Ra verde

A ra verde,[2][3] Pelophylax perezi, é unha especie de anfibio anuro da familia dos ránidos.

Ra verde
Pelophylax perezi
Pelophylax perezi by-dpc

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)

Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Amphibia
Orde: Anura
Familia: Ranidae
Xénero: Pelophylax
Especie: P. perezi
Nome binomial
Pelophylax perezi
(López-Seoane, 1885) [1]
Sinonimia
Referencia:[1]
  • Rana grafi Crochet, Dubois, Ohler & Tunner, 1995
  • Rana perezi López-Seoane, 1885
Rperezi01
Ra verde.

Características

É unha ra de corpo robusto (sobre todo os exemplares vellos) de tamaño de mediano a grande, xa que pode alcanzar os 10 cm de lonxitude nas femias, aínda que non adoita superar os 7,5 cm, coa cabeza tan longa como larga, co fociño acabado en punta ou lixeiramente arredondado e os ollos moi grandes, elevados, prominentes e moi xuntos, coa pupila vertical. Os membros anteriores son robustos e teñen catro dedos longos; os posteriores, moi longos, fortes e musculosos, rematan en cinco dedos unidos por unha membrana interdixital completa.[2]

A coloración do dorso é moi variábel, pero adoita ser verde, máis ou menos clara, con tendencia á parda conforme se avanza cara a parte posterior do corpo, e cunhas manchas de cor verde máis escura, ás veces negras, na cabeza, tronco e patas, e unha liña vertebral verde máis clara e sen a característica mancha temporal das ras pardas. O ventre é de cor agrisada.[2][3]

Variacións

Hai unha grande variación individual na cor e no deseño das manchas dorsais. Porén, non se coñecen tendenxiaas xeográficas concretas. Até hai poucos anos todas as ras verdes ibéricas considerábanse como unha subespecie da especie europea Rana ridibunda, que fora descrita por Víctor López Seoane en 1885 como Rana esculenta perezi, a partir de individuos da Coruña. Porén, baseándose nalgunhas diferenzas morfolóxicas e, sobre todo, bioquímicas e xenéticas, foi elevada hai pouco ao rango de especie, Rana perezi López-Seaoane, 1885.[2]

E moi recentemente foi reclasificada no xénero Pelophylax, como Pelophylax perezi (López-Seoane, 1885), que é o nome científico válido na acualidade, conservando a primacía do célebre naturalista galego que a describiu por primeira vez.[1]

Dimorfismo sexual

Os machos posúen dous sacos vocais externos nas comisuras bucais; son de cor branca agrisada ou gris, e vense como dobras cutáneas cando están desinchados. Como ocorre noutros anuros, os machos teñen os membros anteriores moito máis fortes e musculosos que as femias, e cunhas rugosidades de cor escura na cara interna do primeiro dedo, para facilitar o amplexo. As femias, en cambio, son máis voluminosas e alcanzan xeralmente maior tamaño.[2]

Distribución

Pelophylax perezi range Map
Distribución da ra verde.

A ra verde é unha especie endémica, e bastante abundante, da península Ibérica e do sur de Francia, aparecendo até case os 2 400 m de altitude. [4]

O límite de distribución setentrional non está claro. Constatouse a súa presenza até as proximidades de Lión polo leste e até o departamento de Vendée, polo oeste.[5]

Tampouco se coñece o límite na parte central da distribución francesa, onde é posíbel que se encontre ao sur da conca do río Loira. Cara ao sur, a especie non supera o estreito de Xibraltar, non aparecendo, por tanto, na África continental.[5]

Foi introducida nas illas Baleares (Mallorca, Menorca, Ibiza e Formentera), Canarias (agás en El Hierro e Lanzarote), Azores e Madeira. [4]

En Galicia pode verse en todo o país, aínda que é máis abundante nas zonas cálidas do centro e o sur. Encóntrase desde o nivel do mar até os cumios das montañas, chegando aos 1800 m de Pena Trevinca.[2][3]

Nas provincias da Coruña e Lugo é menos montana, e non e doado vela por riba dos 700 m de altitude.[2]

Bioloxía

Hábitat

É unha especie moi ligada á auga, podéndose encontrar tanto en pequenas charcas, estanques, pozas, lagos, lagoas e marismas como nos ríos, grandes e pequenos, sempre que sexan de augas estancadas ou de curso moi lento.[3] Os adultos prefiren particularmente as augas permanentes, tranquilas, de certa profundidade e con moita vexetación nas beiras. Os xuvenís e subadultos adoitan aparecer tamén en zonas marxinais como brañas, prados húmidos, arroios, regos de prados e charcos temporais.

