Ría de Vigo

A ría de Vigo é a ría galega máis ao sur das Rías Baixas e unha das maiores en extensión. Ábrese ao Atlántico desde cabo Home, ao norte, ata ao cabo Silleiro, ao sur, e queda pechada na metade da boca polas Illas Cíes. A ría estreita na enseada de San Simón. Alí forma un estuario interior no que verten na boca da ría os principais afluentes: Oitavén-Vergudo e o Ulló[1][2][3][4].

A ría baña os concellos de Cangas do Morrazo, Moaña, Vilaboa, Pontevedra, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán e Baiona. A riqueza en recursos mariños da ría, os caladoiros e a presenza dun dos principais portos pesqueiros na costa da ría fan posible e explican a alta urbanización do litoral e a alta densidade demográfica[1].

Os principais espazos naturais que alberga a ría son a enseada de San Simón, as mariñas da Ramallosa e as Illas Cíes[3].

Características

Ría de Vigo. Galiza

É a máis meridional das Rías Baixas, e presenta unha forma de cuña orientada en dirección nordeste suroeste. A súa superficie total é de 176 km2, cunhas dimensións de 33 km de lonxitude e anchura variábel de 10 km na boca, entre cabo Home e a península de Monteferro, e 600 m no estreito de Rande, volvéndose ensanchar no fondo da ría, na enseada de San Simón. O volume total de auga, 3.117 Hm3, convértena na segunda ría, despois da de Arousa, en volume de auga.

A ría de Vigo é unha das rías con máis produción mariña e de maior calidade no mundo. Isto é porque os ventos nórdicos arrastran no verán as augas superficiais quentes permitindo o afloramento das frías, ricas en nutrientes. Debido á súa temperatura, esas augas non forman nubes, o que provoca a falta de chuvia no verán.

Malia a contaminación da ría, destacan os avistamentos de mamíferos mariños entre os cales os arroaces e as toniñas son os máis abondosos.[5]

Rande's Bridge, Ría de Vigo, Galicia, Spain
Ponte de Rande na ría de Vigo.

Ríos

No norte da ría desembocan os ríos da Fraga e o do Pontillón. No sur fano o Alvedosa, o Oitavén e o Verdugo, o Miñor, o das Tres Regueiras, o Groba e o Lagares. A principal afluencia de auga procede do Oitavén-Verdugo, xa que teñen un caudal medio de 16 m3 por segundo; o do Alvedosa, que ten 2 m3 por segundo de caudal; e o Lagares, que ten uns 2,5 m3 por segundo. Porén, o río Lagares, non exerce, debido á súa situación, unha grande influencia no esquema xeral de circulación da ría.

Zonas protexidas

A Ría de Vigo presenta zonas legalmente protexidas, como son as Illas Cíes, como Parque nacional das Illas Atlánticas, a enseada de San Simón, a Costa da Vela, as Illas Estelas e A Ramallosa como integrantes da Rede Natura 2000.

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes da ría de Vigo.
Ría de Vigo
Ría de Vigo (O Viso).
Vexovigovexocangas
Solpor na ría.
Ria de Vigo. Ponte de Rande. Galiza
Ría e ponte de Rande.
Ensenada de San Simon dende as rochas
A illa de San Simón dende o fondo da ría
(Soutoxuste, O Viso).

Notas

  1. 1,0 1,1 Turgalicia. Ría de Vigo.
  2. Turgalicia. Ría de Vigo, Información básica.
  3. 3,0 3,1 Museo do Mar. Ría de Vigo
  4. González-Garcés-Santiso, A. (Alberto); Vilas-Martín, F. (Federico); Álvarez-Salgado, X.A. (Xosé Antón) (2009). La Ría de Vigo. Una aproximación integral al ecosistema marino de la Ría de Vigo. Vigo: Instituto de Estudios Vigueses. p. 417. ISBN 978-84-89599-34-5.
  5. "O porto de Vigo ten os niveis máis altos de contaminación acústica do norte peninsular". Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2008. Consultado o 23 de xullo de 2008.

Véxase tamén

Bibliografía

  • "Guía cidadá de Vigo y su área metropolitana", Faro de Vigo (2002). Depósito legal: V-5016-2002.

Outros artigos

Baía de Baiona

A baía de Baiona, tamén denominada ría de Baiona, é unha enseada pequena situada na marxe sur e exterior da ría de Vigo.

