Ría de Pontevedra

A ría de Pontevedra é unha ría pontevedresa das Rías Baixas. É unha das máis amplas das rías Baixas e ten unha forma regular e dunha lonxitude de 20 km2.[1][2] Na súa boca están as illas Ons e no seu interior a illa de Tambo. O río Lérez chega ao mar por esta ría.[1]

A pesca e a explotación de bateas é o motor económico da costa da ría. O alto número de praias da ría sustenta un turismo importante na rexión.[3]

As illas Ons, que están na boca da ría, forman parte do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.[2]

Coordenadas: 42°22′04″N 8°46′58″O / 42.3678, -8.7829

Ría de Pontevedra
Panoramica bueu 1
Localización administrativa
EstadoEspaña
DivisiónGalicia
SubdivisiónPontevedra
Localización xeográfica
Océano / MarOcéano Atlántico
ContinenteEuropa
Xeografía
Afluentesrío Lérez
Características

Xeografía

Situación

Marin Vista Xeral desde monte
Marín e a ría de Pontevedra.

Está entre a ría de Vigo e a ría de Arousa e limítana polo sur o Punta Couso na península do Morrazo e ao norte o Punta Miranda da comarca do Salnés.[2] A ría ten desde o exterior ao interior unha lonxitude de 20 km2.[1] A súa área é duns 145 km2 co que ten volume aproximado de 3450 hm3 de masas de auga.[1] A súa orientación, ao igual que súas dúas rías próximas, a de Vigo e Arousa, ten unha orientación NE-SW e é das rías máis formadas.[1]

As illas Ons péchana parcialmente so seu exterior polo sur polo que a boca da ría están partida en dúas amplas entradas: unha ao sur de 7 km e cunha profundidade de 60 m e outra ao norte de 3,7 km e unha profundidade de só 14 m. A enseada de Aldán[2] é unha pequena baía interior no exterior da súa entrada polo sur.[1]

Na cabeceira do interior da ría desemboca o río Lérez e forma un esteiro. O caudal medio de entrada na ría de auga do Lérez é de 432 hm³.

Clima

O clima da rexión é oceánico atlántico e ten unha precipitación anual de 1500–1800 mm.[1] A media anual das temperaturas das súas augas son 14 °C, aínda que en agosto é duns 20 °C. Os ventos no interior da ría dominan desde o sur no inverno e desde o norte no verán.[1]

Hidrodinámica

A entrada de auga doce do río Lérez, que aporta o 80% da entrada de augas na ría, ten un impacto reducido no fluxo de augas da ría. A entrada de auga doce na ría é de 45 Hm3 anuais e é é principalmente do inverno. Os principais movementos das augas prodúcense pola entrada e saída de augas oceánicas e pulsos de afloramento. Ao igual que as demais rías galegas, a circulación das súas augas depende da entrada de augas dos ríos, da entrada de masas de auga desde a plataforma continental oceánica, da irradiación solar e do réxime de ventos. A auga está estratificada parcialmente durante o inverno, xa que hai unha entrada de auga desde o río e por que a auga se mestura máis. A estratificación é completa no verán grazas polo aumento da temperatura de auga da superficie e polo afloramento, unha entrada de augas frías polo fondo da ría. Estas condicións, xunto coa salinidade, favorecen unha circulación das correntes de auga en sentido positivo.[1][4][5]

Poboación

Nos municipios que rodean a ría habitan máis de 150.000 persoas. No verán a poboación ascende ás 200.000 persoas grazas ao turismo. O municipio máis poboado é a capital da provincia, Pontevedra, con máis de 80.000 habitantes, seguíndolle Marín con máis de 26.000 habitantes.

Economía

Pesca

Considerando as rías galegas, é a ría con maior concentración de portos e vilas adicadas ao sector pesqueiro. En particular o marisco supón un mercado gastronómico que xera emprego na costa da ría.

Turismo

Pontevedra Vue aerienne
Vista aérea.

