Porco

O porco[2] (tamén coñecido como cocho,[3] marrán,[4] chino[5] ou quino[6]) é un mamífero tipicamente doméstico, de nome científico Sus scrofa, aínda que algúns autores danlle o nome de Sus domesticus (ou Sus scrofa domesticus) para o diferenciar do porco bravo ou xabarín, ao cal se lle atribúe o nome de Sus scrofa.

Porco
Porca co seu leitón

Porca co seu leitón
Estado de conservación
Domesticado
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Familia: Suidae
Xénero: Sus
Especie: 'Sus scrofa'
Linnaeus, 1758
Subespecie: S. s. domesticus
Nome trinomial
Sus scrofa domesticus
Erxleben, 1777
Sinonimia[1]
  • Sus scrofa domestica
    Erxleben, 1777
  • Sus domesticus Erxleben, 1777
  • Sus domestica Erxleben, 1777

Historia

O porco domesticouse hai uns 5.000 anos. Chegou a Europa dende Turquía, e hai probas da súa domesticación no sitio arqueolóxico de Çayönü. Aínda que hoxe neste país este animal non aparece na gastronomía tradicional debido a ser agora un país islámico e esa relixión prohibe o consumo deste mamífero. Non existe en estado salvaxe na natureza.

En Galicia, a crianza do porco goza de gran tradición. Isto demóstrase na popular matanza do porco de San Martiño ou a fama de xamóns coma o de Lalín ou o da Cañiza.[7]

Utilidade

O porco críase sobre todo pola súa carne, ben para ser consumida fresca, en salazón ou transformada en embutidos ou outros produtos cárnicos. Entre outros, do porco saen o lacón, o xamón, o touciño ou o chourizo. Este é o seu uso principal sobre todo na cría tradicional doméstica. Pero o porco fai bo o que se di del e ten outros moitos usos:

  • Manufacturas:
    • Pel: coiro suave[8] e xoguetes para animais.
    • Pelo: para facer as cerdas dos cepillos.
    • Vexiga: unha vez limpa, inchada e seca podía ser usada como xoguete para os nenos. Hoxe fai parte do atuendo das pantallas do entroido de Xinzo de Limia.[9]
  • Medicina:
    • Órganos internos: pola súa similitude cos humanos poden usarse para o estudo e a experimentación[10]
    • Corazón: próteses valvulares cardiacas.[11]
    • Ollos: concretamente as córneas, que se usan como base para crear córneas bioartificiais que poidan ser transplantadas a humanos.[12]
    • Intestino:
  • Industria alimentaria:
    • Pel, tendóns e outros restos: xelatina de uso alimentario, tamén coñecida como aditivo E-441. Neste caso aproveitase o coláxeno presente nos seus tecidos.
    • Graxa: convertida por cocción en manteiga, esta pode ser usada como remedio tradicional, lubricante artesán ou como líquido de fritir ou materia prima doutras preparacións. O seu subproduto, o roxón, úsase para comer directamente ou como ingrediente doutras comidas.

Amais diso, tradicionalmente, sobre todo en Italia, usábase o porco para buscar trufas. O seu olfacto permítelle detectalas e co fociño e as patas foza ata atopalas.

Terminoloxía

Entre outros nomes para porco en galego temos o de cocho ou marrán. As crías do porco reciben os seguintes nomes (especialmente cando son moi novos e aínda maman): bácoro[15] ou bacoriño,[16] leitón,[17] marrancho,[18] rancho,[19] reco,[20] rello,[21] relo,[22] rengo,[23] zacote[24] ou marrote.[25] O porco macho adulto denomínase verrón,[26] cacheiro,[27] cachaceiro[28] ou cachazo.[29] Se se dedica a cubri-las femias, porco da semente, porco colludo, porco pai e castal,[30] castizal[31] ou castizo[32] (de aí o alcume de O Castizo que leva Cibrán, o protagonista da novela A esmorga de Eduardo Blanco Amor).

Produción

JEFO-Pigs
Bacoriños nunha granxa.

