Reino de Granada

O Reino de Granada, foi un estado islámico da Idade Media situado no sur da Península Ibérica, con capital na cidade de Granada. Foi fundado en 1238 polo nazarí Muhammad ibn Nasr (Alhamar), o seu derradeiro rei foi Muhammad XII, máis coñecido coma Boabdil o Chico, derrocado polos Reis Católicos o 2 de xaneiro de 1492 tras a toma da cidade de Granada, que puxo fin á Guerra de Granada. Tras isto, o reino foi incorporado á Coroa de Castela baixo o nome de Reino Cristián de Granada. O reino nazarí de Granada foi o último estado de al-Ándalus.

إمارة غرﻧﺎﻃﺔ
Imarat Gharnāṭah
Reino de Granada

1238–1492
Bandeira Escudo
Bandeira Escudo
Localización de
Capital Granada
Lingua Árabe
Relixión Islam
Goberno Monarquía Hereditaria
Emir de Granada
 • 1238-1273 Alhamar
 • 1486-1492 Boabdil
Historia
 • Establecido 1238
 • Disolución 1492

Historia

La Rendición de Granada - Pradilla
Encontro de Boabdil cos Reis Católicos tras a derrota do Reino de Granada.

Tras a derrota almohade en 1212 na Batalla das Navas de Tolosa, comeza a tomar importancia no sueste de al-Ándalus a dinastía nazarí, liñaxe de orixes árabes cuxo fundador foi Alhamar, quen se proclamou sultán no 1232, sendo recoñecido como tal polas oligarquías de Guadix, Baza, Xaén, Málaga e Almería. No 1234 declarouse vasalo do poder de Córdoba, pero en 1236 Fernando III conquista a dita cidade e Alhamar fíxose vasalo do rei castelán, o que lle permitiu conservar a súa independencia. No 1238 Alhamar ampliou os seus dominios conquistando Granada, pero no 1246 Fernando III arrebatoulle Xaén, para consolidar as súas conquistas no val do Guadalquivir, o que obriga a Alhamar a firmar o Pacto de Xaén, no que recoñecía o rei cristián como señor daquel territorio e se obrigaba a pagar as parias para conseguir paces de vinte anos.

No 1305 os nazarís conquistaron Ceuta, aínda que no 1309 o Reino de Fez a reconquistou grazas á axuda dos aragoneses. No 1325, tras o asasinato do seu pai Ismail I de Granada, Muhammad IV accedeu ao trono de Granada. No 1333, arrebatou Alxeciras e Xibraltar aos casteláns, aínda que non puido gozar dos seus éxitos militares posto que foi asasinado ese mesmo ano, aos 18 anos de idade, sendo sucedido polo seu irmán menor Iusuf I. No 1348 os nazarís conquistaron Ceuta por segunda vez e a volveron perder no 1387. Tras isto, o reino queda baixo o goberno de distintos soberanos que foron incapaces de manter o control do territorio. Sucedéronse as disputas dinásticas ata que no ano 1492, durante o goberno de Boabdil, os Reis Católicos puxeron fin ao reino conquistando a capital e facendo que o rei capitulase ante os soberanos cristiáns ese mesmo ano.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Alhambra

Alhambra é unha cidade palatina situada na cidade de Granada en España. Tratase dun rico complexo palaciano e fortaleza que aloxaba ó monarca e a corte do Reino de Granada. O seu verdadeiro atractivo, como noutras obras musulmás da época, non só radica nos interiores cunha decoración que está entre os cumios da arte andalusí, senón que tamén na súa localización e adaptación, xerando unha paisaxe totalmente integrada coa natureza preexistente. No ano 2006 recibiu uns 2 153 491 visitantes. Ademais é desde o ano 2007 un dos 12 Tesouros de España. Foi declarada, xunto co Generalife e o Albaicín Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 1984.

Bacatá

Bacatá foi un dos cinco Zybyn que conformaban o territorio do Zipazgo, na Confederación muisca. A súa capital era o Uta de Funza, chamado tamén Muyquyta (ou Muequetá), que á súa vez era a capital do Zipazgo. O territorio do Zybyn de Bacatá abranguía boa parte da actual sabana de Bogotá, e precisamente da verba Bacatá provén o nome da actual cidade de Bogotá, capital da República de Colombia. O conquistador español Gonzalo Jiménez de Quesada fundou no territorio de Bacatá a cidade de Santafé de Bogotá o 6 de agosto de 1538, capital do Novo Reino de Granada, e posteriormente do Vicerreinado de Nova Granada.

