Prehistoria en Galicia

Historia de Galicia
Descripcion Reyno de Galizia de Ojea

Este artigo é parte da
Categoría:Historia de Galicia

Prehistoria
O megalitismo
Idade de Bronce
Idade de Ferro
Cultura castrexa
Idade Antiga
Galaicos
Romanización
Cultura galaico-romana
Cristianización
Antigüidade tardía
Monarquía sueva
Chegada dos bretóns
Monarquía visigoda
Idade Media
Período altomedieval
Era Compostelá
Período feudal
Idade Moderna
Antigo Réxime
Ilustración en Galicia
Idade Contempóranea
A Restauración borbónica
Segunda República
Guerra civil española
Ditadura franquista
Período autonómico
Véxase tamén
Historia da lingua galega
Reino de Galicia
Galicia
Cronoloxía do Reino de Galicia

O Paleolítico

Paleolítico inferior

As primeiras probas líticas de presenza humana en Galiza remóntanse a hai uns 300.000 anos, no Paleolítico inferior, durante o Plistoceno Medio. Apareceron restos destes poboadores por todo o litoral, desde Ribadeo ata A Guarda. Estes restos son instrumentos líticos bifaces como fendedores e triedros feitos sobre unha base de cuarzo ou cuarcita, o que nos mostra unha industria acheuliano.

Así se agarraba o biface

Coñécense dúas culturas: o Paleolítico inferior arcaico (ou "cultura dos cantos tallados") e o Paleolítico inferior clásico ou acheuliano. A técnica é máis simple na primeira delas. As industrias son simples e o número de tipos reducido. Para tallar percutíase directamente cun percusor duro sobre outro canto e das lascas que se desprendían obtíñase unha aresta cortante. Deste período son os asentamentos da Piteira (Toén), A Chaira (San Cibrao de Las), Pazos (San Cibrao das Viñas), Chan de Cereixo (A Portavedra, Gondomar), Arbo[1] e as Gándaras de Budiño (Porriño) e Camposancos (A Guarda).

Vivían en hordas, é dicir, grupos de cazadores-recolectores que practicaban o nomadismo. Alimentábanse dos froitos que recollían e da caza (bóvidos, cápridos, équidos e cérvidos), que practicaban en tribos. Tamén botaban man da pesca e da recollida de marisco, cando vivían en zonas nas que podían facelo.

Paleolítico medio

Ursus spelaeus Sergiodlarosa
Na cova Eirós (Triacastela) acháronse restos do oso das cavernas

No Paleolítico medio a industria característica é a musteriense, non homoxénea, elaborada polo home de neandertal, do que se documenta a súa presenza no noroeste peninsular grazas ó achado de restos na Cova Eirós, en Triacastela, con materia orgánica e ferramentas do Paleolítico medio[2]). A este período corresponden parte dos asentamentos das Gándaras de Budiño e do Campo da Mama (A Veiga).

Paleolítico superior

Hai máis datos do Paleolítico superior (30.000 e 8.000 a.C.). Desta época consérvanse instrumentos tanto de pedra como de óso, realizándose neste material puñais, arpóns, agullas etc. En Galiza houbo con abundantes abrigos baixo rocha, nos que se atoparon unha industria Aziliense a base de sílex, cristal de rocha, pórfiros cuarcíticos, cuarzos e cuarcitas. As ferramentas máis características son os burís, as tesoiras de dorso rebaixado e as raspadeiras. Non se achan en Galiza obras de arte rupestre por carecer de covas importantes.

O que si hai é arte moble, no que destacan os colgantes. Os asentamentos máis importantes deste período son os de Pena Grande (Vilalba), Prado do Inferno I (Muras), Pena Grande de Férvedes (Lousada, Xermade) e as covas de Valdavara (Becerreá).[3] Deste período son os restos humanos humanos máis antigos que se conservan dos achados en Galiza[4] -no Courel-, así como os primeiros ósos de uro (o antigo boi salvaxe europeo, Bos taurus primigenius, antecesor da vaca doméstica) que se descobren en Galiza. A datación por carbono 14 estimou para os seres humanos unha antigüidade entre 10 000 e 8 000 anos, e para os uros cifrouse nuns 8 000 anos.

O Mesolítico

O Mesolítico, que tamén é chamado Epipaleolítico, sitúase aproximadamente entre o 8000 a.C. e o 5000 a.C. Prodúcense importantes cambios no clima, que se fixo máis cálido e húmido, recúan os glaciais e desaparecen a meirande parte dos animais de caza maior, coma o bisonte. Aparecen bosques, sobe o nivel do mar e mudan flora e fauna.