Os porcos críanse en numerosos países, aínda que os maiores consumidores de porco a nivel mundial están en Asia. Existe un importante comercio internacional e mesmo intercontinental de porcos e de carne de porco. Aínda que a China ten a meirande produción en termos absolutos, precisa importar grandes cantidades para satisfacer a demanda, que se ten incrementado notabelmente ao longo do seu desenvolvemento como potencia económica. Os principais exportadores de porco son os Estados Unidos, a Unión Europea e o Canadá. Por exemplo, a produción canadense foi de 22,8 millóns de porcos no ano 2008 e máis da metade foi exportada a 143 países.[33]

Listaxe dos 10 principais criadores de porcos (2014)
País Produción (millóns)
Flag of the People's Republic of China.svg China 474,1
Estados Unidos de América Estados Unidos 67,7
Flag of Brazil.svg Brasil 37,9
Alemaña Alemaña 28,3
Flag of Vietnam.svg Vietnam 26,8
España España 26,6
Rusia Rusia 19,1
Flag of Mexico.svg México 16,1
Flag of Myanmar.svg Myanmar 13,9
Flag of France.svg Francia 13,3
En todo o mundo 986,6
Fonte: Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura

FAO

Razas de porco doméstico

Véxase tamén: Lista de razas de porcos.

Porco celta

Artigo principal: Porco celta.
Pot-bellied pigs in Lisbon Zoo 2008
Dous porcos vietnamitas.

A raza de porco celta é unha variedade que até comezos do século XX era a maioritaria en Galiza. Despois de estar a piques de desaparecer durante os anos oitenta, en 1999 púxose en marcha a Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta. O apoio público coa creación dun rexistro da raza e a difusión das cualidades deste animal está a favorecer o rexurdimento da cabana maioritaria en Galiza, antes de se ver desprazada por novas razas que ofrecían un maior crecemento.

Outras razas: Berkshire, porco ibérico, porco tamworth, porco vietnamita e porco galés.

O porco na cultura popular

Miss Piggy, Babe e Porky Pig son personaxes moi coñecidos no mundo audiovisual. Os tres porquiños, Piglet de A. A. Milne, Wilbur da novela Charlotte's Web, The Sheep-Pig, Zhu Bajie ou Napoleón do libro A revolta dos animais, son exemplos de porcos famosos na literatura.

En Galicia

Véxase tamén: O porco na cultura popular galega.

O porco e os seus produtos constitúen un importante elemento na gastronomía galega. Así, non pode estrañar que estea presente en numerosas festas gastronómicas repartidas por toda Galicia:

  • Festa do Lacón: a mediados do mes de xullo, en Silleda (Pontevedra).
  • Festa do Porquiño á Brasa: último domingo de agosto, en Amil (Pontevedra).
  • Festa do Porquiño á Brasa: 16 de novembro, en Vilaxoán (Vilagarcía, Pontevedra).
  • Festa do Cocido: celébrase, en Lalín, o domingo anterior ó domingo de Carnaval, desde 1969.
  • Festa do Petote: celébrase en febreiro, en Carballedo, no concello de Cerdedo-Cotobade. O petote, tamén chamado bolo de pote ou petelo, é un bolo feito de fariña milla e fariña triga, cocido na auga do cocido.
  • Cocido do Porco Celta: celébrase en Sarria, en febreiro.

Galería de imaxes

Matanza tradicional no Ribeiro.
Matanza tradicional no Ribeiro
Cacheira e chourizos no Corpiño, Lalín.
Cacheira e chourizos no Corpiño, Lalín
Xamóns.
Xamóns. 
Porca de cría.
Porca de cría. 

