Praza Maior de Lugo

A Praza Maior de Lugo é o centro vital da cidade de Lugo, e o principal lugar de encontro dos lucenses, é ademais a praza máis grande do centro histórico da cidade. Luís Pimentel chamouna "sala de visitas da miña vila".[1] Nela pódese atopar a Casa do Concello, as estatuas adicadas aos fundadores da cidade, un pequeno paseo con placas e bustos adicados aos principais escritores do país, o "quiosco da música" e o edificio do Círculo das Artes.

Coordenadas: 43°00′35″N 07°33′23″O / 43.00972, -7.55639

Plaza de España de Lugo
Convento dos Franciscanos de 1598.

Historia

Plaza de España. Lugo
Edificio do Círculo de Belas Artes.

A Praza Maior é a máis grande das prazas que se atopan dentro do recinto amurallado. O lugar no que está situado, crese que nos tempos do Lucus Augusti albergaba ao anfiteatro.[2] Aínda que a Casa do Concello que coroa a praza é do século XVIII, a Praza Maior tal como se coñece hoxe en día non se conformou como tal até o século XIX, na gran reforma urbana que se levou a cabo despois da desamortización.

A praza, daquela chamada Cortiñas de San Román, había un convento de monxas, derrubado en 1840, para permitir a formación do novo espazo. Nel celebrábase o mercado maior da cidade, e estaba presidido por unha fonte con leóns de ferro, fundidos na fábrica de Sargadelos, hoxe no Parque de Rosalía de Castro. A principios do século XX a praza sufriu outra reforma para dotala dun xardín central, suprimindo a fonte (1914). A finais do século XX e comezos do XXI a praza sufriu a súa última gran renovación.

Descrición

Vista de la Plaza de España de Lugo
Algúns dos soportais da praza.
Rosalía, monumento en Lugo
Placa adicada a Rosalía.

A Praza Maior de Lugo ten forma rectangular, e está presidida pola Pazo do Concello, un dos máximos expoñentes do barroco civil galego. Polo lado norte hai casas con soportais, que albergan locais de hostalería e diversos comercios. Dende esa beira tamén se accede á rúa Doutor Castro, popularmente coñecida como Rúa das Docerías. Na outra beira da praza atópase o Convento dos Franciscanos, hoxe colexio, que data de 1598 e o edificio do Círculo de Belas Artes, coroado cunha cúpula, de 1855. Outros edificios destacables son o que fai esquina coa rúa Conde de Pallares, unha casa palaciana de feituras barrocas, que ten na fachada un escudo sen labrar.

No centro da praza, atópase un xardín en cuxo centro está o quiosco da música, obra de ferro sobre base de cantería, construído en 1888. Cando se inaugurou o quisco era director da Banda Municipal Xoán Montes. Na beira sur da praza atopase unha estatua adicada aos fundadores da cidade, e preto da mesma áchase o monumento de bronce adicado a Luís Pimentel, poeta que naceu na casa número 15 da propia praza, e morreu na número 16. A casa de Pimentel hoxe está integrada no grande edificio que preside a outra cabeceira da praza, a Fundación Caixa Galicia.[1] Ao redor da parte central da Praza atópanse diferentes monumentos adicados aos principais escritores galegos, como Castelao, Rosalía de Castro, Eduardo Pondal ou Manuel María.

Notas

  1. 1,0 1,1 Praza Maior en Lugo Turismo
  2. Praza Maior

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Eduardo Pondal

Eduardo María González-Pondal Abente, nado en Ponteceso o 8 de febreiro de 1835 e finado na Coruña o 8 de marzo de 1917, foi un poeta rexionalista galego, en lingua castelá e lingua galega, autor da letra do Himno de Galicia. Foi un dos tres grandes poetas do Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez. En 1965 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Festa do melindre de Melide

A Festa do melindre e da repostaría tradicional é unha festa gastronómica organizada no concello de Melide, co obxecto de homenaxear a repostaría tradicional da vila. Ten lugar o segundo domingo de maio. En 2013 foi declarada Festa de interese turístico de Galicia.

Galería de imaxes de Lugo

Galería de imaxes do concello de Lugo na provincia de Lugo.

Galería de imaxes de Ramón Otero Pedrayo

Ramón Otero Pedrayo, nado en Ourense o 5 de marzo de 1888 e falecido na mesma cidade o 10 de abril de 1976, foi un escritor e intelectual galego, membro da Xeración Nós.

