Primeiro Concilio de Nicea

O Primeiro Concilio de Nicea[1] foi un concilio ecuménico, aceptado por case toda a cristiandade (agás grupos coma os mormóns), que se celebrou no ano 325.

Nel condenouse o arrianismo, que afirmaba que Xesucristo era inferior a Deus Pai, e estableceuse o coñecido como Credo de Nicea.

O convocante deste concilio foi o emperador Constantino, algo que tivo unha grande carga simbólica, dado que ata había poucos anos (antes do Edicto de Milán de 313) os cristiáns eran sometidos a persecucións dentro do Imperio Romano.

Este concilio foi un dos dous que tiveron lugar na cidade de Asia Menor de Nicea, xunto co Segundo Concilio de Nicea (787).

Primeiro Concilio de Nicea
THE FIRST COUNCIL OF NICEA
Icona ortodoxa representando o concilio
Concilio ecuménico
Data325, en Nicea, Asia Menor
Convocado porEmperador Constantino I
Presidido porAlexandre de Alexandría
AceptaciónIgrexa Asiria do Leste
Igrexa católica
Igrexa ortodoxa
Ortodoxia oriental
Maioría de denominacións protestantes
Principais temasArrianismo, natureza de Cristo, celebración da Pascua e outros.
DocumentosCredo niceno, 20 cánones e unha epístola

Introdución

O Primeiro Concilio de Nicea foi o primeiro concilio ecuménico da Igrexa. De xeito moi significativo, resulto unha primeira declaración de doutrina uniforme, o Credo niceno. A redacción do Credo constituíu un precedente para os seguintes concilios e sínodos locais e rexionais, nos que se estabeleceron declaración de fe e lexislación canónica coa intención de definir unha unidade de crenzas para toda a cristiandade.

O concilio tamén asentou, en certa medida, o debate nas primeiras comunidades cristiás sobre a divindade de Cristo. A idea da divindade de Cristo, xunto coa idea del como mensaxeiro de Deus Pai, xa existira en moitas partes do Imperio Romano, e fora confesada polos cristiáns na Roma pagá.[2] O concilio afirmou e definiu as ensinanzas dos apóstolos sobre a natureza de Cristo: que Cristo é o único Deus, co Pai.

Asistencia

Constantino invitou a os arredor de 1800 bispos da Igrexa, mais asistiu un número menor e descoñecido. Eusebio de Cesarea contou 250,[3] Atanasio de Alexandría contou 318,[4] e Eustacio de Antioquía estimou arredor de 270[5] (os tres estiveron presentes no concilio). Mais tarde, Sócrates Escolástico contou mais de 300,[6] e Evagrio,[7] Hilario de Poitiers,[8] Xerome de Estridón[9] Dionisio o Exiguo,[10] e Rufinus contaron 318.

Asistiron delegados de todas as rexións do Imperio, agás da Britania. Os bispos participantes tiveron permiso para viaxar libremente dende as súas sés ao concilio. Os bispos non viaxaron sós; cada un tiña permiso para levar con el dous sacerdotes e tres diáconos, polo que o número total de asistentes podería ter sido de máis de 1800.

A maioría dos asistentes foron bispos orientais. Deles, o primeiro rango estaba formado por tres patriarcas (o papa non acudiu): Alexandre de Alexandría, Eustacio de Antioquía e Macario de Xerusalén. Moitos dos pais conciliares reunidos (por exemplo, Pafnucio de Tebas, Potamon de Heraclea e Paulo de Neocesarea) destacaran como confesores da fe e acudiron ao concilio coas marcas da persecución. Esta posición é a que mantén o académico patrístico Timothy Barnes no seu libro Constantine and Eusebius.[11] Historicamente se ten considerado a influencia destes confesores como substancial, mais hai estudos recentes que poñen en dúbida este aspecto.[12]

Outros asistentes destacados foron Eusebio de Nicomedia, Eusebio de Cesarea, Nicolao de Myra, Aristakes de Armenia, Leoncio de Cesarea, Xacobe de Nisibis, Hipatio de Gangra, Protóxenes de Sardica, Melitio de Sebastopolis, Aquileo de Larisa e Spyridion de Trimythous. Doutros lugares asistiu Xoán, bispo de Persia e India; Teófilo, un bispo godo; e Stratophilus, de Xeorxia.