Notas

  1. Colin P. Groves (1995). "On the nomenclature of domestic animals" (PDF). Bulletin of Zoological Nomenclature 52 (2): 137–141. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de abril de 2011. Consultado o 18 de maio de 2013. Biodiversity Heritage Library
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para porco.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cocho.
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para marrán.
  5. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para chino.
  6. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para quino.
  7. Refraneiro popular: Para porcos, na Cañiza.
  8. http://www.educa.jcyl.es/educacyl/cm/gallery/recursos_jcyl/am/5_34pielycuero/html/la_piel.htm
  9. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 05 de febreiro de 2016. Consultado o 05 de febreiro de 2016.
  10. "Estudio experimental en el cerdo para la disección y sutura de prótesis aórtica por laparoscopia" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de maio de 2016. Consultado o 29 de abril de 2016.
  11. http://www.fundaciondelcorazon.com/informacion-para-pacientes/tratamientos/protesis-valvulares.html
  12. http://elpais.com/diario/2010/11/22/necrologicas/1290380403_850215.html
  13. https://www.nlm.nih.gov/medlineplus/spanish/druginfo/meds/a682826-es.html
  14. http://scielo.sld.cu/scielo.php?script=sci_arttext&pid=S1025-02552009000500011
  15. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para bácoro.
  16. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para bacoriño.
  17. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para leitón.
  18. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para marrancho.
  19. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para rancho.
  20. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para reco.
  21. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para rello.
  22. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para relo.
  23. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para rengo.
  24. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para zacote.
  25. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para marrote.
  26. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para verrón.
  27. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cacheiro.
  28. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cachaceiro.
  29. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cachazo.
  30. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para castal.
  31. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para castizal.
  32. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para castizo.
  33. www.canadapork.com (ed.). "Canadian pork exports". Consultado o 6 de febreiro de 2016.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Outros artigos

2008

2008 foi un ano bisesto comezado en martes no calendario gregoriano.

Foi designado:

O Ano da rata, segundo o horóscopo chinés. O ano da rata chinés comezará o 7 de febreiro, ate esa data seguiremos no ano do porco.

Ano Internacional das Linguas.

Ano Internacional da Pataca, segundo a FAO.

Ano Internacional do Planeta Terra, pola ONU.

Ano Europeo do Dialogo Intercultural.

Ano Internacional do Saneamento.

Abril na cultura popular galega

O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de abril na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc. Tamén incluímos as mencións á Coresma, á Semana Santa e á Pascua de Resurrección por coincidir, habitualmente, neste mes.

Eladio Rodríguez recolle o costume de encender na lareira, en cada casa, o Lume novo, que se prende co tizón ou as ascuas do lume que o abade bendice no adro da igrexa no transcurso dunha cerimonia que se celebra o Sábado Santo. Este lume que se prende na igrexa facíase co pedernal e utilizábase para encender, inmediatamente, as brasas do incensario e as lámpadas do templo .

Agosto na cultura popular galega

O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de agosto na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.

Agosto tamén designa o tempo da recolleita dos cereais, e a colleita mesma (Real Academia Galega 2013, s. v. agosto).

Denominacións populares do mes de agosto son mes da Nosa Señora e mes da sega (alcume este que comparte con xullo ).

Calendario chinés

O calendario chinés (chinés tradicional:農曆; chinés simplificado: 农历; pinyin: nónglì) é un calendario lunisolar, a diferenza do calendario gregoriano occidental que emprega calendario solar.

O calendario chinés divídese en seis meses de 29 días e seis meses de 30 días, o que resulta en anos de 354 días. De aí que o calendario chinés non coincida co calendario occidental que, en xeral, ten 365 días. Cada mes lunar iníciase na lúa nova e o Aninovo Chinés está determinado pola segunda lúa nova despois do solsticio do 21 de decembro (ou solsticio de inverno), que ocorre entre finais de xaneiro e mediados de febreiro segundo o calendario gregoriano.

Para axustar o ciclo lunar de 354 días ó ciclo solar de 365 débese intercalar un mes cada dous ou tres anos, á diferenza do calendario gregoriano solar que engade un día cada catro anos.

Chourizo

O chourizo é un embutido típico da Península Ibérica e Latinoamérica, unha especie de salchicha curada (ben ó aire, ben afumada) e que está elaborada basicamente de carne do porco picada e adobada con especias.

