Posmodernismo

O termo posmodernismo[1] designa xeralmente a un amplo número de movementos artísticos, culturais e filosóficos do século XX, definidos en diverso grao e maneira pola súa oposición ou superación do modernismo.

Historia da arte
Arte contemporánea
MonaLisa sfumato.jpeg
Arte prehistórica
Arte antiga
Arte medieval
Arte occidental
Arte contemporánea
Arte etnográfica
Arte americana
Arte africana
Arte asiática
Arte islámica

Historia

As distintas correntes do movemento posmoderno apareceron ó longo do terzo central do século XX. Histórica, ideolóxica e metodoloxicamente diversos, comparten así a todo un parecido de familia centrado na idea de que a renovación radical das formas tradicionais na arte, a cultura, o pensamento e a vida social impulsada polo proxecto modernista fracasou no seu intento de lograr a emancipación da humanidade, e de que un proxecto semellante é imposible ou inalcanzable nas condicións actuais.

Fronte ó compromiso rigoroso coa innovación, o progreso e a crítica das vangardas artísticas, intelectuais e sociais, ó que considera unha forma refinada de teoloxía autoritaria, o posmodernismo defende a hibridación, a cultura popular, o descentramento da autoridade intelectual e científica e a desconfianza ante os grandes relatos.

Antecedentes do termo

Bauhaus dessau
Escola da Bauhaus.

Se ben a acepción máis usual do posmodernismo se popularizou a partir da publicación da obra La Condition posmoderne: rapport sur le savoir de Jean-François Lyotard en 1976, varios autores empregaran o termo con anterioridade.

O pintor inglés John Watkins Chapman designou como posmodernismo unha corrente pictórica que intentaba superar as limitacións expresivas do impresionismo sen recaer no convencionalismo da pintura académica; o termo non se popularizou, preferíndose a designación de postimpresionismo suxerida polo crítico Roger Fry. Inda que o posmodernismo neste sentido non garda máis ca unha relación moi distante co posmodernismo tal como se entende habitualmente; coincidindo polo xeral, de feito, cos principios teóricos e metodolóxicos do modernismo artístico; a relación de ambigüidade entre a superación e a conservación que dificulta a definición do mesmo xa se fai aparente aquí. O uso que Arnold J. Toynbee faría do termo para indicar a crise do humanismo renacentista a partir da década de 1870 está relacionado con este.

En 1934 o crítico literario Federico de Onís empregou por primeira vez o posmodernismo como unha reacción fronte á intensidade experimental da poesía modernista ou vangardista, identificada sobre todo coa produción da primeira época de Rubén Darío; de Onís suxire que os distintos movementos de retorno ou recuperación da sinxeleza lírica, da tradición clásica, do prosaísmo sentimental, do naturalismo, da tradición bucólica etc; son provocados pola dificultade das vangardas, que as illa do público. Varios destes trazos reaparecerán en análises posteriores, inda que a obra de de Onís non deixou pegada directa na tradición teórica.

O uso do termo por Bernard Smith en 1945 para designar a crítica á abstracción por parte do realismo soviético e por Charles Olson para indicar a poesía de Ezra Pound estaba a cabalo entre as dous concepcións anteriores. Se ben subliñaba a ruptura coas tendencias do modernismo, carecíase dunha armazón teórica que permitise distinguir a produción das vangardas; en si complexa e multiforme; da dos seus críticos dunha maneira decisiva.

Só a fins da década de 1950, a partir dos traballos dos críticos literarios Harry Levin, Irving Howe, Ihab Hassan, Leslie Fiedler e Frank Kermode, o termo comezou a utilizarse dunha maneira sistemática para designar a ruptura dos escritores de posguerra cos trazos emancipatorios e vangardistas do modernismo, concibido este último como a exploración programática da innovación, a experimentalidade, a autonomía crítica e a separación do cotián. A concepción non estaba exenta de dificultades, e algúns autores ós que Levin e Howe — ambos intelectuais comprometidos e de esquerdas; criticaron, como Samuel Beckett, foron simultaneamente percibidos por outros teóricos da cultura; entre eles Theodor Adorno, un modernista destacado en dereito propio— como a forma máis refinada de modernismo. Así a todo, o central desta noción; o posmodernismo como renuncia á teleoloxía emancipadora das vangardas; segue sendo considerado o trazo máis distintivo do posmodernismo.