O turismo ten un peso significativo na economía do litoral costeiro da ría, e é unha das zonas con maior demanda turística de Galiza. Os concellos de Marín, coa súa Escola Naval Militar, Sanxenxo, Bueu, Pontevedra ou Poio, e localidades como Portonovo ou Combarro, cos seus típicos hórreos (canastros), son zonas con esa afluencia turística. A ría ten praias con demanda de visitantes como son a de Bueu, Aguete, Silgar, Mogor, Lourido ou Maxor. Os servizos recreativos que ofrecen portos como os de Sanxenxo van desde a vela á navegación. Desde a ría partiu unha das Volvo Ocean Race.

As illas Ons, do concello de Bueu, están dentro do Parque nacional das Illas Atlánticas, e son visitadas por lecer saíndo desde os portos de Sanxenxo, Marín e Bueu. Destacan as atalaias sobre a ría que hai no Grove ou o Cabo Home.

Conservación ambiental

Os portos e a industria que se atopa no seu litoral, e tamén nas cabeceiras dos ríos que chegan á ría, teñen un impacto neste ecosistema. É unha das rías galegas con niveis de contaminación intermedios e que se dan principalmente nas proximidades dos portos ou da costa.[6]

O complexo industrial de Lourizán, Pontevedra, formando por ENCE e ELNOSA, está no litoral da ría e adícase á produción de pasta de papel, derivados de biomasa forestal e compostos como cloro ou sosa cáustica;[7][8][9] o cal causa un impacto contaminante nesta.[10] A súa produción de pasta, de cloro e sosa supón unha vertedura dunha media de 96 mil m3/día de residuos á ría desde Lourizán[11][12]. Iso supón unha entrada alta de materia orgánica,[10] metais pesados, organoclorados, ligninas e algúns ácidos na auga.[13][14] As elevadas concentracións de Hg na auga proceden do procesos electroquímicos e de produción do complexo industrial e focalízanse nos sedimentos próximos á planta. A concentración de metais pesados na ría, como Cu, Hg, Pb e Zn e que aparecen ligados a materia orgánica,[12][15] están ligada ao uso portuario desta, como é en especial o caso de Marín.[15][6][16][17][18] O Hg deposítase no solo pero a súa resuspensión depende da mobilización dos residuos depositados.[19] Estes metais, diluídos na auga, entran na cadea trófica trala absorción por especies do fitoplancto ou por filtración nos bivalvos.[17]

A ría ten contaminación elevada por vertidos de materia orgánica froito do lixo da poboación urbana tanto no seu interior, ao final do río Lérez, como no porto de Marín.[17]

En 1987 formouse a Asociación Pola Defensa da Ría coa intención de reivindicar a limpeza e coidado dos bancos marisqueiros e a necesidade de recuperación da costa de Lourizán.[20][21][22]

Galería de imaxes

Ría de Pontevedra desde a estrada pola marisma en Lourizán.
Ría de Pontevedra desde a estrada pola marisma en Lourizán
A ría dende a Lagoa de Castiñeiras.
A ría dende a Lagoa de Castiñeiras
Complexo industrial de Lourizán, no que están ENCE e ELNOSA.
Complexo industrial de Lourizán, no que están ENCE e ELNOSA. 
Praia de Aguete en Marín.
Praia de Aguete en Marín