Campo de Golf Ría de Vigo

O Campo de Golf Ría de Vigo é un campo de campo de golf galego de 18 buracos, situado en San Lourenzo (Domaio, Moaña). Deseñado por Ramón Espinosa, foi inaugurado en 1993.

Cangas

Cangas, ou Cangas do Morrazo, é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Morrazo, da que é capital histórica. Segundo o IGE, en 2017 tiña 26.490 habitantes, co que é o municipio máis poboado da comarca. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é cangués, aínda que tamén é común na zona a forma cangueiro.

Cesantes, Redondela

San Pedro de Cesantes é unha parroquia que se localiza no concello de Redondela.

A parroquia de Cesantes limita ao Norte con Soutoxuste (O Viso, Redondela), ao leste coa parroquia do Viso, ao sur con Redondela e ao oeste coa ría de Vigo. Abarca, á parte do territorio peninsular, as illas de San Simón e San Antón. Nos tempos nos que era maioritariamente poboada por mariñeiros, popularmente era coñecida polo nome de "Os-Tras", que subsiste aínda entre a xente maior e nalgúns rótulos comerciais.

Os seus principais barrios son Outeiro das Penas, Carballiño, O Coto e San Pedro, pero podemos atopar subzonas coma A Pantalla, Catapeixe ou Couto do Mexo, ademais da illa de San Simón, que administrativamente pertence a Cesantes. A parroquia ten unha extensión aproximada de 12 km². A pesar de ser unha vila costeira conta cun relevo bastante irregular. A superficie arbórea ronda o 5 por cento e a parroquia é atravesada polo río Pexegueiro. Ten porto propio, lonxa e unha confraría de Pescadores, a confraría de San Xoán. Ademais aloxa un porto deportivo e un peirao.

Comarca do Morrazo

A comarca do Morrazo é unha comarca galega situada na provincia de Pontevedra e a súa capital é Cangas. A cal pertencen os concellos de Bueu, Cangas, Marín e Moaña. Limita ó norte coa ría de Pontevedra, ó leste coa comarca de Pontevedra, ó sur coa ría de Vigo e ó oeste co océano Atlántico.

É a comarca máis pequena de Galicia (140,7 km², o 0,47% de Galicia). Tiña 82 445 habitantes no 2018, e é unha das cinco máis densamente poboadas (585,96 hab/km²).

É unha das comarcas naturais e sociolóxicas con máis carácter de Galiza polo seu condicionamento xeográfico. A actual comarca administrativa correspóndese só cunha parte da comarca xeográfica e histórica, a Península do Morrazo, que abrangue tamén o concello de Vilaboa (agás a parroquia de Bértola e unha parte da de Figueirido, e o barrio de Paredes na parroquia de Vilaboa). Tamén forma parte da península as parroquias pontevedresas de Lourizán e a maior parte da de Salcedo. Antigamente mesmo a propia cidade de Pontevedra estaba incluída no arciprestado do Morrazo.

O concello de Vilaboa, malia pertencer ó partido xudicial de Cangas, foi integrado na comarca de Pontevedra debido a factores de funcionalidade, e as parroquias pontevedresas de Salcedo e Lourizán por pertencer ó propio concello capitalino. Nun principio tampouco se incluíu o concello de Marín, pero a petición dos seus habitantes, foi integrada na do Morrazo, á que pertence desde hai uns anos.

Día das Letras Galegas

O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro.

Ata 2019, ano dedicado a Antón Fraguas, 59 autores (4 mulleres e 55 homes) foron homenaxeados nas 57 edicións do Día das Letras Galegas, posto que 1998 foi o único ano en que houbo unha homenaxe colectiva (en concreto, a tres trobadores ligados á Ría de Vigo).

Enseada de San Simón

A enseada de San Simón é a enseada na cabeceira da Ría de Vigo. É un espazo natural declarado como zona especial de conservación (ZEC) e que vai desde o estreito da Ponte de Rande ata as enseadas de San Simón e enseada de Vilaboa, acollendo as salinas de Ulló, a illa de San Simón e as illas Alvedosas.

Illa da Insuíña

A illa da Insuíña, tamén coñecida coma illa de Medal, é unha illa galega situada na marxe dereita da desembocadura do río Verdugo, na ría de Vigo. Está unida á parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio por unha pequena ponte, e ten 3.810 m².

A illa pertenceu ao pintor Antonio Medal, e no seu momento serviu de lugar de encontro para persoeiros como Asorey, Laxeiro, Castelao, Valle-Inclán, Manuel Quiroga ou Ramón Cabanillas.