Comarca do Ribeiro

A comarca do Ribeiro é unha comarca galega situada na provincia de Ourense no curso medio do río Miño, que a percorre de nordeste a suroeste. A súa capital é Ribadavia, e a ela pertencen os concellos da Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón e Ribadavia. Dálle nome ao viño do Ribeiro.

Ocupa unha superficie de 407,1 km², nos que viven 16.547 habitantes (2017). Por ela transcorren tamén os ríos Arnoia e Avia. O Miño está represado nos encoros de Castrelo de Miño e da Frieira. Existen varios balnearios que aproveitan as augas. Desde a Serra do Suído e Faro de Avión, ao oeste, onde se chega ao 1.000 m de altitude, o relevo descende até só 97 m en Ribadavia e Arnoia.

Decembro na cultura popular galega

O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de decembro na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.

Ademais da máis coñecida denominación popular de Nadal ou mes de Nadal, por razóns obvias, decembro tamén recibe o nome de mes de Santa Baia, en Dumbría (Constantino García González).

Embutido

O embutido é un tipo de alimento que consiste basicamente na conserva de carne dentro dunha tripa animal ou dunha funda de plástico sintética.

Estes son algúns tipos de embutidos:

Androlla

Botelo

Botifarra

Chistorra

Chourizo

Fuet

Haggis

Lombo de porco

Longaínza

Morcilla

Mortadela

Salame

Salchicha

Salchicha vienesa

Salchichón

Salchicha de Zaratán

Salchicha huachana

Intestino

O intestino é unha víscera do aparello dixestivo, de forma tubular, que se estende desde o estómago ata o ano. Alóxase na cavidade abdominal e cumpre unha función de secreción (propia e maila procedente de glándulas anexas como o páncreas ou o fígado) e de absorción dos nutrientes contidos nos alimentos inxeridos.

Presenta formas e estruturas diferentes segundo a especie animal, pero en xeral adopta a forma dun longo tubo con numerosas curvaturas ou asas intestinais. Nos vertebrados superiores (réptiles, aves e mamíferos) divídese en dúas estruturas morfolóxica e funcionalmente diferenciadas que, á súa vez, subdivídense en segmentos ou tramos con funcións específicas:

Intestino delgado: desde o estómago ata a válvula ileocecal.

Duodeno

Xexuno

Íleo

Intestino groso:

cego, no que se atopa o apéndice vermiforme ou apéndice cecal

Colon, con tres porcións: ascendente, tranverso e descendente, máis un colon sigmoide

Recto (ou intestino cular)

Mata do porco

A mata do porco, tamén denominada matanza, é o conxunto de operacións que se realizan para o sacrificio do porco, o faenado da canal e a posterior elaboración dos embutidos e outras pezas para conserva-la carne obtida. Non se aplica ó sacrificio industrial nin á actividade da industria cárnica, senón só á mata realizada no domicilio do propietario e exclusivamente para o consumo familiar.

Representa —sobre todo noutras épocas— a principal fonte de abastecemento de carne da familia rural para todo o ano, ademais de constituír, xunto co Entroido, unha das formas máis representativas da cultura popular galega. Asemade, foi durante séculos un dos momentos de nucleación social de maior tradición.

As palabras matanza e mata designan tamén a época do ano na que se fai esta faena así como o día ou días nos que se fai. Tamén, a cantidade de porcos que mata cada casa e mailo conxunto de carnes e produtos obtidos para comer.

Ademais de Galicia, os países onde esta tradición ten máis sona son Croacia e Serbia, onde se coñece cos nomes de kolinje, prašćina, svinjokolj, svinjokolja ou svinjokolje, Hungría (disznóvágás), a República Checa (zabijačka), Eslovaquia (zabíjačka), Italia (maialata), Eslovenia (koline), España (matanza) e Portugal (matança), xunto con Grecia, Romanía e mais Moldavia.

Miño

Miño é un concello da provincia da Coruña, pertence á comarca de Betanzos. Segundo o IGE a súa poboación no 2018 era de 6.056 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «miñense».

Novembro na cultura popular galega

O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de novembro na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.

