Reconquista

En Vigo celébrase con nome de Reconquista de Vigo unha sublevación popular que se encadra na Guerra da Independencia española.
Escena de batalla libro de cántigas de Alfonso X El Sabio
Escena dunha batalla do libro de cantigas de Afonso X o Sabio

A Reconquista é o nome co que se coñece tradicionalmente ao proceso histórico por medio do cal os reinos cristiáns do norte da Península Ibérica van conquistar progresivamente o al-Ándalus. Considérase que comeza no 722 coa resistencia das sociedades montañesas ó avance dos musulmáns coa Batalla de Covadonga e vai finalizar no 1492 coa conquista do Reino de Granada.

Segundo a historiografía recente o termo reconquista é historicamente inexacto e inapropiado[1], dado que os reinos cristiáns que van conquistar o territorio andalusí constituíronse como sociedades despois da ocupación islámica da península, a pesar dos esforzos dalgúns monarcas peninsulares para presentarse como herdeiros directos do antigo reino visigodo de Toledo. Ademais, segundo esta interpretación actual, reconquista é un concepto parcial, xa que só presenta a visión cristiá deste complexo proceso histórico, obviando o punto de vista dos andalusís. Por tanto tense suxerido como denominacións alternativas Conquista cristiá, Conquista feudal de al-Ándalus, ou directamente Colonización feudal da Península Ibérica, entre outros nomes.

Fai falla ter presente tamén que a colonización de al-Ándalus non é un feito exclusivo hispánico, xa que se explica nun contexto europeo caracterizado pola expansión da sociedade feudal dende o núcleo orixinal do Feudalismo, ó centre de Europa occidental, cara a periferia, sendo así un proceso histórico que responde ós mesmos parámetros que outros procesos contemporáneos como a conquista e colonización inglesa de Irlanda, a expansión alemá ó leste do río Elba (proceso coñecido co termo ideolóxico de Drang nach Osten ou “Marcha ó leste”), e a expansión franca a Terra Santa mediante as Cruzadas e a creación do Reino de Xerusalén, entre outros.

Antecedentes

O período tardorromano

No século V o Imperio Romano de Occidente vai demandar ós visigodos, un pobo bárbaro fortemente romanizado e que estaba federado ó imperio, que expulsasen ós vándalos e alanos de Hispania. Como pago pola súa lealdade, os visigodos recibiron esta provincia romana e o sur da Galia como foedus. Coa deposición do derradeiro emperador romano por Odoacro no 476 os visigodos gobernaron estes territorios como reino independente, primeiro como Reino de Tolosa e, despois da derrota a mans dos francos no 507 na Batalla de Vouillé, unicamente a Hispania como Reino de Toledo. Aínda así a achega de poboación dos visigodos á península foi moi reducida.

A ocupación musulmá da península

Reconquista4
Guerreiros cristiáns e musulmáns

Ó pasamento do rei visigodo Witiza, no 710, vaise producir un conflito entre os partidarios da monarquía hereditaria cos fillos do rei morto á fronte, e os partidarios da monarquía electiva a favor do novo rei Don Rodrigo, un conflito que tiña, así mesmo, un fondo relixioso entre católicos e arianos.

No 711 o conde de Ceuta, Xulián, que estaba refuxiando á familia e partidarios de Witiza e que mantiña relacións co gobernador de Tánxer, Táriq ibn Ziyad, e o seu emir Mussa ibn Nussayr, vai demandar axuda ás poboacións árabes e bérberes do norte de África para intervir no conflito e doarlle axuda na súa loita contra Rodrigo. Os historiadores difiren na intención de Mussa neste momento da historia; sexa que planeaba unha conquista completa, unha invasión limitada para confirmar unha alianza, ou só un ataque para debilitar as forzas visigodas.

As forzas musulmás, comandadas por Táriq, atravesan entón o Estreito de Xibraltar e van derrotar a Rodrigo que segundo as lendas morrería na batalla de Guadalete no ano 711, a causa en parte pola deserción das tropas baixo o seu comando a petición do bispo Oppas (o sobriño do cal, Aquila, era fillo de Witiza). Despois da batalla, o dominio visigodo vaise desmembrar, e Aquila rendeu as súas terras no 712.

Durante os tres anos seguintes os musulmáns van ocupar o resto da antiga Hispania mediante pactos coa nobreza visigoda. No 713 caeu Toledo e no 714 Zaragoza. O exército árabe-bérber continuou cara o norte até ser derrotado por Eudes de Aquitania preto de Tolosa en 721, e finalmente por Carlos Martel no 732 na batalla de Tours, abandonando aí os seus plans de conquista de Europa. Os musulmáns, entón, asentáronse na Península Ibérica, establecendo un emirato subordinado ó califa de Damasco. A meirande parte dos nobres visigodos mantiveron as súas propiedades e o seu status social converténdose ó islam, xa que que o troco de goberno non afectaba seriamente as actividades cotiás. As divisións como tal vanse manter, mais a administración local mudou; os musulmáns ocuparon os lugares chave dado que ningún non-musulmán podía gobernar a un musulmán. A poboación de cristiáns e xudeus tiñan que someterse ó código de Umar, que aseguraba a supremacía do islam sobre as outras relixións. Dende entón coñeceuse ó territorio musulmán da península como al-Ándalus.

A rexión norte de Hispania, atravesada pola cordilleira Cantábrica, era habitada durante o primeiro milenio a. C. por grupos tribais que os estranxeiros nomeaban galaicos, ástures, cántabros e vascóns. Non van poder ser conquistados polos romanos e no século I Augusto illounos rodeándoos con campamentos romanos, onde despois xurdirían cidades como León e Pamplona. Estas poboacións montañosas non romanizadas resistiron tamén a ocupación musulmá, creándose así os primeiros grupos de resistencia ó norte da península.

