Ramón Piñeiro

Ramón Piñeiro López, nado en Armea de Abaixo (Lama, Láncara) o 31 de maio de 1915 e finado en Santiago de Compostela o 27 de agosto de 1990, foi un filósofo, ensaísta e político galego, un dos principais artífices da reconstrución cultural galega na posguerra. Piñeiro vía utópica a formación dun partido político galeguista na situación política e social de entón. Se xa fora un partido minoritario cando as circunstancias eran favorables, e nin sequera conseguira manter a unidade interna, ao seu ver, moitas menos posibilidades ía ter baixo a ditadura. Loitar nesta dirección parecíalle un fracaso seguro. Así foi xurdindo a idea da autodisolución do Partido Galeguista e, por outra banda, en 1950, a fundación da Editorial Galaxia.

Dedicóuselle o Día das Letras Galegas do ano 2009.

Ramón Piñeiro López
Medalla Castelao Icona vectorial.svg
Cross of Saint George (Catalan Government Award).svg
Ramón Piñeiro Siro López
Caricatura de Ramón Piñeiro (Siro, 2009).
Nacemento31 de maio de 1915
 Armea de Abaixo
Falecemento27 de agosto de 1990
 Santiago de Compostela
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela
Ocupaciónpolítico, escritor e filósofo
CónxuxeIsabel López
Xénerosensaio
PremiosCreu de Sant Jordi e Medalla Castelao
Ramón Piñeiro firma

Traxectoria

Infancia

Foi o terceiro fillo de Vicenta López Fernández e Salvador Piñeiro García[2], empregado municipal de Láncara. Con seis anos acode á escola e bate co castelán empregado polo seu mestre. Lembrábao así nas súas memorias:

Con nove anos foi vivir a Lugo, onde estudou o bacharelato para regresar despois a Armea e máis tarde instalarse en Sarria, en 1931, onde traballou como contable na ferraxería dun amigo do pai, Pedro Cortiñas. Ao pouco proclamouse a República e, no decurso da campaña electoral, Piñeiro asistiu nesta localidade a un mitin que deron Xulio Sigüenza, Lois Peña Novo e Ánxel Fole, e o que alí escoitou acordou o seu sentimento galeguista e o seu interese pola cultura e a política galegas.

Incursión no movemento galeguista

Fundacion partido galeguista
Fundación do Partido Galeguista, un dos partidos políticos aos que Piñeiro estivo vinculado.

En 1932, de novo en Lugo para estudar o bacharelato superior, asistiu a un mitin no que escoita a Paz Andrade, Suárez Picallo e Castelao, cos que se identifica plenamente e decide integrarse no movemento galeguista. Participou na fundación das Mocidades do Partido Galeguista xunto a outros compañeiros de instituto, e axiña foi nomeado Secretario de Cultura. Alí coñeceu a Ramón Otero Pedrayo[3], a raíz dunha conferencia organizada polos alumnos do instituto, e, en 1933, con ocasión dunha asemblea do Partido Galeguista, a outros persoeiros do galeguismo político (Castelao, Bóveda, Fole, Pimentel e outros).

Dende os seus primeiros momentos nas mocidades galeguistas destacou o seu intenso labor político, e en outubro de 1933, con 18 anos, participou nunhas xuntanzas en Santiago de Compostela como representante dos galeguistas lucenses. Pouco despois enferma de tuberculose e vese obrigado a abandonar os estudos, o que lle permitiu dedicar todo o seu tempo á lectura e á actividade política. En 1934 participou no mitin das Arengas, celebrado na praza da Quintana (Santiago de Compostela) o 25 de xullo, con Castelao, Bóveda, Otero Pedrayo, Paz Andrade e Suárez Picallo, entre outros; en 1935 participou de novo no mitin das Arengas.

En 1936, con 21 anos, resulta elixido secretario do comité provincial para o plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia, organizado polo Partido Galeguista, se ben a súa opinión persoal era pesimista ao considerar que non chegara o momento oportuno para o Estatuto, dada a febleza e escasa implantación do partido.

Ante o Alzamento Nacional de xullo de 1936, o Gobernador Civil de Lugo, Ramón García Núñez, organizou unha comisión asesora cos partidos políticos en defensa da República, comisión na que Piñeiro e Ánxel Fole representaban o Partido Galeguista. A Garda Civil non tardou en ocupar o edificio, o 20 de xullo, para arrestar o Gobernador e mailos seus acompañantes. Piñeiro logrou fuxir, simulando ser un simple funcionario, e acudiu á sede do partido, onde repartiu con outros compañeiros que alí estaban as fichas e libros de actas para agochalos nas súas casas[4]. En agosto, avisáronlle de que fora denunciado pola súa militancia política e por posuír armas[5], razón pola que foxe en busca de refuxio a Armea[6]. Cando ao cabo de pouco tempo volveu a Lugo comprobou que se mantiñan as denuncias contra el e decidiu seguir o consello dos amigos e incorporarse ao exército para loitar na guerra civil no bando nacional, na fronte de Aragón.

Durante a súa estadía na fronte aínda tivo que soportar novas denuncias contra el. Porén, o máis doloroso foi comprobar a progresiva insensibilización dos seus compañeiros perante a morte e o sufrimento, o que lle provocou unha depresión que requiriu de tratamento médico. Semella que desta experiencia naceu o seu interese pola filosofía, na busca dunha resposta á deshumanización que observara.

Na clandestinidade

Unha vez concluída a guerra civil, Piñeiro regresou a Galicia e entrou en contacto, xa no verán de 1939, cos antigos compañeiros do partido que aínda quedaban vivos ou non fuxiran ao exilio, como Xaime Illa Couto ou Marino Dónega, cos que comeza a estudar a reorganización do Partido Galeguista na clandestinidade, proxecto que Illa Couto quería afrontar decontado, namentres que Piñeiro defendía a tese de agardar acontecementos. Máis adiante, por encarga de Fernández del Riego, falou tamén con Servando Gómez-Aller de la Vallina, Manuel Gómez Román -daquela secretario xeral do Partido Galeguista-, Ramón de Valenzuela e outros, para valorar as forzas coas que se podía contar nunha hipotética reconstitución do partido, comprobando que cadaquén tiña cadansúa forma de entender tal reorganización. Seis anos despois, o 22 de xullo de 1945[7], o froito destes contactos foi a reconstrución en Vigo do Partido Galeguista na clandestinidade, cun Comité Executivo no que se integraron Gómez Román (como Secretario Xeral), Pepe Meixide, Cesáreo Saco, Xaime Illa, Francisco del Riego e o propio Ramón Piñeiro, ocupando o posto de Secretario Político.

