Prefecto

Un prefecto é unha Autoridade descendente da liña nacional do Goberno. Rexe os asuntos de Orde Interno e de Seguridade Interna, no ámbito territorial ao que é designado. Protexe os intereses da nación diante da posibilidade de desorde das autoridades municipales. Encargase tamén de administrar, poñer orde nunha escola ou institución.

Os prefectos normalmente atópanse en países unitarios (non federados) e son os que levan a voz do goberno para o interior das poboacións. Teñen baixo o seu mando aos Subprefectos, Gobernadores ou Tenentes Gobernadores. Nalgúns casos o nome de prefecto cambia a Intendente.

Cando nun país unitario, unha das súas provincias adquire autonomía ou independencia, a figura do prefecto é substituída por un Delegado do Goberno Nacional. Os países unitarios aplican, polo tanto, o Sistema Prefectural e o Sistema Municipal.

Nos países en réxime de federalismo a figura do Prefecto é substituída por un Gobernador electo por voto popular, que non ten vínculo de dependencia do Goberno Nacional. As Autoridades da liña prefectural son normalmente designados a confianza do Presidente da República ou Xefe da Monarquía.

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre política é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.
Activismo

O activismo e a actividade a favor dunha doutrina ou organización que implique un cambio social ou político.

O termo apareceu pola primeira vez na prensa belga en 1916 para facer referencia ó movemento nacionalista flamengo.

O activismo pode consistir en realizar múltiples tarefas como escribir cartas ós xornais, poñer mensaxes en foros de internet, participar en campañas políticas, boicots, manifestacións ou folgas e mesmo nalgúns casos tode asumir tácticas de guerrilla, o que pode levar a que sexa considerado terrorista por uns e liberador por outros.

En especial, o activismo de carácter relixioso, feminista ou ecoloxista pode tratar de convencer á xente para cambiar os seus hábitos no canto de dirixirse ós gobernos.

Biblioteca Apostólica Vaticana

A Biblioteca Apostólica Vaticana (en latín: Bibliotheca Apostolica Vaticana), máis comunmente coñecida como Biblioteca Vaticana ou simplemente como Vat, é a biblioteca da Santa Sé, situada na Cidade do Vaticano. Leva o nome de "apostólica", porque é unha institución que dende a súa fundación se considera a "Biblioteca do papa", xa que lle pertence directamente. É unha das máis antigas bibliotecas do mundo e custodia unha moi importante colección de textos históricos. Ten arredor de 75 000 códices de tódalas épocas da historia, así como 1,1 millóns de libros impresos, que inclúen 8 500 incunables.

Bieito XVI, papa

Bieito XVI (en latín, Benedictus PP. XVI), nado co nome de Joseph Ratzinger en Marktl am Inn (Baviera) o 16 de abril de 1927, foi o 265º Papa da Igrexa católica, bispo da diocese de Roma e soberano do Estado da Cidade do Vaticano dende o 19 de abril de 2005 ata o 28 de febreiro de 2013 permanecendo como papa emérito desde entón. En 1981 Xoán Paulo II nomeouno prefecto da Congregación para a Doutrina da Fe, cardeal dende 1993, e en 2002 accedeu ao posto de deán do Colexio de Cardeais. Foi un dos homes con máis influencia durante os últimos anos do papado de Xoán Paulo II. O 11 de febreiro de 2013 anunciou a súa decisión de renunciar ao seu posto que se fixo efectiva o día 28.

Congregación para as Causas dos Santos

A Congregación para as Causas dos Santos (Congregatio de Causis Sanctorum), é unha das nove Congregacións da Curia Romana.

Foi creada o 8 de maio de 1969 polo papa Paulo VI en substitución da Sagrada Congregación de Ritos instituída por Sisto V en 1588.

Trátase do organismo do Vaticano encargado de estudar os milagres, martirios e virtudes heroicas e de propoñer os diferentes exemplos de santidade para que o Sumo Pontífice proceda a realizar as canonizacións e beatificacións oportunas.

A Congregación conta actualmente con 34 membros, e o seu prefecto é o cardeal Angelo Amato.

Departamentos de Francia

A República francesa atópase dividida administrativamente en cen departamentos (en francés: départements), 96 departamentos metropolitanos e catro departamentos ultramarinos (francés: départements d'outre-mer), os DOM. Cada departamento constitúe tanto unha división administrativa como un estado e unha colectividade territorial (en francés: collectivité territoriale).

Os departamentos están numerados por orde alfabética do nome, agás o departamento do Territorio de Belfort, os departamentos da rexión parisiense, os departamentos de ultramar e os departamentos que mudaron o nome dende a súa creación. Os números dos departamentos forman parte da vida cotiá, pois atópanse nas placas dos automóbiles, nos códigos postais e nos números da seguridade social.

Os departamentos metropolitanos numerábanse orixinalmente por orde alfabética, ata que se produciu o cambio das denominacións e a desmembración do departamento da Illa de Francia en 1964.

