Queixo de Arzúa-Ulloa

O queixo de Arzúa ou queixo de Ulloa é un queixo DO galego, de leite de vaca, que se acolle protexido pola denominación de orixe Arzúa-Ulloa. Tamén se lle pode chamar queixo de Lugo, queixo de Chantada ou queixo de Curtis nas diversas localidades da súa ampla zona de fabricación.

Queixos Arzúa-Ulloa
Queixos á venda na Festa do queixo de Arzúa.

Zonas de fabricación

A elaboración de queixo amparado baixo a Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa limítase a unha zona xeográfica específica que abrangue un total de 24 concellos[1]. A zona de produción recolle unha zona queixeira común, de gran tradición enmarcada entre as dúas ribeiras do río Ulla. Iso inclúe unha pequena parte da provincia da Coruña, á altura de Curtis, Sobrado, Boimorto e Vilasantar, estendéndose ata Arzúa, Melide, Toques, Santiso, Santiago de Compostela, e mais pola comarca da Ulloa luguesa seguindo aproximadamente a divisoria cara o sur entre as provincias de Lugo e Pontevedra.

O leite que se produce na mesma área delimitada é a única materia prima válida para elaborar o produto.

Esta ampla zona ten unha configuración xeográfica moi variable, desde áreas moderadamente montañosas, con alturas arredor dos 1.000 metros, ata chairas e algunhas terras baixas. O terreo é de tipo fundamentalmente granítico e lousento. O clima é atlántico coas súas características de humidade e non alta temperatura, pero si abondosas choivas.

Características

O leite utilizado nos queixos de Arzúa-Ulloa é exclusivamente o de vaca. O contido en graxa varía entre 3,8 e 5,0%.

A súa carapa é extremadamente elástica e dunha cor amarela esluída. As pezas teñen forma lenticular biconvexa (de gran lentella con beiradas grosas). Ás veces presentan formas de casquete esférico case regular, cunha tendencia á forma clásica do queixo de tetilla, pero sen presentar a prominencia superior característica deste último. O tamaño máis corrente nos queixos de Arzúa-Ulloa é de 18 a 20 centímetros de diámetro e uns 6 a 8 centímetros de altura e os pesos varían de 500 a 2.000 gramos, e son moi excepcionais os que superan este peso máximo.

A pasta é branda e sen ollos, aínda que poden ter pequenos e escasos buratos debidos ás fermentacións e á falta de presión durante o moldeado. Isto considérase unha pexa. A súa consistencia mol no momento óptimo chega ás veces a ser cremosa, estendéndose no prato.

O olor e o sabor do queixo de Ulloa son francamente agradables, moi lixeiramente acedos, aromáticos e de olor láctico. Non se afuman, atan nin curan. Son perfectos para tomar con viños brancos suaves tipo ribeiro ou albariño. A temperatura óptima para o seu consumo é a ambiente entre 15 e 22 °C, e a data axeitada é a comprendida entre os 15 e 40 días da súa fabricación.

Notas

  1. http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2004/02/04/2391660.shtml?idioma=galego[Ligazón morta] A produción de queixo Arzúa-Ulloa aumentou un 48% desde hai seis anos

Véxase tamén

Outros artigos

Arzúa

Arzúa é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Arzúa. Segundo o IGE en 2018 tiña 6053 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «arzuán».

Arzúa (homónimos)

Arzúa pode referirse a:

Arzúa, concello da provincia da Coruña; dá nome á comarca de Arzúa;

Arzúa, parroquia de dito concello;

Arzúa, lugar de dita parroquia;

Comarca da Ulloa

A comarca da Ulloa é unha comarca galega situada na provincia de Lugo cuxa capital é Monterroso. A esta comarca pertencen os concellos de Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei. No ano 2014 tiña 9532 habitantes, 4690 homes e 4842 mulleres. O seu nome procede do río Ulla, que nace na comarca.

Denominacións de Orixe de Galicia

As denominacións de orixe de Galicia abranguen diversos produtos representativos da gastronomía de Galicia, clasificados como denominación de orixe protexida. Na actualidade existen 27 produtos galegos con este distintivo, que van dende os queixos aos mexillóns, pasando polos viños os licores, a carne, o pan e ata os grelos.

Feira de Santos de Monterroso

A Feira de Santos de Monterroso é un evento que se celebra cada ano o 1 de novembro, Día de Tódolos Santos, na vila lucense de Monterroso, capital da comarca da Ulloa.Esta feira, que ten lugar cando menos dende 1450, foi declarada festa de interese turístico de Galicia no ano 2011.

Festa do queixo de Arzúa

A festa do queixo de Arzúa é unha festa gastronómica celebrada no concello coruñés de Arzúa, desde 1975. Está declarada Festa de interese turístico de Galicia.

A festa celébrase sempre a primeira fin de semana de marzo. Esta festividade combina feira, festa e festival, tendo o queixo de Arzúa-Ulloa como o seu principal atractivo. As principais actuacións lévanse a cabo no recinto feiral Terra do Queixo.

Festa gastronómica

Unha festa gastronómica é un evento celebrado co gallo de exaltar un determinado produto ou grupo de produtos alimenticios. Algunhas delas están declaradas Festas de interese turístico de Galicia ou de Interese turístico nacional.

As festas gastronómicas foron fomentadas co réxime franquista tras pasaren os efectos de racionamento da guerra civil española, e mesmo se declararon algunhas de interese turístico nacional (a festa do pemento da Arnoia ou a festa do polbo do Carballiño). A Xunta de Galicia seguiu con esta política e popularizáronse festas coma a festa do cocido de Lalín.

Galería de imaxes de gastronomía en Galicia

Galería de imaxes de gastronomía en Galicia.

Gastronomía de Galicia

A gastronomía de Galicia ten unha gran tradición e variedade, sendo un dos aspectos de maior importancia na cultura e sociedade galegas.

Está moi establecida a celebración de grandes comidas, ben en familia, ben en eventos, actos ou encontros. En Galiza teñen lugar gran número de festas gastronómicas, a maioría delas no verán. Un dos seus maiores estudosos foi o escritor Álvaro Cunqueiro.

Os petiscos, a diferenza doutros lugares, son consistentes e non se reducen a unhas simples olivas ou patacas; adoitan ser gratuítos ou de moi baixo prezo, sobre todo na provincia de Lugo, onde a súa gratuidade, ao ser acompañados por un viño ou unha cervexa, é unha tradición convertida xa nun reclamo turístico. Ademais dos petiscos, tamén son frecuentes as tapas.

Queinaga

Queinaga é unha empresa galega de produtos lácteos de Curtis (A Coruña). A empresa produce queixos coa denominación de orixe protexida Queixo de Arzúa-Ulloa e Queixo de Tetilla. Transforma 3 millóns de litros de leite para producir 400.000 quilos de queixo ao ano.

Queixo

O queixo ( pronunciación ) é un alimento feito co leite callado de varios animais, incluíndo vacas, cabras, ovellas, búfala ou camelo femia.

Ulloa

Ulloa pode referirse a:

Comarca da Ulloa, unha comarca galega situada na provincia de Lugo.

Ulloa, Palas de Rei, unha parroquia do concello de Palas de Rei na comarca da Ulloa.

Queixo de Arzúa-Ulloa, un queixo de leite de vaca, que se acolle protexido pola denominación de orixe Arzúa-Ulloa.

Ulloa, un concello do Valle del Cauca, Colombia.

Bebidas espirituosas
Carnes
Queixos e manteigas
Embutidos
Froitas
Hortalizas
Legumes
Mel
Peixes, moluscos e crustáceos
Panadería, pastelería, repostería
Viños

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.