Galería de imaxes de Uxío Novoneyra

Galería de imaxes de Uxío Novoneyra.

Grafiose

A grafiose é unha doenza fúnxica que afecta os umeiros (Ulmus sp.). Parece ser que a súa orixe se atopa no leste de Asia, onde as especies de umeiros son máis resistentes e non se ven tan afectadas. A doenza espallouse por Asia, Europa, Estados Unidos, Canadá e Nova Zelandia, e provócaa un fungo do xénero Ophiostoma. Este organismo ocupa os vasos do xilema e esténdese provocando que as follas murchen e que a árbore morra. O vector epidemiolóxico da grafiose son normalmente os escaravellos do xénero Scolytus, que transportan no seu corpo esporas do fungo desde exemplares de umeiro doentes a exemplares sans.Téñense utilizado varias estratexias para combater a praga: eliminar exemplares mortos de umeiro ou partes afectadas da árbore, uso de insecticidas para impedir a proliferación de exemplares de Scolytus, eliminación de raíces-ponte entre exemplares achegados, uso de funxicidas e plantacións de umeiros resistentes ao fungo. Esta enfermidade causou a morte de millóns de umeiros en Europa e América do Norte. Contra o ano 1996 a grafiose devastara máis da metade dos umeiros do norte dos Estados Unidos; nalgúns países europeos estas árbores atópanse case extintas. No ano 1986 o 82% das forestas de umeiros españolas estaban afectadas..

Historia de Lugo

Lugo, o asentamento urbano máis antigo de Galicia, érguese sobre o antigo emprazamento dun castro galaico. Arredor do ano 25 a. C, Caius Antistus Vetus, legado de Octavio Augusto na Tarraconense ao mando das tropas romanas que loitaban nas Guerras Cántabras, establece preto deste castro un campamento militar. Posteriormente, en nome do emperador, Paulo Fabio Máximo funda "Lucus Augusti" sobre este campamento. A partir do ano 50 asístese á expansión da cidade co asentamento de galaicos dos castros próximos. Posteriormente a cidade convértese nun importante núcleo urbano, representativo da cultura e do modo de vida romano.

Dende a chegada dos suevos a Galicia alternáronse na cidade ciclos de decadencia e rexurdimento. No ano 585 o Reino de Galicia pasa a mans visigodas, perdendo Lugo a súa condición de sé metropolitana por mor da fin da división de Galicia en dúas provincias. Iníciase así un período de decadencia que se vería acentuado pola invasión musulmá de principios do século VIII.

Entre os séculos XI e XIII, coma outras cidades do Camiño Xacobeo, foi protagonista duna serie de revoltas populares contra o poder feudal. En Lugo esta rebelión sería contra o bispo, quen compartía a súa potestas co Cabido. A comezos do século XIII, os burgueses de Lugo comezaron a desafiar, coma nunca antes fixeran, esta potestade xurisdicional.A principios do século XVI, a pesar de ser nomeada capital do Reino de Galicia por Carlos I, Lugo iniciou un longo declive. Esta etapa prolongouse até finais do século XVII, mentres que Santiago de Compostela cobraba protagonismo. No século XVIII comeza un novo ascenso económico e cultural da cidade, converténdose na gran capital agraria de Galicia. As feiras de San Froilán cobran unha extraordinaria importancia económica, abastecendo de gando cabalar e mular a León e Castela; importancia que se reforzou coa chegada do ferrocarril en 1875 e que fixo de Lugo o maior mercado gandeiro de vacún de toda a península.

Lugo

Lugo é unha cidade e concello de Galicia, capital da provincia de Lugo e da comarca homónima. Fundada no ano 25 a.C. por Paulo Fabio Máximo, é unha cidade de orixe romana e a máis antiga de Galicia. Construída nas proximidades dun castro, na época romana recibiu o nome de Lucus Augusti. Son testemuña dos seus primeiros anos de historia os numerosos restos romanos, moitos deles conservados no Museo Provincial, e sobre todo a Muralla Romana, única no mundo que conserva todo o seu perímetro e declarada Patrimonio da Humanidade no ano 2000.

Ao longo da súa historia ocorreron tanto épocas de abandono como importantes momentos na historia do país, dende a xuntanza no ano 842 dun grande exército galego para conquistar Oviedo e entronizar a Ramiro I como primeiro rei da dinastía galega, ata o pronunciamento do Coronel Miguel Solís, que daría comezo á Revolución Galega de 1846.

