Porosidade

A porosidade ou fracción de ocos é unha medida de espazos baleiros nun material, e é unha fracción do volume de ocos sobre o volume total, entre 0-1 ou, como porcentaxe, entre 0-100 %. O termo utilízase en varios campos, incluíndo farmacia, cerámica, metalurxia, materiais, fabricación, ciencias da Terra, mecánica de solos e enxeñaría.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Mandelbrot, Benoît (1982): The Fractal Geometry of Nature, W. H. Freeman and Co., ISBN 0-7167-1186-9.
Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre ciencias é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.
704 Interamnia

704 Interamnia, coñecido tamén como 910 KU ou 1952 MW, é un xigantesco asteroide cun diámetro estimado de 350 quilómetros. A súa distancia media ao Sol é 3.067 (UA). Foi descuberto o 2 de outubro de 1910 polo astrónomo e matemático italiano Vincenzo Cerulli, que decidiu poñer ese nome pola derivación do nome en latín da súa cidade natal, Téramo.

Adherente

Non confundir co adhesivoUnha substancia adherente ou adhesiva é unha substancia capaz de manter unidas dúas superficies, xeralmente sólido-sólido, de modo que sexa necesario unha forza considerable para a súa separación e, polo tanto, as esixencias básicas son unha adhesión sólida e duradeira. Os adhesivos poden presentarse de distinto xeitos; en estado sólido ou líquido. O estado sólido é o seu estado puro polo que son máis duradeiros e fáciles de almacenar; disólvense segundo as necesidades a diferentes concentracións ou en distintos disolventes. En estado líquido preséntanse en forma fluída en disolucións ou emulsións.

Adrastea (lúa)

Para obter información sobre a lúa de Xúpiter que tiña este mesmo nome entre os anos 1955 a 1975, véxase o artigo Ananke.Adrastea (ou en grego Αδράστεια), tamén coñecida coma Xúpiter XV, é lúa máis pequena e a segunda lúa máis interior das catro lúas interiores de Xúpiter. Foi descuberta a partir de imaxes obtidas pola sonda Voyager 2 no ano 1979, facendo de Adrastea a primeira lúa descuberta grazas as imaxes obtidas por unha sonda interplanetaria. Foi oficialmente bautizada co nome Adrastea que procede da mitoloxía grega, Adrastea era filla do deus Zeus (o equivalente na mitoloxía grega de Xúpiter). Adrastea é unha das tres lúas do Sistema Solar das que se sabe que tardan menos en completar unha órbita (ó redor do seu planeta) do que tarda o seu planeta en completar unha rotación (día). Orbita Xúpiter na beira exterior do anel principal de Xúpiter e semella que é a lúa que achega máis material ós aneis de Xúpiter. A pesar das observación feitas pola sonda Galileo nos anos 90, pouco se sabe das características físicas, excepto o seu tamaño e o feito de que a súa rotación é síncrona.

Calcaria

A calcaria (do latín calx, calcis , "cal") é unha rocha sedimentaria composta principalmente por carbonato cálcico (CaCO3), adoitando presentarse en forma de calcita, aínda que pode ser dolomita, aragonita. A súa natureza intrínseca xeralmente é heteroxénea, polo que este tipo de rocha contén a miúdo cantidades variables de silicio, así como de hematita, siderita, arxila, limo ou area.

Cerámica

A cerámica é a arte que fabrica obxectos como olas, xerras, tellas etc. en terracota que sufriron unha transformación fisicoquímica irreversible no curso dunha cocción a temperaturas máis ou menos elevadas (de 700 °C a 1100 °C) despois de lles dar a forma mediante un moldeado. Na historia da humanidade é a primeira arte do lume e atópase antes da metalurxia e do vidro. A palabra abarca tanto a tecnoloxía como os obxectos feitos con ela. Certos tipos de cerámicas son representativas dunha época e dunha cultura.

Diaxénese

En xeoloxía e oceanografía, a diaxénese refírese a calquera mudanza e alteración do sedimento após a súa deposición inicial, durante e despois da litificación, excluíndo alteración superficial (desgaste) e metamorfismo. Estas mudanzas acontecen en temperatura e presión relativamente baixas e resultan en alteracións mineralóxicas que orixinan rochas. Non hai ningunha fronteira nidia entre diaxénese e metamorfismo, mais o último ocorre en temperaturas e presión máis elevadas.