Dos latinos chegaron canto menos cinco representantes: Marcos de Calabria, Ceciliano de Cartago, Osio de Córdoba, Nicasio de Die e Domnus de Estridón.

O emperador Constantino I estivo presente como supervisor e presidente, mais non emitiu voto algún. Osio de Córdoba asúmese que presidiu as deliberacións conciliares, sendo un dos legados papais.

Axenda e procedementos

COUNCIL OF NICEA Fresco in the Sistine Salon Vatican t
Fresco representando o concilio.

A axenda do concilio incluía os seguintes temas a tratar:

  1. A controversia arriana sobre a a relación entre Deus Pai e o Fillo, non só na persoa encarnada de Xesús de Nazaret, mais tamén na súa natureza antes da creación do mundo.
  2. A data de celebración da Pascua.
  3. O cisma meleciano.
  4. A validez do bautismo por herexes.

O concilio foi aberto formalmente o 20 de maio, no palacio imperial de Nicea, con debates preliminares sobre a cuestión ariana. Nestes primeiros debates Arrio foi unha figura dominante, xunto a varios dos seus adherentes. Algúns dos bispos mostráronse inicialmente a favor de Arrio.

Eusebio de Cesarea propuxo o credo bautismal da súa propia diocese como unha forma de reconciliación. A maioría dos bispos accederon. Durante algún tempo, os académicos pensaban que o credo orixinal baseábase naquel de Eusebio, mais hoxe se cree que ten orixe no credo de Xerusalén, como ten suxerido Hans Lietzmann.

Os bispos máis ortodoxos conseguiron a aprobación de todas as súas propostas en relación ao credo. Logo dun mes, o concilio promulgou o 19 de xuño do credo niceno orixinal. Este foi adoptado por todos os bispos, con dúas excepcións de bispos libios, asociados a Arrio dende os comezos.

A controversia arriana

Constantine burning Arian books
O sínodo de Nicea, Constantino e a condena a Arrio e ordena a queima das súas obras. Ilustración dun compendio de dereito canónico italiano, ca. 825.

A controversia arriana xurdiu en Alexandría cando o presbítero Arrio comezou a propagar posturas doutrinais cristolóxicas contrarias ás do seu bispo, Alexandre. Os puntos conflitivos centrábanse nas naturezas e na relación de Deus Pai e o Fillo de Deus (Xesús). As discrepancias xurdiron a partir de diferentes ideas sobre a divindade de Deus e sobre o que significaba para Xesús ser o seu Fillo. Alexandre afirmaba que o Fillo era divino exactamente no mesmo sentido en que o Pai é, coeterno co Pai, ou non podería ser o seu verdadeiro Fillo. Arrio salientaba a supremacía e unicidade de Deus, que a divindade do Pai debía ser maior que a do Fillo, que o Fillo tivera un comezo, que non compartía nin a eternidade nin a verdadeira divindade do Pai, senón que era a primeira e máis perfecta das criaturas de Deus.[13]

Os debates sobre o arrianismo no concilio estendéronse dende o 20 de maio do 325 até o 19 de xuño.[13] Segundo moitas crónicas, o debate tornouse tan apaixonado que, nun momento, Arrio foi golpeado no rostro por Nicolao de Myra, máis tarde canonizado.[14]

Grande parte do debate dependía da diferenza entre ser "nado" ou "creado" e ser "xerado". Os arrianos consideraban que eran esencialmente o mesmo, os partidarios de Alexandre non. O significado exacto de moitos dos termos empregados nos debates de Nicea non estaban totalmente claros para os falantes doutras linguas. Termos gregos como "esencia" (ousia), "substancia" (hypostasis), "natureza" (physis) e "persoa" (prosopon) tiñan unha variedade de significados extraídos dos filósofos precristiáns, que levaban a moitos malentendidos. A verba homoousia, en particular, foi inicialmente rexeitada por moitos bispos ao asociala coas herexías gnósticas, que foran condenadas nos Sínodos de Antioquía.

