Provincia de Alacant

A provincia de Alacant[2] (en valenciano: Alacant, en castelán: Alicante) é a máis meridional da Comunidade Valenciana. Limita ao norte coa provincia de València, ao sur coa Rexión de Murcia, ao oeste con Murcia e a provincia de Albacete (Castela-A Mancha), e ao leste co mar Mediterráneo. A súa capital é a cidade homónima de Alacant. A súa área abrangue 5.863 km², cunha poboación de 1.855.047 habitantes (2015).

As cidades da provincia que superan os 50.000 habitantes son Alacant (328.648 hab.), Elx (227.312 hab.), Torrevieja (88.447 hab.), Orihuela (82.675 hab.), Benidorm (69.045 hab.), Alcoi (59.567 hab.), Sant Vicent del Raspeig (56.302 hab.) e Elda (53.248 hab.).

Provincia de Alacant
Província d'Alacant
Provincia de Alicante
Escut de la Província d'Alacant
Provincia Alacant
Capital Alacant
Área 5.816 km²
Poboación 1 855 047 hab. (2015)[1]
Densidade 319 hab./km²
Concellos 141
Xentilicio Alacantino/a

Xeografía física

Orografía

A provincia posúe un relevo bastante montañoso e accidentado, salvo algúns vales fluviais do sur. As súas montañas son unha prolongación do sistema Bético, conformando varios cordais paralelos, dirixidos de suroeste a nordés, entre os que se encontran as serras de Mariola, da Carrasqueta, de Crevillent, de Salines, do Maigmó, do Cid ou de Bernia. O cume provincial é o pico de Aitana, na serra homónima, con 1.558 m de altitude, ao que lle segue o Puig Campana, con 1.406 m, e o Montcabrer, na serra de Mariola, con 1.389 m.

As zonas planas corresponden, sobre todo, á zona Sur-Sueste, onde conflúen as zonas baixas de dous vales, o do río Segura e o do río Vinalopó, posibilitando unha zona de veiga e hortas.

Hidrografía

A provincia de Alacant tan só conta cun curso de auga saliente, o río Segura, que flúe nos seus últimos 36 km polo Sur da provincia, na comarca da Vega Baixa ou Baix Segura. O río autóctono máis importante é o Vinalopó, que atravesa Elda e Elx. Outros cursos dignos de sinalar son, de Norte a Sur, os ríos Serpis, Girona, Gorgos, Algar, Amadorio, Monnegre e a Rambla de les Ovelles.

Comarcas

As comarcas nas que se divide a provincia son:

  • El Comtat, 26.319 habitantes, capital: Cocentaina. Sita entre as serras de Mariola e Aitana, predomina nela a industria téxtil e a agricultura de secaño.
  • Alcoià, con dúas subcomarcas claramente diferenciadas:
    • Valls d'Alcoi, 67.853 habitantes, capital: Alcoi. Destaca pola agricultura de secaño (oliveiras) e a industria téxtil.
    • A Foia de Castalla, 39.380 habitantes, capital: Castalla, pero a cidade máis poboada é Ibi. Destaca na industria do xoguete.
  • La Marina Alta, 166.786 habitantes, capital: Dénia. É a comarca máis chuviosa e está dedica ao turismo.
  • La Marina Baixa, 154.939 habitantes, capital: La Vila Joiosa. Cidade máis poboada: Benidorm. Eminentemente turística, sobreasae polas súas praias e o seu interior montañoso. Ten unha subcomarca moi pintoresca: Vall de Guadalest.
  • O Alt Vinalopó, 50.870 habitantes, capital Villena. Agricultura de regadío e industria de calzados.
  • O Vinalopó Mitjà, 158.932 habitantes, capital Elda. Industria de calzado, do mármore e outras. Viños e acios para mesa.
  • O Baix Vinalopó, 255.676 habitantes, capital: Elx. Agricultura de regadío e máis industria do calzado. Na costa turismo.
  • O Alacantí, 420.561 habitantes, capital: Alacant. Comarca de servizos e turística, fortemente urbanizada.
  • O Baix Segura (tamén coñecida como Vega Baixa), 291.033 habitantes, capital: Orihuela, pero a cidade máis poboada é Torrevieja. Agricultura de regadío (hortalizas e cítricos), con turismo en todo o territorio.

A faixa costeira (Dénia, Xàbia, Calp, Benidorm, La Vila Joiosa, Alacant, Santa Pola, Torrevieja) forman a chamada Costa Branca. Nesta zona destaca a área metropolitana de Alacant-Elx, que con 725.395 habitantes é a 8ª maior aglomeración española.

Notas

  1. "Cifras oficiales de población resultantes de la revisión del Padrón municipal a 1 de enero" (en castelán). INE. 2015.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para alacantino.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Altea

Altea é unha poboación e un concello valenciano da comarca da Marina Baixa, na costa da provincia de Alacant. O municipio tiña 22.648 habitantes en 2007, sobre unha área superficial de 34,40 km².