Após a deposición, os sedimentos son compactados e son enterrados baixo capas sucesivas de sedimentos e cimentados por minerais que se precipitan da solución. Os grans de sedimentos, rochas e fósiles poden ser substituídos por outros minerais durante a diaxénese. A porosidade xeralmente diminúe durante a diaxénese, agás en casos raros, como a disolución de minerais e dolomitización.

O estudo da diaxénese en rochas é usado para entender a historia tectónica a que foron sometidos e os tipos de fluídos que circularon a través deles. Dende o punto de vista comercial, tales estudos axudan a avaliar a probabilidade de atopar mineral economicamente viábel e varios depósitos de hidrocarburos.

O proceso de diaxénese tamén é importante na determinación da decomposición de tecido óseo.

Estromatólito

Os estromatólitos (do grego στρῶμα strôma 'tapiz, tapete, cama', e λίθος líthos 'pedra'), son estruturas características dalgunhas rochas calcarias, formadas por capas concéntricas de carbonato cálcico e con disposicións ramificadas, ou en cintas, cilíndricas, columnares, hemisféricas, domais etc., que foron descritas por primeira vez no Precámbrico de Montana (EUA) e despois en diversas rexións do globo e en niveis xeolóxicos máis recentes, mesmo actuais, como as de Australia que se amosan na ilustración superior.

O primeiro que as describiu, e que lles deu o seu nome foi, en 1908, o xeólogo alemán Ernst Kalkowsky. Son rochas de orixe orgánica, formadas, a maioría, por precipitación de carbonato cálcico (e dolomita) debido á acción de algas azuis (cianófitos ou cianobacterias)., en augas mariñas temperadas, tranquilas e pouco profundas.

Os estromatólitos son estruturas finamente laminadas. O espesor das láminas é da orde dalgúns milímetros a súa forma é plana (este tipo de estrutura denomínase laminación algal ou criptalgal), peo tamén as hai, como quedou dito, hemisféricas e columnares. Adoitan presentar numerosos poros entre as láminas (porosidade fenestral).

Encótranse estromatólitos fósiles en todas as eras xeolóxicas, e un dos indicios máis antigos da vida na Terra son estruturas estromatolíticas de hai 3.500 millóns de anos encontradas no cartón de Pilbara, (Warrawoona, Australia).Os estromatólitos foron moi abundantes na era precámbrica, cando a atmosfera terrestre era rica en dióxido de carbono, pero pobre en osíxeno. Declinaron no Paleozoico, e son raros na época actual, aínda que se poden ver na baía de Shark, Australia, e en moitos outros lugares.

Houston, Texas

Houston (pronunciado en inglés /ˈhjuːstən/) é unha cidade do estado de Texas nos Estados Unidos. É a cidade máis grande de Texas e a cuarta máis grande dos Estados Unidos. Nas estimacións do censo de 2007 a cidade contaba cunha poboación de 2,2 millóns de habitantes nunha área de 1.600 km². Houston é a capital do condado de Harris e o centro económico da área metropolitana Houston–Sugar Land–Baytown (o Gran Houston).

É alcumada "Bayou City", "Clutch City", "H-Town", "Screwston ", "Magnolia City" e "Space City".

Foi fundada o 30 de agosto de 1836 polos irmáns Augustus Chapman Allen e John Kirby Allen nunha zona próxima ao Buffalo Bayou. A cidade incorporouse o 5 de xuño de 1837 e recibiu o seu nome do daquela presidente da República de Texas, o antigo xeneral Sam Houston, quen comandara a Batalla de San Xacinto. Dita contenda tivera lugar a 40 km ao leste de onde a cidade foi establecida.

O crecente porto e a industria do ferrocarril, combinado co descubrimento de petróleo en 1901, provocou continuos incrementos repentinos de poboación na cidade. A mediados do século XX, Houston converteuse na base do Texas Medical Center, a maior concentración de institucións de investigación e de saúde do mundo, e do Centro espacial Lyndon B. Johnson da NASA, onde se sitúa o Centro de Control de Misión.

Considerada como unha cidade global beta, a economía de Houston posúe unha ampla base industrial na enerxía, manufacturación, aeronáutica, transporte, saúde e un importante centro para a creación de equipos petrolíferos; só Nova York posúe máis sedes de empresas Fortune 500 nos límites da súa cidade. O porto de Houston sitúase de primeiro nos Estados Unidos en tonelaxe manexada en augas internacionais o o segundo en tonelaxe total de carga manexada..