Fachada da Facultade de Filosofía, Santiago de Compostela
Facultade de Filosofía e Letras, Santiago de Compostela.

Entrementres, Piñeiro comezara a estudar Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, na que se matriculara en agosto de 1940, e, tras cursar dous anos comúns, solicitou en 1942 o traslado da matrícula á Universidade de Madrid, para estudar alí a especialidade de Filosofía pura. En calquera caso, nunca deu rematado a carreira; non obstante, a nova situación permitiulle contactar con outros galeguistas que viñan traballando dende Madrid: Fermín Penzol, Xosé Ramón Fernández-Oxea, Evaristo Mosquera Martínez e outros, así como con nacionalistas vascos e cataláns[8].

Como representante do Partido Galeguista no interior, reuniuse e negociou con outros partidos e cos galeguistas da diáspora, entrando en contacto co resto da oposición ao franquismo en Galicia e cos nacionalistas cataláns e vascos (especialmente con Koldo Mitxelena, compañeiro de cuarto en Madrid, na pensión localizada no número 10 da rúa Longoria, no distrito de Chamberí[9]) para asegurar a presenza galega en todos os foros pensando nunha vindeira caída do réxime franquista tras a vitoria aliada na Segunda Guerra Mundial, esperanza fanada polo apoio internacional a unha restauración monárquica[10].

Foi o representante do galeguismo nas negociacións co goberno republicano de Giral no exilio, en París, en marzo de 1946[11]. A tese que defendeu Piñeiro ante Giral era que, se neste Goberno estaban representados os cataláns, con Nicolau D'Olwer, e os vascos, con Manuel de Irujo, os galeguistas debían ter tamén o seu representante[12], cargo para o que propuxeron a Castelao, aínda que Portela Valladares contase con máis apoios, entre eles cos do propio Giral e o do presidente vasco, José Antonio Aguirre. Castelao escribiulle o seguinte a Portela Valladares:

Aínda que finalmente se conseguiu o nomeamento de Castelao como Ministro, o rexeitamento inicial de Giral e, sobre todo, o proxecto que presentara este para a restauración da República, fixeron que decidise regresar inmediatamente a España, completamente decepcionado, buscar outras vías para a reconstrución democrática. Piñeiro consideraba que a visión que tiña o goberno no exilio era totalmente allea á realidade política nese intre no interior do país, e que a vía que propuñan era inxenua e estaba fracasada de antemán. Esta decisión de abandonar París para regresar a España contrariou a Castelao, quen defendía a opción da restauración republicana, e sinalou o comezo do seu distanciamento.

Ao regreso de París, o 9 de abril de 1946, Piñeiro foi arrestado en Madrid durante a celebración dunha reunión clandestina nunha cafetaría madrileña (o Café Pidoux, na Gran Vía), con representantes da Alianza Nacional de Forzas Democráticas. Como consecuencia desta detención, tamén foron detidos os irmáns Cesáreo e Camilo Saco, así como Koldo Mitxelena, do PNV. Un consello de guerra condenouno a seis anos de cárcere, aínda que na realidade habería quedar rebaixado a tres[14], nas cadeas de Alcalá de Henares, Ocaña e Yeserías. Durante a estadía na cadea, Piñeiro mantivo numerosos contactos con militantes de diversos partidos antifranquistas, ademais de impartir clases aos outros presos, tarefa na que tamén destacou Cesáreo Saco: Piñeiro de filosofía e Saco de gramática galega e castelá.

En decembro de 1946, Giral foi substituído por Rodolfo Llopis, quen propuxo a restauración monárquica baixo unha forma democrática, pero Castelao rexeitou esta opción e ficou excluído do goberno no exilio. Aínda que os galeguistas, a través dun informe atribuído á man de Piñeiro, advertíronlle dos inconvenientes que representaba esa actitude ao defenderen a busca dun réxime democrático, aínda que fose baixo a forma dunha monarquía, Castelao tampouco o aceptou, nin conseguiu ningunha vía intermedia tras unha reunión con Piñeiro na cadea, facilitado por Rodolfo Prada.

As distancias entre os galeguistas do interior, encabezados por Piñeiro, e do exterior, encabezados por Castelao, fóronse agudizando progresivamente, entre outras cousas pola intención de constituír unha delegación do partido en París para dirixir a política galeguista do exilio, ou pola de facer a Xoán Xosé Plá parceiro del para "servir as consignas do Comité". As desavinzas continuaron mesmo tras a morte de Castelao en 1950[15].

Mesmo así, Piñeiro insistiu numerosas veces na defensa da figura histórica de Castelao, por quen sempre manifestou un profundo respecto:

En resumo, nestas datas Piñeiro, con outros galeguistas do interior, asumiu definitivamente que o feito de que se perdese a República, e con ela o Estatuto de Autonomía, era un feito inamovible, un feito histórico, e que se impuñan outras solucións alternativas.

Saíu do cárcere en marzo de 1949 e en 1952 casou con Isabel López García[16], en Xixón, establecéndose en Santiago. Isabel López viñera traballar como enfermeira nun sanatorio de tuberculosos e vivía na casa dunha irmá de Piñeiro, onde se coñeceron. Pouco despois, fixou a súa residencia nun piso da rúa de Xelmírez que lle cedera o seu amigo o doutor García Sabell, onde viviu até a súa morte. Cómpre salientar que García Sabell sempre manifestara un fondo respecto intelectual por Ramón Piñeiro.

O Piñeirismo

Ramón Piñeiro Casa en Santiago 01-01
Casa na que viviu Ramón Piñeiro en Santiago (Rúa Xelmírez, 15).