Nun primeiro momento o maior pulo da reconquista será polo oeste, onde o Reino de Asturias faise con relativa velocidade, se se compara co resto da reconquista, co control do antigo Reino de Galicia, e coas terras ata o río Douro, formando así o núcleo do futuro Reino de León. Pola falta de poboación para repoboar, é imposible avanzar máis na Reconquista. Mentres tanto, os reinos do leste manteñen unha dura loita cos musulmáns no marxe do río Ebro, ata o que non chegarán ata varios séculos despois, seguindo dentro da órbita de influencia francesa, especialmente no caso dos condados cataláns, vasalos en teoría do rei de Francia pero sempre nun permanente estado de semi independencia pola debilidade dos monarcas de París.

O empuxe inicial da Reconquista verase freado polas rivalidades entre os diferentes reinos cristiáns e pola forza do Califato de Córdoba, que se independiza e que chega a ameazar seriamente os reinos cristiáns na figura do seu caudillo militar Almanzor, chegando este a saquear Santiago de Compostela e a roubar as campás de ouro da catedral. Destaca tamén a constitución, na marxe oriental do Reino de Aragón, do condado de Castela, un territorio fronteirizo co Reino de Navarra, os musulmáns do val do río Ebro e os musulmáns do sur, que polas súas condicións especiais atrae a moitos repoboadores vascóns.

Orixes dos Reinos Cristiáns

O Reino de Asturias

Artigo principal: Reino de Asturias.
Don Pelayo
Monumento a Don Paio.

No ano 718 un nobre chamado Paio sublevouse. Fracasou, foi feito prisioneiro e enviado a Córdoba (os escritos usan a palabra Córdoba, pero isto non implica que fose a capital, xa que os árabes chamaban Córdoba a todo o califato).

Con todo, conseguiu escapar e organizou unha segunda revolta nos montes de Asturias, que empezou coa batalla de Covadonga do 722. Esta batalla considérase o comezo da Reconquista e do primeiro reino cristián, que foi o reino de Asturias. A interpretación é discutida: mentres que nas crónicas cristiás aparece como unha gran vitoria fronte ós infieis, grazas á axuda de Deus, os cronistas árabes describen un enfrontamento cun reducido grupo de cristiáns, aos que tras vencer desístese de perseguir ó consideralos inofensivos. A realidade é que esta vitoria de Covadonga, por pequenas que fosen as forzas contendentes, tivo unha importancia tal que polarizou en torno a Don Paio un foco de independencia do poder musulmán, que lle permitiu manterse independente e ir incorporando novas terras aos seus dominios.

O reino de Asturias recibiu dende o principio o apoio do Ducado de Cantabria, que estaba nunha situación de relativa independencia respecto dos musulmáns. En calquera caso, os árabes desistiron de controlar a zona máis setentrional da península, dado que na súa opinión, dominar unha rexión montañosa de limitados recursos e invernos extremos, non pagaba a pena. Os cristiáns da zona non supoñían perigo, e controlar o extremo máis afastado supoñería máis custos que beneficios. De todos os xeitos, a sorprendente expansión do minúsculo estado pronto preocupou ás autoridades califais. Houbo sucesivas incursións (en tempos de Afonso II, fíxose unha cada ano en territorio asturiano), pero o reino sobreviviu e seguiuse expandindo, con sonoras vitorias, como a batalla de Lutos, Polvoraria e a toma de Lisboa no 798.

O reino de Asturias era inicialmente de carácter indíxena e foi sometido nas súas últimas décadas a unha sucesiva gotificación debida ós inmigrantes de cultura hispanogoda fuxidos ao reino cristián do norte. Así mesmo, foi un referente para parte do espazo cultural europeo coa batalla contra o adopcionismo. O reino estivo por épocas moi vinculado ao dos francos, sobre todo a raíz do "descubrimento" do sepulcro do apóstolo Santiago. Esta idea "propagandista" conseguiu vincular á Europa cristiá co pequeno reino do norte, fronte a un Sur islamizado.

O Reino de Asturias tivo varias escisións. A primeira á morte do rei Afonso III o Magno, que repartiu os seus dominios entre tres dos seus cinco fillos, García, Ordoño e Froila. Estes dominios incluían, ademais de Asturias, o condado de León, o de Castela, o de Galicia, a marca de Áraba e a de Portugal (que entón era só a fronteira sur de Galicia). García quedou con León, Áraba e Castela fundando o Reino de León. Ordoño quedouse Galicia e Portugal, e Froila quedouse Asturias.

As campañas francas e a Marca Hispánica

Artigo principal: Marca Hispánica.

O territorio situado entre o oriente de Navarra e o mar dividiuse en condados sometidos aos francos. Os condados cataláns foron divisións da zona occidental Marca Hispánica e os condados de Aragón, Sobrarbe e Ribagorza ocupaban a zona intermedia. Foi unha zona de contención militar que tomaron os francos para frear as incursións sarracenas. Aínda que a intención inicial destes era levar as fronteiras ata o Ebro, a Marca quedou delimitada polos Pireneos no norte e polo Llobregat no Sur. Co tempo independizouse do dominio franco con condes como Wifredo o Velloso e Aznar Galindo.

Na zona dos condados cataláns, o Condado de Barcelona converteuse moi cedo no condado dominante da zona. Co tempo, trala unión dinástica entre o Condado e o Reino de Aragón que daría orixe á Coroa de Aragón, os dominios desta coroa estendéronse cara ao sur e o Mediterráneo.

