Río dos Gafos

O río dos Gafos é un curso fluvial galego, de 10,83 km de longo, que desemboca na ría de Pontevedra. Transcorre en boa parte paralelo á vía portuguesa do Camiño de Santiago. Agás nos seus últimos 600 metros, ten unha orientación sur-norte, cousa estraña nun río das Rías Baixas.

Río dos Gafos
Gafos
Río dos Gafos cerca do barrio pontevedrés de Campolongo
PaísGalicia Galicia
NacementoMato da Xestiña Vilaboa
Lonxitude10,83 km
DesembocaduraRía de Pontevedra

Toponimia

A súa denominación varía polos lugares que atravesa. É coñecido como Cocho, Regheiro, Das Veighas da porta e Da Estación en Figueirido; Toxal en Bértola, Tomeza en Tomeza e Salcedo e Menexo, Estación, Palamios, Da Goleta, Da Taboada e Dos Gafos en Pontevedra. O seu nome provén da existencia en Pontevedra dun hospital de leprosos xunto ó desaparecido templo da Virxe do Camiño, chegando os seus xardíns ata a beira do río.

Curso

Nace no Mato da Xestiña, lugar da Boullosa (Figueirido, Vilaboa), e desemboca no barrio pontevedrés das Corbaceiras. Os seus afluentes son pola esquerda o rego de Antiguidá, río Miñoto ou Filgueira e Ponte Bala; pola dereita, os ríos de Bois, O Barco, Pombal e Pintos.

Características

Ponte da Condesa
Ponte da Condesa, entre Tomeza e Salcedo.
Gafos desbordado
Río dos Gafos desbordado pola chuvia no barrio do Gorgullón.

O seu caudal está marcado pola pluviosidade das estacións do ano. Se ben en outono e inverno adoita ir cargado, no verán leva menos auga, en parte tamén polo uso excesivo das súas augas para o rego de leiras e predios, ben con canles, ben mediante bombeo.

O seu leito adoita transcorrer á beira de asentamentos humanos, polo que as súas marxes se ven acotío alteradas pola agricultura, as obras públicas e as infraestruturas. Estes cambios implican danos, ás veces irreparables, e o río sofre un grande impacto de fertilizantes, pesticidas e herbicidas que afectan á biodiversidade. A pesar destes impactos e da súa proximidade a importantes núcleos de poboación, o río mantén un importante valor ecolóxico; destacando a presenza de lontras como bioindicador do actual bo estado das augas[1].

Biodiversidade

No biotipo das áreas naturais, na primeira parte do seu percorrido, o río transcorre por zonas de sotobosque con fentos, liques, brións, silveiras, xilbarbeiras e mesmo lúpulo, con plantas e arbustos como estripos, abruñeiros, e loureiros.

Nos seus bosques de ribeira hai bastante diversidade, podendo dividirse estes en tres categorías:
Brañas: Teñen un alto grao de humidade e a capa superficial do solo asolagada. Destacan os salgueiros e os amieiros.
Fragas: O bosque tradicional galego, mesturando diferentes especies de árbores. Hai bastantes carballos, algúns deles de tamaño e altura extraordinarios, xunto con freixos, bidueiros, chopos ou amieiros.
Soutos: bosques monoespecíficos (dunha soa especie) de castiñeiros plantados polo ser humano para a obtención de madeira e/ou castañas.

Patrimonio

O río xa aparece mencionado no libro Viaxe a Galicia do Padre Sarmiento (1745). Tamén aparece, xunto cos seus afluentes, na Carta xeométrica de Galicia de Domingo Fontán (1845), e no mapa da provincia de Pontevedra de Francisco Coello (1856). O Padre Amado Carballo conta en 1762 que as árbores do seu paseo eran plantadas polos frades do Convento Dominico.

Ten un total de 16 pontes, e ata mediados do século XX funcionaron lavadoiros e muíños. Desde a década dos 60, no barrio pontevedrés de Campolongo flúe por un treito soterrado de canalización durante 525 metros.

Unha das súas pontes, a ponte do Couto, sita nas proximidades da estación de autobuses de Pontevedra, foi considerada durante moito que orixinara xunto ca Ponte do Burgo (sobre o río Lérez) a denominación de Ad Duos Pontes, nome da vila romana que se cría xermolo da cidade de Pontevedra. Porén, na actualidade esta teoría está desbotada[2].