Beniel

Beniel é un concello español da Rexión de Murcia, situado na Huerta de Murcia. Tiña unha poboación de 11.112 habitantes en 2014 repartidas entre a capital municipal e as súas pedanías: La Basca, El Mojón e El Raiguero-La Villa.

Está situado a unha altitude de 28 msnm. Limita ao norte e leste con Orihuela, na provincia de Alacant, e ao sur e oeste co concello de Murcia.

Calp

Calp é un concello do País Valenciano situado na costa norte da provincia de Alacant, na comarca da Marina Alta. Ten 29.228 habitantes (INE 2008).

Na súa costa álzase maxestosamente o peñón de Ifach, unha mole rochosa de 332 m de altura. O devandito peñón é un dos símbolos da Costa Branca.

Crevillent

Crevillent é un concello do País Valenciano situado na comarca do Baix Vinalopó, na provincia de Alacant. A súa proximidade co municipio de Elx permítelle formar parte da área metropolitana de Alacant-Elx. Crevillent ten 28.432 habitantes (INE 2008).

As súas festas de Mouros e Cristiáns, xunto coa celebración da Semana Santa, foron declaradas Festas de Interese Turístico Nacional. Crevillent tamén destacou pola súa tradicional industria alfombreira, que lle conferiu o alcume de Ciutat de la Catifa (cidade da alfombra). Ao redor do 80% da poboación son valenciano-falantes.

Elda

Elda é unha cidade do País Valenciano, situada na provincia de Alacant. Ten unha poboación de 55.174 habitantes segundo o censo de 2008, ocupando el 7º posto en número de habitantes entre as cidades da provincia de Alacant e o seu termo municipal ocupa unha área de 44,86 km². Situada a beiras do río Vinalopó, é a cidade máis importante da comarca do Vinalopó Mitjà e forma, con Petrer, unha conurbación de 88.775 habitantes. Conta cunha importante industria de calzado, en particular o de señora, que representa a principal actividade económica da poboación.

Ibi

Ibi é un concello da provincia de Alacant, na Comunidade Valenciana, España. Pertence á comarca do Alcoià e é o concello máis grande da comarca xeográfica da Hoya de Castalla. Conta cunha poboación de 24.093 habitantes (INE 2008).

L'Alfàs del Pi

L'Alfàs del Pi é un concello da Comunidade Valenciana, pertencente á provincia de Alacant. Está situado na costa mediterránea, na comarca da Marina Baixa, e limita con Altea, Benidorm e La Nucia.

O núcleo urbano atópase no interior, a uns 3 km da costa e moi preto da Serra Gelada. Con todo, o concello ten 4 km de costa, nos que destaca a praia de l'Albir.

Conta cunha poboación de 21.969 habitantes (INE 2013), dos que aproximadamente o 56% son de nacionalidade estranxeira.

La Vila Joiosa

La Vila Joiosa (en valenciano: La Vila Joiosa [la'vila dʒo'joza], en castelán: Villajoyosa, cooficiais), chamada normalmente La Vila e antigamente Alonis, é un concello do País Valenciano situado na costa da provincia de Alacant. Ten 32.534 habitantes (censo de 2008) e é a capital da comarca da Marina Baixa e cabeza de partido xudicial. Popularmente é coñecido co dito: "De la Vila i plores, cabra fotuda" (Da Vila e choras, cabuxa fodida).

Monforte del Cid

Monforte del Cid é un concello da provincia de Alacant, na Comunidade Valenciana. Pertence á comarca do Vinalopó Mitjà e tiña en 2014 unha poboación de 7.658 habitantes.

Limita ao norte con Petrer, ao leste con Agost e Alacant, ao sur con Elx e ao oeste con Novelda e Aspe.

Actualmente a economía de Monforte xira arredor da uva de mesa, cultivo de excelente calidade polo microclima no que se desenvolve.

Monòver

Monòver (en valenciano: Monòver, en castelán: Monóvar, as dúas denominacións cooficiais) é un concello do País Valenciano situado no interior da provincia de Alacant, na comarca do Vinalopó Mitjà. Ten 13.056 habitantes (INE 2008).

Novelda

Novelda é un concello do País Valenciano situado no interior da provincia de Alacant, na comarca do Vinalopó Mitjà. Coñecida pola súa produción de uva e o comercio de especias e mármore, a localidade ten 27.008 habitantes (INE 2008).

Orihuela

Orihuela (en castelán e oficialmente: Orihuela, en valenciano: Oriola) é unha cidade da provincia de Alacant, capital da comarca do Baix Segura, na Comunidade Valenciana. Foi capital de provincia e do Reino. Foi nomeada cidade o 11 de setembro de 1437, a primeira en toda a actual provincia de Alacant. O símbolo de Orihuela é un vichelocrego (oriol en valenciano).