Trala división do departamento da Córsega (cuxo número era 20) en dous novos departamentos, en 1976, a Córsega do Sur (Corse-du-Sud) e a Alta Córsega (Haute-Corse) recibiron novos códigos, respectivamente o 2A e o 2B. Estes novos códigos aparecen nas placas dos automóbiles e nos números da seguridade social (soamente para as persoas nadas despois da subdivisión), en canto ao vello código, continúa a ser empregado no código postal e nos números da seguridade social das persoas nadas antes de 1976.

A derradeira grande mudanza no carácter dos departamentos tivo lugar o 2 de marzo de 1985, cando foi aprobada unha lei que transferiu a xestión ao executivo local os dominios descentralizados, ata entón exercidos polo prefecto (préfet) como presidente do departamento, ao presidente do Consello Xeral (Conseil Général). O prefecto conserva no departamento a xestión dos dominios reservados ao Estado francés como representante do goberno francés.

Garda Pretoriana

A Garda Pretoriana era a garda persoal do emperador. Tamén eran consideradas as tropas de elite da lexión. A Garda Pretoriana permaneceu durante máis de tres séculos até a súa disolución por parte de Constantino, despois da súa vitoria na batalla da Ponte Milvio contra o emperador Maxencio, no ano 312 d.C.

Independencia

A independencia, termos políticos, é a situación dun país que detenta e goza, ademais do dereito de autodeterminación, o de soberanía.

Magister militum

Magister militum (termo latino que significa Patrón de soldados) foi o rango que se empregou no período final do Imperio Romano, desde Constantino I, para designar o máis alto xefe militar.

Como título individual, era o equivalente a un Mariscal de Campo, un Shogun ou un Xeneralísimo. Xeralmente tiña un poder absoluto sobre o exército e ostentárono personaxes que actuaban como poder na sombra dos Emperadores romanos, como Estilicón ou Ricimero. Foi tamén un alto rango administrativo-militar do Imperio na división territorial en prefecturas, só por debaixo do prefecto do pretorio, ao modo dun Capitán Xeneral.

Municipio

O concello ou municipio é, nas súas diversas formas, e baixo diferentes designacións, a estrutura básica de administración local en moitos países do mundo. Con orixes diferentes, consonte ás tradicións locais, os concellos modernos teñen, porén, bastantes puntos de contacto na súa estrutura e competencias.

En xeral, poden distinguirse tres tipos de concellos:

Urbanos: concellos constituídos exclusivamente, ou case, por territorio urbanizado;

Rurais: municipios constituídos por un ou máis núcleos poboacionais de pequenas dimensións e por territorio non urbanizado relativamente vasto;

Mixtos: concellos que comprenden cantidades significativas quer de territorio urbano, quer de territorio rural.Nalgúns países e nalgunhas subdivisións doutros países (como algúns estados norte-americanos), estes diferentes tipos están separados por lei, constituíndo diferentes unidades administrativas. Noutros, como en Portugal e España, todos os concellos son iguais ante a lei, aínda que por mor da súa poboación ou características estean suxeitos a un distinto trato financeiro, electoral etc. (achegas doutras administracións, número de concelleiros elixibles, estatutos de capitalidade, áreas metropolitanas etc).

Poder executivo

Seguindo o esquema de Montesquieu, o poder executivo é un dos tres poderes do Estado moderno, cuxa función é executar as leis aprobadas polo poder lexislativo.

O poder executivo é desenvolvido polo goberno do Estado. Este está sometido ao control parlamentario e ao control xudicial, nun sistema de pesos e contrapesos no que cada poder controla aos demais a través de distintos mecanismos, que se estudan na teoría da separación de poderes.

Protectorado

Denomínase protectorado á soberanía parcial que un Estado exerce, especialmente no referido ás relacións exteriores, nun territorio que non foi incorporado plenamente ao da súa nación e no cal existen autoridades autóctonas propias.

Como exemplo, podemos citar o protectorado que no seu día exerceron España e Francia sobre Marrocos, onde a autoridade sobre a poboación nativa era exercida polo Sultán, existindo forzas militares e policiais autóctonas, pero tuteladas polos exércitos dos países protectores.

Os gobernos destes países estaban representados, no caso da zona controlada por España, polo Alto Comisario, normalmente un xeneral, e no da zona francesa polo Residente Xeral.

Provincia

Unha provincia é un tipo de división administrativa, que confire certas funcións, a nivel administrativo, ó territorio que representa. Tamén se chama provincia ao territorio limitado pola división administrativa antedita.

Este termo utilizase con características diferentes seguindo os países e as épocas históricas. Polo tanto unha provincia abarca realidades de organización territorial diversas.

Rexencia

A rexencia (do latín regentia) é un período transitorio durante o cal unha personalidade (xeralmente da familia real) exerce o poder en nome do monarca titular xa sexa porque este é demasiado novo ou vello, por ausencia do mesmo, ou pola súa incapacidade para gobernar por si mesmo.

