Ramón Suárez Picallo

Ramón Suárez Picallo, nado en Veloi (Sada) o 4 de novembro de 1894 e falecido en Buenos Aires o 14 de outubro de 1964, foi un xornalista e político galeguista.

Ramón Suárez Picallo
Ramón Suárez Picallo 1932
Retrato en Vida Gallega, 1932
Nacemento4 de novembro de 1894
 Veloi
Falecemento14 de outubro de 1964
 Buenos Aires
NacionalidadeArxentina e España
OcupaciónXornalista e político

Traxectoria

Suárez Picallo comezou a traballar na terra aos sete anos, e aos catorce acompañaba seu pai como mariñeiro. Emigrou el só á Arxentina con catorce anos. Traballou nunha farmacia, como mecanógrafo nunha oficina, vendendo pasteis, no departamento de publicidade do Trust de Tabacos e embarcado como lavacopas e reposteiro. Tivo unha activa participación na vida sindical e política. En 1917 a Revolución Rusa levouno a posicións máis radicais. En 1918 foi candidato a concelleiro en Buenos Aires e un ano despois candidato a senador pola provincia de San Juan.

Foise afastando da militancia comunista para se dedicar de cheo á vida sindical e gañar a vida en distintos oficios. Iniciouse como xornalista en La Argentina e de aí pasou a La República. Foi secretario de redacción do semanario Correo de Galicia de Buenos Aires desde abril de 1926 até o 16 de maio de 1931. Influenciado pola obra do Seminario de Estudos Galegos e as publicacións Nós e A Nosa Terra, colaborou na creación da Federación de Sociedades Gallegas, Agrarias y Culturales, de ideoloxía republicana federal e socialista, da que chegou a ser presidente. Organizou mitins contra a ditadura de Primo de Rivera e durante varios anos a "Semana Galega" en homenaxe a Pardo de Cela. Foi secretario de redacción e colaborador asiduo do seu órgano quincenal, El Despertar Gallego. O 30 de setembro de 1924 saíu á rúa o primeiro número da revista Céltiga impulsada por Domingo Rial Seijo e baixo a dirección colexiada de Ramón Suárez Picallo, Eduardo Blanco Amor e Eliseo Pulpeiro.

O 18 de agosto de 1925 estreou a súa obra teatral patriótica Marola no Teatro Mayo de Buenos Aires, con música de Paz Hermo e asesoría teatral de Eduardo Blanco Amor.

Homenaxe a Ramón Suárez Picallo en Sada organizado por Manuel L. Freire-Calvelo 1926
Homenaxe a Suárez Picallo en Sada organizado por Manuel L. Freire-Calvelo en 1926.

En 1926 viaxou a Europa para participar no congreso anual da Organización Internacional do Traballo que se celebrou en Xenebra. Entre os seus cometidos estaba visitar Galiza como correspondente de Céltiga e contactar cos círculos políticos daquela época. O 21 de agosto falou no Círculo de Artesáns da Coruña sobre o xurdimento do nacionalismo galego en América, acto no que foi presentado por Antón Vilar Ponte, un dos fundadores das Irmandades da Fala. O 29 estas ofrecéronlle un xantar en San Pedro de Nós, un día antes de coller o barco para a Arxentina. Durante a súa estadía en Galiza Picallo estableceu unha fonda amizade política con Antón Vilar Ponte, e posteriormente coa ORGA.

De regreso a Buenos Aires, fundou unha sección da ORGA. A Federación de Sociedades Gallegas, Agrarias y Culturales, xunto coa ORGA, resolveu enviar como delegados á Asemblea Republicana da Coruña a Ramón Suárez Picallo, Antón Alonso Ríos e Pedro Campos Couceiro.

Suárez Picallo chegou a Galiza o 4 de xuño xusto para participar o día 5 nos actos que se celebraron nos salóns do Teatro Principal da Coruña. Durante a asemblea ambos os delegados da emigración xogarían un papel moi activo. Alonso Ríos foi elixido presidente da mesma e Suárez Picallo foi proposto como candidato a deputado constituínte. Durante a campaña electoral percorreu unha chea de vilas e aldeas da Coruña. O 28 de xuño Picallo recibiu 55.054 votos, sendo elixido deputado.

