Río Verdugo

O Verdugo é un río galego da provincia de Pontevedra, cuxa foz se sitúa no fondo da ría de Vigo.

Río Verdugo
PComboa
Ponte medieval en Comboa.
PaísGalicia
NacementoMonte do Outeiro Grande
Lonxitude47 km
Caudal medio17 m³/s
DesembocaduraRía de Vigo
Río Verdugo ao seu paso por Pontecaldelas
Ponte Caldelas.

Percorrido

O Verdugo nace a 760 m de altura no monte do Outeiro Grande, na aldea de Cernadelos (Santa Mariña de Presqueiras, Forcarei). No seu primeiro tramo baixa encaixado atravesando os concellos de Beariz, A Lama e Ponte Caldelas, facendo un val máis amplo na súa entrada en Soutomaior. No seu último tramo serve de fronteira entre Soutomaior e Pontevedra, desembocando entre Arcade e Ponte Sampaio.

No concello de Ponte Caldelas atravesa os pasos da Fraga, onde se conservan varios muíños e un peto de ánimas. Despois de formar a praia fluvial da Calzada, na vila de Ponte Caldelas hai un paseo fluvial, a carón do antigo balneario, onde hai un monumento ao pescador.

Características

O seu afluente principal é o río Oitavén, que se lle une pola esquerda, en Ponte da Barca, e que desenvolve un percurso de lonxitude similar á do Verdugo, desde o seu nacemento até a confluencia (32 km). De modo que ás veces se fala do sistema Verdugo - Oitavén (o curso común é de 7 km), e máis se se ten en conta que o caudal do Oitavén é superior. Outros dos seus afluentes son o Calvelle e o Barbeira.

O tamaño total da conca é de 357 km² (177,7 km² corresponden á bacía do Oitavén). O caudal absoluto do Verdugo na desembocadura é de 17 m³/s (o do Oitavén, antes da confluencia, atinxe os 10,5 m³/s). O Verdugo e os seus afluentes son ríos de réxime pluvial. As precipitacións medias na súa conca atinxen os 1884 mm anuais.

Ponte Sampaio
Ponte romana en Ponte Sampaio.

Aproveitamento

No Verdugo sitúanse tres encoros: os de Feixa I e Encoro de Feixa II, localizados no concello de Ponte Caldelas e máis o encoro da Ponte do Demo, no de Soutomaior. Son de potencia inferior a 10 Mw.

O río Verdugo ten sona pola pesca da troita. O último domingo de maio celébrase en Ponte Caldelas a festa da troita e o concurso internacional de pesca de salmónidos.

Galería de imaxes

Río Verdugo - A Lama

Río Verdugo ao seu paso pola Lama.

Alvedosa

O topónimo galego Alvedosa pode referirse a:

Río Alvedosa, curso fluvial galego que desemboca en Redondela;

Illas Alvedosas, illas galegas na enseada de San Simón, na desembocadura do río Verdugo.

Batalla de Ponte Sampaio

A batalla de Ponte Sampaio foi un choque bélico que tivo lugar no lugar homónimo entre os días 7 a 9 de xuño de 1809, no escenario da guerra de Independencia española. O conflito tivo lugar nas beiras do río Verdugo, entre unha forza conxunta de tropas regulares españolas e milicias populares galegas que se enfrontaron as tropas francesas dirixidas polo mariscal Michel Ney. A resistencia dos españois, impediu a Ney o paso do río, véndose obrigado a retirarse.

Beariz

Beariz é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca do Carballiño. Segundo o Padrón municipal de habitantes a súa poboación en 2018 era de 973 persoas (1477 en 2003). Limita cos concellos de Forcarei e A Lama na provincia de Pontevedra e Boborás, O Irixo e Avión na provincia de Ourense. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é bearizao ou bearicense.

