Río Nilo

O río Nilo (النيل en árabe) é o maior río de África, que flúe en dirección norte a través de dez países —Burundi, Ruanda, Tanzania, Uganda, Quenia, República Democrática do Congo, Sudán do Sur, Sudán, Exipto e Etiopía— ata desaguar no extremo sueste do mar Mediterráneo, formando o gran delta do Nilo, sobre o que están situadas as cidades do Cairo e Alexandría. Ten unha lonxitude de 6853 km, o segundo río más longo do mundo, tras o Amazonas.

A fonte máis afastada do lago Vitoria é o río Kagera, localizado ao oeste de Tanzania. Se se considera este como fonte do Nilo, o seu nacemento sería o curso de auga máis longo dos que desembocan no Mediterráneo, sendo o Nilo-Kagera o segundo río máis longo do mundo, cunha lonxitude de 6853 quilómetros.[2] Durante séculos foi considerado o río máis longo do mundo;[3] con todo, medicións dos anos 2007 e 2008 redefiniron o nacemento do Amazonas na conca do río Apurímac ao sur do Perú, designándoo como o río máis longo do mundo.[4][5]

O Nilo está situado ao nordeste do continente africano e tomou a súa actual configuración o final da era terciaria. O Nilo ten dous tributarios claros ou fontes principais: o Nilo Branco e o Nilo Azul dos cales o primeiro é máis longo. O primeiro atravesa os Grandes Lagos de África, tendo a súa fonte máis distante en Ruanda (2°16′55.92″S, 29°19′52.32″E), e flúe cara ao norte por Tanzania, o lago Vitoria, Uganda, Sudán do Sur e Sudán, mentres que o Nilo Azul comeza no lago Tana, en Etiopía, e flúe ao longo do sueste de Sudán. Os dous ríos xúntanse xusto ao norte da capital sudanesa de Khartún.[6]

A parte do norte do río flúe case completamente polo deserto, entre Sudán e Exipto, unha zona cuxa civilización dependeu do río desde hai milenios. A maior parte da poboación de Exipto e todas as súas cidades —fóra das do delta do Nilo e os oasis— atópanse ao longo do val do Nilo (ao norte de Asuán), e a maioría dos lugares de interese cultural e histórico áchanse ao longo das ribeiras do río. A desembocadura do río conforma o delta do Nilo, que desemboca no mar Mediterráneo.

A bacía do Nilo cobre 3.254.555 km², preto do 10% da superficie de África[7].

Río Nilo
Ps Sudan 2007 Nile Egypt -01
PaísUganda Uganda
Flag of South Sudan.svg Sudán do Sur
Sudán Sudán
Exipto Exipto
Ruanda Ruanda
Tanzania Tanzania
Quenia Kenya
Etiopía Etiopía
Burundi Burundi
República Democrática do Congo R.D. do Congo
Eritrea Eritrea
NacementoLago Vitoria
Altitude1.134 msnm
Lonxitude6853 km[1]
Conca3.254.555 km²
Caudal medio2.830 m³/s
DesembocaduraMar Mediterráneo
Nilo
Nile composite NASA
Montaxe fotográfica de imaxes de satélite do Nilo (cortesía da NASA).

Etimoloxía

En exipcio, os xeróglifos que o nomean son "itrw", que se transliteran como iteru. A palabra Nilo provén do grego Neilos (Νειλος), que significa "val do río".

Ramas

Nilo Branco

Aínda que habitualmente se considera que as fontes do Nilo están no Lago Vitoria, neste lago desembocan outros ríos de tamaño considerábel. O máis afastado provén do bosque de Nyungwe, en Ruanda, a través dos ríos Rukarara, Mwogo, Nyabarongo e Kagera, antes de verter no Lago Vitoria en Tanzania preto de Bukoba.

O Nilo deixa o Lago Vitoria nas Cataratas Ripon, preto de Jinga, en Uganda como Nilo Vitoria. Flúe uns 500 km, atravesando o Lago Kyoga, até o Lago Alberte, onde toma o nome de Nilo Alberte. Pasa entón ao Sudán, onde se coñece como Bahr al Jebel. Na confluencia deste co Bahr el Ghazal, que ten 720 km., o río pasa a denominarse Bahr al Abyad ou Nilo Branco, por causa da arxila en suspensión que arrastra. Desde aquí diríxese a Khartún.

Nilo Azul

O Nilo Azul (Tiqur Abbay (río Abay Negro) para os etíopes; Bahr al Azraq para os sudaneses) parte desde o Lago Tana para as Terras Altas etíopes. Percorre 1.400 km até Khartún, onde se xunta co Nilo Branco. A maior parte da auga que arrastra o Nilo (80-85%) orixínase en Etiopía, pero esta cantidade só se dá no verán, cando caen as grandes choivas na Meseta etíope. O resto do ano, os grandes ríos que percorren Etiopía e desembocan no Nilo (Sobat e Atbara) levan pouca auga ou están secos.

O Nilo

Unha vez xuntos o Nilo Azul e o Nilo Branco, o único tributario importante é o río Atbara, que nace en Etiopía ao norte do Lago Tana e ten 800 km. Xúntase co Nilo a 300 Km ao norte de Khartún. Esta é outra característica infrecuente do Nilo, que o seu derradeiro tributario se lle une a medio camiño do mar. A partir deste punto, o caudal diminúe por causa da evaporación.

