Provincia das Palmas

As Palmas[1] (en castelán: Las Palmas) é unha provincia española das dúas que forman a comunidade autónoma das Illas Canarias, e está formada polas illas de Gran Canaria, Fuerteventura e Lanzarote, así como por unha serie de seis illas menores (Alegranza, La Graciosa, Montaña Clara, Lobos, Roque del Este e Roque del Oeste), que son as illas máis orientais do arquipélago, e que suman unha área de 4.066 km². Conta cunha poboación de 1.083.502 habitantes (2010), sendo a 13ª provincia española en número de habitantes e a primeira de Canarias.

A súa capital é a cidade das Palmas de Gran Canaria, sita na illa de Gran Canaria, que é tamén a capital das Canarias xunto con Santa Cruz de Tenerife.

A provincia xurdiu en 1927 coa separación desta provincia coa ata entón única provincia do arquipélago, a Provincia de Canarias.

Provincia das Palmas
Provincia de Las Palmas
Provincia de Las Palmas - Bandera
Provincia de Las Palmas - Escudo
Provincia Las Palmas
Capital As Palmas de Gran Canaria
Área 4.066 km²
Poboación 1.083.502 hab. (2010)
Densidade 263,16 hab./km²
Concellos 34

Notas

  1. Anaír Rodríguez Rodríguez, Montserrat Davila Ventura. Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, ed. Lingua galega: dúbidas lingüísticas (PDF). p. 101. ISBN 84-8158-266-2.

Véxase tamén

Outros artigos

Agüimes

Agüimes é un municipio español pertencente á provincia das Palmas, nas Illas Canarias. Está situado no sueste da illa de Gran Canaria. Posúe varios espazos naturais protexidos.

O municipio ten hoteis e casa de curto aloxamento para poder desenvolver o turismo rural, o que atrae varios centos de visitantes ao ano. Posúe tamén un polígono industrial (o de Arinaga) no que se aloxan máis de 700 empresas.

Antigua, Fuerteventura

Antigua é un municipio canario pertencente á provincia das Palmas. Está situado en parte do centro da illa de Fuerteventura chegando ata a costa este.

Antes da conquista era unha das zonas máis poboadas da illa. Tras a chegada dos casteláns a Fuerteventura convértese nun importante casarío, chegando a ser sede do Partido Xudicial (1834), aínda que só por un ano. Actualmente ten na súa costa un dos máis importantes enclaves turísticos da illa: a Caleta de Fuste.

Artenara

Artenara é un municipio español pertencente á provincia das Palmas (Canarias). Está situado no centro da illa de Gran Canaria. Nace como municipio independente en 1734.

Arucas

Arucas é un municipio español pertencente a provincia das Palmas, nas Illas Canarias. Está situado no norte da illa de Gran Canaria.

Destaca dentro do seu patrimonio histórico-artístico a igrexa de San Xoán Bautista, coñecida popularmente como a catedral de Arucas: aínda que a súa configuración inicial data do século XVII, a igrexa actual foi levantada en estilo neogótico de nova planta a principios do século XX. No seu interior garda un considerable tesouro artístico, con pezas escultóricas de procedencia italiana, pinturas flamengas e da escola andaluza, e obras de Cristóbal Hernández de Quintana.

As Palmas de Gran Canaria

As Palmas de Gran Canaria (en castelán: Las Palmas de Gran Canaria) é unha cidade española e concello, situado na costa nordeste da illa de Gran Canaria, capital da provincia das Palmas, unha das cidades co-capitais da comunidade autónoma das Canarias (xunto con Santa Cruz de Tenerife) e o principal centro urbano do arquipélago das Canarias, cunha área de 100,55 km² e unha poboación de 383.308 habitantes (2010).

Betancuria

Betancuria é un municipio canario pertencente á provincia das Palmas. Está situado na costa oeste da illa de Fuerteventura.

