Pradairo

Os pradairos son árbores e arbustos pertencentes ao xénero Acer, da familia das sapindáceas. Moitas especies son ornamentais e salientan pola beleza da súa follaxe outoniza. En Galicia dáse principalmente o pradairo común (Acer pseudoplatanus), chamado moitas veces simplemente pradairo. Nas provincias interiores tamén aparece o pradairo campestre (Acer campestre).

Pradairos (xénero Acer)
Follas de Acer platanoides

Follas de Acer platanoides
Estado de conservación
Non está ameazada

Status iucn3.1 LC gl

Clasificación científica
Reino: Plantae
Filo: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Sapindales
Familia: Sapindaceae
Xénero: Acer
L. 1753
Map genus Acer

Sinonimia

Acer L.
Argentacer Small
Rufacer Small
Rulac Adans.
Saccharodendron (Raf.) Nieuwl.

Descrición

Os pradairos distínguense doadamente polas súas follas opostas, normalmente palmato lobuladas, aínda que tamén se dan as palmato compostas, pinnadas compostas, pinnadas avetadas e sen lóbulos. As flores son regulares, pentámeras, e xorden en acios, corimbos ou umbelas. Os seus distintivos froitos nacen en parellas unidas, chamados sámaras, que, ao se desprender, van virando movidos polo vento espallando as sementes a considerábel distancia, polo que acostuman coñecerse coma «árbores de helicópteros».

As follas da meirande parte das especies son palmadas, venadas e lobuladas, con 3 a 9 veas cada unha orientada cara un lóbulo, un dos cales é o central. Varias especies son trifoliadas: Acer griseum, Acer mandshuricum, Acer maximowiczianum e Acer triflorum. Acer negundo ten follas pinnadas compostas, que poden ser simplemente trifoliadas ou con 5 a 7 (raramente 9) folliñs. Acer carpinifolium ten follas simples pinnadas e venosas que lembran aos dos carpes.

Os pradairos florecen a finais do inverno ou principios da primavera, na maioría das especies ao mesmo tempo de apareceren as follas ou xusto despois, nalgunhas incluso antes destas. As flores son pequenas e inconspícuas, posúen cinco sépalos, cinco pétalos de entre 1 a 6 mm de largo, doce estames de entre 6 a 10 mm dispostos en dous aneis de seis cada un e dous pistilos ou un pistilo e dous estilos. O ovario é súpero e con dous carpelos, cuxas asas prolongan as flores, facilitando o recoñecemento das femininas. Logo de entre unhas semanas a seis meses de floración, as árbores producen un gran número de sementes.

Os especímenes deste xénero son unha importante fonte de pole e néctar a principios de primavera para as abellas, en particular as abellas melíferas e un recurso alimentario para as larvas de varias especies de lepidópteros.

Etimoloxía

A procedencia do nome do xénero Acer é incerta. Unha das teorías é que procede do latín acer, -is (afiado), referido ás puntas características das follas ou á dureza da madeira que, supostamente, se utilizaría para fabricar lanzas. O primeiro en aplicalo ao xénero foi o botánico francés Joseph Pitton de Tournefort en 1700.

O nome galego pradairo (bordo en portugués) vén quizais polo seu parecido co plátano (xénero Platanus), por iso tamén recibe o nome de plátano bastardo ou falso plátano. Tamén é designado ás veces co galicismo sicómoro, mais este nome pode levar á confusión coa especie homónima (Ficus sycomorus), unha árbore común no leste da rexión mediterránea e citada na Biblia, coa cal non ten moito parentesco mais apenas unha vaga semellanza na forma das follas.

Usos e simbolismo

Os pradairos son moi cultivados coma ornamentais, para elaborar xaropes e como madeira de construción. Algunhas especies presentan unha fermosa cor outoniza, especialmente as especies xaponesas e norteamericanas.

O pradairo azucreiro (Acer saccharum) é utilizado para a extracción da saiba, que logo de ser fervida produce o (xarope de pradairo), co que se fan doces. Quebec é o maior produtor de produtos obtidos do zume dos pradairos.

A madeira emprégase na fabricación dos bates de béisbol aprobados pola MLB e diversas ligas de béisbol arredor do mundo. Tamén se emprega para a fabricación de instrumentos musicais como a gaita; a súa alta densidade e propiedades sonoras fana favorita para dito uso.

A folla do pradairo é un destacado símbolo nacional no Canadá e está representada na súa bandeira.

En Galicia a madeira do pradairo bravo empregábase para fabricar zocas e gaitas.

