Racionalismo

O racionalismo (do latín ratio, razón) é unha corrente filosófica que concede primacía absoluta á razón humana na adquisición de coñecemento, en contraste co empirismo, que resalta o papel da experiencia, en especial o sentido da percepción.

A distinción entre racionalismo e empirismo é unha subdivisión posterior dos historiadores, pero nun principio ambos conceptos estaban incluídos no termo 'racionalismo'. Comprende todo o século XVII e é un largo e intenso epígono metafísico aos grandes progresos da ciencia do Renacemento. Nel, a filosofía adopta o paradigma matemático da xeometría e o paradigma experimental da física, opoñéndose tanto ao escepticismo pirrónico coma ao formalismo escolástico.

O racionalismo epistemolóxico aplicouse a outros campos da investigación filosófica.

Na ética, o racionalismo é a afirmación de que certas ideas morais primarias son innatas na especie humana, e que tales principios morais son evidentes en si á facultade racional.

Dentro da filosofía da relixión, o racionalismo afirma que os principios fundamentais da relixión son innatos ou evidentes en si e que a revelación non é precisa, coma no deísmo. Dende finais do século XVIII, o racionalismo xogou na teoloxía un papel fundamentalmente antirrelixioso.

Orixe

O racionalismo apareceu de distintos xeitos dende as primeiras etapas da filosofía occidental, mais identifícase ante todo coa tradición procedente do filósofo e científico francés do século XVII René Descartes. O filósofo pensaba que a xeometría representaba o ideal de todas as ciencias e tamén da filosofía. Mantiña que certas verdades universais, evidentes en si, só podían ser descubertas por medio da razón, e que delas é posible deducir o resto de contidos da filosofía e máis das ciencias. Manifestaba que estas verdades "evidentes en si" eran innatas, non derivadas da experiencia.

Este tipo de racionalismo foi desenvolto por outros filósofos europeos, coma o francés Baruch Spinoza e o pensador e matemático alemán Gottfried Wilhelm Leibniz. Opuxéronse a el os empiristas británicos, coma John Locke e David Hume, que pensaban que todas as ideas proviñan dos sentidos.

Principais características

As principais características desta corrente filosófica son:

  • Confianza no poder da razón.
  • Postulación das ideas innatas. Crenza de que os seres humanos nacemos xa con certas ideas.
  • Utilización do método lóxico-matemático para explicar os razoamentos e do empírico para confirmalos se é posible.
  • Recuperación de doutrinas clásicas, tales como o atomismo, o fatalismo e o platonismo gnoseolóxico.
  • Crítica e revisionismo escolástico. Crítica dos principios Igrexa.
  • Mecanicismo do universo.

Véxase tamén

Outros artigos

Antonio Tenreiro Rodríguez

Antonio Tenreiro Rodríguez, nado na Coruña o 5 de xaneiro de 1893 e finado o 31 de maio de 1972, foi un dos principais arquitectos galegos do século XX. O seu estilo comezou no eclecticismo para logo evolucionar cara á art déco e ao racionalismo.

A súa obra máis coñecida é a sede do Banco Pastor da Coruña.

Arquitectura neogótica

O estilo arquitectónico neogótico refírese ao movemento xurdido no século XIX, pexorativamente denominado como pseudogótico, consistente na arquitectura realizada a imitación da gótica medieval. Polo seu común rexeitamento ao racionalismo neoclásico, é un estilo ligado ao romanticismo, e polas súas implicacións políticas, co nacionalismo. Como arquitectura historicista é unha reelaboración que reproducía a linguaxe arquitectónica propia do estilo gótico con formas máis ou menos xenuínas.

Apareceu en Inglaterra a mediados do século XVIII. No século XIX a Europa continental viviu unha auténtica febre neogótica que restaurou e completou catedrais, como a de Barcelona. En 1836 construiríase neste estilo o Parlamento de Londres. En Francia destacou o labor restauradora e reconstrutora do francés Eugène Viollet-le-Duc.

