Reino de Alba

Coñécese como Reino de Alba ao período do Reino de Escocia comprendido entre a morte de Donald II, ano 900, e a de Alexandre III en 1286 que levou ás Guerras de independencia de Escocia. Alba é o nome en gaélico escocés de Escocia e utilízase precisamente por nesta época ser a elite gaelicofalante e máis tarde normandoescocesa, en contraposición coa época dos Estuardo na que a elite era na súa maior parte anglofalante.

Coronation Chair and Stone of Scone
A Pedra do Destino (clach Sgàin) era a pedra cerimonial que empregaban os reis de Alba na súa coroación. En 1296 Duarte I de Inglaterra levouna para Inglaterra e mandou construír un trono no que inseriu a pedra, o Trono do Rei Eduardo no cal foron coroados case todos os reis de Inglaterra e do Reino Unido ata a actualidade.

Corte

Non se coñece a estrutura da Corte escocesa antes da chegada dos normandos a Escocia. No século XII os principais cargos da Corte eran:

  • Senescal ou dapifer, hereditarios desde o reinado de David I, tiña ao seu coidado á casa do rei.
  • Chanceler, tiña ao seu cargo a capela real que estaba asociada cos copistas reais, responsables de manter a documentación. Era un sacerdote
  • Chamberlain, tiña o control e a responsabilidade das finanzas reais.
  • Condestable, hereditario desde David I, tiña o seu cargo os recursos militares da coroa.
  • Mordomo
  • Mariscal, era o responsable da cabalería real.

No século XIII, todos os oficios agás o de chanceler tenderon a ser hereditarios ao tempo que se crearon outros oficios, o máis importante era o hostarius, ao cargo da garda real.

Orixe

Donald II foi o primeiro que recibiu o nome de rei de Alba (rí Alban), concretamente á súa morte no castelo de Dunnottar no ano 900. Os seus predecesores recibían o nome de reis dos pictos ou rei de Fortriu.

Constantino II de Escocia

Constantino, fillo de Áed (en gaélico medieval: Constantín mac Áeda; en gaélico moderno: Còiseam mac Aoidh, coñecido na maioría das listas de reis como Constantino II), finado en 952, foi un rei de Escocia, coñecida daquela polo nome gaélico Alba. O reino de Alba, un termo que apareceu por vez primeira durante a vida de Constantino, sitúase na moderna Escocia. O núcleo do reino estaba formado polas terras arredor do río Tay. O seu límite polo sur era o río Forth, cara ó leste estendíase até Moray Firth e quizais Caithness, mentres que as fronteiras occidentais son descoñecidas. O avó de Constantino, Kenneth I de Escocia (Cináed mac Ailpín, finado en 858) foi o primeiro da familia en ser rei, mais como rei dos pictos. Este cambio de título, de rei dos pictos a rei de Alba, é parte dunha gran tranformación do reino picto e a orixe do reino de Alba.

O seu reinado, coma o dos seus predecesores, estivo dominado polas accións dos gobernantes viquingos das illas Británicas, particularmente Uí Ímair ("os netos de Ímar", ou Ivar o Desosado). Durante o reinado de Constantino, os gobernantes dos reinos sureños de Wessex e Mercia, posteriormente o reino de Inglaterra, estenderon a súa autoridade cara ó norte, no reino en disputa de Northumbria. Ó comezo, Constatino foi aliado dos gobernantes sureños contra os viquingos, pero despois entrou en conflito con eles. O rei Æthelstan tivo éxito en someter a Constantino en 927 e 934, pero volveu loitar con el cando Constantino se aliou cos britanos de Strathclyde e o rei viquingo de Dublín, invadindo o reino de Æthelstan en 937, mais foi derrotado na batalla de Brunanburh. En 943, Constantino abdicou e retirouse a Céli Dé (Culdee) no mosteiro de St Andrews, onde morreu en 952. Foi sucedido polo fillo do seu predecesor, Malcolm I.

Eirík de Jórvik

Eirík de Jórvik (nórdico antigo: Eiríkr), finado en 954, foi un rei viquingo de Jórvik, unha figura histórica que tomou relevancia entre historiadores quen consideran que Eric I de Noruega (Machadasanguenta) non gobernou o enclave escandinavo en Inglaterra, senón un membro da dinastía hiberno nórdica dos Uí Ímair co mesmo nome; aínda que se descoñece a súa ascendencia, os datos que proporcionan os textos das crónicas anglosaxoas e a cronoloxía dos acontecementos contradinse coas sagas nórdicas e hai fortes indicios que ambos foron dúas persoas diferentes.

Henrique de Escocia

Henrique de Escocia ou Eanric mac Dabíd, nado en 1114 e finado o 12 de xuño de 1152, foi príncipe de Escocia, herdeiro do Reino de Alba. Tamén foi conde de Northumbria e de Huntingdon e Northampton.