O Reino de Aragón ten a súa orixe nun condado tamén dependente desta marca, que sería anexionado por unións dinásticas por Navarra. Trala morte de Sancho III de Navarra, o seu reino foi dividido, nomeándose ao seu fillo Ramiro rei de Aragón. A morte dun irmán seu, Gonzalo, fixo que Ramiro I unise aos condados de Aragón, Sobrarbe e Ribagorza no novo reino. Pouco despois, chegou a anexionarse Navarra, aínda que trala morte de Afonso I o Conquistador a unión desfíxose. Por esa época, tras unha dura loita coas taifas de Zaragoza, o Reino aragonés chegou ó Ebro, conquistando a capital en 1118.

Máis tarde produciríase a unión dinástica, co matrimonio de Petronila (filla única do rei de Aragón) e Ramón Berenguer IV, conde de Barcelona, o que conformou a Coroa de Aragón, confederación que agrupaba ao Reino e ós Condados. Hai que destacar que só foi unha unión dinástica: ambos territorios continuaron coas súas institucións.

A Coroa acabaría por unificar co tempo o que hoxe é Cataluña, arrebatando ós árabes o resto de Cataluña, a Cataluña Nova, e anexionándose os restantes territorios, aínda que hai que destacar que os diversos condados seguiron gozando de certa autonomía.

O proceso de Colonización

Despois de que os francos venceran ós musulmáns, a necesidade de defender os pasos ou portos dos Pireneos convertéranse nunha situación importante da política de Carlomagno. Construíronse fortificacións e deuse protección ós habitantes das antigas cidades romanas como por exemplo Jaca e Xirona. Os pasos principais eran Orreaga/Roncesvalles, Somport e Junquera. Carlomagno poboou os condados de Pamplona, Aragón e Barcelona.

O asentamento da poboación cristiá na conca do río Douro tivo lugar en dúas fases. Ó norte do río, entre os séculos IX e X, vaise empregar o sistema da presa. Ó sur do Douro, durante os séculos X e XI van desenvolverse cidades mediante a doazón de foros, os cales estenderíanse despois cara a outras rexións, e fundamentalmente coa formación de mercados. Os foros eran estatutos que establecían os privilexios e a forma de rexer a unha comunidade, outorgados normalmente polo monarca, aínda que non só por el, á xente que poboaba un pobo. Como resultado, o consello do pobo era dependente do seu señor, converténdose así os foros no sistema máis empregado para poboar Navarra e máis tarde Aragón. O primeiro foro vai ser entregado ó conde Ferrán González de Castrojeriz durante a década de 940.

Nunha primeira vaga de colonización, a refírese a un grupo de campesiños que cruzaban as montañas e se asentaban nas terras despoboadas da conca do Douro para practica-la agricultura. A monarquía asturiana promovía este sistema de outorgar ao campesiñado toda a terra que puidera traballar e defender como propiedade del. Máis adiante tamén os grandes señores asturianos e galegos, así como tamén o clero, e sobre todo os mosteiros beneditinos enviarían as súas propias expedicións con campesiños aos que dominaban mediante relacións feudais, o que creará toda unha rede na fronteira. Co tempo so primeiros campesiños libres irán desaparecendo e tódolos campesiños devirán en vasalos feudais.

Foi precisamente coa aparición do feudalismo, a principios do século X, cando a conquista acelerouse polo desexo dos señores feudais, incluídos os reis, de conseguir novas terras. A partir deste momento as cidades e os pobos gañaron maior importancia co rexurdimento do comercio e a expansión monetaria á baixa Idade Media. Tamén a fortaleza da monarquía permitiu controlar en meirande parte o proceso de colonización e regular a emigración cara o sur das poboacións feudalizadas. Así fai falla diferenciar entre as terras directamente poboadas polos reis, basicamente as cidades e vilas aínda que non unicamente, e as doazóns en feudo a señores feudais laicos, mosteiros e ordes militares que atraían poboación concedéndolles rendas menos fortes cás que tiñan os seus lugares de orixe, onde o feudalismo facía séculos que estaba consolidado

A partir do século XIII, cando a monarquía xa dominaba o proceso, a colonización organizouse mediante as coñecidas reparticións, polas que os monarcas repartían o territorio conquistado a al-Ándalus. As doazóns podían ser directamente a labregos en pequenas proporcións, ou ben a señores feudais que posteriormente repartirían a outros labregos. Con este método vaise colonizar os reinos de Mallorca, Valencia, Murcia, Sevilla e Xaén, e máis tarde o de Granada.

Al-Ándalus ante a conquista cristiá

Spain Andalusia Cordoba BW 2015-10-27 13-54-14
Mesquita de Córdoba
Almoravid map reconquest loc
Expansión dos reinos cristiáns
CastillaLeon 1360
Os reinos peninsulares no ano 1360
Artigo principal: Al-Ándalus.

A situación de al-Ándalus durante os séculos X e XII tiveron un papel moi importante no desenvolvemento dos reinos cristiáns.

No ano 923 o emir de Córdoba Abd ar-Rahman III, líder da dinastía Umayyad, declarouse califa independente da dinastía Abásida, de Bagdad. Tomou todo o poder relixioso e político, e reorganizou o exército e a burocracia. Despois de gañar o control dos gobernadores disidentes, o califa quixo rematar co liderado cristián da península atacándoos varias veces. Abd-ar-Rahman tornouse en títere so as mans do grande visir Almanzor (al-Mansur, o vitorioso). Almanzor iniciou unha forte campaña contra os reinos cristiáns, atacando e saqueando Burgos, León, Pamplona, Barcelona e Santiago de Compostela até a súa morte en 1002.

Á morte de Almanzor I en 1031 al-Ándalus padeceu guerras civís que acabaron co xurdimento das taifas. As taifas eran pequenos reinos establecidos polos gobernadores das cidades que conseguiron lograr a súa independencia. Como resultado van emerxer ata 34 reinos que loitaron entre si por anexionar novos territorios baixo a súa influencia.