Como o bisonte era o animal que lles proporcionara maiores usos[Cómpre referencia] (para alimento, confeccionar pezas de pel etc.), tiveron que mudar os seus métodos e perfeccionar a caza, facer máis variada a recolección de froitos e verduras, e incrementar a pesca e o marisqueo. Prodúcense tamén os primeiros ensaios da agricultura e da gandería.

Atopáronse asentamentos adxudicados a esta etapa na zona limítrofe entre as provincias da Coruña e Lugo. No val de Arnela existen lugares que proporcionaron burís, perforadores e raspadoiros. Desta época hai arte moble, probabelmente relacionada coa concepción relixiosa que tiñan os habitantes daquela época da nosa terra.

O Neolítico

Artigo principal: Megalitismo en Galicia.

Desenvólvese entre o 5000 e o 3000 a.C. o período denominado Neolítico, caracterizado principalmente polo nacemento da agricultura e a domesticación de animais, ademais da cerámica. Ao cultivar os alimentos e criar animais, houbo máis posibilidades de se alimentar, co que aumentou a poboación.

O clima fíxose aínda máis cálido e húmido, o que favoreceu o crecemento da vexetación. Os habitantes da Galiza desta época ocuparon zonas altas, por ter unha vexetación menos frondosa, e ser a terra menos dura para traballala. A vexetación predominante estaba composta de carballeiras, sobreiras, ulmos, freixos, abeleiras...

Dolmen Pedra Cuberta
Dolmen de Pedra Cuberta, exemplo de monumento megalítico, en Vimianzo

Desta época data o Megalitismo, é dicir, a construción de grandes monumentos de pedra. Estes monumentos atopámolos por toda Galiza, dende a beiramar ata as altas montañas orientais. Atópanse dous tipos de construcións megalíticas, os dolmens e menhires, repartidos por toda a comunidade.

Estas xentes deberon practicar unha agricultura itinerante de roza, o que fala dun seminomadismo. Tamén debía ser importante a gandería, sobre todo de ovellas, cabras e vacas, así como a caza, xa que no interior das antas se atoparon puntas de frecha, empregadas especialmente na actividade venatoria. Tamén debeu ser importante para a súa alimentación o marisqueo na beiramar.

Foron uns grandes especialistas no traballo da pedra, empregando granitos ou lousas para edificar, mentres que para os obxectos pulimentados prefiren as rochas metamórficas, e para adornos ou como materiais rituais utilizan acibeches ou blenda.

Os materiais máis abondosos desta época son de pedra, con instrumentos como puntas de frecha, machados, lascas, ciceis, coitelos, aixadas, mazas...

Tamén se puideron atopar contas de colar de cor verde, placas perforadas, prismas de seixo cristalizado e idoliños. Sábese que facían obxectos cerámicos, que presentaban unha decoración impresa con cunchas de bivalvos.

No Dolmen de Dombate ou no de Axeitos atopáronse ídolos ou representacións de antepasados, ou dos vivos que están presentes, sen estar clara aínda a súa función.

Algunhas antas apareceron cos chantos da cámara ou, nalguns casos, do corredor, cunha decoracións gravadas, sendo posíbel que algunhas estivesen pintadas. Os motivos son irregulares ou ondulados, circos concéntricos, idoliformes, cruciformes...

Grecia e Roma

Sábese que en Galiza houbo asentamentos de poboación dende épocas prehistóricas que se remontan 300.000 anos no pasado.

Os gregos (así o constata Estrabón, c. 63 a.C. - c. 24 d.C.) coñecían os habitantes deste extremo peninsular co nome de Kallaikoi. Os romanos integraron no seu imperio este territorio serodiamente, xa a finais do século I a.C e máis tarde aínda, co emperador Diocleciano, no século III, designouse como provincia romana co nome de Gallaecia, seguindo o topónimo antigo. Non hai que confundir os pobos kallaikoi cos galos da latina Gallia. Son asentamentos completamente distintos.

Os preceltas e os celtas de Galiza

La Civilización Céltica en Galicia, F. López Cuevillas, 1953 Santiago de Compostela
La Civilización Céltica en Galicia, F. López Cuevillas, 1953.

O estudo e a ensinanza deste tema é algo moi complexo, debido sobre todo á opinión persistente, tan divulgada como errónea, de que esta rexión fora a máis celtizada da Península Ibérica. Os arqueólogos, historiadores e investigadores de todas as épocas, á vista dos achados arqueolóxicos e coa axuda dos escritos de gregos e romanos, contan como puido ser e en que consistiu a chegada de certos grupos célticos a esta rexión. Son estudosos da historia que foron directamente ás poucas fontes que poden manexar, sen conformarse con traducións anteriores, moitas veces mal interpretadas e que puideron ver as numerosas pegadas deixadas polos celtas, ó longo e ancho de Galiza, como os castros.

