Ramón Cabanillas

Ramón Cabanillas Enríquez, tamén chamado O Poeta da Raza, nado en Fefiñáns (Cambados) o 3 de xuño de 1876 e finado en Cambados o 9 de novembro de 1959, foi un escritor galego. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no 1976, coincidindo co centenario do seu nacemento.[1]

Ramón Cabanillas
Ramon Cabanillas, 20 de abril de 1913
Cabanillas en Cuba en 1913.
Nome completoRamón Cabanillas Enríquez
Nacemento3 de xuño de 1876
 Fefiñáns
Falecemento9 de novembro de 1959
 Cambados
SoterradoPanteón de Galegos Ilustres
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónescritor
XénerosPoesía, ensaio, teatro
Ramon Cabanillas, firma, 20 de abril de 1913

Traxectoria

Foi fillo natural de José Cabanillas Rodríguez (que o recoñeceu anos mais tarde) e Joaquina Enríquez García. O seu pai casou anos máis tarde con Peregrina Pérez, coa que tivo descendencia. Despois de abandonar a carreira eclesiástica en Compostela, regresou a Cambados, onde traballou como funcionario do concello. En Cambados dirixiu o periódico El Umia (1907) e despois El Cometa (1910). Incansábel lector, foi un autor decididamente monolingüe, de grande proxección pública, que xogou un papel determinante na superación dos moldes do Primeiro Renacemento, malia comezar a publicar a idade avanzada. Con trinta e catro anos emigrou a Cuba -posiblemente por mor de enfrontamentos de índole política-, onde residiu entre 1910 e 1915. Alí entrou en contacto cos núcleos galeguistas que apoiaban o agrarismo galego e foi un dos fundadores da delegación na Habana de Acción Gallega[2] e alí coñeceu a Basilio Álvarez durante unha xira pola illa, e a Xosé Fontenla Leal, que foi clave para que comezase a escribir en galego. Na Habana publicou No desterro (1913) e Vento mareiro (1915).

Casa de Ramón Cabanillas en Cambados. Galiza CA05
Casa natal.

De volta a Galiza, traballou como secretario nos concellos de Mos (1916-1921), Moaña, Cuntis e Redondela. Coñeceu de primeira man a loita agrarista. O compromiso co proxecto das Irmandades da Fala levouno a colaborar asiduamente no periódico A Nosa Terra, converténdose na voz lírica do movemento. Inicialmente próximo a posturas tradicionalistas, axiña compartiu as teses de Vicente Risco, cuxo proxecto estético e cultural influiría decididamente na súa produción posterior. Foi aclamado como Poeta da Raza e utilizou os seus poemas ao servizo da construción nacional, abandonando os ecos intimistas presentes na súa primeira poesía. Así, en Da terra asoballada (1917) (segunda edición de 1926, que só reproduce catro poemas da 1ª edición que ten un sentido máis crítico e social cá segunda) e nas novas edicións dos poemarios publicados na Habana, Cabanillas mantivo unha actitude educadora. Pretendeu concienciar o pobo e achegalo ao nacionalismo. Con estes mesmos obxectivos redixiu, a instancias de Antón Villar Ponte, a peza dramática A man da santiña (1921). En colaboración con el comporía en 1926 a traxedia histórica O mariscal.

Ramón Cabanillas 1919
Fotografía en Vida Gallega.

Tamén en 1926 viu a luz o poemario Na noite estrelecida, onde, seguindo as teorizacións de Risco, Cabanillas reelabora mitos do ciclo artúrico que funcionen como símbolos produtivos. Lonxe de constituír un mero exercicio arqueolóxico, trátase, entón, dun texto no que un coidadísimo formalismo está ao servizo dun proceso de exaltación mítico-patriótica: os cabaleiros da Mesa Redonda veñen ser, deste xeito, os precedentes directos dos novos cabaleiros das Irmandades da Fala a procuraren o Santo Graal que é a redención de Galicia. Segundo o propio Cabanillas, trátase da máis lograda das súas obras, opinión que é compartida por unha parte importante da crítica actual.