O Nilo no Sudán ten dúas peculiaridades: flúe sobre seis grupos de cataratas, desde a primeira en Asuán até a sexta en Sabaloka (xusto ao norte de Khartún) e inverte a súa dirección durante boa parte do seu traxecto, dirixíndose cara o suroeste antes de tomar dirección norte de novo. Isto chámase a "Gran Curva do Nilo".

Historia

KageraRuvubu
A confluencia dos ríos Kagera Ruvubu preto das cataratas de Rusumo, no curso alto.

O Nilo foi a fonte de vida dos antigos exipcios. As súas beiras foron ocupadas desde a Idade da Pedra. Unha mudanza climática ou talvez a desertificación por exceso de pastoreo, desecaron as terras pastorís de Exipto para formar o deserto do Sáhara, posibelmente hai 10.000 anos, e os seus habitantes emigrarían cara o río, onde desenvolveron unha sociedade agrícola e máis centralizada.

Eonilo

Estímase que o actual río Nilo é, polo menos, o quinto río que fluíu cara ao norte desde as terras altas etíopes. As imaxes de satélite usadas para identificar cursos de auga secos no deserto ao oeste do Nilo, móstrannos un canón, Eonilo, agora recheo polo fluxo superficial. Isto representa un antigo Nilo chamado Eonilo que fluíu durante o Mioceno (de 23 a 5,3 millóns de anos antes do presente). O Eonilo transportou sedimentos ata o Mediterráneo, e varios campos de gas foron descubertos dentro destes sedimentos. Durante o Mioceno tardío produciuse a crise salina do Messiniense, cando o mar Mediterráneo quedou illado e se evaporou, e o Nilo baixou o seu curso a un novo nivel que estaba centos de metros baixo o nivel do océano en Asuán e 2400 metros por baixo do Cairo.[8] Este enorme canón que se formou está agora repleto de sedimentos.

Nilo integrado

Hai dúas teorías en relación á idade do Nilo integrado: A primeira é que a drenaxe integrada do Nilo é de idade nova, que a conca do Nilo rompeu nunha serie de concas separadas e só a conca de máis ao norte tivo un río seguindo o curso actual do Nilo en Exipto.[9] Outra teoría proposta é que a drenaxe de Etiopía a través de ríos como o Nilo Azul ou o Atbarah/Takazze fluíu ao mar Mediterráneo a través do Nilo exipcio desde a era terciaria.[10]

Salama, en 1987, suxeriu que durante o Terciario houbo unha serie de concas continentais separadas, cada conca ocupando un das principais gretas sudanesas: a greta Mellut, a greta do Nilo Branco, a greta do Nilo Azul, a greta do Atbara e a greta Sag El Naam.[11] A conca da greta de Mellut é de case 12 quilómetros de profundidade na súa parte central e posiblemente aínda está activa. O sistema da greta do Nilo Branco, aínda que é máis baixo que o Bahr El Arab, é aproximadamente de 9 quilómetros de profundidade.

A exploración xeofísica do sistema da greta do Nilo Azul estimou a profundidade dos sedimentos aproximadamente entre os 5 e os 9 quilómetros. Estas concas non foron interconectadas ata despois de que cesase o seu afundimento e a acumulación de sedimentos fose suficiente para encher as concas a tal nivel que permitise a conexión. Ao encherse as depresións conectáronse o Nilo exipcio e o sudanés que captaba as augas etíopes e ecuatoriais durante as últimas etapas das actividades tectónicas.[12] O río Atbara desbordouse e pechou a súa conca durante os períodos húmidos, fai entre 100 000 e 120 000 anos. O Nilo Azul conectouse ao Nilo principal fai entre 70 000 e 80 000 anos. A conexión do Nilo Vitoria produciuse aproximadamente fai 12 500 anos.

Papel na fundación da civilización exipcia

O Nilo constituía unha fonte de sustento inesgotábel: o río tornaba as terras extremadamente fértiles ao inundalas anualmente. Os exipcios podía cultivar trigo e colleitas arredor do Nilo con obras de irrigación. As súas augas atraían animais, como o búfalo de auga, que se podían cazar, así como, unha vez introducidos polos persas no século VII a.C., os camelos. Estes animais podíanse cazar como alimento ou ser capturados, domesticados e utilizados para arar e, no caso dos camelos, viaxar. O Nilo tamén constituía unha vía cómoda e eficiente de transporte de persoas e mercadorías.

A estabilidade do Exipto antigo foi unha das mellor estruturadas da historia e dise que foi resultado inmediato da fertilidade do Nilo. O Nilo tamén proporcionaba liño para comerciar. Tamén se comerciaba co trigo, unha colleita crucial no Oriente Medio, onde as fames eran frecuentes. Este sistema de intercambio asegurou a relación diplomática de Exipto con outros países e contribuíu á súa estabilidade económica. Tamén fornecía recursos como alimentos e diñeiro que permitían recrutar un exército, fose para a defensa ou para a expansión imperial.

