Préstamo

Un préstamo lingüístico é un elemento xeralmente lexical que unha lingua toma doutra. Os préstamos son resultado do contacto con novas realidades que hai que designar.

Clasificación dos préstamos

Segundo o ámbito de actuación poden ser:

  • Préstamo fonético: cando o novo elemento é un fonema.
  • Préstamo morfolóxico: cando o elemento introducido é morfoloxía.
  • Préstamo sintáctico: cando o elemento introducido é unha estrutura sintáctica.
  • Préstamo lexical: cando o elemento novo é unha palabra.

Segundo a vía de entrada poden ser:

  • Préstamos directos: o préstamo é resultado do contacto directo entre as dúas linguas.
  • Préstamos indirectos: cando a introdución do préstamo é por medio dunha lingua intermedia.

Véxase tamén

Outros artigos

Anunciación (Leonardo, Uffizi)

A Anunciación (Annunciazione, en italiano) é un óleo sobre panel de Leonardo da Vinci, pintado entre 1472 e 1475, cunhas medidas de 98,4 × 217 cm.

Representa o arcanxo Gabriel no momento que anunciaba a María que fora escollida polo Señor para ser a nai de Xesús, de acordo co evanxeo de Lucas 1:26.

A obra permaneceu oculta até 1867, cando foi transferida desde un convento próximo a Florencia á Galería Uffizi, tamén en Florencia.

Desde entón, algúns investigadores mostraron a pintura como o primeiro traballo de Leonardo da Vinci, pero outros atribúena a outros pintores, como Ghirlandaio ou Verrocchio.

As ás do anxo foron pintadas con precisión naturalista, un exemplo da curiosidade científica típica da carreira de Leonardo. Usou o seu coñecemento sobre as ás dos paxaros para facer as do anxo. No primeiro plano, o pintor representa un tipo de tapete en flor no que todas as flores foron pintadas con precisión.

Banco Mundial

O Banco Mundial é unha institución financeira internacional que proporciona préstamos aos países en vías de desenvolvemento para os programas de capital. Componse de dúas institucións: o Banco Internacional para a Reconstrución e o Desenvolvemento (BIRD) e a Asociación Internacional para o Desenvolvemento (AID). O Banco Mundial é un compoñente do Grupo do Banco Mundial, e membro do Grupo para o Desenvolvemento das Nacións Unidas.

O Banco Mundial traballa con outra entidade, o Fondo Monetario Internacional (FMI), o cal dá financiamento para alixeirar os problemas na balanza dos pagos da débeda. Ambos son coñecidos como "Institucións de Bretton Woods", posto que a conferencia internacional que levou á creación destas institucións e onde se asinaron os Acordos de Bretton Woods levouse a cabo no pobo homónimo, Bretton Woods, parte do municipio de Carroll, no estado de Nova Hampshire (Estados Unidos de América), do 1 ao 22 de xullo de 1944.

O obxectivo oficial do Banco Mundial é a redución da pobreza. De acordo co seu Convenio constitutivo, todas as súas decisións teñen que ser guiadas por un compromiso coa promoción da investimento estranxeiro e o comercio internacional e a facilitación do investimento de capital.

Biblioteca Pública Central de Vigo

A Biblioteca Pública Central de Vigo, tamén coñecida dende 2013 como Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel, é unha biblioteca de acceso público na cidade de Vigo.

Biblioteca Ánxel Casal

A Biblioteca Ánxel Casal é unha biblioteca pública da cidade de Santiago de Compostela, en Galicia. Está situada nun edificio de nova construción, cunha superficie de 5.000 m2. En 2010 contaba cunha colección de 90.000 títulos, a meirande parte deles de libre acceso, e un total de 418 postos de lectura.

É unha das bibliotecas nodais das seis que se integran na Rede de Bibliotecas de Galicia.

O nome da biblioteca provén de Ánxel Casal, antigo alcalde da cidade e fundador da Editorial Nós

Bicicleta

Unha bicicleta ( pronunciación ) (do francés bicyclette, e este do latín bis, "dúas veces", e do grego κύκλος, kúklos, "círculo") é un vehículo sen motor de dúas rodas dispostas en liña e fixadas a un cadro. Serve para o transporte de persoas e mercancías. Móvese grazas á forza que o ciclista exerce sobre os pedais, que é transmitida ás rodas.

O nome do vehículo moderno data de 1869. Varios antecedentes desta máquina foron coñecidos como velocípedes, nome que data do século XVIII.

