Praia

Unha praia[1] é unha forma xeolóxica consistente na acumulación de sedimentos, por efecto da dinámica local das ondadas. Estes sedimentos son normalmente areas pero tamén hai praias de gravas ou grixos e de croios, seixos ou bolos, chamadas coídos. Existen moitas clases de praias podendo existir varios tipos sobre un mesmo banco de sedimentos, por mor a que nuns metros o tipo de rompente pode variar dando orixe a un tipo de praia distinta.

Unha praia fórmase cando as ondas e as correntes do mar propician a chegada de sedimento á beiramar. Logo unha praia fórmase baixo dous supostos: o primeiro, que a forma da costa sexa tal que haxa unha zona onde se deposite unha determinada cantidade de sedimento e que sexa estábel cos diferentes estados do clima marítimo. O segundo, que exista unha zona na que se ben o sedimento vaise perdendo por algures, haxa unha achega de sedimento por outro que o poida compensar. Unha vez que foron depositados os sedimentos, a praia é modelada segundo o tipo de rompente que lle afecta.

A praia é unha xeoforma dinámica pola cal está en permanente cambio, suxeita en todo momento a acción que cada onda, cada marea e cada temporal lle provoca, con grandes e importantes transportes de propio sedimento que a compoñen.

O termo "praia" tamén ten unha acepción a miúdo empregada nos textos de xeografía e xeoloxía para designar os bordos flutuantes de lagos salobres, salinos ou de "salgares" propiamente ditos. Estes lagos salinos ou "salgares" acostuman presentarse en cuncas endorreicas ou depresións de escasa profundidade onde a evaporación é moi intensa, polo que se van acumulando os sales, ao precipitarse, no fondo das mesmas.

Carnota 004
Praia de Carnota (Lira).

A praia como hábitat

Playa de la Puntilla con el espigón de fondo en bajamar (El Puerto de Santa María, Cádiz)
Praia da Puntilla, no Porto de Santa María (Cádiz).

Unha praia é algunhas veces un contorno inestábel que expón as plantas e animais que o habitan a condicións sempre cambiantes. Porén, eses patróns cíclicos diarios e estacionais levan a numerosos organismos vexetais e animais, as fontes de alimentación e de sobrevivencia. Algúns pequenos animais furan na area e aliméntanse co material depositado polas ondas. Tamén moran caranguexos, insectos, e pequenos paxaros. As tartarugas de mar depositan os seus ovos nas praias. Os restos de animais mortos e algas depositadas na zona superior da praia e dunas fai posible a aparición dunha tímida vexetación composta por matas e outras flores.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para praia.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Arteixo

Arteixo é un concello costeiro da comarca da Coruña. A súa superficie é de 95,9 km². Segundo o IGE en 2015 tiña 30.950 habitantes (15.471 homes e 15.479 mulleres) (En 2012 30.725, 30.255 no 2010, 27.713 no 2007, 26.739 no 2006, 26.272 no 2005, 25.295 no 2004). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «arteixán».

A súa economía é principalmente industrial. Conta con varios polígonos, coa sede corporativa do grupo téxtil Inditex e a refinería de Repsol. En Punta Langosteira construíuse o Porto Exterior da Coruña.

Baamonde, Begonte

Santiago de Baamonde é unha parroquia que se localiza no concello de Begonte. Segundo o padrón municipal (INE 2016) ten 329 habitantes (163 homes e 166 mulleres ), distribuídos en 6 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 2004 cando tiña 376 habitantes e 403 en 1999.

Corrubedo, Ribeira

Santa María de Corrubedo é unha parroquia do concello coruñés de Ribeira na comarca do Barbanza. Segundo o IGE no ano 2007 tiña 768 habitantes (388 homes e 380 mulleres), 5 máis que o ano anterior. Até 1928 pertenceu á parroquia de Olveira.

Nela sitúase o cabo de Corrubedo e unha pequena parte do parque natural complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, que inclúe as dunas de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán, que comparte coas parroquias estremeiras de Olveira, Artes e Carreira.