Naqueles anos a situación de Franco e o seu goberno fronte a Francia, Inglaterra ou os Estados Unidos mudara sensiblemente, canto ao progresivo recoñecemento internacional do réxime franquista. A restauración da república era xa impensable e Franco deixara ben claro que tampouco admitiría a restauración monárquica. Unha vez que lle quedara patente que os países aliados non ían axudar á oposición española nos seus intentos de derrocar o réxime franquista, Piñeiro optou pola actividade cultural fronte á loita armada e política, liña esta que defendían os galeguistas do exilio (partidarios da guerrilla), radicados sobre todo na Arxentina, antifranquistas e republicanos, así como moitos galeguistas do interior. O obxectivo que buscaba era máis a galeguización da sociedade, fornecer ás xeracións novas do apego á cultura galega para preparalos con vistas á transición democrática, traballar para que os novos universitarios se imbuísen do galeguismo independentemente da súa ideoloxía política ou postura artística. Nas súas propias palabras, tratábase de "crear unha conciencia de Galicia".

Esta opción non foi comprendida por boa parte dos galeguistas e nacionalistas. Durante o tardofranquismo determinados ideólogos do galeguismo foron especialmente críticos con Ramón Piñeiro e co grupo representado por Galaxia, cualificándoos de "conservadores". Exemplo disto foi Xosé Luís Méndez Ferrín, quen na novela Retorno a Tagen Ata (1971) mesmo chega a matar a Ulm Roan, o ideólogo do nacionalismo clásico e non revolucionario, que os seus lectores ben poderían identificar con Ramón Piñeiro (quen, pola súa parte, non tiña reparos en permitir a recensión de tal novela na revista Grial). Ferrín, non obstante, desbancouse desta interpretación, negando que Ulm Roam fose unha sátira de Ramón Piñeiro, e mencionándoo coma un simple personaxe de ficción[17].

Outro exemplo da inimizade de numerosos galeguistas con Piñeiro foi a falacia que se fixo circular sobre a suposta pertenza de Piñeiro á CIA norteamericana[18].

Fronte á nova actitude adoptada por Ramón Piñeiro e outros galeguistas do interior, xurdiron tamén duras críticas dos galeguistas no exilio, representados por Castelao como presidente do Consello de Galiza. Mentres aqueles (xunto os nacionalistas vascos e cataláns e mailos socialistas) argüían que a forma concreta do futuro réxime importaba moito menos que a recuperación democrática, os galeguistas de Castelao defendían a tese da república e a aceptación do Estatuto de 1936 como única saída política. A maiores, tampouco aceptaban unha dirección no exilio e buscaban, en troques, que a toma de decisións se orixinase no interior de Galicia.

Nacemento de Galaxia

Estatua Francisco Fernández del Riego
Busto de Francisco Fernández del Riego na praza que leva o seu nome, en Vigo.

O 25 de xullo de 1950, Francisco Fernández del Riego e Xaime Illa Couto acordan en Santiago crear a Editorial Galaxia[20], con outros moitos galeguistas. Piñeiro estaba nese intre en Santander, operándose de cataratas[21]; así e todo, foi nomeado director literario da editorial. Tamén neste novo proxecto, Piñeiro manifestou ter dúbidas da viabilidade económica da empresa e da consecución dos necesarios permisos administrativos.

Coa editorial Galaxia buscaban un camiño para dar cobertura legal ao galeguismo e aos galeguistas e, en pleno franquismo, comezou a publicar libros en galego e sobre asuntos relacionados con Galicia, asemade que servía de modo de participación a moitos galegos que, sen quereren "meterse en política", podían así axudar á expansión da lingua e cultura galegas, baixo a forma de accionistas desta empresa.

Foron aparecendo, deste xeito, textos básicos como a Historia da literatura galega, de Fernández del Riego; Historia de Galicia, de Risco ou a Gramática elemental del gallego común, de Carvalho Calero. E non só foron textos literarios senón que tamén abriron as portas a outras áreas, de tal xeito que un par de anos máis tarde Galaxia publicou a Revista de Economía de Galicia, dirixida por Illa Couto e onde comeza a ser analizado o desenvolvemento económico de Galicia. Seguindo a mesma liña, co obxecto de atraer as novas xeracións, Galaxia tamén creou a colección Illa Nova[22] destinada á edición de obras dos escritores nacidos despois da guerra, non vencellados ao galeguismo histórico.

Paralelamente ás publicacións editadas por Galaxia e á falta do permiso para editar unha revista periódica, comezaron a editar tamén unha serie de traballos monográficos, baixo o título colectivo de Colección Grial. Foi nesta colección onde Piñeiro publicou o seu primeiro ensaio filosófico "Siñificado metafísico da saudade", no primeiro número, titulado "Presencia de Galicia" (abril de 1951). A colección só puido publicar catro números ata que a censura ordenou a súa suspensión[23]. Piñeiro dirixiu a editorial Galaxia e traballou nela ata o ano 1966.

En 1954 redactou un documento rexeitando a represión á que se vía sometida a lingua e a cultura galegas baixo o réxime de Franco. Este documento, asinado por outros intelectuais e diversos centros galegos de América, foi presentado na VIII Asemblea Xeral da UNESCO, provocando un serio enfrontamento cos representantes oficiais de España, no que Alonso Montero denominou a "batalla de Montevideo"[24].

No transcurso do seu labor de promoción e difusión culturais participou en diferentes faladoiros con persoeiros do talle de Otero Pedrayo, Méndez Ferrín, Franco Grande, Bouza Brey, Del Riego e tantos outros. Porén, moito máis coñecida é a súa atención case diaria a mozos e estudantes que acudían ao seu domicilio, e a quen Piñeiro dirixía e estimulaba nas que deviron célebres conversas ao redor da súa mesa de braseiro (denominada coloquialmente como mesa camilla e hoxe conservada na Fundación Penzol[25]). Moitos dos que hoxe conforman as elites culturais e políticas da Galicia do século XXI foron escoitados e aconsellados alí e lembran como Piñeiro sabía escoitar en silencio para, logo, facer ver ao interlocutor as fendas dos seus argumentos e abrirlles novas vías de actuación.