En decembro de 1931 participou da fundación do Partido Galeguista, obxectivo este que se marcaran desde a emigración. Rapidamente Picallo se converteu xunto a Castelao na imaxe pública deste partido, pasando a liderar dentro do mesmo a corrente de esquerda nacionalista. Foi a presión de Picallo a que definiu a política de alianzas progresista do Partido Galeguista cos partidos que posteriormente conformaron a Fronte Popular.

Picallo tivo unha activa participación parlamentaria sendo elixido membro da comisión de Traballo e Previsión. Entre as intervencións máis destacadas de Picallo estiveron a situación dos emigrantes españois na República Arxentina e a súa repatriación e o proxecto de Constitución. Nas eleccións de 1933, aínda co retroceso electoral, obtivo 78.000 votos, que non lle chegaron para ser elixido deputado. Aproveitou para facer o bacharelato no Instituto de Ensinanza Secundaria de Lugo e posteriormente a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela.

En 1934 foi detido e encarcerado, acusado de alentar a folga xeral de Asturias.

Durante estes anos Picallo foi o director d' A Nosa Terra, escribiu en Vanguardia Gallega de Lugo, foi o vicedirector de Claridad de Santiago de Compostela e dirixiu Ser, un semanario de esquerdas. Os seus artigos foron impresos por distintos xornais de cidades españolas como El Sol de Madrid, Le Humanite de Barcelona e El Ideal Vasco.

Co triunfo da Frente Popular o 16 de febreiro de 1936, Picallo obtivo unha acta de deputado en representación do Partido Galeguista pola provincia da Coruña, obtendo 162.000 votos. Formou parte da comisión que levou Estatuto de Autonomía de Galicia a Madrid, co que o Alzamento Nacional o sorprendeu alí. O seu irmán Antonio foi paseado en Sada. Acompañou a Castelao a Barcelona e alí responsabilizouse da edición de Nova Galiza, Boletín quincenal dos Escritores Galegos Antifascistas, xornal de difusión do galeguismo durante a contenda civil.

Derrotada a República Picallo esperou ata o último momento para partir ao desterro. Con Marcial Fernández Vázquez dirixiuse a Darnius, o cruce da fronteira francesa, e desde alí ata Perpiñán. Logo trasladouse a Cherburgo, onde se embarcou no Queen Mary rumbo a Nova York.

En xullo de 1939 marchou á República Dominicana e alí exerceu durante un ano o xornalismo como director do diario La Nación. Abandonou o país cara Chile debido ás presións políticas do goberno de Trujillo. Alí comezou traballando no xornal La Opinión, para logo pasar a La Hora, órgano oficial do Partido Radical, que gobernou Chile entre 1938 e 1951, El Mercurio e El Sur da cidade de Concepción de Chile, onde tiña unha columna denominada "La Feria del Mundo". Foi a súa época máis prolífica como escritor, xa que neste período produciu o 80% da súa obra.

O 15 de novembro de 1944 participou na fundación en Montevideo do Consello de Galiza, xunto con Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Elpidio Villaverde e Antón Alonso Ríos. En 1954 viaxou por vez primeira a Buenos Aires logo de varios anos de exilio en Chile co obxecto de participar como figura principal dos actos programados pola Comisión Intersocietaria con motivo do 18 aniversario do Plebiscito de Estatuto de Galiza. Abandonou a Arxentina pola hostilidade do goberno de Perón. Volveu en 1956 para participar do Primeiro Congreso da Emigración Galega, que se celebrou desde o 24 ao 31 de xullo nos salóns do Centro Asturiano.

En 1959 Picallo fíxose cargo da Cátedra de Cultura Galega do Centro Lucense de Buenos Aires. En 1961 comezou tamén o seu primeiro curso de xornalismo, que continuou impartindo ata 1962.

Nos últimos anos padeceu unha enfermidade cardíaca que o obrigou a ser internado. Morreu no Sanatorio do Centro Galego de Buenos Aires o 14 de outubro de 1964. Foi soterrado en La Chacarita, o camposanto de Buenos Aires. En 2008 anunciouse a repatriación dos seus restos para o cemiterio do Fiunchedo en Sada, sendo enterrado alí o 14 de outubro de 2008[1].

