Portas

Portas é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Caldas.[5] Segundo o padrón municipal, no ano 2014 tiña unha poboación de 3.025 persoas. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «portense».

Coordenadas: 42°34′37″N 08°39′24″O / 42.57694, -8.65667

Portas
Escudo de Portas
Casa consistorial de Portas
Casa do Concello.
Situacion Portas
Situación
Xeografía
ProvinciaProvincia de Pontevedra
ComarcaComarca de Caldas
Poboación2.984 hab. (2018)
Área22,6 km²
Densidade132,04 hab./km²
Entidades de poboación4 parroquias
Capital do concelloPortas
Política (2019[2])
AlcaldeRicardo Martínez Chantada (PPdeG[3])
ConcelleirosBNG: 2
PPdeG: 6
PSdeG-PSOE: 1
Outros: VUP 2
Eleccións municipais en Portas
Uso do galego[4] (2011)
Galegofalantes78,41%
Na rede
http://concelloportas.fegamp.es/
correo.portas@fegamp.es

Poboación

Censo total 2014 3.025 habitantes
Menores de 15 anos 395 (13.06 %)
Entre 15 e 64 anos 1.842 (60.89 %)
Maiores de 65 anos 788 (26.05 %)

Historia

Os restos arqueolóxicos máis antigos do concello datan do Neolítico, con tres mámoas en Portas. Unha ao pé do monte do Castro, duns 16 m de diámetro e unha altura de túmulo dun metro. A Cardadeira, no Liñar, ten 30 metros de diámetro e 2´30 de altura, con indicios de corredor cara ao leste. A mámoa do Castro, en Porta de Conde, ten 20 metros de eixo N-S e 16 metros L-O, cunha altura de 1,5 m.

Da Idade de Bronce (cara ao 1500 a. C.) data unha machada plana de fío campanulado, clasificada por Luis Barcelos Monteagudo como tipo Barcelos II D. Consérvase no Museo de Pontevedra. Outra machada máis recente, de talón con dúas argolas atopouse no monte da Mourenta, no lugar de Casal, en Lantaño. Na actualidade está desaparecida.

Da cultura castrexa consérvanse dous castros, os dous no monte do Castro. O do lugar de Piñeiro (parroquia de Portas) corresponde á Idade de Ferro. Ten un só recinto habitacional, con defensas naturais de terraplén. No interior consérvanse restos de pedras en disposición de muros. Forno atopados no recinto fragmentos de cerámica castrexa, muíños de man e anacos de ladrillo.

O castro do lugar de Romai Vello (parroquia de Romai) é da mesma época có anterior. Tamén ten un só recinto habitacional, rodeado de terraplén. O seu límite é pouco perceptible, desaparecendo no S-SO. Na parte norte consérvanse restos dun anaco de muralla. No recinto foron atopados restos de cerámica castrexa e ánforas romanas, así como muíños de man circulares e do tipo de "cadeira de montar".

Da romanización consérvase a primeira documentación escrita relativa a un asentamento humano na zona. Trátase dun fragmento de ara votiva de granito, datada no século I ou comezos do século II. Está deteriorado e non se recoñece a forma orixinal, pero sábese que tiña base e cornixa. Foi atopado entre 1975 e 1976 ao abrir unha gabia no Peso, en Romai Vello. O recinto asemella un pequeno centro ritual, relacionado cos moradores do castro e co culto ao deus Cosus, unha das divindades indíxenas máis frecuentes no noroeste, un deus guerreiro e violento. A inscrición di[6]:

[D]EO.CO
SOE.SO
AEGOE.A
VS.VICTO
[ri]S.V.S.L.M

(Deo Cosoe Soaegoe, Aus Victoris v[otum] s[olvit] l[ibens] m[erito]: "Ao deus Coso Soaego, Aus, fillo de Victor, cumpriulle gustoso o voto merecido").

Tamén se atoparon restos romanos na Estación (dous ladrillos de grande tamaño con marcas, procedentes dunha sepultura) e en Parada (un muíño de man completo e unha peza doutro, máis restos de cerámica).

Pola parroquia pasaba a vía XIX do itinerario de Antonino, pola ruta que hoxe segue a ruta portuguesa do camiño de Santiago.

Na idade Media foi fundado o mosteiro de Lantaño, da orde de San Bieito. Hai documentación relativa ao mosteiro, fundado ou restaurado pola familia do conde Gonzalo, nun preito do ano 960 no que intervén o bispo Sisnando relativo a unhas salinas construídas por uns moradores do Salnés en lugares usurpados á raíña Aragonta e ao conde Paio, herdeiros dos condes Gonzalo e Tareixa. Posiblemente estaba no Rial, preto do pazo de San Bieito.