É famosa pola industria petroquímica, o canal de naves, o centro médico e o programa espacial. Moitos hispanos trasladaronse a Houston a buscar emprego, dando lugar a unha importante poboación hispana na metrópole. Ten ademais importantes poblacions asiática e surafricana.

Entre as atraccións máis destacables da cidade atópanse o centro comercial Houston Galleria, a Illa de Galveston e o centro da NASA.

Illas Canarias

As Canarias son un arquipélago do Atlántico, unha das dezasete comunidades autónomas de España e unha das rexións ultraperiféricas da Unión Europea. Está formada por sete illas: El Hierro, La Gomera, La Palma e Tenerife, que forman a provincia de Santa Cruz de Tenerife; e Fuerteventura, Gran Canaria e Lanzarote, que forman a provincia das Palmas. Tamén forman parte das Canarias os territorios insulares do Arquipélago Chinijo (La Graciosa, Alegranza, Montaña Clara, Roque del Este e Roque del Oeste) e a Illa de Lobos, todos eles pertencentes á provincia das Palmas.

O arquipélago está situado fronte á costa noroeste de África, entre as coordenadas 27º 37' e 29º 25' de latitude norte e 13º 20' e 18º 10' de lonxitude oeste, situación que implica unha diferenza dunha hora entre Canarias e o resto de España. A illa de Fuerteventura dista uns 95 km da costa africana. Con todo, son aproximadamente 1.400 km os que separan a Canarias do continente europeo. A pesar disto, a cultura das illas é occidental, a medio camiño entre Europa e Latinoamérica.

As illas, de orixe volcánico, son parte da rexión natural da Macaronesia xunto cos arquipélagos de Cabo Verde, Azores, Madeira e Salvaxes. O seu clima é subtropical, aínda que modificado pola altura e a vertente norte ou sur. Esta variabilidade climática dá lugar a unha gran diversidade biolóxica que, xunto á riqueza paisaxística e xeolóxica, xustifica a existencia en Canarias de catro parques nacionais e que varias illas sexan reservas da biosfera da UNESCO. Estes atractivos naturais, o bo clima e as praias fan das illas un importante destino turístico, sendo visitadas cada ano por preto de 12 millóns de persoas (11 986 059 en 2007, destacando un 29% de británicos, 22% españois peninsulares e un 21% alemáns).A capitalidade da comunidade é compartida entre as súas dúas principais cidades: Santa Cruz de Tenerife e As Palmas de Gran Canaria; a sede do Presidente do Goberno autonómico alterna entre ambas por períodos lexislativos, sendo a sede do Vicepresidente distinta á do Presidente. O Parlamento das Canarias está en Santa Cruz de Tenerife, mentres que a sede da Delegación do Goberno se sitúa nas Palmas de Gran Canaria, existindo ademais unha Subdelegación do Goberno en cada unha das dúas cidades. Así mesmo, hai un equilibrio entre as dúas capitais en canto a consellerías e institucións públicas. Non existen deputacións provinciais como no resto de España, sendo cada illa gobernada polo seu respectivo Cabido, excepto as illas e illotes do Arquipélago Chinijo, os cales son gobernados polo Cabido de Lanzarote, e a Illa de Lobos, gobernada polo Cabido de Fuerteventura.

Materia

En física, a materia (do latín materia 'substancia física') é calquera cousa que posúe masa, ocupa espazo e está suxeita a inercia. A materia é aquilo que existe, aquilo que forma as cousas e que pode observarse como tal; está sempre constituída de partículas elementais con masa non nula (como os átomos, e en escala menor, os protóns, neutróns e electróns).

En filosofía, a materia é obxecto de estudos da ontoloxía, a disciplina que se preocupa en responder basicamente á pregunta "Que existe?", sendo definida nalgúns sistemas filosóficos como manifestación da realidade, en oposición á idea.

De acordo cos descubrimentos da física do século XX, tamén se pode definir materia como enerxía vibrando en baixa frecuencia. A concepción de materia en oposición a enerxía, que perduraba na Física desde a Idade Media, perdeu un pouco do sentido co descubrimento (anunciado en teoría por Albert Einstein) de que a materia era unha forma de enerxía.

Metis (lúa)

Metis (ou en grego Μήτις), tamén coñecida coma Xúpiter XVI, é a lúa máis interior de Xúpiter. Foi descuberta no ano 1979 a partir de imaxes tomadas pola Voyager 1, e no ano 1983 recibiu oficialmente o nome da primeira muller de Zeus, Metis. Observacións adicionais feitas entre principios do ano 1996 e setembro do 2003 pola sonda Galileo permitiron fotografar a superficie da lúa.

