Río Sarela, río Sar

O río Sarela, tamén coñecido como río dos Sapos, é un afluente do río Sar pola súa banda dereita.

Nace nas abas do monte Pedroso, na parroquia da Peregrina (Santiago de Compostela), e discorre, ao longo duns 10 km, bordeando polo oeste a cidade de Santiago,[3] polas parroquias de Vista Alegre, San Paio, e Vidán onde desemboca no río Sar no lugar da Ponte Vella [1].

Os seus afluentes son:

  • Pola banda esquerda:
    - o rego dos Vilares, que desemboca na Peregrina, e
    - o rego ou río Corgo ou Corvo, que desemboca no parque de Galeras.
  • Pola banda dereita:
    - o rego de Bar, que desemboca nas Casas do Rego (San Paio).
Río Corgo chegando ó río Sarela
Río Sarela no punto onde conflúe o río Corgo ou rego do Corgo (arriba).

Este pequeno río cumpriu antano un papel fundamental no desenvolvemento da zona pola que transcorre, xa que grazas a el obtíñase auga para uso agrario, doméstico ou industrial; ademais, no curso do río houbo varios muíños e establecéronse algúns curtidoiros de coiro nas súas beiras.

Deste uso público como fonte de recursos, de espazos de traballo e de lecer, temos abondosas mostras en todo o seu percorrido. Tamén abasteceu de pesca á poboación e serviu para os xogos e o baño.[3]

Debido a todos estes usos que os composteláns fixeron del, o río sufriu moitas modificacións coa desviación das súas augas para levalas aos muíños, a construción de pontes e camiños a través do seu leito e a ocupación das beiras con muros de vivendas e outras estruturas.[3]

Así como o Sarela acompaña a cidade polo oeste, o Sar faino polo leste, de aí o dito: Entre o Sar e o Sarela, está Compostela.

Río Sarela
Rio Sarela, Santiago de Compostela, Galiza
Río Sarela
PaísGalicia Galicia
NacementoA Peregrina
(Santiago de Compostela)
Lonxitude10 km
ConcaUlla
DesembocaduraRío Sar (Vidán)[1][2]

Toponimia

Sarela é un diminutivo da palabra Sar (río no que desemboca). Sar viría dun antigo Sars documentado xa no século I por Mela, que o menciona dúas veces, unha co Tamaris (Tambre) e outra co Ulla augas abaixo de Padrón. Segundo Krahe a forma Sars remóntase a un masculino Saros, raíz hidronímica indoeuropea ser- ou sor- (fluír), vivas no sánscrito actual (sara río, sarit regueiro). Comparten toponimia o galego río Sor e outros ríos franceses (Serre, Sarre), alemáns (Saar), galeses (Cwm Sorgwm) e ingleses (Soar, Sor).[4]

Notas

  1. 1,0 1,1 O Sarela desemboca antes de que o Sar chegue á ponte Vella, no lugar da Ponte Vella, que pertence á parroquia de Vidán. As coordenadas son 42° 51′ 59.45″ N 8° 34′ 27.77″ W.
  2. Na Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada indícase de forma incorrecta: "SARELA": Afluente do río Sar que discorre polo concello coruñés de Santiago de Compostela, onde nace na parroquia da Peregrina e desauga na de Laraño."
  3. 3,0 3,1 3,2 O río Sarela e o rego do Corgo en Geocaching.
  4. Notas acerca de Hidronimia Gallega Abelardo Moralejo Laso, Universidade de Santiago de Compostela
Artigos sobre a cidade de Santiago de Compostela
Edificios institucionais
Edificios relixiosos
Teatros
Museos
Outros edificios
Parques
Centros comerciais
Rueiro
Transporte
Medios de comunicación
Clubs deportivos
Recintos deportivos
Outros recintos
Centros de saúde
Empresas locais
Restos arqueolóxicos
Accidentes xeográficos
Educación
Outros

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.