O Zybyn de Bacatá era o de maior importancia no Zipazgo, non só polo número de Uta adscritos ó seu dominio, senón tamén porque Funza, a súa capital, era a residencia oficial e sede do goberno do Zipa, supremo gobernante do Zipazgo.

Os habitantes do zipazgo foron chamados xenericamente polos españois como "bacataes", por mor da importancia político-administrativa deste territorio. Tamén o Zipa foi chamado, ocasionalmente, "Bacatá".

Diego de Torres y Moyachoque

Diego de Torres y Moyachoque, nado en Tunja, Novo Reino de Granada en 1549, e finado en Madrid, España, o 4 de abril de 1590, foi un cacique de Turmequé, na antiga confederación muisca, baixo goberno español. Foi xefe dende 1571 até a súa morte. De Torres y Moyachoque foi un mestizo, fillo dun conquistador español e unha nai muisca. É coñecido pola súa defensa dos nativos muiscas e pola resistencia contra os encomenderos españois, particularmente contra o seu medio irmán Pedro de Torres. De Torres y Moyachoque tamén é coñecido por ser o primeiro cartógrafo das terras que arrodeaban a capital do Novo Reino de Granada, Santa Fe de Bogotá.

De Torres y Moyachoque viaxou dúas veces a España, a primeira entre 1575 e 1577, e a segunda na década de 1580, onde presentou queixas polos malos tratos dos muiscas por parte dos colonizadores españois perante o rei Filipe II. Despois desta última viaxe, permaneceu, casou e morreu en Madrid o 4 de abril de 1590.

Fernando II de Aragón e V de Castela

Fernando "o Católico", V de Castela, II de Aragón, Valencia e Barcelona, III de Sicilia e I de Navarra, nado en Sos del Rey Católico (Zaragoza) o 10 de maio de 1452 e finado en Madrigalejo (Cáceres) o 22 de xaneiro de 1516, foi rei de Aragón, Valencia, Mallorca, Sicilia (1468-1516), Castela (1474-1504), Sardeña (1479-1516), de Nápoles (1503-1516) e Navarra (1512-1515); rexente de Castela (1507-1516); Príncipe de Xirona e Duque de Montblanc (1472-1478); Conde de Barcelona e de Ribagorza (1458-1469).

Gonçalo Eanes do Vinhal

Gonçalo Eanes do Vinhal foi un trobador portugués, que estivo activo desde o primeiro terzo do século XIII até 1280. Participou na conquista de Sevilla en 1248 e máis tarde foi vasalo de Afonso X de Castela. Morreu loitando contra o reino de Granada. É autor de 17 textos: 9 cantigas de amigo e 8 cantigas de escarnio e maldicir.

Lingua muisca

O muisca ou chibcha é unha lingua extinta da familia chibcha de Colombia, falada historicamente polo pobo muisca, unha das catro civilizacións indíxenas de América. Os muiscas habitaban nas terras altas centrais (Altiplano Cundiboyacense) do que hoxe se coñece como Colombia. O nome da lingua, muysccubun ou muyskkubun na súa propia lingua significa "lingua do pobo" ou "lingua dos homes", de muyska / muysca ("xente" ou "home") e kubun / cubun ("lingua" ou "verba"). O termo chibcha quere dicir "mira, home!".En 1580, debido ó gran número de falantes, foi declarada lingua xeral do Novo Reino de Granada. Creáronse cátedras de Lingua Xeral en Santa Fe onde se ensinaba a lingua muisca ós sacerdotes que debían evanxelizar os indíxenas dos «vales de Bogotá e Tunja», epicentros dos seus dous principais dialectos. A lingua muisca é coñecida grazas ás crónicas e as "fontes primarias da lingua muisca", cinco documentos de corte lingüístico de finais do século XVI e comezos do século XVII por misioneiros das ordes dominica e agostiña co único obxectivo de evanxelizar os indíxenas muiscas. Isto supuxo a aparición de gramáticas, catecismos e vocabularios, como os manuscritos e outros impresos de Juan de Castellanos, Bernardo de Lugo, José Domingo Duquesne e Ezequiel Uricoechea, que permitiron a filólogos e lingüistas do século XIX achegarse a unha lingua extinguida oficialmente a raíz da Real Cédula de Carlos III, que ordenou o 16 de abril de 1770 o ensino do castelán como lingua oficial do Imperio. Porén, dende moito antes a lingua muisca deixara de falarse nalgúns lugares do altiplano, como proba o feito de que en Tabio, o 17 de marzo de 1751, o Fiscal Protector Juan Antonio Peñalver fixo unha visita a dito concello e ó seu agregado Subachoque, pregoando na praza «por voz de lingua española por non falarse xa a dos indios».