En moitos países a bicicleta é un dos principais medios de locomoción e de transporte de mercadorías para distancias curtas e medias. É un medio de transporte san, ecolóxico, sostible e moi económico, tanto para trasladarse por cidade coma por zonas rurais. O seu uso está especialmente difundido nos países da Europa central e nórdica e nos países pouco desenvolvidos. Tamén existen diversas modalidades deportivas que se practican con este vehículo.

Introducida no século XIX en Europa, tivo un impacto considerable na historia, tanto na cultura como na industria. No ano 1996 fabricáronse 101 millóns de bicicletas e só entre 1990 e 1996 máis de 700 millóns. No mundo hai máis de 1.000 millóns de bicicletas, máis do dobre que automóbiles, e a súa fabricación triplicou a destes todos os anos dende 1987.

Burgos

Burgos é unha cidade española de Castela e León, capital da provincia de Burgos. Conta cunha poboación de 179.097 habitantes, segundo os datos demográficos de 2013, repartidos nunha superficie de 107,08 km², converténdose na 37ª cidade máis poboada de España, e a segunda da comunidade.

Aínda que hai probas de asentamentos neolíticos e da Idade de Ferro, a cidade como tal fundouna o conde castelán Diego Porcelos no ano 884 para frear o avance musulmán. No ano 930 converteuse en capital do condado de Castela primeiro dependente do reino de León e independente despois por actuación do conde Fernán González. Foi a capital do reino de Castela, e de xeito intermitente da Coroa de Castela, desde 1230 ata o reinado dos Reis Católicos. Estes ditaron na cidade, en 1512, as Leis de Burgos; as primeiras leis que a Monarquía Hispánica aplicou en América para organizar a súa conquista. Posteriormente foi a capital da antiga rexión histórica de Castela a Vella, e primeira capital provisional da comunidade autónoma de Castela e León.

Conta cun anel verde e un amplo conxunto monumental entre os cales destacan a catedral de Santa María, expoñente da arquitectura gótica declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, o mosteiro de Santa María la Real de las Huelgas e a cartuxa de Miraflores. Ademais, a cidade é atravesada polo Camiño de Santiago, outro Patrimonio da Humanidade e atópase a menos de 15 km de Atapuerca, tamén baixo a protección da UNESCO desde o ano 2000. O día 13 de xullo de 2010, abriu as súas portas o Museo da Evolución Humana.

Calcio Catania

O Calcio Catania é un club de fútbol italiano da cidade de Catania, en Sicilia. Fundouse en 1908 e compite na Serie C.

Diacríticos do alfabeto latino

O alfabeto latino coñeceu, antes no mundo occidental e máis tarde, tras os diferentes períodos de colonización, en todo o mundo, unha extensión xeográfica considerábel: ao longo da súa historia, foi conservado ou tomado en préstamo por numerosos pobos que se serviron del para escribiren a súa lingua. Foi destinado ao principio á lingua dos romanos, que xa non transcribía con demasiada fidelidade, polo seu número reducido de grafemas. As linguas que o empregaron deberon, para ampliar as posibilidades dunha transcrición máis fiel, ou ben proverse de novas letras, ou ben crear novas unidades unindo varias (como os dígrafos e as ligaduras), ou ben, finalmente, modificar letras xa existentes por medio de diacríticos.

Os signos obtidos poden ser considerados como novos grafemas, incluídos no alfabeto da lingua, ou como variantes do grafema fundamental que os leva, sen formar parte do alfabeto. Esta distinción é moi importante para a clasificación alfabética das palabras dun dicionario. Así, no galego e no castelán, a letra con diacrítico ñ considérase como unha letra independente, situada tras o n, mentres que á, é, í, ó, e ú son considerados como variantes. En francés ningunha das variantes con diacrítico de e (a saber: é, è, ê e ë) se considera como distinta do e a efectos da clasificación alfabética.

El Mundo

El Mundo del siglo XXI, máis coñecido como El Mundo, é un xornal español. Ten a súa sede en Madrid e conta con edicións rexionais en lugares como Galicia, Cataluña, País Vasco, Andalucía, Almería, Huelva, Comunidade Valenciana, Castela-A Mancha, Castela e León, Illas Baleares, Alacant ou Cantabria. Tamén conta con edición aberta en Internet chamada elmundo.es. O seu director é Pedro J. Ramírez.

A empresa editora, Unidad Editorial S. a., é dona tamén do Grupo Recoletos, ambas propiedade á súa vez do grupo RCS MediaGroup (Rizzoli), que controla o diario italiano de maior tirada, o Corriere della Sera, e que marca as directrices xerais de acción. O Grupo Unidad Editorial está presidido pola historiadora e académica María del Carmen Iglesias Cano e edita, ademais do diario El Mundo, outras publicacións como Marca, Expansión, Telva ou La aventura de la Historia, entre outras.