Actividade

En Galicia a maioría dos espécimes adultos hibernan (cousa pouco común nos anfibios galegos) de novembro a marzo, sobre todo os que viven nas zonas máis frías. Pola contra, os xuvenís e subadultos poden verse activos nos meses invernais. Poden ser activos tanto de día como de noite e, durante o día, gústalles tomar o sol nas beiras, ou sobre plantas ou obxectos flotantes.[2]

Comportamento

Pelophylax perezi 01 by-dpc
A ra verde é unha especie estritamente acuática.

A ra verde é un animal moi áxil, excepcional saltadora (pode dar brincos de até 2 m de lonxitude), nadadora e mergulladora. É unha especie gregaria, e adoita vivir en grandes e ruidosas colonias. É moi asustadiza, e salta rapidamente á auga cando advirte o máis lixeiro perigo. Despois de saltar á auga adoita afastarse moito da beira, e tentan agocharse entre a vexetación somerxida ou enterrada na lama do fondo; este comportamento difire notabelmente do das outras ras galegas, que regresan rapidamente á terra despois de saltaren á auga. Moi competitiva, cano un insecto voa sobre a auga moitas ras acoden ao lugar, molestándose entre si e saltando unhas sobre as outras até que unha delas consegue a captura. Pode cazar insectos en voo saltando a considerábel altura (até medio metro). Cando se aproxima un depredador, por exemplo unha cobra, ínchase de aire e baixa a cabeza para dificultar a trabada do agresor, sobre todo cando se trata dunha ra de bo tamaño. Outra estratexia defensiva que practica con relativa frecuencia é a expulsión dun chorro de urina pola cloaca que desconcerta ao predador.[2]

Alimentación

Pelophylax perezi 03 by-dpc
Cágado de ra verde.
Pelophylax perezi 02 by-dpc
Cágado de ra verde na fase tetrápoda.

Moi voraces, comen practicamente calquera animal máis pequeno que elas que se lles achegue. A maior parte da súa dieta compóñena os artrópodos, seguidos de moluscos e vermes, aínda que tamén se coñecen capturas de pequenos vertebrados, como peixes, roedores e outras ras (mesmo da súa mesma especie).[2][3]

Os cágados aliméntanse de algas, detritos orgánicos, plantas fanerógamas, fungos e, ás veces, de pequenos artrópodos e vermes nematodos.[2]

Reprodución

As ras verdes galegas adoitan entrar en celo ao saíren do letargo invernal no mes de marzo. Durante este mes e até comezos de xulño os machos cantan ruidosamente e perseguen ás femias cos sacos vocais inchados. O amplexo é axilar e as femias poñen os ovos (cada unha entre 800 e 10 000, segundo o seu tamaño) que son depositados en masas globosas nas charcas ou nos remansos dos ríos nos que viven. Os ovos miden de 1 a 2 mm de diámetro, pero están recubertos dunha cápsula xelatinosa de 7 a 8 mm. A eclosión ten lugar ao cabo de 5 ou 6 días.[2][3]

No momento da eclosión, as larvas miden de 5 a 6 mm, aínda que os cágados máis desenvolvidos acadan 60 ou 70 mm (cítanse larvas de até 90 mm de lonxitude total, cabeza-cola). O espiráculo sitúase no lado esquerdo da cabeza, e o ano ábrese máis atrás. A coloración é apardazada ou verdosa na rexión dorsal, con ou sen manchas, e branca nacarada na ventral. O desenvolvemento larvario é bastante lento (de 2 a 4 meses). Cando acaba a metamorfose as pequenas ras miden entre 1,8 e 2,45 cm (cunha media de 2 cm). A coloración dos xuvenís é moi semellante á dos adultos, pero os seus costumes son máis terrestres, e pódense ver con frecuencia bastante lonxe da auga, en herbazais húmidos.[2][3]

Ameazas e estado da poboación

Depredación

A ra verde ten unha ampla lista de depredadores debido á súa abundancia. Entre eles están moias aves (miñatos, garzas, cegoñas, mouchos, curuxas etc.), pequenos carnívoros (teixugos, furóns, xenetas, londras etc.) e réptiles como as cobras acuáticas (Natrix natrix e N. maura. Os individuos xuvenís son tamén presa frecuente das ras adultas. Así mesmo, o home pode considerarse un depredador desta especie, pois as ancas de ra son moi apreciadas en moitos lugares de Galicia.[2]