Semella que algúns grupos do pobo celta que chegara ata o sur da Península Ibérica non atoparon acomodo nestas terras e iniciaron outra viaxe migratoria, en distintas etapas xa tardías, cara ó norte, a través de terras lusitanas. Esta situación de emigrantes celtas dende o sur, polo oeste, cara ó norte, é bastante inqueda e non chegan a estabilizarse na rexión galaica ata o século I a.C., cando xa se atopaba bastante hispanizada. É o grupo coñecido como sefes, que se move cara o século III a.C. e que van situándose algúns entre o río Texo e o río Douro e outros, como xa se dixo, os que seguen cara Galiza.

Britonia6hcentury
Asentamentos britanos arredor do s. VI d.C.

Ao mesmo tempo que isto ocorría, producíase nas costas galaicas o desembarco de xentes nórdicas procedentes da Bretaña. A arqueoloxía acreditao así a través dos achados de punta Neixón na ría de Arousa, na provincia da Coruña.

Os celtas sefes atoparon estas terras bastante poboadas. Estrabón asegura que había unhas 50 tribos de pobos diferentes, mentres que Plinio di que eran máis de 65. O profesor (historiador, arqueólogo e escritor) Florentino López Cuevillas na súa obra La civilización céltica en Galicia (Porto y C.ía Editores, 1953), despois de expoñer un estudo exhaustivo sobre o aspecto político e xeográfico, asegura que todas estas tribos, na maior parte, non eran celtas. A relación de tribos pre-célticas que se pode dar é bastante extensa:

Ethnographic Iberia 200 BCE
Principais áreas lingüísticas na Península Ibérica, amosando en azul as linguas pre-celtas e celtas, c. 200 a.C.
Oestrimnios (relacionados cos lígures (e comúns de países bretóns, ingleses e irlandeses), que permaneceron ata a chegada dos romanos), albións, seurros, tiburos, bibalos, caporos, zoelas, nobiagoi, abii, tirii, veasmini, salassi, rilenii, helenios, grovios etc., todos eles asentados dende a Idade de Bronce, é dicir, antes do 600 a.C.

Este é fondo da poboación precéltica, que é a mesma que a normanda, inglesa e irlandesa. Destes poboadores proceden as semellanzas étnicas entre estes pobos e non da chegada dos celtas. As analoxías entre galegos e irlandeses actuais non veñen dun parentesco céltico, senón dunha comunidade étnica anterior que se remonta a 2.000 anos atrás.

As tribos celtas dos sefes acabados de chegar superpuxéronse a estoutras máis antigas e adaptáronse bastante ben, crese que polo seu carácter afín indoeuropeo. Foron os celtas os que se acomodaron e a súa influencia foi, na maioría dos casos, tardía e esporádica, segundo se pode saber pola confirmación do estudo da arquitectura e a metalurxia. A dita poboación autóctona máis antiga conservou a súa destacada personalidade lingüística e cultural e tamén soubo intercambiar aspectos culturais coa civilización céltica. Houbo un verdadeiro troco de costumes e de coñecementos.

Notas

  1. "Hallan en Arbo uno de los yacimientos más antiguos de Galicia y que permitirá extraer nueva información del Paleolítico", 20 minutos (en castelán).
  2. "Hallados en Triacastela los mejores restos neandertales en Galicia". El Progreso de Lugo (en castelán). Consultado o 2018-07-05.
  3. "Valdevara tiene restos de entre 17.000 y 3.500 años". El Progreso de Lugo (en castelán). Consultado o 2018-07-05.
  4. "Descubren en O Courel los restos humanos más antiguos de Galicia" (en castelán).

Véxase tamén

Outros artigos

Arte de Galicia

A arte de Galicia tivo unha evolución paralela á do resto da arte europea, seguindo de formas diversas as múltiples tendencias que se teñen producido no contexto da historia da arte occidental. A historia da arte galega mostra as manifestacións culturais e artísticas ao longo do tempo dende os primeiros asentamentos humanos até a actualidade. Dende o paleolítico á cultura contemporánea, a arte feita en Galicia ten certas características propias, alimentada polas correntes traídas por outros pobos. A arte sempre foi un dos principais medios de expresión do ser humano, a través da cal expresa as súas ideas e sentimentos, o xeito de relacionarse co mundo. A súa función pode variar dende a máis práctica ata a máis ornamental, pode ter contido relixioso ou simplemente estético, pode ser duradeira ou efémera.

Ao longo da historia, Galicia acolleu diversas culturas e civilizacións, que achegaron o seu concepto de arte e deixaron o seu legado. Cada período histórico tivo unhas características concretas e definibles, comúns a outras rexións e culturas, ou ben únicas e diferenciadas, que foron evolucionando co devir dos séculos.

