Río Texo

O Texo (Tajo en castelán; Tejo en portugués) é o maior río da Península Ibérica, á que atravesa na súa parte central, seguindo un rumbo leste-oeste, cunha leve inclinación cara ao suroeste. Nace na Fuente de García, na Serra de Albarracín, que pertenece aos Montes Universales (Teruel), a 1.593 m de altitude e desemboca no Océano Atlántico xunto a Lisboa, formando un esteiro coñecido como o Mar da Palla, no que verte un caudal medio de 444 m³ por segundo.

Texo
Castelo de Rodao
PaísEspaña España e Portugal Portugal
NacementoFuente de García, Serra de Albarracín, Teruel
Altitude1.593 msnm
Lonxitude1.008 km
Conca80.600 km²
Caudal medioTrillo: 18,76 m³/s
Aranjuez: 33,32 m³/s
Toledo: 43,30 m³/s
Flag of Portugal.svg Lisboa: 444 m³/s
DesembocaduraOcéano Atlántico
Cuenca Tajo Ibérica
Percorrido do río Texo na península ibérica

Características

Percorre unha lonxitude de 1.008 km, 816 deles por territorio español, onde discorre por catro comunidades autónomas (Aragón, Castela-A Mancha, Madrid e Estremadura) e un total de seis provincias (Teruel, Cuenca, Guadalaxara, Madrid, Toledo e Cáceres).

Logo de formar fronteira entre España e Portugal ao longo de 47 km, entra neste último país.[1] Aquí percorre 145 km, a través das rexións tradicionais de Alto Alentexo, Ribatexo e Estremadura, nas que se integran os distritos de Portalegre, Santarém e Lisboa.

Nas súas beiras érguense cidades españolas como Aranjuez, Toledo e Talavera de la Reina, e portuguesas como Abrantes, Santarém e Lisboa.

A súa conca ten unha superficie total de 80.600 km². É a de maior poboación da Península Ibérica, con máis de dez millóns de habitantes. Nela intégranse as áreas metropolitanas de Madrid e Lisboa.

A conca do Texo alcanza unha capacidade total de encoro ao redor dos 14.500 hm³. Polo que respecta ao territorio español, atópase regulada pola Confederación Hidrográfica del Tajo, organismo dependente do Ministerio de Medio Ambiente. O Transvasamento Texo-Segura deriva parte do caudal do río cara á zona suroriental de España.[2]

O seu curso alto está incluído dentro do Parque Natural do Alto Texo, na provincia de Guadalaxara. Tamén o seu curso medio-baixo está protexido legalmente, mediante o Parque Nacional de Monfragüe, localizado na provincia de Cáceres. Máis adiante atópase Parque Natural do Texo Internacional, entre a provincia de Cáceres e Portugal. Na súa desembocadura atópase a Reserva Natural do Estuario do Texo.

Os seus principais afluentes son: Jarama, Guadarrama, Alberche e Alagón, pola dereita; e Guadiela e Salor pola esquerda.

Galería de imaxes

Porto de Lisboa (2)

Porto de Lisboa

Estuário do Tejo

Vista do esteiro do Texo

Notas

  1. O tramo de 47 km nos que o río delimita a fronteira entre España e Portugal é coñecido como Texo Internacional.
  2. Portal Auga (n/d). Portal Auga, ed. "¿Cómo funciona el trasvase Tajo-Segura?" (en castelá). Arquivado dende o orixinal o 2007. Consultado o 25 de novembro 2009.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Alentexo

O Alentexo (en portugués: Alentejo) é unha rexión (NUTS II) portuguesa. Abrangue unha área de 31.152 km² (o 33% do territorio continental portugués) e ten unha poboación de 770.265 habitantes (o 8% da poboación continental portuguesa). A rexión propiamente dita de Alentejo (sen Lezíria do Tejo) ten 511.157 habitantes e unha área de 27.276 km².

Comprende integramente os distritos de Portalegre, Évora e Beja, e as metades sur dos distritos de Setúbal e de Santarém. Limita ao norte coa Rexión Centro, ao noroeste coa Rexión de Lisboa, ao leste con España, ao sur co Algarve e ao oeste co Océano Atlántico. Abrangue 58 concellos (18,8 % do total portugués) pertencentes a cinco subrexións estatísticas (NUTS III): Alentexo Central, Alentexo Litoral, Alto Alentexo, Baixo Alentexo e Lezíria do Texo.

