Premio das Artes e das Letras de Galicia

O Premio das Artes e das Letras de Galicia (ou Premio das Letras e das Artes de Galicia), concedíao a Xunta de Galicia en recoñecemento a personalidades destacadas na creación artística en Galicia. Creado en 1995, contaba cunha dotación económica que foi dos cinco millóns de pesetas aos 36 000 euros. Foi derogado en 2006, despois de once edicións.[1]

Premiados

Notas

  1. "Decreto 59/2006, do 30 de marzo, polo que se derroga o Decreto 288/1994…" DOG 71 de 11/4/2006.
  2. "El antropólogo Antón Fraguas, premio de las Artes y las Letras de Galicia". El País (en castelán). 18/5/1995.
Antón Fraguas

Antón Fraguas Fraguas, ou Antonio Fraguas Fraguas, nado en Insuela, na parroquia de Loureiro (Cotobade), o 28 de decembro de 1905 e falecido en Santiago de Compostela o 5 de novembro de 1999, foi un destacado historiador, etnógrafo, antropólogo e xeógrafo galeguista. En 1923 fundou, xunto con outros compañeiros, a Sociedade da Lingua, que tiña como principais obxectivos a defensa da lingua e a elaboración dun dicionario. Foi membro das Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos e catedrático de ensino secundario depurado polo franquismo. Formou parte do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e da Real Academia Galega, foi director e presidente do Museo do Pobo Galego, membro do Consello da Cultura Galega e Cronista Xeral de Galicia. Dedicouse ó estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos, con especial atención e mestría á antropoloxía. A súa figura foi recoñecida en vida co Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba, o Premio Otero Pedrayo, o Premio das Artes e das Letras de Galicia e o Premio San Martiño de normalización lingüística. O 7 de xullo de 2018 a Real Academia Galega, decidiu, en sesión plenaria, que Fraguas sería o escritor homenaxeado o Día das Letras Galegas do ano 2019, coincidindo co vixésimo aniversario do seu pasamento.

Domingo García-Sabell

Domingo García-Sabell Rivas, nado en Santiago de Compostela o 8 de outubro de 1909 e finado na Coruña o 5 de agosto de 2003, foi un médico, escritor, político e académico galego.

Francisco Fernández del Riego

Francisco Fernández del Riego, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913, e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010 ós 97 anos, foi un intelectual galego. Escribiu cos pseudónimos de Salvador Lorenzana e Cosme Barreiros. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.

Foi un dos principais artífices da editorial Galaxia e director xunto a Ramón Piñeiro da revista Grial nos seus primeiros cen números. Ensaísta e narrador, é autor dunha extensa obra centrada sobre todo na cultura e na literatura galega. Fernández del Riego pertence á xeración de intelectuais xurdidos arredor do grupo Nós.

Isaac Díaz Pardo

Isaac Díaz Pardo, nado en Santiago de Compostela o 22 de agosto de 1920 e finado na Coruña o 5 de xaneiro de 2012, foi un intelectual, artista e empresario galeguista que se impuxo a tarefa de preservar, fortalecer e reconstruír a cultura e a memoria de Galicia, acometendo facetas de empresario cultural, deseñador industrial, escritor, editor, promotor e mecenas de proxectos.

Leopoldo Nóvoa

Leopoldo Nóvoa García, nado en Salcedo (Pontevedra) o 17 de decembro de 1919 e finado en París o 23 de febreiro de 2012 foi un pintor e escultor galego.

Lois Tobío Fernández

Lois Tobío Fernández, nado en Viveiro o 13 de xuño de 1906 e finado en Madrid o 13 de marzo de 2003, foi un diplomático, escritor e tradutor galego. Trala proclamación da Segunda República o 14 de abril de 1931, a sección do seminario que coordinaba Tobío propuxo redactar un Anteproyeito de Estatuto da Galiza, que deu pé ao Estatuto de Galicia de 1936. Traduciu textos de ficción, ensaísticos, filosóficos, políticos e económicos.

Xosé Filgueira Valverde

Xosé Fernando Filgueira Valverde, nado en Pontevedra o 28 de outubro de 1906 e finado na mesma vila o 13 de setembro de 1996, foi un historiador, arqueólogo, antropólogo e escritor polígrafo galego, de abundante produción literaria e humanística.

Cofundou o Seminario de Estudos Galegos, dirixiu o Instituto Padre Sarmiento e o Museo de Pontevedra. Presidiu o Consello da Cultura Galega e foi membro da Real Academia Galega. Persoa de fonda cultura humanista e de obra extensa e divulgativa nunha época na que as institucións que hoxe cumpren esa función non a cumprían ou non existían.

Adicóuselle o Día das Letras Galegas de 2015 polo seu traballo divulgativo a prol da lingua e da cultura galega. Trátase dunha figura que suscita controversia e ao mesmo tempo resulta un persoeiro fundamental no decorrer da cultura e literatura galegas ao longo do século XX.

Xosé López Calo

José López Calo, nado en Nebra, no concello de Porto do Son o 4 de febreiro de 1922, é un sacerdote católico xesuíta e musicólogo galego. Salientan os seus estudos sobre a música do Códice Calixtino e é membro correspondente da Real Academia Galega dende 1967 .

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.