Cando Afonso VI de Castela (1040-1109) conquistou en 1085 Toledo os dirixentes de al-Ándalus, non sen grandes temores, decidiron pedir auxilio ós guerreiros almorávides, bérberes neoconversos que tiñan unha visión estrita e pouco cultivada do Islam. Yusuf Ibn Tasufin entrou co seu exército á Península Ibérica en varias ocasións (1086, 1088 e 1093) e atopouse cunha terra fértil e próspera, mais tamén observou o que para el era unha flexibilización dos preceptos doutrinais do islam e unha excesiva tolerancia cos xudeus e os cristiáns. Isto provocoulle a determinación de apoderarse destes reinos, animado pola división entre as diferentes taifas. Completou a conquista de Al-Ándalus en 1090, a excepción da taifa de Valencia, que foi conquistada en 1094 polo mercenario castelán denominado O Cid, que a mantivo ata 1102.

Os merinides foron a dinastía bérber que sucedeu os almohades en Marrocos, dende mediados do século XIII a principios do XV. Os merinides interviron de xeito decisivo na política do reino nazarí de Granada, onde tiñan un exército permanente. O seu obxectivo estratéxico, nun principio, foi o de dominar o estreito de Xibraltar por tal de ter o control do comercio entre o Mediterráneo e o Atlántico. Deste xeito, os merinides entraron no sur de al-Ándalus en 1224, para apoiar ós reis granadinos, enfrontándose directamente cos cristiáns. O enfrontamento polo dominio do estreito de Xibraltar coñécese como a batalla do Estreito, entre Castela, en ocasións co apoio naval da Coroa de Aragón, e a alianza nazarí-merinida, entre 1263 e 1350.

Xaime I de Aragón conquistou boa parte do oriente peninsular, primeiro coa conquista de Mallorca (1229) e máis serodiamente coa conquista de Valencia (1238). Mentres tanto os casteláns obtiveron vitorias importantes, como a conquista de Tarifa (1292) e a de Xibraltar (1308), pero as incursións granadinas, a frustrada croada castelán-aragonesa de 1309 e o desastre de la Vega (1319), igualaron as forzas cristiás e musulmás.

Así pois a crecente ameaza nazarí-merinida relanzou a conquista feudal entre 1327 e 1344. Cara 1330 Granada decantouse por outra alianza co sultán merinido Abul-Hasan (1331-1351), disposto a unha guerra aberta contra os cristiáns. Deste xeito, os merinidos chegaron a recuperar os portos de Tarifa, Alxeciras, Xibraltar (1333) e Rota.

Afonso XI de Castela fortaleceu Castela durante as treguas, e en 1339 xuntou as súas tropas coas de Pedro IV de Aragón e Afonso IV de Portugal. En agosto de 1340 un grande exército merinido desembarcou nas costas peninsulares e asediou Tarifa (agora en poder dos casteláns). O enfrontamento definitivo tivo lugar na batalla do río Salgado (30 de outubro de 1340), onde as tropas castelás e os seus aliados, derrotaron ó exército nazarí-merinido de Abul-Hasan e o nazarí Iusuf I (1333-1354), quen tiñan un exército moito máis numeroso, mais peor armado e de inferior táctica. Coa moral recuperada Afonso XI conquistou Alcalá la Real (1341), derrotou ós nazarís na Batalla do río Palmones (1343) e despois de dous anos de sitio tomou Alxeciras (marzo de 1344). En 1349 intentou conquistar Xibraltar, pero morreu de peste durante o sitio (marzo de 1350). Coas súas vitorias, Afonso XI destruíu o derradeiro apoio norteafricano de al-Ándalus. Dende mediados do século XIV, Granada quedou illada do Magreb. O imperio merinido foi desintegrándose lentamente á morte de Abul-Hasan, aínda que permaneceron na Península ata 1374.

A evolución política dos Reinos Cristiáns

Fernando, rei de León e Castela, salientou na loita contra os musulmáns recuperando moitas terras, entre as que se atopaba Coimbra (1064), alargando así definitivamente os límites da reconquista até o Mondego. Este monarca desenvolveu o territorio entre o Douro e Mondego, o cal aparece designado por Portucale, separadamente dos outros territorios de Galiza, con dous distritos ou condados – Portugal e Coimbra – gozando de autonomía administrativa, con maxistrados propios. Fernando I, ao falecer (1065), repartiu os seus dominios polos fillos: Sancho ficou con Castela, Afonso con León e Asturias, e García con Galiza (e por tanto co condado de Portugal), transformado en reino independente. Despois de varias loitas entre os irmáns, morto Sancho e destronado García, Afonso VI de Castela reúne novamente todos os estados de seu pai, tornándose así rei de León, de Castela e de Galiza.

Asturias e León

Artigo principal: Reino de León.

Afonso III de Asturias vai facer de León a súa nova capital e vai repoboar esta rexión estratéxica. Dende esta cidade o rei vai comezar unha serie de campañas para controlar as terras ó norte do Douro. Reorganiza os seus territorios en ducados maiores (Galiza e Portugal) e condados maiores (Saldaña e Castela) e fortifica as fronteiras con abundantes castelos. No ano da súa morte nacera xa o Reino de León. Con esta nova situación de poder, o seu herdeiro Ordoño I de Oviedo ataca Toledo e Sevilla. O califato de Córdoba, que ata arestora non estaba dividido, ataca León. Navarra alíase con Ordoño contra Abd-al-Rahman, mais vai ser derrotado na Batalla de Valdejunquera en 920. Durante os seguintes 80 anos o reino de León sofre diversas guerras civís, ataques dos andalusís, disputas internas e asasinatos, o cal vai resultar na independencia parcial de Galicia e Castela enfeblecendo as forzas cristiás.

Ramiro II de León, aliado do conde Ferrán González de Castela, derrota o califa na batalla de Simancas no ano 939. Despois desta batalla Ramiro consegue 12 anos de paz, mais ten que conceder a González a independencia de Castela coma pagamento pola súa axuda durante a batalla. Afonso V finalmente derrota a Almanzor. Afonso V anexiónase Aragón no século X e espalla o seu control sobre a Francia do sur.