A división actual non coincide coa antiga rexión tradicional do Alentexo (que non constituía unha provincia por si, aínda que o Alentexo era considerado como a unión das dúas provincias do Alto e Baixo Alentexo), a cal era lixeiramente menor que a actual: incluía apenas os distritos de Évora e Beja (na súa totalidade), case todo o distrito de Portalegre (agás o concello de Ponte de Sôr, que formaba parte do Ribatexo), e a metade sur do de Setúbal (os concellos dese distrito que forman parte da actual rexión do Alentexo Litoral, a saber: Alcácer do Sal, Grândola, Santiago do Cacém e Sines).

O seu topónimo fai referencia aos terreos situados máis alá do río Texo.

Beira, Portugal

A Beira foi unha das seis divisións -comarcas, despois provincias- nas que se dividía Portugal até o século XIX. É a área que corresponde, aproximadamente, aos posteriores distritos de Castelo Branco, Viseu, Guarda, Coimbra e Aveiro.

Inicialmente, correspondía á faixa interior do territorio portugués, limitada ao norte polo río Douro e ao sur polo río Texo. Máis tarde, pasou tamén a incluír unha faixa litoral de territorio -entre o Douro e o Mondego- que, antes, pertencía á Estremadura, tornándose a maior provincia portuguesa.

Castelo de San Xurxo de Lisboa

Coñécese como Castelo de San Xurxo (en portugués: Castelo de São Jorge) ás ruínas dun castelo no outeiro de San Xurxo (portugués: Castelo de São Jorge), en Lisboa. Primitivamente coñecido simplemente como Castelo dos Mouros, érguese en posición dominante sobre o máis alto outeiro do centro histórico, proporcionando aos visitantes unha das máis fermosas vistas sobre a cidade e sobre o estuario do río Texo, polo que o goberno portugués fai grandes esforzos en conservalo.

O recinto do castelo conta con aproximadamente 6 000 m². A edificación consta de varias torres e garitas, un foso e dous patios grandes.

Lagartera

Lagartera é un concello de Castela-A Mancha, ao oeste da provincia de Toledo, agrícola e gandeiro, situado ao norte do río Texo, que pertence á comarca da Campana de Oropesa. O seu xentilicio é lagarterana ou lagarterano.

Lisboa

Lisboa é a capital e maior cidade de Portugal, situada na foz do río Texo. Alén diso é tamén capital do distrito de Lisboa, da rexión de Lisboa, da área metropolitana de Lisboa, e é tamén o principal centro da subrexión estatística da Grande Lisboa. A cidade ten unha poboación de 545.245 habitantes (2011), mais a súa área metropolitana ten preto de 2,9 millóns, un 27% da poboación do país.

A cidade corresponde ao concello, que é pequeno cos seus 83,84 km². A densidade demográfica sobe a 6.518,1 hab./km². O concello subdivídese en 53 freguesías e está limitado ao norte polos municipios de Odivelas e Loures, ao oeste por Oeiras, ao noroeste pola Amadora e ao leste e sur polo estuario do Texo. A través do estuario, Lisboa lígase aos concellos da marxe sur: Almada, Seixal, Barreiro, Moita, Montijo e Alcochete.

Mosteiro dos Xerónimos

Monumento á riqueza dos Descubrimentos, o Mosteiro dos Xerónimos sitúase en Belém, Lisboa, á entrada do Río Texo. Constitúe o punto máis alto da arquitectura manuelina e o máis notábel conxunto monástico do século XVI en Portugal e unha das principais igrexas-salón da Europa.

Destaca o seu claustro, completo en 1544, e a porta sur, de complexo deseño xeométrico, de fronte para o río Texo. Os elementos decorativos están repletos de símbolos da arte da navegación e de esculturas de plantas e animais exóticos.

O monumento forma parte da Lista de Patrimonio Mundial da UNESCO, e o 7 de xullo de 2007 foi elixido como unha das sete marabillas de Portugal.

Oeiras

Oeiras é unha vila situada na freguesía de Oeiras e São Julião da Barra, Distrito de Lisboa, en Portugal.

