Ría de Ferrol

A ría de Ferrol é unha das rías galegas situada nas rías altas, no Golfo Ártabro.

Ría de Ferrol
RiaFerrolAsteleiros
Zona:Golfo Ártabro
Outros nomes:ría de Xuvia, enseada da Gándara, punta Arnela
Superficie:24 km2
Lonxitude:15 km
Ancho máx:2 km
Navegable ata:Ponte das Pías. Pequenas embarcacións marisqueiras ata a ponte do F.C. (en marea alta).
Concellos da ría:Ferrol, Narón, Neda, Fene, Mugardos e Ares
Portos:Porto Exterior, Ferrol, A Graña, Navantia Fene, Mugardos e Maniños
Lonxas:A Gándara, Barallobre e Ferrol
Ponte(s):Ponte das Pías, ponte da ría de Ferrol, ponte de Xuvia, Ponte do F.CC. e ponte peonil de Xuvia.
Ríos:río Grande de Xuvia, río Belelle, río Freixeiro, río Salgueiro, río Inxerto, río da Sardiña
EDAR:Cabo Prioriño e Punta Avarenta
Praias:praia de Cariño, praia de Caranza (artificial), praia da Graña, praia de Barallobre

Historia

La Corunya rb000006
Mapa de 1589 (o norte está abaixo).
Na parte esquerda está o Porto de Santander.
A dereita: Rías de Ferrol, Ares, Betanzos e A Coruña.

Existen referencias históricas de asentamentos romanos, normandos e da Baixa Idade Media, todos eles vencellados ao comercio e ás actividades navais, militares e pesqueiras que decaen a partir da Alta Idade Media.

Durante a dinastía dos Austrias utilizouse a ría como base non permanente das Armadas, o que supuxo a construción das primeiras fortificacións. A chegada dos Borbóns á Coroa de España trouxo trocos substanciais na política naval decidindo localizar na ría ferrolá o Arsenal del Norte, por ser un porto natural e idóneo desde o punto de vista táctico e defensivo.

O porto da ría de Ferrol ata ben entrado o século XIX tivo un carácter totalmente castrense, con escasas referencias ó pequeno peirao situado no barrio de Ferrol Vello. Un novo porto, desvencellado da actividade militar, estaba condicionado pola situación do Arsenal e o recinto amurallado defensivo da praza. Elixiuse o emprazamento anexo ó Arsenal cara ó oeste, sendo os primeiros estudos de 1856, a partir dos cales se realizou un pequeno dique do que arrancaba un espigón de 200 metros, construíndose o Peirao Sur e unha pequena dársena.

Plano del Pais adyacente a las tres rías de la Coruña, Betanzos y Ferrol, llamado de las Mariñas, por el D.r D.n Domingo Fontán
PLANO DEL PAIS
adyacente a las tres rías de la
CORUÑA, BETANZOS Y FERROL,
llamado de las Mariñas,
Por el D.r D.n Domingo Fontán

O 24 de agosto de 1910 creouse, por Real Decreto, a Xunta de Obras do Porto de Ferrol e a partir do ano seguinte procedeuse a ampliar a infraestrutura existente realizándose as obras de dragado e ampliación da dársena co Peirao de Curuxeiras e o adiantamento dos Cantís. No ano 1918 redactouse un anteproxecto que fixaba as liñas a seguir en futuras ampliacións, actuacións que se desenvolveron en 1944, cun importante salto cuantitativo, creando o Peirao de Ribeira (hoxe, Fenández Ladreda), que non se rematou ata 1960, apoiándose no Peirao Sur anterior e establecendo os accesos ferroviarios ó Porto e ó Arsenal.

Entre 1949 e 1959 construíronse os peiraos que conforman a Dársena de Curuxeiras (Espigón e Pasaxeiros da Ria). En 1968, no contexto da especialización de Astano na construción de super-petroleiros, tivo lugar a inauguración da Ponte das Pías, tamén denominada como A Ponte do Caudillo, título honorífico do Ditador. A ponte recortaba en 8 quilómetros o acceso á cidade desde o sur, e aseguraba a súa conexión directa co estaleiro Astano.