Navarra

Artigo principal: Reino de Navarra.

Navarra rebélase no 810 contra a influencia francesa e Iñigo Arista proclámase rei no 810. Durante as últimas décadas do século X, o rei García II de Navarra recibiu Biscaia de Castela, e baixo o seu reinado Navarra converteuse no reino hexemónico da Península. O seu fillo, Sancho o Grande, que reinou de 1004 a 1035, anexionou Castela ó reino co seu matrimonio, conquistou Sobrarbe e Ribagorza e fixo do reino de León o seu vasalo ó matar ó único fillo do rei Bermudo III. Seguindo o costume navarra, Sancho dividiu o reino entre os seus fillos: Castela (e Biscaia) para Fernando, Navarra e a Rioxa para Sancho IV de Navarra, o condado de Aragón para Ramiro, e Sobrarbe e Ribargorza para Gonzalo. Ramiro matou ó seu irmán Gonzalo e anexionou os seus dominios, mentres que Fernando, que se fixo rei, casou coa filla de Bermudo III converténdose en rei de León e Castela.

En 1512, Fernando o Católico tomouna, quedando así Castela, Aragón e Navarra baixo a mesma coroa.

Coroa de Aragón

Artigo principal: Coroa de Aragón.
Entrada de Jaume I a València
Conquista de Valencia (1238). Pintura mural

A independencia do condado de Barcelona sucedeu, de facto, durante o reinado do conde Borrell II, quen ó padecer o ataque de Barcelona por parte de Almanzor en 985, demanda a axuda por vasalaxe ó rei franco, pero non a recibirá. Ó cambiar a dinastía franca dos carolinxios polos capetos, Hugo Capeto demanda a renovación da vasalaxe a cambio de protección (maio de 987), Borrell II declararía que a nova dinastía de Francia non eran os gobernadores lexítimos de Francia e por tanto, do seu condado.

Aragón constituirase como reino no 1035 na figura de Ramiro I de Aragón trala unión dos condados, antes vasalos de Francia, de Aragón, Sobrarbe e Ribagorza.

O Reino de Aragón conquista o Reino de Valencia e as Illas Baleares chegando ata Murcia, que logo pasaría a formar parte do Reino de Castela.

Na etapa final da Reconquista, onde se recollen os froitos das Navas de Tolosa, Castela e Portugal conquistan pouco a pouco os territorios ó sur, mentres que a Coroa de Aragón expándese polo Mediterráneo e polo sur de Francia, participando en conflitos como a Guerra dos Cen Anos.

Ó remate da Reconquista os Reis Católicos, unificarían por unión dinástica Castela e Aragón baixo un mesmo reinado.

Castela

Artigo principal: Coroa de Castela.

No ano 929, o Condado de Castela independizouse de León co conde Fernando González, pero a Coroa de Castela, como entidade histórica, comeza no século XIII, cando Fernando III de Castela coróase rei de Castela e rei de León, o cal incluía os reinos de Galicia e Asturias. A unión entre os dous reinos xa se producira en ocasións anteriores, en 1037 grazas a Fernando I de Castela e en 1072 con Afonso VI de León para separarse de novo en 1157, sendo esta a definitiva.

Fernando I de Castela foi o rei máis importante da segunda metade do século XI. Conquistou Coimbra e atacou os reinos andalusís, esixíndolles un tributo. A estratexia de Fernando era continuar pedindo tributos até que a taifa estivera moi debilitada militar e economicamente. Continuando coa tradición navarra, antes da súa morte dividiu o reino entre os seus fillos. Sancho II de Castela quería reunir o reino do seu pai, e atacou ós seus irmáns. Sancho foi asasinado en Zamora en 1072, e o seu irmán Afonso VI tomou León, Castela e Galicia.

Afonso VI, o Valente, colonizou con poboación dos seus reinos as zonas de Segovia, Ávila e Salamanca. Ó ter asegurado as fronteiras, o rei Afonso conquistou o poderoso reino andalusí de Toledo en 1085. Toledo, a antiga capital dos visigodos, era unha localidade ideoloxicamente moi significativa, e a conquista fixo de Afonso un dos reis máis recoñecidos do mundo cristián. Adoptou o título de Imperator totious Hispanie ("Emperador de todas as Españas", no sentido xeográfico do termo). Afonso aplicou unha política moito máis agresiva contra as taifas, que pediron o apoio dos almorávides africanos.

Portugal

Artigo principal: Reino de Portugal.

O 24 de xuño de 1129 produciuse a Batalla de San Mamede na que Afonso Henriques venceu á súa nai, Tareixa de León e Núñez, adquirindo e controlando o condado portugués, declarándoo principado independente. En 1139, baixo o título de conde de Portugal, despois da vitoria na Batalla de Ourique contra un continxente musulmán, Afonso autoproclamouse Rei de Portugal, co apoio das súas tropas.

Segundo a tradición, a independencia de Portugal vai ser confirmada máis adiante nas míticas cortes de Lamego, cando recibiu do arcebispo de Braga a coroa de Portugal, aínda que estudos recentes cuestionan a reunión destas cortes. O recoñecemento de Castela chegou o 5 de outubro de 1143 e debeuse ó desexo de Afonso VII de Castela de ser emperador (e como tal, necesitaba doutros reis como vasalos). Afonso Henriques tentou consolidar a súa independencia, con importantes conquistas de terra ó sur, como a conquista de Lisboa o 24 de outubro de 1142 e Santarém o 15 de marzo, co apoio dunha poderosa escuadra de 160 barcos. Polas súas conquistas, que en máis de corenta anos duplicou o territorio que o seu pai lle legara, foi nomeado O Conquistador, a pesar de que tamén foi coñecido como O Fundador e O Grande.

