Réptiles

Os réptiles son os animais pertencentes á clase Reptilia, grupo de vertebrados amniotas e tetrápodos que teñen escamas ou diversas estruturas córneas na pel. Trátase dun grupo de animais que comprende non só tódolos réptiles que existen hoxe no mundo senón que inclúe ademais algúns outros grupos que foron moi abondosos no pasado e que logo desapareceron durante o proceso evolutivo como son, por exemplo, os dinosauros.

Réptil significa "que repta", é dicir que anda arrastrándose. Esta non é unha característica universal deste grupo de animais xa que algúns non se arrastran senón que, por exemplo, teñen patas para o seu desprazamento (exemplo: os lagartos e as tartarugas).

A parte da zooloxía que trata dos réptiles leva o nome de herpetoloxía, na que tamén se inclúe o estudo dos anfibios.

Réptiles
Rango fósil: Pensilvaniano - Holoceno
Tartaruga verde (Chelonia mydas), Pseudotrapelus sinaitus, tuatara (Sphenodon punctatus) e crocodilo do Nilo (Crocodylus niloticus).

Tartaruga verde (Chelonia mydas), Pseudotrapelus sinaitus, tuatara (Sphenodon punctatus) e crocodilo do Nilo (Crocodylus niloticus).
Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Superfilo: Deuterostomia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Infrafilo: Gnathostomata
Superclase: Tetrapoda
Clase: Reptilia
Ordes

Principais características

As principais características que posúen case todos os réptiles son, entre outras, as seguintes:

  • Son animais poiquilotermos, é dicir, a súa temperatura corporal no é constante, senón que varía co ambiente.
  • Teñen a pel dura recuberta de escamas ou estruturas epidérmicas de tipo córneo e os ovos son case impermeables, o cal lles permite morar en hábitats moi secos como os desertos.
  • Posúen unha circulación dobre e incompleta, con dúas aurículas e un ventrículo, cun tabique central ou septo que non chega a separar o ventrículo en dúas cavidadades.
  • A respiración é de tipo pulmonar.
  • Case todos os réptiles son ovíparos (poñedores de ovos), aínda que certos grupos pequenos son vivíparos ou ovovivíparos.
  • Son todos amniotas (animais que teñen os embrións rodeados por unha membrana aminiótica).
  • Moitos posúen unhas extremidades de tipo quiridio, aínda que algúns grupos importantes carecen delas, como os ofidios que reptan como mecanismo de locomoción.

Morfoloxía

Os réptiles presentan unha enorme variedade morfolóxica, probablemente debido á antigüidade deste grupo de seres vivos o que fai que atopemos animais de moi pequeno tamaño, como as lagartas, xunto con outros xigantescos, como os dinosauros. De formas alongadas como os crocodilos ou as serpes, a outros metidos nunha casca como os sapoconchos, duns parecidos aos peixes, como o ictiosauro, a outros precursores das aves, como o archeopterix.

En xeral, os réptiles de hoxe presentan: cranio articulado coa primera vértebra por medio dun cóndilo occipital sinxelo ou trilobulado nalgúns casos, e todas as vértebras con costelas; dentes sinxelos e cónicos e non implantados en alvéolos, agás nos crocodilos. Algúns grupos non posúen dentes, como os sapoconchos, e non seu lugar posúen peteiros córneos.

A respiración faise exclusivamente por pulmóns xa que, a diferenza dos anfibios, non posúen branquias en ningunha fase de seu desenvolvemento.

A fecundación sempre é interna e, con excepción do xénero Sphenodon, emprega órganos copulatorios especiais. Os ovos posúen en xeral un gran tamaño e neles aparecen dúas membranas protectoras que levan o nome de amnio e alantoide, o cal amosa un sinal de adaptación destes seres á vida terrestre.

