundo ó pouco de se converter rei, en 459, e gobernou o sur do reino suevo, mentres Requimundo facíao no norte. Mantivo unha guerra civil contra Requimundo, morrendo os dous en 463, facendo de novo a Remismundo monarca de todo o Reino Suevo.

Isidoro de Sevilla

Santo Isidoro de Sevilla, nado contra o ano 560 en Cartagena e finado o 4 de abril de 636, foi arcebispo de Valencia, doutor da Igrexa e un dos máis importantes eruditos da Idade Media, autor de Originum sive etymologicarum libri viginti (Etymologiae ou Etimoloxías)

Autor dunha Historia Sueborum a comezos do século VII, onde constata que o Reino Suevo durou 177 anos.

Lista de reis suevos

A primeira persoa en asumir o título de rei en Galicia foi o monarca suevo Hermerico, quen conseguiu do Imperio Romano de Occidente no ano 409 o goberno da provincia romana de Gallaecia, facendo dela o seu novo reino. A súa dinastía instaura primeiramente un reino suevo en canto que a monarquía e a elite detentadora do poder eran suevas. Porén, durante o século V d.C., o entendemento cos máis dos numerosos aristócratas galaicos e a adopción do catolicismo romano, consolidan finalmente un reino de Galicia, como porá de relevo Gregorio de Tours, sendo o primeiro erudito que o denomine Galliciense Regnum, a finais do século VI, e aos seus reis coma "reis de Galicia".

Martiño de Dumio

San Martiño de Dumio, nado en Panonia (actual Hungría) contra 510 ou 520 e finado en Braga no 579 ou 580, tamén chamado san Martiño Dumiense, san Martiño de Dume ou san Martiño de Braga, foi un relixioso cristián do século VI.

Está considerado como o apóstolo dos suevos, responsable maior da súa conversión do arianismo ao catolicismo. A súa obra eclesial e literaria, presentando un cristianismo adaptado aos diferentes grupos de poboación; a súa preocupación por transmitir valores procedentes da Antigüidade clásica; a predicación dun crisitianismo ortodoxo en tempos de herexía e as súa relacións cos reis suevos, anuncian o ideal episcopal de Leandro e Isidoro de Sevilla.Foi bispo de Dumio e de Braga.

Parochiale suevorum

O Parrochiale suevum, Parochiale suevorum (Parroquial suevo) ou Divisio Theodemiri é un importante manuscrito da segunda metade do século VI, onde se reflicte a organización administrativa e (maiormente) eclesiástica do Reino suevo da Gallaecia, contendo unha relación de 134 parroquias agrupadas en trece dioceses: as nove tradicionais reflectidas no Concilio de Lugo, así como as catro dioceses formadas ó sur do Douro, que son as de Coimbra, Idanha, Lamego e Viseu. Ademais menciónase a diocese, non territorial senón étnica, de Britoniarum (Bretoña, norte da actual provincia de Lugo), que tamén aparece mencionada canda ó seu bispo Mailoc no Segundo Concilio de Braga). O manuscrito indica ademais a existencia de pagus (distritos) especificamente suevos. A súa importancia reside en non existir equivalente na época en ningunha outra provincia eclesiástica. Constitúe por tanto unha das referencias historiográficas máis importantes para a localización de pobos e poboacións na Gallaecia pos-romana, especialmente durante o Reino suevo.

Parroquia eclesiástica galega

Parroquia defínese no Código de Dereito Canónico como a unidade básica de delimitación territorial da Igrexa, agrupados xerarquicamente en arciprestados.

Requiario

Requiario ou Rechiarius (e tamén pode escribirse Reckiario), finado en decembro de 456, foi o terceiro monarca suevo que gobernou o Reino de Galicia, desde o ano 448 (ano no que ascendeu o trono trala morte do seu pai Requila) ata a súa morte. Foi o primeiro rei xermánico de toda Europa que adoptou o catolicismo, e un dos máis innovadores e belixerantes de entre os monarcas suevos.