Porén, en 1927, Cabanillas leva adiante o volume no que mellor desenvolve o lirismo de carácter intimista. Trátase do poemario titulado A rosa de cen follas onde as presenzas rosalianas resultan evidentes.

En 1920 foi elixido membro da Real Academia Galega, en substitución de José Salgado Rodríguez, sendo admitido co discurso A saudade nos poetas galegos, discurso que foi respondido por Eladio Rodríguez. En 1929 fixo o propio na Real Academia Española cun ensaio sobre Eduardo Pondal. Na década de 1930, instalado en Madrid, Cabanillas -en liña co seu admirado Basilio Álvarez- achegouse aos gobernos presididos por Alejandro Lerroux, o que lle custou o desapego e mais as críticas de certos sectores do galeguismo.

En 1936 permanecía na capital española cando estalou a guerra civil española. Trasladado a Valencia, Cabanillas -logo dun azaroso episodio- trasladouse á zona sublevada, intentando recupera a vida burocrática como secretario de diversos concellos (Meis, Silleda e Dozón). A súa obra atravesou un período de silencio, roto a finais da década dos 40 con Camiños no tempo. Comeza entón unha nova etapa en que viron a luz Antífona da Cantiga (1951), Da miña zanfona (1954), Versos de alleas terras e tempos idos (1954) e Samos (1958), o seu último libro publicado en vida.

En 1976 foille adicado o Día das Letras Galegas. A Xunta de Galicia acordou dedicar o ano 2009 a Cabanillas, organizando en colaboración co concello de Cambados unha serie de actos dentro do Ano Cabanillas para conmemorar o 50º cabodano da súa morte [3].

Breve autobiografía

En 1948, Francisco Fernández del Riego andaba a redactar unha antoloxía da poesía galega (que logo se publicaría como Escolma de poesía galega, 1955). No verán dese ano escribiu a Cabanillas, como fixo con outros poetas galegos, pedíndolle uns datos biográficos e a súa opinión sobre a poesía en xeral e a galega, en particular. Cabanillas contestoulle o seguinte:

Estilo literario

Autor de rápido recoñecemento popular e académico, Cabanillas conduciu á poesía galega cara á modernidade e a súa obra foi considerada desde os primeiros momentos dentro do canon da literatura galega. Admirado, mesmo idolatrado, polos principais dirixentes das Irmandades da Fala, é en relación con ese movemento onde debemos situar o seu labor. Se ben que para algúns críticos forma parte da Xeración de entre dous séculos xunto con Antonio Noriega Varela, o certo é que Cabanillas tamén pode ser considerado plenamente como "o poeta de Nós". En fin, situalo como "o poeta das Irmandades" semella a mellor de todas as opcións, dado que é a que máis responde tanto á cronoloxía da súa obra como á propia actitude temático-estilístico que nela se manifesta, sempre na dirección de representar liricamente os "intereses" e "necesidades" do nacionalismo e, xa que logo, na procura dunha estética nacional.

Algunhas características da poesía de Cabanillas son:

  • Trazos modernistas que o distinguen do popularismo ou formalismo dos devanceiros e o converten na ponte necesaria entre o Rexurdimento e a Vangardas. A influencia modernista aparece nos seus primeiros libros, onde convive co realismo e a reivindicación social, e farase máis notábel na súa obra Na noite estrelecida.
  • Tendencia ao sexual e colorista.
  • Preciosismo verbal.
  • Musicalidade.

Aínda que tamén escribiu prosa e teatro, a súa obra é fundamentalmente lírica, e pódese clasificar en:

Poesía lírica

Cambados Galicia 16
Detalle dun monumento en Cambados
  • Poesía social, de carácter agrarista e anticaciquil, que continúa a temática cívica de Curros Enríquez. Aparece nela unha exaltación do medio rural fronte á cidade, unha idea de Galicia como unidade colectiva e unha chamada á rebelión. Este tipo de poesía maniféstase máis nitidamente nos seus tres primeiros libros.
  • Poesía intimista, que lembra a Rosalía de Castro ou Bécquer nalgúns aspectos. O sentimento amoroso é o protagonista destas pezas, así como a conmoción ante a paisaxe. A rosa de cen follas é a máxima expresión deste tipo de poesía cuxo título provén dun dos versos de Rosalía "mais ve que o meu corazón/ é unha rosa de cen follas".
  • Poesía costumista, que presenta matices humorísticos ou irónicos así como novidades formais de carácter modernista que a afastan da poesía costumista do século XIX. Destacan dúas obras: Da miña zanfona e Versos de alleas terras e tempos idos.