Ciencia

A ciencia é, en sentido amplo, calquera coñecemento organizado. Pero, en sentido máis restritivo, é o conxunto dos sistemas de coñecemento organizado con obxectos e métodos de estudo determinados e baseados en leis obxectivas que se poden verificar (o que se chama o método científico), e tamén ao sistema empregado para adquirir ditos coñecementos.Este artigo está de acordo co sentido máis restritivo da palabra. A ciencia, tal como se considera neste artigo, denomínase moitas veces como ciencia experimental, a fin de diferenciala da ciencia aplicada, que é a aplicación da investigación científica a necesidades humanas específicas, aínda que as dúas estean certamente interconectadas. E moito menos se consideran as denominadas ciencias sociais.A vontade da comunidade científica é a de producir "coñecementos científicos" a partir de métodos de investigación rigorosos, verificábeis e reproducíbeis. En canto aos "métodos científicos" e aos "valores científicos", son á vez o produto e a ferramenta de produción destes coñecementos, e caracterízanse polo seu obxectivo, que consiste en permitir, comprender e explicar o mundo e os seus fenómenos da maneira o máis elemental posíbel, é dicir, producir coñecementos aproximándose o máis posíbel aos feitos observábeis. A diferenza dos dogmas, que pretenden igualmente dicir a verdade, a ciencia está aberta á crítica, e os coñecementos científicos, así como os seus métodos, están sempre abertos á revisión. Ademais, as ciencias teñen como finalidade comprender os fenómenos, e obter diso previsións xustas e aplicacións funcionais. Estes coñecementos son a base de numerosos desenvolvementos técnicos que teñen forte impacto na sociedade.

Concilio Vaticano Primeiro

O Concilio Vaticano Primeiro foi o primeiro Concilio ecuménico celebrado na cidade do Vaticano, chamado tamén Concilio Ecuménico Vaticano I. Foi convocado polo Papa Pío IX en 1869 para enfrontar ó racionalismo e ó galicanismo. Neste Concilio aprobouse como dogma de fe a doutrina da infalibilidade do papa.

Deísmo

O deísmo é unha doutrina relixiosa que rexeita toda revelación e só cre na existencia de Deus e na relixión natural.

Edificio Aurora Polar

O edificio Aurora Polar de Vigo é un inmoble obra do arquitecto vigués Jenaro de la Fuente Álvarez encargado pola compañía de seguros Aurora Polar en 1959, que se atopa no centro da cidade no chafrán que forman as rúas Urzáiz e República Arxentina. É un edificio de feitura moderna con formas dinámicas propias do racionalismo, movemento xa iniciado por Xosé Bar Boo en 1957 co edificio Plastibar. Salientan a disposición recuada dos últimos andares, as terrazas voadas de formas curvas no encontro das rúas que achegan sensación de movemento, a disposición inclinada das cristaleiras do primeiro andar, e tamén os materiais: granito con ferro e vidro nos antepeitos dos balcóns, e as faixas lonxitudinais de peciñas de gres azul que contribúen ao enriquecemento plástico do conxunto. Destacan tamén as esculturas, as laterais en relevo, e a principal no chafrán que representa unha familia protexida polo seguro, obra de Camilo Nogueira. Trátase dun dos edificios máis significativos da arquitectura racionalista en Vigo, e un dos pioneiros da introdución na cidade do movemento moderno.

Empirismo

Seccións: Razoamento científico e Epistemoloxía: o discurso sobre a ciencia.

O empirismo é unha teoría filosófica que pon énfase no papel da experiencia, ligada á percepción sensorial, na formación do coñecemento. Para o empirismo máis extremo, a experiencia é a base de todo coñecemento, no só en canto á súa orixe senón tamén en canto ao seu contido. Pártese do mundo sensíbel para formar os conceptos e estes encontran no sensíbel a súa xustificación e a súa limitación.

O termo empirismo provén do grego ἐμπειρισμός (empeirismós), derivado de ἐμπειρία (empeiría, 'experiencia', 'coñecemento', 'habilidade'), cuxa tradución ao latín é experientia, de onde deriva a palabra experiencia.

O empirismo, baixo este nome e con este significado, xorde na idade moderna como froito maduro dunha tendencia filosófica que se desenvolve sobre todo no Reino Unido desde a Baixa Idade Media. Adoita considerarse en contraposición ao chamado racionalismo, máis característico da filosofía continental europea.

En filosofía, o empirismo é un movemento que cre que as experiencias son as únicas (ou principais) formadoras das ideas, discordando, por tanto, da noción das ideas innatas. En ciencia, o termo empirismo adoita utilizarse ao falar do método científico tradicional (que ten a súa orixe no empirismo filosófico), que defende que as teorías científicas deben basearse na observación do mundo, en vez de na intuición ou na fe.

Na antigüidade clásica o empírico referíase ao coñecemento que os médicos, arquitectos, artistas e artesáns en xeral obtiñan a través da súa experiencia dirixida cara ao útil e técnico, en contraposición ao coñecemento teórico concibido como contemplación da verdade á marxe de calquera utilidade.

Especulación

A especulación (do latín especulare, observar, ver) é unha reflexión teórica sobre un asunto ou unha materia co fin de poder recoñecelo e examinalo.