Hai varias denominacións populares do mes de novembro. Moi común é a de San Martiño (ou mes de San Martiño). Por celebrarse neste mes o día de defuntos, recibe os nomes de mes dos mortos ou, simplemente, mes morto; tamén mes das ánimas. E, por caer neste mes o día de Santo André, tamén recibe o nome de mes de San Andrés ou, simplemente, San Andrés .

Tan identificado está novembro coas castañas que no Incio e en Quiroga chaman Castañal ó propio mes .

O día 1, día de Tódolos Santos, tamén serve para darlle nome: Santos ou mes de Santos.

O porco na cultura popular galega

A seguir recóllese a pegada que deixou o porco na cultura popular galega, na fraseoloxía e na literatura de transmisión oral. Inclúense tamén as referencias á mata do porco, á súa carne e ós produtos que del se obteñen.

Outubro na cultura popular galega

O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de outubro, ou outono, na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.

Outros nomes populares do mes de outubro son os de San Lucas e o de mes do rosario .

Refraneiro galego sobre o porco

A bo porco, boa landra .

A cada porco chégalle o seu San Martiño .

A cada porco lle chega o seu San Martiño .

A quen porcos lle faltan, touzas lle roncan .

A todo porco chégalle o seu San Martiño.

A todo porquiño lle chega o seu san Martiño.

A tódolos porcos lles chega o seu San Martiño.

Abre o porco, verás o teu corpo.

Abril mata o porco no cobil e maio mátao dun ano .

¡Alegría alegrote, que o rabo do porco está no pote!

Anaco de touciño pide trago de viño .

Ano acabado e porco cebado, son contento e regalo .

Ano de landras, ano de graxas .

Antes de pan viño, antes de viño touciño, e antes touciño que liño.

Antes o pan que o viño e antes o touciño que o viño .

Antes pan que viño, antes viño que touciño, e antes touciño que liño .

Ao lacón e ao touciño, grolos de viño .

As verzas quéroas untadas; as patacas, fariñentas e pra compango do porco, quero costelas salpresas .

Auga de maio, mata o porco dun ano.

Auga en maio mata o porco dun ano .

Ave por ave, o porco, se voase .

Bacoriño no celeiro non quer compañeiro .

Ben boa vida pasa o porco, e máis dorme no cortello .

Bicos de porco non chegan ó ceo.

Cabrito de mes, porco de tres, muller de dezaoito e home de vinte e tres.

Cada porco ten o seu san Martiño .

Caldo sin grasa, pan sin tasa .

Ceba o porco dende agosto se queres que estea gordo .

Ceba o teu porco dende agosto se queres que teña bo lombo.

Ceba o teu porco dende o mes de agosto, se queres que teña bo lombo .

Ceba o teu porco polo agosto se queres ter bo porco .

Coa axuda dos veciños, sóbense os gatos os touciños .

Coas xarapadas de abril, mexa o porco no cubil .

Comer osos da soá, barba untada e barriga vá

Comerás do porco e mudarás de acordo .

Comerciante e porco, despois de morto .

Dálle ó porco do caldeiro, e non do Ribeiro .

Das carnes o carneiro, dos peixes o mero, das aves a perdiz e mellor a "codorniz" e se o porco voara a todos lle ganara.

Dazasete de xaneiro, Santo Antón lacoeiro.

De Lestrobe, nin bo porco nin bo home

De pais porcos, fillos marranos .

De rabo de porco nunca bo virote .

Despois de Santa María, non tóque-lo porco da ría .

Día de santo Tomé, colle o porco polo pé .

Día de santo Tomé ó porco polo pé .

Díxolle o touciño ó viño: ben veñas, amigo .

Do mar, o salmón, e da terra, o lacón .

En abril, a sardiña val pernil .

En abril inda está o porco no cubil .

En abril, mata o porco no cubíl, e en maio, mátao dun ano .

En abril ronca o porco no cubil.

En agosto, o porco pon o entrecosto .

En maio o porco vai ó tallo.

En maio, nin xantar á mesa sin viño nin pote ó lume sin touciño.