O mosteiro pasou a depender do mosteiro da Armenteira a mediados do século XII. Xa daquela se cultivaban vides, o que xerou protestas dos monxes ante o Xeral da Orde, porque A Armenteira mandaba o mellor viño a León e Castela e deixaba sen nada ao mosteiro que o cultivaba.

A ermida de San Bieito do Monte (que posiblemente formou parte do mosteiro na súa orixe) aparece no testamento de Fernán García Barba de Figueroa, escrito en 1473, á que destina douscentos pares de Brancas. Nas Memorias da Mitra Compostelá, do Cardeal Xerónimo del Hoyo (1607) aparece mencionada, e di que "tiene renta". No Diccionario de artistas gallegos de Pérez Constante dise que o Mestre Cabrera esculpiu un retablo para a capela en 1640, a costa das Confrarías.

En Portas tivo tamén o mosteiro da Armenteira unha granxa, no actual lugar de Paraiso (Santa María de Portas). O 30 de abril de 1165 Fernando II confirma a doazón feita ao mosteiro por Xoán Arias e Urraca Fernández da herdade chamada Paradisus, situada en Sanctam Mariam de Portis. En 1347 os monxes da Armenteira aforaron a granxa a uns veciños de Lantaño, cedéndolles tamén os dereitos sobre as augas do río Umia que pasaba polos límites dela.

O cenobio de San Cristovo de Briallos era dependente do mosteiro de San Paio de Antealtares, e foi convertido en priorado de San Mariño Pinario trala súa anexión. O edificio foi reconstruído no século XVIII, conservando dúas inscricións dos anos 1802 (na fachada) e de 1746 (nunha ventá interior). O portalón de entrada ten un arco alintelado, e sobre a cornixa ameas e imaxes. A planta é en forma de L, bastante reformada, con dúas plantas (baixo e piso). Un dos lados do patio consérvase ameado, e a súa porta alintelada con mochetas.

Portas na literatura popular

  • San Benito de Lantaño, casamenteiro das vellas,/ porqué non casa-las mozas,/ que mal che fixeron elas [7].
  • Viva Portas, viva Portas,/ viva Lantaño tamén,/ que entre Portas e Lantaño/ teño quen me quera ben [8].

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de Portas.
Igrexa de Santa María de Portas, Portas

Igrexa de Santa María de Portas.

Torre da azucreira en Portas.

Torre da azucreira.

Portas-Río Umia

Río Umia en Portas.

DFontán

Estatua a Domingo Fontán.

Lugares de Portas

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Portas vexa: Lugares de Portas.

Notas

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Resultado eleccións 2019
  3. Federación Galega de Municipios e Provincias (ed.). "Portas". www.fegamp.gal. Consultado o 15 de setembro de 2019.
  4. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Consultado o 14 de outubro de 2014.
  5. DECRETO 65/1997, do 20 de febreiro, polo que se aproba definitivamente o mapa comarcal de Galicia (DOG nº 63, de 3.04.1997)
  6. BAÑOS RODRÍGUEZ, G. (1994):Corpus de inscripcións romanas de Galicia. II. Provincia de Pontevedra. nº 128 p. 305.
  7. Fermín Bouza Brey 1929, 185. No orixinal: casal-as. Recollido en Santa María de Godos (Caldas de Reis), parroquia estremeira de Lantaño (Portas).
  8. Lantaño é parroquia de Portas. Fermín Bouza-Brey 1929, 160.

Véxase tamén

Bibliografía

  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
Aeroporto Internacional John F. Kennedy

O Aeroporto Internacional John F. Kennedy (IATA: JFK, OACI: KJFK, FAA LID: JFK) orixinalmente coñecido como o Aeroporto Idlewild, é un aeroporto internacional localizado en Queens ao sueste da cidade de Nova York, Estados Unidos, a uns 20 km de Manhattan.

O aeroporto está operado pola Port Authority of New York and New Jersey (Autoridade Portuaria de Nova York e Nova Jersey), que tamén opera tres aeroportos na área metropolitana da cidade de Nova York (o Newark Airport, o LaGuardia e o Teterboro), mais o John F. Kennedy é o máis grande de todos. É a base de operacións de JetBlue Airways e o aeroporto de entrada principal internacional para Delta Air Lines e American Airlines.

O JFK é o aeroporto con maior cantidade de entradas de pasaxeiros internacionais en Estados Unidos e tamén en cargo.