O trazo fundamental da ruptura non estivo na corrección da frialdade e as deficiencias arquitectónicas dos edificios modernistas, senón no rexeitamento absoluto da posibilidade de producir unha innovación verdadeiramente radical. O eixo do pensamento moderno; tanto nas artes como nas ciencias; estivera centrado na idea de evolución ou progreso, entendido como a reconstrución de tódolos ámbitos da vida a partir da substitución da tradición ou convención polo exame radical non só do saber transmitido; como por exemplo a forma sinfónica en música, o retrato de corte en pintura ou a doutrina clásica da alma en antropoloxía filosófica; senón tamén das formas aceptadas de organizar e producir ese saber; como a tonalidade, a perspectiva ou a primacía da conciencia; a noción de descontinuidade adquirira dignidade filosófica a través da interpretación marxista e nietzcheana da dialéctica de Hegel. O posmodernismo desistiu do proxecto desta evolución; nas súas formas máis agudas filosoficamente, habería de intentar desmontar dende dentro o proxecto modernista ó afirmar que a evolución total presupuña a constancia do seu suxeito, o individuo autónomo.

Véxase tamén

Outros artigos

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para post-.
Angela Carter

Angela Olive Carter, de solteira Angela Olive Stalker, nada en Eastbourne, Sussex o 7 de maio de 1940 e finada en Londres o 16 de febreiro de 1992, foi unha xornalista e novelista británica.

Arte contemporánea

A arte contemporánea refírese tanto ás artes visuais practicadas hoxe en día como á arte feita dende os anos 60 ata o Século XXI. A Arte Contemporánea pode verse como unha Arte posmoderna ou arte que está en contra do Modernismo. Aínda así, o termo posmodernismo pode referirse ó tempo comprendido dende os anos 60 ata hoxe e á arte feita hoxe en día, debido a que moitos artistas seguen a traballar no eido do Modernismo. Nestas últimas décadas , o “contemporáneo” converteuse no termo preferido, sendo no século XXI as Galerías de Arte Contemporánea as que traballan a prol das novas artes.

Arte posmoderna

O posmodernismo en sentido artístico abrangue un gran número de correntes dende os anos 1950 ata a actualidade; é difícil precisar en xeral os límites entre as realizacións máis arriscadas do modernismo e as primeiras obras posmodernas, inda que algunhas artes; entre as que destaca a arquitectura; gozaron dun movemento posmoderno programático e organizado dende moi cedo. Os trazos máis notables da arte posmoderna son a valoración das formas industriais e populares, o debilitamento das barreiras entre xéneros e o uso deliberado e insistente da intertextualidade, expresada frecuentemente mediante a colaxe'.

Don DeLillo

Don DeLillo, nado en Nova York o 20 de novembro de 1936 é un escritor estadounidense, coñecido polas súas novelas que retratan a vida do seu país a finais do século XX e principios do XXI. É considerado pola crítica especializada unha das figuras centrais do posmodernismo literario.

Filosofía

A filosofía (do grego - φιλοσοφία philos / sophia, "amor á sabedoría") é o estudo das cuestións xerais e fundamentais relacionadas coa natureza da existencia humana; do coñecemento; da verdade; valores morais e estéticos; da mente; tanto da lingua como do universo no seu conxunto en suma pódese dicir que é a procura do coñecemento puro sen deixarse corromper por sistemas preestabelecidos.

A filosofía' busca cuestionar a verdade e os seus problemas. Neste senso é máis crítica que dogmática. Ata o século XVIII-XIX, facía referencia ó conxunto de saberes desinteresados e racionais, que tiñan por obxecto a comprensión xeral do home e do mundo, buscando conclusións sobre as súas causas últimas e bases máis profundas, polo que se diferenza da ciencia, que estuda de xeito único as materias que entran no seu propio campo, dende o punto de vista da súa descrición e explicación. Este foi o carácter polo que a filosofía se diferenza e deixa de ser ciencia a partir do século XIX. As súas disciplinas son a lóxica e a teoría do coñecemento, a metafísica, a estética e a ética. A psicoloxía, o mesmo que as demais ciencias, desenvolveuse a partir da filosofía.