Dado que ata o século XX non houbo auga corrente nas casas (a primeira foi o Palacete dos Mendoza no 1897), as súas augas foron utilizadas como lavadoiros públicos, sendo moi concorridos xa que estaba prohibido lavar no curso do Lérez. Con posterioridade estes lavadoiros terían maiores comodidades, contando incluso con luz eléctrica.

O río foi abandonado á maleza e as súas beiras aparecían nos últimos anos cheas de residuos. Pero coa chegada do século XXI naceu o colectivo Vaipolorío, creado por un grupo de veciños. Se ben a súa actividade inicial era basicamente limpar o río, posteriormente comezaron outras como a creación dunha ruta, obradoiros medioambientais, catalogación de flora e fauna e a recuperación da toponimia.
Estas actividades foron recoñecidas cos premio Cidade de Pontevedra no ano 2001, outorgado polo Concello de Pontevedra, no apartado de institucións, pola defensa do medio ambiente natural, e o Premio Amigos de Pontevedra, outorgado no 2004 pola Asociación Amigos de Pontevedra, tamén no apartado de institucións, polo traballo de recuperación do río dos Gafos.

No ano 2007, co apoio da Consellería de Medio Ambiente, o Concello acondicionou as marxes do río no treito urbano, con paseos e pasarelas de madeira.

Notas

  1. "Lontras no río dos Gafos" artigo en La Voz de Galicia, 7 de outubro de 2007.
  2. "Unha ponte con moita historia, sepultado baixo un poboado" artigo en La Voz de Galicia]], 8 de abril de 2008.
A Moureira

O topónimo A Moureira pode referirse a:

A Moureira, lugar da parroquia de Portas, no concello de Portas;

A Moureira, lugar da parroquia de Meira, no concello de Moaña;

A Moureira, barrio mariñeiro na actualidade integrado no núcleo urbano de Pontevedra, á beira do río dos Gafos. Neste barrio naceu o pirata Benito Soto.

Campolongo, Pontevedra

San Xosé de Campolongo é unha parroquia urbana do concello de Pontevedra. Consta de tres barrios: Mollavao, Campolongo e San Brais.

Campolongo atópase no sur-suroeste do casco urbano de Pontevedra. Está limitado ao norte pola avenida de Augusto García Sánchez e polo río dos Gafos. Ao sur pola autovía PO-10. Ao leste pola rúa do Alcalde Hevia. E ao oeste pola Avenida de Marín.

Carlos Solla Varela

Carlos Solla Varela, tamén coñecido como Calros Solla, nado en Pontevedra o 2 de abril de 1971, é un filólogo, escritor e etnógrafo galego.

Depresión Meridiana

A Depresión Meridiana é unha formación natural da xeografía de Galicia. Esta depresión xeolóxica podería ter a súa orixe nunha falla, e vai de norte a sur desde a costa atlántica en Razo (Carballo) até o río Miño ao seu paso por Tui, a unha lonxitude de 8º 40' oeste. Está formada por unha liña de fracturas que se encaixan nas bocas da ría de Arousa, a ría de Pontevedra e a ría de Vigo, onde comeza a desembocadura dos ríos Ulla, Lérez e Verdugo respectivamente.

Espazos naturais de interese local

Os espazos naturais de interese local (ENIL) e os espazos privados de interese natural (EPIN) son figuras de protección de espazos naturais públicos e privados recoñecidos polo goberno galego. Son espazos naturais, que pola súa fauna ou flora, hábitats ou interese locais de conservación, os concellos, mancomunidades ou propietarios particulares lle propoñen ao goberno galego para a súa declaración acompañados dun plano de conservación. Se o goberno avalía como válido o plano de actuacións decláranse o ENILs ou EPINs. O goberno galego vela polo cumprimento dos compromisos de conservación que as entidades públicas ou privadas adquiriron. Porén, estes espazos non forman parte da rede galega de espazos naturais.

Estación de Pontevedra

A estación de Pontevedra é unha estación de ferrocarril de Adif da cidade de Pontevedra. Ten servizos de longa e media distancia, incluíndo os do eixe atlántico de alta velocidade. Ten tamén funcións loxísticas.

Figueirido, Vilaboa

Santo André de Figueirido é unha parroquia que se localiza no concello pontevedrés de Vilaboa. Segundo o IGE en 2013 tiña 760 habitantes (391 mulleres e 369 homes), distribuídos en 9 entidades de poboación, 79 menos ca en 1999. É a parroquia menos poboada do concello.

