Primeiro Concilio de Braga

O I Concilio de Braga foi un concilio que tivo lugar na cidade homónima do Norte de Portugal (entón capital do reino dos Suevos), entre o 1 de maio de 561 e 563, por ordenamento do rei Teodomiro. Presidiuno Martiño de Dumio, bispo titular de Braga e de Dume. Acudiron bispos da Gallaecia e do norte da Lusitania.

Tivo o apoio do Papa Xoán III, e declarou anatema todos aqueles que acreditasen en doutrinas de tipo maniqueísta, como os priscilianistas.

O concilio remarcou a doutrina da Santa Trindade, segundo a cal hai un só Deus que existe en tres persoas: Pai, Fillo e Espírito Santo, contrariamente á afirmación priscilianista de que só existía unha persoa.

Así mesmo lembrou a crenza católica da existencia de Deus Fillo antes de nacer da Virxe María.

André de Iria

André é o primeiro bispo da diocese de Iria documentado ata agora, que asistiu ao Primeiro Concilio de Braga no ano 561, ao de Lugo (569) e ao Segundo de Braga (572).

Arquidiocese católica latina de Santiago de Compostela

A arquidiocese de Santiago de Compostela é a diocese ou bispado (territorio eclesiástico da Igrexa católica rexido por un bispo) cuxa sé eclesiástica é a catedral de Santiago de Compostela en Santiago de Compostela.

Carriarico

Segundo Gregorio de Tours na súa Historia Francorum, Carriarico foi un rei suevo de Galiza entre os anos 550 e 559, responsable da conversión dos suevos ao catolicismo. Sucedeuno Teodomiro.

Chronicon Iriense

O Chronicon Iriense é unha curta crónica medieval en latín sobre a historia da diocese de Iria Flavia (predecesora da arquidiocese de Santiago de Compostela), entre os anos 561 e 982.

Concilios de Braga

Durante a Idade Media, realizaronse moitos concilios eclesiásticos na cidade de Braga, metrópole da provincia eclesiástica do Reino Suevo e, mais tarde, do reino de Portugal:

Concilio de Braga (411), probabelmente unha invención de Frei Bernardo de Brito;

Primeiro Concilio de Braga (561), presidido por Martiño de Dumio;

Segundo Concilio de Braga (572), presidido por Martiño de Dumio;

Terceiro Concilio de Braga (675), presidido por Leodegisius;

Concilio de Braga (1278-1280)

Concilio de Braga (1301)

Concilio de Braga (1328)

Concilio de Braga (1436)

Concilio de Braga (1488)

Concilio de Braga (1537)

Diocese de Iria

A diocese de Iria (en latín: Diocesis Iriensis) foi unha sede territorial galega da Igrexa Católica, predecesora da Diocese de Santiago de Compostela e finalmente da Arquidiocese de Santiago de Compostela.

Historia de Galicia

A historia de Galiza comeza co nacemento da propia Galiza, que é fixado tradicionalmente arredor do 19 a. C., cando o Imperio Romano logra anexionar definitivamente os pobos galaicos —kallaikoi segundo o autor grego Estrabón— unificándoos por vez primeira na historia e denominando ó seu territorio como Gallaecia —terra dos callaeci—, e que acabaría derivando nos actuais nomes Galicia ou Galiza, motivo polo que é considerada como unha das entidades político-administrativas máis antigas de toda Europa.

O feito de que no ano 298 d. C. o emperador Diocleciano decidise elevala ao rango de provincia consular —ampliando así tamén o seu territorio— supuxo un acrecentamento da súa cohesión política, pois desta maneira pasaba a estar baixo o goberno dun cónsul romano. A súa definitiva consolidación estatal chegaría no ano 409 d. C., cando o rei suevo Hermerico funda nela o primeiro reino de Galiza, afianzando a existencia de Galiza ata os nosos días.