Poesía modernista ou "novecentista"

Nela busca, desde o galego, tratar temáticas da literatura universal se ben que "galeguizándoas" en certos apartados da ambientación. O obxectivo de tales textos ten un carácter estético-patriótico dado que o poeta quere demostrar, xustamente, a valía do idioma para calquera ocasión. Asemade han de ser considerados como un exercicio no cal Cabanillas proba as súas cualidades en calquera terreo da "modernidade".

Poesía narrativa

Cabanillas realiza un poemario orientado cara á recuperación das raíces e a creación de mitos como un xeito de mobilizar a conciencia colectiva. Así nace Na noite estrelecida, obra na cal o poeta recupera os temas da materia de Bretaña, situando a acción en Galicia e dotando á historia dun forte sentido cristián, elemento que Cabanillas considera como definidor de Galicia.

Tamén de carácter narrativo é O bendito San Amaro, que narra o pecado, penitencia e milagres de Amaro de Aventei, personaxe lendario na tradición popular da comarca do Salnés, e Samos, que presenta a historia e a vida comunitaria deste mosteiro no que Cabanillas pasou algunhas tempadas[4].

Etapas

Statues of Valentín Paz Andrade, Carlos Casares and Ramón Cabanillas, Pontevedra city, Galicia
Estatuas de Paz-Andrade, Casares e Cabanillas en Pontevedra.
  • 1910-1915: Etapa pregaleguista. Nesta etapa mostra a nostalxia do desterrado polo que quedou atrás. É unha etapa de poesía cívica, reivindicativa e anticaciquista. As obras máis destacadas desta etapa foron: No desterro (1913) e Vento mareiro (1915).
  • 1916-1920: Etapa galeguista. Nesta etapa emprega a Galicia como suxeito colectivo para mostrar a contraposición entre o labrego galego de actitude positiva e o fidalgo castelán de actitude negativa ou pesimista. As obras máis destacadas desta etapa foron Da terra asoballada (1917) e A saudade nos poetas galegos (1920).
  • 1921-1930: Etapa mítico-saudosista. A intención da obra literaria de Ramón Cabanillas nesta etapa era crear unha verdade paralela que mostre as leccións do pasado para dominar o presente e ter un mellor futuro. A linguaxe da produción literaria desta etapa era complexa e sistemática, con moito simbolismo, polo que non era entendible pola maior parte da poboación, e parte da intención destas obras non se cumpriu. As obras máis destacadas desta etapa foron A man da santiña (1921), O cabaleiro do Sant Grial (1922), Estoria do bendito San Amaro que foi chamado no mundo o Cabaleiro de Arentéi (1925), Na noite estrelecida (1926), O Mariscal (1926) e A rosa de cen follas (1927).
  • 1949-1959: Etapa da posguerra. As obras máis destacadas desta etapa foron Camiños no tempo (1949), Antífona da cantiga (1951), Da miña zanfona (1954), Versos de alleas terras e tempos idos (1955) e Samos (1958).

Obras

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de Ramón Cabanillas.
O Mariscal.
O Mariscal
Estatua fronte á casa do concello de Cambados.
Estatua fronte á casa do concello de Cambados
Monólito de Asorey a Cabanillas, en Cambados.
Monólito de Asorey a Cabanillas, en Cambados. 
Cancioneiro Popular Galego, BBdCG.
Cancioneiro Popular Galego, BBdCG
Da terra asoballada, edición na Biblioteca Galega 120.
Da terra asoballada, edición na Biblioteca Galega 120