Requimundo

Requimundo foi un líder suevo, que gobernou no norte do Reino Suevo entre o 459 e o 463, mentres mantiña unha guerra civil contra Frumario e Remismundo. Non se identificou como rex, aínda que Idacio escribiu: inter Frumarium et Rechimundum oritur de regni potestate dissensio (entre Frumario e Requimundo xurdiu unha disensión sobre o poder do reino). A súa morte e a de Frumario no ano 463, abriu o camiño á unificación do reino baixo o goberno de Remismundo.

Suevos

Os suevos foron un grupo de pobos xermánicos mencionados por vez primeira por Xulio César en relación coa campaña de Ariovisto na Galia, c. 58 a. C. Mentres que César os considerou como unha única tribo xermánica, numerosa e belicosa, autores posteriores como Tácito, Plinio e Estrabón especifican que os suevos "non constitúen, como os Chatti ou Tencteri, unha soa nación. Actualmente ocupan máis da metade de Xermania, e están divididos en varias tribos con distintos nomes, malia que todos son chamados de xeito xeral como suevos".Outrora, a etnografía clásica aplicou o termo "suevo" a tantas tribos xermánicas que se cre que nos primeiros séculos despois de Cristo ben puidera ser un substituto de "xermanos". Os autores clásicos consideraron que os suevos, en comparanza con outras tribos xermánicas, eran moi móbiles e non moi dependentes da agricultura.Varios grupos de suevos trasladáronse dende o Mar Báltico e o río Elba, converténdose nunha ameaza ó Imperio Romano nas fronteiras dos ríos Rin e Danubio. Cara a fin do imperio, os alamáns, un grupo de tribos suevas, asentáronse nos Campos Decumanos e posteriormente cruzaron o Rin e ocuparon a rexión de Alsacia. Un reduto deles ficou na rexión hoxe chamada Schwaben, unha área do suroeste de Alemaña cuxo nome moderno procede dos suevos. Outros movéronse cara a Gallaecia e estableceron o Reino Suevo de Galicia, que durou 170 anos antes de ser integrado no Reino Visigodo.

Século VI

século V < século VI > século VII

O século VI é o período de tempo dende o 501 ata o 600 da era cristiá.

Teodomiro dos Suevos

Teodomiro foi un monarca do Reino Suevo de Galicia (559-570). Gobernou o reino dotándoo de institucións, administración e cohesión social buscando a lexitimidade do seu poder na Igrexa católica. Durante o seu reinado realízase o I Concilio de Braga (561), onde o reino suevo volta adoptar o catolicismo.

Gregorio de Tours fálanos do fillo do rei Carriarico que salvou a súa vida por mor da virtude milagreira das reliquias de San Martiño de Tours. Se cadra esteamos ante a primeira referencia a Teodomiro que sucedeu a Carriarico no trono do Reino Suevo da Gallaecia.

Baixo a influencia de Martiño de Dumio, o seu labor de goberno baseouse nos seguintes eixos:

Consolidación da expansión sueva coa incorporación das áreas de influencia de Astorga e Coimbra

A convocatoria dos Concilios de Braga a modo de asembleas de goberno non só en asuntos relixiosos senón especificamente temporais.

A organización territorial a través da estruturación da dependencia das entidades de poboación (parroquias) aos diferentes bispados (concretado na Divisio Theodemiri, a "división de Teodomiro", ou Parochiale suevorum).

A cristianización das masas de labregos aínda ancoradas nun paganismo ancestral de claro sabor céltico.

A busca da cohesión social mediante o combate da herexía ariana que profesaba o reino visigodo de Hispania e o priscilianismo seguido por importantes capas da poboación que non recoñecían a autoridade dos bispos de obediencia romana.

A lexitimación da monarquía perante as elites de orixe galaico-romana mediante o seu papel de protector da Igrexa desempeñando un rol con ecos propios de Bizancio, con quen probablemente mantivo contactos amigables.

A difusión da cultura a través do impulso de escolas dependentes dos mosteiros e focos de formación como o cenobio de Dumio fundado por Martiño de Dumio.

Unha política exterior pacífica sen enfrontamento co reino visigodo veciño e dentro da órbita da nova orde emanada do Imperio bizantino de Xustiniano.O seu reinado marcou un fito de estabilidade e esplendor do Galliciense regnum, do que nos quedaron testemuños nas propias fontes históricas galaicas e hispánicas e nas crónicas francas.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.