Estado actual

É a especie de anfibio máis abundante e máis amplamente distribuído da fauna galega, e as súas poboacións no noso pais, a pesar do consumo das súas ancas, e á desaparición do seu máis grande hábitat, a lagoa de Antela, non só non diminúen, senón que mesmo están aumentando os seus efectivos, debido principalmente á proliferación de minicentrais eléctricas.[2][3]

Porén, noutras zonas de España as súas poboacións están diminuíndo de forma alarmante nos últimos tempos debido ao aumento do uso de herbicidas e outros produtos fitosanitarios.[3]

A nivel global, a especie aparece no anexo III do Convenio de Berna e no anexo V da Directiva Europea de hábitats naturais. Está rexistrada no Libro vermello de especies ameazadas de España e en varios libros vermellos autonómicos. Porén está presente en moitas áreas protexidas, como nos Parques Nacionais de Cabañeros e de Doñana en España e, en Portugal no de Peneda-Gerês. A UICN cualfiucou en 2009 a situación da especie como "LC" (pouco preocupante).[6]

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 Pelophylax perezi (López-Seoane, 1885) no SIIT.
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 2,14 Galán e Fernández (1993), pp. 180-184 e 201-202.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 3,8 Asensi, M. (2006), pp. 80-81.
  4. 4,0 4,1 "Enciclopedia Virtual de los Vertebrados Españoles. Hábitat de P. perezi" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 03 de maio de 2009. Consultado o 30 de outubro de 2013. Museo Nacional de Ciencias Naturales, Madrid-CSIC.
  5. 5,0 5,1 "Atlas y Libro Rojo de los Anfibios y Reptiles de España" (en castelán). Ministerio de Agricultura, Medio Ambiente e Alimentación, España
  6. Jaime Bosch, Miguel Tejedo, Pedro Beja, Iñigo Martínez-Solano, Alfredo Salvador, Mario García-París, Ernesto Recuero Gil & Trevor Beebee (2009): Pelophylax perezi na Lista vermella da IUCN, versión 2013.1.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Asensi Cabirta, Moisés (2006): Guía dos anfibios e réptiles de Galicia. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96526-29-1.
  • Galán Regalado, Pedro e Fernández Arias, Gustavo (1993): Anfibios e réptiles de Galicia. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-722-6.

Outros artigos

Ligazóns externas

Encoro de Cachamuíña

O encoro de Cachamuíña está situado en O Pereiro de Aguiar na provincia de Ourense. Foi finalizado en 1954 e pertence ao río Lonia. Os seus arredores están adaptados como lugar de entretemento e ocio. Está rodeado por camiños de area polos cales se pode pasear, correr ou andar en bicicleta. É habitual observar a xente pescando xa que está permitido. En cambio si que está prohibido o baño e os cans deben ir atados; o incumprimento destas normas podería causar unha multa. Actualmente utilízase a súa auga para o abastecemento. Presenta un volume de encoro de 2 hm3 e unha superficie de 27 ha, aínda que o seu caudal varía segundo a época do ano na que nos atopemos. Nalgún verán houbo épocas de seca, debido ás baixas precipitacións. Cando sucede isto pechan as comportas e axúdanse da auga do río Miño para que esta poida chegar a todas as casas.

Lista de anfibios de Galicia

A seguinte é unha lista alfabética dos anfibios atopados en Galicia (a alfabetización faise polos nomes dos xéneros). Está baseada na información recollida dos traballos feitos pola Asociación Herpetológica Española , a información obtida na Lista Vermella da IUCN e polos expertos en herpetoloxía Javier Andrada, Pedro Galán e Gustavo Fernández.

Esta clase contén arredor de 6.433 especies vivas das cales unhas 17 foron atopadas con maior ou menor abundancia no territorio galego.

A taxonomía da fauna herpetolóxica está sometida a bastantes cambios debido ás novas achegas de información científica, polo que precisa de revisións periódicas para poder engadir os novos datos obtidos.

Unha das intencións da presente lista é a de engadir, cando existan, os correspondentes nomes comúns das especies da nosa fauna de anfibios, procurando sempre citar a referencia oportuna.

Pelophylax kl. esculentus

Pelophylax kl. esculentus é o nome científico dunha ra verde europea comestible orixinada por hibridación (ver clepton, kl.).

Utilízase como alimento, especialmente en Francia, para comer as súas ancas. As femias miden entre 5 e 9 cm de longo, os machos entre 6 e 11 cm.

Ra

Ra é o nome galego para designar os anfibios anuros de varias familias, especialmente dos ránidos (Ranidae) e, máis especificamente, os membros do xénero Rana.