En martes, nin porco mates, nin churra botes que pitos saque .

En martes nin te cases nin te embarques nin o teu porquiño mates .

En martes non te cases nin te embarques, nin o teu cocho mates, nin o teu pan cozas, nin a túa tea urdas, nin a túa filla cases, nin dos da túa casa te apartes.

En martes non te cases, nin te embarques, ni o teu porquiño mates .

En xaneiro media arca e medio palleiro e o porco enteiro.

Entrecostos e soás, son honra das mesas e ósos pros cás .

Febreiro curto, cos teus días vinteoito, se duraras máis catro, non quedaba can nin gato. Pois deixa, que agora vén meu irmau abril que che ha de matar o porco dun ano no cubil .

Fillo de porco, marrau de seguro.

Home sen fortuna: parto de porca en maio e da muller na seitura.

Hoxe, cabaleiro, e onte porqueiro .

Marzo marzán, pola mañán cara de porco e pola tarde cara de can.

Marzo marzoso, pola mañán cara de porco, polo serán cara de vran .

Muller gobernadeira, domingo de Antroido lava a salgadeira.

Nadal sen porco non veñan moitos.

Namentras capo non asubío .

No abril, mata o porco no cubil, e no maio mátao dun ano .

No mes de Santos sacha a horta e capa o rancho.

No mes dos mortos mata os teus porcos.

No mes dos Santos e Defuntos mata os teus porcos e vai facendo bo caldo cos untos.

No mes morto nin sáche-lo horto nin cápe-lo porco.

No Nadal, alegrote, alegrote, que hai viño na cuba e chourizos no pote.

No san Martiño, porco e viño.

No san Xoán deixa o touciño e come pan.

No santo Tomé, agarra o porco polo pé.

Non dá morcilla o que non mata porco.

Non hai cocho bon nin ruín que non lle chegue o seu sanmartín.

Non quero bácoro que ande con chocallo .

Non se fixo o mel pró fuciño do porco .

Non ten entrecosto o que non mata porco .

Ó ano torto, horto; ó torto torto, cabra e horto; e ó torto retorto, cabra, horto e porco .

O boi e o leitón, en xaneiro crían riñón.

O caldo, engrolado, pros porcos é un bo bocado .

O can afeito ó touciño, anque lle pele o fuciño .

Ó chegar o San Martiño, mátase o porco e próbase o viño .

O cocho, no agosto pon o entrecosto .

O día de San Lucas mata o teu porco e barra as túas cubas .

O frío de abril mata o porco no cubil.

O frío de abril mata o porco no seu cubil .

O home e o porco non se conocen ata despois de morto.

Ó lacón e ó touciño, tragos de viño .

O máis ruín porco topa unha boa landra .

Ó matar o porco, praceres e xogos; ó comer as morcillas trouladas e risas; e ó pagar o porco, pesares e choros .

Ó matar os porcos, praceres e xogos; ó comer as morcillas, praceres e risas; e ó pagar os diñeiros, doos choriqueiros.

O neno i o bacoriño, van a onde lle dan un bocadiño .

O pato e o leitón, canto máis axiña vai á cazola, millor

Ó porco dalle de comer se o has de manter .

O porco de maio coa súa nai vai ó tallo.

O porco débelo manter se ti o has de comer .

O porco do mes de maio vai ó tallo.

O porco en agosto pon o entrecosto.

O porco i o sogro quixéraos mortos .

Ó porco i o xenro ábrelle a porta, que xa él virá cedo .

Ó porco manteno, e non lle contes o tempo .

O porco no agosto pon o entrecosto .

O porco que é pró lobo non hai san Antón que o garde .

O porco sarnento revolve o cortello .

O que non mata porco, non da morcilla nin entrecosto .

O que nunca tivo nada, e chega ter un cochiño, anda sempre pola rúa, currí, currí, currichiño.

O que nunca tivo nada, e agora ten un porquiño, anda todo o día, currichí, currichiño.

O que porco nace porco morre.

Ó que porcos lle faltan, touzas lle roncan.