No ano 2007 a illa foi adquirida polo Ministerio de Medio Ambiente por 184.104 €, sendo restaurada e acondicionada.

Ten diversos elementos arquitectónicos. Está rodeada por un muro de pedra con ameas, e conta cun pombal, un hórreo, e un ceador, todo feito con granito do país.

Illa de San Simón

A illa de San Simón pertence á parroquia de Cesantes, no concello de Redondela, sendo un dos cinco lugares desta parroquia. Na actualidade atópase deshabitada. Preside a enseada de San Simón, no extremo interior da Ría de Vigo, delimitando cos concellos de Redondela, Soutomaior e Vilaboa. A illa está unida á illa de Santo Antón por unha ponte. O conxunto de ambas as illas mide 250 metros de longo e 84 de largo. Ademais existen outros dous pequenos illotes, San Bartolomé e San Norberto.

Ao longo da súa historia a illa foi empregada como mosteiro, lazareto, cárcere e fogar para nenos orfos. O seu conxunto está catalogado como Ben de Interese Cultural dende 1999.

Illa de Toralla

Toralla é unha pequena illa situada na costa sur da ría de Vigo, a uns 200 metros da praia do Vao. Pertence ao concello de Vigo. Segundo o IGE, en 2013 tiña 142 habitantes (76 homes e 66 mulleres).

Illas Alvedosas

Non confundir co río Alvedosa

As illas Alvedosas son un grupo de dous illotes rochosos situados na desembocadura do río Verdugo, no fondo da Ría de Vigo. Pertencen á parroquia de Arcade, no concello pontevedrés de Soutomaior. Na actualidade están deshabitadas e son propiedade privada.

Martín Codax

Martín Codax ou Codaz foi un poeta galego, posiblemente un xograr que viviu entre o século XIII e o século XIV. No ano 1998 dedicóuselle o Día das Letras Galegas xunto con Johan de Cangas e Mendinho.

Mendinho

Mendiño, Meendinho ou Mendinho, nomes cos que aparece recollido nos cancioneiros galego-portugueses, foi un trobador galego medieval, que viviu entre o século XIII e o XIV.

Ponte de Rande

A ponte de Rande é unha construción civil que atravesa a ría de Vigo, unindo a Península do Morrazo no lado norte coa comarca de Vigo na beira sur. Forma parte da autoestrada do Atlántico e é un dos emblemas da Ría de Vigo e Galiza.

Porto de Vigo

O porto de Vigo está situado na ría de Vigo e é un dos maiores portos de pesca do mundo. É ademais a sede da compañía pesqueira Pescanova. No 2014 descargáronse 865.275 toneladas de peixe (un 4,89% máis ca no 2013), batendo a súa mellor marca histórica. Pertence á provincia marítima de Vigo.

Vigo é a base de compañías pesqueiras con gran presenza en países como Namibia, Suráfrica, Mozambique, Australia, Arxentina, as Illas Malvinas, Chile ou Perú. O peixe é enviado a toda España e expedido a países como Portugal, Italia, Francia e outros mercados máis distantes, mesmo de Asia.

En Vigo teñen lugar importantes feiras mercantís, como Conxemar, un evento anual dedicado os produtos pesqueiros conxelados. A World Fishing Exhibition ten lugar periodicamente.

Rías Baixas

As Rías Baixas son as rías galegas situadas entre a fronteira portuguesa e o cabo Fisterra.

De sur a norte son:

Ría de Vigo

Ría de Pontevedra

Ría de Arousa

Ría de Muros e Noia

Ría de CorcubiónEntre elas atópanse as seguintes baías e enseadas:

Ría de Baiona

Ría de AldánCaracterízanse polo seu tamaño, grandes en relación ó resto das rías de Galiza, e pola súa orientación transversal á costa. A súa colmatación é relativamente baixa.

Río Lagares

O río Lagares, ou río Gandariña, tamén chamado antigamente río Sárdoma, é o principal curso fluvial do concello de Vigo, na provincia de Pontevedra.

Río Oitavén

O Oitavén é un pequeno río galego da provincia de Pontevedra que, tras confluír co río Verdugo, contribúe á ría de Vigo.

Río Verdugo

O Verdugo é un río galego da provincia de Pontevedra, cuxa foz se sitúa no fondo da ría de Vigo.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.