As saídas internacionais de JFK representaron o 17 % de todos os pasaxeiros que viaxaron transoceánicamente no 2004, a porcentaxe máis grande nos Estados Unidos. No 2000, dirixiu por termo medio 50 000 pasaxeiros internacionais ao día. A ruta que conecta este aeroporto co de Heathrow en Londres é a ruta máis transitada en voos internacionais de Estados Unidos con máis de 2,9 millóns de pasaxeiros no ano 2000.

Aínda que é coñecido como o aeroporto con maior número de pasaxeiros internacionais, tamén dirixe voos nacionais, a maior parte á costa oeste. No 2005 o aeroporto dirixiu máis de 41 millóns de pasaxeiros, que sumados aos 33 millóns de Newark Liberty e os 26 de LaGuardia suman aproximadamente 100 millóns de pasaxeiros, facendo sito que o espazo aéreo de Nova York sobrepase ao de Chicago como o máis ocupado dos Estados Unidos.

Aeroporto de Madrid-Barajas

O aeroporto Adolfo Suárez Madrid–Barajas, antes coñecido como aeroporto de Madrid-Barajas, é un aeroporto público español xestionado por AENA, situado nas inmediacións da cidade de Madrid, a capital de España. É o primeiro aeroporto español por tráfico de pasaxeiros, carga aérea e operacións, así como o cuarto de Europa por número de pasaxeiros e undécimo do mundo.As terminais localízanse no termo municipal de Madrid, pero o campo de voos esténdese tamén por Alcobendas, San Sebastián de los Reyes e Paracuellos de Jarama. Construído sobre un campo de leitugas, entrou en servizo o 22 de abril de 1931, aínda que houbo voos de proba nos terreos onde se asentaría o aeroporto desde 1928.

É o principal aeroporto de España e o que ten o maior número de voos directos a Hispanoamérica de todos os aeroportos europeos. A ruta aérea Madrid-Barcelona, coñecida como "ponte aérea" e que ten un dos seus extremos en Madrid–Barajas e no outro en Barcelona–El Prat, é a que ten maior número de voos á semana de todo o mundo.

En 2007 viaxaron polo aeroporto 52,1 millóns de pasaxeiros, situándose no décimo posto a nivel mundial e o cuarto de Europa por número de pasaxeiros.

O día 24 de marzo de 2014, o aeroporto pasa a ter o nome de aeroporto Adolfo Suárez Madrid–Barajas, en homenaxe ao antigo presidente do Goberno de España Adolfo Suárez, finado un día antes.

Airbus A319

O Airbus A319 é un avión civil de pasaxeiros de Airbus, o consorcio europeo de fabricación de aeronaves.

É un modelo acurtado derivado do A320 con cambios mínimos. Debido a que ten os mesmos depósitos de combustible, pero menos pasaxeiros (124 en configuración de dúas clases), o seu alcance vese aumentado ata os 7 200 km, o maior da súa clase. Igual que o A320, posúe mandos de control fly-by-wire. Usa tamén os mesmos motores que o A320, e foi certificado en 1996, o mesmo ano en que entrou en servizo coa aeroliña Swissair.

No ano 2003 a aeroliña easyJet mercou A319 sen cociñas polo que a capacidade aumentou ata os 156 pasaxeiros nunha clase, pero para satisfacer as normas de evacuación engadíronselle portas de emerxencia adicionais sobre as ás. A aeroliña converteríase posteriormente no maior operador deste modelo, con 136 unidades na actualidade.

Autobús

O autobús (comunmente abreviado como bus) ou coche de liña é un vehículo terrestre deseñado para o transporte de persoas, a súa capacidade pode variar entre 10 e 120 pasaxeiros, e nos casos dos autobuses articulados poden pasar dos 200, e polo xeral úsanse nos servizos de transporte público urbano e interurbano, e con traxecto fixo. De non ter traxecto fixo tamén se pode denominar autocar e o de gran capacidade coñécese como ómnibus.

O autobús adoita ter motor de combustión interna, pero existen outras variantes minoritarias:

Autobús eléctrico. Empregan unha fonte eléctrica principalmente baseada en baterías de diferentes tipos.

Autobús guiado. O vehículo dispón dunhas pequenas rodas horizontais paralelas aos pneumáticos que se encaixan nos topes laterais e o guían.

Orientación óptica. Utiliza marcas pintadas no chan e un sistema óptico (láser ou visión artificial).

