Río Lagares

O río Lagares, ou río Gandariña, tamén chamado antigamente río Sárdoma,[1] é o principal curso fluvial do concello de Vigo, na provincia de Pontevedra.

Lagares
Río Lagares, decembro 2011
PaísGalicia Galicia
NacementoA Retorta, Cabral, Vigo
Lonxitude14 km
Caudal medio3,20 m³/s
DesembocaduraRía de Vigo

Descrición

Nace na Lagoa Mol, entre o lugar da Retorta na parroquia de Cabral (Vigo) e a parroquia de Vilar de Infesta (Redondela).

Esténdese por todo o sur do termo municipal de Vigo, de leste a suroeste, a través das parroquias de Candeán, Lavadores, Sárdoma, Castrelos, Matamá e Santo André de Comesaña, até a súa desembocadura na ría de Vigo, a nivel do extremo sur da praia de Samil.

Os seus derradeiros sete quilómetros están percorridos por un parque-paseo de corenta mil metros cadrados que se prolonga dende a zona industrial da avenida de Madrid até as marismas da Carrasqueira, entre as parroquias de Coruxo e Navia.

Afluentes pola dereita son o Eifonso, á altura de Sárdoma, e o Barxa (ou Barxas), á altura de Castrelos.

Patrimonio

A ponte medieval de Sárdoma é unha das pontes vellas que cruza o río. Despois este atravesa o Parque de Castrelos, onde se atopa o pazo do mesmo nome. Pasando o parque o leito do río foi desviado nos anos 1970 pola urbanización da cidade e deixou de pasar baixo a ponte medieval de Castrelos. O curso do río segue por baixo do Estadio de Balaídos, sede do Real Club Celta de Vigo, para rematar acompañado dun paseo fluvial antes da foz na praia de Samil onde forma un grande esteiro.

Galería de imaxes

Río Lagares, agosto 2011
 
Marisma do río Lagares, agosto 2011
 

Notas

  1. Besadío, D. (13 de marzo de 2015). "De cando o Lagares se chamaba río Sárdoma". DUVI. Consultado o 14 de marzo de 2015.

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

Arquivo Pacheco

O Arquivo Fotográfico Pacheco é unha colección fotográfica recompilada na súa maior parte por Jaime de Sousa Guedes Pacheco entre 1915 e 1981, e que está instalada na Casa das Artes de Vigo.

Campo de Fútbol Municipal Baltasar Pujales

O Campo de Fútbol Municipal Baltasar Pujales é un estadio de fútbol de propiedade municipal, situado en Bouzas, Vigo. Serve de localía ao Club Rápido de Bouzas. O estadio inaugurouse en marzo de 2001.

O seu terreo de xogo é de céspede artificial. A súa capacidade total rolda os 1.500 espectadores, aínda que só posúe unha bancada con capacidade para 600 persoas. O complexo deportivo conta con catro vestiarios, un local para oficinas, dous aseos para uso público e un equipo de calefacción que garante unha permanente subministración de auga quente, ademais dun peche perimetral de todo o campo. Tamén incorpora un local para servizo de cafetaría.

Leva o nome de Baltasar Pujales, quen foi presidente do Rápido de Bouzas durante máis de 30 anos, e que foi o presidente na data de inauguración do estadio. Anteriormente á construción deste campo de fútbol, o Rápido de Bouzas xogaba no campo de fútbol das Gaivotas, un campo de terra que ocupou a área onde agora se ergue o pavillón polideportivo, anexo ao campo actual.

Campo do Vao

O Campo do Vao é un campo de fútbol da parroquia de Coruxo, Vigo, situado preto da praia do mesmo nome. Serve de feudo local do Coruxo Fútbol Club e ten unha capacidade de 1.500 espectadores.

Castrelos, Vigo

Santa María de Castrelos é unha parroquia do concello de Vigo. Ten 15 entidades de poboación, 11 lugares e 8.006 veciñas e veciños (2013).

Centro Arqueolóxico de Salinae

O Centro Arqueolóxico Salinae (Vigo) é a primeira salina romana de evaporación solar que foi conservada e musealizada do Imperio Romano. É un centro dependente do Museo do Mar de Galicia e da Xunta de Galicia.

Centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën

O Centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën é un planta de produción do grupo PSA Peugeot Citroën, situada en Balaídos (Vigo), á beira do río Lagares. Con máis de 50 anos de actividade, está considerada un dos piares básicos da economía galega. A planta produce catro vehículos distintos para as dúas marcas do grupo. O seu persoal componse por 6500 empregados e as súas exportacións representan o 30 % das exportacións totais de Galicia . A calidade, como obxectivo primordial, a eficiencia industrial e un persoal competente son aspectos clave na súa organización.

Complexo Deportivo das Travesas

O Complexo Deportivo das Travesas é un recinto polideportivo situado na parroquia viguesa de Freixeiro, construído en 1968 e con capacidade para 3.500 persoas.

Serve de feudo ao Real Club Celta Indepo de baloncesto e máis ao Octavio Pilotes Posada de balonmán.

Estadio Municipal de Balaídos

O Estadio Municipal de Balaídos é un estadio de fútbol situado na cidade de Vigo. É o estadio no que xoga como local o Real Club Celta de Vigo, equipo da Primeira división española.

Estadio Municipal de Barreiro

O Estadio Municipal de Barreiro é un estadio de fútbol situado na parroquia de Lavadores de Vigo. É propiedade do concello de Vigo.

É utilizado como feudo local polo Celta de Vigo B, que xoga na Segunda B. Ten capacidade para 4.500 espectadores. É utilizado tamén polo Gran Peña Fútbol Club.

Festival Aéreo de Vigo

O Festival Aéreo de Vigo foi un festival celebrado dende 2004 ata 2012 na cidade de Vigo. Tiña lugar nun domingo da segunda quincena dos meses de xullo.

Lagares

Un lagar é un lugar onde se prensan uvas, mazás olivas e outros froitos. Como topónimo, Lagares pode referirse a:

Lagares, lugar da parroquia de Boado, no concello de Mesía;

Lagares, lugar da parroquia de Luama, no concello de Ortigueira;

Lagares, lugar da parroquia de Salvaterra, no concello de Salvaterra de Miño;

Lagares, lugar da parroquia de Santalla de Alfoz, no concello de Triacastela;

Lagares, lugar da parroquia de Pantín, no concello de Valdoviño.

Lagares, lugar da parroquia de Belesar, no concello de Vilalba;

O Lagares, lugar da parroquia de Senra, no concello de Ortigueira;

Chan de Lagares, lugar da parroquia de San Pedro de Cervantes, no concello de Cervantes;

Río Lagares, curso fluvial que discorre polo concello de Vigo.

Monte da Guía

O monte da Guía é unha elevación situada na parroquia de Teis, no concello de Vigo, a uns 100 metros sobre o nivel do mar, a carón da ría de Vigo. É un dos parques maiores da cidade.

Desde o alto do promontorio hai unha vista bastante completa da cidade de Vigo, así como da ría, das illas Cíes, e da cara sur da península do Morrazo e da ponte de Rande. Antigamente, as mulleres dos pescadores subían a este monte para facer fogueiras e así poder orientar os seus maridos de regreso ao peirao.

Está coroada por unha pequena ermida erixida en honra da Nosa Señora das Neves: Nosa Señora da Guía, obra do arquitecto Manuel Gómez Román.

Ata o ano 2000 estivo situada na súa ladeira máis protexida, cara ao mar, a Escola de Transmisións da Armada, localización militar que tivo importante relevancia na Segunda Guerra Mundial, ó ser usada como lugar de aprovisionamento por submarinos alemáns, o que se evidencia nalgunha película bélica. Naquela época fíxose un túnel baixo o monte para que o tren chegase ás instalacións militares para levar provisións. Tempo despois, ó ser innecesario o transporte ferroviario, o túnel foi usado como almacén militar.

Na súa aba, hai pequenas praias como a da Lagoa ou a da Punta, e un paseo a través dunha senda botánica sinalada. Conta cunha carballeira e distintas especies ornamentais de interese, nas que destacan ademais dos carballos, os piñeiros.

O monte da Guía está conectado co centro da cidade a través do autobús urbano (liña 17).