Especies representativas

Acer palmatum var amoenum cv Sanguineum2
Acer palmatum var amoenum cv 'Sanguineum'.
Acer monspessulanum seeds 01 by Line1
Detalle dunha póla de Acer monspessulanum con sementes.
Acer ukurunduense (200707)
Acer Ukurunduense.
  • Acer barbatum Michx. – Pradairo de Florida ou pradairo do sur azucrado[1]
  • Acer buergerianum Miq. – Pradairo tridente
  • Acer cappadocicum Gled. - Pradairo da Capadocia
  • Acer campestre L. - Pradairo campestre
  • Acer circinatum Pursh
  • Acer ginnala Maxim. - Pradairo de Manchuria
  • Acer griseum Franch. Pax- Pradairo de papel
  • Acer heldreichii Orph. ex Boiss. – Pradairo de Heldreich
  • Acer japonicum Thunb.- Pradairo "lúa chea"
    • Acer japonicum aureum - Pradairo dourado do Xapón.
  • Acer macrophyllum Pursh- Pradairo de folla grande.
  • Acer micranthum Siebold & Zucc.
  • Acer monspessulanum L. - Pradairo de Montpellier
  • Acer negundo L.- Pradairo negundo, Negundo
  • Acer opalus Miller
  • Acer palmatum Raf.- Pradairo xaponés, pradairo palmado xaponés
    • var. atropurpureum - follaxe púrpura/escarlata no verán.
    • var. dissectum - arbustivo, aspecto de fento.
    • var. dissectum atropurpureum - follaxe púrpura (semellante ao anterior)
    • var. heptalobum - crecemento horizontal
    • var. senkaki - follaxe de cor coral
  • Acer platanoides L. - Pradairo real, Pradairo noruegués.
  • Acer pseudoplatanus L. - Pradairo común, pradairo bravo.
  • Acer rubrum L. - Pradairo vermello.
    • var. variegatum - follas con manchas brancas.
    • var. auratum - tons dourados.
    • var. violaceum - casca verde azulada.
    • var. crispum - follas ensortilladas.
  • Acer saccharinum L. - Pradairo prateado.
  • Acer saccharum Marshall - Pradairo azucreiro, Pradairo do azucre.
  • Acer tataricum L.

Notas

  1. Whether this or A. floridanum is the proper name of this taxon is subject to contention, as Michaux's original material was a mix of A. barbatum & A. rubrum. It is often treated as a subspecies of A. saccharum: A. s. subsp. barbatum (Michx.) Desmarais.

Véxase tamén

Bandeira do Canadá

A bandeira do Canadá, tamén coñecida en inglés como The Maple Leaf (a bandeira da folla de pradairo») e en francés como l'Unifolié («a bandeira cunha soa folla»). oficialmente chamada Bandeira Nacional do Canadá, é unha bandeira vermella cun cadrado branco no seu centro, dentro do cal hai unha folla de pradairo vermella de 11 puntas. A súa adopción en 1965 marcou a primeira vez que unha bandeira nacional era adoptada oficialmente en Canadá para substituír á bandeira do Reino Unido. A Red Ensign («Estandarte Vermello») canadense fora empregada extraoficialmente dende os anos 1890 e foi aprobada nun decreto de 1945 para usarse en "calquera lugar ou ocasión na que sexa desexable izar unha insignia canadense distintiva".En 1964, o Primeiro ministro Lester B. Pearson organizou un comité para que tratara o asunto, provocando un serio debate acerca dun cambio de bandeira. Tendo tres opcións, elixiuse o deseño da bandeira da folla de pradairo, creado por George F. G. Stanley e John Matheson baseado na bandeira do Royal Military College. A bandeira fixo a súa primeira aparición o 15 de febreiro de 1965; esa data é celebrada anualmente dende entón como o Día da Bandeira Nacional do Canadá.

Casca

Para os significado de casca en zooloxía, véxase Caparazón.

A casca ou codia é a camada máis externa de talos e de raíces das plantas leñosas, como as árbores. Cobre e protexe a madeira e consiste de tres capas, o felóxeno, o floema, e o cámbium vascular. Pode acadar preto do 10 - 15 % do peso total da árbore.

Castroverde

Castroverde é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca de Lugo.