Autobús expreso. Consta de carrís exclusivos e un autobús articulado con portas a ambos lados e accesibles só desde as estacións

Biblioteca técnica nacional de Praga

A Biblioteca técnica nacional de Praga ou simplemente Biblioteca técnica nacional (en checo: Národní Technická Knihovna) atópase en Technická 6 en Praga, República Checa e tamén alberga a Biblioteca Municipal. A antiga sede da Biblioteca Nacional Técnica foi o Clementinum, da que todos os libros e materiais foron trasladados á nova biblioteca despois da finalización da construción. O edificio foi deseñado polos arquitectos Roman Brychta, Halíř Adán, Hofmeister Ondřej e Petr Llešek de Projektil Architekti despois de gañar o primeiro premio nun concurso de arquitectura celebrado no ano 2000. A construción comezou a en 2006 e terminouse en xaneiro de 2009. A biblioteca abriu as súas portas ao público oficialmente o 9 de setembro de 2009.

Comarca de Caldas

A comarca de Caldas é unha comarca galega situada na provincia de Pontevedra e a súa capital é Caldas de Reis. Pertencen a ela os concellos de Caldas de Reis, Catoira, Cuntis, Moraña, Pontecesures, Portas e Valga.

Cáceres

Cáceres (en estremeño: Caçris, na fala de Xálima: Cáciris) é unha cidade estremeña, de 91.606 habitantes (2007) que viven nunha superficie municipal de 1.768 km², sendo o concello máis extenso de España. É a capital da província homónima, cuxa poboación concentra o 21'45 % do total provincial.

A cidade vella de Cáceres foi declarada Terceiro Conxunto Monumental de Europa en 1968, e Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1986.

Devesos, Ortigueira

San Sebastián de Devesos é unha parroquia do concello de Ortigueira. Segundo o IGE en 2013 tiña 112 habitantes (62 mulleres e 50 homes) distribuídos en 41 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 225 habitantes.

Domingo Fontán

Domingo Fontán Rodríguez, nado en Porta do Conde (Portas) o 17 de abril de 1788 e finado en Cuntis o 24 de outubro de 1866, foi un ilustrado galego, xeógrafo, matemático, político e empresario, coñecido sobre todo por ser o autor do primeiro mapa topográfico científico de Galicia, a Carta xeométrica de Galicia. Foi secretario da Deputación Provincial de Galicia, director do Observatorio Astronómico de Madrid, deputado en Cortes e presidente da Real Sociedade de Amigos do País de Santiago. Os seus restos están no Panteón de Galegos Ilustres.

Estación de Portas

Portas é un apeadoiro de Adif, situado na vila de Portas, provincia de Pontevedra. Está situada na liña A Coruña-Vigo e actualmente non presta servizos de pasaxeiros.

Gran Premio de Fórmula 1

Un Gran Premio de Fórmula 1, (tamén chamados Grand Prix ou, na escrita, GP) é, na actualidade, cada un dos eventos que compoñen o Campionato Mundial de Fórmula 1.

Os Grandes Premios desenvólvese nunha fin de semana, aínda que nalgúns esténdese até o xoves por motivos especialmente comerciais. Ademais da Fórmula 1 propiamente dita, nunha fin de semana de Gran Premio outras competicións menores teñen lugar co obxectivo de ameniza-la espera do público asistente.

Hecatonquiros

Na mitoloxía grega os Hecatonquiros ou Hecatonqueros (en grego Έκατόνχειρες Hekatonkheires ou Έκατόνταχειρας Hekatontakheiras, 'os de cen mans'), coñecidos tamén como Centimanos (do latín Centimani), eran xigantes con cen brazos e cincuenta cabezas, fillos de Gaia e Urano. O seu pai lanzounos ao Tártaro, pero foron rescatados por Crono, ao que axudaron a castrar e derrocar a Urano. Tras axudar a Crono, este encerrounos de novo no Tártaro, onde permaneceron gardados por Campe ata que Zeus os rescatou. Durante a Guerra dos Titáns, lanzaban rocas de cen en cen aos Titáns.

Ao terminar a guerra os Hecatonquiros establecéronse en palacios no río Océano, converténdose nos gardiáns das portas do Tártaro, onde Zeus encerrara aos Titáns. Na Ilíada hai unha historia, que non se atopa en ningún outro sitio, que conta que nalgún momento os deuses estaban intentando derrocar a Zeus, e este chegou a ser encadeado por Hera, Atenea e Poseidón, pero fracasaron cando Tetis invocou aos Hecatonquiros e estes acudiron na súa axuda. Ás veces considéraselles deidades do mar, e poida que proveñan dos pentekonter, barcos con cincuenta remeiros.

Os Hecatonquiros eran Briareo ('forte'), Giges e Coto. Homero tamén se referiu a Briareo como Exeón ('cabruno'), aínda que este era tamén o nome dun deus do mar diferente.