Conventus bracarensis

O conventus bracarensis ou convento bracarense, foi unha entidade administrativa romana da Gallaecia sita no Noroeste de Península Ibérica. O seu nome deriva da súa capitalidade, Bracara Augusta (Braga), a cidade máis importante do convento e que rexía económica e administrativamente todo o territorio. Tiña como lindes o curso do río Douro polo sur -que marcaba a raia coa Lusitania-, polo norte o río Verdugo na parte meridional da actual provincia de Pontevedra, e o río Sil, ambos marcaban o linda norte co conventus lucensis, na cara oriental, o río Navea, afluente do Sil, sería de liña divisoria a respecto do convento asturicense, quedando as actuais comarcas de Trives (esta non completamente), Viana e o Valdeorras dentro dos dominios conventuais de Asturica Augusta.

Forcarei

Forcarei é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Tabeirós - Terra de Montes. Segundo o IGE en en 2018 tiña 3.451 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é forcareiés.

Illa da Insuíña

A illa da Insuíña, tamén coñecida coma illa de Medal, é unha illa galega situada na marxe dereita da desembocadura do río Verdugo, na ría de Vigo. Está unida á parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio por unha pequena ponte, e ten 3.810 m².

A illa pertenceu ao pintor Antonio Medal, e no seu momento serviu de lugar de encontro para persoeiros como Asorey, Laxeiro, Castelao, Valle-Inclán, Manuel Quiroga ou Ramón Cabanillas.

No ano 2007 a illa foi adquirida polo Ministerio de Medio Ambiente por 184.104 €, sendo restaurada e acondicionada.

Ten diversos elementos arquitectónicos. Está rodeada por un muro de pedra con ameas, e conta cun pombal, un hórreo, e un ceador, todo feito con granito do país.

Illas Alvedosas

Non confundir co río Alvedosa

As illas Alvedosas son un grupo de dous illotes rochosos situados na desembocadura do río Verdugo, no fondo da Ría de Vigo. Pertencen á parroquia de Arcade, no concello pontevedrés de Soutomaior. Na actualidade están deshabitadas e son propiedade privada.

O Viso, Redondela

Santa María do Viso é unha parroquia situada ó norte do concello de Redondela. Linda coas parroquias de Cesantes, Ventosela e co Concello de Soutomaior. Está formada por catro núcleos de poboación: Tuimil, A Nogueira, Soutoxuste e Saramagoso, onde convivían 1.504 veciños en 2014 (735 homes e 769 mulleres).

Ponte Caldelas

Ponte Caldelas (do latín aquas calidas, 'augas cálidas, termais') é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Pontevedra. No ano 2016 tiña 5.573 habitantes, segundo datos do IGE. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é pontecaldelán.

Ponte Caldelas, Ponte Caldelas

Santa Eulalia de Ponte Caldelas é unha parroquia que se localiza no concello pontevedrés de Ponte Caldelas. Segundo o IGE en 2017 tiña 2.167 habitantes (1.139 mulleres e 1.028 homes), distribuídos en 9 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 2.352 habitantes.

Ponte Sampaio, Pontevedra

Santa María de Ponte Sampaio é unha parroquia que se localiza no concello de Pontevedra. Segundo o INE no 2008 tiña 1.111 habitantes (590 mulleres e 521 homes), distribuídos en 4 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 1.244 habitantes.

Toma o seu nome da ponte sobre o río Verdugo que a une coa parroquia de Arcade (Soutomaior). Por ela pasa a vía portuguesa do camiño de Santiago, e nela foi librada a Batalla de Ponte Sampaio, decisiva na guerra da Independencia española contra os franceses o 7 e 8 de xuño de 1809.

Desde 1833 até abril de 1960 foi concello de seu xunto coa parroquia da Canicouva.

Nesta parroquia están a illa da Insuíña e o illote do Castelo, na desembocadura do río Verdugo.