Xeograficamente, a cidade atópase situada nun outeiro, nas terras do Alto Miño, e circundada polo propio río Miño, ademais doutros máis pequenos como o Mera. O concello, incluído na Reserva da Biosfera "Terras do Miño", é o segundo máis extenso de Galicia, e no que no ano 2014 habitaban 98.560 persoas, o que supón que sexa o cuarto de Galicia en poboación despois de Vigo, A Coruña e Ourense.

O xentilicio dos habitantes é lucense ou tamén lugués. Lugo é unha cidade comercial e de servizos, cun campus universitario especializado en Ciencias Agrarias (Veterinaria, Montes...). Destacan tamén as populosas festas realizadas na cidade como o Arde Lucus, que relembra o pasado romano e castrexo da cidade, e o San Froilán, que cada ano atrae á cidade do 4 ao 12 de outubro a máis dun millón de visitantes.

Luz Darriba

Luz Darriba, nada en Montevideo en 1954, é unha artista uruguaia que cultiva varias disciplinas como a pintura, ilustración e a escritura. Desde 1990 reside en España, país do cal ten a nacionalidade.

A súa popularidade débese en parte ás súas macroaccións urbanas, que comezaron no ano 2000 con CUMULUM, un proxecto que rodeou os 2300 metros de perímetro da muralla romana de Lugo con máis de medio millón de libros, para que este monumento fose declarado patrimonio da humanidade pola Unesco, obxectivo finalmente logrado a finais dese mesmo ano.Recibiu numerosos premios e distincións como o Primeiro premio no XIV Certame de Narración Curta Ánxel Fole, en 2012, polo relato Mostros, ou o Primeiro premio no I Certame de Relatos sobre a Igualdade, en 2014.

Formou parte do staff permanente da Revista Virtual de Xénero Foeminas (2004-2008), pioneira en publicacións de xénero en Galicia. Na actualidade é coordinadora para Europa de TFAP (The Feminist Art Project) de Nova York, organización internacional de artistas feministas.

Luís Pimentel

Luís Benigno Vázquez Fernández-Pimentel, máis coñecido como Luís Pimentel, nado en Lugo o 18 de decembro do 1895 e finado na mesma cidade o 13 de febreiro de 1958, foi un médico e destacado poeta galego de vangarda, escritor en lingua castelá e, puntualmente, en lingua galega, cunha bibliografía escasa e dispersa. Pertencente á xeración de 1925 e relacionado coa xeración do 27, nel apréciase unha síntese de movementos vangardistas de dentro e de fóra de Galiza. A súa obra fundamental apareceu en Sombra do aire na herba (1959).

A Real Academia Galega designouno como figura a ser homenaxeada no Día das Letras Galegas do ano 1990.

Manuel María

Manuel María Fernández Teixeiro, nado en Outeiro de Rei o 6 de outubro de 1929 e finado na Coruña o 8 de setembro de 2004, foi un poeta, narrador, dramaturgo e académico da lingua galega, destacado polo seu carácter combativo e máis polo seu compromiso político. O 19 de abril de 1970 ano foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega, mais renunciou en 1975 ao entender que a institución non estaba á altura que esixía o momento histórico.

Nas eleccións municipais de 1979 presentouse como cabeza de lista á alcaldía de Monforte de Lemos, e foi nomeado concelleiro de Augas e Recollida do lixo. Tras non ser elixido nas eleccións ao Senado de 1982 en representación do BNG, abandonou a militancia política para se dedicar por completo á actividade literaria e cultural. Volveu ingresar na RAG, desta volta como membro de número, o 15 de febreiro de 2003, por proposta de Xosé Luís Franco Grande, Ramón Lorenzo Vázquez e Xosé Luís Méndez Ferrín, pronunciando o discurso "A Terra Chá: poesía e paisaxe".

Entre os temas dos seus poemas destacan o amor, a arte, o propio compromiso político, a denuncia de eivas, a etnografía, a física, a historia, a inmaterialidade, a mitoloxía, o mundo animal, a palabra poética, o paso do tempo, a relixión, a sociedade, a lingua, os traballos agrarios, o urbanismo ou a xeografía. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas de 2016.