O que queira ter bo entrecosto que cebe no agosto .

O que queira un bo entrecosto que o meta no mes de agosto.

O rico que queira empobrecer, que cebe porcos pra vender.

O sogro e o porco soio son bos despois de mortos.

O touciño fai o caldo .

Ó touciño, mételle tragos de viño .

Onde coidas que hai touciños, hai estacas .

Onde hai touciños non hai corres .

Onde pensas que hai touciños, non hai tornos pra colgalos .

Os aires de abril fan meter o porco no cubil.

Os porcos e os grelos, peores se marelos.

Ós porcos non se lle dá, préstaselle.

Ósos de soán, barba untada e barriga en van.

Pola santa Lucía xa o caldo alumía.

Polo abril ronca o porco no cubil .

Polo san Andrés agarra o porco polos pés, e se non o queres matar, déixao para Navidá.

Polo san Andrés hai porcos gordos para vender.

Polo san Andrés mata o teu porco coma o tes.

Polo san Andrés mata o teu porco como é.

Polo san Lucas, mata o teu porco e barra as túas cubas .

Polo san Lucas solta os bois, mata os porcos e tapa as cubas .

Polo san Martiño, mata o teu porquiño.

Polo San Martiño mata o teu porquiño e bebe o teu viño .

Polo san Martiño, mete o porco no cortelliño.

Polo San Miguel sabe o touciño a mel .

Polo San Simón proba o viño, i o porco polo San Martiño .

Polo san Tomé colle o porco polo pé .

Polo san Tomé dálle ó porco polo pé.

Polo santo Tomé, dálle polo pé e se non é groso, nunca é.

Por san Andrés, agarra o porco polos pés; e se non o queres matar, déixao pra Navidá .

Por san Andrés, quen non ten porco, mata a muller.

Por San Andrés, toma o porco polo pé

Por san Lucas, alza o boi da suca, mata o porco e tapa a cuba.

Por san Martiño mata o teu porquiño e proba o teu viño.

Por san Pedro, o cocho no medio.

Por san Simón e por san Xudas, mata ó teu porco e atesta as túas cubas.

Por san Simón e san Xudas, mata o teu porco e atesta as túas cubas.

Por Santos, sacha a horta e capa o rancho .

Porca de xaneiro vai ca súa mai ó fumeiro.

Porca no maio vale máis nos comenzos que no cabo .

Porco agostado é medio cebado.

Porco de febreiro vai co seu pai ó fumeiro .

Porco de xaneiro vai ca súa mai ó fumeiro.

Porco fiado ronca todo o ano .

Porco fiado, inverno e verau malo .

Porco limpo nunca engorda .

Porco que está sen cebar non se debe matar .

Porco que se está cebando, non hai San Antón que poida gardalo .

Porcos e xenros, Dios os acerte.

Pra matar o porco tanto ten o día de santa Lucía como pró outro día.

Pra o porco e a galiña, que pase a Santa Mariña.

Pro ruín porco sempre hai unha boa castaña .

Quen porco nace, porco morre.

Quen soilo ten un porco faino gordo .

San Antón a san Roque meteulle preito porque ó seu porquiño traboullo o cadelo.

San Antonio co seu porco ía por un camiño, i o porco ía decindo: non me comas o touciño.

San Simón proba o viño e o porco san Martiño.

San Xoán come pan e san Andresiño touciño.

San Xoán garda a chave do pan, san Martiño a do viño e san Andrés a do porquiño.

Santa Lucía anda co porco á porfía.

Santiago manda o pan, san Migueliño manda o viño, san Francisco manda a landre e san Andrés o touciño.

Santo Tomé, agarra o cocho polo pé.

Se no Samartiño non matas cocho ou año, coa fame levarate o diaño.

Se non matas porco, non terás entrecosto .

Se o deixaran, vendía o porco de san Antón .

Se o porco voara non houbera ave que coel se igualara.

Se queres colle-lo entrecosto, empeza a cebar en agosto.

Se queres graxiña, cébao na santa Mariña.