É sede dun pequeno municipio con 45,84 km² de área e 162.128 habitantes (2001), subdividido en 10 freguesías. O concello limita polo Norte cos municipios de Sintra e Amadora, ao Leste con Lisboa, a Oeste con Cascais e ao para o Sur ten costa na zona da foz do río Texo, onde o estuario termina e comeza o Océano Atlántico, situándose fronte a Almada.

Parque Nacional de Monfragüe

O Parque Nacional de Monfragüe é un dos parques nacionais de España. Atópase na provincia de Cáceres, e é o primeiro parque nacional de Estremadura. Cruzan o parque dous ríos o Texo e o Tiétar. Inicialmente foi declarado Parque Natural o 4 de abril de 1979.

Ponte 25 de Abril

A Ponte 25 de Abril é unha ponte colgante rodo-ferroviaria que se alza sobre o estuario do río Texo, na área metropolitana de Lisboa (Portugal). Oficialmente designado no seu día como Ponte Salazar, por ter sido mandado construír por Salazar en 1960, mudou a súa denominación pola actual trala Revolución do 25 de abril de 1974, que restaurou a democracia en Portugal.

Provincia de Toledo

A provincia de Toledo é unha provincia española, sita na parte occidental de Castela-A Mancha. A súa capital é a cidade de Toledo. Limita coas provincias de Madrid, Cuenca, Cidade Real, Badaxoz, Cáceres, e Ávila. O xentilicio que designa os seus habitantes é toledano.

A provincia conta cunha poboación de 615.618 habitantes (INE 2006), repartidos en 204 concellos, dos cales Talavera de la Reina é o máis poboado con 83.756 hab., o segundo municipio é Toledo (77.601 hab.), mentres que o menos populoso é Illán de Vacas, que, con 6 habitantes, tamén é o de menor poboación de España. A superficie provincial atinxe 15.370 km², sendo a 8ª máis extensa de España. A provincia comparte o Parque Nacional de Cabañeros coa de Cidade Real.

O río Texo é o máis importante da provincia e crúzaa de leste a oeste; pasa polas cidades de Talavera de la Reina e Toledo.

Río Douro

O río Douro (en castelán: Duero e en portugués: Douro) é un río do centro-norte e oeste da Península Ibérica, da vertente atlántica. O seu nome provén do latín, Durius flumen, e do grego, Δόυριος ποταμού. Cos seus 897 km, é o terceiro río máis longo da Península Ibérica despois do río Texo e do río Ebro, e cos seus 97.290 km², posúe a maior conca hidrográfica peninsular (78.952 km² corresponden a territorio español e o resto a territorio portugués).

Río Jarama

O río Jarama é un curso fluvial español, un dos afluentes máis importantes do río Texo. Nace na beira da Peña Cebollera, tamén coñecida como Pico de las Tres Provincias), na serra de Ayllón, Sistema Central), xusto na confluencia entre as provincias de Madrid, Guadalaxara e Segovia, xunto ao faial de Montejo.

Discorre polas provincias de Guadalaxara e Madrid. Os seus principais afluentes son, pola marxe dereita, os ríos Lozoya, Guadalix e Manzanares; e, pola esquerda, o Henares e o Tajuña.

No primeiro treito do seu percorrido, bordea o faial de Montejo, constituíndo o límite entre as provincias de Madrid e Guadalaxara. Intérnase na provincia de Guadalaxara á altura de La Hiruela, discorrendo por Colmenar de la Sierra, Matallana e El Vado, onde as súas augas son represadas no encoro que leva o nome da antiga poboación anegada (El Vado). Entra de novo na provincia de Madrid á altura de Patones de Abajo, recibindo o caudal do río Lozoya. A partir de aquí, segue unha dirección norte-sur, pasando por Talamanca de Jarama e, deixando á súa dereita o municipio de Madrid á altura do Aeroporto de Madrid-Barajas. O río tivo que ser levemente desviado durante a última ampliación do aeroporto, con obxecto de construír a pista 15R-33L.

Pasado o aeroporto recibe os seus principais afluentes: Henares, Tajuña e Manzanares. Finalmente desemboca no río Texo un pouco antes de chegar a Aranjuez, constituíndo alí a maior parte do seu caudal.

Sacavém

Sacavém (do árabe: شقبان) é unha cidade de Portugal, situada na embocadura do río Texo, a norte de Lisboa, con 17.659 habitantes e 3,81 km². Atópase a poucos quilómetros ós nordeste da capital portuguesa, Lisboa. A área da cidade abrangue 4,09km2, e a rexión é coñecida pola súa industria de cerámicas.