Posición de Arrio (arrianismo)

Segundo as crónicas, Arrio defendía que o Fillo de Deus era unha criatura feita da nada, xerada directamente do Deus Eterno, e que era a primeira creación de Deus, antes de todos os séculos; e que todo fora creado a través do Fillo. Xa que logo, segundo os arianos, tan só o Fillo fora creado directamente creado e xerado por Deus, e por tanto houbera un tempo no que El non existía. Ario pensaba que o Fillo de Deus tiña capaz de actuar a vontade, ben ou mal. Tamén pensaba que, ao ser verdadeiramente un fillo, debía proceder posteriormente ao Pai, e xa que logo debía de existir o tempo cando El non existía, polo que debía ser un ser finito. En consecuencia, Ario pensaba que a divindade do Pai era maior que a do Fillo. Os arrianos citaban as Escrituras, con versículos como "o Pai e mais ca min" (Xoán 14:28)[15] e "de toda criatura el é o primeiro nacido" (Colosenses 1:15)[16]

Posición do concilio

Nikea-arius
O Concilio de Nicea, con Ario representado como derrotado polo concilio, baixo os pés do Emperador Constantino.

Alexandre e os pais conciliares rebateron as teses arrianas, argumentando que a paternidade do Pai, como o resto dos seus atributos, é eterna. En consecuencia, o Pai fora sempre pai, e o Fillo, por tanto, sempre existira xunto a El, en igualdade e consubstancialidade. Os pais conciliares pensaban que seguir o razoamento arriano destruía a unidade de Deus, e convertía ao Fillo en desigual ao Pai. Insistían que este punto de vista era contrario a pasaxes das Escrituras como "Eu e o Pai somos un" (Xoán 10:30)[17] e "a Palabra era Deus" (Xoán 1:1).[18] Xunto a Atanasio, declararon que o Fillo non tiña un comezo, senón unha "procedencia eterna" do Pai, e polo tanto era coeterno con El, e igualmente Deus en todos os aspectos.

Resultado dos debates

O concilio declarou que o Fillo é verdadeiro Deus, coeterno co Pai e xerado da Súa mesma substancia, argumentando que dita doutrina era a que mellor codificaba a presentación que fan as Escrituras do Fillo así como as crenzas tradicionais cristiás sobre El transmitidas polos apóstolos. Baixo a influencia de Constantino, esta crenza foi sintetizada polos bispos na declaración nicena, base do credo niceno.

Cisma meleciano

Artigo principal: Melecio de Licópolis.

A supresión do cisma meleciano, unha seita separatista, foi outro aspecto importante que se debateu no concilio. Decidiuse que Melecio debía permanecer na súa vila de Licópolis, en Exipto, mais sen exercer autoridade nin poder ordenar novos cregos; prohibíuselle entrar na vila ou entrar noutra diocese co propósito de ordenar aos seus súbditos. Melecio mantivo o seu título episcopal, mais os eclesiásticos ordenados por el debían ser ordenados novamente, polo que as ordenacións de Melecio consideráronse inválidas. Os cregos ordenados por Melecio estaban obrigados a deixar precedencia aos ordenados por Alexandre, e non podían facer nada sen o consentimento dos bispo Alexandre. En caso da morte dalgún bispo ou eclesiástico non meleciano, a sé episcopal vacante podería ser dada a un meleciano, de se probar o seu valor e se a elección popular era ratificada por Alexandre. En canto a Melecio, foi privado dos dereitos e prerrogativas episcopais.

Estas medidas, porén, non tiveron éxito; os melecianos uníronse aos arianos e causaron mais disensión que nunca, converténdose nuns dos maiores inimigos de Atanasio. Os melecianos desaparecerían arredor da metade do século V.