Filosofía posmoderna

A identificación do posmodernismo en filosofía e cultura como unha entidade distinta do modernismo, e o esclarecemento dos vínculos entrambos, é unha cuestión aínda aberta na teoría contemporánea. A crítica das nocións lineais da historia levou os seus partidarios a definir como posmodernos autores do século XIX; sobre todo Friedrich Nietzsche; e aínda da Antigüidade clásica; Protágoras, Gorxias, Isócrates e outros sofistas. Este artigo examinará brevemente os precursores, pero concentrarase na produción teórica relacionada de maneira máis ou menos directa coa crise do estruturalismo nos anos 1960.

A idea dun pensamento posmoderno foi fonte de arduas discusións e aínda o continúa sendo.

Unha das fontes desta discusión encóntrase en que non é capaz de definirse en termos precisos, pois son o resultado de diferentes ideas, pensamentos e percepcións nos distintos campos da cultura occidental. Así no campo científico, a teoría da relatividade e posteriormente a física cuántica, revolucionaron a física gravitacional newtoniana e a forma de interpretar o universo. Do mesmo modo, fixérono no campo filosófico. Na ciencia foi moi importante a enunciación do Principio de Incerteza de Heisenberg, nome que define unha das maiores características do pensamento posmoderno así como as consecuencias do teorema de Bell.

O mesmo ocorreu na área da psicoloxía e da psiquiatría co devir da psicanálise e as súas diferentes escolas ata chegar a Laing e Lacan. En canto á filosofía e á literatura, a achega posmoderna é moi parecida ao que no seu momento produciu o romanticismo. Franz Kafka e Milan Kundera son dous autores exemplos. O fenómeno Rowling coa saga Harry Potter pode ser o seu corolario.

O filósofo italiano Gianni Vattimo define o pensamento posmoderno con claridade: nel o importante non son os feitos senón as súas interpretacións. Así como o tempo depende da posición relativa do observador, a certeza dun feito non é máis ca iso, unha verdade relativamente interpretada e polo mesmo, incerta. O modelo determinista da causalidade, da verdade absoluta e da teoría do tempo lineal ou a vivencia da xeometría euclidiana, foron ata hai pouco paradigmas agora superados polo coñecemento dun espazo de catro dimensións, no cal a variable tempo entón non fora tomada moi en serio.

Na literatura a fusión do espazo e do tempo na narración e a percepción difusa da realidade, así como os distintos puntos de vista do ou dos narradores, xunto á simultaneidade dos xéneros, especialmente na novela, levou á ruptura das técnicas clásicas, abolidas por unha absoluta liberdade tanto en estilo, forma e fondo. A literatura de imaxes, onde a realidade e a ficción comparten o mesmo espazo-tempo, parécese á cinematografía, na cal os debuxos animados comparten os mesmos lugares e a mesma vida cós actores de carne e óso.

A posmodernidade, por máis polifacética que pareza, non significa unha ética de carencia de valores no sentido moral, pois precisamente a súa maior influencia se manifesta no actual relativismo cultural e na crenza de que nada é totalmente malo nin absolutamente bo. A moral posmoderna é unha moral crítica do cinismo relixioso predominante na cultura occidental e fai énfase nunha ética baseada na intencionalidade dos actos e a comprensión inter e transcultural de corte secular dos mesmos.

É unha nova forma de ver a estética, unha novo orde de interpretar valores, unha nova forma de relacionarse, intermediadas moitas veces polos factores posindustriais; todas estas e moitas outras son características deste modo de pensar.

Un dos síntomas sociais máis significativos da posmodernidade encóntrase na saga de películas "Matrix", onde o realce da estética e a ausencia de culpa causal, unidos á percepción dun futuro e unha realidade incertas fanse evidentes.

Os ideólogos máis destacados na área da posmodernidade son Jean Baudrillard, Theodor Adorno, Jean-François Lyotard, Michel Foucault, Gianni Vattimo, Jacques Derrida,...

Francisco Fernández del Riego

Francisco Fernández del Riego, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913, e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010 ós 97 anos, foi un intelectual galego. Escribiu cos pseudónimos de Salvador Lorenzana e Cosme Barreiros. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.