A arte galega é froito da diversa amálgama social e cultural achegada polos diversos pobos que habitaron o seu territorio: os primeiros poboadores prehistóricos deron paso á cultura castrexa xurdida na idade dos metais, estes convivirían máis tarde cos colonizadores romanos procedentes do Mediterráneo, que converterían a Gallaecia nun territorio máis do seu imperio; tras a caída deste, en Galicia os suevos fundaron o primeiro reino medieval europeo, que despois caeu baixo a dominación do reino visigodo. Na Idade Media, durante a invasión islámica da península ibérica (que apenas deixou pegada no territorio galego), xorde a cultura galego-portuguesa como entidade propia e definida, cunha lingua propia herdeira do latín e a consolidación do Reino de Galicia. Foi esta unha época de esplendor da arte galega, sendo o románico un período moi frutífero para o desenvolvemento artístico do territorio. Durante a Idade Moderna, baixo o poder da coroa española e a sucesión de crises económicas e culturais, a arte entra en certa decadencia, polo que o renacemento non é un período destacable na historia da arte galega. Todo o contrario sucede co barroco, que tivo en Compostela un desenvolvemento orixinal e xenuíno. Dende o século XIX, coa revitalización cultural que supuxo o Rexurdimento, Galicia é influída polos movementos artísticos e culturais que marcaron Europa, como o modernismo. Finalmente, xa no século XX houbo unha xeración de artistas que crean unha escola galega que conecta coas correntes internacionais, con nomes como os de Francisco Asorey, Carlos Maside, Luís Seoane, Maruxa Mallo ou Isaac Díaz Pardo.

Galicia

Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal.

Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.

Santiago de Compostela é a capital, cun estatuto especial dentro da provincia da Coruña. Galicia posúe 2 718 525 habitantes (2016), cunha distribución poboacional que aglomera a meirande parte na franxa entre Ferrol e Vigo. En Galicia, os núcleos urbanos con rango de cidade son sete, que segundo criterios poboacionais son os seguintes: Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ferrol. Ten unha superficie de 29 574,4 km².

O concello máis poboado é o de Vigo con 292 817 habitantes e o menos poboado o de Negueira de Muñiz con 215 habitantes no 2016. O concello máis extenso é o da Fonsagrada cunha superficie de 438,4 km² e o máis pequeno o de Mondariz-Balneario con 2,3 km². A Coruña é o concello con maior densidade de poboación con 6449,32 hab./km² e Vilariño de Conso é o que ten menor densidade de poboación con 2,92 hab./km² no 2016.

Historia de Galicia

A historia de Galiza comeza co nacemento da propia Galiza, que é fixado tradicionalmente arredor do 19 a. C., cando o Imperio Romano logra anexionar definitivamente os pobos galaicos —kallaikoi segundo o autor grego Estrabón— unificándoos por vez primeira na historia e denominando ó seu territorio como Gallaecia —terra dos callaeci—, e que acabaría derivando nos actuais nomes Galicia ou Galiza, motivo polo que é considerada como unha das entidades político-administrativas máis antigas de toda Europa.

O feito de que no ano 298 d. C. o emperador Diocleciano decidise elevala ao rango de provincia consular —ampliando así tamén o seu territorio— supuxo un acrecentamento da súa cohesión política, pois desta maneira pasaba a estar baixo o goberno dun cónsul romano. A súa definitiva consolidación estatal chegaría no ano 409 d. C., cando o rei suevo Hermerico funda nela o primeiro reino de Galiza, afianzando a existencia de Galiza ata os nosos días.

A ocupación humana do territorio correspondente á actual Galiza, non obstante, é moito máis antiga cá chegada de Roma, existindo testemuños arqueolóxicos que certifican o seu poboamento desde o Paleolítico inferior. Estas poboacións recibiron diversas achegas culturais durante milenios, formando parte xa na Idade de Bronce da área cultural atlántica que se deu entre as terras máis occidentais de Europa. A finais da Idade de Ferro estas poboacións autóctonas formaban unha unidade cultural, que os romanos denominaron como galaicos e que supoñen o principal substrato da poboación actual en Galicia.

Do mesmo xeito, durante os séculos seguintes Galiza recibiu sucesivos asentamentos de xente, entre os que destacan romanos, suevos e bretóns, que non só se integraron na poboación autóctona senón que tamén influíron decisivamente na súa vida, como foi o caso da cultura romana que propiciou a formación dunha nova lingua autóctona, o galego. Ata o ano 1833 mantívose coma un reino, no ano 1933 recibe o recoñecemento internacional da súa realidade nacional e desde 1981 organízase xurídica e administrativamente como unha comunidade autónoma dentro do Estado español.

José Manuel Vázquez Varela

José Manuel Vázquez Varela, nado na Coruña o 21 de decembro de 1946, é un historiador galego.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.