Recaredo

Recaredo I foi rei dos visigodos, fillo e sucesor de Leovixildo, reinou desde o 586 ao 601, ano da súa morte en Toledo. Irmán de Hermenexildo, foi asociado ao trono polo seu pai, o que levantou as protestas dos nobres visigodos, que viron nesta acción o intento de institucionalizar o herditarismo na monarquía visigoda caracterizada precisamente polo seu carácter electivo.

Casou por dúas veces: a súa primeira esposa chamábase Bauda (tamén aparece en escritos como Baddo) e a súa segunda esposa foi Clodosvinda, filla de Sixeberto I rei de Austrasia, con quen tivo ao futuro rei visigodo Suintila.

Combateu aos francos, aos bizantinos da Bética e aos vascóns, e houbo de sufocar varias revoltas dos nobres visigodos.

O feito máis destacado do seu reinado produciuse no 589, cando convocou o Terceiro Concilio de Toledo no que, xunto con varios nobres e dignatarios eclesiásticos, anatemizou dos erros do arianismo e converteuse ao catolicismo co seu pobo, tan só se produciu algunha revolta illada que foi facilmente sufocada.

Predecesor:
Leovixildo
 Rei dos visigodos 
586-601
Sucesor:
Liuva II
Recaredo
Recaredo I, rey de los Visigodos (Museo del Prado)
Nacemento559
 Sevilla
Falecemento31 de maio de 601 e 21 de decembro de 601
 Toledo
NacionalidadeReino Visigodo
Ocupaciónmonarca
PaiLeovixildo
CónxuxeBaddo
FillosLiuva II e Suintila
IrmánsSão Hermenegildo
Reccared I Conversión, by Muñoz Degrain, Senate Palace, Madrid
Conversión de Recaredo I.

Véxase tamén

Outros artigos

Arte visigótica

A arte visigótica é aquela que designa as expresións artísticas creadas polos visigodos, que entraron na Península Ibérica no ano 415 e se converteron no pobo dominante da rexión até a invasión musulmá no 711. Este período da arte ibérica se notabiliza pola arquitectura, artesanado (especialmente ourivaría) e a escrita visigótica. O impulso artístico provén da man de Santo Isidoro (As Etimoloxías) e maila unidade política e relixiosa de Recaredo.

Concilios de Toledo

Concilios de Toledo é o nome que reciben os dezaoito concilios celebrados en Toledo entre o ano 397 e o 702, e salvo o primeiro, acaeceron durante a dominación visigoda da Península Ibérica. Na España Visigoda existiron asembleas de representación colectiva: o chamado Senatus e os Concilios de Toledo.

As reunións visigodas conciliares foron de dúas clases: provinciais, que agrupaban o episcopado provincial baixo a presidencia metropolitana; e xenerais, que agrupando os bispos do reino, trataban temas de interese común.

Estas asembleas político-relixiosas da monarquía visigótica eran convocadas polo Rei e presididas polo Arcebispo máis antigo (posteriormente polo de Toledo), onde a representación se reducía ás altas xerarquías eclesiásticas e á nobreza.

O III Concilio de Toledo de 589 foi o primeiro en ter carácter xeral, e nel decidiuse o abandono do arianismo polos xerarcas visigodos e a conseguinte incorporación política dos hispanorromanos, momento no que se produciu a conversión de Recaredo e os godos ao catolicismo.

No IV Concilio de Toledo de 633 sancionouse o carácter electivo da monarquía visigoda. Durante estes Concilios tomáronse decisións respecto aos límites do poder real, pero moitos foron usados para legalizar golpes de forza e usurpacións, e algúns impuxeron medidas represivas contra os xudeus, como o XVII Concilio de Toledo do ano 694.

Década de 580

A década de 580 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 580 e remata o 31 de decembro de 589.

Leovixildo

Leovixildo, nado cara ao 525 e finado en Toledo o 21 de abril de 586, foi rei dos visigodos desde o ano 572 ata a súa morte, e rei de Galiza desde o 585.

Lista dos reis visigodos

Lista dos reis visigodos.

Liuva II

Liuva II foi un rei visigodo (583-603) que reinou do 601 ao 603. Sucedeu ao seu pai Recaredo e accedeu ao trono cando contaba uns 18 anos. Á súa mocidade e inexperiencia, uníaselle a súa orixe bastarda (era fillo de nai da plebe), o cal fixo que contase con poucos apoios na nobreza visigoda.