Muhammad XII de Granada

Abū ʿAbd Allāh Muḥammad b. ʿAlī (أبو عبد الله محمد ابن علي) nado en Granada posiblemente no ano 1459 e finado en Fez, Marrocos no 1533, foi o derradeiro rei do Reino de Granada. Membro da dinastía dos nazarís, era coñecido entre os cristiáns como Boabdil el Chico ou Boabdil.

Arrebatoulle o trono o seu pai Muley Hacén e durante un tempo estivo en disputa por este tanto con el, coma co seu tío el Zagal. Abu 'Abd Allāh, na fala granadina debía pronunciarse como Bu Abdal-lah ou Bu Abdil-lah, e de aí derivou o nome castelán de Boabdil, ao cal se lle engadiu o epíteto d'o Chico para distinguilo do seu tío Abu 'Abd Allāh o Vello.

Murcia

Murcia é un municipio e a capital da Rexión de Murcia (España). Está situada no sueste da Península Ibérica e atravesada polo río Segura, en plena Huerta de Murcia, comarca da que é capital. Murcia é a sétima cidade de España pola súa poboación. Segundo o INE en 2017 tiña 441 003 habitantes.

Novo Reino de Granada

O Novo Reino de Granada ou Reino da Nova Granada foi a denominación outorgada a unha entidade territorial, integrante do Imperio español, estabelecida pola Coroa española durante o seu período de dominio americano, que se atopaba ó norte de Suramérica, que corresponde co núcleo principal da actual República de Colombia.

Nova Granada correspondeu ao territorio baixo a xurisdición da Real Audiencia de Santafé de Bogotá (1550-1718) e posteriormente correspondente ó Virreinado de Nova Granada (1718-1819) cuxa sede foi Santafé de Bogotá.

Pobo panche

Os panches eran un pobo indíxena de fala caribe que habitaban na actual Colombia. O seu territorio abranguía as partes suroccidentais de Cundinamarca e as partes setentrionais de Tolima, preto do río Magdalena. No tempo da conquista española, máis de 30 000 panches vivían no que despois se convertería no Novo Reino de Granada. O coñecemento máis antigo sobre os panches foi recollido polo estudoso Pedro Simón. Segundo el, a verba panche na propia lingua dos panches quería dicir "cruel" e "asasino".

Reconquista

En Vigo celébrase con nome de Reconquista de Vigo unha sublevación popular que se encadra na Guerra da Independencia española.

A Reconquista é o nome co que se coñece tradicionalmente ao proceso histórico por medio do cal os reinos cristiáns do norte da Península Ibérica van conquistar progresivamente o al-Ándalus. Considérase que comeza no 722 coa resistencia das sociedades montañesas ó avance dos musulmáns coa Batalla de Covadonga e vai finalizar no 1492 coa conquista do Reino de Granada.

Segundo a historiografía recente o termo reconquista é historicamente inexacto e inapropiado, dado que os reinos cristiáns que van conquistar o territorio andalusí constituíronse como sociedades despois da ocupación islámica da península, a pesar dos esforzos dalgúns monarcas peninsulares para presentarse como herdeiros directos do antigo reino visigodo de Toledo. Ademais, segundo esta interpretación actual, reconquista é un concepto parcial, xa que só presenta a visión cristiá deste complexo proceso histórico, obviando o punto de vista dos andalusís. Por tanto tense suxerido como denominacións alternativas Conquista cristiá, Conquista feudal de al-Ándalus, ou directamente Colonización feudal da Península Ibérica, entre outros nomes.