Se queres ter bo lombo, ceba o porco desde agosto.

Se queres ter un bo porco, cébao no mes de agosto.

Sempre ó porco máis ruín halle tocar unha castaña boa.

Sempre un porco ruín atopou unha belota boa .

Sempre un porco ruín ha topar cunha boa castaña.

Si comes porco en febreiro, frío polo invernadeiro.

Sol de xaneiro, porco ó bulleiro .

Tallada de touciño quer gulapo de viño .

Tanto dá touciño como soá .

Teña eu porcos anque non teña ollos .

Ti dona i eu dona, ¿quén botará o porco fóra? .

Tres anos hai que me casei, e que porco non matei: este ano, i o pasado i o ano que me casei .

Un porco é unha botica .

Unto de porco e mel das abellas fervidos en viño e ... ¡fóra catarreira!

Veñen os porcos do monte botarnos da nosa corte .

Viño acedo, touciño vello e pan centeo, sosteñen a casa en peso .

Touciño

O touciño ( pronunciación ) ou lardo é a graxa que ten o porco debaixo da pel, particularmente a do abdome e a do lombo. O sinónimo lardo úsase especialmente para referirse ao touciño do xamón.

É un produto cárnico que comprende a epiderme e as capas de tecido adiposo que se encontran baixo dela, na derme. Fundido, obtense a manteiga de porco.

Ás veces está entrefebrado, é dicir, que ten febras de carne ou magro. Daquela adoita chamarse touciño entrefebrado, bacon, ou beicon..

É un alimento de gran valor enerxético, unhas 9 kcal/g (37,7 kJ/g).

Vitamina B1

A vitamina B1, tamén coñecida como tiamina , é unha substancia que actúa como coenzima no metabolismo dos hidratos de carbono, permitindo metabolizar o ácido pirúvico. Ademais participa na síntese de substancias que regulan o sistema nervioso. A súa forma activa é o pirofosfato de tiamina (TPP).

A súa absorción no intestino realízase facilmente, polo que a súa falta na dieta causa problemas metabólicos, en particular a nivel do metabolismo dos carbohidratos, poucos días despois.

A carencia de vitamina B1 produce unha enfermidade con sintomatoloxía nerviosa denominada beriberi.

A vitamina B1 ou tiamina atópase na carne de vacún ou de porco, noces, garavanzos, millo, ovos, figos secos, fígado, avea, chícharos, cacahuetes, pataca, arroz integral, fabas de soia, trigo e fariña branca enriquecida.

Xabaril

O xabaril (do árabe djabalí)) ou porco bravo (Sus scrofa, L. 1758) é un mamífero artiodáctilo e suídeo de medio porte e corpo robusto. É considerado o antepasado a partir do cal evoluíu o actual porco doméstico (Sus domesticus ou Sus scrofa domesticus). A forma xabarín está considerada polo DRAG como menos recomendable. Pola súa semellanza co porco, antigamente recibiu tamén denominacións derivadas deste: cocho bravo, porco montés e porco fero.

Ten unha ampla distribución xeográfica, desde a área mediterránea de Europa ata Asia e Indonesia. En Galicia tamén está amplamente distribuído.

Das diferentes subespecies que existen do Sus scrofa, na Península Ibérica danse dúas:

Albar ou Sus scofra castilianus: de distribución máis norteña, tamaño maior e pelaxe máis clara e tupida, formada por sedas e borra.

Arocho ou Sus scofra baeticus: propia do sur da península, menor có anterior, de cor máis moura e menos pelo, formado só por sedas.

Xamón

O xamón é o nome xenérico do produto obtido das patas traseiras do porco, salgado en cru e curado de forma natural. As dúas variedades principais son o xamón español (xamón ibérico de landra, xamón de Trevélez, xamón serrano etc.) e o prosciutto italiano (de Parma, de San Daniele, de Carpegna, de Modena, toscano, veneto Berico-Euganeo, Val d'Aosta Jambon de Bosses, de Norcia, prosciutto cotto etc.). As primeiras noticias do xamón son do Imperio Romano.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.