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 M. Ruiz-Villarreal, P. Montero, J.J. Taboada, R. Prego, P.C. Leitão, V. Pérez-Villar (2002). Estuarine, Coastal and Shelf Science, eds. "Hydrodynamic Model Study of the Ria de Pontevedra Under Estuarine Conditions". 54(1): 101–113. ISSN 0272-7714. doi:10.1006/ecss.2001.0825.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Deputación de Pontevedra (eds.). "A ría de Pontevedra".
  3. GALP Pontevedra (eds.). "GALP - Grupo de acción local do sector pesqueiro de Pontevedra".
  4. M. Gómez-Gesteira, M. de Castro, R. Prego (2003). "Dependence of the water residence time in Ria of Pontevedra (NW Spain) on the seawater inflow and the river discharge". In Estuarine, Coastal and Shelf Science (3 ed.) 58: 567–573. ISSN 0272-7714. doi:10.1016/S0272-7714(03)00135-5.
  5. I Álvarez, M de Castro, R Prego, M Gómez-Gesteira (2003). "Hydrographic characterization of a winter-upwelling event in the Ria of Pontevedra (NW Spain)". In Estuarine, Coastal and Shelf Science (3–4 ed.) 56: 869–876. ISSN 0272-7714. doi:10.1016/S0272-7714(02)00309-8.
  6. 6,0 6,1 García-Blanco, Ana; Bernárdez, Patricia; Prego, R. (2013). "Copper in Galician ria sediments: natural levels and harbour contamination". ISSN 0214-8358. doi:10.3989/scimar.03725.27H. Consultado o 2018-01-04.
  7. ENCE (eds.). "¿Sabías que...?". Arquivado dende o orixinal o 25 de xuño de 2015. Consultado o 04 de xaneiro de 2018.
  8. ENCE (eds.). "Referente en comportamiento ambiental". Máis do 96% da produción de pasta de Ence en Pontevedra vai para a exportación, principalmente aos países do norte de Europa.
  9. ELNOSA (eds.). "Elnosa: estamos cambiando". Consultado o 05/01/2018. Electroquímica do Noroeste, S.A.U. (ELNOSA) é unha empresa adicada á produción de cloro, sosa cáustica, ácido clorhídrico, hipoclorito sódico e hidróxeno [...] As instalacións produtivas de ELNOSA están emprazadas no Complexo Industrial de Lourizán-Pontevedra, que comparte coa planta de fabricación de celulosa de ENCE.
  10. 10,0 10,1 Figueiras, F. G., Niell, F. Xavier (1987). Consejo Superior de Investigaciones Científicas de España, eds. "Relaciones entre carbono, nitrógeno y clorofila a en la ría de Pontevedra, NO de España". Investigación Pesquera. 51(1): 3–21.
  11. Manuel Soto Castiñeira (2005). ADEGA Cadernos - Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), eds. "A contaminación fluvial" 15.
  12. 12,0 12,1 Manuel Soto Castiñeira (2003). ADEGA Cadernos - Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) volume = 10, eds. "En defensa das rías. Problemas e riscos de contaminación das Rías Galegas".
  13. MC. López Rodríguez, JL. Pérez-Cirera (1994.). "Aportación al conocimiento de la influencia de la contaminación industrial den Fucus vesiculosus y Fucus spiralis en el N0. de la Península Ibérica.". Stvdia Botanica 13: 21–29.
  14. Mora, J.; Planas, M.; Silva, R. "Impacto de la contaminación orgánica en la Ensenada de Lourizán (Proyecto Escorp). 1 El medio físico y la macrofauna bentónica = Impact of the organic pollution of the Ensenada de Lourizan (NW Spain). 1 Physical description and the benthic macrofauna.". Cah. Biol. Mar. 30(2): 181–199.
  15. 15,0 15,1 Prego, R. AND Ferro, P. AND Trujillo, C. (2008). Servicio de Publicaciones de la Universidad Complutense, eds. "Lead and Zinc contamination of surface sediments in the main harbours of the Galician Rias". Journal of Iberian Geology. 34(2): 243–252.
  16. Rubio, B. and Pye, K. and Rae, J. E. and Rey, D. (2001). Sedimentology, eds. "Sedimentological characteristics, heavy metal distribution and magnetic properties in subtidal sediments, Ria de Pontevedra, NW Spain" 48 (6): 1277–1296. ISSN 1365-3091. doi:10.1046/j.1365-3091.2001.00422.
  17. 17,0 17,1 17,2 Cobelo, A., Prego, R., Nieto, O. (20 de outrubro de 2003). Ciencias Marinas, eds. "Chemical speciation of dissolved lead in polluted environments. A case of study: the Pontevedra Ria (NW Spain)". ISSN 0185-3880.
  18. I. Rodríguez-Germade, B. Rubio, D. Rey (2014). In Marine Pollution Bulletin, eds. "XRF scanners as a quick screening tool for detecting toxic pollutant elements in sediments from Marín harbour in the Ría de Pontevedra (NW Spain)" 86 (1–2 ed.): 458–467. ISSN 0025-326X.
  19. Belén Rubio, Paula Álvarez-Iglesias, Ana M. Bernabeu, Iván León, Kais J. Mohamed, Daniel Rey and Federico Vilas (2011). InTech, eds. "Factors Controlling the Incorporation of Trace Metals to Coastal Marine Sediments: Cases of Study in the Galician Rías Baixas (NW Spain), Relevant Perspectives in Global Environmental Change, Dr. Julius Agboola". doi:10.5772/27772.
  20. Asociación pola Defensa da Ría (eds.). "Máis de 30 anos de loita ecoloxista na ría de Pontevedra".
  21. 20 minutos, eds. (30/04/2015). "La Asociación pola Defensa da Ría dice a ENCE que "el único modo de no defraudar" es "cerrar" la fábrica de Pontevedra".
  22. Olalla Rodil (29 Xuño 2017). "Novas razóns para unha Ence fóra da ría". SermosGaliza.
A Granxa, Dorrón, Sanxenxo