Ría de Ferrol dende Mugardos
A ría de Ferrol vista desde Mugardos.

A partir de 1984 iníciase a última fase de expansión para obter maiores calados, máis lonxitude dos atraques e superficies de depósitos máis grandes. Constrúense o Novo Peirao, con 14 metros de calado, base para desenvolvementos posteriores.

Na derradeira década do século XX amplíase polo sur o "Peirao Fernández Ladreda" para calados de ata 12,5 metros, constrúese o peirao que pecha polo norte e créase o acceso ó peirao por autovía.

En 1995 comezouse cos primeiros estudos para a construción dun peirao na entrada da ria, obras que comezaron no ano 2001. Os peiraos actuais compleméntanse cos anteriores facendo do Porto de Ferrol o mellor dotado do noroeste peninsular tanto en liñas de atraque e calados como en superficies.

Explotación da ría

Piscifactoría na entrada da ría de Ferrol
Piscifactoría e bateas de marisco na entrada da ría de Ferrol.

Existen referencias da construción naval en 1344 en Neda dun buque armado. En 1726 Felipe V nunha Real Orde funda o arsenal da Graña. Cinco anos despois alí constrúese o buque Galicia de 70 canóns[1]. Ademais dos usos como porto natural protexido na ría hai estaleiros e infraestruturas navais civís e militares. Existe unha planta de gas en Mugardos, REGANOSA, propiedade do grupo Tojeiro que ten máis instalacións xunto a ela como un porto para produtos químicos e forestais. Na entrada da ría de Ferrol hai unha piscifactoría e bateas para o cultivo de moluscos. O uso da ría para actividades de lecer inclúe escolas de vela, remo e piragüismo en varios concellos.

A presión demográfica, na zona da ría de Ferrol a poboación é de máis de 200.000 persoas, supuxo unha degradación ambiental xa que non existían infraestruturas de saneamento de augas residuais. Nos últimos anos construíronse dúas Estacións Depuradoras de Augas Residuais (EDAR), unha para a banda dereita da ría: Ferrol, Narón e Neda -EDAR de Cabo Prioriño- e outra para os concellos de Fene, Mugardos e Ares en Punta Avarenta.

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes da ría de Ferrol.
Desembocadura do río Grande de Xuvia na ría.
Desembocadura do río Grande de Xuvia na ría. 
Vista desde a entrada entre-castelos.
Vista desde a entrada entre-castelos. 
Vista desde o Coto de Ancos.
Vista desde o Coto de Ancos. 
Estaleiros na ría, co porto exterior ó fondo.
Estaleiros na ría, co porto exterior ó fondo. 
Vista aérea da ría.
Vista aérea da ría. 

Notas

  1. La construcción naval en Ferrol. diariodeferrol.com J. M. Fernández Caamaño (en castelán)

Véxase tamén

Ligazóns externas

A Forxá, Santa María de Neda, Neda

A Forxá é un lugar da parroquia de Santa María de Neda no concello de Neda na provincia da Coruña. Tiña 48 habitantes no ano 2015 segundo datos do Instituto Galego de Estatística dos cales eran 27 homes e 21 mulleres. Este lugar está situado na ladeira oeste do Monte de Ancos, con vistas da ría de Ferrol e do veciño concello de Narón, o outro lado da ría

A Graña, Ferrol

Santa Rosa de Viterbo da Graña é unha parroquia que se localiza no sur do concello de Ferrol, na provincia da Coruña. Segundo o IGE en 2013 tiña 448 habitantes (245 mulleres e 203 homes) distribuídos nunha soa entidade de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 541 habitantes.

Limita ao norte coa parroquia de Brión, ao leste coa Cabana, ao oeste con Brión e ao sur coa ría de Ferrol. O topónimo fai mención a unha antiga explotación gandeira ou agrícola.

A Sociedade Cultural Deportiva e Recreativa Y da Graña desenvolve actividades como o fútbol, remo, balonmán ou tenis de mesa.

A Ribeira, Barallobre, Fene

A Ribeira é un lugar da parroquia de Barallobre no concello coruñés de Fene na Comarca de Ferrol.