No sistema ideolóxico-relixioso exipcio, o faraón era quen inundaba o Nilo e, en agradecemento pola auga e as colleitas, os labregos cultivaban o fértil solo e enviábanlle unha porción dos recursos obtidos. A súa relevancia espiritual era tan grande que os exipcios crearon un deus dedicado á inundación anual do Nilo, Hapi. O río tamén se consideraba como o camiño da vida á morte e o alén. O leste era o lugar do nacemento e a vida e o oeste o da morte, segundo o deus Ra, o sol, pasaba do nacemento á morte e a resurrección cada vez que cruzaba os ceos. Por esta razón, todas as tumbas se localizaban ao oeste do Nilo, porque os exipcios crían que, para entrar no alén, tiñan que ser enterrados no lado que simbolizaba a morte.

O historiador grego Heródoto escribiu que "Exipto é o regalo do Nilo", e non sen razón.

Descubrimentos

O óso de Ishango, posibelmente a indicación máis antiga de como multiplicaban os exipcios, descubriuse na cabeceira no Nilo (preto do Lago Eduardo), no nordeste do República Democrática do Congo e está datado en hai 20.000 anos, no Paleolítico Superior.

A pesar dos intentos dos antigos gregos e romanos (que non foron quen de penetrar o Sudd), a bacía superior do Nilo non se coñecía en Occidente. Varias expedicións fracasaron en determinar as fontes do río, producindo as representacións clásicas helenística e romana do río como un deus home co seu rostro e cabeza cubertos por teas. Agatarcides rexistra que, en tempos de Tolomeo II Filadelfo, unha expedición militar penetrara o suficiente no curso do Nilo Azul para determinar que as inundacións estivais se debían a tormentas estacionais nas Terras Altas etíopes, mais non se sabe de ningún europeo que chegase ao Lago Tana na Antigüidade, para canto máis alén de Meroe.

O Nilo Branco era comprendido aínda menos, e os antigos pensaban, erroneamente, que o río Níxer representaba a bacía superior do Nilo. Plinio o Vello, por exemplo, escribiu que tiña as súas orixes "nunha montaña da Mauritania inferior", fluía sobre a terra durante "moitos días", pasaba logo baixo terra, reaparecía como un lago grande nos territorios dos Masaesilos, tornábase subterráneo outra vez baixo o deserto "durante unha distancia de 20 días até chegar aos etíopes" (Naturalis historial 5.10). Un mercador chamado Dióxenes afirmaba ter viaxado terra a dentro desde Rhapta, no leste de África, durante vinte e cinco días, até chegar ás fontes do Nilo nas Montañas da Lúa, aínda que se sospeita da veracidade desta historia.

Os europeos aprenderon pouco máis sobre as orixes do Nilo até os séculos XV e XVI, cando os viaxeiros a Etiopía visitaron non só o Lago Tana senón tamén as fontes do río Nilo nas montañas ao sur do lago. James Bruce afirmou ser o primeiro europeo en visitar a bacía superior, aínda que hoxe se pense que o xesuíta Pedro Páez o foi antes. Porén, no país residiron europeos desde finais do século XV e é moi posíbel que algún deles pasase antes por alí.

As fontes do Nilo Branco ficaron ignotas até o século XIX, cando John Hanning Speke foi o primeiro en identificalas co lago Vitoria. Speke formaba parte da expedición liderada por Richard Francis Burton entre 1856 e 1858 na procura das fontes do Nilo partindo de Dar-es-Salaam (actual Tanzania). Burton estaba convencido de que as fontes estarían no Lago Tanganica, mais Speke, deixando atrás a Burton porque caera doente, atopou o lago Vitoria e convenceuse de que esta era a fonte auténtica. Speke volveu con James Augustus Grant entre 1860 e 1863 e trazou o Nilo cara o norte até Gondokoro, na fronteira sur do Sudd.

A Expedición Nilo Branco, dirixida polo surafricano Hendri Coetzee e patrocinada pola National Geographic Society, foi a primeira en navegar o Nilo na súa integridade. A expedición partiu da Fonte do Nilo en Uganda o 17 de xaneiro de 2004 e chegou ao Mediterráneo por Rosetta catro meses e dúas semanas máis tarde. O 28 de abril de 2004, o xeólogo Pasquale Scaturro e o cámara Gordon Brown foron os primeiros en navegar o Nilo Azul, desde o lago Tana até as praias de Alexandría.

As inundacións do Nilo

PanoramicaNilo

Os ciclos anuais do Nilo foron moi importantes na Antigüidade. Durante a inundación, o Nilo misteriosamente mais predecibelmente, subía cada ano para anegar e fertilizar a terra, que se atopaba sen choiva e no momento máis quente do ano. Unha boa inundación aseguraba a prosperidade; unha inundación moi pobre ou excesiva garantía sufrimentos.

O misterio do ciclo suscitaba admiración e estimulaba adoración e o traballo de rexistrar o historial das inundacións, cando se esperaban e a localización dos terreos dos labregos unha vez se retiraban as augas estimularon a creación do primeiro instrumento científico, o nilómetro, a astronomía e a agrimensura. A preocupación dos antigos exipcios por unha boa inundación estaba xustificada. Disque a súa ausencia reiterada e o nivel baixo xeral do río foron a causa do colapso do Imperio Antigo de Exipto. Estas preocupacións figuran na Biblia, na que Xosé interpreta os soños do faraón relacionados con anos de abundancia e de pobreza.