A órbita de Metis é síncrona, e a súa forma é moi irregular, xa que a súas dimensións son bastante asimétricas, o diámetro máis longo é case dúas veces máis grande co diámetro máis pequeno. É unha das tres lúas do Sistema Solar das que se sabe que tardan menos en completar unha órbita (ó redor do seu planeta) do que tarda o seu planeta en completar unha rotación (día), as outra dúas son: a lúa de Xúpiter, Adrastea e a lúa de Marte, Fobos. Orbita Xúpiter dentro do anel principal do planeta, e pensase que é esta lúa a que achega a meirande parte do material do anel.

Parede celular

A parede celular é unha capa ríxida situada por fóra da membrana plasmática nas células de plantas, algas, fungos, bacterias e arqueas. Protexe o contido da célula, dá rixidez á estrutura celular, funciona como mediadora en todas as relacións da célula co seu contorno e actúa como compartimento celular. Ademais, no caso de fungos e plantas, define a estrutura e outorga soporte aos tecidos.

A parede celular constrúese de diversos materiais dependendo da clase de organismo. Nas plantas, a parede celular componse sobre todo dun polímero de carbohidrato denominado celulosa, un polisacárido, e pode actuar tamén como almacén de carbohidratos para a célula. Os fungos presentan paredes celulares de quitina, outro polisacárido, e as algas teñen tipicamente paredes construídas con polisacáridos e glicoproteínas. Non obstante, algunhas especies de algas poden presentar unha parede celular de composición inorgánica silícica (diatomeas) ou carbonatada (Dasycladales). A miúdo aparecen outras moléculas accesorias integradas na parede celular.

Nas bacterias, a parede celular componse de peptidoglicano. Entre as arqueas atopamos paredes celulares con distintas composicións químicas, incluíndo capas S de glicoproteínas, pseudopeptidoglicano ou polisacáridos.

Rocha

En xeoloxía chámase rocha ou roca a calquera agregado natural formado por un ou máis minerais. Un agregado é un sólido cohesionado. As rochas xeralmente están constituídas por varias especies mineralóxicas, pero tamén existen rochas constituídas por un só mineral (rochas monominerálicas), por exemplo algúns mármores (formados unicamente por calcita).

Na codia terrestre distínguense tres tipos de rochas:

rochas ígneas ou magmáticas: rochas formadas pola solidificación do magma ou da lava.

rochas metamórficas: rochas formadas por transformacións de rochas xa consolidadas da codia da Terra.

rochas sedimentarias: rochas formadas como resultado da erosión ou dun precipitado de químicos.

As rochas están sometidas a continuos cambios polas accións dos axentes xeolóxicos, segundo un ciclo pechado (o ciclo das rochas), chamado litoxénese, no cal interveñen ata os seres vivos.

Solo

O solo, desde o punto de vista edáfico, é un medio poroso, bioloxicamente activo e estruturado, desenvolvido na superficie emerxida da Terra.

Cómpre non confundir o termo solo co termo chan, que é a superficie sobre a que andamos, é dicir, a capa superior ou codia do solo.

Dun modo simplificado pode dicirse que as etapas implicadas na súa formación son as seguintes:

Disgregación mecánica das rochas.

Meteorización química dos materiais regolíticos, liberados.

Instalación dos seres vivos (vexetais, microorganismo etc.) sobre ese substrato inorgánico. Esta é a fase máis significativa, xa que cos seus procesos vitais e metabólicos, continúan a meteorización dos minerais, iniciada por mecanismos inorgánicos. Ademais, os restos vexetais e animais a través da fermentación e a putrefacción enriquecen ese substrato.

Mestura de todos estes elementos entre si, e con auga e aire intersticiais.

Tetis (lúa)

Tetis ou Saturno III é unha lúa de tamaño medio de Saturno, que ten un diámetro duns 1.060 km. Foi descuberta por G. D. Cassini no ano 1684 e máis tarde bautizada co nome do titán Tetis da mitoloxía grega.

Tetis ten unha densidade baixa, de 0,98 g/cm ³, o que indica que está composta principalmente de xeo de auga, con só unha pequena fracción do rocha. Isto está confirmado pola espectroscopia da súa superficie, a cal identificou ó xeo de auga coma o material predominante da súa superficie. Unha pequena cantidade de material escuro non identificado está tamén presente. A superficie de Tetis é moi brillante, sendo a segunda máis brillante entre as lúas de Saturno, despois de Encélado, e é de cor neutra.