Cromosoma 19

O cromosoma 19 humano é un cromosoma pertencente a un dos 23 pares de cromosomas humanos. En cada célula diploide os seres humanos temos dúas copias deste cromosoma, e nas células haploides temos unha. O cromosoma 19 clasifícase como cromosoma metacéntrico tendo en conta a posición do seu centrómero. O cromosoma 19 comprende algo máis de 63 millóns de pares de bases e representa entre o 2 e o 2,5 % do total do ADN da célula.A identificación de xenes é un eido da xenética en activa investigación e hai diferentes métodos para determinar o número de xenes nun cromosoma, polo que as cifras poden variar segundo as fontes. O número estimado de xenes do cromosoma 19 probablemente está entre 1.300 e 1.700.

O cromosoma 19 é o de maior densidade de xenes do noso xenoma. Unha cuarta parte do cromosoma está ocupado por familias de xenes en tándem.

Cromosoma 6

O Cromosoma 6 humano é un cromosoma pertencente a un dos 23 pares de cromosomas humanos. Igual ca ocorre cos demais cromosomas (agás o X e Y nos homes), nas células haploides hai un só cromosoma 6, e nas diploides hai dous (un par). Pola posición do centrómero considérase un cromosoma submetacéntrico. O cromosoma 6 contén case 170 millóns de pares de bases, polo que é un dos cromosomas máis longos secuenciados ata agora)

e representa entre o 5,5 e o 6 % do total do ADN na célula. Entre outros xenes, nel encóntrase o complexo maior de histocompatibilidade (CMH ou, en inglés, MHC), tamén chamado sistema HLA, que contén arredor de 100 xenes e está relacionado coa resposta inmunitaria do organismo, que xoga un papel fundamental nos trasplantes de órganos.

Como para a identificación de xenes se utilizan diversos métodos, o número de xenes estimada para un determinado cromosoma pode variar segundo o método utilizado. Calcúlase que o cromosoma 6 probablemente ten entre 2.000 e 2.057 xenes.

Guitarra eléctrica

Unha guitarra eléctrica é unha guitarra cun ou máis transductores electromagnéticos ("pastillas") que converten as vibracións das cordas en sinais eléctricas capaces de ser amplificadas e procesadas. Hai guitarras sen caixa de resoancia (guitarra eléctrica sólida) ou cunha caixa máis pequena do habitual (semisólida), ás veces con buratos cara o exterior con formas en "f" semellantes aos das caixas de resoancia dos violíns e outros instrumentos acústicos.

Inventada en 1931, a guitarra eléctrica fíxose moi necesaria para os músicos de jazz xa que estes precisaban amplificar o seu son debido a que o resto dos instrumentos das bandas tiñan unha sonoridade máis alta. Dende entón a guitarra eléctrica converteuse no instrumento máis importante da música popular, e é moi usada en moitos estilos, incluíndo todos os xéneros de rock and roll, heavy metal, música country, pop, jazz, blues, e incluso a música clásica contemporánea.

Negundo

O pradairo negundo ou simplemente negundo (Acer negundo), é unha especie de árbore cadicifolia da familia Sapindaceae nativa de América do Norte.

En Galiza aparece coma ornamental en parques urbanos e arboredos.

Oídio

Oídio, é o nome dun fungo do filo dos ascomicetos, do que existen varias especies que poden ser parasitos da vide e outras plantas, sobre as que provocan unha enfermidade que as cobre dunha camada pulverulenta e cinsenta abrancazada de micelio en forma de estrela principalmente na parte axial. Os talos tamén poden verse afectados. Nun ataque forte as follas tórnanse amarelas e despois muchan.

Platanus

Platanus é o xénero ao que pertencen as arbores chamadas comunmente plátanos, da familia Platanaceae, nativas da Eurasia e de América do Norte. Son típicas dos climas subtropical e temperado. Polo xeral, son árbores de interese ornamental, podendo atinxir máis de 30 metros de altura. Posúen follas lobadas semellantes ás do pradairo común, que se tornan amareladas e avermelladas no outono antes de caeren no inverno, diferenciándose, porén, dos pradairos polas flores reunidas en inflorescencias globosas, en contraste cos amentos presentes nos pradairos, e tamén pola ausencia de resina nos plátanos, entre outras diferenzas estruturais menores.

O xénero Platanus comprende dez especies e varios híbridos, cultivados para fins ornamentais. Os exemplares máis antigos deste grupo datan do Cretáceo (ca. 115 millóns de anos).

Moitas veces, crese que a folla do plátano é a que está simbolizada na bandeira do Canadá. No entanto, a folla ilustrada é a de pradairo vermello; a confusión ocorre debido á semellanza física entre elas. As dúas árbores pertencen a xéneros diferentes: plátano (Platanus) e pradairo vermello (Acer).