Parque de Castrelos

O Parque de Castrelos, coñecido tamén coma Finca da Marquesa ou Parque Municipal Quiñones de León, é un gran parque situado en Vigo que corresponde á antiga quinta do Pazo de Castrelos, hoxe sede do Museo Quiñones de León. Porén, Castrelos abrangue unha extensión máis ampla fóra dos xardíns do pazo. Ocupa unha superficie total de 24.3 hectáreas, no que se atopan, ademais do pazo e os seus xardíns históricos, variedade de espazos verdes, un auditorio, zonas boscosas etc. Todo plenamente harmonizado coma parque urbano Ten un gran valor paisaxístico e botánico polo que foi declarado Xardín Histórico e Ben de Interese Cultural en 1955. Na actualidade, é o maior parque da cidade, unha área de lecer e verdadeiro pulmón verde da grande urbe. Varias das súas árbores, como faias, tulipeiros, eucaliptos e camelias aparecen no Catálogo de Árbores Senlleiras da Xunta de Galiza.

O pazo que hoxe acolle o museo Quiñones de León representa o esplendor barroco da arquitectura palaciana. Foi construído na segunda metade do século XVII. É un dos mellores exemplos da arquitectura palaciana galega.

Ponte de Castrelos

A ponte de Castrelos é unha pequena ponte medieval que se atopa en Castrelos, hoxe en día na mesma cidade de Vigo. Servía de paso para cruzar o río Lagares no Val do Fragoso. Coñécese tamén coma ponte de Balaídos, ponte do Lagares ou ponte de Pereiró.

Ponte de Sárdoma

A ponte de Sárdoma é unha pontiña medieval que cruza o río Lagares na parroquia viguesa de Sárdoma, preto do pazo da Caracola. Podería ter unha orixe romana, se ben a actual ponte vense utilizando polo menos dende o século XII.

A ponte, de cantaría de granito de perpiaños regulares, é sinxela, cunha plataforma recta (non ten a fasquía típica de subida e baixada das pontes medievais, coma a de Castrelos), ten 10 m de longo, e salva o río grazas a dous arcos de medio punto. Conta, ademais, cun tallamar central.

O estado de conservación é bo; porén a contorna non está moi coidada e a propia ponte necesitaría unha limpeza; a ponte asfaltárase para dar acceso ao pazo, porén a camada de asfalto foi retirada hai uns anos.

Praia de Samil

A praia de Samil é un areal vigués, no lugar do mesmo nome da parroquia de Navia, que conta cunha lonxitude aproximada tres quilómetros. Limita coa Praia de Tombo do Gato (Alcabre) polo norte e coa desembocadura do río Lagares polo sur.

O areal está dividido en dúas partes diferenciadas ao norte e ao sur por un grupo de rochas que quedan unidas á terra na baixamar formando un tombo. Estas rochas reciben o nome das Queimadas. A metade norte recibe o nome de praia do Laxón, praia da Laxe ou praia Azul. A metade sur recibe o nome de praia de Samil por estar situada en fronte do barrio do mesmo nome. O extremo sur do areal, na desembocadura do río Lagares, recibe o nome da Foz, A Fox ou Cabo da Vella.

Trátase dunha das principais praias da cidade debido ó seu atractivo turístico e ó seu complexo recreativo, no que destacan cafetarías, piscinas, canchas de baloncesto, circuíto de coches teledirixidos, paseo, zonas verdes, aparcadoiros, pista de patinaxe, half-pipe etc.

Na praia de Samil celébrase anualmente o Festival Aéreo de Vigo.

Río Eifonso

O río Eifonso é un río galego que transcorre integramente polo concello de Vigo. Afluente do río Lagares, constitúe un dos espazos naturais con maior valor ecolóxico do concello vigués. Recibe o seu nome da aldea de Eifonso, da parroquia de Bembrive.

Val do Fragoso

O Val do Fragoso é un entorno natural do río Lagares, en Vigo. Está situado ao sueste da cidade, entre as parroquias de Lavadores e Valadares. É unha das áreas de expansión urbana da cidade, no contorno do Estadio municipal de Balaídos.[Cómpre referencia]

World Fishing Exhibition

A World Fishing Exhibition (Exposición Mundial da Pesca) é unha feira empresarial do sector pesqueiro que se celebra cada seis anos na cidade de Vigo.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.