Traxectoria

Na primavera do 602, o godo Viterico, quen traizoara a conspiración de Sunna de Mérida para restablecer o arrianismo o 589, (segundo algúns autores ou simple e sinxelamente para apropiarse do trono, segundo outros); conseguiu o mando do exército que ía loitar contra os bizantinos. Seguramente a traizón de Viterico aos conspiradores colocouno nunha posición de máxima confianza, e grazas a iso obtivo o mando do exército, no cal colocaría a homes da súa confianza. No canto de expulsar aos bizantinos, Viterico utilizou as tropas para dar un golpe de estado (primavera do 603). Penetrou no Palacio Real e depuxo ao novo rei, contando sen dúbida co apoio dunha facción da nobreza probablemente hostil á dinastía de Leovixildo (aínda que non aos principios políticos deste rei). Viterico fixo que se amputase a Liuva II a man dereita (o que lle imposibilitaba para reinar), e máis tarde fíxoo condenar á morte e executar (verán do 603).

Recaredo II

Recaredo II foi rei dos visigodos (621) logo do seu pai Sisebuto. Contaba só uns poucos anos cando sucedeu ao seu pai.

A súa oportuna morte aos poucos días ou semanas de reinado, morte seguramente provocada, propiciou o acceso ao trono dun nobre destacado da mesma facción no poder chamado Suintila, vencedor dos Roccóns (612) e destacado na guerra contra os bizantinos (614-615).

Recaredo Paz

Recaredo Paz Prieto, nado en Pumar (Taboadela) o 11 de abril de 1950 e falecido en Ourense o 30 de outubro de 2008 foi un activista social galego, promotor da inserción sociolaboral das persoas con discapacidade.

Recaredo Romero Nieto

Recaredo Romero Nieto, nado en Verín en 1917, foi un médico e político galego.

Reino visigodo

O reino visigodo (en gótico: Gutþiuda Þiudinassus) foi unha entidade política que xurdiu no ano 419 tras asinar a paz os visigodos cos romanos que foi concluída cun foedus co rei Walia e o seu establecemento dese pobo bárbaro no territorio da Aquitania secunda con capital en Tolosa.

O rei Eurico (466-484) rompeu o foedus tras a desaparición da familia imperial e agrandou o territorio lanzando unha ofensiva sobre Hispania e sobre a Galia con notable éxito. No ano 475 selou a paz co emperador de Oriente Xulio Nepote e Eurico foi recoñecido como rei dun amplo reino entre o Loira e Xibraltar.

No ano 507 perdeu boa parte do seu territorio ultrapirenaico conquistado por Clodoveo, tras anos de presións sobre o episcopado católico para que traizoase ao seu rei que era ariano, os visigodos só conservaron Septimania e unha parte da Provenza fóra da Península Ibérica e a capital acabou trasladándose oficialmente a Toledo no 554, entrementres o reino visigodo atravesou un período caótico ata a chegada de Leovixildo ao poder. No ano 585 os visigodos conquistan o Reino de Gallaecia e pouco despois con Recaredo convértense ao catolicismo arrenegando do arianismo, no 624 os visigodos toman as posesións bizantinas da Bética, finalmente no ano 711 desapareceu como entidade independente coa entrada dos musulmáns na península.

Sisebuto

Sisebuto (? - 621), rei dos visigodos entre os anos 612 e 621.

Sucedeu a Gundemaro no ano 612, posiblemente pertencía á mesma facción do seu predecesor. A el atribúeselle a construción da igrexa de Santa Leocadía en Toledo, e que máis tarde foi sede de catro concilios relixiosos.

Morreu en febreiro de 621 en Toledo en circunstancias estrañas e foi sucedido polo seu fillo Recaredo II.

Suintila

Suintila (? - 634) foi rei dos visigodos entre os anos 621 a 631.

Combatía contra os territorios baixo poder bizantino na Península Ibérica desde o ano 620 á ordes de Sisebuto. Ao ano seguinte foi elixido rei, despois da morte de Recaredo II.

Xa rei, Suíntila proseguiu a loita contra os bizantinos que ocupaban partes da Bética desde o século VI. Conseguiu expulsalos e fortalecer o poder visigodo na Península Ibérica.

Outro proxecto do rei foi o de reforzar a autoridade da coroa fronte á nobreza e á Igrexa. Tentou trocar a sucesión electiva visigoda pola hereditaria, mais os poderes instalados reaccionaran fortemente contra tal disposición que crearía unha liña dinástica, convertendo esta tentativa no maior fracaso de Suíntila.

En 631 Sisenando, gobernador da Septimania, organizou unha conxura que puxo fin ao reinado de Suíntila. No IV Concílio de Toledo, en 633, presidido por Isidoro de Sevilla, arcebispo de Sevilla, Suíntila foi excomulgado e todos os seus bens foron confiscados. Nese mesmo concílio, Sisenando foi lexitimado como rei, restablecendo oficialmente o carácter electivo da monarquía visigoda. Suíntila morreu un ano despois.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.