Notas

  1. Ramón Cabanillas en su centenario (en castelán)
  2. Jorge Domingo (2004) Españoles en Cuba en el siglo XX Editorial Renacimento: Sevilla, páx. 80.
  3. "Presidencia coordinará las ayudas de la Xunta para los actos del «Ano Cabanillas»". La Voz de Galicia, edición Arousa (en castelán). 13-6-2008. p. 8 (local). El alcalde de Cambados, José Manuel Cores Tourís, y la concejala de Cultura, Anabel Carro, mantuvieron ayer al mediodía una reunión con el secretario xeral de la Consellería de Presidencia, Gumersindo Guinarte, para presentarle el proyecto cultural 2009 Ano Cabanillas. Fruto de este encuentro es el compromiso adquirido por el secretario xeral para colaborar desde la Xunta en la organización de los actos que se realicen al amparo de esta conmemoración y anunció el nombramiento inmediato de una persona que se encargará de coordinar con los distintos organismos de (...)
  4. Lingua galega e literatura. Anaya. 2012.
  5. Con entrada de Juan Rodríguez Cabrera.
  6. Vilavedra, Dolores, ed. (2000). Diccionario da Literatura Galega. Obras III. Galaxia. ISBN 84-8288-365-8.
  7. Iglesias, Xabier: Os libros de Ánxel Casal, 21/12/2012.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

9 de novembro

O 9 de novembro é o 313º día do ano do calendario gregoriano e 314º nos anos bisestos. Quedan 52 días para rematar o ano.

Acción Gallega

Acción Gallega (ou Acción Galega) foi o nome dun dos mais importantes movementos agrarios e anticaciquís na Galiza do século XX. De carácter decididamente antiforal, redencionista, na súa primeira formulación, constituíu a variante radical do agrarismo galego na década de 1910.

Día das Letras Galegas

O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro.

Ata 2019, ano dedicado a Antón Fraguas, 59 autores (4 mulleres e 55 homes) foron homenaxeados nas 57 edicións do Día das Letras Galegas, posto que 1998 foi o único ano en que houbo unha homenaxe colectiva (en concreto, a tres trobadores ligados á Ría de Vigo).

Editorial de los Bibliófilos Gallegos

Bibliófilos Gallegos foi unha editorial galega fundada en Santiago de Compostela en 1949.

Elexía

A elexía é un subxénero da lírica consistente nunha composición breve sen fixación temática, que pretende conmover o público, invitar a unha reflexión sosegada ou consolar persoas.

Rodríguez Adrados considera que a elexía é por antonomasia a poesía da exhortación e da reflexión sobre temas como a fugacidade da vida, a xuventude ida, a saudade, a gabanza do campo, a morte.

Como texto elexíaco podemos sinalar "Na morte de Castelao", de Ramón Cabanillas.Na literatura clásica destacan como elexías algunhas obras de Tibulo, Ovidio ou Propercio.

Francisco Asorey

Francisco Hipólito Asorey González, nado en Fefiñáns, Cambados o 4 de marzo de 1889 e finado en Santiago de Compostela o 2 de xullo de 1961, comunmente citado como Asorey, foi un escultor galego, considerado por algúns críticos como unha das figuras mais relevantes da renovación da arte escultórica española do século XX. Está soterrado no Panteón de Galegos Ilustres.

Francisco Fernández Rei

Francisco Fernández Rei, nado en Fefiñáns (Cambados) o 30 de novembro de 1952, é un filólogo galego. Exerce a docencia na USC, sendo catedrático de Filoloxía Románica desde 1992.

Illa da Insuíña

A illa da Insuíña, tamén coñecida coma illa de Medal, é unha illa galega situada na marxe dereita da desembocadura do río Verdugo, na ría de Vigo. Está unida á parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio por unha pequena ponte, e ten 3.810 m².

A illa pertenceu ao pintor Antonio Medal, e no seu momento serviu de lugar de encontro para persoeiros como Asorey, Laxeiro, Castelao, Valle-Inclán, Manuel Quiroga ou Ramón Cabanillas.

No ano 2007 a illa foi adquirida polo Ministerio de Medio Ambiente por 184.104 €, sendo restaurada e acondicionada.

Ten diversos elementos arquitectónicos. Está rodeada por un muro de pedra con ameas, e conta cun pombal, un hórreo, e un ceador, todo feito con granito do país.