Anatomía e fisioloxía

Sistema circulatorio

Blutkreislauf Reptilien
Esquema do sistema circulatorio dun réptil

O aparello circulatorio dos réptiles e máis complexo que o dos anfibios, xa que ten dúas aurículas e poderíamos dicir un ou dous ventrículos, que en conxunto levan os nomes de corazón tricameral ou tetracameral respectivamente. En realidade, o corazón de 3 cámaras ten un septo central que non divide completamente os ventrículos, co que se produce unha mestura parcial do sangue arterial e venoso, debido á dinámica de fluídos. Esta disposición preséntase na meirande parte dos réptiles a excepción do caso dos crocodilos nos que si está completo e polo tanto o corazón é tetracameral.

Estes ventrículos parcialmente divididos supoñen que nestes animais se produce unha mestura parcial do sangue arterial e venoso. Ademais, o fluxo sanguíneo pode alterarse para enviar sangue desosixenado aos pulmóns, cousa que dá a estes animais un control sobre o seu fluxo sanguineo e permite unha termorregulación máis efectiva do tempo de inmersión para as especies acuáticas. Os crocodilos son unha excepcion xa que teñen un corazón tetracameral moi complexo que pode converterse en tricameral sendo plenamente funciónal durante as inmersións.

A circulación é dobre e incompleta e transcorre no corpo do seguinte modo:

  • Do ventrículo dereito o sangue vai aos pulmóns, de onde regresa osixenado á aurícula esquerda.
  • De alí pasa ao ventrículo esquerdo e sae fóra do corazón polos arcos aórticos, que o distribúen por todo o corpo.
  • O sangue viaxa a todas as células do corpo e volve polos tecidos á aurícula dereita.

Sistema nervioso

O sistema nervioso posúe as mesmas partes básicas que xa existían no cerebro dos anfibios, aínda que o cerebro e cerebelo dos réptiles é lixeramente máis grande e longo. Do cranio saen 12 pares de nervios craniais.

Ente os órganos dos sentidos destaca a presenza dos lóbulos olfactorios que se atopan moi desenvolvidos e que se poden relacionar co sentido do olfacto. O conxunto dos réptiles ten avanzado moito respecto doutros grupos na percepción da profundidade visual.

Sistema respiratorio

A evolución levou a endurecer o exterior destes animais con escamas e estruturas córneas, o cal tivo como consecuencia a impermeabilización da pel e a perda da respiración cutánea para ter só unha respiracion pulmonar. A única excepción son as tartarugas acuáticas que teñen desenvolvida unha pel máis permeable na rexión anal.

Para vivir só coa respiración pulmonar, os pulmóns fixéronse maiores que os dos anfibios, e así aumentar a superficie de intercambio gaseoso, e o aire penetra polas fosas nasais.

Aparato reprodutor

Na inmensa maioría a reprodución é sexual e os sexos están separados (dioicos). A fecundación é interna. Os machos presentan na súa cloaca un órgano copulador bífido co que introducen o esperma no interior da femia.

A maioría son ovíparos e poñen ovos que se desenvolven fóra do corpo. Outros son ovovivíparos, nos que o embrión se desenvolve dentro do corpo da femia, pero a expensas do vitelo do ovo. Excepcionalmente existen algúns casos de viviparísmo (exemplo: algunhas especies de víboras). Non existen fases larvarias.

A reproducion asexual por partenoxénese foi identificada no orden dos Squamata, en seis familias de lagartos e unha de serpes.

Clasificación

Paraphyletic
Os réptiles son un grupo parafilético. O grupo podería ser monofilético se incluímos as aves.

Taxonomía

WaterMonitor Penang
Varanus salvator
Archaeopteryx bavarica Detail
Fósil dun archaeopteryx

A taxonomía cladística, que agrupa aos seres vivos segundo as súas relacións filoxenéticas, ordena o grupo dos Reptilia nas seguites categorías:

