Río Oitavén

O Oitavén é un pequeno río galego da provincia de Pontevedra que, tras confluír co río Verdugo, contribúe á ría de Vigo.

Río Oitavén
Cañón del Oitavén (386984327)
PaísGalicia
Lonxitude32 km
Caudal medio10,5 m³/s
DesembocaduraRío Verdugo

Percorrido

O Oitavén nace na serra do Suído, dentro do concello da Lama, a preto de 800 m. de altura, desenvolvendo un percorrido moi encaixado, de vales en V, de 32 km. até a súa desembocadura na beira dereita do Verdugo, en Ponte da Barca, no concello de Soutomaior. Atravesa os concellos da Lama, Ponte Caldelas, Fornelos de Montes, delimita en parte estes dous últimos municipios, e finalmente no de Soutomaior.

A importancia hídrica do Oitavén estriba no seu superior caudal de 10,5 m³/s (o Verdugo subministra na foz 17 m³/s), de xeito que, ás veces, se fala do sistema Verdugo - Oitavén (o curso común de ambos, en tal caso, atinxe 7 km.).

Afluentes e conca

A conca do Oitavén é disimétrica, por ter próxima, á súa man dereita, a do Verdugo, de xeito que os seus afluentes principais recíbeos pola beira esquerda: o río da Xesta, o Ventín e o Barragán.

O tamaño total da conca do Oitavén é de 177,7 km² (o do sistema conxunto co Verdugo é de 357 km²).

Aproveitamento

No tramo medio-alto, nas lindes entre os concellos de Ponte Caldelas e Fornelos de Montes, sitúase o encoro de Eiras.

Réxime hidrográfico

O Oitavén é un río de réxime pluvial. As precipitacións medias na conca alcanza os 1.884 mm anuais de media, aínda que no tramo superior sitúanse entre 2.000 e 2.500 mm.

Batalla de Ponte Sampaio

A batalla de Ponte Sampaio foi un choque bélico que tivo lugar no lugar homónimo entre os días 7 a 9 de xuño de 1809, no escenario da guerra de Independencia española. O conflito tivo lugar nas beiras do río Verdugo, entre unha forza conxunta de tropas regulares españolas e milicias populares galegas que se enfrontaron as tropas francesas dirixidas polo mariscal Michel Ney. A resistencia dos españois, impediu a Ney o paso do río, véndose obrigado a retirarse.

Castro Barbudo, Ponte Caldelas

Santa María de Castro Barbudo é unha parroquia que se localiza no concello pontevedrés de Ponte Caldelas. Segundo o padrón municipal de 2017 tiña 102 habitantes (45 homes e 57 mulleres), distribuídos nunha única entidade de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 181 habitantes.

A festa parroquial celébrase o 15 de agosto, día da Nosa Señora do Castro.

Eirás

O topónimo galego Eirás pode referirse a:

Eirás, lugar da parroquia de Senra, no concello de Oroso.

Encoro de Eirás, no río Oitavén.

Enseada de San Simón

A enseada de San Simón é a enseada na cabeceira da Ría de Vigo. É un espazo natural declarado como zona especial de conservación (ZEC) e que vai desde o estreito da Ponte de Rande ata as enseadas de San Simón e enseada de Vilaboa, acollendo as salinas de Ulló, a illa de San Simón e as illas Alvedosas.

Fornelos de Montes

Fornelos de Montes é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Vigo. Segundo o IGE, no ano 2018 a súa poboación era de 1.640 persoas. O seu xentilicio é "fornelán/fornelá" ou "fornelense".

Gaxate, A Lama

San Pedro de Gaxate é unha parroquia que se localiza no concello da Lama. Segundo o padrón municipal de 2013 tiña 204 habitantes (105 mulleres e 99 homes), distribuídos en 12 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 2004 cando tiña 187 habitantes.

Illote do Castelo

O illote do Castelo é unha illa galega situada na desembocadura do río Oitavén, na enseada de San Simón. Pertence á parroquia de Pontesampaio, do concello de Pontevedra. Localízase a escasos metros da costa, de xeito que durante a baixamar é posíbel a comunicación por terra co illote, nunha zona de baixos limosos, empregados adoito para o marisqueo.

A illa atópase deshabitada, e non se conserva ningún vestixio de construción agás un cruceiro e unha estatua, ambas as dúas do século XX. A vexetación é a mesma que a da costa galega, isto é, na súa meirande parte matogueiras, piñeiros e eucaliptos.