O 8 de marzo de 2010 El Mundo lanzou Orbyt, a plataforma de contidos de pago na que ademais de contar con catro seccións específicas, tamén se pode consultar a hemeroteca do xornal, opinar, interactuar coa redacción e beneficiarse de promocións ou descontos exclusivos.

Fiorde

Un fiorde (do noruegués fjord) é un val formado pola erosión que a entrada dun glaciar fixo ao profundar na terra. Normalmente son estreitos e están bordeados por empinadas montañas, que nacen por debaixo do nivel do mar. Os fiordes sitúanse principalmente na costa oeste da península escandinava, onde son un dos elementos xeolóxicos máis emblemáticos da paisaxe.

Hipoteca

A hipoteca é un dereito real. Constitúese en garantía dunha obrigación e, para a súa constitución, require escritura pública e inscrición no rexistro da propiedade.

Inti

Inti é un antigo deus solar da mitoloxía inca. É adorado como o patrón nacional do estado inca. Malia que é considerado por moitos como o deus Sol, é máis exacto consideralo como un conxunto de aspectos relacionados co Sol, xa que os incas dividían a súa identidade segundo as súas diferentes fases. Adorado como deus patrón do Imperio Inca, Pachacuti é considerado como a orixe da expansión do culto do Sol inca. A historia máis común arredor del di que é fillo de Viracocha, o deus da civilización.De acordo co lingüista Rodolfo Cerrón-Palomino, a verba inti non é de orixe quechua senón que é un préstamo da extinta lingua puquina. A teoría do préstamo puquina explica porqué linguas non relacionadas xeneticamente como o quechua, o aimará e o mapuche teñen palabras semellantes para nomear o Sol.

Mar de Okhotsk

O Mar de Okhotsk (do ruso Ojótskoe more, Охотское море) é a parte máis occidental do Océano Pacífico, que se atopa rodeado pola Península de Kamchatka e as disputadas Illas Kuriles polo leste; a illas xaponesa de Hokkaido polo sur; e a illa de Sakhalin, a provincia de Amur en Siberia e Siberia oriental dende as illas Sahantar até Ojotsk polo oeste.

Cobre unha superficie de 1 583 000 km², cunha profundidade media de 821 metros e máxima de 3.521 . A maior parte do mar, excepto a área que rodea as illas Kuriles, está conxelado durante todo o inverno. A única illa que non se atopa preto das costas é a diminuta Illa de San Xonás. En verán, os iceberg derrétense e o mar volve ser navegable.

En xaponés o nome do mar chámase Ohotsukukai (オホーツク海) polo préstamo do nome ruso.

New wave of American heavy metal

O new wave of American heavy metal (literalmente galego: nova onda do heavy metal americano), abreviado comunmente coma NWOAHM, é un movemento musical dentro do heavy metal orixinado nos Estados Unidos e no Canadá a comezos e mediados dos anos 1990 e que se espallou principalmente a comezos e mediados da primeira década dos anos 2000. Algúns dos grupos considerados como parte deste movemento formáronse a finais dos anos 1980, pero non foron influentes ou non acadaron popularidade ata a década seguinte. O termo en si mesmo é un préstamo procedente do movemento previo do new wave of British heavy metal dos anos 70 e 80. O NWOAHM engloba unha gran variedade de estilos musicais, incluíndo o metal alternativo, o groove metal, o metal industrial, o nu metal e o metalcore.

Malia que o termo foi empregado polos medios cunha cada vez maior frecuencia, a definición exacta do movemento non chegou a definirse por completo. Isto débese en parte ó cada vez maior número de grupos que asimilan os estilos comúns dentro do NWOAHM pero que non se diferencian o suficiente como para que os medios os consideren dentro dun xénero propio. Varios dos grupos incluídos dentre deste movemento foron acreditados coma responsables de traer o heavy metal de novo á corrente principal da música.

Rangers F.C.

O Rangers Football Club é un club de fútbol da localidade de Glasgow (Escocia) que adoita ser chamado Glasgow Rangers inda que oficialmente ese nome non o posúa ningún equipo de fútbol. Este costume de darlle esta denominación a puxeron ben de moda os comentaristas ingleses dos partidos de fútbol que falaban do Glasgow Rangers pra tentar face-la diferenciación con respecto ó Queens Park Rangers londinense. Tamén ten denominacións alternativas coma os alcumes "The Gers" que non deixaría de se-la abreviación de The Rangers, "Light Blues" pola cor da súa camisola e "The Teddy Bears" pola rima que isto fai con Rangers.