Filoxenia

  Sauropsida
  |--Anapsida
  |  |--Mesosauridae (Extinto)
  |  `--Parareptilia
  |     |--Millerettidae (Extinto)
  |     |--Bolosauridae (Extinto)
  |     `--Procolophonomorpha
  |        |--Procolophonia
  |        |  |--Procolophonidae (Extinto)
  |        |  `--Pareiasauridae (Extinto)
  |        `?-Testudines (Tartarugas)
  `--Eureptilia         
     |--Captorhinidae (Extinto)
     `--Romeriida
        |--Protorothyrididae (Extinto)
        `--Diapsida
           |--Araeoscelidia (Extinto)
           |--Avicephala (Extinto)
           `--Neodiapsida
              |?-Younginiformes (Extinto)
              `--+--Lepidosauromorpha
                 |  |?-Euryapsida
                 |  |  |?-Sauropterygia (Extinto)
                 |  |  `?-Ichthyopterygia (Extinto)
                 |  `--Lepidosauriformes
                 |     `--Lepidosauria
                 |        |--Sphenodontida (incluíndo tuataras)
                 |        `--Squamata (including Lagartos, Mosasaurios e serpes)
                 `--Archosauromorpha
                    |?-Choristodera (Extinto)
                    |--Trilophosauridae (Extinto)
                    |--Rhynchosauridae (Extinto)
                    |--Prolacertiformes (Extinto)
                    `--Archosauriformes
                       |--Proterosuchidae (Extinto)
                       |?-Erythrosuchidae (Extinto)
                       |--Euparkeriidae (Extinto)
                       `--+--Proterochampsidae
                          `--Archosauria
                             |--Crurotarsi (incluíndo os Crocodilos)
                             `--Ornithodira
                                |--Pterosauromorpha (Extinto)
                                `--Dinosauromorpha (incluíndo Dinosauros, que inclúen as Aves)

As aves están incluídas dentro da categoría Reptilia porque proveñen evolutivamente dun grupo de réptiles, como testemuñan os fósiles atopados de dinusaurios con adaptacions para o voo. Na imaxe da esquerda podemos ver os restos do fósil Archaeopteryx, un antigo dinosauro que tiña unhas formacións epidérmicas que semellan plumas e un corpo disposto para o voo e que podería considerarse o fósil de aves máis antigo. En realidade poderíase dicir que se atopa na encrucillada entre os dinosauros e as aves, e que dalgún xeito explica como este grupo de réptiles conseguiu as adaptacións ao voo que hoxe posúen os paxaros. Na actualidade só se teñen atopado uns 10 destes fósiles, non todos en moi bo estado, pero coa información suficiente para clarexar en certa medida como aconteceu este salto evolutivo.

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de réptiles de Galicia.
Xirimbao.Teo.Galiza.10-02-2008 Lagarta

Lagarta no Xirimbao, Teo

Véxase tamén

Ligazóns externas

En castelán

En inglés

En portugués

Anfibios

Os anfibios (Amphibia) son unha clase de animais que inclúe tódolos tetrápodos vivos (vertebrados de catro patas) que non teñen embrións con amnio, son poiquilotermos que normalmente pasan parte do tempo na terra. A maioría dos anfibios non teñen as adaptacións a unha vida exclusivamente terrestre que si posúen a maioría dos demais tetrápodos modernos (amniotas). Coñécense unhas 6.000 especies. O seu estudo (xunto cos réptiles) coñécese como herpetoloxía.

Ano (anatomía)

O ano ou anus é a parte terminal do tubo dixestivo en oposición á boca que é o extremo inicial. É unha estrutura aberta que ten como función controlar a expulsión das feces, que son un produto semisólido xerado durante a dixestión. A saída de substancias a través do ano está controlada, en moitos animais, polo músculo esfinter. Os anfibios, réptiles e aves usan o mesmo orificio para excretar os residuos sólidos e líquidos, para a cópula e para a posta de ovos, polo que este orificio recibe o nome de cloaca. Os mamíferos placentarios teñen dous orificios separados: un para a defecación (ano) e outro para os ouriños e a reprodución.

Aparato circulatorio

O aparello circulatorio é a estrutura anatómica que comprende conxuntamente tanto ó sistema cardiovascular que conduce e fai circular o sangue (torrente sanguíneo), como ó sistema linfático que conduce a linfa.