Promulgación de dereito canónico

O concilio promulgou vinte novas leis eclesiásticas, chamadas canons. As vinte listadas polos pais nicenos foron as seguintes:

  1. Prohibición da autocastración.
  2. Estabelecemento dun período mínimo para o catecumenado (preparación para o bautismo).
  3. Prohibición da presenza na casa dun crego dunha muller sen parentesco (nai ou irmá) que podería levantar sospeitas contra el.
  4. O bispo debería ser ordenado en presenza de tres bispos da mesma provincia, e a súa elección confirmada polo metropolitano.
  5. Deberían celebrarse dous sínodos provinciais anualmente.
  6. Recoñecemento dunha autoridade excepcional aos patriarcas de Alexandría, Antioquía e Roma (o Papa) nas súas xurisdicións.
  7. Recoñecemento dos dereitos de honor da sé de Xerusalén.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para niceno.
  2. A. H. Newman. A Manual of Church History, D.D.LL.D. I. p. 330. Ao describir os procedimientos do conclio, Eusebio de Cesarea propuxo entón o antigo credo palestino, que recoñecía a natureza divina de Cristo en termos bíblicos xerais. O emperador xa expresara unha opinión favorable sobre este credo. Os arianos estaban dispostos a suscribilo, mais isto espertou sospeitas nos partidarios de Atanasio. Eles querían un credo que ningún ariano puidera suscribir, e insistiron en engadir o termo homoousius, idéntico en substancia.
  3. Eusebio de Cesarea. "Life of Constantine (Book III)". p. Chapter 9 "Of the Virtue and Age of the 250 Bishops".
  4. Ad Afros Epistola Synodica 2
  5. Theodoret, Ecclesiastical History, Bk 1, Ch 7
  6. H.E. 1.8
  7. H.E. 3.31
  8. Contra Constantium
  9. Chronicon
  10. Gustav Terres,"Time computations and Dionysius Exiguus", Journal for the History of Astronomy 15 (1984) 177–188, p.178.
  11. Barnes, Timothy (1981). Constantine and Eusebius. Cambridge: Harvard University Press. pp. 214–215. ISBN 0674165306.
  12. Kelhoffer, James (Inverno de 2011). The Johns Hopkins University Press, ed. "The Search for Confessors at the Council of Nicaea". Journal of Early Christian Studies 19 (4): 589–599.
  13. 13,0 13,1 Leo Donald Davis, S.I. "2 - The Council of Nicaea I, 325". The First Seven Ecumenical Councils (325-787). pp. 52–54. ISBN 9780814656167.
  14. Bishop Nicholas Loses His Cool at the Council of Nicaea. Ver tamén St. Nicholas the Wonderworker Arquivado 10 de setembro de 2012 en Wayback Machine., da páxina web da Igrexa Ortodoxa en América.
  15. 28 Audistis quia ego dixi vobis: Vado et venio ad vos. Si diligeretis me, gauderetis quia vado ad Patrem, quia Pater maior me est. (Nova Vulgata)
  16. 15 qui est imago Dei invisibilis, primogenitus omnis creaturae. (Nova Vulgata)
  17. 30 Ego et Pater unum sumus. (Nova Vulgata)
  18. 1 In principio erat Verbum, et Verbum erat apud Deum, et Deus erat Verbum. (Nova Vulgata)
Ano bisesto

O ano bisesto é aquel que posúe un día a máis cós anos comúns. O obxectivo é manter o calendario utilizado en sincronía cos eventos estacionais relacionados coas estacións do ano. No caso do calendario gregoriano, asígnaselle 1 día extra cada 4 anos no mes de febreiro, que pasa a ter 29 días (e o ano 366 días) en vez de 28 como nos anos comúns de 365 días, co fin de equilibrar a duración do ano solar co calendario.

Arianismo

O arianismo foi unha doutrina cristolóxica desenvolvida por Ario de Alexandria no século IV, negaba que Cristo e Deus fosen da mesma natureza e vía o Fillo como un ser divino creado polo Pai, a primeira das criaturas vindas ao mundo pola vontade de Deus, pero inferior a el. Negaba, polo tanto, a "consustancialidade" do Pai e do Fillo. O Primeiro Concilio de Nicea (325) condeouno como unha herexía, despois de moitas discusións, pero sobreviviu entre os xermanos ata o século VIII.

Ario

Ario foi un presbítero alexandrino, configurador do arianismo, morto no 336, o día anterior ao fixado polo emperador Constantino para que se reconciliase coa Igrexa, asunto tratado no Primeiro Concilio de Nicea no ano 325.