Pradairo azucreiro

O pradairo azucreiro (Acer saccharum), é unha especie de árbore caducifolia pertencente ao xénero dos pradairos, á familia das sapindáceas. Moitas veces a especie considérase a mesma que a chamada Acer nigrum (pradairo negro) mais algúns autores consideran que é unha especie de pradairo diferente moi achegdo a Acer saccharum; moitos tránana de subespecie: Acer saccharum subsp. nigrum..

O xarope de pradairo obtense do zume deste pradairo norteamericano. En Galiza non aparece.

Pradairo común

O pradairo común ou pradairo bravo, tamén chamado sicómoro, (Acer pseudoplatanus L.) é unha árbore caducifolia do xénero Acer, da familia Sapindaceae, antes da antiga familia Aceraceae, común en Galicia, especialmente en solos húmidos. Moitas veces recibe simplemente o nome de pradairo.

Pradairo de Montpellier

O pradairo de Montpellier (Acer monspessulanum) é unha especie de pradairo nativa da rexión mediterránea, estendida desde Marrocos e Portugal no oeste até Turquía e o Líbano no leste, cara o norte chega até os montes Xura en Francia e ata Alemaña. En Galiza aparece coma ornamental.

Pradairo real

O pradairo realAcer platanoides, tamén coñecido coma pradairo noruegués, é unha especie arbórea pertencente á familia das aceráceas. Non aparece en Galiza de xeito espontáneo, atopándose coma ornamental nalgúns parques e xardíns.

Pradairo vermello

O pradairo vermello ou pradairo rubio (Acer rubrum ) é unha das árbores caducifolias máis comúns e espalladas do leste de América do Norte. A súa distribución vai desde o lago dos Bosques na raia entre Ontario e Minnesota, ao leste até a Terranova, ao sur até preto de Miami (Florida), e ao suroeste até o leste de Texas. É amplamente cultivado en parques e xardíns, onde existe unha gran variedade de cultivares. O seu zume tamén se utiliza para producir xarope de pradairo. Atopámolo en Galiza coma ornamental en xardíns urbanos.

Pradairo xaponés

O pradairo xaponés, ou pradairo palmado xaponés (Acer palmatum) (en xaponés:イロハカエデ irohakaede), é unha especie de pradairo nativa do Xapón e de Corea do Sur. Algunhas autoridades consideran que tamén é nativa da China, mais en Flora da China trata os pradairos semellantes chineses coma especies separadas. En Galiza é común coma ornamental na xardinaxe urbana principalmente en parques, e cada vez máis en xardíns privados pola beleza da follaxe e do porte.

San Pedro de Neiro, A Fonsagrada

San Pedro de Neiro é unha parroquia do concello da Fonsagrada, na provincia de Lugo. Tiña 89 habitantes en 2016, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, 44 homes e 45 mulleres. O que supón unha diminución de 22 habitantes respecto ao ano 2007 cando tiña 111 habitantes (55 homes e 56 mulleres).

Serra do Mirador

A serra do Mirador atópase na fronteira dos concellos de Pol, Castroverde e Baleira, onde se pode ver unha vista panorámica das terras dos tres concellos. O punto máis alto desta serra está localizado no monte Pradairo a 1.034 metros de altitude.

O sector occidental está conformado por xistos, calcarias e dolomías, o central de bandas paralelas de pelitas e areíscas envolvidas por faixas estreitas de cuarcitas.

Na parte oriental nace o río Eo e o seu afluente o río Martín, así como tamén varios regos das súas cabeceiras.

Sámara

Unha sámara é un aquenio ou froito seco, indehiscente que ten o pericarpo estendido a modo de á membranosa. Este tipo de froito ten como función facilitar a dispersión da semente valéndose do ar. Entre as especies vexetais que producen sámaras están varias árbores, como os pradairos, os freixos e os ulmeiros.

Xarope de pradairo

O xarope de pradairo é un xarope feito a partir da auga e do zume de pradairo (Aceraceae) de comezos da primavera, que foi concentrado por ebulición. Faise nas forestas de América do Norte (sobre todo Ontario, Quebec e Vermont) e véndese hoxe en día en todo o mundo.

A técnica xa era dominada polas poboacións indíxenas do Canadá cando os europeos chegaron. Utilizábase en particular coma alimento tónico na primavera. Nomerosas lendas amerindias escenifican o xarope de pradairo.

O xarope de pradairo non é un doce moi popular en Europa, tampouco en Galiza, aínda que se pode atopar nalgúns supermercados. Adóitase empregar para adozar torradas, filloas, chulas etc, coma se fose mel.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.