Máis recentemente, unha seca durante os anos 1980 provocou fame en Etiopía e o Sudán, se ben Exipto estivo protexido pola auga retida no Lago Nasser.

Nile
EternalNile

O Nilo aínda nutre moita da poboación que vive na súas beiras. Aínda se usa para transportar mercadorías a diferentes lugares do seu percorrido. Dado que os ventos no inverno sopran río arriba, os barcos de vela podían viaxar facilmente. A construción da Gran Presa de Asuán (rematada en 1970), que proporciona enerxía hidroeléctrica, detivo as inundacións estivais e a súa renovación do fértil limo, facendo necesaria a utilización de adubos químicos.

No Nilo sitúanse as cidades de Khartún, Asuán, Luxor e O Cairo. A primeira catarata, a máis próxima á desembocadura do río, é a de Asuán, ao norte da Gran Presa. Entre esta e o norte existe unha importante ruta turística, con barcos de cruceiro e botes de vela tradicionais, as falucas. Dúas paradas típicas son Edfu e Kom Ombo. Por problemas de seguridade, non se viaxa máis ao norte.

A importancia do río é moi alta dado que unha vez ó ano se desbordaba enchendo os terreos próximos de limo que fan desta terra unha das máis fértiles. Os antigos exipcios gabábano como a un deus e os seus protectores eran os crocodilos -cando comían unha persoa considerábase como un castigo dos deuses.

O Eonilo

O río actual é, polo menos, o quinto río que ten saído das Terras Altas etíopes. As imaxes de satélite mostran leitos secos no deserto ao oeste do Nilo. Un canón do Eonilo, hoxe cheo de terra, representa este río ancestral que fluíu no Mioceno tardío. O Eonilo transportaba sedimentos clásticos ao Mediterráneo, que alí se depositaron e nos que se teñen atopado varios campos de gas natural.

Durante o Mioceno tardío, cando o Mediterráneo era un mar fechado e o nivel do mar baixou aproximadamente 1.500 m, o Nilo abriuse paso ao novo nivel até chegar a varias ducias de metros por baixo do nivel do mar en Asuán.

Anteriormente, o lago Tanganica vertía cara o norte no Nilo, até que os volcáns das Montañas Virunga bloquearon o seu curso. Isto tería feito o Nilo moito máis longo, coa súa bacía superior en Zambia.

Nile River and delta from orbit
Delta do Nilo visto desde o espazo, cortesía da NASA

Notas

  1. Geoenciclopedia. "Río Nilo". Consultado o 11 de novembro de 2016.
  2. EFE, ed. (3 de abril de 2006). "Una expedición británica asegura que el Nilo es 106 kilómetros más largo de lo establecido". El País.
  3. El Nilo: viaje por el río más largo del mundo, viajeaafrica.com, Consultado o 15 de setembro de 2008
  4. "El Nilo no es el río más largo del mundo". Mundo Negro Digital. 18 de xuño de 2007. Arquivado dende o orixinal o 22 de xaneiro de 2009.
  5. "¿Cuál es el río más largo del mundo?". El País. 16 de xuño de 2007.
  6. "What's the Blue Nile and the White Nile?". The Times of India. Arquivado dende o orixinal o 8 de marzo do 2017. Consultado o 27 de setembro do 2019.
  7. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2012. Consultado o 08 de setembro de 2006.
  8. The Eonile Arquivado o xullo 28, 2011 en Wayback Machine, spiritus-temporis.com, Consultado o 26 de setembro de 2008
  9. Said, R. (1981). The geological evolution of the River Nile. Springer-verleg.
  10. Williams, M.A.J. and Williams, F. (1980). Evolution of Nile Basin. In M.A.J. Williams and H. Faure (eds), The Sahara and the Nile. Balkema, Rótterdam, pp 207–224.
  11. Salama, R.B. (1987). "The evolution of the River Nile, The buried saline rift lakes in Sudan". J. African Earth Sciences 6 (6): pp 899–913. doi:10.1016/0899-5362(87)90049-2.
  12. Salama, R.B. (1997). Rift Basins of Sudan. African Basins, Sedimentary Basins of the World. 3. Edited by R.C. Selley (Series Editor K.J. Hsu) p. 105–149. ElSevier, Ámsterdam.

Véxase tamén

Outros artigos

Alexandría

Alexandría (en árabe, الإسكندرية — al-Iskandariyyah) é a segunda cidade e principal porto de Exipto, situada no delta do río Nilo na costa do Mar Mediterráneo. Conta cuns 3 341 000 habitantes.

Antigo Exipto

O antigo Exipto foi unha civilización do nordeste de África que se desenvolveu ao redor do curso medio e baixo do río Nilo, nos territorios que hoxe en día ocupan o actual estado de Exipto e o norte de Sudán. A civilización constituíse cara a 3150 a.C. coa unificación do Alto e Baixo Exipto baixo o primeiro faraón e persistiu durante os seguintes tres milenios ata a época romana.

Entre todas as antigas civilizacións do Oriente Próximo a exipcia destaca pola súa singularidade; constituída por poboacións de orixe norteafricano, engadíronse pobos semitas procedentes da rexión de Siria e Palestina, libios vindos do oeste e individuos de Nubia, que descenderon Nilo abaixo.