Cobras

As cobras son réptiles carnívoros poiquilotérmicos, é dicir, de sangue frío, e sen patas pertencentes á suborde Serpentes. Pódense distinguir dos lagartos sen patas pola súa falta de pálpebras e oídos externos. Como tódolos escamados, as cobras son vertebrados ectotermos e Amniotas cubertos por escamas. Moitas especies de cobras teñen cranios con máis xuntas que os seus predecesores lagartos, o que lles permite inxerir presas meirandes que a súa testa grazas ás mandíbulas móbiles. Para acomodar os seus estreitos corpos, os órganos pares das cobras (como os riles) están situados un despois do outro, no canto de estar ó carón, e a maioría só ten un pulmón funcional. Alguhas especies conservan a pelve e un par de poutas vestixiais a ámbolos lados da cloaca.

As cobras atópanse en tódolos continentes agás na Antártida, os Océanos Pacífico e Índico, algunhas illas grandes, coma Irlanda e Nova Zelandia, e nas pequenas illas do Atlántico e o Pacífico central. Actualmente recoñécense unhas 20 familias de cobras, arredor de 500 xéneros e unhas 3.400 especies. En canto ó seu tamaño, abrangue dende a máis pequena Leptotyphlops carlae de 10 cm ata o pitón reticulado de 8,7m de longo. A especie fósil Titanoboa cerrejonensis medía 15 metros. Pénsase que as cobras evolucionaron dos lagartos acuáticos durante o período Cretáceo, e o fósil máis antigo atopado ten 112 millóns de anos. A diversidade das cobras modernas produciuse durante Paleoceno (c 66 a 56 millóns de anos). A descrición de cobra preservada máis antiga é o Papiro de Brooklyn.

A maioría das especies non son velenosas, e as que teñen veleno úsano principalmente para matar e subxugar ás presas e non para autodefensa. Algunhas posúen un veleno potente abondo para causar lesións ou morte para os seres humanos. As non velenosas engolen a presa viva ou mátana por constrición.

A atracción polas cobras coñécese como ofiofilia, a repulsión ofiofobia. O estudo dos réptiles chámase herpetoloxía (da palabra grega usada para serpente).

Cordados

Os cordados (Chordata, do latín chordata, pl. de chordatum "cordado", "con corda"; de chorda, "corda"; literalmente "os que teñen corda") son un filo do reino animal caracterizado por presentar cinco sinapomorfias, a máis destacada das cales é a presenza dunha corda dorsal ou notocorda de células turxentes (e dun tubo neural) polo menos nalgunha fase do seu desenvolvemento.Coñécense preto de 65 000 especies actuais, a maioría pertencentes ao subfilo dos vertebrados, e case a metade das cales son peixes.

Os cordados son un grupo con gran diversidade, adaptados a un gran número de nichos ecolóxicos e que demostraron ao longo da súa historia evolutiva notábeis adaptacións, sobre todo ao medio terrestre e os seus ambientes, aínda que tamén ao acuático ou o anfibio, nos cales moitos deles constitúen os últimos elos tróficos dos seus ecosistemas.

Nos cordados destaca a capacidade de autorregulación e organización interna; algúns, como as aves e os mamíferos, poden elevaren e manteren constante a temperatura do corpo. Estes e outros factores engadiron complexidade a este grupo de animais, permitindo un maior control sobre as reaccións metabólicas e o desenvolvemento dun complexo sistema nervioso.

Dinosauro

Dinosauro (do grego déinos, 'terríbel', e saurós, 'lagarto', e, por extensión, réptil) é a denominación dada a calquera membro dun grupo de arcosauros que xurdiron a fins do período Triásico (preto de 230 millóns de anos atrás) e dominante da fauna terrestre durante boa parte da era Mesozoico, desde o inicio do Xurásico ata o final do Cretáceo (preto de 65 millóns de anos atrás), cando a extinción de case todas as liñaxes, a excepción das aves, únicos representantes actuais. Distinto doutros arcosauros por un conxunto de características anatómicas, entre as cales se destacan a posición dos membros en relación ao corpo, proxectados directamente para abaixo, e o acetábulo (encaixe do fémur) aberto.