Foi un dos principais artífices da editorial Galaxia e director xunto a Ramón Piñeiro da revista Grial nos seus primeiros cen números. Ensaísta e narrador, é autor dunha extensa obra centrada sobre todo na cultura e na literatura galega. Fernández del Riego pertence á xeración de intelectuais xurdidos arredor do grupo Nós.

Fredric Jameson

Fredric Jameson, nado en Cleveland (Ohio) o 14 de abril de 1934, é un crítico e teórico literario de ideoloxía marxista.

Hideaki Anno

Hideaki Anno (庵野 秀明, Anno Hideaki), nado en Ube o 22 de maio de 1960, é un animador, director de cinema e actor xaponés. É coñecido por ser o creador do popular anime Neon Genesis Evangelion. O seu estilo quedou definido pola incorporación do posmodernismo e da extensa representación dos pensamentos e emocións dos personaxes, a miúdo a través de escenas non convencionais que presentan a súa deconstrución mental.

Outras obras cinematográficas de Anno inclúen Gunbuster (1988), Nadia: The Secret of Blue Water (1990), Kare Kano (1998), Love & Pop (1998), Shiki-Jitsu (2000), Cutie Honey (2004), Re: Cutie Honey (2004), Rebuild of Evangelion (2007–) e Shin Godzilla (2016).Entre os animes dirixido por Anno que gañaron o Gran Premio Animage están Nadia: The Secret of Blue Water en 1990, Neon Genesis Evangelion en 1995 e 1996, e Evangelion: O final de Evangelion en 1997.

Honduras

Honduras é un país de América Central, limitado ó norte polo Golfo de Honduras, ó norte e ó leste polo Mar Caribe (por onde posúe fronteira marítima co territorio colombiano de San Andrés e Providencia), ó sur por Nicaragua, polo Golfo de Fonseca e polo Salvador e ó oeste por Guatemala. A súa capital é Tegucigalpa.

A República de Honduras é un país centroamericano cun goberno republicano presidencialista. Debúllase en dezaoito departamentos, formando, constitucionalmente, as cidades de Tegucigalpa e Comayagüela, conxuntamente, a capital da república.

Máis do 80% do territorio hondureño é montañoso, abundante en fauna e flora, con numerosos tipos de bosques e ríos. As montañas poden chegar a ter unha altura de 2.827 msnm, con vales e chairas por todo o territorio. Os vales máis importantes encóntranse próximos aos dous océanos, nas zonas norte e sur do país. Na zona central do país tamén nos atopamos con vales como o de Comayagua e o de Catacamas. A Cordilleira Centroamericana divide ao territorio entre as cordilleiras Oriental, Occidental e Central.

A poboación de Honduras é de aproximadamente 7,8 millóns de habitantes.

Inmaculada Otero Varela

Inmaculada Otero Varela, nada en Carral o 30 de xuño de 1976, é unha filóloga e ensaísta galega.

Jean-François Lyotard

Jean-François Lyotard, nado en Versalles o 10 de agosto de 1924 e finado en París o 21 de abril de 1998, foi un filósofo posmoderno coñecido especialmente pola súa orixinal filosofía do desexo e por propoñer unha política favorable ás minorías e un horizonte que conduciría a refutar calquera forma de terror e totalitarismo, así como pola súa análise sobre o impacto do posmodernismo na condición humana.

Keith Windshuttle

Keith Windschuttle, nado en 1942 é un escritor e historiador australiano, e antigo membro da ABC.

Entre as súas principais publicacións están Unemployment (1979), que analiza as casas e as consecuencias sociais do desemprego en Australia e urxe a unha resposta socialista; The Media: a New Analysis of the Press, Television, Radio and Advertising in Australia (1984), sobre o contido político e económico das novas e do entretemento dos medios de comunicación; The Killing of History (1994), unha crítica ó posmodernismo na historia; The Fabrication of Aboriginal History: Volume One: Van Diemen's Land 1803–1847 (2002), que acusa a un bo número de historiadores australianos de falsificar e inventar o grao de violencia contra os aborixes no pasado; The White Australia Policy (2004), unha historia desa política que argumenta que os historiadores e académicos esaxeraron o grao de racismo na historia de Australia; e The Fabrication of Aboriginal History, Volume Three: The Stolen Generations 1881–2008, no que explica que as "xeracións roubadas" dos nenos aborixes son un mito.