Provincia de Pontevedra

Pontevedra é unha das catro provincias de Galicia creadas por Javier de Burgos en 1833. Limita ao norte coa provincia da Coruña, ao leste coa provincia de Ourense e a provincia de Lugo, ao sur con Portugal e ao oeste co océano Atlántico. A súa capital é a cidade de Pontevedra, con 82.539 habitantes en 2015, sendo Vigo a súa maior cidade cunha poboación de 294.098 habitantes (2015). É provincia máis pequena e a segunda máis poboada de Galicia trala da Coruña.

Rural de Galicia. G.R. 94

O sendeiro Rural de Galicia G.R. 94, situado no suroeste galaico, é unha vía que comunica o mar e a montaña en dirección Sur-Norte. Atravesa os concellos de Vigo, Redondela, Soutomaior, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e A Estrada.

Río Oitavén

O Oitavén é un pequeno río galego da provincia de Pontevedra que, tras confluír co río Verdugo, contribúe á ría de Vigo.

Río Pequeno

O topónimo galego Río Pequeno pode referirse a:

río Pequeno, curso fluvial do concello de Ribadeo, afluente do río Grande;

río Pequeno, curso fluvial da comarca da Terra Chá, afluente do río Miño;

río Pequeno, curso fluvial no concello de Soutomaior, afluente do río Verdugo;

río Pequeno, curso fluvial no concello de Covelo, afluente do río Tea;

Río Pequeno, lugar da parroquia de Oubiña, no concello de Cambados;O Río Pequeno, lugar da parroquia de Castrofeito, no concello do Pino;

O Río Pequeno, lugar da parroquia de Ove, no concello de Ribadeo;

O Río Pequeno, lugar da parroquia de Ribeira, no concello de Ribeira;

Ríos de Galicia

Os ríos de Galicia son parte da densa hidrografía de Galicia. A súa gran densidade fai que Galicia sexa cualificada decote como a terra dos mil ríos, en palabras de Otero Pedrayo. A maioría dos cursos, por mor do seu escaso caudal, non son navegables, agás o río Miño na súa desembocadura, nos numerosos encoros, e nos cursos baixos dalgúns ríos, nos que se celebran regatas.

Os ríos de Galicia son moi curtos na vertente cantábrica e algo máis longos na atlántica, coas excepcións novamente do Miño e o Sil, que teñen unha lonxitude de varios centos de quilómetros. Porén, os altos desniveis provocan a existencia de numerosas fervenzas.

Amais da pesca fluvial, existe aproveitamento industrial dos ríos mediante os muíños e os encoros para a produción de enerxía eléctrica e o abastecemento de auga.

Serra do Cando

A serra do Cando é unha serra galega pertencente á cordilleira dorsal galega que ten montes a unha altura media de entre 600 e 1.000 metros sobre o nivel do mar. Esténdese polos concellos de Cerdedo-Cotobade, Forcarei, A Lama e Beariz. Está unida á serra do Candán polos montes de Costoia. Nesta serra nacen os ríos Verdugo e Almofrei. É un espazo natural declarado como zona especial de conservación (ZEC).

A vexetación da serra son as xestas, o mato de toxos, breixos e carqueixas. Hai importantes plantacións de piñeiro e eucalipto. Existe un ecosistema de gran valor nos altos da serra, así como nas carballeiras do río Verdugo e os seus afluentes.

Soutomaior

Soutomaior é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Vigo. Segundo o INE, no ano 2014 tiña 7.356 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «soutomaiorense».

Sucastro, Aguasantas, Cerdedo-Cotobade

Sucastro é un lugar da parroquia de Aguasantas, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. Segundo o IGE en 2010 tiña 11 habitantes (3 homes e 8 mulleres), un menos ca en 2007.

O lugar está situado a carón da desembocadura do río Barbeira no río Verdugo, xunto ó concello da Lama.

Neste lugar atópase o petróglifo de Sucastro, un conxunto de tres rochas gravadas na idade de Ferro. Tamén está nel o muíño de Sucastro, no devandito río Barbeira.

O lugar debe o seu nome a que está situado ó pé dun castro.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.