Ata finais do século XX, todos os grupos de dinosauros críanse que foran extinguidos; porén, o rexistro fósil indica que as aves son as devanceiras dos dinosauros emplumados, evolucionando dende os antecesores terópodos durante o período Xurásico e agora chamados «dinosauros aviarios». Como tal, as aves foron a única liñaxe dos dinosauros que sobreviviu á extinción masiva. Ao longo do resto do artigo, o termo «dinosauros» é, ás veces, empregado xeralmente para se referir tanto aos dinosauros aviarios coma aos non-aviarios, mentres que outras veces é usado para se referir especificamente aos dinosauros non-aviarios, e os dinosauros aviarios son ás veces sinxelamente nomeados como «aves». Este artigo ocúpase principalmente dos dinosauros non-aviarios.

Os dinosauros son un grupo variado de animais dende o punto de vista taxonómico, morfolóxico e ecolóxico. As aves, cunhas 10 000 especies vivas, son o grupo máis variado dos vertebrados á parte dos peixes perciformes. Coa evidencia fósil, os paleontólogos identificaron ao redor de 500 xéneros distintos e máis de 1000 especies diferentes de dinosauros non-aviarios.

Os dinosauros son representados en cada continente polas especies existentes a mailos restos fósiles. Algúns son herbívoros, outros carnívoros. Mentres os dinosauros eran ancestralmente bípedes, moitos grupos extintos incluían especies cuadrúpedes, e algúns eran capaces de cambiar entre estas posturas. Estruturas elaboradas como cornos ou cristas son comúns a todos os grupos de dinosauros e algúns grupos extintos desenvolveron modificacións esqueléticas como armaduras e pugas. A evidencia suxire que a posta de ovos e a construción do niño son trazos adicionais compartidos por todos os dinosauros.

Mentres que as liñaxes modernas superviventes dos dinosauros (aves) son xeralmente pequenas debido ás limitacións do voo, moitos dinosauros prehistóricos tiñan un corpo grande —os dinosauros saurópodos máis grandes acadaron lonxitudes de 39,7 metros e alturas de 18 metros e eran daquela os animais terrestre máis grandes. Aínda así, a idea de que os dinosauros non-aviarios foron uniformemente xigantes é un erro baseado en parte no erro sistemático da preservación, como os ósos grandes e fortes son máis propensos a durar ata que estean fosilizados. Moitos dinosauros eran bastante pequenos: Xixianykus, por exemplo, medía só sobre 50 centímetros de longo.

Aínda que a palabra dinosauro significa literalmente 'lagarto terrible', o nome é algo etimoloxicamente inapropiado; a pesar de que os dinosauros son réptiles, non son lagartos, nin tampouco descenden deles. En cambio, os dinosauros, coma moitas formas extintas de grupos de réptiles, non amosaron características que tradicionalmente se consideraban como reptiliano, tales como a postura do membro en expansión ou ectotermia (coloquialmente coñecido como «sangue frío»). Adicionalmente, moitos outros animais prehistóricos, incluíndo os mosasauros, ictiosauros, pterosauros, plesiosauros e Dimetrodon, mentres que adoito concibidos popularmente dos dinosauros, non se clasifican taxonomicamente como dinosauros.

Durante a primeira metade do século XX, antes de que as aves foran recoñecidas como dinosauros, a meirande parte da comunidade científica cría que os dinosauros eran lacazáns e de sangue frío. A maioría das investigacións realizadas dende a década de 1970, porén, indicou que todos os dinosauros eran animais activos con metabolismos elevados e abondosas adaptacións para a interacción social.

Dende os primeiros fósiles de dinosauros que foran recoñecidos a comezos do século XIX, as carcasas fósiles montadas de dinosauros foron as principais atraccións nos museos de todo o mundo e os dinosauros convertéronse nunha parte permanente da cultura mundial. O gran tamaño dalgúns grupos de dinosauros, así como a súa natureza aparentemente monstruosa e fantástica, aseguraron a aparición regular dos dinosauros en libros best-séller e filmes, como Parque Xurásico. O entusiasmo persistente do público sobre os animais deu lugar a un importante financiamento para a ciencia dos dinosauros e os novos descubrimentos son cubertos de xeito regular polos medios de comunicación.