Galería de imaxes de Pontevedra

Imaxes do concello de Pontevedra na provincia de Pontevedra.

Galería de imaxes de ríos de Galicia

Ríos de Galicia

IES Sánchez Cantón

O Instituto de Ensino Secundario Sánchez Cantón é un centro pertencente á rede pública de institutos da Xunta de Galicia, situado en Pontevedra. Leva o nome do polígrafo Francisco Javier Sánchez Cantón. Está situado no Verxel, a carón do río dos Gafos.

Lepra

A lepra é unha enfermidade pouco contaxiosa producida polo bacilo Mycobacterium leprae, descuberto por Gerhard Armauer Hansen; en honra a este, denomínase tecnicamente enfermidade de Hansen.

A súa difusión é moi ampla, pero é máis frecuente nos países tropicais ou tépedos. Durante a Idade Media foi unha enfermidade moi difundida.

A última leprosería de Europa atópase en Vall de Laguart, na provincia de Alacant, é o Sanatorio de San Francisco de Borja, máis coñecido como o Sanatorio de Fontilles.

Marcón, Pontevedra

San Miguel de Marcón é unha parroquia do concello de Pontevedra. Segundo o padrón municipal (INE) en 2017 tiña 2.105 habitantes (1.012 homes e 1.093 mulleres), 15 menos ca no ano anterior.

Os Pelamios

Os Pelamios é un topónimo galego, derivado da voz latina pelle, pois fai referencia a lugares onde existiron curtidorías de pel.

O topónimo adoita referirse a regatos, fontes e en xeral zonas con auga, que alimentaba os píos onde se somerxían as peles para curtir e ós que se botaban as augas residuais da industria. Denomínanse así:

o barrio dos Pelamios en Compostela, a carón do río Sarela;

o barrio dos Pelamios en Pontevedra, xunto o río dos Gafos;

a ponte dos Pelamios en Ourense, sobre o río Barbaña;

a praia dos Pelamios na Coruña, preto da torre de Hércules;

O río Pelamios en Betanzos.Tamén existe o lugar de Pelamio na parroquia de Farnadeiros (O Corgo).

Palíndromo (curtametraxe)

Palíndromo é unha curtametraxe de Eva Quintas Froufe, rodada en 2007 en formato DVD en Pontevedra e Maceda.

reflicte a visión do mundo real e dos soños desde o punto de vista dunha nena de 10 anos.

Pontevedra

Pontevedra é unha cidade e concello do suroeste de Galicia, capital da provincia de Pontevedra, da comarca homónima e das rías Baixas. Está situada nas beiras do río Lérez e da ría de Pontevedra.

Ríos de Galicia

Os ríos de Galicia son parte da densa hidrografía de Galicia. A súa gran densidade fai que Galicia sexa cualificada decote como a terra dos mil ríos, en palabras de Otero Pedrayo. A maioría dos cursos, por mor do seu escaso caudal, non son navegables, agás o río Miño na súa desembocadura, nos numerosos encoros, e nos cursos baixos dalgúns ríos, nos que se celebran regatas.

Os ríos de Galicia son moi curtos na vertente cantábrica e algo máis longos na atlántica, coas excepcións novamente do Miño e o Sil, que teñen unha lonxitude de varios centos de quilómetros. Porén, os altos desniveis provocan a existencia de numerosas fervenzas.

Amais da pesca fluvial, existe aproveitamento industrial dos ríos mediante os muíños e os encoros para a produción de enerxía eléctrica e o abastecemento de auga.

Tomeza, Pontevedra

San Pedro de Tomeza é unha parroquia situada no suroeste do concello de Pontevedra. Segundo o padrón municipal de 2017 tiña 1.000 habitantes (472 homes e 528 mulleres), distribuídos en 11 entidades de poboación, o que supón unha diminuación en relación ao ano 1999 cando tiña 1.104 habitantes.

Vaipolorío

Vaipolorío é un colectivo que nace en Pontevedra en novembro de 2001 ante a necesidade de recuperar o río dos Gafos, cunha gran deterioración medioambiental. Naceu con 35 socios fundadores, sen cota algunha. Na actualidade (2010), considera que calquera persoa que colabore nas súas actividades, forma parte do colectivo.

Vilaboa

Vilaboa (do latín villam bonam, 'vila boa') é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Pontevedra. Segundo o IGE en 2016 tiña 6043 habitantes (2943 homes e 3100 mulleres). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é vilaboés.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.