Tetis ten moitos cráteres e a súa superficie está cortada por un pequeno número de fallas/graben de grandes proporcións. O maior cráter de impacto é Odiseo, que ten preto de 400 km de diámetro, mentres cá maior graben é Ítaca Chasma, que ten de preto de 100 km de ancho e máis de 2.000 km de lonxitude. Estas dúas grandes características da superficie poderían estar relacionadas. Unha pequena parte da superficie está cuberta por chairas suaves que poderían ter unha orixe criovolcánica. Como tódalas outras lúas esféricas de Saturno, Tetis formouse a partir da sub-nebulosa de gas e po que rodeaba Saturno despois da súa formación.

Tetis foi explorada por varias sondas espaciais, incluíndo a Pioneer 11 (1979), a Voyager 1 (1980), a Voyager 2 (1981), e a Cassini dende 2004.

Tetrápodo (estrutura)

Un tetrápodo é unha estrutura formada por catro eixes, a modo de tetraedro estilizado, que, pola súa capacidade de intrincarse con figuras análogas e á súa estabilidade xeométrica, dado que sempre repousa sobre tres pés nun equilibrio moi estábel, é empregado en obras civís (particularmente na construción de rompeondas) e militares (para bloquear o paso de tropas ou de civís, en ocasións reforzado con arame de espiñas).

O rompeondas realizados con tetrápodos caracterízanse por unha gran capacidade para absorber o impacto das ondas, debido a que forman unha estrutura de gran rugosidade e porosidade.

Xacemento petrolífero

Un xacemento petrolífero ou depósito petrolífero, é unha acumulación natural de hidrocarburos no subsolo, contidos en rochas porosas ou fracturadas (denominadas rochas almacén). Os hidrocarburos naturais, como o petróleo cru e o gas natural, quedan alí retidos por formacións de rochas supraxacentes de baixa permeabilidade.

Ácido clorhídrico

O ácido clorhídrico rara vez chamado aínda, ácido muriático, é unha disolución acuosa do gas cloruro de hidróxeno (HCl). É moi corrosivo e ácido. Emprégase moito como reactivo químico sendo un ácido forte que se disocia completamente en disolución acuosa. Unha disolución concentrada de ácido clorhídrico ten un pH inferior a 1; unha disolución de HCl 1 M da un pH co valor 0.

A temperatura ambiente, o cloruro de hidróxeno é un gas incoloro a lixeiramente amarelo, corrosivo, non inflamable, máis pesado que o aire, de olor fortemente irritante. Cando se expón ó aire, o cloruro de hidróxeno forma vapores corrosivos densos de cor branca. O cloruro de hidróxeno pode ser liberado por volcáns.

O cloruro de hidróxeno ten numerosos usos. Emprégase, por exemplo, para limpar, tratar e galvanizar metais, curtir coiro, e no refino e manufactura dunha ampla variedade de produtos. O cloruro de hidróxeno pode formarse durante a combustión de moitos plásticos. Cando entra en contacto coa auga, forma ácido clorhídrico. Tanto o cloruro de hidróxeno como o ácido clorhídrico son corrosivos.

Óso

O óso é un órgano firme, duro e resistente que forma parte do endoesqueleto dos animais vertebrados. Está composto principalmente por tecido óseo, un tipo especializado de tecido conectivo constituído por células, e compoñentes extracelulares calcificados. Os ósos tamén posúen cubertas de tecido conectivo (periósteo) e cartilaxe, vasos, nervios, e algúns conteñen tecido hematopoético e adiposo (medula ósea).

Os ósos posúen formas moi variadas e cumpren varias funcións. Cunha estrutura interna complexa pero moi funcional que determina a súa morfoloxía, os ósos son lixeiros mais moi resistentes e duros.

O conxunto total e organizado das pezas óseas (ósos) conforma o esqueleto ou sistema esquelético. Cada peza cumpre unha función en particular e de conxunto en relación coas pezas próximas ás que está articulada. Os ósos no ser humano son órganos tan vitais como os músculos ou o cerebro, e cunha ampla capacidade de rexeneración e reconstitución. Porén, vulgarmente tense unha visión do óso como unha estrutura inerte, posto que o que xeralmente queda á vista son as pezas óseas —secas e libres de materia orgánica— dos esqueletos despois da descomposición dos cadáveres.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.