Dragón

O dragón é unha criatura lendaria representada como unha clase de xigantesco réptil escamoso, xeralmente capaz de voar e que posúe a miúdo ás de coiro semellantes ás dos morcegos. En numerosas mitoloxías de todo o mundo atópanse criaturas réptiles que posúen características máis ou menos similares, designadas como dragóns. Especial relevancia cobra a súa figura na cultura chinesa.

Escama

A escama (do latín squäma) é unha lámina aplanada presente na derme dalgúns seres vivos, especialmente peixes e réptiles. Nestes animais as escamas preséntanse en gran número e están imbricadas unhas nas outras, recubrindo así a pel e outorgando, principalmente, protección e illamento.

Gnatóstomos

Os gnatóstomos (Gnathostomi) ou gnatostomados (Gnathostomata) é o gupo dos vertebrados con mandíbulas.

O termo, do latín científico, está formado polos elementos gantho- (do grego γνάθος gnáthos, "mandíbula") e -stomata (plural de -stoma, do grego στόμα stóma, "boca"), é dicir, "os que teñen a boca con mandíbulas".

Trátase dun amplo e heteroxéneo grupo que abarca os peixes propiamente ditos, os réptiles, os anfibios, as aves e os mamíferos, comprendendo aproximadamente 60 000 especies, que representan o 99 % de todos os vertebrados vivos.

O grupo foi considerado tradicionalmente como unha superclase, dividida en tres clases de organismos que deominamos xenericamente peixes:

os condrictios (Chondrichthyes) ou peixes cartilaxinosos,

os placodermos (Placodermi), un extinto clado de peixes acoirazados, e

os teleóstomos (Teleostomi) ou peixes óseos (ademais das coñecidas clases dos anfibios, réptiles, aves e mamíferos).Algúns sistemas de clasificación usaron o termo anfirrinos (Amphirhina).

É un clado irmán dos craniados sen mandíbula, os ágnatos (Agnatha).

Novos achados fósiles suxiren que os telodontes (Thelodonti) son os parentes máis achegados aos gnatostomados.Os gnatostomados apareceron no perídodo ordovícico (hai case uns 500 millóns de anos) e fixéronse comúns no Devoniano (hai uns 440 millóns de anos).

Herpetoloxía

A herpetoloxía, palabra orixinaria dos termos gregos ἑρπετόν herpetón, 'animal esvaradío', e λόγος lógos, 'comunicación' (no sentido de 'coñecemento'), é a rama da zooloxía que se dedica ao estudo dos anfibios e réptiles, incluídas a súa taxonomía, ecoloxía, comportamento, fisioloxía, anatomía e paleontoloxía.

Intestino

O intestino é unha víscera do aparello dixestivo, de forma tubular, que se estende desde o estómago ata o ano. Alóxase na cavidade abdominal e cumpre unha función de secreción (propia e maila procedente de glándulas anexas como o páncreas ou o fígado) e de absorción dos nutrientes contidos nos alimentos inxeridos.

Presenta formas e estruturas diferentes segundo a especie animal, pero en xeral adopta a forma dun longo tubo con numerosas curvaturas ou asas intestinais. Nos vertebrados superiores (réptiles, aves e mamíferos) divídese en dúas estruturas morfolóxica e funcionalmente diferenciadas que, á súa vez, subdivídense en segmentos ou tramos con funcións específicas:

Intestino delgado: desde o estómago ata a válvula ileocecal.

Duodeno

Xexuno

Íleo

Intestino groso:

cego, no que se atopa o apéndice vermiforme ou apéndice cecal

Colon, con tres porcións: ascendente, tranverso e descendente, máis un colon sigmoide

Recto (ou intestino cular)

Larva

En bioloxía chámase larva a calquera forma dun animal en desenvolvemento (ou sexa, que aínda non atinxiu a maduración sexual que é diferente do estado adulto.

A larva pode ter un aspecto semellante ao adulto ou ter formas completamente diferentes, como é o caso dos estados larvarios das bolboretas ou da libeliña. En calquera caso, aínda que a larva non posúe capacidade reprodutiva e non ten aínda totalmente formados tódolos órganos que caracterizan a especie, pode ter órganos que o adulto non ten.

O proceso de transición dun estado larvario a outro, ou ó estado adulto, chámase metamorfose.