Bispo

Un bispo (do grego do Novo Testamento ἐπίσκοπος, epískopos, "supervisor", "gardián") é un membro do clero cristián que ostenta unha posición de autoridade. Dentro das igrexas católica, ortodoxa, anglicana e veterocatólica, así como na Igrexa Asiria Oriental, os bispos pretenden ter sucesión apostólica, é dicir, unha liña directa descendente dos Doce Apóstolos. Dentro destas igrexas, os bispos son aqueles que recibiron o sacerdocio no seu máximo grao, é dicir, o episcopado, e quen poden ordenar sacerdotes e bispos. Algunhas igrexas protestantes e metodistas teñen bispos con funcións similares, aínda que non considéranse herdeiros dos Apóstolos.

O termo epískopos non estaba nos comezos do cristianismo claramente diferenciado do termo presbýteros ("ancián", hoxe en día co significado de sacerdote), pero o termo xa era empregado no seu sentido actual, distinto de sacerdote, nos escritos de Ignacio de Antioquía (finado arredor de 108), e as fontes de mediados do século II xa amosan como todos os centros do cristianismo organizábanse arredor da figura do bispo, empregando unha forma de organización que non variou até a reforma protestante.

Década de 320

A década de 320 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 320 e remata o 31 de decembro de 329.

Década de 380

A década de 380 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 380 e remata o 31 de decembro de 389.

Encarnación

A encarnación é unha crenza común á maioría das confesións do cristianismo, que sosteñen que Deus se fixo home en Xesús de Nazaret. Trátase dun dogma fundamental que foi obxecto de enormes disputas no seu xeito de ser entendido. Dende o adopcionismo ata o monofisismo, pasando polo arianismo, o nestorianismo e o monotelismo.

Estridón

Estridón (en latín: Strido Dalmatiae) foi unha cidade na provincia romana de Dalmacia. A súa localización exacta é descoñecida. A cidade coñécese especialmente por ser o lugar onde naceu Xerome de Estridón. Tamén era de aquí Domno de Estridón, un bispo que participou no Primeiro Concilio de Nicea, e o sacerdote Lupicino de Estridón. En 379 a cidade foi destruída polos godos. Xerome escribiu sobre iso na súa obra De viris illustribus: «Hieronymus patre Eusebio natus, oppido Stridonis, quod a Gothis eversum, Dalmatiae quondam Pannoniaeque confinium fuit...».

É posíbel que Estridón estivese situada no territorio da actual Croacia ou Eslovenia. Posíbeis localizacións son: Sdrin, Štrigova, Zrenj (Croacia), Starod (Eslovenia).

Eusebio de Cesarea

Eusebio de Cesarea, nado en Cesarea de Palestina contra o 265 e finado contra o ano 340, foi un bispo e escritor en grego.

Herexía

No cristianismo, a herexía, é unha opinión ou doutrina mantida en oposición ao dogma de calquera igrexa ou credo considerado ortodoxo.

Igrexas ortodoxas orientais

As Igrexas ortodoxas orientais son aquelas Igrexas cristiás orientais que aceptan tan só os tres primeiros concilios ecuménicos (Primeiro Concilio de Nicea, Primeiro Concilio de Constantinopla e Primeiro Concilio de Éfeso). Rexeitaron as definicións dogmáticas do Concilio de Calcedonia do 451. Tamén son coñecidas como igrexas orientais antigas, miafisitas ou non calcedonianas; e descritas tanto polo cristianismo occidental como pola Igrexa Ortodoxa como igrexas monofisitas (aínda que elas mesmas rexeitan esta descrición como inexacta, por ter rexeitado as ensinanzas de Nestorio e Eutiques). Estas igrexas están en plena comuñón entre elas, aínda que son totalmente independentes.

Non se debe confundir ás igrexas ortodoxas orientais coas diferentes igrexas ortodoxas. A comuñón ortodoxa oriental abrangue seis igrexas: a Igrexa Ortodoxa Copta, a Igrexa Ortodoxa Etíope, a Igrexa Ortodoxa Eritrea, a Igrexa Ortodoxa Siríaca, a Igrexa Ortodoxa Siria Malankara e a Igrexa Apostólica Armenia. Estas igrexas, malia estar en comuñón entre elas, son xerárquicamente independentes.

Liberio, papa

Liberio I, nado en Roma, converteuse no 36º papa o 17 de maio de 352.