O 5 de maio de 1963, e coa intervención de Piñeiro, nace en Vigo a Fundación Penzol. O 23 de agosto, no despacho de Sebastián Martínez Risco, participou na fundación do Partido Socialista Galego, xunto a persoeiros como Salvador García Bodaño, Xosé Luís Rodríguez Pardo, Cesáreo Saco e Manuel Caamaño. Como era de esperar, non todos os galeguistas estiveron de acordo con isto e xorden, sobre todo nos sectores máis novos, discrepancias fronte ao que dan en chamar piñeirismo. Así naceu, por exemplo, a Unión do Pobo Galego, en 1964.

Tamén apareceu neste tempo a revista Grial, que dirixe xunto a Francisco Fernández del Riego. Esta revista foi un dos primeiros obxectivos de Galaxia, pero a censura imperante nese momento non lle concedeu os permisos que entón precisaba. Piñeiro e Don Paco dirixiron, na práctica, a revista desde o seu nacemento ata que cumpriu os 25 anos.

McCardellBicentennialHall
Universidade de Middlebury, Vermont.

En 1966 trasladouse aos Estados Unidos, como profesor convidado da Universidade de Middlebury, en Vermont, onde impartiu cursos de verán sobre o pensamento español, entre esa data e 1970.

Recoñecemento

O 25 de novembro de 1967 ingresou na Real Academia Galega, co discurso A lingoaxe i as língoas[26], que foi respondido por García-Sabell, membro tamén da Xeración Galaxia. O seu discurso baseábase no carácter da lingua galega como signo de identidade do pobo. A proposta de nomealo académico xa fora presentada por Ricardo Carvalho Calero, Domingo García-Sabell e Xulio Rodríguez Yordi en xullo de 1963, informada favorablemente por Antón Fraguas, del Riego e Otero Pedrayo, e aprobada por unanimidade o 29 de decembro dese mesmo ano, se ben a recepción e lectura do discurso atrasouse case 4 anos.

En 1998 Antón Santamarina leu o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega co discurso A linguaxe e as linguas: Ramón Piñeiro revisitado ós 30 anos do seu ingreso na Real Academia Galega.

Piñeiro na transición democrática

Ante as primeiras eleccións democráticas de xuño de 1977, Piñeiro foi un dos asinantes do "Manifesto dos 29", ademais do seu verdadeiro xestor, manifesto no que intelectuais galegos solicitaban aos partidos políticos que concorrían ás eleccións que, fose cal for o resultado e a representación acadada, loitasen pola defensa dos intereses de Galicia[27].

Tamén coordina e publica, en 1979, o chamado "Manifesto da aldraxe", no que 27 intelectuais e políticos galegos protestaban ante a rebaixa de competencias que se pretendía para Galicia. O goberno de UCD, xunto co PSOE, propuñan introducir unha redución de competencias para as autonomías que carecían dun Estatuto recoñecido, como o tiñan Cataluña e o País Vasco, as chamadas "nacionalidades históricas". O argumento que enfrontaba Piñeiro ante esa redución de competencias era o "principio de igualdade de trato", esixindo para Galicia un tratamento á par do recibido por vascos e cataláns[28]. Esta reacción logra rectificar a proposta e mellorar a redacción do Estatuto de Galicia.

As pretensións políticas de Piñeiro tiñan como obxectivo que todos os líderes políticos galegos asumiran o galeguismo entre os seus obxectivos fundacionais. Baixo o grupo denominado Realidade Galega, fundado en abril de 1980 coa participación de 77 intelectuais e profesionais, publicou un manifesto titulado "Diante do referendum", no que se esixía que o erro cometido nas Cortes, recoñecido oficialmente, deberá ser rectificado antes do referendo mediante negociación cos partidos interesados na autonomía[29]. Piñeiro pretendía que en Galicia se crearan partidos homologables aos europeos (un de corte socialdemócrata e outro demócrata conservador). Con "Realidade Galega", Piñeiro buscaba crear un interlocutor válido fronte á UCD, o partido maioritario, baseado nunha estrutura absolutamente plural, unha plataforma transversal -nunca un partido político[30]- "que aglutinara a Galicia mellor". Proba desta postura política, foron os seus constantes contactos epistolares cos líderes culturais e políticos de tódolos partidos que existían na clandestinidade galega, e aqueles que agromaban a comezos da democracia; líderes tales como Xosé Manuel Beiras, Xaime Illa Couto ou Xerardo Fernández Albor, e que non deixaron de pasar pola famosa mesa de braseiro.

Piñeiro nunca deixou de defender a postura do "galeguismo difuso", é dicir: "tinguir todos os partidos de galeguismo no canto de ter un único partido galeguista", ou expresado doutro xeito:

Cando chega a democracia, deu exemplo desta postura e presentouse como candidato ao Senado por Lugo, pola Candidatura Democrática Galega, sen acadar o escano. Esta coalición estaba apoiada polo Partido Popular Galego (liderado por Xaime Illa Couto), o Partido Socialista Galego, o Partido Comunista e o Movemento Comunista de Galicia. Só Valentín Paz-Andrade consegue escano, pola provincia de Pontevedra.

Si que formou parte do primeiro Parlamento Autonómico, entre 1981 e 1985, como independente dentro das listas do PSdeG (Partido Socialista de Galicia-PSOE Partido Socialista Obrero Español), xunto con outras destacadas figuras da cultura galega, como Alfredo Conde, Carlos Casares e Benxamín Casal[31], sendo elixido deputado pola provincia da Coruña; nesta mesma liña, Xerardo Fernández Albor presentouse como independente dentro das listas de Alianza Popular e Marino Dónega nas de UCD. Esta decisión de presentarse nas listas do PSOE foi obxecto de numerosas críticas polos nacionalistas.

Da súa carreira política cómpre salientar o seu labor de relator da primeira Lei de Normalización Lingüística de Galicia, da que foi un dos seus promotores máis destacados. Xa en 1971 presentara na Real Academia unha proposta de unificación morfolóxica da lingua galega, necesidade que xa adiantara no seu discurso de ingreso.