Os mamíferos, aves e réptiles, colectivamente clasificados como Amniotas por teren en estado de embrión unha membrana chamada amnio, non presentan estados larvarios, presentan só un estado xuvenil. Cando o ovo eclosiona, ou sexa, cando o individuo nace, ten xa tódolos órganos que posúen os adultos, inda que poidan non estar totalmente formados.

A única estrutura que o xuvenil dos Amniota pode posuír e que perde a seguir á eclosión é un "dente" córneo na extremidade da cabeza que o axuda a quebrar a casca do ovo, no caso de que a súa membrana exterior estea calcificada, como ocorre coas aves e algúns réptiles.

Mamíferos

Os mamíferos (Mammalia) son unha clase de amniotas que se caracterizan pola súa homeotermia. Distínguénse doutros amniotas, como o son os réptiles e as aves, pola mandíbula inferior formada por un único óso, o maxilar inferior (tamén chamado dentario), por presentaren tres ósos medios na cadea de ósos do oído, por teren os dentes moi especializados, pola presenza dun padal secundario, pola de pelaxe, un olfacto moi desenvolvido, polo seu neocórtex e pola produción de leite das femias para alimentar as súas crías. O cerebro dos mamíferos regula a temperatura corporal e o sistema circulatorio, incluído o corazón. Os mamíferos abranguen os animais máis grandes do planeta, as baleas rorcuais, así como os máis intelixentes ou con maior capacidade cognitiva; como son os elefantes, algúns primates e cetáceos. Anatomicamente, o corpo é de catro patas adaptadas aos medios terrestres, mais algúns mamíferos están adaptados á vida mariña, arbórea, no aire ou sobre dúas pernas. O grupo máis grande de mamíferos, os placentarios teñen placenta e alimentan as crias despois do remate do empreñe. O tamaño dos mamíferos vai de tan só 30 ou 40 milímetros a 33 metros de longo.

A ciencia que estuda os mamíferos denomínase terioloxía.

Os mamíferos apareceron a finais do Triásico, hai uns 210 millóns de anos. Abranguen aproximadamente 5 400 especies, entre as que está o ser humano.

Ovo (bioloxía)

Este artigo trata sobre o termo biolóxico, para o alimento véxase ovo (alimento).Nalgúns animais, un ovo é un corpo redondeado, de tamaño e dureza variables, que producen as femias e sustenta e protexe o embrión se o óvulo é fecundado, convértese en cigoto. Os animais ovíparos son aqueles que poñen ovos, con pouco ou ningún desenvolvemento dentro da nai. Esta é a forma de reprodución de moitos peixes, anfibios e réptiles, todas as aves, os mamíferos monotremas e a maioría dos insectos e arácnidos.

Os ovos dos réptiles, aves e monotremas están rodeados por unha casca protectora que pode ser flexible ou non. O ovo do avestruz, de até 1,5 kg, é a maior célula individual que se coñece, aínda que o xa extinto Aepyornis e algúns dinosauros puñan ovos maiores. Mellisuga helenae produce o menor ovo de ave coñecido: pesa medio gramo. Os ovos dalgúns réptiles e a maioría dos peixes son menores, e os dos insectos e outros invertebrados teñen aínda menos tamaño.

O estudo dos ovos, particularmente dos das aves, chámase ooloxía.

Permiano

O Permiano é un período da escala de tempo xeolóxico, correspondente á era Paleozoica do eón Fanerozoico que comezou hai 299,0 ± 0,8 millóns de anos e acabou hai 251,0 ± 0,4 millóns de anos.Como coa maioría dos períodos xeolóxicos, os estratos que definen o principio e o final do período están ben identificados, pero a data exacta do inicio é incerta por uns poucos millóns de anos. O final do período está marcado por unha grande extinción que está datada con maior exactitude.

O permiano segue ao carbonífero e precede ao triásico, e debe o seu nome aos extensos xacementos na rexión ao redor da cidade de Perm, en Rusia. Os xacementos permianos consisten principalmente en estratos vermellos continentais e exposicións mariñas pouco profundas.