N-550

A N-550 é unha estrada nacional que parte da Coruña e remata en Tui. A nomenclatura desta vía, así como do resto das estradas nacionais de España, estableceuse no cuarto plan xeral de estradas de 1939-41 (Plan Peña). Orixinariamente o seu percorrido era entre A Coruña e Vigo. Despois fíxose a variante desde Redondela até Tui, que quedou como trazado definitivo.

Discorre pola depresión meridiana e vertebra os principais núcleos de poboación de Galicia. O seu trazado correspóndese en parte coa Vía XIX do itinerario de Antonino, entre Tui e Iria Flavia, por onde discorre tamén a vía portuguesa do Camiño de Santiago. Na década de 1970 construíuse a autoestrada AP-9, que vai paralela a esta estrada.

Oitavén

Oitavén pode referirse a:

Oitavén, parroquia do concello de Fornelos de Montes.

Río Oitavén, río da provincia de Pontevedra.

PO-264

A PO-264 é unha vía da Xunta de Galicia, que vai desde a estrada N-550 en Paredes (Vilaboa) até a mesma estrada en Arcade (Soutomaior).

Ponte Caldelas

Ponte Caldelas (do latín aquas calidas, 'augas cálidas, termais') é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Pontevedra. No ano 2016 tiña 5.573 habitantes, segundo datos do IGE. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é pontecaldelán.

Provincia de Pontevedra

Pontevedra é unha das catro provincias de Galicia creadas por Javier de Burgos en 1833. Limita ao norte coa provincia da Coruña, ao leste coa provincia de Ourense e a provincia de Lugo, ao sur con Portugal e ao oeste co océano Atlántico. A súa capital é a cidade de Pontevedra, con 82.539 habitantes en 2015, sendo Vigo a súa maior cidade cunha poboación de 294.098 habitantes (2015). É provincia máis pequena e a segunda máis poboada de Galicia trala da Coruña.

Ruta da traída da auga

A Ruta da traída da auga é un camiño de sendeirismo que vai dende o concello de Fornelos de Montes ata o de Vigo, pasando polo de Redondela. Recibe o nome do transporte de auga desde o encoro de Eirás (no río Oitavén) ata a cidade olívica.

Río Barragán

O río Barragán ou río Freaza é un río afluente do Oitavén que forma o límite entre os concellos de Fornelos de Montes e Pazos de Borbén.

O río Barragán e a súa fraga acollen un itinerario para senderismo pendente de homologación pola Federación Galega de Montañismo co número PR-G 164 Senda da Fraga do Barragán. Á parte dos atractivos que ofrece a fraga a as marxes do río Barragán, que ten, no treito final, antes do encoro de Eirás, un estreito val cun bosque de ribeira ben conservado, nesta senda cómpre salientar elementos etnográficos e culturais como as levadas, os muíños, os pasos ou pasales, as pontes e pontellas, muros de todo tipo, camiños enlousados e, especialmente, os restos do castro da Cidade.

Río Verdugo

O Verdugo é un río galego da provincia de Pontevedra, cuxa foz se sitúa no fondo da ría de Vigo.

Ríos de Galicia

Os ríos de Galicia son parte da densa hidrografía de Galicia. A súa gran densidade fai que Galicia sexa cualificada decote como a terra dos mil ríos, en palabras de Otero Pedrayo. A maioría dos cursos, por mor do seu escaso caudal, non son navegables, agás o río Miño na súa desembocadura, nos numerosos encoros, e nos cursos baixos dalgúns ríos, nos que se celebran regatas.

Os ríos de Galicia son moi curtos na vertente cantábrica e algo máis longos na atlántica, coas excepcións novamente do Miño e o Sil, que teñen unha lonxitude de varios centos de quilómetros. Porén, os altos desniveis provocan a existencia de numerosas fervenzas.

Amais da pesca fluvial, existe aproveitamento industrial dos ríos mediante os muíños e os encoros para a produción de enerxía eléctrica e o abastecemento de auga.

Soutomaior

Soutomaior é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Vigo. Segundo o INE, no ano 2014 tiña 7.356 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «soutomaiorense».

Suso Vaamonde

Xesús Vaamonde Polo, nado en Rego do Vargo (A Insua, Ponte Caldelas) o 20 de decembro de 1950 e finado en Vigo o 16 de febreiro de 2000, foi un cantautor galego, coñecido como Suso Vaamonde, .

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.