Queixo San Simón da Costa

O San Simón é un queixo DO galego elaborado con leite de vaca e cunha forma característica intermedia entre un trompo e unha bala, terminando a súa parte superior en pico. Elabórase principalmente nos concellos lucenses que forman a comarca da Terra Chá.

Caracterízase pola súa textura fina, graxa, semidura, semielástica e densa, a súa cor entre branca e amarela, e o seu aroma e sabor afumado. No ano 2006 a produción de queixo de San Simón acadou as 400.000 pezas, un 30 por cento das cales se exportaron ao resto de España ou ao estranxeiro. O queixo de San Simón pode atoparse en mercados de toda Europa, pero tamén en países como o Xapón e os Estados Unidos. Actualmente a súa produción estase a incrementar a un ritmo do 10-15% anual.[1]

Queso San Simón Da costa
Queixo San Simón da Costa

Historia

A mención máis antiga documentada do queixo San Simón é de 1857 nun artigo publicado no periódico La Aurora del Miño, co gallo da participación da provincia de Lugo na exposición estatal na madrileña montaña de Príncipe Pío con produtos locais.[2]

No 2017 promúlgase o regulamento da D.O.P.[3].

Marco xeográfico

A zona de produción do leite apto para a elaboración dos queixos amparados pola D.O. San Simón da Costa[4], está constituída polas parroquias de San Simón da Costa, Samarugo, Vilapedre e o barrio de Moreda da parroquia de San Martiño de Lanzós, pertencentes ao concello de Vilalba, así como as parroquias da Balsa e O Viveiró do concello de Muras.

Tipos de queixo

O queixo de San Simón é graxo, de pasta semidura, semielástica e preta, codia afumada, elaborado exclusivamente con leite de vacas saneadas, das razas rubia galega, pardo-alpina, frisoa e os seus cruzamentos, que será enteiro, limpo, sen costros, nin conservantes, e cunha composición equilibrada de graxa e proteínas. O queixo San Simón da Costa comercializarase tras un período de maduración de sesenta días, procedendo ao finalizar este á súa afumadura, para o que se utiliza madeira de bidueiro.

A súa forma é intermedia entre peonza e bala, rematado na súa parte superior en mamila. A súa elaboración é tanto artesanal como industrial.

A comercialización pode facerse en dous tamaños diferente: "ordinario" e "bufón". A diferenza só está nas medidas das pezas:

  • Queixo ordinario:
    • Altura 13 – 18 cm
    • Peso ó final do período de maduración 0,8 – 1,5 kg
  • Queixo bufón:
    • Altura 9 – 12 cm
    • Peso ó final do período de maduración 0,150 – 0,350 kg

Características organolépticas

A codia é inelástica, dura, de 1–3 mm de grosor, cor amarela-ocre e algo graxenta.

A textura da pasta é fina, graxa, semidura, semielástica e preta de cor entre branca e amarela, suave ó corte, con aroma e sabor característicos. Terá un número de ollos non elevado, de forma redondeada e/ou irregular de tamaño variable, non superior a medio chícharo.

Produtores autorizados

  • Crisanto S.A.T. (Vilalba)
  • Daniberto S.A.T. Vilalba)
  • Lácteos Lorán S.L. (Abadín)
  • Leitigal S.L. (Castro de Rei)
  • Queixería As Fontelas (Vilalba)
  • Queixería Cas Leiras S.L. (Vilalba)
  • Queixería Catadoiro (Vilalba)
  • Queixería Don Gabino (Vilalba)
  • Queixería Presdes S.L. (Vilalba)
  • Queixería Valado (Vilalba)

Notas

  1. O éxito do queixo de San Simón no Salón de Gourmets non sorprende a ninguén[Ligazón morta]
  2. "Historia, do queixo San Simón da Costa".
  3. https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170224/AnuncioG0426-150217-0001_gl.pdf
  4. Web da D.O. San Simón da Costa

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns Externas

Denominacións de Orixe de Galicia

As denominacións de orixe de Galicia abranguen diversos produtos representativos da gastronomía de Galicia, clasificados como denominación de orixe protexida. Na actualidade existen 27 produtos galegos con este distintivo, que van dende os queixos aos mexillóns, pasando polos viños os licores, a carne, o pan e ata os grelos.

Galería de imaxes de gastronomía en Galicia

Galería de imaxes de gastronomía en Galicia.

San Simón

O nome de San Simón pode referirse a:

Simón o Celote, tamén chamado o Cananeo, apóstolo de Xesús de Nazaret (venerado o 28 de outubro);

Simón Pedro, un dos doce apóstolos de Xesús de Nazaret, o primeiro papa, máis coñecido como San Pedro;

Simón o Estilita (c. 390-459), santo asceta cristián.O topónimo San Simón pode referirse a:

San Simón, lugar da parroquia de Sorga no concello da Bola;

San Simón, lugar da parroquia de Marei no concello do Corgo;

San Simón, lugar da parroquia de Cesantes no concello de Redondela;

San Simón, lugar da parroquia de Ribadelouro no concello de Tui;

San Simón, lugar da parroquia de Baión no concello de Vilanova de Arousa;

A illa de San Simón;

A enseada de San Simón;

O río San Simón, afluente do Louro, na parroquia de Ribadelouro, en Tui.

Bebidas espirituosas
Carnes
Queixos e manteigas
Embutidos
Froitas
Hortalizas
Legumes
Mel
Peixes, moluscos e crustáceos
Panadería, pastelería, repostería
Viños

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.