Unha vez localidade de lingua valenciana, e antes árabe, diversas repoboacións desde o século XV de aragoneses e casteláns e epidemias de peste que a deixaron case despoboada, así como a posterior repoboación por murcianos, contribuíron á mudanza de lingua, transformándose nunha cidade totalmente de lingua castelá desde hai séculos. Tan só se conserva o valenciano na pedanía de Barba-roja.

Pego

Pego é un concello da Comunidade Valenciana situado no nordeste da provincia de Alacant, no límite coa provincia de Valencia e na comarca da Marina Alta. Ten 11.043 habitantes (INE 2008). Foi historicamente centro do val que porta o seu nome así como tamén das poboacións dos vales veciños da comarca. O rei Pedro III creou a baronía de Pego (1262) e repoboouna con colonos barceloneses segundo documentación da época.

Foi cabeza de partido xudicial e pertenceu ás demarcacións históricas da gobernación de Xàtiva até o 1707 e despois á de Dénia até o 1833, ano en que pasa a pertencer á provincia de Alacant. A área comercial onde se inclúe é a de Gandia mantendo un mercado propio bastante importante.

Petrer

Petrer é un concello do País Valenciano situado no centro interior da provincia de Alacant, na comarca do Vinalopó Mitjà. O núcleo urbano de Petrer atópase completamente fusionado co de Elda, formando a conurbación Elda-Petrer.

Petrer ten 33.486 habitantes (INE 2007), poboación que aumentou moito grazas ao seu desenvolvemento industrial. A súa economía está baseada na fabricación de todo tipo de calzado, así como nunha puxante industria da marroquinaría.

Pilar de la Horadada

Pilar de la Horadada é un concello español da provincia de Alacant, na Comunidade Valenciana. Situado no extremo sur da provincia, na comarca da Vega Baja del Segura, lindeiro coa Rexión de Murcia, trátase do municipio valenciano máis meridional e conta con 23.403 habitantes (INE 2012). Ata 1986, pertenceu ao municipio de Orihuela.

Economicamente, o seu desenvolvemento débese a dous piares fundamentais: a agricultura e ao turismo residencial, sen esquecer o sector comercial e servizos.

Sant Joan d'Alacant

Sant Joan d'Alacant é un municipio do sur do País Valenciano integrado na área metropolitana de Alacant, na provincia de Alacant. A súa zona urbana dista 8 quilómetros do centro da cidade alacantina. Ten 21.681 habitantes segundo datos do INE de 2008.

Sant Vicent del Raspeig

Sant Vicent del Raspeig (en castelán: San Vicente del Raspeig, cooficiais) é un concello do País Valenciano situado no noroeste da área metropolitana de Alacant, da provincia de Alacant. Ten 51.507 habitantes (INE 2008).

No termo municipal de Sant Vicent do Raspeig atópase, desde o seu fundación en 1979, o campus da Universidade de Alacant. Este feito valeulle para colocárselle a etiqueta de cidade universitaria e de residencia. Os núcleos urbanos de Alacant e de Sant Vicent forman un continuo urbanizado, ademais de posuír boas comunicacións entre si como trens de Proximidades ou o tranvía TRAM.

O topónimo do municipio xurdiu a raíz da estancia de Vicente Ferrer nas terras do Raspeig sobre 1411. O municipio creceu ao redor dunha ermida situada nas terras do Raspeig. Dende o século XVII, polo menos, documéntase a existencia en distintos protocolos notariais dos primeiros núcleos de poboación habitados no que hoxe coñecemos como Sant Vicent del Raspeig. O carácter de lugar de paso e á vez cruzamento de camiños das súas terras marcou o seu desenvolvemento histórico ao longo de séculos. A súa independencia total chegou en 1848 tras anos dun dilatado proceso segregacionista da cidade de Alacant.

Posteriormente, no século XX produciuse a industrialización do municipio e a súa inclusión na área metropolitana de Alacant, coa conseguinte medra demográfica. No século XX o municipio experimentou unha extensión urbanística de xeito moi similar ao concepto de cidade lineal coas avenidas Ancha de Castelar e Alacant como principal eixe vertebrador.

Xixona

Xixona (en valenciano: Xixona, en castelán: Jijona, as dúas denominacións cooficiais) é un concello do País Valenciano, situado na comarca do Alacantí, na provincia de Alacant. É famoso por ser o lugar onde se produce o doce de Nadal do turrón, tanto a variedade de Xixona como a de Alacant. Ten 7.575 habitantes (INE 2008).

Xàbia

Xàbia (en valenciano: Xàbia, en castelán: Jávea, as dúas denominacións cooficiais) é un concello do País Valenciano, situado na costa norte da provincia de Alacant, na comarca da Marina Alta. Conta cunha poboación de máis de 34.000 habitantes (INE 2008), dos cales un 53,1% é da inmigración.

Comunidade Valenciana Comunidade Valenciana  · Concellos da provincia de Alacant

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.