En 1983 foi elixido primeiro presidente do Consello da Cultura Galega, e reelixido en 1989, cargo que desempeñou ata o seu pasamento,[32] sendo o seu sucesor no cargo Xosé Filgueira Valverde.

Finalmente, en xaneiro de 1990 morre a súa dona, Isabel López, e a saúde de Piñeiro, xa de seu mala, foise deteriorando, de tal xeito que en cuestión de meses, en agosto, estando en Castropol na casa da viúva de Penzol, presentaba uns niveis críticos que motivaron o seu traslado a Santiago de Compostela, onde morre o 27 de agosto a consecuencia dun cancro de páncreas.

Outros recoñecementos

Centro Ramón Piñeiro 01-06
Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
  • No ano 2000, a Editorial Galaxia comezou a convocar os Premios Ramón Piñeiro de ensaio, e en 2003, o Centro Ramón Piñeiro convocou os Premios Centro Ramón Piñeiro de ensaio breve. Na actualidade, ambos os dous premios fican unificados baixo a denominación Premio de Ensaio Ramón Piñeiro.
  • A Real Academia Galega decidiu o 5 de xullo de 2008 dedicarlle o Día das letras galegas do ano 2009[34]. Xustificou a designación pola "dedicación, total e desinteresada, da súa vida á defensa de Galicia e da súa cultura", o que o converte nun referente moral indiscutible e necesario para as novas xeracións. E engadía:

Obra

A obra escrita por Ramón Piñeiro non é abundante e estivo centrada polo xeral na filosofía da saudade. En calquera caso, publicou numerosos artigos en diferentes revistas e periódicos, especialmente en Grial[35] (onde asinou ás veces baixo o pseudónimo de Luís Veiga do Campo) e tamén nos boletíns da Editorial Galaxia e da Real Academia Galega, nas revistas Galicia (de Bos Aires e Caracas) e Galicia Emigrante, Yunque, Faro de Vigo, La Voz de Galicia etc. Finalmente, publicou numerosas colaboracións en obras colectivas e proemios de diferentes libros (de Novoneyra, Masside, Méndez Ferrín, Lugrís etc).

  • Siñificado metafísico da saudade (Colección Grial, 1951)
  • "A saudade en Rosalía", na obra Sete ensaios sobre Rosalía (Galaxia, 1952)
  • A lingua, sangue do espíritu (Galicia, Bos Aires, 1952)
  • Pra unha filosofía da saudade (Galaxia, 1953[36])
  • A filosofía i o home (Grial, 1963)
  • A lingoaxe i as língoas (Galaxia, 1967; reed. facs. Consello da Cultura Galega, 1994[37])
  • Olladas no futuro (Galaxia, 1974[38])
  • Lembrando a Castelao (SEPT, 1975)
  • Vicisitudes históricas da cultura galega (Ediciós do Castro, 1975)
  • Saudade e sociedade, dimensións do home (1975)
  • Filosofía da saudade (Galaxia, 1984[39])
  • Castelao político (Anthropos, Barcelona, 1986)
  • Cartas para os amigos (El Correo Gallego, 1992[40])
  • Galicia (Galaxia, 1999) [41]
  • Fermín Penzol (Galaxia, 2001) [42]
  • Da miña acordanza. Memorias (Galaxia, 2002 [43])
  • Cadernos Ramón Piñeiro XXIII: Epistolario Ricardo Carballo Calero Ramón Piñeiro (Historial dun libro) (2015). Edición de Luís Alonso Girgado, Luís Cochón, Nuria Rouco Aneiros, Xurxo Martínez González. Secretaría Xeral de Política Lingüística. Centro Ramón Piñeiro (póstumo). ISBN 978-84-453-5205-2.[44]

Ademais, fixo, xunto a Celestino Fernández de la Vega, tarefas de tradutor, vertendo ao galego obras como Cancioeiro da poesía céltica (Alt-keltische Dichtunguen, de Julius Pokorny, en 1952) -tradución premiada pola Editorial Bibliófilos Gallegos- e Da esencia da verdade (Von Wessen der Wahrkeit) (de Heidegger, traducido en 1952 pero que non se puido publicar ata 1956 por acción da censura[45], desbloqueado pola chamada "batalla de Montevideo", a acción de protesta da emigración galega no congreso da UNESCO -e polo tanto libre de represalias- onde se admitiría a España na organización).

Finalmente, Piñeiro impulsou e preparou persoalmente a edición en 1958 do Diccionario enciclopédico gallego-castellano de Eladio Rodríguez, inédito desde a morte deste, en 1949. A obra publicouse por Galaxia en tres tomos, nos anos 1958, 1960 e 1961, respectivamente, incluíndo no terceiro un apéndice con voces achegadas por outros colectores, entre eles o propio Piñeiro. Xa en 1956 tiña o proxecto de publicar un "Gran Diccionario da Lingua Galega", que incluiría tanto o léxico utilizado na literatura clásica galega como o léxico vivo na fala, pero o proxecto nunca callou.

Cómpre salientar tamén a súa amplísima correspondencia con practicamente todos os persoeiros da cultura galega. En maio de 2009, o Consello da Cultura Galega e maila Fundación Penzol asinaron un convenio de colaboración para dixitalizar toda a correspondencia de Ramón Piñeiro, estimada en máis de 8.000 cartas[46]. A súa correspondencia foise publicando parcialmente en Olladas no futuro (1974), Cartas para os amigos (1992), Un epistolario de Ramón Piñeiro (Del Riego, Galaxia 2000 [47]) ou un conxunto de 49 cartas que levou por título Cartas de Ramón Piñeiro a Ricardo Carballo Calero (2004), ademais das coleccións parciais que se publicaron en diferentes entregas dos Cadernos Ramón Piñeiro.