Os Reis Católicos e a conquista do Reino de Granada

La Rendición de Granada - Pradilla
Entrega das chaves de Granada á reina Isabel por Boabdil nunha recreación do século XIX
Artigo principal: Reino de Granada.

A finais da Idade Media a Península estaba dividida en catro reinos cristiáns: Castela, Aragón, Navarra e Portugal, e al-Ándalus reducírase ó reino musulmán de Granada gobernado por Abu 'Abd Allāh o Boabdil.

Henrique IV de Castela procurou a alianza con Portugal. Para obtela, casou á súa filla Xoana a Beltranexa con Afonso V de Portugal. Non obstante a súa irmá, a infanta Isabel I de Castela, que aspiraba á coroa, casou con Fernando II de Aragón e despois da morte de Henrique, reclamou todo o territorio castelán. Despois da guerra civil castelá entre partidarios de Isabel, co apoio de Aragón, e os partidarios de Xoana, co apoio de Galiza e Portugal, Isabel permaneceu no trono.

A alianza castelán-aragonesa conquistou Granada en 1492 e en 1512 Navarra foi anexionada á Coroa de Aragón, pasando despois á de Castela en 1515. Posteriormente, desaparecido por completo al-Ándalus, a expansión feudal e o proceso de colonización continuou ó norte de África, as Canarias e á recentemente descuberta América.

Vida e cultura na época da Conquista

Linguas e relixión

Teruel - Torre de la catedral
Arte Mudéxar. Torre da Catedral de Teruel

Tamén nos territorios que volveran a pasar baixo o dominio dos reis cristiáns seguían vivindo musulmáns. Así se producía un intercambio cultural importante entre musulmáns e cristiáns que se reflectiría na inclusión de arabismos nas linguas peninsulares (catalán, castelán, astur-leonés e galaico-portugués). Xunto con estas dúas relixións coexistía a xudía. Sabían, ademais do hebreo, o árabe e o castelán, polo que tiñan un papel importante na tradución de textos a diversos idiomas (xunto con tradutores cristiáns na Escola de Tradutores de Toledo). A figura cultural xudía máis importante é o filósofo Moisés Maimónides. Grazas á tradución ao latín, os textos árabes terían difusión noutros países europeos e non foi menos importante o feito de que os árabes conservaran e traducido unha inmensa cantidade de textos gregos e latinos, que por esta vía volveron ser parte da cultura europea.

Os Reis Católicos acabaron a reconquista da Península a principios de 1492. Ese mesmo ano expulsaron ao rei Boabdil, da dinastía Nazarí, coa toma de Granada. A tolerancia relixiosa que houbera até entón deixou de selo coa expulsión dos xudeus en 1492. Acabou de todo un século despois, coa expulsión dos mouriscos, homoxeneizando así toda a península en materia de relixión.

Con todo, aínda hoxe en día quedan na Península recordos daquela época: unhas 4000 palabras de orixe árabe (moitos nomes e substantivos aínda que moi poucos verbos), empregadas loxicamente con maior profusión canto máis ao sur, monumentos da época (fortalezas como a Alhambra, mesquitas como a de Córdoba) e elementos artísticos (ornamentos, mosaicos) en igrexas cristiás.

Grupos sociais froito da Conquista

Durante o proceso da conquista vanse a orixinar diversos grupos sociais como consecuencia do contacto entre distintas sociedades e culturas:

  • os mozárabes: as minorías cristiás das terras controladas polos musulmáns; a maioría van acabar converténdose ó islam para aforrarse o tributo especial, e outros emigraron cara os reinos cristiáns do norte durante os tempos de persecución.
  • os muladís: os cristiáns ou pagáns que que se converteron ó islam despois da chegada dos musulmáns, a meirande parte da poboación hispano-romana.
  • os conversos: xudeus que se converteron ó cristianismo voluntariamente ou pola forza despois do decreto de expulsión dos xudeus de 1492; algúns deles serían criptoxudeus que practicaron o xudaísmo en segredo.
  • os mudéxares: os musulmáns que habitaban nas terras que conquistaran os cristiáns, a grande maioría labregos; despois das conversións forzosas do século XVI foron coñecidos como mouriscos, e foron expulsados definitivamente en 1609.

Notas

  1. Garcia Fitz, Francisco (25/03/2009). "La reconquista: un estado de la cuestión" (PDF). Clio y Crimen (en castelán) (6): 142–215. ISSN 1698-4374. Consultado o 02/03/2018.

Véxase tamén

Outros artigos

Afonso III de Portugal

Afonso III de Portugal, nado en Coimbra o 5 de maio de 1210 e finado en Lisboa o 16 de febreiro de 1279, alcumado O Boloñés por ter sido casado coa condesa Matilde II de Boloña e ter vivido naquela rexión, foi o quinto rei de Portugal. Afonso III era o segundo fillo do rei Afonso II e da súa muller Urraca de Castela, e sucedeu ao seu irmán Sancho II en 1248.

Afonso VII de León

Afonso Raimúndez, o Emperador, nado en Caldas de Reis o 1 de marzo de 1105 e falecido en Fresneda (quizais El Viso del Marqués) o 21 de agosto de 1157, foi rei de Galiza, León e Castela, o primeiro da dinastía de Borgoña. Foi fillo de dona Urraca (filla á súa vez de Afonso VI) e do seu primeiro marido, o conde Raimundo de Borgoña.

Afonso VII integrou na monarquía leonesa aquel sector da nobreza galega rebelde que representaba a Casa de Traba. Pero tamén foi o rei que inauguraba a política de apoio á Igrexa, e polo tanto foi o primeiro que aplicou un certo criterio de centralización política.