Este parque natural é un sistema de praia-barreira. Logo dun extenso areeiro que conforma a praia, sitúanse as dunas e, tras delas, a lagoa de Carregal e marismas.

Céltigos, Ortigueira

San Xulián de Céltigos é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Ortigueira na comarca do Ortegal. Segundo o padrón municipal de 2009 tiña 359 habitantes (181 mulleres e 178 homes) distribuídos en 28 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 384 habitantes.

Espasante, Ortigueira

San Xoán de Espasante é unha parroquia do concello coruñés de Ortigueira, na comarca do Ortegal. Segundo o IGE en 2013 tiña 611 habitantes (344 mulleres e 267 homes) distribuídos en 6 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999, cando tiña 849 habitantes.

Fisterra

Fisterra (do latín finis terrae 'fin da terra') é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Fisterra. Segundo o IGE en 2017 tiña 4734 habitantes (5.005 no 2009, 5009 no 2006, 5042 no 2005, 5093 no 2004, 5141 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «fisterrán».

Laxe

Laxe é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Bergantiños.

Segundo o IGE en 2018 tiña 3.084 habitantes (3.148 en 2016, 3.313 no 2012, 3.366 no 2011, 3.417 no 2010) dos que 1.543 eran homes e 1.541 eran mulleres.

O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é laxense.

Mañón

Mañón é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca do Ortegal. É o concello máis setentrional de Galicia e da península Ibérica. Segundo o IGE en 2015 tiña 1 454 habitantes (1 589 no 2011, 1 765 no 2006, 1 803 no 2005, 1 830 no 2004, 1 848 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «mañonés».

O Grove

O Grove é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Salnés. Segundo o IGE en 2016 tiña 10 758 habitantes. Forma unha península situada na beira sur da ría de Arousa. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «groveiro», «grovense» ou popularmente «meco».

Oleiros

Oleiros é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca da Coruña. Segundo o IGE no 2015 tiña 34.693 habitantes (33.550 no 2010, 31.694 no 2007, 31.264 no 2006, 30.467 no 2005, 29.671 no 2004). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «oleirés/oleiresa».

Praia de La Barceloneta

La Barceloneta é a máis antiga e famosa das praias da cidade de Barcelona (España). Atópase no barrio de La Barceloneta, no distrito de Ciutat Vella.

Foi remodelada xusto antes dos Xogos Olímpicos de 1992. Xunto coa praia de Sant Sebastià, coa que limita polo sur, é unha das máis antigas e de maior tradición da cidade e tamén unha das preferidas polos usuarios estranxeiros.

Dispón de equipamentos de lecer como áreas de volei, pas, área de xogos etc. Dispón de área nudista e conta con dúas paradas de metro bastante próximas, as estacións de Barceloneta e Ciutadella-Vila Olímpica.

Praia de La Mar Bella

La Mar Bella é unha praia situada en Barcelona (España) no distrito de Sant Martí. Ten uns 500 metros de lonxitude e atópase no levante do litoral barcelonés. Foi creada por mor da remodelación urbanística que se levou a cabo para os Xogos Olímpicos de 1992.

Esta praia dispón dun espazo dedicado a praia nudista. Igualmente, dispón dun espazo de bar-discoteca nocturna durante o período estival orientada ao público homosexual, onde as noites de verán se celebran varias festas. Durante o día, este bar fai a función que especifica. A parte frontal do bar está orientada ao bañista gay.

Praia de La Nova Mar Bella

La Nova Mar Bella é unha praia situada na cidade de Barcelona (España), no distrito de Sant Martí. Ten unha lonxitude aproximada de 500 metros e, xunto coa praia de La Mar Bella, creouse ao recuperar a fachada litoral de Barcelona con motivo dos Xogos Olímpicos de 1992.

Está considerada coma unha praia relativamente tranquila dada a súa menor afluencia que a praia da Barceloneta.

Praia de Riazor

A praia de Riazor é unha praia urbana da cidade da Coruña. Conta coa distinción de Bandeira Azul, como tamén a súa continuación cara ao nordés, a praia do Orzán.