O topónimo deste lugar ten como orixe a súa situación, xa que está á beira da ría de Ferrol. Aquí tamén está situado o peirao de Barallobre.

Bon Xesús, Barallobre, Fene

Bon Xesús é un lugar da parroquia de Barallobre no concello coruñés de Fene na Comarca de Ferrol. Tiña 84 habitantes no ano 2014 segundo datos do Instituto Galego de Estatística dos cales eran 42 homes e 42 mulleres.

O lugar está situado nunha zona elevada da parroquia, desde onde se pode ver a ría de Ferrol e os estaleiros de Navantia en Ferrol.

Camiño da Mercé, Santa María de Neda, Neda

Camiño da Mercé é un lugar da parroquia de Santa María de Neda no concello de Neda na provincia da Coruña. Non tiña habitantes no ano 2015 segundo datos do Instituto Galego de Estatística.

Neste lugar está o Pazo da Mercé, construído xunto a ribeira da ría de Ferrol, que funciona como hospedaxe.[Cómpre referencia]

Castelo da Palma

O castelo da Palma ou castelo de Nosa Señora da Palma é un castelo do século XVI situada no concello de Mugardos, que formaba parte do sistema defensivo da ría de Ferrol.

Castelo de San Felipe

O castelo de San Felipe foi unha das fortalezas máis importantes da ría de Ferrol, construído no século XVI. Xunto a este castelo na ría tamén se atopan o Castelo da Palma e o Castelo de San Martín, hoxe en día en ruínas, que conformaban en conxunto o escudo defensivo da ría. Este sistema foi mandado proxectar polo capitán xeneral do Reino de Galicia, o marqués de Cerralbo aos enxeñeiros Fratín, Spanochi e Muñíz.

Comarca de Ferrol

A comarca de Ferrol é unha comarca galega situada na provincia da Coruña e a súa capital é Ferrol. A ela pertencen os concellos de Ares, Cedeira, Fene, Ferrol, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño. Limita ao norte e ao este co océano Atlántico, ao leste coa comarca do Ortegal e ao sur coa comarca do Eume. Ten unha extensión de 623,5 km² e conta cunha poboación de 159.422 habitantes no 2014, distribuídos en 11 concellos.

Fene

Fene é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Ferrolterra. Segundo o IGE en 2014 tiña 13.498 habitantes (14.165 no 2009, 14.346 no 2006, 14.355 no 2005, 14.485 no 2004, 14.530 en 2003). O seu xentilicio é (véxase no Galizionario) «fenés, fenesa».

Está situado á beira da ría de Ferrol. Ten unha superficie de 26,3 km² e conta con 8 parroquias.

Ferrol

Ferrol é unha cidade e concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Ferrolterra, terceira concentración urbana de Galicia, da cal é capital. Segundo o INE en 2017 tiña 67.569 habitantes, dos cales 31.692 eran homes e 35.877 mulleres, sendo a sétima cidade máis habitada de Galicia e a terceira da provincia.

Constitúe unha das cidades galegas máis importantes no eido industrial, cunha especial influencia do sector naval. Tamén conta cunha importante actividade das Forzas Armadas, principalmente da Armada Española, que ten dende o século XVIII unha das súas principais bases navais e un destacado Arsenal Militar.

O concello é unha península, aséntase de cara á ría de Ferrol, aínda que tamén conta cunha destacada fachada litoral cara ó océano Atlántico na zona rural. Limita por terra con Narón. Esa fachada marítima acolle algunhas das máis afamadas praias, como as asentadas nas parroquias de Doniños, San Xurxo, Ponzos ou Covas.

Ademais da cidade, o termo municipal comprende once parroquias rurais e a vila da Graña, considerada como zona urbana a efectos legais aínda que se atope no arrabalde. O concello ten unha densidade de poboación de 852,17 hab./km² e unha superficie de 82,6 km².

Mugardos

Mugardos é un concello da provincia da Coruña, pertence á comarca de Ferrol. Segundo o IGE en 2016 tiña 5335 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «mugardés». Mugardos limita ao norte coa ría de Ferrol, ao leste con Fene e ao sur e oeste con Ares.