Nun principio, a palabra especulación non era imaxinar algo sen fundamento, senón investigar meticulosamente algo. Na teoría, esta palabra ocupa o primeiro lugar na clasificación das ciencias que fai Aristóteles.

Filosofía

A filosofía (do grego - φιλοσοφία philos / sophia, "amor á sabedoría") é o estudo das cuestións xerais e fundamentais relacionadas coa natureza da existencia humana; do coñecemento; da verdade; valores morais e estéticos; da mente; tanto da lingua como do universo no seu conxunto en suma pódese dicir que é a procura do coñecemento puro sen deixarse corromper por sistemas preestabelecidos.

A filosofía' busca cuestionar a verdade e os seus problemas. Neste senso é máis crítica que dogmática. Ata o século XVIII-XIX, facía referencia ó conxunto de saberes desinteresados e racionais, que tiñan por obxecto a comprensión xeral do home e do mundo, buscando conclusións sobre as súas causas últimas e bases máis profundas, polo que se diferenza da ciencia, que estuda de xeito único as materias que entran no seu propio campo, dende o punto de vista da súa descrición e explicación. Este foi o carácter polo que a filosofía se diferenza e deixa de ser ciencia a partir do século XIX. As súas disciplinas son a lóxica e a teoría do coñecemento, a metafísica, a estética e a ética. A psicoloxía, o mesmo que as demais ciencias, desenvolveuse a partir da filosofía.

Francisco Castro Represas

Francisco Castro Represas, nado en Vigo o 11 de xuño de 1905 e finado ibídem o 23 de abril de 1997, foi un arquitecto galego.

Humanismo (filosofía)

O humanismo é unha actitude filosófica e ética que fai fincapé no valor e a axencia dos seres humanos, individual e colectivamente, e que polo xeral prefire o pensamento crítico e as probas (racionalismo, empirismo) sobre a aceptación de dogmas ou a superstición.

O significado do termo humanismo flutuou, segundo os movementos intelectuais sucesivos que se identificaron con el. Unha relación da evolución do significado da palabra humanismo desde o punto de vista dun humanista secular moderno é a dada por Nicolas Walter. Unha perspectiva similar, pero algo menos polémica, encóntrase en Richard Norman. Unha visión histórica e orientada filoloxicamente pódese ver en Vito Giustiniani.En xeral, porén, o humanismo refírese a unha perspectiva que afirma algunha noción de liberdade e progreso.

Nos tempos actuais, os movementos humanistas están normalmente aliñados co secularismo e hoxe "humanismo" normalmente refírese a unha filosofía de vida non teísta centrada no poder dunha humanidade que mira cara á ciencia en vez cata ao dogma relixioso co fin de entender o mundo.

Idea

Unha idea (do grego είδον eidon: 'eu vin') é unha imaxe que existe ou se forma na mente. A capacidade humana de contemplar ideas está asociada á capacidade de raciocinio, autorreflexión e a habilidade de adquirir e aplicar o intelecto. As ideas dan lugar ós conceptos, que son a base de calquera tipo de coñecemento, tanto científico como filosófico. Non obstante, nun sentido popular, unha idea pode suscitarse mesmo en ausencia de reflexión, por exemplo, ó falar da idea dunha persoa ou dun lugar.

Ludwig Mies van der Rohe

Ludwig Mies van der Rohe, nado en Aquisgrán o 27 de marzo de 1886 e finado en Chicago (Illinois) o 17 de agosto de 1969, foi un arquitecto alemán considerado un dos principais nomes da arquitectura do século XX. Foi mestre da Bauhaus e un dos formadores do que se coñece por International style.

Mies van der Rohe posuía unha arquitectura sempre vinculada ao racionalismo espacial. A súa concepción dos espazos arquitectónicos envolvía unha profunda depuración da forma, supeditada sempre ás necesidades do lugar. Ese minimalismo exprésase nunha das súas máis famosas frases: "Menos é máis". Nos seus proxectos predominan espazos abertos ou transparentes, usando sempre materiais como o vidro e o metal.

Nihilismo

O nihilismo (do latín nihil, nada) é unha doutrina filosófica que suxire a negación dun ou varios aspectos significativos da vida. Adoita presentarse en forma de nihilismo existencial, argumentando que a vida carece dun significado obxectivo, propósito ou valores intrínsecos. O nihilismo afirma que a moralidade non existe inherentemente e que calquera valor moral establecido é forzado abstractamente. Tamén pode adoptar formas epistemolóxicas ou ontolóxicaa/metafísicas, significando respectivamente que nalgúns aspectos o coñecemento non é posible, ou que a realidade non existe verdadeiramente. O termo nihilismo foi empregado por primeira vez por Friedrich Heinrich Jacobi (1743–1819), que o usou para caracterizar o racionalismo e en particular a filosofía crítica de Immanuel Kant.