Praia de Samil

A praia de Samil é un areal vigués, no lugar do mesmo nome da parroquia de Navia, que conta cunha lonxitude aproximada tres quilómetros. Limita coa Praia de Tombo do Gato (Alcabre) polo norte e coa desembocadura do río Lagares polo sur.

O areal está dividido en dúas partes diferenciadas ao norte e ao sur por un grupo de rochas que quedan unidas á terra na baixamar formando un tombo. Estas rochas reciben o nome das Queimadas. A metade norte recibe o nome de praia do Laxón, praia da Laxe ou praia Azul. A metade sur recibe o nome de praia de Samil por estar situada en fronte do barrio do mesmo nome. O extremo sur do areal, na desembocadura do río Lagares, recibe o nome da Foz, A Fox ou Cabo da Vella.

Trátase dunha das principais praias da cidade debido ó seu atractivo turístico e ó seu complexo recreativo, no que destacan cafetarías, piscinas, canchas de baloncesto, circuíto de coches teledirixidos, paseo, zonas verdes, aparcadoiros, pista de patinaxe, half-pipe etc.

Na praia de Samil celébrase anualmente o Festival Aéreo de Vigo.

Praia do Orzán

A praia do Orzán é unha praia urbana da cidade da Coruña situada na enseada do Orzán, xunto ao paseo marítimo.

Razo, Carballo

San Martiño de Razo é unha parroquia que se localiza no norte do concello coruñés de Carballo na comarca de Bergantiños, o cal ocupa un pequeno val á beira do mar. Segundo o IGE en 2013 tiña 812 habitantes (422 mulleres e 390 homes), distribuídos en 10 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 887 habitantes, aínda que os turistas, atraídos pola coñecida praia e polo surf, multiplican a súa veciñanza durante a tempada estival. Estes ocupan moitas das novas construcións situadas preto do areal que se estende ata Baldaio.

Valdoviño

Valdoviño é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Ferrol. Segundo o IGE no 2014 contaba con 6.796 habitantes (6.978 no 2009, 6.896 no 2006, 6.888 no 2005, 6.854 no 2004, 6.877 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «valdoviñés».

O nome do concello fai pensar a algúns nunha agricultura baseada na vide, así Val do viño sería a orixe do topónimo. Tamén hai quen manexa outra hipótese: Val do Aviño, rego que atravesa o chan do municipio, se ben as últimas investigacións, indican que o nome provén do propietario dunha pequena explotación agraria, chamado Baldovino, Baldoviño ou Balduino, do que hai abondosa documentación nos textos medievais.Ocupa unha franxa costeira desde a praia de Campelo ata a entrada da ría de Cedeira.

Nesta poboación leváronse a cabo no século XVIII (1767) os primeiros cultivos de patacas traídas desde América.

As praias do término municipal de Valdoviño son moi populares polo seu paisaxe natural e entre os aficionados ao surf. Entre elas, destacan o areal da Frouxeira, duns 3,6 km de lonxitude, e a praia de Pantín, onde anualmente cada mes de setembro celebrase o Pantín Classic, campionato internacional de surf que comenzou súa andadura en 1988.

A lagoa da Frouxeira é un destacado ecosistema de gran valor ornitolóxico por ser lugar de descanso de aves migratorias e de cría dalgunhas especies de aves.

Xixón

Xixón (en castelán: Gijón; en asturiano: Xixón) é un concello e unha cidade do norte de España, situada a carón do mar Cantábrico, na costa do Principado de Asturias.

Cunha poboación de 277 559 habitantes en 2011 é o concello máis poboado de Asturias, por riba do da capital. A cidade está situada a 27 km de Oviedo e 25 km de Avilés, formando parte da grande área metropolitana do centro da comunidade, de 869 723 habitantes (2009).

Conta cun importante porto, El Musel, que alimenta e comunica a súa industria. É o sexto na clasificación de España e o cuarto en explotación.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.