Recoñecementos e homenaxes

Dada a súa condición sexual, o 28 de xuño de 2016 foi a figura homenaxeada no I Día do Orgullo Galego, organizado pola librería compostelá Chan da Pólvora.[2]

Obras

  • Suárez Picallo, Ramón (2008). La feria del mundo, crónicas desde Chile (1942-56). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. ISBN 978-84-96530-61-4.
  • Suárez Picallo, Ramón (2016). Querido Eduardo. Cartas de Suárez Picallo a Blanco Amor. Santiago de Compostela: Chan da Pólvora. ISBN 978-84-945701-2-4.

Notas

  1. Os restos de Suárez Picallo descansan xa en Sada.
  2. Primeiro Día do Orgullo Galego dedicado a Picallo

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

14 de outubro

O 14 de outubro é o 287º día do ano do calendario gregoriano (288ºnos anos bisestos). Quedan 78 días para finalizar o ano.

25 de xaneiro

O 25 de xaneiro é o 25º día do ano do calendario gregoriano. Quedan 340 días para finalizar o ano, 341 nos anos bisestos.

4 de novembro

O 4 de novembro é o 308º día do ano do calendario gregoriano (309º nos anos bisestos). Quedan 57 días para finalizar o ano.

A Nosa Terra (1916)

A Nosa Terra foi o voceiro das Irmandades da Fala (1916-1932) e do Partido Galeguista (1932-1936). Editouse integramente en galego e foi fundamental para o espallamento do ideal galeguista, así como para o achegamento a outras nacións. Publicáronse en total 422 números.

Ateneo de Cultura Política y Social

O Ateneo de Cultura Política y Social foi unha asociación fundada en Sada en xullo do 1935.

Naceu coma a proxección cultural e educativa da Alianza de Esquerdas da vila mariñeira. Nel estaban representados os partidos republicanos, o Partido Galeguista e as asociacións sindicais obreiras. O seu local estaba localizado na Praciña do Conde.

A directiva compúñana Juan Antonio Suárez Picallo (presidente, polo PG), Luís Castro Álvarez (vicepresidente, por IR), Amador Cubeiro Suárez (secretario, por IR), Eugenio Taibo (vicesecretario, polo Sindicato Campesino de Mondego), José Regueira (tesoureiro, polo Sindicato de Profesiones Varias de Meirás), Julio Caamaño (vicetesoureiro, polo Sindicato de Oficios Varios de Sada), Antonio Blanco Ramos (bibliotecario) Justo Rodríguez Pérez (vogal, polo PG), Antonio Carballeira Muñiz (vogal, polo PCE), Elisardo Abruñedo Arévalo (vogal) e José García y García (vogal).

No seu afán divulgativo, trouxo a numerosos e significativos conferenciantes coma Ramón Otero Pedrayo, Ramón Suárez Picallo, Nicandro Golán, Alejo Candocci, Plácido R. Castro, Rafael Fernández Casas etc. Dispuña dunha bilioteca e eran frecuentes as tertulias nocturnas de obreiros, coma lembraba R. Suárez Picallo.

Tralo golpe de estado do 18 de xullo do 1936, o seu local foi espoliado, e os seu máis significados compoñentes asasinados ou represaliados.

Consello de Galiza

O Consello de Galiza foi unha entidade política galega que se constituíu o 15 de novembro de 1944 en Montevideo e que pretendía aglutinar os deputados galegos, por riba de partidos políticos, para dotar dun órgano político a Galicia no exilio e que pretendía actuar na práctica como un goberno galego no exilio, lexitimado polo Estatuto de autonomía que se sometera a plebiscito en 1936, pero sen chegar a constituírse formalmente como a Xunta que prevía o propio Estatuto.