A súa historia divídese nunha serie de períodos estables ("imperios"), separados por períodos de relativa inestabilidade ("períodos intermedios"). Tralo fin do último imperio, o Imperio Novo, a civilización do antigo Exipto entrou nun período dun lento e constante declive, durante o cal Exipto foi conquistado por unha sucesión de poderes estranxeiros. O dominio dos faraóns acabouse o ano 31 a.C. cando o entón recente Imperio Romano liderado por Pompeu conquistou o Exipto tolemaico e incorporou o territorio como unha provincia romana.A civilización do antigo Exipto prosperou adaptándose ás condicións da val do río Nilo. Os antigos exipcios controlaron a irrigación dun val fértil que, ao producir excedente de colleitas, impulsou un gran desenvolvemento social e cultural. Cos recursos aforrados, a administración investiu na explotación mineral da zona, desenvolveuse un sistema de escritura, realizáronse construcións colectivas e proxectos agrícolas, impulsouse o comercio coas rexións veciñas, e formouse un poderoso exército que consolidou o dominio exipcio. Exercendo o control destas actividades había unha burocracia de escribas de elite, líderes relixiosos e administradores baixo a xerarquía do divino faraón, que garantía a cooperación e a unidade dos exipcios a través dun elaborado sistema de crenzas relixiosas.Entre a gran cantidade de progresos conseguidos pódense destacar a creación dun sistema matemático, do traballo na pedra, das técnicas de enxeñaría e arquitectura que facilitaron a construción de pirámides monumentais, templos e obeliscos, así como o desenvolvemento dunha actividade artesanal de faienza e vidro, un sistema sanitario práctico e efectivo, novas formas de literatura, sistemas de irrigación, técnicas de produción agrícolas e o tratado de paz máis antigo.Exipto deixou un legado duradeiro. A arte e a arquitectura foron imitados por outros pobos, e as ruínas monumentais que sobreviviron durante séculos inspiraron a imaxinación de turistas e escritores. O descubrimento das antigüidades e varias escavacións realizadas desde os inicios da Idade Moderna dirixiron a atención científica cara á civilización exipcia e espertou un grande interese en todo o mundo.

Asuán

Asuán (أسوان Aswān) é a cidade máis meridional de Exipto, na marxe oriental do río Nilo, á altura da Primeira Catarata e capital da gobernación homónima. Posúe 220.000 habitantes (2002), e é capital da gobernación de Asuán. Está situada na beira oriental do Nilo, é un centro comercial e turístico.

Asuán é un dos lugares habitados máis secos do mundo. Na antigüidade levaba o nome de Siena (Syene) do cal deriva Asuán (Syene → As Syene → As Son → As Suán → Asuán ). A súa fama actual débese ao encoro construído para regular as augas do Nilo.

A posición moi cerca do trópico do cáncer de Asuán permitiu a Eratóstenes calcular a circunferencia da Terra: un mercador contoulle que o día do solsticio de verán, o 22 de xuño a mediodía, a luz do sol iluminaba o fondo dun pozo, co que Eratóstenes deduciu que o sol se atopaba entón exactamente no cénit, e comparou coa súa posición no ceo neste mesmo intre na súa cidade, Alexandría, o que lle deu a distancia angular entre as dúas cidades. Coñecendo a distancia entre as dúas cidades, puido calcular, aplicando a proporcionalidade, o raio da Terra.

Delta do Nilo

O delta do Nilo é o territorio conformado polos depósitos aluviais do río Nilo ao desembocar no mar Mediterráneo.

Está ao norte de Exipto e ten forma de letra grega Delta (Δ), de aí o nome dado polos antigos gregos.

É un dos deltas máis grandes do mundo, abarcando aproximadamente desde Alexandría no oeste a Porto Saíd no leste, con 230 km de costa mediterránea, e até a cidade de Cairo polo sur.

É unha rexión fértil, moi apta para a agricultura e moi poboada.

No antigo Exipto estas terras eran denominadas o Baixo Exipto.

Delta fluvial

Denomínase delta ó territorio triangular formado na desembocadura dun río, mediante a acumulación de sedimentos que se depositan a medida que a corrente do río vai desaparecendo.

Distrito Kamuli

Kamuli District é un distrito da Rexión Leste de Uganda, nomeado así pola súa poboación capital, Kamuli.

Limita co Distrito Buyende polo norte, co Distrito Luuka polo leste, co Distrito Jinja polo sur e co Distrito Kayunga polo oeste.

No ano 2002 o Distrito tiña unha poboación estimada dunhas 712.000 persoas. Tiña unha área de 4.301,5 km².

No ano 2006, o Distrito Kaliro, cunha poboación estimada de 153.513 persoas no 2002, saíuse deste distrito para formar un diferente, polo que deixaba ao distrito cuns 558.487 habitantes. No 2010, o Distrito Buyende, que no 2002 tiña unha poboación de aproximadamente 191.266 habitantes, foi tamén sacado deste distrito para formar outro, polo que, facendo cálculos, o actual terreo do Distrito Kamuli, no ano 2002 tería 372.221 habitantes.