Olaf Cuaran

Non confundir con Olaf Sigtryggsson (Amlaíb mac Sitriuc), rei do reino viquingo de Mann no século XI.Amlaíb mac Sitriuc (nórdico antigo Óláfr Sigtryggsson), nado en 926 e finado en 981, coñecido comunmente como Cuarán, en nórdico antigo Óláfr kváran, foi rei viquingo de York (Jórvik) e do reino de Dublín no século X, de ascendencia nórdico-gaélica. O seu alcume, cuarán é traducido habitualmente como "sandalia". Aparece en numerosas fontes con outros nomes anglificados, tales como Olaf Cuaran e Olaf Sihtricson, particularmente durante a súa breve etapa de gobernante de Jórvik. Foi o último membro da dinastía Uí Ímair que desempeñou un papel importante na política das Illas británicas e Irlanda

Pictos

Pictos (latín picti) é o nome que se lle dá aos antigos caledonios que vivían na moderna Escocia. Foron un grupo de pobos celtas da Idade de Ferro británica e o Baixo Medievo que viviron no leste e no norte de Escocia. Ammiano Marcelino preséntaos divididos en dúas tribos en tempos do emperador Flavius Iulius Constante: os dicalidóns (dicalidonae) e os verturións (verturiones) e aliados cos attacoti (do gaélico athach tuatha, que significa pobo ou xente que paga rendas, oposto a xente ceibe) e cos escotos. O seu nome significaba "pintado" e debíase ao costume dos caledonios de pintarse para o combate. Pictia ou Pictavia (Pictland en inglés) convértese no reino de Alba (Escocia) durante o século X, co que os pictos pasan a ser coñecidos como Albannach ou escoceses.

Hai unha asociación coa distribución xeográfica de fíbulas, nomes de lugares britónicos e pedras pictas. Os pictos son rexistrados desde antes da conquista romana de Britania ata o século X, momento no que se pensa que se mesturaron cos Gaels. Vivían ó norte dos ríos Forth e Clyde, e falaban a extinta lingua picta, a cal se pensa que estaba relacionada coas linguas britónicas faladas polos pobos do sur. Asúmese que son os descendentes dos antigos Caledonii e outras tribos nomeadas polos historiadores romanos, atopados tamén no mapamundi de Tolomeo. Pictia ou Pictavia, mesturouse gradualmente co reino gaélico de Dál Riata para formar o Reino de Alba (Escocia). Alba expandiuse, absorbendo os reinos de Strathclyde e Lothian, e no século XI, a identidade dos pictos foi incluída na amálgama de pobos que son os escoceses.

A arqueoloxía dá algunhas aproximacións sobre a sociedade dos pictos. A pesar de que sobreviviu moi pouco da súa forma de escritura, a historia deste pobo, a partir do século IV, é coñecida por unha grande variedade de fontes, incluíndo haxiografías como a de San Columba de Iona, así como varios Anais irlandeses. Aínda que a impresión popular sobre os pictos pode ser a dun pobo escuro e misterioso, non é así en absoluto. A historia e a sociedade pictas son semellantes ás dos pobos de Europa Central, Setentrional ou Oriental na Antigüidade ou na Alta Idade Media cando se os compara con eles.

Reino de Strathclyde

Strathclyde (gaélico escocés: Srath Chluaidh, lit. "Val do Clyde", orixinalmente en britónico Ystrad Clud) foi un dos reinos dos britóns no Hen Ogledd, as partes de fala britoa do que hoxe é a Inglaterra setentrional e a Escocia meridional, durante o período posromano e a Idade Media. Tamén é coñecido como Alt Clut, o nome britónico de Dumbarton Rock, a capital medieval da rexión. Pode ser que as súas orixes se remonten aos Damnonii, pobo que aparece na obra de Tolomeo.

A lingua de Strathclyde e a dos britóns das zonas adxacentes so un goberno non nativo é coñecida como cúmbrico, un dialecto ou lingua moi relacionada co galés antigo. A evidencia toponímica e arqueolóxica leva a algún tipo de asentamento viquingo na época viquinga, aínda que en menor medida que na veciña Galloway. Un pequeno número de topónimos anglos amosan certo grao de asentamento limitado de xentes de Northumbria previos ao asentamento noruegués. Debido á serie de cambios de lingua na zona non é posíbel dicir se houbo algún asentamento goidélico na zona antes de que o gaélico fose introducido na alta Idade Media.

Despois do saqueo de Dumbarton Rock por un exército viquingo de Dublín en 870, empeza a empregarse o nome de Strathclyde, se cadra reflectindo un movemento do centro do reino cara a Govan. No mesmo período, tamén é denominado Cumbria, e os seus habitantes cumbrios. Durante a alta Idade Media, a zona foi conquistada polo reino de Alba, pasando a formar parte do novo reino de Escocia. Ficou como área distinta ata o século XII.

Yr Hen Ogledd

Yr Hen Ogledd é unha expresión galesa que significa 'O Vello Norte' e que se refire aos reinos britanos posteriores aos romanos situados no que hoxe é o norte de Inglaterra (incluíndo Cumbria e o sur de Escocia. Pode ser que o cúmbrico, un dialecto da linguas britónicas moi parecido ao galés, fose a lingua falada polos Homes do Norte (Gwŷr y Gogledd en galés).

Antigos celtas
Estudos celtas
Celtas modernos
Rexurdimento celta
Linguas
Festivais
Listas

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.