Notas

  1. Luís Alonso Girgado e Teresa Monteagudo Cabaleiro (2003). Ramón Piñeiro: cronobiografía e cartas Cadernos Ramón Piñeiro II, p. 47. ISBN 84-453-3677-0, CIRP.
  2. O matrimonio tivo un total de 8 fillos, pero tres morreron sendo aínda cativos.
  3. Conta Casares que, anos despois, Otero Pedrayo lembraba impresionado a aquel rapaz de Lugo que era un verdadeiro Erasmo.
  4. Eloi Caldeiro dá outra versión e di que "achégase á sede do Partido Galeguista e queima as fichas do partido".
  5. Este último feito absolutamente falso.
  6. Un vello compañeiro da escola, agora falanxista, protexeuno de ser detido, sen que Piñeiro o soubese.
  7. A data exacta da xuntanza esta agora documentada: Garrido Couceiro, Xoan Carlos (2014). Sermos Galicia, ed. "Valenzuela no desterro de Castelao". A Fondo (87): 4.
  8. Nese momento, existía unha Alianza Nacional de Forzas Democráticas que buscaba a reinstauración da República nunha forma de Estado federal. Nesta Alianza participaba o Partido Galeguista conxuntamente co Partido Nacionalista Vasco, os nacionalistas cataláns, o PSOE, a UXT, a CNT e outras organizacións.
  9. Cadernos Ramón Piñeiro II. Cadernos galegos de pensamento e cultura. Páx. 21
  10. Se ben o goberno norteamericano era partidario dunha nova república, axiña se impuxo a tese británica da restauración monárquica no rei Xoán de Borbón, ao considerar que converter os republicanos, vencidos, en vencedores só serviría para perpetuar o conflito.
  11. En agosto de 1945 reuníranse as Cortes no exilio, en México, e Diego Martínez Barrio resultou elixido presidente da República, quen encargou a José Giral constituír goberno.
  12. Este "principio de igualdade de trato" tivo que ser de novo defendido por Piñeiro tempo despois, en 1977, na transición democrática.
  13. Santiago Pol era o pseudónimo que utilizaba Piñeiro na clandestinidade. Tras a súa detención, chamaban así a Fermin Penzol.
  14. Martínez, Iago (29 de novembro de 2009). "Piñeiro si estivo no cárcere". Xornal de Galicia.com. Arquivado dende o orixinal o 20 de xullo de 2012. Consultado o 06 de abril de 2012..
  15. Castelao vs Piñeiro Arquivado 04 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine., Terra e tempo, nº 134 (abril, maio, xuño 2005), pp. 37-53.
  16. Eloi Caldeiro indica para este feito o ano 1949: "En 1949 sae da cadea ... e casa con Isabel López".
  17. Ulm Roan é un personaxe de ficción, nunca busquei facer unha sátira de Ramón Piñeiro, Faro de Vigo.
  18. Antón Baamonde: "Ramón Piñeiro y la CÍA" en El País [1].
  19. O informe, extenso e detallado, foi lido polas figuras máis activas do galeguismo de entón, nunha xuntanza celebrada en maio de 1957 na casa de García Sabell, e entregado a Perfecto López, do grupo galeguista de Bos Aires. O texto, presentado como obra colectiva, fora redactado integramente por Piñeiro.
  20. Historia da Editorial Galaxia Arquivado 25 de maio de 2009 en Wayback Machine., na web da editorial.
  21. Durante os seus anos de cárcere agraváronse os seus problemas de visión, ata o punto de que dicía que polo estado dos meus ollos, tiña que facelo [ler] cunha lupa (CASARES 2002:92).
  22. O nome está formado por Illa, que procede de Xaime Illa, e Nova, do apelido da súa dona, Cristina Novoa.
  23. Presencia de Galicia, Pintura actual en Galicia, Presencia de Curros e Aspectos económicos y jurídicos de Galicia.
  24. Xesús Alonso Montero: La batalla de Montevideo: os agravios lingüísticos denunciados na UNESCO en 1954, Xerais, Vigo 2008.
    Os antepasados de Franco en Montevideo (en galego)
    Comentarios ó libro por parte de Alonso Montero Arquivado 23/06/2016, en Archive.is (en galego)
    Proposta de denuncia da Mesa reactivando a de 1954 (en galego)
    Artigo de Freixanes Arquivado 15/08/2016, en Wayback Machine. (en galego)
  25. En maio de 2009, a Fundación Penzol inaugurou na súa sede de Vigo unha reprodución exacta da habitación da casa de Piñeiro na que recibía estas visitas, coa mesa, a biblioteca, decoración etc. (La Voz de Galicia, 15.05.2009).
  26. Pode consultarse na páxina da Real Academia Galega
  27. "Chamada aos partidos políticos de Galicia", en Cadernos Ramón Piñeiro V, 93-94 [2].
  28. Basicamente, esta idea era a mesma que xa viña latexando no movemento galeguista desde os tempos da República.
  29. Este foi, realmente, o primeiro e único manifesto público de Realidade Galega, publicado o 10 de marzo de 1980, en La Voz de Galicia.
  30. "Realidade Galega" definíase como unha sociedade de estudios e opinións.
  31. Que se presentaron, tamén como independentes, nas listas do PSOE polas provincias de Pontevedra, Ourense e Lugo, respectivamente.
  32. Eloi Caldeiro di que pouco despois da súa reelección "dimite por mor da súa enfermidade".
  33. Por Decreto 25/1993, de 11 de febreiro, e Decreto 330/1997, de 13 de novembro, respectivamente.
  34. "O Día das Letras estará dedicado ó recordado polígrafo, Ramón Piñeiro". elcorreogallego.es. 6 de xullo de 2008. Consultado o 23 de maio de 2019.
  35. Ata un total de 43 colaboracións.
  36. Texto de Piñeiro incluído no libro colectivo La saudade.
  37. Foi editado tamén, nese mesmo ano, como gravación sonora, no número 3 da colección As Nosas Voces, do Consello da Cultura Galega.
  38. Escolma de 48 artigos e cartas, dos seus traballos máis significativos publicados entre 1949 e 1973, particularmente os publicados en Grial.
  39. Reúne cinco traballos anteriores: A filosofía i o home, Siñificado metafísico da saudade, Pra unha filosofía da saudade, Saudade e sociedade, dimensións do home e A saudade en Rosalía.
  40. Contén 6 cartas xa publicadas en Olladas no futuro.
  41. Tradución da entrada que con este mesmo nome escribira en 1974 para a Gran Enciclopedia Gallega.
  42. Edición non venal.
  43. Libro realmente escrito por Carlos Casares, a partir dunhas memorias, incompletas -só chegou á idade de 15 anos-, que Piñeiro comezara a escribir en 1976 e que se publicaran en 1991 (Grial nº 111), ás que Casares engade a transcrición das gravacións e anotacións das conversas que mantivera con Piñeiro ao longo dos anos.
  44. Gorgal, Belén Bouzas (2017-11-14). "Epistolario Ricardo Carballo Calero/ Ramón Piñeiro (Historial dun libro)". Boletín Galego de Literatura 0 (51). ISSN 2174-4025.
  45. Dasilva, Xosé Manuel (2013). "La traducción al gallego y la censura franquista" (PDF). Quaderns. Revista de Traducció 20, 2013 17-29 (en castelán) 20: 17–29.
  46. La Voz de Galicia, 14.05.2009.
  47. Contén 405 cartas que Piñeiro escribira a Francisco Fernández del Riego entre 1948 e 1970.