O Distrito posúe unha sociedade multiétnica, sendo o principal grupo étnico o basoga, que abrangue o 76% da poboación. O pobo iteso abrangue o 3,9% e o banyoro e o bagungu conxuntamente fan o 1,8% da poboación. O resto, o 18,3% estaría feito doutros grupos étnicos. A principal lingua do Distrito é o lusoga, como tamén o luganda e o inglés.

O distrito forma parte da subrexión Busoga que é coincidente co Reino de Busoga, que no 2002, era lar de 2,5 millóns de persoas.

As principais actividades económicas do lugar son a pesca polo río Nilo, a gandaría, a agricultura, a acuicultura, a apicultura e a venda nas feiras dos centros urbanos.

Distrito Nebbi

Nebbi District é un distrito da Rexión Norte de Uganda, denominado así pola súa cabeceira, Nebbi.

Limita co Distrito Arua polo norte, co Distrito Amuru polo nordeste, co Distrito Nwoya polo leste, co Distrito Bulisa polo sueste, coa República Democrática do Congo polo sur e co Distrito Zombo polo oeste. Nebbi, a súa cabeceira, atópase aproximadamente a 77 km ao sueste de Arua, o pobo principal da subrexión.O distrito divídese en dous condados: Padyere e Jonam. No ano 2010, o condado de Okoro separouse do Distrito Nebbi para formar o Distrito Zombo. Hai un pequeno aeroporto preto de Nebbi, que se pode alcanzar cun voo desde o aeroporto de Entebbe.

Hai unha catedral católica en Nebbi, e a diocese anglicana ten base en Goli, unha poboación situada na fronteira coa República Democrática do Congo, a uns 15 km ao sur de Nebbi. O primeiro bispo da diocese anglicana de Nebbi foi Henry Luke Orombi. O primeiro bispo católico foi John Baptist Odama.

A etnia predominante do distrito son os alur. O censo do ano 2002 estimaba a poboación do distrito, como é tras o 2010, de aproximadamente 226.310 habitantes. A taxa de crecemento estimouse nun 2.5% no 2002, polo que a poboación no 2010 sería de 324.500 habitantes.

A agricultura e a gandaría, así como a pesca no lago Alberte e no río Nilo Branco, así como nos ríos Nyagak e Namrwodho, son as principais actividades económicas do distrito.

Distrito Yumbe

Yumbe District é un distrito da Rexión Norte de Uganda. Como a maioría dos distritos, o seu nome provén do seu centro administrativo, Yumbe.

O distrito de Yumbe é un dos ditritos máis setentrionais de Uganda. Limita co Sudán do Sur polo norte, Distrito Moyo polo leste, Distrito Adjumani polo sueste, Distrito Arua polo sur, Distrito Maracha polo suroeste e Distrito Koboko polo oeste. Yumbe atópase aproximadamente a 75 km ao norte de Arua, a principal poboación da subrexión.O distrito estableceuse en 2006, cando o condado Aringa foi separado do Distrito Arua e cambióuselle o nome para Yumbe District.A súa poboación está aínda sufrindo os efectos da guerra civil, que durou vinte anos (1980–2000). O acordo de paz entre UNRF2 e o Goberno de Uganda foi asinado no 2000 en Yumbe.

A maioría (89%) da poboación do distrito pertence á etnia lugbara. Os lugbara no Distrito Yumbe falan un dialecto chamado aringa, que non ten forma escrita; só é oral. Tamén se poden atopar outras etnias, como os kakwa, os madi e os alur. Os acholi atópanse dispersos polo Río Nilo e dedícanse principalmente á casa e a pesca, polo río. Representa aproximadamente o 2% da poboación do distrito.

As linguas máis faladas son o aringa lugbara (maioría), o kakwa, o kuku, o madi e o alur. Con todo, a segunda lingua máis falada e o swahili. Nas áreas urbanas, pódense encontrar individuos que entendan árabe ou inglés.A poboación no distrito é maioritariamente musulmá (76%), que é unha excepción en Uganda (o 80% dos ugandeses son cristiáns). A taxa de fertilidade no distrito é alta (7.5). O censo do ano 2002 tiña unha estimación da poboación de 253.300 habitantes. Calculouse un índice de crecemento do 7.9%, polo que a súa poboación estimada no 2010 era de aproximadamente 300.200 habitantes.

A agricultura de subsistencia é a principal actividade económica no distrito, como en moitos outros distritos.

Khartún

Khartún (en árabe, al-Khartûm: الخرطوم, literalmente "trompa de elefante"), é a capital do Sudán. Atópase no cruzamento do Nilo Branco, procedente de Uganda, co Nilo Azul, que ven de Etiopía. Estes dous ríos únense no río Nilo que segue o seu curso cara Exipto.

A cidade forma unha metrópole xunto con Khartún Norte (Al-Jartūm al-Bahrī: الخرطوم البحري) e Ondurman (Umm Durmān: أم درمان) de catro millóns de habitantes.

Lago Vitoria

O lago Vitoria (Nam Lolwe en luo; "Nalubaale" en Luganda e Nyanza en ruanda e bantú) é un dos Grandes lagos africanos, localizado nun planalto elevado na parte occidental do Gran Val do Rift, na África oriental. O nome foille dado en honor da raíña Vitoria polo explorador John Hanning Speke, o primeiro británico en documentar a súa existencia en 1858, no transcurso dunha expedición con Richard Francis Burton para localizar as Fontes do Nilo.En termos de superfice, con 68.870 km² (aproximadamente o mesmo que a Irlanda), é o maior lago do continente africano, o maior lago tropical no mundo e o segundo maior lago de auga doce do mundo, só superado pola superficie do lago Superior de América do Norte. En termos de volume, é o sétimo maior lago de auga doce do mundo con 2.750 km³ de auga. É unha das nacentes do río Nilo, o Nilo Branco.