Seixal

O Seixal é unha cidade portuguesa pertencente ao Distrito de Setúbal, rexión de Lisboa e subrexión da Península de Setúbal, con cerca de 31,600 habitantes.

É sede dun concello con 95,50 km² de área, subdividido en 4 freguesias. Con 184,269 habitantes (2011), é un dos oito concellos máis populosos de Portugal. O concello está limitado ao este polo concello do Barreiro, ao sur por Sesimbra, ao oeste por Almada e ao norte polo esteiro do río Texo, a través do cal ten ligazón a Lisboa.

Toledo

Toledo é unha cidade que se atopa na España central, e é a capital da provincia de Toledo e da comunidade autónoma de Castela-A Mancha.

Toledo é coñecida como «A cidade Imperial» por ser a sede principal da corte de Carlos I e tamén como «a cidade das tres culturas», por ter sido habitada durante séculos por cristiáns, xudeus e musulmáns.

A cidade está situada na marxe dereita do Texo, nun outeiro de cen metros de altura sobre o río, o cal cínguea pola súa base, formando un pronunciado meandro coñecido como Torno do Texo. Ten unha configuración dispersa con barrios moi separados do núcleo principal: o de Azucaica, na beira dereita do río e que ten a súa orixe nunha antiga pedanía da cidade, dista uns 7 km do centro da cidade, mentres que o de Santa María de Benquerencia, situado practicamente enfronte do anterior na marxe esquerda do Texo, sitúa o seu centro a uns 8 km do da cidade.

Torre Vasco da Gama

A Torre Vasco da Gama é unha torre de estrutura mixta de 142 m de altura na parte superior, construída xunto ao río Texo, no Parque das Nações, en Lisboa, para a EXPO 98, a exposición mundial de 1998. Foi proxectada por Profabril e SOM (Arquitectura Leonor Janeiro, Estruturas Nuno Costa). A construción do alto da torre durante a exposición era un restaurante de luxo con vistas panorámicas sobre o río Texo ea cidade de Lisboa. O restaurante permaneceu aberto após tres anos despois da exposición. A torre permanece pechada ao público dende entón.

É o rañaceos máis alto de Portugal.

Dende novembro de 2012, a Torre funciona como hotel de luxo da cadea Sana, cuxa construción se iniciou en agosto de 2008.

Torre de Belén

A Torre de Belén (en portugués "Torre de Belém") é un dos monumentos máis expresivos da cidade de Lisboa. Localízase na marxe dereita do río Texo, onde existiu outrora a praia de Belén. Inicialmente cercada polas augas en todo o seu perímetro, progresivamente foi envolvida pola praia, ata se incorporar hoxe á terra firme.

Clasificada como Patrimonio Mundial pola UNESCO, o 7 de xullo de 2007 foi elixida como unha das Sete marabillas de Portugal.

Trillo, Guadalaxara

Trillo é un concello español situado na provincia de Guadalaxara a beiras do río Texo na comarca de La Alcarria. Tiña en 2015 unha poboación de 1.436 habitantes.

Ademais da capital municipal, forman parte de Trillo como pedanías Azañón, Morillejo, La Puerta e Viana de Mondéjar.

A construción da central nuclear de Trillo, inaugurada en 1987, supuxo a revitalización económica do municipio. É a central nuclear máis moderna de España.

Vetóns

Os vetóns eran un pobo prerromano no sector suroccidental da meseta central na Península Ibérica, entre o río Douro e o río Texo, moi coñecidos polas estatuas de gando, ou verróns.

Limitaban cos astures, vacceos, carpetanos, oretanos, túrdulos, célticos e lusitanos. Vivían en castros, sendo o máis famoso o de Cogotas, que pasou a denominar este tipo de cultura debido á riqueza do seu xacemento como Cogotas II, que xorde no século V a.C. e alcanza o seu cénit debido aos contactos comerciais e á trashumancia, o que aumentou a súa demografía pero concentrando o poder en castas e poboados que darían lugar a cidades-Estado, que aumentarían o tamaño das súas murallas dando lugar a un protourbanismo con organización de fortificación e graneiros a grande escala.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.