A Granxa é un lugar da parroquia de Dorrón do concello de Sanxenxo (Pontevedra). Segundo o IGE, tiña 259 habitantes en 2016 (141 mulleres e 118 homes), o que representa un descenso respecto ó ano 2009, cando eran 297 veciños, para alcanzar a poboación que tiña en 2004, cando eran 254 habitantes.

Está situado sobre a estrada PO-308, xa na linde co veciño concello de Poio. Posúe un miradoiro desde o que se pode contemplar toda a costa sur da Ría de Pontevedra.

Adina, Sanxenxo

Santa María de Adina é unha parroquia do concello pontevedrés de Sanxenxo. Segundo o IGE, en 2016 contaba cunha poboación de 4.783 habitantes (2.404 mulleres e 2.379 homes), o que supón un lixeiro incremento respecto ó ano 2009, cando tiña 4.662 habitantes, e 2008, cando eran 4.667.

Limita ó norte coa parroquia de Gondar, ó sur co océano Atlántico aberto e a ría de Pontevedra, ó este coas parroquias de Nantes e Padriñán, e ó oeste coas de Noalla e Arra. Ten unha extensión de 10,5 km² (incluíndo a parroquia eclesiástica de Arra e 17 entidades de poboación, entre as que destaca Portonovo.

Segundo a arquidiocese de Santiago de Compostela, o seu nome oficial é Santa María de Portonovo (Adigna), pero é de uso habitual polos seus veciños o nome de Santa María Adina de Portonovo, en concordancia co uso habitual do galego de antepoñer a advocación á localización xeográfica da parroquia. Neste caso, Adina utilízase como un título da Virxe, que deu, por extensión, en nome do lugar de situación da igrexa.

Beluso, Bueu

Santa María de Beluso é unha parroquia que se localiza no oeste do concello pontevedrés de Bueu na comarca do Morrazo. Linda ao norte coa ría de Pontevedra; ao sur, coa parroquia de Aldán (Cangas); ao leste, coa parroquia de Bueu; e ao oeste, coa ría -tamén chamada enseada- de Aldán. Segundo o padrón municipal de 2013 tiña 2834 habitantes (1383 homes e 1451 mulleres) distribuídos en 14 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 3042 habitantes.

Comarca do Morrazo

A comarca do Morrazo é unha comarca galega situada na provincia de Pontevedra e a súa capital é Cangas. A cal pertencen os concellos de Bueu, Cangas, Marín e Moaña. Limita ó norte coa ría de Pontevedra, ó leste coa comarca de Pontevedra, ó sur coa ría de Vigo e ó oeste co océano Atlántico.

É a comarca máis pequena de Galicia (140,7 km², o 0,47% de Galicia). Tiña 82 445 habitantes no 2018, e é unha das cinco máis densamente poboadas (585,96 hab/km²).