Para a xente non moi versada en herpetoloxía, todos os anuros de pel máis ou menos lisa, que dan grandes saltos e viven preto da auga, son ras, mentres que os de pel rugosa, corpo máis repoludo, movementos máis torpes, de hábitos máis terrestres, son sapos. Porén, de seguirmos no criterio filoxenético, veremos que a ra de Santo Antón ou rela (Hyla arborea), está moito máis emparentada co sapo común (Bufo bufo) que coa ra verde (Rana perezi).Porque para o común da xente a palabra sapo suxire un animal feo, de cor discreta, desagradábel, torpe e nocivo. O escaso interese que suscitan e a tradicional aversión do mundo rural por eles, propicia o descoñecemento das diferenzas entre especies, e todas son chamadas vulgarmente "sapos". En realidade, todas as especies de sapos que habitan en Galicia caracterízanse polo seu aspecto repoludo, coas patas traseiras curtas e a pel verrugosa en maior ou menor grao, a maioría de costumes nocturnos e bastante independentes da auga. Pero non hai que esquecer que todas as especies galegas de sapos non son velenosas, e que noutras partes do mundo, hai "ras velenosas" (tamén "sapos velenosos"), e que hai sapos de cores rechamantes.

Reprodúcense por ovos, dos que nacen os cágados. O cágado (tamén chamado cabezolo, cabezudo, cagote, cagulo, cullarapo, cullareto, culler, ou relo) é a larva dos anfibios, especialmente dos anuros como ras e sapos, que despois dunha metamorfose convértese en anfibio adulto. Xeralmente son larvas acuáticas, aínda que tamén hai algunhas terrestres.

En todo o mundo existen unhas 4 800 especies de ras. A maioría pasa a súa vida dentro ou cerca da agua. O seu tamaño é variábel. Entre as máis pequenas ras encontramos o coquí (Eleutherodactylus coqui), de Puerto Rico, mentres que a maior é a Conraua goliath de Camerún e Guinea Ecuatorial).

Regato das Tres Regueiras

O regato das Tres Regueiras, tamén chamado río Fraga ou río de Baredo, é un curso de auga que se atopa na parroquia de Baredo, no concello pontevedrés de Baiona.

Xeorxia, Estados Unidos de América

Xeorxia é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América, localizado na Rexión Sur do país. Xeorxia é o maior estado do país en superfície ao leste do río Mississippi, desde que Virxinia Occidental separouse de Virxinia en 1863. O crecemento da poboación de Xeorxia é un dos máis altos do país nos últimos tempos. A súa poboación creceu en torno ao 26% entre 1990 e 2000, de 6.478.216 habitantes en 1990 a 8.186.453 no 2000.

A maior parte de Xeorxia está cuberta por bosques, principalmente piñeiros, pexegos e magnolios. O terreo do norte do estado é fundamentalmente montañoso, coa súa zona sur cun terreo máis chairo e menos accidentado. Os aspectos naturais de Xeorxia foron e aínda son moi importantes para o estado. Culturalmente, as belezas naturais inspiraron a diversos artistas que creceron no estado. Economicamente, fan do turismo e da industria madereira importantes fontes de ingresos de Xeorxia. O estado é un dos líderes nacionais na produción madereira. Os seus bosques déronlle o alcume de The Peach State (O Estado do Pexego) e un devandito popular, Tall as Georgia Pine (Alto como un Piñeiro de Xeorxia).

A rexión que constitúe na actualidade Xeorxia estaba en disputa durante o final do século XVII e o inicio do século XVIII, entre o Reino Unido e España. Xeorxia por entón formaba parte dunha colonia chamada Carolinas, que incluía tamén os actuais estados de Carolina do Norte e Carolina do Sur. En 1724, os británicos crearon a colonia de Xeorxia. O 12 de febreiro de 1733, os primeiros colonos británicos instaláronse na rexión, no que actualmente constitúe Savannah. Xeorxia foi a última das Trece Colonias creada polos británicos.

Xeorxia prosperou a partir da década de 1750, co cultivo de arroz e millo, converténdose nun líder da industria agraria das Trece Colonias. Logo da vitoria americana na Guerra de Independencia dos Estados Unidos, Xeorxia converteuse o 2 de xaneiro de 1788 no cuarto estado americano. Xeorxia separouse da Unión en 1861, e formou parte dos Estados Confederados de América. Foi un dos estados máis duramente afectados pola Guerra Civil Estadounidense. Ata o inicio do século XX, a economía do estado dependía da agricultura e a gandería. A partir de entón, a industria converteuse na principal fonte de renda do estado, e máis recentemente o sector de finanzas converteuse tamén nunha das súas principais fontes de ingresos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.