No Permiano houbo importantes cambios climáticos cunha tendencia xeral de climas tropicais a condicións máis secas e áridas. Produciuse unha contracción dos pantanos. Extinguíronse gran cantidade de fieitos arborescentes (Lycopodiophyta) e anfibios, que requirían condicións húmidas. Os fieitos con semente, os réptiles e os réptiles mamiferoides herdaron a Terra. Os glaciares do carbonífero sobre a rexión polar do sur de Gondwana retrocedeeron durante o Permiano.

Neste período desenvolveuse a oroxenia herciniana, que levou á formación do gran supercontinente chamado Panxea.

Tartaruga

A tartaruga ou quelonios (Testudines vel Chelonia) conforma unha orde de réptiles que se caracteriza por ter un tronco ancho e curto e unha cuncha, coiraza ou envoltura que protexe os órganos internos do seu corpo, e que está formada por dúas capas —a superior (espaldar) e a inferior (peto ou plastrón), unidas por unha ponte— de ósos planos e que posúe orificios para a saída, por diante, da cabeza e as patas anteriores e, por detrás, das patas posteriores e a cola. Carecen de dentes pero teñen un peteiro córneo para coller e esmagar o alimento.

Tetrápodos

Os tetrápodos (Tetrapoda) (do grego τετραπόδηs tetrӑpódēs, latinizado tetrapoda, "de catro pés, o de catro patas") é unha superclase de animais vertebrados con catro extremidades empregadas no desprazamento ou a manipulación. Dado que os anfibios, réptiles, mamíferos e aves son tetrápodos, (incluíndo a píntegas ápodas e serpentes, por cuestións taxonómicas), o termo é especialmente útil para describir os membros máis primitivos do grupo, que irradiaron dende os sarcopterixios (peixes de "aletas lobuladas") aos primeiros anfibios do período devoniano.

Triásico

O Triásico é un dos tres períodos xeolóxicos da Era Mesozoica; comezou hai 251,0 ± 0,4 millóns de anos e acabou hai 199,6 ± 0,6 millóns de anos.Overview of Global Boundary Stratotype Sections and Points (GSSP's), Status on 2007.International Stratigraphic Chart, 2008 Como ocorre coa maioría dos períodos xeolóxicos, as datas exactas de inicio e fin do período son incertas por uns poucos millóns de anos. No caso deste período, tanto o inicio e como o final están marcados por importantes eventos de extinción: a extinción masiva do Permiano-Triásico e a do Triásico-Xurásico.

Os primeiros mamíferos, os cales evolucionaron dos réptiles mamiferoides, deron a súa aparición neste período, posiblemente polos cambios de clima que se fixeron e a deriva continental, que motivaron a gran Regresión mariña do Triásico: todas as terras uníronse para formar o supercontinente Panxea (dividido novamente a principios do Xurásico, na maneira inversa dunha transgresión mariña (por iso pasaron a predominar os carbonatos).

Caracterízase fundamentalmente pola aparición dos primeiros dinosauros, inicialmente representados por formas bípedes, carnívoras e de pequeno tamaño. Porén, a finais do período xa se diversificaron a grande escala e convertéronse nos vertebrados dominantes en todo o planeta, levando á extinción a grupos anteriores como os arcosauros máis primitivos e os propios réptiles mamiferoides con escasas excepcións.

Vertebrados

Os vertebrados (Vertebrata) ("os que teñen vértebras"), son un subfilo moi diverso de cordados que comprende aos animais con espiña dorsal ou columna vertebral composta de vértebras.

Inclúe case 62 000 especies actuais e moitas máis fósiles.

Aínda que procedentes do medio dulciacuícola, os vertebrados conseguiron evolucionar no mar e pasar, posteriormente, ao medio terrestre, onde dominan na actualidade logrando colonizar e adaptarse a diferentes ambientes, incluídos os máis difíciles e inhóspitos.

O termo Vertebrata, usado en sentido amplo, é sinónimo de Craniata, e inclúe os mixíns, que non posúen auténticas vértebras; pero de usarmos Vertebrata en sentido estrito (só os cordados con vértebras), debe excluírse dito grupo. Porén, hai evidencias de que os mixíns deben seren incluídos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.