Hermod

Hermod, Hermodr ou Hermóðr é, na mitoloxía nórdica, o deus enviado polos Æsir a Helheim para intentar que a súa raíña, Hela, devolva a Baldr a Asgard. É fillo de Odín e de Frigg. O seu nome significa ardente no combate. Chegou ás portas do inferno nórdico sobre o cabalo de Odín, Sleipnir.

Muralla de Lugo

A muralla de Lugo é unha fortificación que data do Imperio Romano situada na cidade de Lugo, en Galicia, sendo a única muralla destas características que se conserva no mundo. Comezou a súa construción probablemente contra o ano 260, ao medrar a importancia de Lucus Augusti como centro de comunicacións e comercial do norte peninsular. A devandita construción delongouse ata a época de Constantino, rematando sobre o ano 325. Moitos séculos máis tarde, xa no século XX, concretamente en 1921, quedou catalogada como Monumento Nacional, e case oitenta anos máis tarde, o 30 de novembro de 2000, a UNESCO declarouna Patrimonio da Humanidade.O perímetro da muralla, que forma unha elipse imperfecta, é de 2.266 metros e a súa altura varía entre os 8 e os 12[Cómpre referencia] ou 10 metros sendo unha das fortificacións máis grandes do seu tempo. A área que circunscribe é de 33,4 hectáreas. Sobre a muralla o camiño de ronda varía entre os 4, 5 e os 7 metros de largo. Na parte exterior da muralla un foxo con forma de V podía encherse de auga en caso de perigo. En orixe tiña 85 torres, das que se conservan 71 (sesenta de planta circular e once de planta cuadrangular), e a súa función era defensiva. O certo é que o paso do tempo fixo desaparecer a metade superior en case toda a súa extensión e na parte que queda en pé tamén houbo profundas transformacións.Inicialmente a muralla tiña cinco portas, mais posteriormente abríronse outras cinco. Dende o século XVI xurdiron voces reclamando a reconstrución, e existen textos que falan de torres con dous ou tres pisos, grosos vidros brancos nas fiestras das torres e mesmo vestixios de madeiros de cuberta e chemineas. Hoxe a torre da Mosqueira é a única mostra daquela descrición. O 6 de outubro de 2007, a Muralla irmandouse coa Gran Muralla Chinesa, nunha cerimonia presidida polo alcalde de Lugo Xosé Clemente López Orozco e o embaixador chinés Qui Xiaoqi.

Muralla de Santiago de Compostela

A muralla de Santiago de Compostela, da que soamente quedan algúns lenzos, rodeaba a cidade de Santiago de Compostela até o seu derrubamento no século XIX, aínda que na actualidade se conservan algúns restos, sendo o maior o arco de Mazarelos. Existen, así mesmo, algunhas partes ocultas polas casas actuais. A traza da muralla é claramente visíbel aínda sobre o plano da cidade antiga de Santiago, cuxo urbanismo veu determinado pola existencia desta fortificación.

Porta

Unha porta é unha abertura nunha parede que serve para permitir ou impedir a pasaxe dun ambiente a outro ou do interior ao exterior. Tamén chámase porta ao elemento móbil que serve para pechar dita abertura.

San Esteban de Gormaz

San Esteban de Gormaz é un concello español da provincia de Soria (Castela e León). A súa poboación é de 3.223 (INE 2012) repartidos en máis de 20 localidades.

Foi declarada Conxunto Histórico-Artístico. Debido ao influxo romano, conserva nos muros restos de epigrafía romana, funeraria e relixiosa e restos medievais de igrexas e fortificacións. Foi repoboada en 912, en 917 o rei de Galiza Ordoño II venceu unha incursión árabe nesta localidade. Foi considerada unha das portas de Castela e durante o século X, un campo de batalla pola súa importancia estratéxica na liña defensiva do río Douro.

Teatro Real de Madrid

O Teatro Real é o teatro da ópera de Madrid, considerado un dos máis importantes de España e Europa. Atópase situado na Praza de Oriente, fronte ao Palacio Real, e é un dos monumentos máis emblemáticos da cidade.

Foi fundado a principios do século XIX, no ano 1818, e inaugurado en 1850, e mantívose de forma ininterrompida como teatro de ópera ata 1925, cando tivo que pechar por mor de problemas estruturais no edificio. Non volveu abrir as súas portas ata 1966, como sala de concertos sinfónicos. Entre 1988 e 1997 sufriu unha importante remodelación que o volveu converter en coliseo operístico.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.