Al-Andalus

Al-Andalus (en árabe: الأندلس) foi o nome dado á Península Ibérica polos seus conquistadores islámicos do século VIII, sendo empregado para se referiren á península independentemente do territorio politicamente controlado polas forzas islámicas.

Inicialmente integrado na provincia norteafricana do imperio omeia, o Al-Andalus sería un emirato (756–929) e posteriormente un califato independente do poder abbásida (929–1031). Coa disolución do califato en 1031, o territorio pulverizouse en varios reinos de Taifas.

Coa reconquista dos territorios polos cristiáns, descendentes dos hispanovisigodos, que se refuxiaran nas zonas do norte da Península, nun proceso que ficou designado historicamente por Reconquista, o nome Al-Andalus foise adecuando ó cada vez menor territorio baixo ocupación árabe-musulmá, na metade sur da península, aproximadamente a mesma area da antiga provincia romana Bética, cuxas fronteiras foran progresivamente empurradas para o sur, até a toma de Granada polos Reis Católicos.

Arquidiocese católica latina de Toledo

A arquidiocese de Toledo (en latín: Archidioecesis Toletana) é unha sé metropolitana católica de rito latino. En 2010 tiña 636.477 bautizados sobre unha poboación total de 719.482 habitantes. En 2009 foi nomeado arcebispo Braulio Rodríguez Plaza.

Bernardo González del Valle

Bernardo González del Valle, coñecido como Cachamuíña, nado na aldea de Cachamuíña (O Pereiro de Aguiar) o 23 de marzo de 1771, e finado o 6 de setembro de 1848, foi un militar galego, coñecido polo seu papel na reconquista de Vigo en 1809 na Guerra da Independencia Española.

Calatayud

Calatayud é un concello e unha cidade española, da comunidade autónoma de Aragón e da provincia de Zaragoza, capital da comarca do mesmo nome, a Comunidad de Calatayud. A poboación do municipio era de 21.040 habitantes no ano 2007, nunha superficie de 154,20 km². Dista 86 km da cidade de Zaragoza.

Casa de Correos e Telégrafos de Vigo

A Casa de Correos é un edificio histórico situado na Praza de Compostela, na esquina coa rúa da Reconquista, 2, no centro da cidade de Vigo. Dende a súa construción foi a sede principal da compañía estatal de correos e telégrafos.

Castela

Castela (en castelán: Castilla) é o nome dunha rexión histórica española que se corresponde con parte dos territorios pertencentes ao antigo Reino de Castela.

A primitiva Castela xurdiu durante as orixes da Reconquista na cabeceira do Ebro, ante o pulo de cántabros e vascóns. Dependendo dos autores e as épocas, considérase composto de territorios diferentes. A evolución histórica fai aínda máis imprecisos os seus compoñentes: o Reino de Castela foi nun primeiro momento un condado dependente do Reino de León, que finalmente se separou deste, e posteriormente formou parte, xunto a outros reinos, da Coroa de Castela.

Así, o nome de Castela empregouse na Baixa Idade Media para denominar á Coroa de Castela, o conxunto de todos os territorios dos monarcas da Coroa (por contraposición ao resto de reis hispánicos, os de Aragón, Navarra e Portugal).

Edificio da Equitativa

O Edificio da Equitativa (La Equitativa) é un inmoble senlleiro que se atopa no chafrán das rúas Marqués de Valladares e Reconquista, no centro da cidade de Vigo. O edificio proxectouno en 1948 o arquitecto asturiano Manuel Cabanyes Mata nun estilo academicista monumentalista, con toques clasicistas, mantendo unha linguaxe característica desta etapa de posguerra con ornamentación que lembra o eclecticismo. O edificio foi deseñado para acoller a sede dunha compañía aseguradora (hoxe integrada en AXA) e vivendas.

La Equitativa era unha filial española da compañía de seguros estadounidense The Equitable Life Assurance Society of the United States. No século XIX a compañía coñecíase en España co nome La Equitativa de los Estados Unidos, porén o nome veuse acurtado a La Equitativa logo de que en 1898 o pobo arrincase o escudo dos EUA que decoraba o pazo madrileño da empresa por mor da guerra de Cuba.

Trátase dun edificio simétrico no cruzamento das rúas Marqués de Valladares e Reconquista, que forman un chafrán arredondado, onde o edificio ten a súa entrada principal. A fachada é de cantaría de granito galego, e conta con soto na baixada da rúa, planta terrea, un elevado entresollado, cinco andares e un andar adicional no chafrán a xeito de corpo torreado de decoración clasicista e rematado cun pavillón circular con columnas toscanas pareadas e unha fornela da deusa da xustiza, coa balanza na man e a verba Equitas gravada na peaña, símbolo da compañía aseguradora. Cómpre salientar as cornixas sobrevoadas,a primeira separa o entresollado do resto dos andares e a segunda rematando os andares antes de se elevar a torre. O segundo andar do chafrán ten un balcón corrido sustentado sobre canzorros. O entresollado ten unhas pilastras decorativas e grandes columnas par da porta principal que resaltan o uso comercial desta parte do edificio.

Fernando III de Castela

Fernando III de Castela, alcumado o Santo, nado en Peleas de Arriba (provincia de Zamora) en 1199 ou o 24 de xuño de 1201 e finado en Sevilla o 30 de maio de 1252, foi rei de Castela e Toledo desde 1217, rei de Galiza e de León desde 1230, e Conde de Aumale por casamento desde 1235, até a súa morte.

Uniu definitivamente os reinos de León e Castela e consolidou a Reconquista, deixando por conquistar apenas o reino tributario de Granada. Foi canonizado en 1671, sendo coñecido tamén como San Fernando.