A ocupación humana do territorio correspondente á actual Galiza, non obstante, é moito máis antiga cá chegada de Roma, existindo testemuños arqueolóxicos que certifican o seu poboamento desde o Paleolítico inferior. Estas poboacións recibiron diversas achegas culturais durante milenios, formando parte xa na Idade de Bronce da área cultural atlántica que se deu entre as terras máis occidentais de Europa. A finais da Idade de Ferro estas poboacións autóctonas formaban unha unidade cultural, que os romanos denominaron como galaicos e que supoñen o principal substrato da poboación actual en Galicia.

Do mesmo xeito, durante os séculos seguintes Galiza recibiu sucesivos asentamentos de xente, entre os que destacan romanos, suevos e bretóns, que non só se integraron na poboación autóctona senón que tamén influíron decisivamente na súa vida, como foi o caso da cultura romana que propiciou a formación dunha nova lingua autóctona, o galego. Ata o ano 1833 mantívose coma un reino, no ano 1933 recibe o recoñecemento internacional da súa realidade nacional e desde 1981 organízase xurídica e administrativamente como unha comunidade autónoma dentro do Estado español.

Martiño de Dumio

San Martiño de Dumio, nado en Panonia (actual Hungría) contra 510 ou 520 e finado en Braga no 579 ou 580, tamén chamado san Martiño Dumiense, san Martiño de Dume ou san Martiño de Braga, foi un relixioso cristián do século VI.

Está considerado como o apóstolo dos suevos, responsable maior da súa conversión do arianismo ao catolicismo. A súa obra eclesial e literaria, presentando un cristianismo adaptado aos diferentes grupos de poboación; a súa preocupación por transmitir valores procedentes da Antigüidade clásica; a predicación dun crisitianismo ortodoxo en tempos de herexía e as súa relacións cos reis suevos, anuncian o ideal episcopal de Leandro e Isidoro de Sevilla.Foi bispo de Dumio e de Braga.

Reino de Galicia

O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.

Consolidada Compostela como capital do reino desde o século XI, a separación de Portugal (1128) e a individualización dos reinos de Castela e León tras o ano 1065, delimitaron o seu territorio practicamente ó actual. Mantivo unha soberanía política plena —compartindo rei co reino de León— ata o ano 1230 cando o rei castelán Fernando III usurpou o trono poñendo temporalmente o reino baixo control da coroa de Castela.

Os conflitos sucesorios e as tentativas de independencia mediante entronizacións de reis non casteláns como Xoán de Borgoña (1296), Fernando I de Portugal (1369) ou Xoán de Gante (1386) permitíronlle gozar de soberanía fáctica ata que en 1486 os Reis Católicos someteron o reino polas armas. Desde entón o reino estivo subxugado á coroa de Castela (1486-1715) e posteriormente á coroa de España (1715-1833), adquirindo a súa Xunta Suprema (1808-1812) amplas liberdades ó ser o único reino peninsular libre de ocupación napoleónica, pouco antes de ser disolto por María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias en 1833.

Reino suevo

O reino suevo ou reino suevo de Galiza configúrase como a estrutura política máis antiga das actuais rexións da Galiza e o norte e centro de Portugal. despois da caída do Imperio Romano. É o primeiro estado medieval, e o primeiro en separarse do Imperio Romano e cuñar moeda.

Os suevos eran un pobo xermánico que entraron no noroeste da Península Ibérica en 409 ou 410 nunha vaga migratoria ou guerreira, mais con pouca poboación (entre vinte mil e trinta e cinco mil persoas). Tomaron o control do territorio rapidamente mais, debido ao seu número reducido, non modificaron grandemente a estrutura nin a cultura dos territorios onde se asentaron.

O Cronicón de Hidacio é unha das fontes que máis datos nos fornecen sobre a estadía deste pobo no noroeste peninsular e posúe gran valor por tratarse dunha fonte contemporánea dos feitos sinalados.

O sistema monetario Galaico-Suevo foi o primeiro en emanciparse do Imperio Romano.

A Igrexa galega transformouse nunha institución política do Reino e formalizouse a distribución interior demográfica de Galiza en parroquias, erixidas en boa parte sobre asentamentos prerromanos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.