Gáldar

Gáldar é unha cidade e un municipio pertencente ás Illas Canarias, concretamente na provincia das Palmas (España). Está situado ao noroeste da illa de Gran Canaria, lindando con Agaete, Artenara e Santa María da Guía de Gran Canaria. As súas cordenadas son 28°5′N, 15°32′O e ten unha altitude media de 124 m. En Gáldar atópase un dos sitios arqueolóxicos máis represenativos dos que existen en Canarias, a Cova Pintada, que exhibe unha valiosa mostra da arte realizada polos antigos indíxenas canarios.

O actual alcalde é Teodoro Sosa Monzón, do Bloque Nacionalista Rural-NC.

Illas Canarias

As Canarias son un arquipélago do Atlántico, unha das dezasete comunidades autónomas de España e unha das rexións ultraperiféricas da Unión Europea. Está formada por sete illas: El Hierro, La Gomera, La Palma e Tenerife, que forman a provincia de Santa Cruz de Tenerife; e Fuerteventura, Gran Canaria e Lanzarote, que forman a provincia das Palmas. Tamén forman parte das Canarias os territorios insulares do Arquipélago Chinijo (La Graciosa, Alegranza, Montaña Clara, Roque del Este e Roque del Oeste) e a Illa de Lobos, todos eles pertencentes á provincia das Palmas.

O arquipélago está situado fronte á costa noroeste de África, entre as coordenadas 27º 37' e 29º 25' de latitude norte e 13º 20' e 18º 10' de lonxitude oeste, situación que implica unha diferenza dunha hora entre Canarias e o resto de España. A illa de Fuerteventura dista uns 95 km da costa africana. Con todo, son aproximadamente 1.400 km os que separan a Canarias do continente europeo. A pesar disto, a cultura das illas é occidental, a medio camiño entre Europa e Latinoamérica.

As illas, de orixe volcánico, son parte da rexión natural da Macaronesia xunto cos arquipélagos de Cabo Verde, Azores, Madeira e Salvaxes. O seu clima é subtropical, aínda que modificado pola altura e a vertente norte ou sur. Esta variabilidade climática dá lugar a unha gran diversidade biolóxica que, xunto á riqueza paisaxística e xeolóxica, xustifica a existencia en Canarias de catro parques nacionais e que varias illas sexan reservas da biosfera da UNESCO. Estes atractivos naturais, o bo clima e as praias fan das illas un importante destino turístico, sendo visitadas cada ano por preto de 12 millóns de persoas (11 986 059 en 2007, destacando un 29% de británicos, 22% españois peninsulares e un 21% alemáns).A capitalidade da comunidade é compartida entre as súas dúas principais cidades: Santa Cruz de Tenerife e As Palmas de Gran Canaria; a sede do Presidente do Goberno autonómico alterna entre ambas por períodos lexislativos, sendo a sede do Vicepresidente distinta á do Presidente. O Parlamento das Canarias está en Santa Cruz de Tenerife, mentres que a sede da Delegación do Goberno se sitúa nas Palmas de Gran Canaria, existindo ademais unha Subdelegación do Goberno en cada unha das dúas cidades. Así mesmo, hai un equilibrio entre as dúas capitais en canto a consellerías e institucións públicas. Non existen deputacións provinciais como no resto de España, sendo cada illa gobernada polo seu respectivo Cabido, excepto as illas e illotes do Arquipélago Chinijo, os cales son gobernados polo Cabido de Lanzarote, e a Illa de Lobos, gobernada polo Cabido de Fuerteventura.

Ingenio

Ingenio é un municipio canario pertencente á provincia das Palmas. Está situado no sueste da illa de Gran Canaria. O seu nome procede do cultivo e procesamiento da cana de azucre nun enxeño, o que apunta a súa orixe histórica como vila azucreira.

Este municipio acolle, xunto co veciño Telde, ao Aeroporto Internacional de Gran Canaria, un dos máis importantes de España.

En Ingenio consérvanse tradicións canarias como os calados e a artesanía, celebrándose cada verán o seu Festival Internacional de Folclore, coa participación de grupos musicais de países tan dispares como México, Romanía, Colombia, Rusia, Uganda etc.

Hoxe en día, moitos dos seus barrios conservan topónimos referentes ás partes da cana de azucre que se cultivaba nesas zonas: por exemplo, a Bagacera, Carrizal ou O Sequero.