Narón, Narón

Narón é a zona urbana que se localiza no sur do concello de Narón na provincia da Coruña, cunha superficie de 8,5 Km². Esta denominación foi tomada da parroquia onde se situou a primeira casa consistorial, na parroquia de San Xiao de Narón. Os límites actuais concordan exactamente cos da antiga parroquia de San Martiño de Xuvia, que pouco a pouco foi dividíndose noutras parroquias conforme a poboación ía aumentando. Os límites da zona urbana de Narón son:

Norte: As parroquias de Trasancos, Castro, San Xiao de Narón e Sedes

Sur: A ría de Ferrol

Leste: O concello de Neda e a ría de Ferrol

Oeste: O concello de Ferrol

Neda

Neda é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Ferrol, situado na ría de Ferrol. Segundo o IGE en 2014 tiña 5.327 habitantes (5.528 no 2009, 5.675 no 2006, 5.771 no 2005, 5.804 no 2004, 5.913 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «nedense».

Ponte da ría de Ferrol

A ponte da ría de Ferrol (nome non oficial) é unha ponte da autoestrada AP-9 que comunica os concellos de Neda e Narón sobre a ría de Xuvia, a ponte é libre de peaxe.

Porto de Ferrol

O Porto de Ferrol, matrícula de provincia marítima FE, é un porto militar, pesqueiro, comercial, de pasaxeiros e deportivo da cidade de Ferrol, Galiza.

Consiste nunhas instalacións no interior da ría de Ferrol e outras en construción no exterior da mesma ría.

É un porto moi especializado nas mercadorías a granel: carbón para a térmica das Pontes, chatarra para Megasa, madeira e derivados, exportación de maquinaria como aeroxeradores e pezas para os mesmos ou papel prensa transportado en tren. Existe unha lonxa de peixe en fresco cunha frota pesqueira de baixura. Tamén hai porto deportivo en Curuxeiras e nos meses de verán chegan ao porto cruceiros turísticos. O porto tamén ten terminal propia de carga ferroviaria.

Provincia da Coruña

A Coruña é unha das catro provincias de Galicia creadas por Javier de Burgos en 1833, e ocupa a punta noroeste do país e da península Ibérica. Limita ao norte e ao oeste co océano Atlántico, ao leste coa provincia de Lugo e ao sur coa provincia de Pontevedra. A capital leva o mesmo nome, A Coruña.

Reganosa

Reganosa (Regasificadora do Noroeste Sociedade Anónima) é unha empresa galega adicada ó almacenamento e distribución de gas natural licuado (GNL) a través da súa terminal de Mugardos, na ría de Ferrol. Da súa actividade depende directamente a subministración das centrais eléctricas de ciclo combinado que Endesa e Unión Fenosa teñen nas Pontes de García Rodríguez e Sabón (Arteixo), respectivamente, así como outras industrias vía gasoduto, buques LNG e camións cisterna. En España existen seis plantas regasificadoras: Barcelona, Huelva, Bilbao, Sagunto, Cartaxena e Mugardos.

Río Grande de Xuvia

O Grande de Xuvia, ou simplemente Xuvia e ás veces incorrectamente como Xubia, é un río galego na provincia da Coruña, que forma a ría de Ferrol.

Xuvia, Narón, Narón

Xuvia é un barrio de Narón no concello de Narón na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística en 2007 tiña 2215 habitantes (1079 homes e 1136 mulleres), 135 máis ca en 2003.

Está situado no leste do concello, e limita ao norte coa parroquia de Sedes, ao sur coa ría de Ferrol, ao leste coa ría de Ferrol e o concello de Neda, e ao oeste coa parroquia de San Xiao de Narón e o barrio de Piñeiros.

Este barrio tamén é coñecido polo nome da parroquia que o conforma, sendo este o de Santa Rita. A parroquia naceu logo da segregación da súa matriz que era a de San Xiao de Narón. Ata o ano 2001 este barrio era a capital administrativa do concello, ano no que se fixo o traslado ao barrio do Alto do Castiñeiro.

Na xurisdición eclesiástica forma parte do arciprestado de Xuvia, pertencente á diocese de Mondoñedo-Ferrol.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.