É unha das comarcas naturais e sociolóxicas con máis carácter de Galiza polo seu condicionamento xeográfico. A actual comarca administrativa correspóndese só cunha parte da comarca xeográfica e histórica, a Península do Morrazo, que abrangue tamén o concello de Vilaboa (agás a parroquia de Bértola e unha parte da de Figueirido, e o barrio de Paredes na parroquia de Vilaboa). Tamén forma parte da península as parroquias pontevedresas de Lourizán e a maior parte da de Salcedo. Antigamente mesmo a propia cidade de Pontevedra estaba incluída no arciprestado do Morrazo.

O concello de Vilaboa, malia pertencer ó partido xudicial de Cangas, foi integrado na comarca de Pontevedra debido a factores de funcionalidade, e as parroquias pontevedresas de Salcedo e Lourizán por pertencer ó propio concello capitalino. Nun principio tampouco se incluíu o concello de Marín, pero a petición dos seus habitantes, foi integrada na do Morrazo, á que pertence desde hai uns anos.

Comarca do Salnés

A comarca do Salnés é unha comarca galega situada na provincia de Pontevedra e a súa capital é Vilagarcía de Arousa á cal pertencen os concellos de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Constitúe un dos máis importantes enclaves turísticos de Galiza. Con poucas palabras, está comprendido entre a ría de Arousa polo norte e a ría de Pontevedra polo sur, formando parte das denominadas Rías Baixas.

Recibe este nome polas antigas salinas que existían na desembocadura do río Umia. No Parochiale suevorum do século VI faise mención á Comarca Saliniense. Fontes históricas apuntan á existencia de conflitos relacionados coas salinas localizadas en diferentes puntos da comarca, concretamente nas freguesías de Nogueira, Vilalonga, Noalla e Dena, actualmente pertencentes aos concellos de Meis, Sanxenxo e Meaño.

Dorrón, Sanxenxo

San Xoán de Dorrón é unha parroquia que se localiza no extremo oriental do concello pontevedrés de Sanxenxo, lindando xa co de Poio. Ó oeste linda coa parroquia de Bordóns, ó norte do concello de Meaño e ó sur coa Ría de Pontevedra.

Segundo o IGE, en 2016 tiña 1.393 habitantes (722 mulleres e 671 homes), o que supón un descenso respecto ó ano 2009, cando tiña 1.412 habitantes, pero un ascenso respecto ó ano 2000, cando tiña 1.328.

A parroquia ten unha superficie de 5,6 km 2, distribuída en 13 entidades de poboación.

Faro (construción)

Un faro é unha torre dotada modernamente dun foco potente, cun facho de luz visible a quilómetros de distancia, co obxecto de axudar á navegación marítima.

Utilizados desde a antigüidade, cando se acendían fogueiras ou grandes luces de aceite (de oliva ou de balea), os faros foron concibidos para avisar aos navegantes que se estaban a aproximar á terra, ou de porcións de terra que irrompen mar adentro.

Illa de Ons

A Illa de Ons forma parte dun pequeno arquipélago formado por illas e illotes que se atopa na entrada da ría de Pontevedra. A illa de Ons, cos seus 5,5 km de lonxitude e 800 metros de anchura, é a illa máis extensa do Atlántico peninsular. A zona occidental é a máis escarpada, con abruptos cantís, en cambio a oriental é máis suave e conta con numerosas praias.

Ons conforma, xunto coas Cíes, Sálvora e Cortegada, o primeiro Parque Nacional de Galiza. Cabe destacar a súa arquitectura popular mariñeira e a súa gastronomía.[Cómpre referencia]

Illa de Tambo

A illa de Tambo atópase no fondo da ría de Pontevedra, e pertence ao concello de Poio do que esta separado por unha canle de 1,1 km pero de pouca profundidade. A súa superficie é de 0´28 km², cunha altura máxima de 80 m, aínda que toda a súa parte central supera os 50 metros de altitude. O seu perímetro acada os 4 km.