Véxase tamén

W.gl.Ramón Piñeiro QRpedia

Bibliografía

  • Alonso Girgado, Luís; Monteagudo Cabaleiro, Teresa (2003). Ramón Piñeiro: cronobiografía e cartas. Cadernos Ramón Piñeiro II. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
  • Alonso Girgado, Luís; et al. (2011). Bibliografía e hemerografía de Ramón Piñeiro. Cadernos Ramón Piñeiro XVII. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
  • Alonso Montero, Xesús (2009). Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega. Galaxia.
  • Caldeiro, Eloi (2009). Ramón Piñeiro. A terra e a saudade. O son da palabra 3. Inclúe texto de Xosé Luís Allué: "O outro Piñeiro".
  • Casares, Carlos (1996). Ramón Piñeiro. Centro de Investigacións Políticas e Literarias Ramón Piñeiro.
  • Casares, Carlos (2002). Ramón Piñeiro. Da miña acordanza. Memorias. Galaxia.
  • Casares, Carlos; Rodríguez-Polo, Xosé Ramón (2003). "Piñeiro López, Ramón". Gran enciclopedia galega.
  • F. Freixanes, Víctor (1976). Unha ducia de galegos. Vigo. Galaxia. ISBN 84-7154-248-X.
  • "Piñeiro López, Ramón". Enciclopedia galega universal. Vigo: Ir Indo. 2002.
  • Monteagudo, Henrique, ed. (2000). Obras. Castelao VI: Epistolario. Vigo: Galaxia.
  • Rodríguez-Polo, Xosé Ramón (2009). Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo. Vigo: Xerais.
  • Piñeiro, Ramón (1991). "Da miña acordanza". Grial (111): 341–351.
  • Día das Letras Galegas 2009. Ramón Piñeiro (Informe). Departamento de Filoloxía Galega, Universidade de Santiago de Compostela. 2009.

Ligazóns externas

1915

1915 foi Ano Santo Xacobeo.

Armando Requeixo

Armando Requeixo Cuba, nado en Mondoñedo o 14 de xuño de 1971, é un investigador, profesor e crítico literario galego.

Basilio Losada

Basilio Losada Castro, nado na Pobra de San Xiao (Láncara) o 20 de xuño de 1930, é un tradutor galego, crítico literario, catedrático de Filoloxía Románica na Universidade de Barcelona desde 1986 e catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa, e antes profesor noutros moitos centros universitarios.

Carlos Casares

Carlos Casares Mouriño, nado en Ourense o 24 de agosto de 1941 e finado en Vigo o 9 de marzo de 2002, foi un escritor en lingua galega, crítico literario e político. Estudou en Santiago de Compostela, cidade na que entrou en contacto con representantes do galeguismo, como Ramón Piñeiro. Foi director da editorial Galaxia e da revista Grial. Cultivou sobre todo a narrativa. Nos anos sesenta publicou o libro de relatos Vento ferido e Cambio en tres. En 1975 aparece Xoguetes pra un tempo prohibido. Viñeron logo o libro de relatos Os escuros soños de Clío e as novelas Ilustrísima, Os mortos daquel verán, Deus sentado nun sillón azul e O sol do verán. É de destacar, tamén, o traballo como columnista, principalmente en La Voz de Galicia entre 1992 e 1998, recollido en sete volumes publicados por Galaxia de 2005 a 2008, titulados Á marxe. O ano 2017 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Centro Ramón Piñeiro

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (ou CIRP, da antiga denominación: Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro) é un organismo investigador dependente da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria no que se desenvolven diferentes proxectos a prol da lingua e a cultura galegas.

Foi fundado en 1993 baixo o nome de Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, designación que foi modificada en 1997 pola que detenta na actualidade.

Entre os proxectos que desenvolve cómpre destacar:

Proxecto Termigal: centro terminolóxico do galego onde se investiga a terminoloxía de certos campos e os interesados poden tamén facer consultas:

Proxecto Base de datos do ALiR (Atlas Lingüístico Románico), dirixido por Manuel González González

Proxecto de Fraseoloxía: o equipo dirixido por Xesús Ferro Ruibal ata 2015 e por Isabel González Rey desde esa data, pon en marcha os monográficos e a revista Cadernos de Fraseoloxía Galega (18 números ata 2016);

Proxecto CORGA (Corpus de Referencia do Galego Actual);

Proxecto Dicionario de literatura;

Proxecto Dicionario de termos literarios;

Proxecto de Recuperación de textos poéticos e xornalísticos galegos;

Proxecto de Dimensións da identidade colectiva en Galicia;

Proxecto de Informes anuais de literatura;

Proxecto de Cantigas de Santa María;

Proxecto de Investigación e estudo do galego exterior;O centro naceu na estrada de Santiago de Compostela a Noia, na Barcia - Lamas de Laraño, Santiago de Compostela, pero en xaneiro de 2014 trasladouse ó Hospitaliño de San Roque, na rúa de San Roque (Santiago).

Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega é un organismo oficial independente con personalidade xurídica propia destinado a dinamizar a lingua e a cultura de Galicia na sociedade e asesorar os poderes públicos de Galicia. É un organismo estatutario, previsto no artigo 32 do Estatuto, foi creado o 8 de xullo de 1983. Ten a súa sede no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela.