Pranto matricial

Pranto matricial é un poemario de Valentín Paz-Andrade, escrito en 1954 e publicado en 1955 por Ediciones Galicia, do Centro Gallego de Buenos Aires.

Ramón María Blanco González

Ramón María Blanco González, nado en Toubes (A Peroxa) en 1912, foi un sacerdote e poeta galego. Asinou os seus libros como Ramón María.

Rol de xénero

Os roles de xénero son crenzas, ideas preconcibidas e prexuízos que foron construídos e pasaron culturalmente en sociedades ó longo do tempo, e que reparten os atributos das persoas entre homes e mulleres, limitando as súas respectivas expectativas de vida e posibilidades de desenvolvemento persoal.A socioloxía estuda os roles sociais de xénero no comportamento de homes e mulleres, así como as importantes diferenzas que existen na división de roles entre ambos sexos, que dependen de cada sociedade, cultura, lugar e tempo determinados. Están moi presentes na nosa sociedade: nos medios de comunicación, na publicidade, na linguaxe, na asignación de responsabilidades e obrigas no eido familiar e no desenvolvemento das relacións emocionais. Por exemplo, no mundo occidental, un dos roles asignados tradicionalmente a homes é o de ser responsable das actividades produtivas e as actividades de representación política, mentres que un dos roles asignados tradicionalmente para as mulleres é a de ser responsable das relacións afectivas e coidar da familia e das persoas dependentes.Na década de 1970 comezouse a falar do xénero dunha persoa referido á construción dos diferentes roles que a sociedade asocia ó sexo, macho ou femia, home ou muller, basicamente substituíndo a verba sexo por xénero, o cal asumía implicitamente que muller equivalía a feminidade e home a masculinidade. A partir dos anos 90, o posmodernismo fixo que este xeito de entender a sexualidade e a sociedade, dual cos conceptos masculino e feminino, era case sempre propio dunha sociedade androcéntrica e patriarcal, que ademais consideraba inferior o feminino. En troques, outros modelos consideran que ningunha persoa é soamente feminina ou masculina e que estes conceptos son "construcións teóricas de contido incerto" e poñen en cuestión os diferentes roles de xénero, atribuíndolles só funcións limitantes, condicionantes e reducionistas na construción da propia identidade e da liberdade persoal.

Socioloxía feminista

A socioloxía feminista é unha teoría de conflito e unha perspectiva teórica que observa o xénero na súa relación co poder, ambos nun nivel interacción cara a cara e reflexividade dentro dunha estrutura social a grande escala. Entre os seus focos están a orientación sexual, a raza, a estratificación económica e a nacionalidade.

No centro da socioloxía feminista está a idea da opresión sistemática da muller e o dominio histórico dos homes na maioría das sociedades, o patriarcado. O pensamento feminista ten unha rica historia, mais pode ser categorizada en tres ondas. A actual, a terceira onda', enfatiza os conceptos de globalización, poscolonialismo, postestruturalismo e posmodernismo. O pensamento feminista contemporáneo tende a rexeitar tódalas xeneralizacións referentes ó sexo e ó xénero, estreitamente vinculadas co antihumanismo, o poshumanismo, teoría queer e o traballo de Michel Foucault.

Vangardas

No seu sentido literal, vangarda (que ven do francés Avant Garde, "garda avante") fai referencia ao batallón militar que precede as tropas en ataque durante unha batalla. De aí dedúcese que vangarda é aquilo que "está á fronte".

Desta dedución xorde a definición adoptada por unha serie de movementos artísticos e políticos do fin do século XIX e inicio do século XX. Os movementos europeos de vangarda eran aqueles que, segundo os seus propios autores, guiaban a cultura dos seus tempos, estando de certa forma á fronte deles. Moitos destes movementos acabaron por asumir un comportamento próximo ao dos partidos políticos: posuían militantes, lanzaban manifestos e consideraban que a verdade se atopaba con eles.

Xesús Rábade

Xesús Rábade Paredes, nado en Seixas (Cospeito) o 20 de xaneiro de 1949, é un escritor galego.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.