Lourizán, Pontevedra

Santo André de Lourizán é unha parroquia do concello de Pontevedra. En 2014 tiña 3.151 habitantes (1.534 homes e 1.617 mulleres), repartidos en 16 entidades de poboación.

Linda ao norte con Salcedo e a ría de Pontevedra, ao sur con Salcedo e San Xián de Marín, ao leste outra volta con Salcedo e ao oeste con San Xián de Marín e a ría. A altura máxima é de 100 m. A costa é recortada e os accidentes costeiros máis salientábeis son as puntas da Laxe da Rache e Cabo de Praceres e as praias de Lourizán e Praíña. Lourizán dista catro quilómetros da capital do concello, coa que se comunica por medio da autovía PO-11 e a estrada PO-546.

Marín

Marín é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente xeografica e administrativamente á comarca do Morrazo, pero integrado socioeconomicamente na zona urbana de Pontevedra. Segundo o IGE en 2014 tiña 25.359 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «marinense».

PO-308

A PO-308 é unha vía da Xunta de Galicia, que vai desde a Ponte da Barca, na Caeira (Poio), até A Lanzada (Sanxenxo), percorrendo a costa norte da ría de Pontevedra. Foi creada en 1986 logo da fragmentación da C-550, que percorría a costa galega das Rías Baixas.

Poio

Poio (do latín podium, altura, montículo, fai referencia a un lugar elevado con boas vistas ) é un concello da comarca de Pontevedra, na provincia do mesmo nome. Segundo datos do IGE no ano 2015 tiña unha poboación total de 16.842 habitantes (homes: 8.326, mulleres: 8.516). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é poiense.

Sitúase na banda norte da ría de Pontevedra, pertencente ás denominadas Rías Baixas. Ten unha superficie de 34,17 km². Limita ó leste co concello de Pontevedra (límite natural marcado polo río Lérez), polo oeste cos concellos de Meaño, Meis e Sanxenxo, polo norte co concello de Meis e polo sur coa ría de Pontevedra. Destaca a presenza do Monte Castrove que marca o límite natural co concello de Meis, o punto máis elevado do municipio con 613 metros de altitude.

Na ría de Pontevedra atópase a Illa de Tambo, tamén pertencente ó concello de Poio.

Ponte da Barca, río Lérez

A ponte da Barca é unha construción sobre o río Lérez, xa na súa desembocadura na ría de Pontevedra, que une a vila de Pontevedra (no barrio da Moureira) co concello de Poio.

Pontevedra

Pontevedra é unha cidade e concello do suroeste de Galicia, capital da provincia de Pontevedra, da comarca homónima e das rías Baixas. Está situada nas beiras do río Lérez e da ría de Pontevedra.

Rías Baixas

As Rías Baixas son as rías galegas situadas entre a fronteira portuguesa e o cabo Fisterra.

De sur a norte son:

Ría de Vigo

Ría de Pontevedra

Ría de Arousa

Ría de Muros e Noia

Ría de CorcubiónEntre elas atópanse as seguintes baías e enseadas:

Ría de Baiona

Ría de AldánCaracterízanse polo seu tamaño, grandes en relación ó resto das rías de Galiza, e pola súa orientación transversal á costa. A súa colmatación é relativamente baixa.

Río Lérez, ría de Pontevedra

O río Lérez pertence á vertente atlántica e na súa desembocadura forma a ría de Pontevedra.

Río Rons

O Rons é un río que discorre polo concello de Pontevedra e desauga no río Lérez no seu treito final na Xunqueira de Alba, na parte norte da cidade de Pontevedra. A foz no río Lérez localízase na zona das Correntes, así chamada porque neste punto xúntanse as correntes dos ríos Rons e Lérez e mailas augas da ría de Pontevedra

Río dos Gafos

O río dos Gafos é un curso fluvial galego, de 10,83 km de longo, que desemboca na ría de Pontevedra. Transcorre en boa parte paralelo á vía portuguesa do Camiño de Santiago. Agás nos seus últimos 600 metros, ten unha orientación sur-norte, cousa estraña nun río das Rías Baixas.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.