A súa presidenta é Rosario Álvarez, ademais o Consello componse de representantes de entidades e personalidades sobranceiras dos diversos campos da cultura galega. Xestiona os seguintes arquivos: Arquivo sonoro de Galicia, Centro de documentación sociolingüística de Galicia, Arquivo da emigración galega e Arquivo de comunicación.

Constantino García

Constantino García González, nado en Oviedo o 20 de xullo de 1927 e falecido en Santiago de Compostela o 23 de outubro de 2008, foi un lingüista e escritor galego.

Editorial Galaxia

A Editorial Galaxia é unha editorial galega fundada en 1950 e radicada en Vigo. O seu director xeral é Francisco Castro.

El Noroeste (1896)

El Noroeste foi un xornal que se editou na Coruña entre 1896 e 1934.

Federación de Mocedades Galeguistas

A Federación de Mocedades Galeguistas foi a organización xuvenil do Partido Galeguista, que se constituíu en xaneiro de 1934, agrupando a diferentes mocidades galeguistas locais que se formaran dende 1932. Contaba con arredor de 1.000 afiliados, tiña como órgano de expresión Guieiro, e entre os seus dirixentes estiveron Xaime Illa Couto, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Velo ou Ramón Piñeiro.

Dentro da FMG o independentismo contou con moita máis aceptación que entre o PG e así na súa III Asemblea (maio de 1936) 331 membros votaron polo arredismo e 439 en contra. Tamén se decidiu nesta asemblea mudarlle o nome á organización, pasando a denominarse Federación de Mocedades Nacionalistas.

Francisco Fernández del Riego

Francisco Fernández del Riego, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913, e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010 ós 97 anos, foi un intelectual galego. Escribiu cos pseudónimos de Salvador Lorenzana e Cosme Barreiros. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.

Foi un dos principais artífices da editorial Galaxia e director xunto a Ramón Piñeiro da revista Grial nos seus primeiros cen números. Ensaísta e narrador, é autor dunha extensa obra centrada sobre todo na cultura e na literatura galega. Fernández del Riego pertence á xeración de intelectuais xurdidos arredor do grupo Nós.

Grial (revista)

A revista Grial é unha publicación trimestral editada pola editorial Galaxia (Vigo), desde 1963. Pode considerarse como un dos mellores referentes das revistas culturais galegas.

Como antecedente da revista cabe lembrar a Colección Grial, publicada tamén por Galaxia en 1951 pero que foi pechada pola censura franquista trala publicación de tan só catro números.

Na revista Grial aparecen traballos que obedecen a un dobre propósito: informar sobre a realidade de Galiza, e informar e reflexionar sobre os máis diversos aspectos da cultura universal. Inicialmente, os directores da revista foron Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego. En 1989 asumiu a dirección Carlos Casares e, trala morte deste en 2003, os directores son Víctor Fernández Freixanes e Henrique Monteagudo.

Lama, Láncara

Santa María de Lama é unha parroquia do concello de Láncara na comarca de Sarria, na provincia de Lugo. No ano 2008 tiña 131 habitantes, deles 65 eran homes e 66 eran mulleres, o que supón unha diminución en relación ao ano 2006 cando tiña 138 habitantes.

Sete lugares conforman esta parroquia: Armea de Abaixo, Os Campos, Cima de Vila, A Eirexe, Lama, O Roxedoiro e A Se.

No lugar de Armea de Abaixo naceu Ramón Piñeiro López (31 de maio de 1915 - 27 de agosto de 1990), escritor, filósofo, ensaísta e político galego.

Luís Alonso Girgado

Luís María Alonso Girgado, nado o 7 de agosto de 1946 en Ferrol, é un editor, escritor, investigador e tradutor galego.

Manuel González González (filólogo)

Manuel González González, nado en Beba (Mazaricos) o 25 de outubro de 1951, é catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago e coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Premio Ramón Piñeiro de Ensaio

O Premio de Ensaio Ramón Piñeiro é un premio literario vixente desde o ano 2000, en memoria do escritor, filósofo e galeguista Ramón Piñeiro. Premia o mellor ensaio de entre todas as obras presentadas neste xénero en lingua galega para impulsar o estilo e a precisión desta lingua.

Teresa Moure

María Teresa Moure Pereiro, nada en Monforte de Lemos o 21 de setembro de 1969, é unha escritora galega.

Termigal

Termigal é o organismo "encargado da coordinación xeral das actividades terminolóxicas relativas á lingua galega, de promover e levar a cabo a elaboración de recursos terminolóxicos e de garanti-la súa dispoñibilidade, e de promove-lo desenvolvemento de produtos de enxeñaría lingüística en que a terminoloxía teña unha especial incidencia" . Foi creado en 1997 mediante un convenio asinado entre a Real Academia Galega (coma autoridade académica encargada da normativización da lingua galega) e a Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (coma organismo competente en materia de política lingüística). Actualmente está establecido coma un proxecto do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CIRP) e incluído coma unha sección da RAG, centrándose en definir a terminoloxía técnica en galego. Na actualidade está coordinado por Manuel González González e nel traballan tres bolseiros que xestionan os seguintes servizos:

con apoio exterior, desenvolven terminoloxía específica e sistemática para determinadas áreas de especialidade, con proxectos a longo prazo moi amplos e variados (hostalería, mundo empresarial, botánica, oficios e profesións, automoción, música);

resolución de consultas realizadas por teléfono ou mediante o correo electrónico, principalmente procedentes de tradutores, terminólogos ou servizos de normalización lingüística.

Xesús Ferro Ruibal

Xesús Ferro Ruibal, nado en Rebón (Moraña) o 28 de setembro de 1944, é un lingüista, teólogo, latinista e escritor galego.

Membros de número da Real Academia Galega
Plenario
actual
Históricos
Galardoados coa Medalla Castelao
1984
1985
1986
1987
1988
1989
1990
1991
1992
1993
1994
1995
1996
1997
1998
1999
2000
2001
2002
2003
2004
2005
2006
2007
2008
2009
2010
2011
2012
2013
2014
2015
2016
2017
2018
2019

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.