As polémicas mantidas cos arianos comportaron a elección de Fiz II como antipapa.

Liberio promoveu a construción da Basílica de Santa María a Maior de Roma, edificada sobre o perímetro que el mesmo trazou logo dunha nevada un 5 de agosto.

Faleceu o 24 de setembro de 366.

Lista de papas

Esta é unha lista sucesoria dos Papas considerados pola Igrexa católica, con indicación dos seus anos de pontificado. Caben algunhas notas:

O título de papa non existía antes de 306, e ata 325, co Primeiro Concilio de Nicea, exercía apenas a función dun metropolita, como bispo de Roma.[Cómpre referencia]

Nunca houbo un Papa Xoán XX, nin un Papa Martiño II ou Papa Martiño III (aínda que sexan así designados por veces os Papas Mariño I e Mariño II). Para a numeración dos papas con nome Estevo, consulte Estevo, papa electo.

Os nomes máis comúns son Xoán (último: XXIII, aínda que non houbese Xoán XVI ou Xoán XX), Gregorio (XVI), Bieito (XVI), Clemente (XIV) e Inocencio e León (XIII).

Os antipapas son mostrados en itálica.

Mileto, Grecia

Mileto (Μίλητος) foi unha cidade de Xonia, a principal da rexión. Estaba situada no extremo norte dunha península que ao suroeste formaba o golfo Látmico co monte Grión. A cidade estaba na ribeira do río Meandro, preto da desembocadura.

Pascua cristiá

A Pascua (grego: Πάσχα) é a festividade relixiosa máis importante do ano litúrxico cristián en conmemoración da resurrección de Xesús de entre os mortos, segundo conta o Novo Testamento, o terceiro día desde a súa crucifixión. Os cristiáns celebran esta resurrección o Domingo de Pascua ou Resurrección, dous días despois do Venres Santo e tres despois do Xoves Santo.

A Pascua tamén se refire ó Tempo Pascual, período do ano litúrxico cristián, que tradicionalmente duraba corenta días entre o Domingo de Pascua e a Ascensión pero agora dura cincuenta días ata Pentecoste, a primeira semana coñécese como Semana Santa. A Pascua marca tamén a fin da Coresma, época de xaxún, oración e penitencia.

A Pascua é unha festa que non ten data fixa en relación co calendario civil. O Primeiro Concilio de Nicea (325) estableceu o día de Pascua como o primeiro domingo despois de lúa chea tralo equinoccio de primavera, eclesiasticamente establecido o 21 de marzo, na práctica a data varía entre o 22 de marzo e o 25 de abril para a Igrexa católica latina e as protestantes que basean os seus cálculos no calendario xuliano, as igrexas orientais, que se basean no calendario gregoriano celébrana entre o 4 de abril e o 8 de maio.

A Pascua cristiá está relacionada coa Pascua xudía, a Pessach, non só no simbolismo senón tamén pola súa disposición no calendario

Nas celebracións modernas da Pascua introducénse novos elementos, como en Galicia o ovo de Pascua ou a rosca de Pascua que os padriños regalan ós afillados, que celebran tanto cristiáns como non cristiáns. Tamén hai unhas poucas confesións cristiás, como os cuáqueros, que non celebran a Pascua.

Segundo Concilio de Nicea

O Segundo Concílio de Niceia foi o sétimo concilio ecuménico do cristianismo, e o último en ser aceptado tanto pola Igrexa Católica como pola Ortodoxa. Reuniuse do 24 de setembro ao 23 de outubro de 787 en Nicea (sede do Primeiro Concilio de Nicea; agora İznik en Turquía). O tema central foi a lexitimidade da veneración de imaxes de santos que suprimira un edicto do Imperio Bizantino durante o reinado de León III (717 - 741), e que seu fillo Constantino V (741 - 775) aplicara ferreamente.

Siricio, papa

Siricio (Roma, ca 334 - 26 de novembro de 399) foi o 38° papa da Igrexa católica, que o venera como santo. Desde o 17 de decembro de 384 até a súa morte, foi o sucesor do Dámaso I e foi sucedido por Anastasio I. Foi autor de dous decretos sobre o celibato clerical.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.