O lago Vitoria recibe principalmente as súas augas das precipitacións e de milleiros de pequenos regatos. O maior curso de auga que verte no lago é o río Kagera, cuxo delta está na costa oeste do lago; e só é drenado polo río Nilo preto de Jinja, na costa setentrional.O lago Vitoria ocupa unha depresión pouco profunda cunha profundidade máxima de 84 m é unha profundidade media de 40 m.A súa bacía ten unha extensión de 184.000 km². A súa liña de costa ten 4.828 km, dos que o 3,7% son dalgunha das 3.000 illas que contén. Moitas destas illas están habitadas, destacando as Illas Ssese, en Uganda, un grupo grande de illas no noroeste do lago que son un destino popular para turistas.

O lago está dividido entre tres países: un 6% corresponde a Quenia, Uganda administra un 45% e o 49% restante pertence a Tanzania.

Limo

O limo (do latín limus, 'lodo', 'barro', 'sedimento') é un material solto cunha granulometría comprendida entre á da area fina e á da arxila.

É un sedimento clástico incoherente transportado en suspensión polos ríos e polo vento, que se deposita no leito dos cursos de auga ou sobre os terreos que foron inundados.

Para que se clasifique como tal, o diámetro das partículas de limo ten que oscilar entre os 0,002 mm e os 0,06 mm.

É típico e famoso o limo depositado polo río Nilo despois das inundacións periódicas que achegaban terreo fértil para a agricultura desde o antigo Exipto até que este fluxo se interrompiu pola construción da presa de Asuán.

Ao non ter cohesión, é un terreo problemático para edificar sobre el e, en obras de arquitectura ou enxeñaría, é necesario adoptar sistemas especiais de cimentación.

Pódense distinguir:

o limo orgánico, formado por barro mesturado con restos vexetais, e

o limo inorgánico, con inclusión de po de rochas. Neste tipo encóntrase o loess pampeano ou o chinés; é un limo fino, sen estratificación.

O Cairo

O Cairo (‏القاهرة‎, Al-Qāhira en árabe) é a capital e maior cidade do Exipto, situada nas marxes do río Nilo. Foi fundada no 969 para servir de capital do Exipto árabe. Foi conquistada en 1517 polos turcos. Entre 1798 e 1801 foi ocupada polos franceses. É a sede da Liga Árabe. Unha cidade que é un museo aberto composto por unha mistura de antigo e moderno, que conviven nos seus barrios, rúas, ruelas e becos. O Cairo relixioso, cheo de vida e de contrastes, cidade cosmopolita en culturas e xentes, que revela diferentes civilizacións.

A súa área metropolitana inclúe unha poboación aproximada de mais de 20 millóns de habitantes,​ sendo a urbe máis poboada do continente africano e doceava do mundo.​ É coñecida polos exipcios como a "nai de tódalas cidades" e a "cidade dos mil minaretes".

Papiro

Este artigo trata sobre o material de escritura, para a planta véxase o artigo: Papiro (planta).

Papiro (do latín papyrus , e este do grego πάπυρος) é o nome que recibe o soporte de escritura elaborado a partir dunha planta acuática, moi común no río Nilo, en Exipto, e nalgúns lugares da conca mediterránea, unha herba palustre da familia das ciperáceas, o Cyperus papyrus.

O Cyperus papyrus é unha planta nativa de África da mesma familia da Tiririca (Cyperus rotundus), que é a planta daniña máis difundida do mundo, segundo o Libro Guiness. Na época antiga considerábase sagrada e fartamente encontrada no delta do Nilo. Era utilizada principalmente na produción de papel no Antigo Exipto.

O talo do papiro pode atinxir até 6 metros de comprimento. A flor da planta lembra os raios do sol e é por ter esta analoxía co sol, divindade máxima dese pobo, que o papiro era considerado sagrado. O miolo do talo utilizábase para facer papiros, e a casca, moi resistente despois de seca, na confección de cestos, camas e até barcos.

Rexión de Amhara

Rexión de Amhara (en amhárico: አማራ; ʾÄmara) é un das nove divisións étnicas de Etiopía, sendo o fogar dos amháricos. Outrora coñecida como "Rexión 3", a súa capital é Bahir Dar. O meirande corpo de auga de Etiopía, o lago Tana, que é a fonte do río Nilo Azul, atópase na rexión de Amhara. A rexión tamén contén o Parque nacional de Simien, que inclúe Ras Dashan, o punto máis alto do país. Amhara limita co Sudán polo oeste e o noroeste, e coas rexións etíopes de Tigray polo norte, de Afar polo leste, Benishangul-Gumuz polo suroeste e Oromia polo sur.

O goberno de Amhara componse do poder executivo, liderado polo presidente, o poder lexislativo que comprende o Consello de Estado e o poder xudicial, liderado pola Corte Suprema do estado.