En 2012 o Rangers F.C. entrou nunha profunda crise financeira debido a problemas coa administración de impostos do Reino Unido, polo que o 14 de xuño do mesmo ano, tras non poderse solucionar a dura situación económica do club, o equipo desapareceu, véndose obrigado a refundarse na Terceira División escocesa.

Sincronía e diacronía

A sincronía é un concepto lingüístico referido á percepción nun momento concreto da historia dos diversos aspectos dunha lingua.

A oposición entre sincronía e diacronía, así como estes dous termos nesta acepción, débense a Ferdinand de Saussure, primeiro lingüista que separou claramente os dous puntos de vista. Esta oposición é frutífera tamén en filosofía, onde foi explotada entre outros por Barthes e Sartre.

O enfoque sincrónico estuda unha lingua nun momento preciso da súa historia. O termo procede do grego συν-, «con» e χρόνος, «temps». A gramática escolar é esencialmente sincrónica: indica cales son as normas consideradas como regras dunha lingua, que poden ter mudado desde estados anteriores.

O enfoque diacrónico estuda historia da lingua e as súas evolucións (etimoloxía, evolucións fonéticas, semánticas, léxicas, sintácticas etc.). O termo é un préstamo culto construído sobre raíces gregas, δια-, «a través», e χρόνος, «tempo». A Lingüística comparada, por exemplo, ten un enfoque diacrónico.

Sincrónico é equivalente a estático, diacrónico éo a evolutivo ou histórico. Son dúas perspectivas diferentes á hora de observar unha mesma realidade: o sistema nun momento dado e o sistema en desenvolvemento, inda que, se se ten en conta o carácter parcialmente innovador de todo acto lingüístico, só existe o aspecto diacrónico, mentres que o aspecto sincrónico é unha abstracción científica necesaria para estudar como funciona a lingua. Ó aspecto sincrónico correspóndelle a disciplina denominada gramática e que, en sentido amplo do termo, é a descrición do sistema da lingua; ó aspecto diacrónico correspóndenlle a gramática histórica e a historia da lingua.

Spanair

Spanair S.A. foi unha aeroliña española que tivo a súa base no aeroporto de Barcelona. Ata o ano 2009 foi subsidiaria do SAS Group, a mesma compañía á que pertence Scandinavian Airlines. O 25 de xaneiro a aeroliña estaba nunha situación económica complicada e o goberno de Cataluña aprobou un plan de préstamo de 10,5 millóns de euros para intentar salvala. A compñía reduciu custos e os ingresos melloraron, pero o 27 de xaneiro de 2012 cesou todas as súas operacións despois de que non se conseguise chegar a un acordo de rescate con Qatar Airways. Spanair foi membro de Star Alliance dende 2003 ata a súa desaparición.

Taikyoku

Taikyoku (xaponés: 太極) é unha serie de cinco kata do karate, no conxunto orixinal, apenas tres, que foi creada polo mestre Gichin Funakoshi, co obxectivo de facer máis doada a aprendizaxe dos kata e da propia arte marcial. O seu enbusen, é dicir, as liñas imaxinárias sobre as cales o practicande debe desprazarse, é un préstamo do kata heian shodan, que posúe unha forma de movementos máis simple, asimilándose á letra "I" romana.

Tradución

A tradución (< latín traducere: facer pasar dun lugar a outro) é unha actividade que comprende a interpretación do significado dun texto nun idioma, chamado texto orixe, a un texto equivalente noutro idioma, chamado texto meta. Tamén o produto desta actividade, o texto meta, denomínase tradución.

Tradicionalmente, a tradución foi unha actividade desenvolvida por humanos, aínda que hai numerosos intentos de automatizar a tarefa de traducir textos naturais (tradución automática) ou de utilizar ordenadores para axudar a esta tarefa (tradución asistida por ordenador). Un exemplo de tradución asistida sería o uso dunha memoria de tradución.

O obxectivo da tradución é crear unha relación de equivalencia entre o texto orixe e o texto meta, é dicir, a seguridade de que ambos os textos comuniquen a mesma mensaxe, á vez que se teñen en conta aspectos coma o xénero textual, o contexto, as regras da gramática de cada un dos idiomas, as convencións estilísticas, a fraseoloxía etc.

É importante diferenciar a tradución da interpretación: No primeiro caso, transfírense ideas expresadas por escrito dunha lingua a outra, mentres que na interpretación as ideas exprésanse oralmente ou mediante a xesticulación (como acontece na linguaxe de signos) dunha lingua a outra.

Segundo a análise dos procesos implicados na tradución e interpretación, poderíase considerar que esta última constitúe unha subcategoría da tradución[Cómpre referencia].

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.