La Zarpa

La Zarpa foi un diario agrarista que se publicou en Ourense entre 1921 e 1936. Fundouno o crego e xornalista Basilio Álvarez o 27 de xullo de 1921 e foi dirixido, entre outros, por Antonio Buján, Jacinto Santiago e Roberto Blanco Torres. Colaboraron no xornal, entre moitos outros, Ramón Cabanillas, Manuel Lustres Rivas, Ramón Fernández Mato, Xaime Quintanilla Martínez, Eduardo Blanco Amor, Alexandre Bóveda, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Valentín Paz-Andrade, Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Antón Villar Ponte e Antonio Rey Soto.

Marino Dónega

Marino Dónega Rozas, nado en Huelva o 3 de marzo de 1916 e finado na Coruña o 1 de abril de 2001, foi un escritor e político galego.

Na noite estrelecida

Na noite estrelecida é unha obra poética de Ramón Cabanillas, publicada en 1926. Está conformada por tres poemas escritos en series de pareados alexandrinos, mesturados con romances e sextinas, que ten como tema principal a materia de Bretaña.

Dúas das sagas xa foran publicadas (con algunhas variantes) antes de 1926, mais foi nese ano cando apareceron as tres reunidas nunha publicación. Posteriormente, os poemas foron incluídos dentro das edicións da Obra Completa de Ramón Cabanillas (1959 e 1979), de xeito individualizado. Na noite estrelecida foi publicada de novo en 1976 (ed. de Ricardo Carballo Calero) e en 1988 (Xosé Ramón Pena, a única edición anotada e comentada até a data).

O Mariscal

O Mariscal é unha obra teatral de intención política escrita por Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte, baseada na vida de Pardo de Cela. Se ben o primeiro manuscrito está datado en Mos en 1920, foi publicada pola editorial Lar en 1926, con debuxos de Álvaro Cebreiro.

Panteón de Galegos Ilustres

O Panteón de Galegos Ilustres atópase na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. Toda a igrexa é Panteón, aínda que so se estean usando a Capela da Visitación (ou de San Domingos en Suriano) e a Capela do Santo Cristo. Nel repousan os restos de galegos sobranceiros como a poeta Rosalía de Castro, o político rexionalista Alfredo Brañas, o escultor Francisco Asorey, o poeta Ramón Cabanillas, o xeógrafo Domingo Fontán e o artista e político nacionalista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

A idea foi proposta inicialmente polos emigrantes galegos en Cuba.

Premio Ramón Cabanillas de Tradución

O premio Ramón Cabanillas de Tradución foi un galardón literario creado pola Xunta de Galicia en 1989 (dotado con 500.000 pesetas) e cancelado en 1996 por "desinterese dos responsables da Administración autonómica".

Algúns gañadores do dito premio foron Benigno Fernández Salgado polo Diario de Eva de Mark Twain (Positivas, 1992) ou Xela Arias por O derradeiro dos mohicanos (Xerais, 1993).

Serra do Oribio

A serra do Oribio é unha das serras orientais de Galiza. Esténdense en dirección E-SO por terras dos concellos de Samos e Triacastela. Está limitada ao norte polo val do río Sarria e ao sur polo río Lóuzara A serra está conformada por pelitas. Na vertente oeste nacen varios afluentes do río Sarria e na leste do Lóuzara.

Está incluída como espazo natural no denominado Ancares-Courel.

O punto de maior elevación é o pico Oribio, con 1.447 metros sobre o nivel do mar.

Victoriano Taibo

Victoriano Taibo García, nado en Santiago de Compostela o 22 de abril de 1885 e finado en Vigo o 13 de marzo de 1966, foi un mestre, poeta e narrador galego, discípulo literario de Ramón Cabanillas, galeguista, de esquerdas, membro fundador das Irmandades da Fala e integrante da Real Academia Galega.

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena Sánchez, nado en Betanzos o 27 de setembro de 1956, é un profesor e escritor en lingua galega.

Membros de número da Real Academia Galega
Plenario
actual
Históricos
Membros de honra da Real Academia Galega

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.