Río Amazonas

O río Amazonas é un río de América do Sur e é o máis caudaloso do mundo. Nace no Perú, pasa por Colombia, atravesa o Brasil e desemboca no océano Atlántico. Ten máis de 1100 afluentes, ten entre 6259 km e 6712 km de lonxitude (dependendo do criterio de medición), e é o segundo máis longo despois do Nilo.

O río Amazonas é un río sur-americano que nace na Cordilleira dos Andes, no lago Lauri ou Lauricocha, no Perú e desauga no océano Atlántico, xunto á Illa do Maraxó, no Brasil, onde entra polo estado homónimo. E ao longo do seu curso recibe os nomes de Tunguragua, Marañón, Ucayali, Solimóns e finalmente Amazonas.

Unha investigación recente revelou que o Amazonas ten un lonxitude de 6868 km e máis de 1000 afluentes, e polo tanto maior que o Nilo cos seus 6.695 km de extensión, sendo entón o máis longo río do mundo. A súa cunca hidrográfica é a maior do mundo, cunha superficie de aproximadamente 7 millóns de km². O Amazonas é de lonxe o río máis caudaloso do mundo, cun volume de auga preto de 56 veces o do río Nilo.

Sudán

O Sudán (en árabe: السودان as-Sūdān), oficialmente República do Sudán (en árabe جمهورية السودان Jumhūrīyat as-Sūdān) é un país do Val do Nilo en Norte de África, que limita con Exipto polo norte, co Mar Vermello, Eritrea e Etiopía polo leste, co Sudán do Sur polo sur, coa República Centroafricana polo suroeste, con Chad polo oeste e con Libia polo noroeste. O río Nilo divide ó país en dúas metades, a leste e a oeste. A relixión predominante é o Islam.O Sudán era o meirande país de África e do mundo árabe ata o ano 2011, cando o Sudán do Sur se converteu nun estado independente despois dun referendo. O Sudán é hoxe o terceiro maior país de África, despois de Alxeria e da República Democrática do Congo.

O país é membro das Nacións Unidas, da Unión Africana, da Liga Árabe, da Organización da Conferencia Islámica e do Movemento de Países Non Aliñados, así como un observador na Organización Mundial do Comercio. A súa capital é Khartún, o centro político, cultural e comercial da nación. É unha república federal con sistema presidencial e democracia representativa. A política do Sudán é regulada por unha organización parlamentaria chamada Asemblea Nacional. O seu sistema legal está baseado na lei islámica.

Val do Nilo

O Val do Nilo é o fértil val do río Nilo, río do cal depende Exipto. É un val que como media só ten 19 quilómetros de ancho dende Asuán até O Cairo, esténdese cara ao norte como unha delgada cinta verde sobre o árido deserto africano. No pasado, as inundacións anuais do Nilo depositaban unha lama enriquecedora do terreo que fixo de Exipto unha nación exportadora de alimentos e un lugar de refuxio en tempos de fame. (Xénese 12:10.) As canas de papiro das súas ribeiras foron a base para o papel máis primitivo.

O ancho delta, onde as augas do Nilo ábrense como un abano antes de fluír ao azul Mediterráneo, recibe o nome de Baixo Exipto. Parece que aquí estaba -a terra de Gosén-, que foi habitada polos israelitas durante a súa longa estancia en Exipto. (Xénese 47:27.)

A construción da grande presa de Asuán nos anos sesenta produciu un cambio fundamental no medio ambiente do val do Nilo segundo o New York Times. O nivel das augas subterráneas debaixo dos monumentos subiu; o aire é máis húmido debido a que as canles de rega nunca se baleiran; os sales do chan penetran a través das antigas fachadas, despegándoas da roca de abaixo; as augas residuais tinguen o chan.

África subsahariana

África subsahariana é unha rexión xeográfica que abrangue os países do continente africano situados ao sur do deserto do Sáhara e que non forman parte da rexión coñecida como Noráfrica.

Dende o século XIX este territorio empezou a ser coñecido tamén coa expresión África negra por parte dos occidentais, describindo a unha zona habitada por individuos de raza negra e que non fora "descuberto" nin "colonizado" por parte dos europeos. Ese termo caeu en desuso, e foi catalogado como despectivo.

Dende o fin da última idade do xeo, o norte e a zona subsahariana atoparon no deserto do Sáhara unha fronteira natural case insalvable, salvo por pequenos escapes como o río Nilo. O termo subsahariano atopa un sinónimo en "África Tropical", intentando destacar a súa diversidade ecolóxica, aínda que a parte austral conta con un clima totalmente diverso.

África subsahariana é por moitos considerada como a rexión máis pobre do planeta, sufrindo os graves legados do colonialismo, o neocolonialismo, os conflitos étnicos e inestabilidade política. Nesta rexión sitúanse os países menos desenvoltos do planeta, con grandes debilidades estruturais. É tamén esta rexión, principalmente a zona oriental, o berce da especie humana, dende onde se iniciou o poboamento da Terra (probablemente en Etiopía ou Tanzania). Foi durante moitos anos o lugar onde se desenvolveron de maneira extraordinaria, como os imperios do Congo, Nubia, Uagadugu (en Ghana), Malí, Nok, Songhai, Kanem-Bornu, Benín e o Gran Cimbabue.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.