Fai falla ter presente tamén que a colonización de al-Ándalus non é un feito exclusivo hispánico, xa que se explica nun contexto europeo caracterizado pola expansión da sociedade feudal dende o núcleo orixinal do Feudalismo, ó centre de Europa occidental, cara a periferia, sendo así un proceso histórico que responde ós mesmos parámetros que outros procesos contemporáneos como a conquista e colonización inglesa de Irlanda, a expansión alemá ó leste do río Elba (proceso coñecido co termo ideolóxico de Drang nach Osten ou “Marcha ó leste”), e a expansión franca a Terra Santa mediante as Cruzadas e a creación do Reino de Xerusalén, entre outros.

Reino de Xaén

O reino de Xaén foi unha xurisdición territorial da Coroa de Castela desde a súa incorporación no século XIII até a División territorial de España en 1833. Coñecido como o "Santo Reino", comprendeu un territorio que coincide aproximadamente coa actual provincia de Xaén e foi un do catro reinos de Andalucía.

Tras a reconquista do territorio, a primeira idea da monarquía foi crear un reino ao redor de Baeza, o que dese continuidade á Taifa de Baeza e servise para restaurar a desaparecida diocese de Cástulo-Baeza. Con todo, finalmente elixiuse Xaén, que anteriormente fora capital da Taifa de Xaén. Os principais concellos do reino de Xaén foron Andújar, Úbeda, Baeza, Martos, Cazorla e Alcalá la Real.

Desde o punto de vista xurisdicional o territorio do reino de Xaén era tanto de reguengo como señorial, existindo nel señoríos tanto laicos como eclesiásticos. Entre os primeiros atopábanse os territorios da Casa de Santisteban del Puerto, a Casa de Alburquerque, a Casa dos Cobos e da Casa de Arcos. Entre os segundos estaban o Adiantamento de Cazorla e a Encomenda de Martos, propiedade do Bispado de Toledo e da Orde de Calatrava respectivamente, así como Albanchez, da Orde de Santiago.

O Reino de Xaén posuía dous enclaves territoriais situados no Reino de Córdoba, que eran Bélmez e Villafranca de Córdoba. Pola contra, o Reino de Granada tiña un enclave no Reino de Xaén, formado por Bélmez de la Moraleda e Solera.

No século XVIII en territorios do reino de Xaén fundáronse algunhas das Novas Poboacións de Andalucía e Serra Morena.

O Real Decreto de 30 de novembro de 1833 creou a provincia de Xaén, que se formou unindo as localidades do reino homónimo, algunhas localidades do reino de Murcia, e dúas poboacións que até entón pertencían á Mancha: Beas de Segura e Chiclana de Segura. Os lugares do reino de Murcia que se incorporaron a Xaén foron Benatae, Génave, Orcera, Santiago de la Espada, Segura de la Sierra (cos agregados da Porta e de Bujaraiza), Siles, Torres e Villarrodrigo. Así mesmo a nova provincia incorporou os dous enclaves do reino de Granada que existían no reino de Xaén: Bélmez de la Moraleda e Solera, que era un municipio independente (hoxe integrado no de Huelma). Actualmente a provincia ten os seguintes municipios.

Reis Católicos

Os Reis Católicos foi a denominación que recibiron os reis Fernando II de Aragón e Isabel I de Castela, soberanos da Coroa de Castela (1474-1504) e da Coroa de Aragón (1479-1516).

Os Reis accederon ao trono de Castela trala Guerra de Sucesión Castelá (1475-1479) contra os partidarios da princesa Xoana a Beltranexa, filla do rei Henrique IV de Castela. En 1479 Fernando herdou o trono de Aragón ao morrer o seu pai, o rei Xoán II de Aragón. Isabel e Fernando reinaron xuntos ata a morte dela en 1504. Entón Fernando quedou unicamente como rei de Aragón, pasando Castela á súa filla Xoana, alcumada "a Tola", e ao seu marido Filipe de Austria, alcumado "o Fermoso", Arquiduque de Austria, duque de Borgoña e conde de Flandres. Con todo Fernando non renunciou a controlar Castela e, tras morrer Felipe en 1506 e ser declarada Xoana incapaz, conseguiu ser nomeado rexente do reino ata a súa morte en 1516.