La Oliva

La Oliva é un municipio español pertencente á provincia das Palmas, nas Canarias. Está situado no norte da illa de Fuerteventura. La Oliva foi a capital da illa ata 1880.

Pájara

Pájara é un municipio canario pertencente á provincia das Palmas. Situado en parte do centro da illa de Fuerteventura, abarca tamén todo o sur da illa, que forma a chamada península de Jandía.

San Bartolomé de Tirajana

San Bartolomé de Tirajana é un municipio canario pertencente á provincia das Palmas, ao sur da illa de Gran Canaria.

Presenta forma triangular, cun vértice no interior da illa (a unha altitude de 1.900 m) e unha ancha base que abarca boa parte do litoral sur de Gran Canaria. É o municipio con maior superficie da illa, cubrindo máis da súa quinta parte.

A capital do municipio é San Bartolomé, situada na chamada caldeira das Tirajanas. No municipio atópase a localidade de Maspalomas, principal destino turístico da illa de Gran Canaria.

Teguise

Teguise é un concello canario pertencente á provincia das Palmas, situado no centro da illa de Lanzarote. O municipio esténdese nunha franxa que vai desde a costa leste a oeste e comprende diversas localidades así como as illas e illotes do Arquipélago Chinijo. A localidade de Teguise, coñecida popularmente como "La Villa", foi a capital de Lanzarote ata o traslado en 1847 da sede á cidade de Arrecife.

Teror

Teror, tamén chamada Vila Mariana de Teror, é un concello das Illas Canarias, na provincia das Palmas, no norte da illa de Gran Canaria. Segundo o INE, en 2013, o concello tiña unha poboación de 12761 habitantes.

Tinajo

Tinajo é un concello español pertencente á provincia das Palmas (Canarias). Está situado no oeste da illa de Lanzarote. A súa poboación, segundo o censo do INE de 2011 é de 5.728, o que supón unha densidade de 42,34 hab/km².

As principais industrias son a agricultura (vide, froiteiras, cebolas) e o turismo (deportivo e surf) localizado no barrio da Santa e o Parque Nacional de Timanfaya, que comparte co municipio de Yaiza. En Mancha Blanca atópase a ermida da Nosa Señora das Dores ou dos Volcáns (Patroa de Lanzarote).

Tías

Tías é un concello español pertencente á provincia das Palmas (Canarias). Está situado no leste da illa de Lanzarote. A beiras do océano Atlántico, este municipio limita cos de Yaiza, Tinajo e San Bartolomé.

Está composto polos pobos de Tías, Puerto del Carmen, Mácher, La Asomada, Masdache, Conil e Tegoyo.

Valleseco

Valleseco é un concello español situado nas medianías do norte da illa de Gran Canaria. Pertence á provincia das Palmas.

Constituído en 1842, é o concello máis novo da illa. Anteriormente, o seu territorio formaba parte do concello de Teror.

Tiña en 2015 unha poboación de 3.856 habitantes, repartidos nos barrios de Barranquillo, Carpinteras, El Barranco de la Virgen, El Caserón, El Lomo, El Recinto, Lanzarote, Madrelagua, Monagas, Troyanas, Valleseco, Valsendero, Zamora e Zumacal.

Vega de San Mateo

Vega de San Mateo, tamén coñecido simplemente como San Mateo, é un concello español situado na zona centro-norte da illa de Gran Canaria. Pertence á provincia das Palmas.

Tiña en 2015 unha poboación de 7.668 habitantes, repartidos en diferentes núcleos de poboación: Aríñez, La Bodeguilla, Camaretas, Cueva Grande, Hoya del Gamonal, Las Lagunetas, La Lechucilla, La Lechuza, Risco Prieto, Utiaca, Vega de San Mateo (capital municipal), La Yedra, Cruz de Tejeda, Cruz del Herrero, Cruz del Saucillo, Galas, El Gallego, Lomo Carbonero e La Solana.

Illas Canarias Illas Canarias  · Concellos da provincia das Palmas
Illas e provincias das Illas Canarias
Illas principais
Outras illas
Provincias

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.