Os Pinos

Os Pinos é o himno galego, un texto poético de Eduardo Pondal de 1890, incluído, dende 1935, nas edicións do libro de poemas Queixumes dos pinos (1886), concretamente das dúas primeiras partes, musicado por Pascual Veiga. Foi adoptado oficialmente como himno trala aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia de 1981.

Paulo Fabio Máximo

Paulo Fabio Máximo (en latín: Paullus Fabius Maximus) foi un cónsul do Imperio Romano, cabaleiro, e o fillo máis vello de Quinto Fabio Máximo, cónsul sufecto da República, e dunha muller descoñecida. Recibiu o seu nome na honra de Lucio Emilio Paulo Macedónico cónsul republicano e devanceiro seu.

Participou no 12 a.C. na reorganización política do noroeste da Península Ibérica, no proceso de romanización de Galicia. Foi o fundador da cidade de Lugo (Lucus Augusti) na antiga Gallaecia, de cuxo establecemento aínda se conserva a ara fundacional. No ano 11 a.C. foi nomeado cónsul segundo xunto a Quinto Elio Tubero.

Ramón María del Valle-Inclán

Ramón María del Valle-Inclán y de la Peña, nado en Vilanova de Arousa o 28 de outubro de 1866 e finado en Santiago de Compostela o 5 de xaneiro de 1936, foi un dramaturgo, poeta e novelista galego en lingua castelá, membro da Xeración do 98, considerado un dos autores máis importantes da literatura hispanoamericana do século XX.

O ano 2016 foi declarado Ano Valle-Inclán en conmemoración do 150 aniversario do seu nacemento.

Ramón Otero Pedrayo

Ramón Otero Pedrayo, nado en Ourense o 5 de marzo de 1888 e finado na mesma cidade o 10 de abril de 1976, foi un escritor, político e intelectual galego. Membro da Xeración Nós, ingresou nas Irmandades da Fala en 1918. Foi responsable da área de xeografía do Seminario de Estudos Galegos e deputado polo Partido Galeguista nas Cortes Constituístes republicanas. Traballou na aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia de 1936. Fiel á causa galeguista durante a Guerra civil española, foi expedientado. Foi membro da Real Academia Galega e presidiu a Editorial Galaxia. Participou no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. É autor dunha ampla obra narrativa, ensaística e dramática.

A Fundación Otero Pedrayo e a Fundación Penzol conservan a súa biblioteca e arquivo. En 1988 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Revolución de 1846

Revolución de 1846, levantamento de 1846, pronunciamento de 1846 ou sublevación liberal de 1846, son os nomes que recibe o alzamento do coronel Miguel Solís o 2 de abril de 1846 en Lugo (ó que se uniron posteriormente A Coruña o día 5, Pontevedra o 9, e o día 10 Tui e Vigo) contra o goberno de Ramón María de Narváez. A conspiración foi dirixida desde A Coruña, impulsada por Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina e viúva do ministro Francisco Espoz y Mina; en Vigo foron Benigno Cid, Ramón Buch e Juan Nogueira, en contacto co exiliado Mártir Molíns; e en Ourense, algúns militares. Gerónimo Piñeiro de las Casas facía de correo entre eles, e fixaron a data do alzamento para o mes de abril.

Uxío Novoneyra

Uxío Novoneyra, nado como Eugenio Novo Neira en Parada (Seoane do Courel, no concello de Folgoso do Courel), o 19 de xaneiro de 1930 e finado en Santiago de Compostela o 30 de outubro de 1999, foi un poeta e escritor galego. Sendo fillo dunha familia de labregos, O Courel foi o principal referente físico para os seus versos, considerados dos mellores no tocante á paisaxística, dentro da literatura galega. Xosé Luís Méndez Ferrín encadrouno dentro da Xeración das Festas Minervais. A Real Academia Galega escolleuno como figura homenaxeada no Día das Letras Galegas do ano 2010.

Vía XIX

A Vía XIX era unha calzada romana da época de Augusto, descrita no Itinerario de Antonino. Unía as cidades de Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga), pasando por Ponte de Lima, Tude (Tui), Turoqua (Pontevedra), Aquis Celenis (Caldas de Reis), Iria Flavia, Martiae (Marzán) e Lucus Augusti (Lugo)Consérvase dela 105 miliarios.

Monumentos
Museos
Espazos públicos
Festas

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.