A historiografía española considera o reinado dos Reis Católicos como a transición da Idade Media á Idade Moderna. Co seu enlace matrimonial uníronse provisionalmente, na dinastía dos Trastámara, dúas coroas: a Coroa de Castela e a Coroa de Aragón dando nacemento ao Imperio Español e, apoiados polas cidades e a pequena nobreza, estableceron unha monarquía forte fronte ás apetencias de poder de eclesiásticos e nobres. Coa conquista do Reino de Granada, do Reino de Navarra, de Canarias, de Melilla e doutras prazas africanas conseguiron a unión territorial baixo unha soa coroa da totalidade dos territorios que hoxe forman España –exceptuando Ceuta e Olivenza que entón pertencían a Portugal–, que se caracterizou por ser persoal, xa que se mantiveron as soberanías, normas e institucións propias de cada reino e coroa.

Os Reis estableceron unha política exterior común marcada por enlácelos matrimoniais con varias familias reais de Europa que resultaron na hexemonía dos Habsburgo durante os séculos XVI e XVII.

Por outra banda, o descubrimento de América, en 1492, modificou profundamente a historia mundial.

Tena, Cundinamarca

Tena é un concello colombiano do departamento de Cundinamarca, que se atopa na Provincia do Tequendama, a 66 km de Bogotá.

Posúe unha das máis grandes reservas hídricas da Provincia do Tequendama e de Cundinamarca, ademais dunha vexetación virxe e bosques espesos de néboa e unha enorme riqueza de fauna e flora; ademais, foi unha das rexións onde José Celestino Mutis empezou a Real Expedición Botánica do Novo Reino de Granada. As principais fontes económicas do concello son a agricultura, a gandeira, a industria avícola e a piscícola.

Tundama

Tundama, nado no século XV e finado en Duitama en decembro de 1539 foi un cacique da Confederación muisca, unha aliana de gobernantes dos muiscas que habitaron nas terras altas centrais (Altiplano Cundiboyacense) dos Andes de Colombia. A cidade de Tundama, no presente coñecida como Duitama, e a provincia de Tundama, en Boyacá, reciben este nome polo cacique. Tundama gobernou nos territorios do norte dos muiscas, sometidos posteriormente polos conquistadores españois.

Tundama foi asasinado en decembro de 1539 baixo un gran martelo de Baltasar Maldonado. O seu sucesor, coñecido como Don Juan foi asasinado pouco despois, rematando o reinado dos muiscas no Novo Reino de Granada, o nome das actuais Colombia e Venezuela no Imperio Español.

Vejer de la Frontera

Vejer de la Frontera é un concello español da provincia de Cádiz, en Andalucía. A locución "de la Frontera" alude á antiga fronteira do Reino de Granada.

No ano 2008 contaba con 12.992 habitantes. A súa extensión superficial é de 264 km² e ten unha densidade de 49,42 hab/km². Posúe 8 km de costa, denominada como a praia de El Palmar de Vejer. Atópase a unha altitude de 201 metros e a 54 quilómetros da capital de provincia, Cádiz, xunto ao río Barbate.

Vejer estivo poboada desde o Paleolítico e xa estaba fortificada na Idade de Bronce. En época prerromana denominouse Besaro e acháronse restos do século VII a. C. debaixo das murallas actuais. Durante a etapa romana pasa a denominarse Baesippo. No 711 pasou a mans musulmás tras a batalla da Janda, na cal os musulmáns, comandados por Tarik, derrotaron a Don Rodrigo. Durante cinco séculos e medio permaneceu baixo dominio musulmán, denominándose Besher.

Vicerreinado de Nova Granada

O Vicerreinado de Nova Granda (en castelán: Virreinato de Nueva Granada), tamén coñecido como Vicerreinado de Santafé ou Vicerreinado do Novo Reino de Granada, foi unha entidade territorial, integrante do Imperio Español, estabelecida pola Coroa (1717-1723, 1739-1810 e 1816-1819) na derradeira fase da colonización española de América. Foi creado polo rei Filipe V en 1717 dentro da nova política dos borbóns e suspendido en 1723, por problemas financeiros, sendo reinstaurado en 1739 até que o movemento independentista o disolve de novo en 1810. En 1815, foi reconquistado polo exército do rei Fernando VII, sendo novamente restaurado, até que o exército libertador logrou a súa independencia definitiva do poder español en 1819.

A capital do vicerreinado foi Santafé (Bogotá). O escudo de armas do vicerreinado foi herdado por Bogotá, que o conserva como insignia.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.