A rexencia cesa cando desaparece a causa que a motivou. A rexencia pode ser individual ou colectiva. Xeralmente exercen a rexencia persoas achegadas á Coroa como o pai ou a nai do rei, tamén o príncipe herdeiro no suposto caso de ausencia ou incapacidade do rei.

San Francisco

San Francisco é ao mesmo tempo unha cidade e un condado dos Estados Unidos de América, localizada no estado de California, famosa pola súa vida cultural e por ser centro do movemento polos dereitos dos homosexuais. É unha cidade global beta, a cuarta maior cidade do estado de California, posuíndo máis de 733 mil habitantes, e unha das maiores cidades da costa do pacífico dos Estados Unidos. Constitúe, con San José e Oakland, unha área metropolitana con preto de 7,2 millóns de habitantes.

San Francisco fundouse como un presidio español en 1776 co nome de Yerba Buena. Pertenceu a México ata 1846, cando foi ocupado pola mariña dos Estados Unidos, sendo entón bautizada co seu actual nome, San Francisco. Grazas á carreira do ouro no estado de California, en 1848, San Francisco comezou a crecer axiña.

A cidade localízase nunha rexión vulnerábel a terremotos. Grandes movementos sísmicos ocorreron ao longo da historia da cidade, sendo o máis coñecido e destrutivo o ocorrido en 1906. Con todo San Francisco reconstruíuse axiña dese desastre. A fénix deseñada na bandeira da cidade representa o renacemento da cidade da destrución causada por este terremoto.

San Francisco posúe varias atraccións turísticas mundialmente coñecidas, como a Ponte Golden Gate e a antiga prisión de Alcatraz.

Toronto

Toronto é a maior cidade do Canadá, e a capital da provincia de Ontario. Sitúase na marxe norte do lago Ontario. Ten aproximadamente 2,5 millóns de habitantes na cidade propiamente dita e 5,9 millóns na zona metropolitana. Aproximadamente un terzo da poboación canadense vive dentro dun raio de 160 km da cidade. Alén diso, Toronto considérase unha das cidades máis dinámicas da América do Norte, atraendo millares de inmigrantes anualmente, desde a década de 1850. Os seus habitantes chámanse torontonianos (Torontonians, en inglés).

Coñécese a Toronto como o "motor da economía do Canadá", e é considerada unha cidade global, exercendo influencia significativa a nivel rexional, nacional e internacional. Toronto é o centro financeiro de Canadá, así como un dos principais centros culturais e científicos. Toronto é o maior polo industrial, financeiro e de telecomunicacións do Canadá. Posúe unha das máis diversificadas economías da América do Norte, coa maior concentración de sedes de empresas, institucións culturais e a maior comunidade artística do país. En xaneiro de 2005, Toronto foi escollida polo goberno canadense como unha das capitais culturais do Canadá. Toronto posúe un dos mellores padróns de vida da América do Norte e é unha das cidades máis seguras do continente americano, cunha taxa de criminalidade menor que calquera gran cidade americana, e unha das menores do Canadá.

Washington, D.C.

Washington, D.C. (ou Distrito de Columbia, ou distrito federal americano) é a capital dos Estados Unidos de América. O seu nome oficial é Washington, Distrito de Columbia. A cidade tamén se coñece como D.C., Washington, Capital Nacional ou Capital Federal. Está situada no leste do país, nas marxes do río Potomac, entre os estados de Maryland e Virxinia. Non se debe confundir co 42° estado americano, Washington. Por isto, Washington, a capital nacional, é xeralmente chamado Distrito de Columbia, e Washington, o estado, Estado de Washington.

O Distrito de Columbia é o distrito federal dos Estados Unidos, que posúe limitado poder gobernamental propio, sendo gobernada maioritamente polo Congreso americano. É o centro administrativo, lexislativo e xudicial do país.

A poboación de Washington é de 588.292 habitantes (2007), e a súa rexión metropolitana posúe preto de 4,4 millóns de habitantes (7,8 millóns xuntamente coa rexión metropolitana de Baltimore, localizado a 100 km de Washington). A súa construción iniciouse en 1792, instalándose o goberno federal en 1800. A cidade constitúe o Distrito de Columbia, desanexado dos estados de Virxinia e Maryland. Posúe innúmeros monumentos, entre os que se encontran a Casa Branca (residencia do Presidente dos Estados Unidos), o Capitolio dos Estados Unidos (sede do Congreso), a Biblioteca do Congreso, o Monumento de Washington, e o Monumento a Lincoln.

Xoán XIII, papa

Xoán XIII (nado como Giovanni Crescenzi en Roma e falecido o 6 de setembro de 972), foi o Papa nº 135 da Igrexa católica.

Poderes
Formas de goberno
Réximes e sistemas
Tipos de poder
Clases de estado
Conceptos
Procesos
Divisións administrativas
Cargos
Disciplinas
Ideoloxías
Actitudes

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.