Pedro Alonso Pérez

Pedro Alonso Pérez, nado en Madrid o 27 de maio de 1907 e finado en Vigo o 20 de abril de 1990, foi un arquitecto español, que traballou en Galicia.

Racionalismo arquitectónico

O racionalismo arquitectónico é unha corrente xurdida en Europa trala I Guerra Mundial que defende o funcionalismo dos edificios, a ausencia de decoración, a ruptura cos valores históricos e a influencia da produción industrial.

Razón

A razón é a facultade ou capacidade humana que permite resolver problemas, fixar os criterios da verdade e o erro, discernir entre o ben e o mal e poñer en marcha os medios en vista dunha fin dada. O pensamento racional permite a abstracción, a asociación de ideas, a autoconciencia e os símbolos, características propias do ser humano fronte aos animais. A razón tamén está ligada á capacidade para decidir entre diversas alternativas de conduta.

René Descartes

René Descartes, tamén coñecido como Cartesius, nado en La Haye en Touraine (localidade rebautizada como Descartes máis tarde) o 31 de marzo de 1596 e finado en Estocolmo o 11 de febreiro de 1650, foi un filósofo e matemático francés. Fíxose moi coñecido sobre todo polo seu traballo revolucionario en Filosofía, e mais por ser o inventor do sistema de coordenadas cartesiano, que influenciou o desenvolvemento do Cálculo moderno. Descartes, por veces chamado o fundador da filosofía moderna e o pai da matemática moderna, é considerado un dos pensadores máis importantes e influentes da historia humana. Inspirou aos seus contemporáneos e a xeracións de filósofos. Na opinión dalgúns comentadores, iniciou a formación daquilo que hoxe se chama o Racionalismo continental (supostamente en oposición á escola que predominaba nas illas británicas, o Empirismo), posición filosófica dos séculos XVII e XVIII en Europa.

Outros autores non ven unha grande oposición entre o "Racionalismo continental" do século XVIII e o empirismo. O gran cisma iniciaríase con Hegel, que partiu da posición de Kant onde había xa algúns sinais de Idealismo, mais aínda unha base racional que non se desviaba moito da tradición empírica inglesa. A lectura de Hume foi un punto fulcral na obra de Kant, ata entón sen ningún texto relevante publicado. Kant dixo mesmo que Hume o despertou dun "sono dogmático".

Romanticismo

O Romanticismo foi un movemento artístico e ideolóxico que se orixinou en Alemaña e no Reino Unido a finais do século XVIII como unha reacción contra o racionalismo da Ilustración e o Neoclasicismo, dándolle preponderancia ó sentimento e a unha serie de valores humanos como a liberdade, o irracionalismo e a particularidade do individuo.

O Romanticismo apareceu como consecuencia das loitas políticas, ideolóxicas e sociais que se estaban a dar no continente europeo, baixo un contexto de revolucións liberais e conquistas territoriais por parte do imperio napoleónico, que unidos a un desexo de liberdade contribuíron á aparición dun sentimento patriótico e nacionalista en Europa.

Ademais, en medio das violentas tensións xeradas pola nova clase ascendente da burguesía e a decadente nobreza desenvolveuse o proceso de consolidación das grandes nacionalidades europeas.

Desenvolveuse fundamentalmente na primeira metade do século XIX, estendéndose dende Alemaña a Inglaterra, Francia, Italia, España, Rusia, Polonia, Estados Unidos e as recentemente nacidas repúblicas hispanoamericanas. Posteriormente, fragmentouse ou transformouse en diversas correntes, como o Parnasianismo, o Simbolismo, o Decadentismo ou o Prerrafaelismo, sumidas na denominación xeral de Posromanticismo, unha derivación do cal foi o chamado Modernismo hispanoamericano e español. Posteriormente, unha das correntes vangardistas do século XX, o Surrealismo, levou ó extremo os postulados románticos.

A insistencia do romántico no sentimento e no irracioanalismo pulou a paixón creadora nas artes, onde atopou a súa perfecta forma de expresión e, especialmente, na literatura e na música.

O individualismo da burguesía atopou a súa máxima expresión cultural no romanticismo. O artista romántico exaltou a sensibilidade e a subxectividade, e temas como a imaxinación, a paixón, o sentimento, o mito, a lenda ou as paisaxes exóticas convertéronse en motivos temáticos que reforzaban esa mentalidade individualista e que recoñecían o dereito do artista a seguir o seus propios sentimentos e instintos humanos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.