A iniciativa da constitución do Consello de Galiza foi de Castelao, influído polo pensamento de José Antonio Aguirre, o lehendakari no exilio. O seu primeiro presidente foi o propio Castelao e estaba formada ademais, nun primeiro momento, por Antón Alonso Ríos, Ramón Suárez Picallo e Elpidio Villaverde. Posteriormente integrouse Alfredo Somoza

Céltiga (revista)

Céltiga foi unha revista da emigración galega que se editou en Buenos Aires, Arxentina, entre 1924 e 1932.

El País (1932)

El País foi un xornal que se publicou en Pontevedra entre 1932 e 1936. Subtitulado Diario republicano, cambiou despois a Diario republicano de la tarde para denominarse nos últimos anos Diario de la tarde.

Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales

A Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales foi unha agrupación constituída en 1921 por cincuenta sociedades agrarias e culturais creadas polos galegos residentes en Buenos Aires.

Lois Pérez Leira

Lois Pérez Leira, nado en Vigo o 29 de xaneiro de 1953, é un escritor e político galego. Desde 2013 é co-voceiro de Nova Esquerda Galega.

Mariñana

Mariñana foi unha revista aparecida en Sada entre 1925 e 1926.

Milicias Populares Galegas

As Milicias Populares Galegas foron un batallón republicano formado por voluntarios de Galicia, creadas en 1936 por Santiago Álvarez e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Mitin das arengas

O mitin das arengas foi un acto celebrado o día da Patria en Santiago de Compostela en 1934 e 1935, organizado polos colectivos galeguistas do país. Nel interviron e participaron numerosas personalidades da cultura e a sociedade galega, coma Ramón Piñeiro, Emilia Docet, Castelao, Alexandre Bóveda, Otero Pedrayo, Valentín Paz Andrade, Ánxel Casal ou Ramón Suárez Picallo.

Nova Galicia

Nova Galicia pode referirse a:

Xeografía e historia

Reino de Nova Galicia, ou Novo Reino de Galicia, un dos dous únicos reinos autónomos dentro do Vicerreinado de Nova España;

Provincia de Nova Galicia, unha división do Reino de Nova Galicia que, na primeira organización da Nova España, compendía os territorios de Nayarit e Xalisco.

Nova Galicia, antigo nome dado polos conquistadores españois á illa suramericana que actualmente se coñce como Illa Grande de Chiloé, en Chile;

Nova Galicia, tamén coñecida como Galicia occidental, antigo estado da monarquía dos Habsburgo que comprendía gran parte do territorio do occidente de Polonia, que se integrou no Reino de Galicia e Lodomeria en 1795, despois da terceira repartición de Polonia.Prensa

Nova Galicia, semanario galego editado en Buenos Aires entre 1901 e 1951;

Nova Galiza, publicación galeguista en galego que se editou en Barcelona durante a Guerra Civil española, promovida por Castelao e Ramón Suárez Picallo;

Nova Galicia, revista editada en París polo PCE en 1966.

Nova Galiza

Nova Galiza foi unha publicación galeguista en galego que se editou en Barcelona durante a guerra civil española, promovida por Castelao e Ramón Suárez Picallo e financiada polo Comisariado de Propaganda da Generalitat de Cataluña, os primeiros números repartíanse gratuitamente, maioritariamente entre soldados galegos do exército republicano.

Tiña o subtítulo de Boletín quincenal dos escritores galegos antifascistas pero o certo é que a súa periodicidade era bimensual e entre os colaboradores estiveron Basilio Álvarez, Eduardo Blanco Amor, Ramón Cabanillas, Arturo Cuadrado, Ramón Rey Baltar, Ramón Suárez Picallo, Luís Seoane, Serafín Ferro ou Manuel Colmeiro. O primeiro número saíu o 5 de abril de 1937 e o último (nº18) en xuño de 1938, os últimos números estiveron dirixidos por Rafael Dieste.

Rematada a guerra a maior parte dos colaboradores marcharon cara ó exilio e a revista deixouse de publicar.

Ser (revista)

Ser foi un periódico editado en Santiago de Compostela entre 1935 e 1936.

Suárez Picallo

Os apelidos Suárez Picallo poden referirse a:

Ramón Suárez Picallo, xornalista e político galego (1894-1964);

Juan Antonio Suárez Picallo, agrarista e xornalista galego (1907-1936).

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.