Guerra da Independencia española

A guerra da Independencia española, tamén coñecida coma Francesada, guerra do francés ou guerra contra o francés, foi o conflito armado que, entre 1808 e 1814 sacudiu a Península Ibérica como consecuencia da entrada das tropas napoleónicas en España co pretexto de invadir Portugal. O Levantamento do 2 de maio contra os invasores foi espontáneo e popular e iniciouse o 2 de maio de 1808, cando o alcalde de Móstoles, Andrés Torrejón, redacta un bando no que insta á poboación a levantarse en armas para socorrer o rei Fernando VII, que estaba retido por Napoleón Bonaparte. Esta guerra está dentro do contexto de guerras napoleónicas.

Irlanda celta

Irlanda celta ou Irlanda gaélica corresponde á orde política establecida na illa de Irlanda ata a conclusión da reconquista Tudor de Irlanda. Durante a maior parte deste período, Irlanda foi un mosaico de clans e tribos organizados en torno a catro provincias históricas e que competían continuamente polo control do territorio e os recursos.

A finais do século XII produciuse a coñecida invasión normanda, que situaría a unha parte importante da illa baixo o control da nobreza cambro-normanda. Esta área controlada polos invasores recibiría o nome de Señorío de Irlanda. Porén, durante os séculos seguintes, a Irlanda gaélica recuperaría terreo, ben mediante a conquista, ben mediante a asimilación cultural dos acabados de chegar. A finais do século XV, unicamente unha pequena franxa de terreo en torno a Dublín (coñecida como "Pale") quedaba fóra da influencia gaélica.Porén, o acceso ó poder da dinastía Tudor en Inglaterra provocaría unha serie de campañas militares para someter a resistencia da nobreza gaélica. En 1541, o Señorío de Irlanda transformouse no Reino de Irlanda, cuxa coroa recaía no rei de Inglaterra e a posterior "Fuga dos Condes" en 1607, significaría a fin da reconquista Tudor da illa e da Irlanda celta propiamente dita.

Palenciana

Palenciana é un municipio español da provincia de Córdoba, Andalucía. No ano 2007 tiña 1.594 habitantes. A súa extensión superficial é de 17 km² e tiña unha densidade de 92,9 hab/km². As súas coordenadas xeográficas son 37º 15' N, 4º 35' O. Encóntrase situada a unha altitude de 399 metros e a 104 quilómetros da capital de provincia, Córdoba.

Palenciana debe o seu nome ao seus fundadores, que foron uns antigos palentinos da época da reconquista que se dedicaron á tala de aciñeiras para facer carbón alá polo século XIII.

Está situada ao sur da provincia de Córdoba, entre os Llanos de Antequera e a Subbética cordobesa, xunto ao río Genil. A Palenciana chégase por El Tejar desde a estrada nacional 331 e desde Antequera por estrada provincial.

Península Ibérica

A Península Ibérica é unha península do suroeste de Europa. Está arrodeada polo mar Mediterráneo, o Océano Atlántico e os Pireneos, que separan a península do resto do continente. Politicamente, abrangue os estados de Portugal, España e Andorra, estes dous últimos fronteirizos con Francia. Xibraltar, territorio británico situado ó sur de Andalucía con apenas unha trintena de quilómetros. Polo sur, a península está separada do continente africano (Marrocos) polo Estreito de Xibraltar.

Reconquista de Vigo

Chámase Reconquista de Vigo ao alzamento popular que, no contexto da Guerra da Independencia española, ocorreu en Vigo o 28 de marzo de 1809, cando a tropas do exército do Primeiro Imperio Francés de Napoleón Bonaparte saíron da vila. Os vigueses, encabezados polos militares Pablo Morillo e Bernardo González “Cachamuíña” conseguiron expulsar os galos da vila, converténdose na primeira de Europa en facelo. Por estes feitos, o rei Fernando VII outorgou en 1810 o título de cidade “fiel, leal e valorosa”.

Rúa Reconquista de Vigo

A rúa Reconquista é unha rúa da cidade olívica que debe o seu nome, dende maio de 1882, á conmemoración da expulsión do exército francés, o 28 de marzo de 1809, por parte dos vigueses. Liga a rúa Policarpo Sanz coa praza de Compostela.

Século VIII

século VII < século VIII > século IX

Tempo que transcorre dende o 1 de xaneiro de 701 ata o 31 de decembro de 800.

Acontecementos destacados

711, os árabes desembarcan na Península Ibérica.

718, os bizantinos deteñen o avance musulmán no sitio de Constantinopla.

Paio á fronte dos últimos resistentes Visigodos fai abortar en Covadonga o perigo dunha incursión musulmá polo Norte, e dá inicio ao proceso de reconquista dos territorios hispánicos.

732, os cristiáns de Carlos Martel deteñen o avance árabe en Poitiers (Francia).

750, a dinastía dos Omeias é substituída pola dos Abásidas.

751, Pipino o Breve funda a dinastía Carolinxia.

Século XV

século XIV < século XV > século XVI

Tempo que transcorre entre o 1 de xaneiro de 1401 e o 31 de decembro de 1500. É o derradeiro século da Idade Media e o primeiro da Idade Moderna.

Acontecementos importantes

Revoltas irmandiñas en Galicia.

Caída de Constantinopla, os turcos conquistan Constantinopla. Fin do Imperio Romano de Oriente.

Fin da reconquista en España

Fin da guerra dos cen anos entre Inglaterra e Francia.

Renacemento e Quattrocento italiano.

Johannes Gutenberg inventa a imprenta.Personaxes destacadas

Os Reis Católicos de España.

Leonardo da Vinci en Italia.

Zamora

Zamora é unha cidade situada en Castela e León, capital da provincia de Zamora. En 2017 tiña 62 389 habitantes. Está atravesada polo río Douro, que continúa cara a Portugal.

Artisticamente ten numerosas igrexas de estilo románico, destacando a súa catedral, do mesmo estilo. Esta cidade tivo a súa etapa de maior importancia política durante a Reconquista.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.